A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de colaborar coa mellora integral do Centro Cultural de Mabia, no Concello de Oia, cunha achega de preto de 40.000 euros concedida ao abeiro da orde de axudas para infraestruturas municipais de uso público.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou, acompañado da alcaldesa, Cristina Correa, o remate das obras de modernización deste recinto de 175 m2 do barrio de Loureza, nas que se investiron 64.000 euros. “Mabia atópase a bastante distancia do centro municipal, polo que cremos que a proposta do Concello de deixar o seu centro cultural nas mellores condicións é moi atinada e tiña que contar coa colaboración da Xunta, posto que deste xeito incrementarase o seu uso e facilitarase a actividade social, veciñal e cultural nesta contorna”, explicou o representante autonómico.
A actuación contemplou diversas obras no interior do edificio, que consistiron na substitución da pavimentación para dotalo de illamento térmico e favorecer a eficiencia enerxética, a renovación das carpintarías exteriores por unhas con dobre acristalamento e rotura de ponte térmica, a instalación dun falso teito acústico, a habilitación dun aseo accesible, o pintado con materiais antimofo e a mellora na instalación eléctrica.
Por outra banda, no exterior do centro cultural procedeuse á renovación da pavimentación do porche para garantir unha accesibilidade universal, o acondicionamento do teito do porche, a reparación da impermeabilización do aleiro da cuberta e a instalación de sistemas de evacuación de augas pluviais con canalóns e baixantes, a dotación de pintura impermeabilizante na fachada e a instalación dunha varanda na escaleira exterior.
Deste xeito, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes segue a investir no Concello de Oia, ao que transferiu 455.000 euros nos últimos anos a través das distintas ordes de axudas para accións de mellora do abastecemento de auga e da xestión do lixo, o acondicionamento de pistas e camiños municipais e a modernización de edificios e instalacións municipais, entre outras. Ademais, o delegado territorial confirmoulle á rexedora que a dotación anual para o Concello a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) será de 186.000 euros.