Mércores, 11 Decembro de 2024

As Festas de San Telm,o escaparate da riqueza cultural, patrimonial, deportivo e gastronómica de Tui

A música será protagonista no programa a celebrar entre o 8 e o 17 de abril

Tradición, música, espectáculos familiares, gastronomía, deporte… forman parte da programación das Festas de San Telmo 2023 que se van celebrar do sábado 8 ao luns 17 de abril en Tui. O Paseo da Corredoira, onde se instalará unha carpa para as festas, a praza da Inmaculada, o Teatro Municipal, a rúa Compostela, e o Espazo Feiral, serán os principais escenarios das actividades previstas.

As festas foron presentadas na mañá de onte polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou coma as festas de San Telmo “son un dos eventos máis importantes da cidade e que nos singularizan”. Detallou a aposta, que se mantén un ano máis, por descentralizar a actividade programada celebrando eventos ao longo de todo o entramado urbano. Dicía Enrique Cabaleiro que “as festas teñen que ser unha ventá aberta, un escaparate onde as distintas manifestacións de produción cultural do noso concello teñen que ter cabida”.

Aludía amais o alcalde a aposta por un pregón con carácter festivo, á creación e continuidade que se deu ao Premios Cidade de Tui, e a aposta por un libro de festas cunha coidada edición que cada ano se centra nunha temática e que “serve de escaparate do moito que temos que ofrecer”. Este ano está dedicado a espazos emblemáticos do municipio, aos primeiros fotógrafos tudenses, e ao médico e filósofo Francisco Sánchez.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicou que nestas festas declaradas de Interese Turístico Galego “aunamos a música coma principal protagonista, a tradición, as artes escénicas, o teatro, a maxia, a animación na rúa, o deporte, a gastronomía” nunha programación  que “é o reflexo da riqueza e da diversidade que ao longo de todo un ano xa ten o noso concello”. Repasaba a continuación a concelleira de xeito pormenorizado todo que que poderemos disfrutar ao longo dos dez días dos festexos.

Así Nena Daconte, Rafa Sánchez, e o rapeiro Arce encabezan o cartel musical dos festexos cos concertos que ofrecerán no Espazo Feiral. Mentres na carpa situada no Paseo da Corredoira actuarán os grupos locais Amnesia e Ola de Calor o domingo 9, Old Bridge estará en concerto o venres 14, La Patrulla o sábado 15 e Los Jinetes del Trópico o domingo 16. Tamén na parte musical das festas contarase con Cé Orquestra Pantasma e as charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo.

A música tradicional estará presente nos festexos co concerto do grupo galego Treixadura ofrecerá no Espazo Feiral o domingo 9 ás 20 h. O sábado 8 as bandas de gaitas Arume de Malvas e Lembranzas da Terra de Guillarei protagonizarán un desfile dende o Teatro Municipal até a Corredoira. O domingo 9 os grupos tudenses participarán no tradicional Festival Folclórico no Teatro Municipal no que dicía Sonsoles Vicente, amosarase a “diversidade e riqueza do folclore no municipio”. Mentres o domingo 16 celebrarase o desfile exaltación do traxe tradicional.

As bandas de música populares actuarán tamén na carpa da Corredoira. Así a Banda de Música Popular Tui ofrecerá o seu primeiro concerto o domingo 9, e volverá actuar o domingo 16. A Municipal de Silleda estará en concerto o domingo 9, a Cultural de Salceda actuará o domingo 16, e a Popular de Rubiós e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín ofrecerán os seus concertos o Luns de San Telmo.

A orquestra Panorama será a encargada de pechar as festas no Espazo Feiral o luns 17, pero tamén actuarán nas verbenas a Orquestra Olympus, o grupo América, a Orquestra Los Satélites e Los Players.

O público familiar poderá gozar das actuacións de Paco Nogueiras, Migallas, o Rey Midas, Brais das Hortas, Patty Difhusa que actuarán polas tardes entre o martes 9 e o sábado 15 ás 18 h na carpa da Corredoira. Tamén participarán nas festas Barafunda Animación con “Aves de Paraíso” e Troula Animación con “Circo” con sendos pasarrúas o venres 14 e sábado 15.

Por outra parte as corais Ponte das Febres, do Centro Sociocomunitario e San Telmo actuará nas residencias San Telmo, Paz y Bien e no Centro de Día de Amoralia.

Coincidindo coas Festas de San Telmo celebrarase a décimo terceira edición da Semana de Teatro Amador que terá lugar entre o martes 11 e o venres 14 no Teatro Municipal coa participación dos grupos tudenses Chirlomirlo de Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, A Insua de Caldelas e Aloia de Pazos de Reis

O Concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, presentaba as actividades deportivas previstas nas festas. Así avanzou que xa se superan as 800 persoas inscritas na Carreira Popular e Solidaria que se vai celebrar o sábado 15 organizada polo Club Atletismo Tui e o Concello de Tui e na que se recollerán alimentos para SOS Tomiño-Baixo Miño. A inscrición está aberta até o mércores 12 na web do club de atletismo. O domingo 16 celebrarase a Andaina de San Telmo que da man de AndaTui fará un percorrido de 8 quilómetros polo conxunto histórico partindo ás 10 h dende a Praza da Inmaculada de Tui. É preciso inscrición previa en andatui.es ou no 607 785 601.

Avanzou amais Rafael Estévez que de novo a Feira Cabalar se celebrará en dobre xornada, o domingo 16 e o luns 17, no barrio de San Bartolomeu. Xunto á actividade compra-venda, haberá concurso de saltos, exhibición concurso de enganche e de andadura galega, xincanas, poni club, paseos en carruaxe e o espectáculo ecuestre de Santi Serra Camps. Agradecía o concelleiro a colaboración neste evento da Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu, Hípica Marcos, Amigos Cabalar de Ribadelouro, Equigalia, Protección Civil e Radio Municipal.

Ta el coma explicou a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, nas festas non faltará a cita coa gastronomía coa Festa do Meixón que dende mañá e até o luns 17 se celebra no Asador Paulo, El Molino, El Niño Trasto , Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado, e Parador de Tui. Nestes restaurantes poderase degustar unha tapa de meixón por un prezo de 79€ previa reserva no propio establecemento.

E o sábado 8 e domingo 9 celebrarase o II Encontro de Viños da Raia coa participación dunha ducia de adegas das dúas marxes do Miño, postos de petiscos e actividades paralelas nas que participarán a enóloga tudense Susana Esteban, o cociñeiro Estrella Michelín Rafa Centeno, o sumiller Adrián Guerra, e no que se presentará o libro “A nación dos mil viños”.

Tamén durante os festexos se conmemorará o décimo aniversario do acordo de irmandade co municipio alemán de Versmold cun acto institucional o luns 17 e a entrega dun banco da irmandade entre as dúas cidades.

Na fin de semana de San Telmo non faltarán os actos relixioso que culminarán coa tradicional e multitudinaria procesión do Santo luns pola noite. E para pechar os festexos deste ano dende os xardíns de Troncoso haberá unha tirada de fogos piromusicais.