O Concello de Redondela organizou o primeiro evento musical na recentemente estreada Praza de Ponteareas. O pasado domingo día 2, ás 18:00 horas da tarde, 1500 veciños acudiron ao concerto de María do Ceo para gozar do espectáculo neste renovado e amplo espazo.
A Praza de Ponteareas pretende ser “un lugar de xuntanza e movemento para a veciñanza de Redondela. A intención é continuar desenvolvendo os eventos tradicionais e as festas máis coñecidas, como a Festa do Choco ou o Festival Internacional de Títeres, nesta localización para aproveitar o espazo diáfano e que a xente poida, comodamente e de balde, participar da vida social da vila”, explica a alcaldesa de Redondela Digna Rivas.
A artista portuguesa afincada en Galicia é un dos nomes máis coñecidos dentro da música tradicional e concretamente do fado. “Creemos que esta foi a mellor forma de estrear a Praza de Ponteareas, cun concerto de calidade para tódalas idades e que atraeu a moitísima xente e creou o ambiente cultural que esperábamos ”, engade Rivas.
A transformación da Praza de Ponteareas foi unha obra de gran importancia que contou con case un millón de euros dos fondos europeos EDUSI. Este proxecto cambiou por completo a imaxe da entrada á Redondela, cada vez máis concorrida gracias ao aumento do turismo e a peregrinaxe.
O proxecto completarase co aparcamento disuasorio que se atopa nestes momentos en execución. Esta fora unha petición da veciñanza da contorna, como solución non só para as e os residentes senón tamén para as persoas que, chegando das parroquias, puideran deixar os seus vehículos nun lugar céntrico. Isto solucionará tamén os problemas para aparcar durante datas sinaladas, como as festas do municipio ou os días de feria.