Sábado, 12 Xullo de 2025

A Deputación recibe ás campioas de fútbol sala da provincia

As futbolistas Silvia Aguete, Ale de Paz e Luci Gómez, as dúas primeiras do Marín Futsal e a segunda do Poio Pescamar, foron recibidas no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra polo deputado de Deportes, Gorka Gómez, para celebrar o seu recente título europeo co equipo español feminino no Campionato de Europa de Fútbol Sala. A selección proclamouse campioa por terceiro ano consecutivo no mes de marzo tras derrotar a Ucraína na final celebrada en Hungría. Precisamente, das tres vitorias formaron parte Silvia Aguete e Luci Gómez, mentres que Ale de Paz leva dous europeos seguidos participando.

Gorka Gómez felicitou ás tres deportistas polo seu éxito, ao tempo que lembrou que o seu é un “fito histórico para o deporte da provincia e para elas mesmas, e este terceiro título consecutivo fala moi ben do traballo da Selección española, mais tamén das xogadoras e dos clubs da provincia”. Ademais, loou o seu traballo, “que non é fácil e que é colectivo, das xogadoras e de todo o equipo que está detrás, como o seu adestrador Adrián Paz, e o corpo técnico”, e lembrou que “detrás dos éxitos hai moitísimo sacrificio persoal e familiar, ademais de que moitas teñen que compaxinar  o seu traballo co deporte”.

O deputado tamén quixo aproveitar a ocasión para desexarlles sorte nos seus equipos para a recta final da temporada regular da Primeira División Feminina de fútbol sala, na que o Poio Pescamar ocupa o cuarto posto da clasificación e o Marín Futsal o oitavo. “Demostran que Pontevedra e as Rías Baixas son sinónimos de calidade e de cantidade de éxitos”, confirmou, ao tempo que lembrou que “nos últimos tempos, os éxitos do deporte da provincia e do español en xeral veñen principalmente do deporte feminino, só hai que ver os datos e cifras dos últimos anos. Incluso nos Xogos Olímpicos acadan máis recoñecementos, medallas e triunfos”.

A xogadora Luci Gómez, do Poio Pescamar, non dubidou en mostrar o seu orgullo polo que conseguiron en Hungría. “Hai moito sacrificio detrás, estamos a facer historia, e, sobre todo, encántame compartilo con estas compañeiras tan incribles, ao igual que o corpo técnico, pois todos os momentos que pasamos coa Selección son un luxo”. Pola súa banda, Ale de Paz, do Marín Futsal, subliñou a importancia de que o deporte feminino reciba visibilidade e asegurou que van “seguir traballando para que sexan moitos máis títulos os que poidamos traer”. En liñas semellantes expresouse a porteira do Marín Futsal, Silvia Aguete, que recalcou que a visibilidade é vital para “mellorar o noso deporte, porque nós estamos facendo todo o que nos corresponde, e á vista está, porque a nivel internacional coa selección española seguimos dando o callo. E seguiremos facéndoo”.

Baiona inaugura o Parque Infantil Os Tendais

0

O Concello de Baiona vén de acometer a reforma integral do céntrico Parque Infantil Os Tendais coa substitución dos xogos existentes, a renovación do pavimento de caucho e a mellora da accesibilidade deste espazo ao abeiro do Plan Concellos da Deputación. O deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, e o alcalde Carlos Gómez inauguraron hoxe os traballos realizados na área infantil, que contaron cunha achega provincial de ao redor de 50.000 euros, e que permitiron, como subliñaron, modernizar e adecuar esta contorna ás necesidades de seguridade para as crianzas.

O deputado Santos Héctor remarcou a importancia da actuación realizada, que dá resposta á demanda da veciñanza. “Supón un antes e un despois para as crianzas da contorna –destacou o deputado-, pero tamén para as de todo o concello cunha magnífica obra”. Destacou que a reforma supón a renovación completa do parque, “que certamente tiña un chan e uns elementos deteriorados e que necesitaba un cambio”. “Temos que felicitar ao alcalde e ao Goberno local por esta actuación –apuntou-, coa que agora as nenas e os nenos poden xogar e pasar momentos de ocio nunha zona máis divertida e, o máis importante, máis segura para elas e eles”.

Pola súa banda, o alcalde Carlos Gómez, lembrou que as obras acometidas solucionan as “grandes necesidades” do parque, “polo que espero que nenos, nenas, pais e nais poidan agora desfrutar deste espazo no centro da vila”. Agradeceu o apoio da Deputación para abordar esta e outras actuacións, tanto a través do Plan Concellos como do ReacPon que, segundo explicou, teñen suposto nos últimos catro anos un investimento de tres millóns en Baiona. “Ogallá máis administracións –afirmou- colleran o seu exemplo para investir en Baiona, o cal axuda a transformar e mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas. Espero que sigamos traballando desa mesma maneira, porque é así como poderemos acadar todos os nosos obxectivos”. 

Amais da renovación dos xogos e a substitución do pavimento de caucho continuo existente, que se atopaba en mal estado, por outro, a reforma acometida tamén inclúe o movemento do valado da entrada para mellorar a accesibilidade ao espazo, o pintado do peche perimetral do parque en diferentes cores e a súa protección insecticida e funxicida. No que atinxe aos xogos, no recinto instalouse unha estrutura en forma de castelo dotada de tobogáns, tubos e unha parede de escalada con cordas, amais de bambáns.

A Xunta mellora o Centro Cultural de Mabia, en Oia

0

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de colaborar coa mellora integral do Centro Cultural de Mabia, no Concello de Oia, cunha achega de preto de 40.000 euros concedida ao abeiro da orde de axudas para infraestruturas municipais de uso público.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou, acompañado da alcaldesa, Cristina Correa, o remate das obras de modernización deste recinto de 175 m2 do barrio de Loureza, nas que se investiron 64.000 euros. “Mabia atópase a bastante distancia do centro municipal, polo que cremos que a proposta do Concello de deixar o seu centro cultural nas mellores condicións é moi atinada e tiña que contar coa colaboración da Xunta, posto que deste xeito incrementarase o seu uso e facilitarase a actividade social, veciñal e cultural nesta contorna”, explicou o representante autonómico.

A actuación contemplou diversas obras no interior do edificio, que consistiron na substitución da pavimentación para dotalo de illamento térmico e favorecer a eficiencia enerxética, a renovación das carpintarías exteriores por unhas con dobre acristalamento e rotura de ponte térmica, a instalación dun falso teito acústico, a habilitación dun aseo accesible, o pintado con materiais antimofo e a mellora na instalación eléctrica.

Por outra banda, no exterior do centro cultural procedeuse á renovación da pavimentación do porche para garantir unha accesibilidade universal, o acondicionamento do teito do porche, a reparación da impermeabilización do aleiro da cuberta e a instalación de sistemas de evacuación de augas pluviais con canalóns e baixantes, a dotación de pintura impermeabilizante na fachada e a instalación dunha varanda na escaleira exterior.

Deste xeito, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes segue a investir no Concello de Oia, ao que transferiu 455.000 euros nos últimos anos a través das distintas ordes de axudas para accións de mellora do abastecemento de auga e da xestión do lixo, o acondicionamento de pistas e camiños municipais e a modernización de edificios e instalacións municipais, entre outras. Ademais, o delegado territorial confirmoulle á rexedora que a dotación anual para o Concello a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) será de 186.000 euros.

A Cañiza dispón xa do documento inicial para modificar o PXOM

0

Para mellorar a comunicación co polígono industrial e reducir a presenza de vehículos pesados polas principais vías do casco urbano, a alcaldía de Luís Piña propuxo a creación  dun novo vial que servirá de circunvalación e facilitará a conexión do polígono coa Autovía A-52,  e da EP 5005 A Cañiza- Crecente coa PO406 A Cañiza – Filgueira. Para poder realizar este vial é necesario modificar o Plan Xeral de Planeamento Municipal (PXOM) aprobado o 27/06/2003.

Esta modificación do PXOM, realízase mediante un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) o cal xa se arrancou coa redacción inicial. Contando xa con este documento inicial, se tramitará seguindo os pasos que recolle a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia.

O Plan Especial de Infraestructuras e Dotacións valora o orzamento en 894.440,00 euros, o que revela a necesidade de conseguir a colaboración da Xunta de Galicia.

Unha vez esté rematado o trámite deste PEID daráselle traslado á Consellería de Infraestruturas para que o estuden, solicitándolles a colaboración para a execución deste vial, como xa lle trasladou o Alcalde Luís Piña á Conselleira Ethel Vázquez na reunión que mantiveran o 20-05-2021.

O documento inicial do PEID implica a actuación  nunha superficie de 7.580 m2, que inclúe vial, beirarrúas e carril bici. O documento estima o orzamento total en 894.440 €.

Na tramitación deste documento tívose en conta a ubicación do skatepark  e pumptrack que está en execución nestes momentos, ambas construcións serán perfectamente compatibles e complementarias.

Este proxecto realizouse cunha visión xeral e de futuro  para o municipio.

Gran fin de semana na primeira etapa da liga Galega de Surf Junior e Kids

0

O sábado amenceu con algo de choiva e unha ondada en torno ao metro pasado, ondas rápidas e pouco vento, pero pola tarde subiu o vento o que fixo da praia de Patos o escenario ideal para que as categorías Junior (SUB 21/18/16) desen o mellor de si. O domingo houbo ondas de medio metro ideais para as categorías Kids (SUB 14/12/10). O bo tempo e o sol de primavera fixeron que amigos, familiares e curiosos achegásense ata a praia de Patos para gozar desta segunda fin de semana de competición.

Ademais, o sábado participantes e asistentes puideron gozar dunha festa de celebración no Monopatín (Rúa Tomás Mirambell, 101, 36340 Nigrán) na que ademais houbo concerto en directo da banda Killer Spirit.

A 1ª etapa da Liga Galega de Surf Juniors e Kids está organizada pola Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán. Ademais, a proba conta co apoio dos patrocinadores Alumisel, Agua Sana, Solo Imprenta e Clínica Dental Fontán & DeBrito, e coa colaboración especial de Mission Surf Shope, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Deporte Galego.

Mos remata as obras de seguridade viaria en Torroso e Tameiga

0

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que o Concello de Mos xa finalizou a acometida das obras de “Mellora da seguridade vial no Camiño do Cocho-parroquia de Tameiga e Camiño do Monte-parroquia de Torroso”.

Trátase dunha mellora íntegramente financiada con fondos propios municipais cuxo orzamento ascende a preto de 40.000 euros. 33.917,26 euros, para ser exactos.

O Concello de Mos ten como obxectivo que o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso, o que supón un garante na seguridade viaria. Para o que desenvolve un Plan Anual Municipal de Asfaltados.

Dentro deste Plan Local de Mellora da Seguridade Viaria para o ano 2023 contémplase seguir a manter e optimizar o viario municipal, que se emprega como enlace para acceder ás infraestruturas viarias, xa sexa do Estado, autonómicas ou provinciais.

Grazas á pavimentación nos Camiños do Monte e do Cocho, mellorouse sensiblemente o firme e con el a seguridade viaria de condutores e peóns.

En total optimizáronse preto de 600 metros de viais municipais entre os dous camiños. Exactamente 583,50 metros: 311,50 metros do Camiño do Monte e 272 metros do Camiño do Cocho.

A realización da mellora da pavimentación dos camiños municipais supuxo a mellora da seguridade viaria nos mesmos. Incluiu actuacións previas como desbroce lateral, e limpeza de cunetas. A rehabilitación de firmes e pavimentos fíxose acorde coa Instrucción de Estradas do Ministerio de Fomento mediante a regularización da capa de rodadura coa aplicación de 1 cm de asfalto, recrecido, consistente na extensión dunha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente, tipo formigón bituminoso de 5 cm de espesor, estendida e compactada. Previa a extensión de dita capa, realizouse unha limpeza e barrido da superficie, para a posterior aplicación do rego de adherencia con emulsión asfáltica.

Como obras adicionais necesarias e imprescindibles para que a obra quedara perfectamente rematada, e garantir totalmente a seguridade viaria, acometeuse o recrecido das tapas das arquetas e dos pozos e o arranxo das beiravías.

María do Ceo estrea a Praza de Ponteareas

0

O Concello de Redondela organizou o primeiro evento musical na recentemente estreada Praza de Ponteareas. O pasado domingo día 2, ás 18:00 horas da tarde, 1500 veciños acudiron ao concerto de María do Ceo para gozar do espectáculo neste renovado e amplo espazo.

A Praza de Ponteareas pretende ser “un lugar de xuntanza e movemento para a veciñanza de Redondela. A intención é continuar desenvolvendo os eventos tradicionais e as festas máis coñecidas, como a Festa do Choco ou o Festival Internacional de Títeres, nesta localización para aproveitar o espazo diáfano e que a xente poida, comodamente e de balde, participar da vida social da vila”, explica a alcaldesa de Redondela Digna Rivas.

A artista portuguesa afincada en Galicia é un dos nomes máis coñecidos dentro da música tradicional e concretamente do fado. “Creemos que esta foi a mellor forma de estrear a Praza de Ponteareas, cun concerto de calidade para tódalas idades e que atraeu a moitísima xente e creou o ambiente cultural que esperábamos ”, engade Rivas.

A transformación da Praza de Ponteareas foi unha obra de gran importancia que contou con  case un millón de euros dos fondos europeos EDUSI. Este proxecto cambiou por completo a imaxe da entrada á Redondela, cada vez máis concorrida gracias ao aumento do turismo e a peregrinaxe.

O proxecto completarase co aparcamento disuasorio que se atopa nestes momentos en execución. Esta fora unha petición da veciñanza da contorna, como solución non só para as e os residentes senón tamén para as persoas que, chegando das parroquias, puideran deixar os seus vehículos nun lugar céntrico. Isto solucionará tamén os problemas para aparcar durante datas sinaladas, como as festas do municipio ou os días de feria.

Ponteareas remata a mellora da eficiencia enerxética do centro municipal de Canedo

O Concello de Ponteareas avanza na mellora dos edificios municipais para facelos máis sostíbeis e eficientes enerxeticamente. O Goberno municipal vén de rematar as obras de mellora do edificio que acolle o centro de recursos para as persoas con discapacidade e a Asociación Veciñal de Canedo, uns traballos cos que se renovou a envolvente térmica do edificio e se dotou ao inmoble de climatización para potenciar o confort das instalacións ao tempo que se axuda a reducir as emisións de CO2 de todo o centro.

A alcaldesa, Cristina Fernández, destaca que “as melloras realizadas nestas dependencias van beneficiar directamente aos usuarios e usuarias das instalacións, tanto á veciñanza que participa nos obradoiros ocupacionais como as persoas que participan na actividade social e cultural do propio barrio, xa que agora contan cun centro moderno e confortábel que abrirá en breve de novo as súas portas”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, destacas que as melloras implementadas no centro “implican un aforro no consumo do edificio do 56%”. Todo grazas, entre outros aspectos, aos traballos realizados de illamento das fachadas e da cuberta exterior e dos falsos teitos, a substitución das carpintarías exteriores, a renovación integral dun dos locais da planta baixa e o acondicionamento da soleira de todos os módulos da planta superior.

Para realizar estes traballos de mellora de eficiencia enerxética, o Concello conseguiu fondos europeos e provinciais para acometer esta actuación. As obras supuxeron un investimento de case 328.000 euros financiados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica, e a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

A praza Avelino Vicente lucirá máis fermosa co seu novo mural

0

O Concello da Guarda deu inicio este ano a outra iniciativa para seguir mellorando a imaxe da vila. En colaboración co artista local Antonio Martinez “Cachi” estase levando a cabo a creación dun mural na Praza de Avelino Vicente, unha das zonas da vila máis concorridas por veciñanza e visitantes a día de hoxe.

A pesares de que a obra aínda non está rematada, xa se pode apreciar nela a gran habilidade que ten este artista guardés para capturar a beleza e singularidade da nosa vila.

O Concello invita a desfrutar do proceso creativo e a apreciar como a esencia do nos pobo se vai reflexando nesta espectacular obra de arte, que esperamos se converta nun punto de referencia para a comunidade e nunha atracción turística máis.

Avatel inaugura en Salceda de Caselas

Avatel Telecom, quinto operador nacional e líder no segmento rural, xa dota de internet de alta velocidade a máis de 1.700 fogares e empresas de Salceda de Caselas (Pontevedra) e inaugura o primeiro punto de venda no municipio.

A tenda, aberta desde o pasado mes de xaneiro, atópase situada na rúa Compostela, 12. Desta forma, a operadora, na súa aposta pola proximidade e a proximidade cos veciños dos lugares nos que opera, contribúe á reactivación económica de Salceda fomentando o emprego local coa contratación de técnicos e comerciais no punto de venda.

Ao acto de inauguración do punto de venda na localidade, acudiu o pasado venres 31 de marzo a alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón e o conselleiro de Novas Tecnoloxías, *Álex Rodríguez xunto coa responsable comercial de Avatel na zona, Laura González e o xerente do punto de venda, Vicente Troncoso.

“A conectividade e a mellora dos servizos de telecomunicacións é fundamental a todos os niveis, tanto no ámbito profesional que aumenta a competitividade como nos fogares. Ademais, para a administración supón unha maior axilidade nos procesos dos servizos públicos. A fibra de alta velocidade é unha moi boa noticia para Salceda”, destacou Verónica Tourón.

Pola súa banda, Laura González, responsable de Avatel na zona, agradeceu o apoio do Concello e destacou como Avatel chega para quedar e formar parte activa do tecido empresarial dos municipios. “A dixitalización da sociedade é imprescindible e para iso é necesario contar con conectividade de banda ancha”.

Futuro na rexión
Avatel, en liña co seu plan de expansión, xa se atopa presente en Galicia con 16
puntos de venda. Concretamente, na provincia de Pontevedra a operadora morada
atópase asentada en 9 localidades (Lalín, Silleda, Marín, Poio, Sanxenxo, O Porriño,
Mos, Ponteareas e Tui), ás que agora engade Salceda de Caselas. Desta
forma, leva fibra óptica a un total de ao redor de 47.000 fogares e empresas
pontevedresas.
A operadora foi adxudicataria do despregamento da internet de alta velocidade en Galicia
na II convocatoria do Programa Único Banda Ancha do Goberno de España,
financiado con fondos europeos. Grazas a esta subvención, Avatel ampliará a
conectividade a 22.316 fogares de Pontevedra e 45.635 de Ourense.
Sobre Avatel
A compañía de telecomunicacións Avatel é o quinto operador nacional, líder no
segmento rural e na actualidade atópase en proceso de expansión a nivel nacional.
Ofrece o chamado cuádruplo play, con servizos de fibra óptica; telefonía fixa, móbil e
contidos televisivos. Na actualidade conta con máis de 2.000 empregados e máis de 300 de puntos
de venda e atención ao cliente.

Tui conta dende abril con vixilancia nocturna por parte da Policía Local

0

Dende este sábado día 1 de abril o municipio de Tui conta con vixilancia nocturna por parte da Policía Local. Dous axentes estarán na quenda de noite, que se recupera grazas á incorporación de cinco policías locais hai un mes tras completar a súa formación durante un ano na Academia Galega de Seguridade Pública, AGASP.

Segundo explicaba o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, a incorporación destes axentes permite novamente establecer tres quenda ao longo do xornada, ao contar cos efectivos precisos. Deste xeito dous axentes prestarán o servizo de noite. Avanza José Ramón Magán, que están pendentes da incorporación de dous axentes máis para reforzar a plantilla da Policía Local, estando pendentes do novo proceso selectivo que realice a AGASP

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que “deste xeito se recupera un servizo moi demandado pola veciñanza” que contribuirá a aumentar a seguridade no municipio.

Covelo recibe o apoio de Turismo de Galicia para a restauración do serradoiro dos Carranos

0

A Axencia Turismo de Galicia da Xunta de Galicia concede ao Concello de Covelo o 100 % do orzamento das obras de acondicionamento exterior e mellora do serradoiro dos Carranos.

Deste xeito Turismo de Galicia achegará ao Concello 28.600 € para estas obras de urxencia que, dado o mal estado da madeira, centraranse nunha profunda limpeza en seco e desinfección das fachadas, tratamento das mesmas con dúas mans de produtos específicos, recolocación e reposición dunha das partes da cuberta e substitución e colocación dunha baranda de apoio para a subida á levada.

O alcalde, Pablo Castillo, manifesta que se trata dun apoio moi importante para a conservación dun dos espazos de máis atractivo do concello que contribúe na dinamización da economía ao atraer visitantes, non só dentro das rutas guiadas programadas polo Concello, tamén persoas que veñen de xeito individual a contemplar este legado da arquitectura industrial de principos do século XX.

A xustificación das obras pasa pola necesidade de conservar esta peza do patrimonio etnográfico local, rehabilitado no ano 2005 polo Concello que, na actualidade, xa ten as fachadas de madeira en moi mal estado de conservación. As edificacións, con táboas de madeira de castaño autóctono, precisan con urxencia dunha limpeza, desinfección e tratamento funxicida. Será necesario retellar nos edificios principais do secadoiro, onde se ubica a actual aula da natureza, e serradoiro, adicado hoxe en día a museo etnográfico, debido a que os listóns de madeira cederon e entra auga da choiva polas tellas planas.

O Serradoiro dos Carranos foi erguido pola familia Vales no ano 1922, sobre os peares dun vello muíño, e a súa principal tarefa foi a fabricación de carros, aínda que o seu obxectivo final era a transformación da madeira. Atópase á beira do río Vixiáns, afluente do río Tea, incluído na “Rede Natura 2000” da Unión Europea.

Este serradoiro ten un interese etnográfico moi importante pois a enerxía que se precisaba para o motor das instalacións industriais é movida pola forza da auga. A estrutura e composición da serra hidráulica é moi probable que fose similar á dos modelos aplicados na Europa do Medievo. O proceso de conversión da enerxía hidráulica en movemento de pezas mecánicas era o mesmo que no dos muíños, pero, neste caso, os rodos e as poleas permiten accionar a serra metálica en vez das pedras molares. Aserrábanse así as diferentes madeiras destinadas unhas a construción, e outras a construción de carros.

Augas arriba construíuse unha presa para embalse da auga e así poder regular o caudal. Dende a poza ata o serradoiro, a auga conducíase por unha levada pasando por unha “noria de canxilóns”, e así facía xirar o rodezo ou rodo que, mediante un sistema de poleas, transmitía a enerxía á serra.

O Conxunto do Serradorio estaba formado orixinalmente por tres edificacións perfectamente
diferenciadas, se ben na actualidade son catro: serradoiro, secadoiro ou almacén de madeira, fragua ou forxa e aseos (executados na restauración de 2005).

Tamén se aprecia un forno de pedra para alimentar a fragua. Imprescindible para forxar os aros das rodas dos carros e outras pezas que se precisaban para a montaxe dos mesmos.

Inauguración do novo espazo gastronómico do mercado do Rosal

0

O Mercado Municipal do Rosal vén de completar a súa transformación integral para converterse nun espazo vivo e con futuro, co obxectivo de dinamizar o concello económica e socialmente. O deputado de Cooperación, Santos Héctor visitou xunto á alcaldesa Ánxela Fernández o novo espazo gastronómico do edificio, que abrirá o vindeiro sábado, 15 de abril, e é froito da segunda fase das obras de remodelación da praza, financiadas con 400.000 euros dunha achega do Plan Concellos. Con estes recursos o goberno local puido ampliar o mercado a través do edificio anexo para albergar esta nova zona de restauración e degustación, amais de espazos para exposicións e reunións. A actuación únese tamén á recente remodelación da praza do Calvario, onde se sitúa o mercado, financiada co Plan ReacPon da Deputación.

O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, louvou o deseño do novo espazo do Mercado do Rosal e subliñou “a transformación integral que supón para o mercado tanto esta fase que permite contar cun espazo gastronómico como a anterior de rehabilitación, que teñen convertido este inmoble nun edificio moderno, adaptado ás distintas necesidades, accesible e sostible, que vai dinamizar de xeito especial o municipio do Rosal”. Destacou a aposta do Goberno local por transformar integramente esta contorna a través do Plan Concellos e tamén a recuperación da Praza do Calvario, na que se sitúa, ao abeiro do Plan ReacPon, “que teñen convertido este punto neurálxico nun espazo vivo e cheo de futuro”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que os traballos realizados neste edificio anexo “converterán ao mercado nun punto de encontro gastronómico e de lecer que vai dar valor engadido non soamente á renovada praza de abastos, senón tamén á transformada Praza do Calvario”. “Este novo lugar foi deseñado e nace coa idea de achegar máis dinamismo social, activando e reforzando a nosa economía ao tempo que poñemos en valor o produto fresco da nosa praza de abastos e de produtores e produtoras locais e vinculados ao territorio, seguindo a liña dos Mercados de Excelencia, con espazos adaptados aos novos hábitos das persoas consumidoras”, recalcou na visita ás súas instalacións.

Este novo bar gastronómico de case 200 metros cadrados protagoniza o novo espazo da ampliación do edificio do mercado, unha renovación que supón o colofón final do proxecto de mellora da praza de abastos, outorgándolle unha imaxe totalmente renovada e moderna, facéndoa máis confortable e atractiva para a veciñanza como lugar de compra, de encontro e de goce do produto local.  As novas instalacións anexas, conectadas de forma directa co Mercado, compleméntanse con espazos de lecer, exposición, reunión e formación no primeiro andar. Na zona posterior creouse unha nova terraza xardín na que a horta está presente achegando un carácter unificador.

A apertura deste espazo terá lugar o sábado, 15 de abril, cunha degustación gratuíta para que a veciñanza poida coñecer os produtos que  vai ofrecer. A xornada estará amenizada coa actuación de Tonichi & Pacheco, un espectáculo instrumental e cantado no que virtuosismo, calidade e diversión mesturaranse para maior pracer de todos os sentidos.

Plan ReacPon

Esta reforma integral do Mercado completa a transformación da praza do Calvario onde se sitúa, despois de que esta contorna tamén fora obxecto dunha remodelación financiada a través do Plan ReacPon. O orzamento ascendeu a 1,5 millóns, dos que a institución provincial aportou 517.938€, e serviu para mudar de xeito radical o aspecto desta praza, convertida xa nun espazo amable para as persoas e nunha contorna que ten posto en valor os seus elementos patrimoniais. Habilitáronse espazos coa plantación de árbores de gran porte que recordan ás sobreiras existentes principios do século XX e reordenouse o tráfico na contorna, restrinxindo o paso dos vehículos por este punto neurálxico do Rosal.

Baiona comeza o programa de conciliación familiar de Semana Santa

0

Baiona iniciou hoxe o programa de Conciliación no que participan 34 nenos de entre 3 e 12 anos esta Semana Santa. Unha iniciativa da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona a través do Centro Municipal de Información á Muller, que cumple unha dobre función: promover a conciliación da vida familiar e laboral e ao mesmo tempo facilitar un espazo educativo e de entretemento para os nenos e nenas, favorecendo o seu desenvolvemento integral. A actividade é cofinanciada pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos 2023(Liña 2).

Así, o 3, 4,5 e 10 de abril de 2023 no CPI Cova Terreña os nenos e nenas participantes poderán gozar coas numerosas e variadas actividades organizadas, que incluírán desde xogos ata talleres e manualidades.

O programa de Conciliación Semana Santa 2023 tivo unha gran acollida entre as familias  do municipio.

A Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, realizou unha visita esta mañá ao colexio dónde se está a celebrar o programa.

O Porriño creará un refuxio animal

O Concello do Porriño vén de iniciar o proceso para a creación dun refuxio de protección animal municipal. O executivo, que preside Alejandro Lorenzo, formalizou o contrato para a redacción do anteproxecto -cun orzamento de 17.545 euros- de construción dun refuxio municipal de acollida de animais como alternativa ao actual sistema de recollida, que terá como fin recoller, coidar e xestionar as adopcións responsables de cans e gatos. Todo baixo o principio de sacrificio cero.

As instalacións construiránse nunha parcela municipal ubicada no Polígono de A Granxa de preto de 3.500 m2 que, tras as reunións mantidas con asociacións de protección animal da zona para valorar e dar forma ao proxecto e tras ter o visto bo dos técnicos municipais, conta con todos os requisitos necesarios.

“Da man de protectoras, que teñen a experiencia necesaria, proxectamos un refuxio sostible, capaz de dar resposta ás necesidades do municipio e garantir o coidado dos animais que se recollan. Coidado tanto a nivel veterinario como a xestión da súa adopción e do tempo que pasen en acollida no centro”, explicou a concelleira, Antía Carrera, “Queremos un concello con sacrificio cero, que coide dos animais e lles procure calidade de vida e se algo tiña claro dende que me fixen cargo do departamento de Medio Ambiente é que O Porriño ten que contar cun refuxio de protección animal e mudar os sistemas de recollida”.

No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que agradeceu á concelleira “o esforzo realizado para poñer en marcha este proxecto e facelo de maneira viable”. O rexedor incidiu en que o Refuxio de Protección Animal non só contará coas instalacións acaídas para a acollida e coidado, tamén cunha zona social onde se levarán a cabo actividades para a sensibilización sobre o abandono e a adopción animal”.

Novo nome para o auditorio das Neves

0

O Auditorio Municipal chámase xa ‘José Gil’. O último Pleno do Concello aprobou a proposta do Goberno local de que a principal sala de conferencias, concertos, actuacións, reunións, espectáculos e actos das Neves leve o nome dun dos nevenses máis sobranceiros.

A proposición do Goberno contou cos votos a favor dos 4 concelleiros do Bloque Nacionalista Galego e os 2 do Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE, a abstención do edil non adscrito e o voto en contra dos catro edís do Partido Popular.

Acto institucional

O acto de cambio de nome levouse a cabo este sábado 1 de abril, coa presenza de numerosos veciñas e veciños, e o Goberno municipal na súa totalidade, encabezado polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, e o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, coa presenza de Ana Laura deputada provincial de Xuventude e Turismo, e foi amenizada pola Banda de Música Popular de Rubiós, a parroquia onde naceu Jose Gil a finais do século XIX.

Durante o acto, Rodríguez gabou a figura de Gil ao que definiu como un dos persoeiros fundamentais da historia das Neves, exemplo de tesón, de inquedanza, de traballo por perseguir e facer realidade un soño, e de vangarda, o que fixo del o pioneiro do que hoxe é o modo usual de informarnos, acceder ao entretemento, intercambiar ideas, expresarnos, informarnos e comunicarnos. O alcalde lembrou unha anécdota do homenaxeado, relatada por Manolo González, autor da súa biografía, cando comentou a uns cativos que se achegaron cando montaba un dos seus proxectores, “algún día ides poder ver os partidos do Celta sen salir da casa”.

Nesta mesma liña manifestáronse guionistas, produtores, directores e actores, como Uxía Blanco quen dixo que coa recuperación de José Gl sitúase ao audiovisual galego a nivel mundial, “sintome orgullosa e agradecida”, concluiu.

O pai do cine en Galicia

José Gil (Rubiós, As Neves, 1870-Vigo, 1937)  está considerado como pai do audiovisual galego. Foi o primeiro  produtor do noso país -chegando a ter, dende 1910, varias fimas cinematográficas en Vigo; o primeiro realizador ; o primeiro documentalista, con máis de 150 filmes rodados, dos que desgraciadamente só se conservan 7 ; o precursor da publicidade cinematográfica; un dos primeiros proxectistas, cun dos equipos máis avanzados do seu tempo para o visionado de películas, que transportaba nun camión por toda a xeografía galega; o primeiro cineasta da emigración, e un excelente fotógrafo que inovou a técnica do retrato.

A aportación de José Gil é imprescindible para o cinema feito en Galicia, que fala da nosa terra e os nosos espazos, comezando polas Neves. Foi un visionario que tiña un soño e sempre traballou por el adiantándose ao seu tempo e un estandarte do fenómeno do cinema en Europa.

2023: o ‘Ano Gil’

Este 2023, está adicado á súa personalidade, a súa vida e a súa obra por medio do proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema”, que renderá homenaxe durante todo este ano 2023, ao pai do cinema galego. Esta iniciativa, impulsada pola Deputación de Pontevedra suporá unha lembranza multidisplinar: dende a óptica audiovisual, con proxeccións cinematográficas; literaria, coa presentación da biografía ‘Nos días encantados de agosto’, de Manolo González, editada por Galaxía, é cultural, abranguendo exposicións, concertos, debates, charlas, mesmo sesións vermú, impulsadas ao longo de todo este ano.

O ‘Ano José Gil’, que chegará a 30 concellos da provincia cos que o cineasta tivo relación, comezou o 24 de febreiro nas Neves, moi preto da súa casa de Rubiós, e percorrerá Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín, Vilagarcía, para rematar, no mes de decembro, en Ponteareas.

Baiona acolleu o IV Torneo Integra Vila

0

Baiona foi, esta fin de semana, a capital galega do deporte inclusivo coa celebración do IV Torneo Integra Vila de Baiona.

Nesta edición participaron, ademais do equipo local, o Erizana FC, a Fundación Celta Integra, R.C. Deportivo da Coruña, Real Sporting de Xixón, Rácing de Ferrol, CD Lugo e SD Ponferradina.

Este torneo fomenta a integración das persoas con diversidade funcional.

“Queremos que Baiona sexa unha vila inclusiva en todos os aspectos, e por suposto o deporte é unha plataforma incrible para Integrar a todas as persoas e colectivos”, asegurou Carlos Gómez Prado, alcalde de Baiona.

Na xornada do domingo organizouse unha viaxe ata as Illas Cíes para os equipos participantes e un foro de traballo no Parador de Baiona, no que diferentes expertos que traballan con persoas con diversidade funcional contaron as súas experiencias, incidindo na mellora na atención e a integración desde diferentes perspectivas.

Encadrado no tradicional Torneo de F8 Vila de Baiona que organiza o Erizana C.F., o torneo Integra converteuse nun evento que vai máis aló do puramente deportivo e que ano tras ano acolle Baiona cunha gran implicación social.

A Guarda reivindica a Feliciano Rolán cun multitudinario acto na Casa dos Alonso

0

A Casa dos Alonso acolleu no mediodía do sábado día 1 de abril un dos actos máis emotivos de cantos organizou no seus case seis anos de existencia a Asociación Cultural Piueiro en colaboración co Concello da Guarda, a presentación dunha coidada edición bilingüe do poemario “De mar a mar”, de Feliciano Rolán.

Neste evento, que contou coa colaboración do Concello da Guarda, a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, a editorial Alvarellos, o poeta, profesor e tradutor Anxo Angueira e o propio pobo da Guarda, contouse cunha excelente acollida de público con numerosos veciños que acudiron a homenaxear a un  dos seus, o escritor Feliciano Rolán (Vigo, 1907 – A Guarda 1935).

Coa tradución ao galego, “De mar a mar”, un conxunto de poemas que na  súa publicación orixinal recibiu o eloxio de autores como Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro ou Luís Seoane, conta agora cun espazo preferente na colección “Rescate” da editorial Alvarellos, onde coincide con autores da talla de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro.

“De mar a mar. Poemas 1932-1933”, a pesar de quedar  relativamente relegada tras a prematura morte do seu autor aos 27 anos, foi unha referencia para os membros da Asociación Piueiro, que traballaron sen descanso para difundir a obra, breve pero intensa, de Feliciano Rolán e, concretamente, este libro de temática marítima é un dos preferidos dos veteranos pescadores e armadores guardeses.

Na presentación oficial celebrada o pasado sábado participaron Montse Magallanes, concelleira de Cultura da Guarda; Tito Chirro, pola Asociación Piueiro: Henrique Alvarellos en representación da editorial; Celso Fariñas como colaborador da obra; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Antonio Lomba, alcalde da Guarda.

O evento contou coa actuación musical de Pablo Vidal (contrabaixo) e Clara Pino (arpa) e a colaboración da libraría Ler.

A nova edición do poemario conta cun ensaio de Gregorio Ferreiro Fente que clarifica a obra de Rolán, ademais de achegar imaxes, manuscritos e debuxos inéditos. Pola súa banda, Celso Fariñas debulla a biografía literaria do autor, que termina de entenderse na súa totalidade cos testemuños de Ricardo Carvalho Calero e Carlos Martínez-Barbeito, quen coñeceu ao poeta que é agora homenaxeado por Piueiro.

Torroso inaugura o centro de día dinámico “O Son do Regueiro”

0

Esta fin de semana celebrouse  a inauguración do Centro de Día da Comunidade de Montes Torroso “O Son do Regueiro”, que contou coa asistencia de numerosas personalidades e veciñanza, entre as que destacan a asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. O acto foi conducido polo presentador Alejandro Pérez.

O novo Centro de Día dinámico de Torroso está habilitado para dar servizo a 40 usuarios. Conta cunha superficie construida de 434 m2 máis 300 m2 de zona axardinada.

As dotacións das que consta a instalación son: comedor, sala polivalente, sala de actividades, sala de rehabilitación, sala de curas e enfermería, despacho de administración, vestiarios, 2 baños, cociña, terrazas e zona axardinada.

A inversión total realizada no Centro de Día, xestionado pola Comunidade de Montes de Torroso e Asodifisi (Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos) ascende a 1.218.020,32 €. A subvención aportada pola consellería de Política Social da Xunta de Galicia é de 513.174,05 €, a Comunidade de Montes de Torroso financiou 504.846,27€ e a axuda que aporta AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) é de 200.000,00 €.

O logotipo do Centro de Día dinámico “O Son do Regueiro” foi deseñado polo obradoiro municipal de emprego. En concreto os alumnos traballadores da especialidade de Marketing Dixital, elaboraron 3 propostas de logo a través dos 112 debuxos dos nenos de 5º e 6º de Primaria dos 5 colexios públicos de Mos. A Comunidade de Montes elixiu a proposta definitiva e que é hoxe, e será en diante, a imaxe do centro.

Crecente rehabilitará o mercado municipal

0

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisaron as obras de acondicionamento do mercado municipal, co fin de impulsalo como centro de dinamización socioeconómica e favorecer a venda de produtos agroalimentarios das comarcas da Paradanta, do Baixo Miño e doutros puntos de Galicia.  Ditas obras estanse levando a cabo cunha axuda por parte da Xunta de case 96.000 euros.

Este proxecto de rehabilitación integral consiste na restauración completa do interior do inmoble e a creación de catro postos de venda de produtos agroalimentarios, ademais dun local para un supermercado que terá entrada independente dende os soportais do exterior e que sairá en alugueiro, dous aseos adaptados e un cuarto de instalacións. Todo isto completarase con todos os servizos de electricidade e fontanaría e coa instalación de sistemas antilumes.

Así, os traballos consisten no reforzo da estrutura con perfís de aceiro para garantir a seguridade do recinto, a instalación de carpintarías metálicas en todos os ocos exteriores para ofrecer unha luminosidade ampla pero non directa, a colocación de portas corredoiras automáticas en aras da eficiencia enerxética e a funcionalidade, o reforzo do illamento térmico para mellorar a confortabilidade interior e a dotación de pavimentación específica, con características diferentes, no interior e exterior do edificio.

O Concello da Cañiza xa dispón de proxecto para a renovación da área de lecer da Carballeira do Cacharado

0

A Carballeira do Cacharado é un lugar emblemático da Cañiza e o Goberno que preside Luís Piña, dentro da súa política de mellora das instalación públicas, ten interese de dotala dunha mellor área de lecer que albergue espazos con xogos, deporte e esparexemento.

Para poder avanzar nos proxectos de futuro, o alcalde solicitou  a redacción dun proxecto  para a renovación da área de lecer da Carballeira do Cacharado. Dispor do proxecto é de vital importancia para optar á financiación necesaria no momento no que se presente a oportunidade de obter subvencións doutra administración, seguindo a política de seriedade e rigor financeiro do actual goberno.

Dos 153.944,36 € do orzamento deste proxecto, 106.913,23 € corresponden ao orzamento de execución material, 13.898,72 € corresponden ao 13 % de gastos xerais, 6.414,79 € ao 6 % do beneficio industrial e 26.717,62 € corresponden ao IVE.

A renovación da area de lecer da Carballeira do Cacharado, consiste na construción dunha área de xogos de deseño na zona de parque infantil e biosaludables existente, que permita crear tanto zonas dinámicas como de sosego. 

Garantirase a accesibilidade universal, e disporase de elementos de xogo inclusivos para permitir o desfrute de todos os nenos e nenas. O parque será dotado dunha varanda para mellorar a seguridade dos mais pequenos, dada a proximidade de tráfico rodado e a normativa vixente. No actual parque infantil acoutado, disporase unha cancha de baloncesto que respetará a configuración actual, coa instalación de dúas canastras e peche perimetral deportivo.

O pavimento do parque infantil, executarase mediante a instalación de pavimento de seguridade acabado en maia tridimensional de EPP, válido para alturas libres de caída ata 300 cms. Sistema instalado sobre solo natural estabilizado previamente cunha capa de 100 mm de grava angular e preparación previo do terreo. Con sistema de absorción de impactos formada por base de lousas de polipropileno EPP de grosor variable segundo HIC, geotextil de alto gramaxe e capa de acabado superficial en maia tridimensional en polipropileno (EPP). Actuarase sobre unha superficie total de 205 m2.

O parque infantil será accesible e con elementos inclusivos, coa integración de xogos habituais con xogos accesibles e adaptados para garantir o xogo para todos os nenos e nenas. As cores dos elementos de xogo, pavimento e valado estarán integrados na paisaxe da contorna.

A zona de xogos para os mais pequenos permite aos nenos e nenas xogos de tacto e vista ademáis do xogo individual e colectivo. Promoven a socialización, o xogo creativo, así como o xogo físico, coa creación dun areeiro con pasos en robinia e un xogo para a manipulación de area.

Tamén se integrarán xogos co relevo do pavimento, de deseño e cores acordes coa paisaxe. Formaranse relevos para que os máis pequenos poidan rodar e trepar, con retos de equilibrio.

Poténciase o xogo más activo con randeeiras de uso colectivo, como un “nido” e individuais, ademais dun carrusel adaptado.

A zona de xogos central estará configurada por un xogo múltiple con dúas torres, que integre tobogáns con elementos de escalada e elementos de deslizamento e paneis. Poténcianse as habilidades de equilibro e alcanzar retos, polo que se incorporan elementos mais complexos que os xogos tradicionais, os cales invitan á aventura, a desenrolar a imaxinación, potenciando o xogo colectivo.

A zona deportiva crearase sobre o parque infantil acoutado actualmente, nunha superficie de 117 m2. Para elo procederase á retirada dos elementos e pavimento de caucho, para poder reparar a soleira de formigón e proporcionar un acabado deportivo. Instalaranse dúas canastras a dúas alturas, para o uso a diferentes idades, así como valado deportivo parcialmente. As cores tanto do pavimento como do valado estarán integradas  na paisaxe da contorna

Facer xurdir os nesgos androcéntricos, etnocéntricos e de clase para pensar os museos dende o feminismo

O Museo de Pontevedra organizou o xoves 30 de marzo, en colaboración coa Universidade de Vigo, o seminario ‘Museos, feminismos, canon’. As catedráticas Lourdes Méndez Pérez, da Universidad del País Vasco, Lourdes Prados Torreira, da Universidad Autónoma de Madrid, e Concha Lomba Serrano, da Universidad de Zaragoza, expuxeron os seus puntos de vista de como deben mudar o discurso e os espazos dos museos para convertérense en institucións inclusivas e igualitarias.

A catedrática da Antropoloxía da Arte Lourdes Méndez Pérez expuxo na súa conferencia ‘Museos, museos, museos desde o feminismo’ como os museos asumen un sistema de clasificación e xerarquización que non é neutro. “Para pensar os museos desde o feminismo hai que facer xurdir os seus nesgos etnocéntricos, androcéntricos e de clase. Gustaríame que os museos revisasen criticamente eses sistemas e deseñasen unha auténtica política cultural feminista”.

Para Lourdes Méndez, esa revisión é imprescindible para alcanzar o obxectivo que se expuxo a nivel internacional a finais da década de 1960: democratizar a arte e a cultura. E é moi crítica con como na actualidade as institucións abordan o feminino como unha cuestión máis ben cosmética, con accións que se quedan no anecdótico e non apostan por un cambio de paradigma: “O mullerismo está triunfando, estamos lonxe dunha auténtica política cultural feminista”.

A catedrática de Arqueoloxía Lourdes Prados Torreira ofreceu unha reflexión desde a arqueoloxía feminista para lanzar “Unha mirada crítica aos museos arqueolóxicos”. O nesgo androcéntrico da investigación reflíctese nos museos que, maioritariamente, invisibilizan as mulleres. Prados Torreira explicou como desde grupos como a rede Past Women traballan para que, á luz das investigacións científicas, o discurso dos museos represente as mulleres como individuos activos na construción cultural do pasado: “Non se trata de idealizar o pasado, senón de dar visibilidade as mulleres naqueles ámbitos nos que deixaron unha pegada arqueolóxica evidente e tamén propoñer interrogantes: quen realizou as pinturas rupestres? Non o sabemos. E entón, por que se deu por suposto durante anos e anos que foron homes?”.

Prados Torreira situou como elementos clave que os museos poñan o foco en labores fundamentais na evolución da sociedade e que están moi pouco presentes nos discursos, como son as actividades de mantemento, os coidados e as actividades grupais, nas que o papel das mulleres é fundamental. E tamén que as representacións da Prehistoria non exclúa a diversidade social.

A terceira conferencia, titulada ‘As artistas nos relatos museográficos’, pronunciouna Concha Lomba Serrano, catedrática de Historia da Arte. Lomba fixo un repaso dos principais proxectos de investigación e expositivos para descubrir e introducir as mulleres artistas no discurso dos museos, chegando ata os proxectos actuais.

Concha Lomba enumerou os retos pendentes para abordar convenientemente a presenza das artistas nos relatos museográficos: “a celebración de encontros e foros de reflexión; o desenvolvemento de proxectos de investigación; aumentar as artistas incluídas nas coleccións permanentes; a adquisición para o patrimonio español de obras de autoría feminina; recoñecer as tarefas realizadas polas mulleres no mundo da arte e empregar en todo caso a perspectiva de xénero”.

A xornada pechouse cunha mesa de debate na que participaron as tres conferenciantes e que moderou Fátima Braña, profesora de Antropoloxía da Universidade de Vigo.

O PSdeG advirte a PP e BNG que “terán que explicar moi ben” o seu voto en contra da reforma das pensións

O secretario de emprego do PSdeG, Pedro Blanco, advertiu ao PP e ao BNG que “terán que explicar moi ben aos galegos e galegas” o seu voto en contra da reforma das pensións que garante o nivel adquisitivo de 700.000 galegos e galegas e que ten un amplo consenso político, económico e social.

O representante do PSdeG pronunciouse respecto da convalidación do Real Decreto Lei no Congreso, da reforma das pensións realizada polo goberno de España. Resaltou que a mesma saíu dunha negociación cos axentes sociais, conta co respaldo da maioría de grupos de esquerdas presentes na cámara baixa e está avalado pola Comisión Europea.

Subliñou tamén que “é a primeira reforma que non restrinxe dereitos, senón que os garante”, mantendo a capacidade de compra dos preto de 700.000 pensionistas que hai en Galicia ao blindar a suba das súas pensións ao cambios no prezo da vida. “Esta reforma establece un sistema para que haxa pensións os vindeiros 50 anos”, engadiu Blanco.

Estas razóns que expoñen os socialistas a favor da reforma, son as mesmas que lles leva a pensar que os outros dous partidos con peso político en Galicia, PP e BNG, terán moi difícil explicar á cidadanía a súa posición contraria.

No relativo aos populares, Pedro Blanco declarou que “entendemos que o PP pide a mesma solución que en Francia”, sendo esta “unha solución unilateral que revoca dereitos”. Isto ven a colación da propia defensa da reforma francesa que fixo Núñez Feijóo ante a presidenta da Comisión Europea, e de que nas reformas pasadas do goberno de Rajoy foron sempre neste sentido de empobrecer aos pensionistas.

A posición do BNG recibiu tamén os reproches do socialista, xa que “votan en contra sen saber moi ben por que” a unha reforma na que participan os representantes dos traballadores, que é apoiada polos seus homólogos doutras partes do Estado e que garante o poder adquisitivo dos pensionistas presentes e futuros, todo isto co aval da máxima institución comunitaria europea.

Por todo isto, Pedro Blanco concluíu asegurando que ambas formacións terán que “dar explicacións de por que non apoian un sistema de pensións público e suficiente”, algo que consideran que non comprende a maioría da cidadanía galega, especialmente sensible con este sector da poboación.

A Concellería de Turismo de Baiona oferta visitas guiadas gratuítas durante a Semana Santa

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo, aposta por diferentes iniciativas coas que dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do municipio con diferentes programas de visitas gratuítas durante Semana Santa, unha iniciativa que sempre tivo unha excelente entre a veciñanza.

A cidadanía de Baiona e as persoas visitantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural do municipio acompañados por unha guía oficial durante o xoves, venres e sábado santo ás 11:30 horas. O punto de encontro para a saída será o exterior da oficina de turismo de Baiona (entrada ao Parador).

As visitas son gratuítas e é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona no correo electrónico: [email protected], ou por teléfono no 986 68 70 67.

Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia, acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade entre os que se atopan o monumento Atopo Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira, cun percorrido polo Centro histórico finalizando no paseo marítimo.

Probas de detección rápida do VIH no Baixo Miño da man de Raiceiras

0

A Asociación Raiceiras pon en marcha un novo servizo no Baixo Miño. A asociación está a realizar de forma gratuita e anónima as probas rápidas do VIH a toda aquelas persoas interesadas maiores de 16 anos. As probas lévanse a cabo por persoal especializado que realizará un acompañamento previo e posterior á realización das mesmas.

Para reservar cita é preciso chamar ou escribir ó número 644 696 925 ou contactar a través das súas redes sociais, co fin de garantir a confidencialidade e condicións precisas para a realización da proba.

A sede social de Raiceiras está situada na Antiga Escola Unitaria de San Lorenzo, Avda de San Lorenzo s/n, A Guarda.

As Festas de San Telm,o escaparate da riqueza cultural, patrimonial, deportivo e gastronómica de Tui

0

Tradición, música, espectáculos familiares, gastronomía, deporte… forman parte da programación das Festas de San Telmo 2023 que se van celebrar do sábado 8 ao luns 17 de abril en Tui. O Paseo da Corredoira, onde se instalará unha carpa para as festas, a praza da Inmaculada, o Teatro Municipal, a rúa Compostela, e o Espazo Feiral, serán os principais escenarios das actividades previstas.

As festas foron presentadas na mañá de onte polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou coma as festas de San Telmo “son un dos eventos máis importantes da cidade e que nos singularizan”. Detallou a aposta, que se mantén un ano máis, por descentralizar a actividade programada celebrando eventos ao longo de todo o entramado urbano. Dicía Enrique Cabaleiro que “as festas teñen que ser unha ventá aberta, un escaparate onde as distintas manifestacións de produción cultural do noso concello teñen que ter cabida”.

Aludía amais o alcalde a aposta por un pregón con carácter festivo, á creación e continuidade que se deu ao Premios Cidade de Tui, e a aposta por un libro de festas cunha coidada edición que cada ano se centra nunha temática e que “serve de escaparate do moito que temos que ofrecer”. Este ano está dedicado a espazos emblemáticos do municipio, aos primeiros fotógrafos tudenses, e ao médico e filósofo Francisco Sánchez.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicou que nestas festas declaradas de Interese Turístico Galego “aunamos a música coma principal protagonista, a tradición, as artes escénicas, o teatro, a maxia, a animación na rúa, o deporte, a gastronomía” nunha programación  que “é o reflexo da riqueza e da diversidade que ao longo de todo un ano xa ten o noso concello”. Repasaba a continuación a concelleira de xeito pormenorizado todo que que poderemos disfrutar ao longo dos dez días dos festexos.

Así Nena Daconte, Rafa Sánchez, e o rapeiro Arce encabezan o cartel musical dos festexos cos concertos que ofrecerán no Espazo Feiral. Mentres na carpa situada no Paseo da Corredoira actuarán os grupos locais Amnesia e Ola de Calor o domingo 9, Old Bridge estará en concerto o venres 14, La Patrulla o sábado 15 e Los Jinetes del Trópico o domingo 16. Tamén na parte musical das festas contarase con Cé Orquestra Pantasma e as charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo.

A música tradicional estará presente nos festexos co concerto do grupo galego Treixadura ofrecerá no Espazo Feiral o domingo 9 ás 20 h. O sábado 8 as bandas de gaitas Arume de Malvas e Lembranzas da Terra de Guillarei protagonizarán un desfile dende o Teatro Municipal até a Corredoira. O domingo 9 os grupos tudenses participarán no tradicional Festival Folclórico no Teatro Municipal no que dicía Sonsoles Vicente, amosarase a “diversidade e riqueza do folclore no municipio”. Mentres o domingo 16 celebrarase o desfile exaltación do traxe tradicional.

As bandas de música populares actuarán tamén na carpa da Corredoira. Así a Banda de Música Popular Tui ofrecerá o seu primeiro concerto o domingo 9, e volverá actuar o domingo 16. A Municipal de Silleda estará en concerto o domingo 9, a Cultural de Salceda actuará o domingo 16, e a Popular de Rubiós e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín ofrecerán os seus concertos o Luns de San Telmo.

A orquestra Panorama será a encargada de pechar as festas no Espazo Feiral o luns 17, pero tamén actuarán nas verbenas a Orquestra Olympus, o grupo América, a Orquestra Los Satélites e Los Players.

O público familiar poderá gozar das actuacións de Paco Nogueiras, Migallas, o Rey Midas, Brais das Hortas, Patty Difhusa que actuarán polas tardes entre o martes 9 e o sábado 15 ás 18 h na carpa da Corredoira. Tamén participarán nas festas Barafunda Animación con “Aves de Paraíso” e Troula Animación con “Circo” con sendos pasarrúas o venres 14 e sábado 15.

Por outra parte as corais Ponte das Febres, do Centro Sociocomunitario e San Telmo actuará nas residencias San Telmo, Paz y Bien e no Centro de Día de Amoralia.

Coincidindo coas Festas de San Telmo celebrarase a décimo terceira edición da Semana de Teatro Amador que terá lugar entre o martes 11 e o venres 14 no Teatro Municipal coa participación dos grupos tudenses Chirlomirlo de Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, A Insua de Caldelas e Aloia de Pazos de Reis

O Concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, presentaba as actividades deportivas previstas nas festas. Así avanzou que xa se superan as 800 persoas inscritas na Carreira Popular e Solidaria que se vai celebrar o sábado 15 organizada polo Club Atletismo Tui e o Concello de Tui e na que se recollerán alimentos para SOS Tomiño-Baixo Miño. A inscrición está aberta até o mércores 12 na web do club de atletismo. O domingo 16 celebrarase a Andaina de San Telmo que da man de AndaTui fará un percorrido de 8 quilómetros polo conxunto histórico partindo ás 10 h dende a Praza da Inmaculada de Tui. É preciso inscrición previa en andatui.es ou no 607 785 601.

Avanzou amais Rafael Estévez que de novo a Feira Cabalar se celebrará en dobre xornada, o domingo 16 e o luns 17, no barrio de San Bartolomeu. Xunto á actividade compra-venda, haberá concurso de saltos, exhibición concurso de enganche e de andadura galega, xincanas, poni club, paseos en carruaxe e o espectáculo ecuestre de Santi Serra Camps. Agradecía o concelleiro a colaboración neste evento da Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu, Hípica Marcos, Amigos Cabalar de Ribadelouro, Equigalia, Protección Civil e Radio Municipal.

Ta el coma explicou a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, nas festas non faltará a cita coa gastronomía coa Festa do Meixón que dende mañá e até o luns 17 se celebra no Asador Paulo, El Molino, El Niño Trasto , Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado, e Parador de Tui. Nestes restaurantes poderase degustar unha tapa de meixón por un prezo de 79€ previa reserva no propio establecemento.

E o sábado 8 e domingo 9 celebrarase o II Encontro de Viños da Raia coa participación dunha ducia de adegas das dúas marxes do Miño, postos de petiscos e actividades paralelas nas que participarán a enóloga tudense Susana Esteban, o cociñeiro Estrella Michelín Rafa Centeno, o sumiller Adrián Guerra, e no que se presentará o libro “A nación dos mil viños”.

Tamén durante os festexos se conmemorará o décimo aniversario do acordo de irmandade co municipio alemán de Versmold cun acto institucional o luns 17 e a entrega dun banco da irmandade entre as dúas cidades.

Na fin de semana de San Telmo non faltarán os actos relixioso que culminarán coa tradicional e multitudinaria procesión do Santo luns pola noite. E para pechar os festexos deste ano dende os xardíns de Troncoso haberá unha tirada de fogos piromusicais.

A Deputación mobiliza outros 5,5 millóns para garantir servizos en materia de emprego, cooperación, sostibilidade, infraestruturas e cohesión social nos concellos

A Deputación vén de mobilizar 5,5 millóns de euros en novos recursos para garantir dereitos e servizos “e seguir mellorando a vida da xente” nos concellos da provincia. A metade deste investimento, vai parar ao programa Primeira Experiencia Profesional nos concellos, que permitirá 152 contratacións, mentres que case un millón destinarase á mellora de dúas estradas provinciais no Rosal e As Neves.

Amais, chegarán case 900.000 euros do Plan Concellos a seis municipios da provincia. Pola súa banda, o Goberno do Estado vén de conceder á Deputación unha axuda de 552.000 € ao abeiro do Plan de Recuperación para financiar a senda peonil EP-9101 no Grove. Tamén se aprobou un investimento de 355.385 € en dous convenios cos concellos de Pontevedra e Vigo; un orzamento de 295.000 € para que os concellos poidan financiar os gastos da presentación de candidaturas de proxectos subvencionables no ámbito do turismo deportivo sostible; e adxudicouse por 184.470 € a execución do programa Depotermal.

No que atinxe ao proxecto “Primeira experiencia profesional” nos concellos, está dirixido aos 59 municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia e facilitará 152 contratacións por un período de doce meses. Beneficiaranse das contratacións persoas tituladas universitarias ou de graos superiores e medios da FP que, como sinalou a presidenta provincial Carmela Silva, teñen nestes contratos “un instrumento desde que rematan os seus estudos e entran no mercado laboral” .

En materia de Infraestruturas, adxudicáronse as obras da segunda fase da mellora da mobilidade peonil na EP- 3303 Tabagón-Goián, no Rosal, por 739.763€. Será a Deputación a que asuma o 100 % da obra, xa que o 20 % que lle correspondía ao municipio no marco do convenio sufragárano a través do Plan Concellos. Nesta segunda fase actuarase nun treito de 1,8 quilómetros e o proxecto prevé ao longo do trazado a habilitación dunha senda peonil e unha zona de convivencia sobreelevada. Tamén se renovarán as capas de rodaxe e de pavimento, instalaranse redutores de velocidade e pasos sobreelevados e executarase a rede soterrada de recollida de pluviais e alumeado.

Amais, a Xunta de Goberno aprobou o expediente para sacar a licitación as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-4006 Ponteareas-As Neves, ao seu paso por este último concello, cun orzamento 258.394 €, que tamén afrontará ao 100 % a Deputación, xa que a aportación municipal sufrágase co Plan Concellos. A actuación afecta a un tramo da vía de 480 metros, entre a rotonda que comunica coa EP-4202 ao IES Pazo da Mercé e dá continuidade á mellora integral da estrada. Incrementarase o espazo para as persoas con beirarrúas máis amplas, ordenarase o tráfico rodado e calmarase a velocidade cun novo paso peonil sobreelevado. Ademais, plantaranse 30 árbores e reporanse os servizos de recollida de pluviais e a canalización do alumeado público.

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde a cinco achegas da Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos, a de maior contía para Valga, que recibirá 252.176 € para financiar a pavimentación de estradas municipais. A Guarda contará cunha achega de 172.365 € para costear o acondicionamento da Praza de Abastos; Gondomar, con 167.744 € vai financiar o saneamento de augas residuais e pluviais de Carrasquedo de Abaixo a Guadarrama, na parroquia de Vilaza; O Grove, con 98.265 € abordará a humanización da Rúa Navarra e A Cañiza recibirá 75.632,70 € para financiar a mellora de camiños municipais nas parroquias de Petán, Achas, Parada, A Cañiza e Valeixe. Amais, deuse luz verde a unha achega da Liña 2 para Ponteareas: 100.222 € para actividades culturais e festivais de verán, manter alumeado, realizar traballos de pavimentación e adquirir material de obra.

A Deputación vén de coñecer tamén a concesión dunha nova axuda de 552.000 euros ao abeiro do Plan de Recuperación do Goberno do Estado. Trátase dunha achega que permitirá financiar “por vez primeira o 100 % do custe dunha obra, a da construción dunha senda peonil na EP-9101 no concello do Grove. Neste caso as actuacións estaban financiadas ao 80 % pola Deputación e ao 20 % polo concello do Grove, que solicitou unha achega do Plan Concellos. “Están chegando os fondos Next Generation a Galicia, que ninguén minta e diga que non, e nos están a permitir que os fondos propios poidan empregarse para financiar outras accións e proxectos”, asegurou Carmela Silva. As obras da EP-9101, que comezaron o pasado mes de febreiro, permitirán unir os núcleos de Campos e A Gandariña a través dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho.

Tamén se aprobaron dous convenios cos concellos de Pontevedra e Vigo. No primeiro caso, a institución provincial aportará 160.385 € para o desenvolvemento de actividades no ámbito da educación, saúde, deporte e promoción económica, como un programa gastronómico e as feiras Pontesan e Pontenciencia. O convenio con Vigo abordará o desenvolvemento da promoción deportiva do pádel a través da dinamización do Vigo Open-World Pádel Tour 2023, para o que a Deputación aportará 195.000 €.

Por outra banda, a Xunta aprobou as bases dunha nova liña de axudas para que as entidades locais da provincia con poboación inferior a 50.000 habitantes poidan financiar os gastos derivados da presentación de candidaturas de proxectos subvencionables ao abeiro do Plan de Recuperación do Goberno de España no ámbito do turismo deportivo sostible. “É unha nova mostra da nosa empatía e colaboración cos concellos. Somos conscientes –indicou Carmela Silva- de que teñen escaseza de medios e temos que traballar para que os fondos Next Generation cheguen á provincia. Con esta liña queremos aportar recursos para que poidan contratar asistencias técnicas que elaboren os proxectos para presentar a estes novos fondos”.

E o Goberno provincial vén de adxudicar o desenvolvemento, xestión e execución do programa Depotermal, que oferta neste 2023 un total de 3.500 prazas. A iniciativa desenvólvese en concellos que contan con centros de termalismo e balnearios e ofrece dúas modalidades de participación: estadías de día ou pernoita. Das 3.500 prazas, 244 están reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social, para as que a Deputación cubre o custe íntegro.

Redondela ofrece actividades e roteiros de Semana Santa para tódalas idades

0

O Concello de Redondela quere poñer en valor os seus recursos naturais, culturais e patrimoniais e para iso ofrece unha Semana Santa con actividades e roteiros pensadas para todas as idades. A nova oficina de turismo situada na Rúa Queimaliños, lugar estratéxico por situarse en pleno camiño de Santiago, supón unha excelente mellora en en o servizo e atención aos turista, e sobre todo ao Peregrino.

Esta estará aberta a pratir do luns 3 de abril en horario continuado de 11:00 h a 19:00 horas para atender as dúbidas das persoas interesadas nestas actividades e calquera outra oferta turística do municipio. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradece a Deputación de Pontevedra “os fondos necesarios para contratar o persoal técnico de turismo dende abril e durante toda a tempada estival”.

A oficina foi situada nunha das edificacións máis antigos que se conservan na Vila, datada de 1788 e que foi a primeira Casa do Concello, usada anteriormente como alfolí, lugar onde se almacenaba o sal cando Redondela era un dos primeiros portos mariñeiros de Galicia.

Actividades para Semana Santa

Dentro das actividades organizadas para a semana Santa, inclúense a actividade coñecida como “A Vila pola Tardiña” que se realizarán todos os días da semana para dar a coñecer o patrimonio e a historia de Redondela e para a que só será necesario inscribirse na oficina de Información Turística.

O Concello de Redondela quere continuar promovendo a memoria histórica da Illa de San Simón e San Antón e para iso organiza viaxes subvencionadas o xoves, venres, sábado e domingo, con saídas desde Cesantes, Meirande e Chapela e prezo reducido de 5 euros.

Tamén continúan os Roteiros de Turismo Mariñeiro dirixidas por Amarturmar, sobre o que Rivas expresa a súa satisfacciónn xa que “poder contar cunha asociación do nivel e calidade de Amaturmar é todo un luxo. Dámoslles a noraboa polo Distintivo SICTED 2022-2024 coa que acaba de ser galardoada”. Concretamente o xoves 6 de abril o concello contará co Roteiro do Choco ás 17:00 horas, o venres 7 co Roteiro do Marisqueo A Pé ás 10:30 horas e o sábado 8 co Roteiro do Porto ás 10:30 horas. Todas os roteiros mariñeiros terán un prezo de 3 euros e deberá facerse a correspondente reserva na oficina de Turismo de Redondela.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que están contentos de anunciar que “unha das visitas guiadas do Sábado, chamada Arde o Mar, xa está completada e non quedan prazas. Sinal do éxito que teñen este tipo de iniciativas no municipio.

Por outra banda, o Museo Meirande, amplía ou seu horario habitual e abrirá as súas portas de luns a Domingo de 11:00 h a 14:00 e de 15:30 h a 19:00 horas. “Para poder ofrecer un bo servizo na tempada máis alta e que esperamos que supere en datos de visitas ao ano pasado. Cabe lembrar que Redondela converteuse nun referente como destino turístico nos últimos anos e pretendemos que siga crecendo”, conclúe Rivas.

O Concello investiu 1,1 millóns de euros na mellora das instalacións deportivas de Tomiño

0

O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta estratéxica polo deporte no municipio, tanto polos clubs consolidados e polos deportistas individuais como polo deporte de base. Neste camiño, o Goberno municipal investiu 1,1 millóns de euros nas diferentes instalacións deportivas do concello, espazos que cada día son empregados por centos de deportistas tomiñeses e tomiñesas das máis variadas disciplinas, dende fubtol ata judo, piragüismo, patinaxe, boxeo, skate, calistenia, tenis ou atletismo, entre moitas outras.

“O deporte é fundamental para a vida. É saúde, compañeirismo, amizade… é son valores importantísimos para os nosos cativos e cativas”, salienta a alcaldesa, Sandra González. “Queremos que nenos e nenas vexan na actividade deportiva un espazo de desenvolvemento do seu futuro, por iso dende o Concello facemos un esforzo especial para que Tomiño dispoña dunhas instalacións boas, versátiles e melloradas de forma continua”, recalca a rexedora.

O Concello investiu máis de 430.000 euros en diferentes intervencións para reformar o Campo de Fútbol O Alivio, no que se colocaron novas torres de iluminación con focos LED de baixo consumo, instalouse céspede artificial, melloráronse bancadas e escaleiras e reformáronse os vestiarios, con máis duchas, chan novo ou termos eléctricos de maior capacidade.

O Campo de Fútbol Lito Oliveira tamén conta con céspede novo e con outras melloras “realizadas contando cos usuarios e usuarias, xa que son eles e elas as que mellor nos poden contar o que precisan para que dende o Concello sigamos investindo en xuventude e deporte”. En total, foron máis de 206.000 euros. Tamén se procedeu ao cambio de céspede no Campo de Fútbol da Carballa, ademais de instalarse un novo marcador e paneis solares ou mellorar os vestiarios.

O Complexo Deportivo do Mosteiro foi outra das instalacións deportivas nas que se acometeron diferentes intervencións, como nas pistas de atletismo, nas pistas de tenis e nas pistas polideportivas de uso compartido para deporte escolar e para o público xeral en horario non lectivo. Foi a este espazo onde o Concello trasladou as instalacións de calistenia, reubicándoas así nun emprazamento máis axeitado para a realización deste deporte, algo que viñan demandando as persoas practicantes deste deporte.

A pista de skate de Goián foi tamén unha clara aposta do Goberno municipal por outras actividades deportivas. Un investimento de máis de 200.000 euros para a creación deste skatepark que, dende a súa apertura, permitiu crecer á comunidade de usuarios e usuarias que practican deportes como skate, scouter, BMX… Estas instalacións son un claro exemplo “da importancia da captación de fondos externos como os da Deputación de Pontevedra para seguir mellorando os espazos deportivos de Tomiño”, como explica o concelleiro de Deportes, Francisco Campo.

Por outra banda, tamén se realizaron importantes obras de reforma no pavillón deportivo de Goián, cambiando completamente as instalacións de fontanería, que se atopaban moi deterioradas, cambiando luminarias e mellorando os vestiarios. Ademais, o Goberno municipal investiu arredor de 193.000 euros no cambio de piso e de luminarias do pavillón da Carballa.

A petición do Club Deportivo Miño-Teixugos leváronse a cabo a reparación de danos da cuberta e pintado da sede, preparación de baños, cambio de portas, instalación de pechadura automática…, ampliando así as instalacións de adestramento coa adecuación do edificio de Aduanas para que as e os deportistas contaran cun espazo de adestramento cuberto para os días nos que non sexa posible saír ao río.

O peche con balance positivo do Orzamento do 2022 evidencia a boa xestión do Goberno municipal

0

O Concello do Rosal goza de boa saúde económica. O Goberno municipal aprobou este xoves en pleno a liquidación do orzamento para o ano 2022, que se pechou cun balance económico moi positivo. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou o gran resultado acadado a nivel orzamentario o exercicio pasado, que se pechou cun remanente de tesourería de 1,4 millóns de euros, por riba dos 1,2 millóns de euros de remanente de tesourería xa acadados no ano 2021.

“Estas contas reflicten a economía saneada coa que conta o Concello do Rosal grazas á capacidade de xestión do equipo de Goberno, xa que non só conseguimos manter os niveis económicos do ano anterior, senón incrementalo”, resalta a rexedora. Como sinala Fernández Callís, “dende o Goberno municipal preocupámonos de investir ao longo do ano ese remanente positivo en proxectos transformadores que permiten recuperar o financiamento captando fondos externos de diferentes administracións”.

Outro dos indicadores deste bo momento da economía do Rosal é o resultado orzamentario axustado, que supera os 820.000 euros e que indica que os ingresos ordinarios son superiores aos gastos ordinarios rexistrados “e que o Concello ten recursos suficientes para facer fronte a actividade municipal”.

Estes datos compleméntanse co balance de aforro neto positivo, que no 2022 foi de case 510.000 euros, o que permite determinar que o Concello rosaleiro ten capacidade suficiente para financiarse.

A praia de Patos volve acoller a primeira etapa da Liga Galega de Surf Junior e Kids

0

Esta fin de semana –sábado 1 e domingo 2 de maio– a Praia de Patos acollerá a primeira etapa da Liga Galega de Surf Junior e Kids na que competirán todas as categorías feminina e masculina de Sub 21, Sub 18, Sub 16, Sub 14, Sub 12 e Sub 10 Mixto.

A Federación Galega de Surf, coorganizadora da proba xunto a Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán, dió o pasado martes o visto e prace á celebración desta proba na que competirán novas riders de toda Galicia.

O sábado despois da entrega de premios haberá festa de celebración O Monopatín (Rúa Tomás Mirambell, 101, 36340 Nigrán) en que se poderán ver a fotos da joranad e na que haberá actuación en directo da banda Killer Spirit, banda liderada por Antón San Ildefonso, quen é á súa vez integrante e rider de Prado Surf Club.

Este é a segunda fin de semana consecutiva que Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán volven acoller na Praia de Patos unha competición de surf, xa que a fin de semana pasada celebrouse alí tamén a primeira proba da liga Nacional Surfing Kids 2023.

A 1ª Etapa de Liga Galega de Surf Juniors e Kids está organizada pola Federación Galega de Surf e Bodboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán. Ademais, a proba conta co apoio de diversas firmas patrocinadoras e a colaboración de Mission Surf Shope, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Deporte Galego.

Alcaldías, Cámaras, Deputacións e institucións de Galicia e Portugal potencian a Vía Mariana Luso Galaica

Máis de vinte alcaldías de Concellos galegos e presidencias de Cámaras portuguesas, Deputacións, Xunta de Galicia e institucións homólogas de Portugal participaron no II Encontro Transfronteirizo da Vía Maríana celebrado no concello portugués de Melgaço.

Presidido pola presidenta da Asociación Vía Mariana Luso Galaica, María José Silva, e polo presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista, alcaldesas, alcaldes, deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra; vicepresidencia da Deputación da Coruña e Turismo de Galicia amosaron o seu apoio a esta vía sacra que percorre máis de 400 km dende Braga a Muxía.

Neste segundo encontro a directiva da Vía Mariana, presentou unha nova ferramenta de apoio ás persoas camiñantes. Deseñada pola presidencia da Vía Mariana facilitará a planificación das xornadas e mellorará a localización de puntos de interese. Trátase dunha infografía que ilustra gráfica e esquemáticamente os 400 km da Vía Mariana. Iconos orixinais creados para esta infografía que sitúan os santuarios e unha selección do patrimonio máis representativo (igrexas marianas, pontes, castros…).

Tamén ubica as montañas máis altas, ríos e lugares de especial relevancia medioambiental. “A tan só un golpe de vista podemos coñecer o tramo e a Vía en xeral, é un documento didáctico, visual e interactivo dun só folio para facilitar o manexo”, explica a presidenta da Vía Mariana, María José Silva. Con tan só ampliar as zonas, e seleccionando o punto que queremos, accedemos á información desa etapa (tracks e patrimonio), información de puntos salientables e información sobre a credencial e a Mariana premendo nos iconos. A infografía inclúe un código QR para descargalo e acceder dende o teléfono móbil a toda a información.

Tódolas alcaldesas, alcaldes, presidentes de Cámaras, representantes das Deputacións de Pontevedra e A Coruña así como Turismo de Galicia salientaron a riqueza patrimonial e medioambiental dos tramos da Vía Mariana e a oportunidade que supón non só para peregrinos e peregrinas que transitan paisaxes espectaculares, tamén para a veciñanza destas vilas nas que pode supor un importante dinamizdor económico.

Todas as persoas participantes tomaron a palabra para amosar o seu compromiso na mellora dos seus tramos. Alcaldías galegas de A Coruña e Pontevedra e presidentes de Cámaras portuguesas; A Baña, A Cañiza, A Lama, Ames, Arbo, Brión, Campo Lameiro, Covelo, Mazaricos, Melgaço, Mondariz, Moraña, Muxía, Santa Comba, Valga e Vimianzo; Deputación de Pontevedra, Deputación de A Coruña, Turismo de Galicia e a Divissâo de Desarrollo Sociocultural ratificaron a declaración de Melgaço co compromiso de promocinar e divulgar a Vía ante todas as instancias posibles, nacionais e internacionais, e de contribuír para á súa inclusión na lista de Itinerarios Culturais Europeos do Consello de Europa.

Ademais, no manifesto ao que deu lectura José de la Riera sinalan que traballarán dun xeito colaborativo en actividades culturais que incentiven o coñecemento da Vía Mariana. Tamén axudarán ao/á peregrino/a en tránsito, tanto en material de instalacións municipais, parroquiais, veciñais ou privadas como de hospitalidade como sinal distintivo de todos os itinerarios de peregrinación, sendo as e os peregrinos “o/a mellor embaixador/a”. Por último respectarán e farán respectar o patrimonio material e natural vinculado ao itinerario e axudarán ao mantemento físico e sinalización do roteiro para o tránsito libre e seguro das persoas. De la Riera rematou agradecendo o movemento humano que ampara a Vía Mariana e o apoio das institucións presentes e asociadas á Vía Mariana Luso Galaica.

A Deputación súmase este sábado á celebración do Día das Artes Galegas dedicado a Martín Códax

A Deputación volve sumarse á celebración do Día das Artes Galegas que promove a Real Academia Galega de Belas Artes este sábado, 1 de abril, e que no 2023 protagoniza o trobador Martín Códax. Deste xeito, a Administración provincial desenvolverá diversas actividades para poñer en valor o legado deste músico da segunda metade do século XIII e comezos do XIV, orixinario de Vigo, protagonista das cantigas galegas e icona histórica, cultural e identitaria de Galicia. O programa deseñado pola Deputación pon en relación a música, a historia, a arte e a creatividade e implicará de xeito especial ao alumnado de Primaria e Secundaria de centros educativos da contorna de Vigo (pola relación do trobador coa cidade e a súa ría), amais de incluír un concerto de música medieval con Doa Dúo o 4 de maio na sede de Vigo.

Deste xeito, no caso de Primaria, os e as escolares dos CEIP Altamar de Vigo e o CEIP Plurilingüe de Redondela desfrutarán o 14 e o 25 abril respectivamente dun concerto didáctico de instrumentos medievais a cargo do músico e investigador Pablo Carpintero e a especialista en canto e danza Rosa Sánchez. Rosa e Pablo ofrecerán unha entretida charla-concerto, na que explicarán o uso destes instrumentos medievais utilizados por trobadores como Martín Códax, afondando na súa historia e a súa significación para a nosa cultura. Empregarán pandeiros e pandeiras, ferreñas, rabeis, trompas ou berimbaus, a Rosca do Baixo Miño, o alboka, diversos tipos de instrumentos infantís e outros de gaitas de fol, pois recentemente Carpintero demostrou mediante un modelo matemático e probas do carbono 14 que a gaita de Xan Tilve, gaiteiro de Campañó (Pontevedra) foi construída a mediados do século XV e empregada ata mediados do XX.

No que atinxe a Secundaria, celebrarase co alumnado do IES As Barxas de Moaña (17 de abril) e do CPI Arquitecto Palacios de Panxón, en Nigrán, (25 de abril) un obradoiro de iniciación á caligrafía medieval, a cargo da ilustradora especializada en caligrafía artística María Sancho. Neste taller, Sancho achegará ás e aos estudantes esta escritura a través dunha viaxe que vai dende a caligrafía medieval (tomando como referencia o Pergamiño Vindel, que recolle sete Cantigas de Amigo do trobador Martín Códax) ata a caligrafía contemporánea.

O Pleno do Concello de Oia aproba o proxecto de rehabilitación da Praza de Abastos

0

Desde hai máis dun ano o Concello de Oia vén dando pasos para avanzar no proxecto de reforma da Praza de Abastos, que permitirá a Oia contar cun novo espazo de uso público situado nunha zona estratéxica do municipio, en pleno centro, a carón da farmacia, centro de saúde, colexio, escola infantil… e con acceso dende a estrada PO-552. As primeiras accións consistiron nun estudo de mercado e anteproxecto, así como a organización de diversos encontros cos comerciantes locais a fin de coñecer as súas opinións e achegas.

Dentro destes primeiros traballos postos en marcha desde a Administración local tamén se lograron definir os diferentes usos que poderá albergar a nova praza: feira alimentaria, feira de artesanía, espazos públicos, bar-cafetería, entre outros. Con esta actuación tamén se pretende contribuír a desestacionalizar o turismo, procurando crear unha oferta atractiva que incentive a chegada de turistas de xeito regular, durante todo o ano.

Así mesmo, realizáronse unha serie de actuacións para a captación de fondos do PIREP Local do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (programa que se enmarca na estratexia deseñada polo Goberno para distribuír os fondos europeos Next Generation EU). A candidatura presentada ao PIREP conseguiu captar un investimento de aproximadamente 600.000 euros para desenvolver o proxecto de rehabilitación integral do edificio do mercado. Ao longo do ano hai convocadas outras liñas de subvención ás que se vai optar para conseguir o resto do financiamento necesario.

No día de hoxe continuouse avanzando para facer esta iniciativa realidade, aprobando o proxecto no pleno ordinario. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables dos grupos municipais do PP e BNG e a abstención do PSOE. O seguinte paso será licitar a obra. A alcaldesa, Cristina Correa, manifestou que “coa aprobación plenaria deste xoves séguese a avanzar nunha actuación que permitirá que Oia dispoña dunha nova praza de abastos así como novos espazos polivalentes que dean servizo á veciñanza”.

O Concello de Ponteareas inaugurará o luns 3 de abril o remodelado skatepark con exhibicións e obradoiros

Ponteareas inaugurará o seu recentemente remodelado skatepark. O Concello organiza o vindeiro luns 3 de abril unha xornada de cultura urbana coa que se estrearán as instalacións, reacondicionadas polo Goberno municipal co obxectivo de dotar ao skatepark situado no Parque das Pombas de maior atractivo e diversión, aumentando así o número de usuarios e usuarias que gocen deste novo espazo.

Con estas obras de remodelación, o Concello executou unha nova proposta de deseño das instalacións, creando novos elementos de formigón in situ, recolocando algúns dos elementos de pedra existentes e reenchendo o half co que se contaba.

“Traballamos para dar resposta ás demandas dos usuarios e usuarias, que reclamaban unhas instalacións melloradas con maior variedade de elementos para as diferentes disciplinas e colocados noutra disposición para un maior entretemento”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández, que sinala que serán moitas as mozas, mozos e familias que empregarán dende agora este novo skatepark. “Con este equipamento ampliamos a nosa oferta de instalacións deportivas e de lecer para que a mocidade non teña que desprazarse a outros lugares e reforzamos Ponteareas como un magnífico lugar para vivir”, salientou a alcaldesa.

Co soterramento do half logrouse aumentar a superficie de rodadura dispoñíbel para os e as usuarias e facer unha pista máis segura. Tamén se formaron varios Quarter de diferentes dimensións, creouse unha duna de 4,8 metros de diámetro e deseñouse un módulo composto por unha pirámide truncada cunha base superior en forma de caixón, cun rail, cun chanzo e cun elemento de pedra. Ademais, realizouse un rail de 4 metros de lonxitude, colocáronse novas pezas de granito similares á que xa existía para conseguir unha óptima circulación e dotouse á pista dunha rampla para que sexa accesíbel dende o exterior.

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, anima a participar na xornada de cultura urbana inaugural, unha tarde con ambiente festivo que contará con diferentes exhibicións de skaters de gran nivel e cun obradoiro no que calquera persoa poderá dar os seus primeiros pasos con patíns e proteccións que facilitará o propio Concello. “O público poderá desfrutar destas renovadas instalacións coas que seguimos apostando por fomentar un estilo de vida máis saudábel e aproveitar os espazos ao aire libre para o lecer das mozas e mozos”, recalca o edil.

A Cañiza aposta polo ‘turismo activo’ e a posta en valor da riqueza paisaxística do municipio

0

O altísimo potencial paisaxístico é, sen dúbida, un dos elementos patrimoniais con que conta o Concello da Cañiza e que o situa como un dos mellores emprazamentos para disfrutar do turismo activo. Nesa liña e con esa filosofía de traballo, o Goberno municipal que preside Luis Piña desenvolveu, neste mandato, numerosas actuacións para mellorar a oferta xa existente.

Nesta liña, reordenáronse 3 novos sendeiros. Ruta de Fontefría, de Luneda e da Cidade Castrexa das Grades, nun proxecto financiado con 29.866,22€ polas axudas para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos do Plan Concellos da Deputación.

O proxecto abarcou a execución dos traballos de acondicionamento e o desenvolvemento dun completo traballo de campo, con informes específicos do sendeiro, indicadores das actuacións de mantemento necesarias durante o ano e sinalización da ruta seguindo a normativa da Federación Galega de Montañismo. Tamén se  instalaron paneis interpretativos que están axudando a divulgar os valores do entorno

No caso destes 3 novos sendeiros, o proxecto complétase co deseño e impresión dunha guía de sendeirismo (que estará dispoñible próximamente en formato papel e que o Concello xa adiantou na súa versión online) e a creación de contidos dixitais para o seu emprego na páxina web do Concello e na plataforma Wikiloc.

[su_image_carousel source=”media: 69929,69928,69927″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Ademáis no 2021 acondicionouse o sendeiro do río Ribadil “Rede Natura” ao seu paso polo Couto, cunha inversión de 19.872,47€, para o que se conseguiu unha subvención de 12.688,97€ da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. O 28-09-2022 adxudicouse a obra “construcción dun mirador e zona de descanso no río Ribadil” cunha inversión de 19.955,86 € para os que se conseguíu unha subvención de 18.142,45 € en 2 anualidades –9.071,22 € para 2022 e 9.071,23 € para 2023- da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Aproveitar o alto valor turístico da paisaxe

Todas estas medidas compren co obxectivo de por en valor o potencial paisaxístico,  aproveitar ao máximo os recursos naturais e orientalos ao turismo rural de forma desestacionalizada, para impulsar a economía do concello.

A Deputación de Pontevedra entrega os premios Demo Day de “DepoEmprende na FP”

O Salón de plenos do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra acolleu o Demo Day da sétima edición de “DepoEmprende na FP”, na que alumnos e alumnas de 6 centros da provincia –Vigo (2), Pontevedra (2), Gondomar (1) e As Neves (1)– presentaron os 8 proxectos emprendedores elixidos para participar neste certame, no que se repartiron 1.900 euros en premios.

A iniciativa “Brunch Café o Camiño” do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) alzouse como gañadora na categoría de grao medio, que conta cun único premio de 700 euros. Trátase dunha proposta dun local de almorzos e xantares localizado na cidade de Pontevedra e baseado nunha cociña km 0, para garantir a calidade e a frescura de cada un dos produtos valorando a relación calidade-prezo. Pola súa banda, os premios para os proxectos de grao superior recaeron en “Mia Creativa”, do IES Montecelo (Pontevedra) –o primeiro premio, dotado con 700 euros– e en “Depoenxebre”, do IES A Guía (Vigo) –o segundo premio, con 500 euros–. A primeira delas é unha empresa especializada en deseño inclusivo que se centra no desenvolvemento dunha web accesible, identidade corporativa e deseño gráfico. A segunda trátase dunha iniciativa que ofrece unha ampla variedade de servizos baseados na socialización a través da actividade física, especializados na terceira idade.

Ademais dos tres proxectos gañadores tamén presentaron os seus proxectos o alumnado de ciclo medio do IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), con “Verdeauga”, e o do IES Pazo da Mercé (As Neves), con “Itavia”. As propostas de grao superior foron “Furabolos”, do IES A Guía (Vigo), “Vending Automation”, do IES Politécnico (Vigo), e “Holics”, do IES Montecelo.  

A Xunta investirá máis de 250.000 euros na restauración e posta en valor do Templete de Palacios no Porriño

A Xunta de Galicia restaurará o templete da Rede de San Luis, peza da autoría de Antonio Palacios, situada no Porriño, para o que se destinará un investimento de máis de 250.000 €. Así o avanzou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez que visitou esta peza arquitectónica co alcalde, Alejandro Lorenzo, para comprobar o seu estado actual.

O titular de Cultura salientou o carácter “emblemático” do templete, autoría “dun galego convertido nunha figura imprescindible da arquitectura e nun urbanista de referencia”. Neste sentido, referiuse ao compromiso da Xunta por “poñer en valor e divulgar o legado que Palacios ten en Galicia, no que este templete ocupa un lugar destacado que merece ser valorado”.

A estrutura está visiblemente deteriorada pola entrada de auga nas xuntas e presenza de ferro oxidado debido, sobre todo, á ausencia dun elemento de cubrición. Tamén se aprecian manchas de oxidación, presenza de prantas superiores e pátina biolóxica de liques. Por iso, como explicou Román Rodríguez, as actuacións previstas consistirán na reparación dos danos nos elementos construtivos de paramentos, fachadas, cuberta e acadados, así como a renovación do pavimento e o ámbito urbano inmediato á peza arquitectónica de Palacios.

Construído en 1919

O templete foi construído en 1919 por Antonio Palacios para acceder á estación de metro na Gran Vía en Madrid. Está incluído no proxecto que lle encargou en 1917 a Compañía Metropolitana e que comprendía o deseño e a decoración de todos os espazos interiores e exteriores da liña Sol-Ventas. A construción orixinal contaba cun ascensor no seu interior que quedou en desuso despois de colocarse as escaleiras mecánicas. Isto acelerou a súa desmontaxe en 1970. Foi posteriormente enviado ao Porriño por ser a cidade natal do arquitecto, despois de varias alternativas para a súa localización en Madrid e na actualidade está colocado no Campo da Feira.

O pleno do Concello de Oia rexeita por unanimidade as instalacións de eólicos mariños

0

A Corporación Municipal de Oia aprobou por unanimidade no pleno ordinario celebrado este xoves o seu rexeitamento a proxectos de instalación de parques eólicos mariños na súa costa.

Os grupos políticos municipais subscribiron unha moción presentada pola Confraría de Pescadores “Santa Tecla” da Guarda na que, ante a situación actual e prevista coa posible implantación de varios polígonos de eólica mariña na costa en virtude dos POEM aprobados polo Goberno de España, solicitaba ao Concello de Oia que mostrase o seu rexeitamento como municipio afectado.

A iniciativa plenaria manifesta que estes plans son “o maior ataque histórico á pesca e aos ecosistemas mariños”, cualificándoos de “ecocidio” e “pescacidio” e advirte de que “poden poñer en risco o modo de vida de miles de pescadores e xente do mar”.

Ante esta situación o pleno, co apoio dos grupos municipais do PP, PSOE e BNG, acordou “rexeitar os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM)” e solicitar a dimisión da ministra Teresa Ribera, dando traslado do acordo adoptado ao Ministerio e Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

A moción advirte de que “só na Demarcación Noratlántica hai máis de 300 caladoiros de pesca identificados e moitos deles son invadidos por estes espazos reservados polo Goberno para a eólica mariña”. Segundo engade, diferentes especies peláxicas coma a anchoa, a sardiña, o bonito, a xarda ou o xurelo “móvense constante por toda a plataforma continental que pretende encher de aeroxeradores”.

Gondomar cederá a antiga escola de Donas ao Movemento Veciñal Escola de San Cibrán

0

Concello de Gondomar e o recentemente creado “Movemento Veciñal da Escola de San Cibrán”, na parroquia de Donas, asinarán un convenio polo cal o Concello cederá o uso das aulas da antiga escola para ás actividade organizadas por este colectivo.

O obxectivo do goberno local con esta cesión é o reforzo do tecido asociativo en todas ás parroquias do municipio e potenciar ás actividades culturais, deportivas, formativas e de ocio que esta asociación levarán a cabo.

O concello xa realizou algunhas melloras nas instalacións da antiga escola para que este movemento veciñal poida realizar as súas actividades nas mellores condicións, e proximamente se realizarán outras reformas no inmoble a través dunha subvención solicitada á Deputación de Pontevedra.

O alcalde Paco Ferreira quixo destacar que “é moi importante que dende a administración local se apoie o tecido asociativo da nosa vila, xa sexa no ámbito veciñal, cultural ou deportivo e impulsemos iniciativas tan positivas como a que están levando adiante neste caso veciñas como Mari e Rocío, ou moitas outras que levan años traballando para que este movemento veciñal poida ser xa unha realidade”.