Domingo, 8 Xuño de 2025

O Rosal avanza na implementación da Axenda 2030

0

O Concello do Rosal mantén un firme compromiso por implementar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no municipio, adaptando as metas á realidade local. Para conseguilo, xa comezou a traballar na elaboración dun plan estratéxico que permita a localización, implementación e seguemento dos ODS da Axenda 2030, pasos que se van a dar da man do tecido asociativo, económico e social rosaleiro.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a involucrarse no proceso participativo que se porá en marcha como primeira fase deste proxecto, “unha primeira parte na que recolleremos a información precisa para incorporar os elementos diferenciais do Rosal”.

Será unha diagnose participativa de situación que tome como punto de partida a realidade do territorio e as actuacións que xa se están realizando e fixar as bases sobre as que traballar para a elaboración dun Plan de Acción Local e deseñar políticas públicas cun enfoque máis integral para o desenvolvemento sostible a nivel social, económico e medioambiental.

“O resultado será unha ferramenta de planificación estratéxica coa que se poderán establecer liñas de actuación coas que incorporar os ODS, detallando os compromisos e medios a mobilizar e programando accións concretas para despregar a Axenda 2030 no noso concello”, explica a rexedora.

O Concello do Rosal leva anos traballando nesta liña, polo que este plan estratéxico “contribuirá a favorecer a loita contra o cambio climático e a transición cara a economías baixas en carbono, a eficiencia enerxética, a economía circular e a construción de sociedades máis xustas e igualitarias”.

Ao abeiro do proxecto tamén se levarán a cabo accións de sensibilización entre a veciñanza, estendendo os coñecementos da Axenda 2030 e os ODS e suscitando o interese entre a cidadanía. Porase en marcha tamén un grupo de traballo con representantes a nivel político e técnico que se irá abrindo a outros actores locais a medida que a iniciativa avance, establecendo sinerxías e reforzando alianzas.

A posta en marcha deste plan conta coa subvención da Secretaría de Estado para la Agenda 2030 del Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinada á posta en marcha de accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.

A Axenda 2030 distribúese en 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que van dende o fin da pobreza á loita contra o cambio climático, pasando pola igualdade de xénero, a educación ou a saúde. Estes obxectivos divídense en 169 metas que representan todos os aspectos que a gran maioría dos países do mundo acordaron que é necesario mellorar.

Obras de mellora na praza de abastos de Arbo

0

Arbo representa na súa contorna un concello moi relevante en canto á importancia do produto agroalimentario, polo que a mellora da súa praza de abastos supón unha necesidade para preservar tanto a produción de produto como a súa comercialización, polo que o Concello de Arbo e a Conselleria de Economía, Industria e Innovación asinaban en setembro de 2023 un convenio de Colaboración, polo que se concede a este Concello unha subvención  de 39.547,26 € para a actuación incluída no proxecto de “OBRA DE REPARACIÓN DE PAVIMENTO DO MERCADO MUNICIPAL DE ARBO”, cun orzamento de   39.547,26 €.

“A mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, informa o alcalde de Arbo, Horacio Gil, que recorda que no 2014 xa se realizaron obras de melloras.

As obras  teñen por obxecto as actuacións necesarias para reparación de pavimento no  Mercado Municipal de Arbo, así como o acondicionamento e  reparación de distintos elementos do  mesmo para  o seu normal funcionamento e a mellora das condicións de salubridade. Con ditas actuacións preténdese corrixir as deficiencias detectadas no Mercado Municipal, sendo a principal o actual pavimento de resinas, no que aparecen pequenas fisuras en zonas de tránsito, cuarteamento e posterior  levantamento do revestimentos como consecuencia do tránsito e arrastre de materiais (caixas, etc) e  incluso zonas onde o anclaxe ou adherencia do acabado puido fallar, o que dificulta a limpeza e produce un deficiente impacto visual.

Para o gobernó arbense, as actuacións desenvolvidas nas prazas de abastos, resultan imprescindibles para  xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría… Remata o rexedor arbense,

Cúmprense cen días do goberno de Movemento Salceda

O equipo de goberno de Salceda de Caselas, liderado por Loli Castiñeira, vén de realizar unha valoración moi positiva dos primeiros cen días de goberno desta lexislatura, a pesares das dificultades que teñen que afrontar polo feito de non contar con maioría.

O equipo de Movemento Salceda ten levado a cabo importantes xestións propias do verán como a posta a punto das piscinas municipais que conseguiron abrir en tempo récord superando numerosos imprevistos, ou as obras dos diferentes colexios para a volta ás aulas, destacando a primeira fase dos traballos de recuperación da aula anexa de San Xurxo ou o cambio de tellado da Picoña. Fundamental tamén no verán foi a organización de eventos como o Verán Cultural e as Festas do Cristo, a Festa dos Callos, ou a colaboración cos campamentos de verán dos diferentes colectivos.

Tamén no relativo a obras se ten avanzado nestes cen días, coa posta en marcha do proxecto de mellora do Carreiro do Rollo, o inicio das obras de reforma do Auditorio Municipal, ou a reforma da cuberta e a impermeabilización do Pavillón Municipal. Nas vindeiras semanas dará comezo a obra de mellora dos camiños interiores do Parque da Gándara, así como a recuperación do vello camiño que une o barrio da Pedra coa Praza de Abastos, os asfaltados das estradas da Portela na Picoña e Pedrabuxiña en Parderrubias, e a reparación de diferentes puntos que resultaron danados polas intensas choivas do pasado inverno. Non se poden esquecer ademais as intervencións en conservación do patrimonio, unha constante para MS, que nesta lexislatura vén de materializarse na posta en valor do lavadoiro do Rial, así como na recuperación do funcionamento do Muíño da Laxe despois de catro anos parado.

No eido do benestar social realizáronse melloras na Escola Infantil A Galiña Azul e conseguiuse botar a andar o Centro Cívico Social da Devesa despois de conseguir rematar, e polo tanto, recepcionar o edificio trala súa reforma, e que deste xeito diferentes colectivos poidan seguir a desenvolver as súas tarefas neste edificio. O Programa “Xuntas” que se levou a cabo dende a área de Igualdade ofreceu talleres e asesoramento ás mulleres que así o demandasen, tanto no relativo a cuestións de familia, como no eido laboral. Unha vez rematado este programa, bota a andar o Plan de Corresponsabilidade.

En canto ao eido educativo, por fin se conseguiu que botase a andar a ampliación do IES Pedras Rubias, e xestionouse a cesión de un terreo colindante para acondicionar como aparcadoiro, compensando deste xeito as prazas perdidas polas obras.

Importantes pasos déronse tamén en relación a un servizo fundamental como é o do saneamento, coa elaboración dos proxectos para Presa, Noveleira e Outeiro, e o inicio das obras de conexión do barrio de Ataúde nos vindeiros días. Tamén no eido da protección do medio, deuse por fin resposta a unha reiterada demanda: a da posta en marcha do método CER para as colonias de gatos, con un traballo de cooperación continuo entre a Concellaría de Axenda Ecolóxica e o voluntariado. En canto ao medio rural, nun tempo récord conseguiuse desbrozar a práctica totalidade de viais e espazos públicos, unha necesidade urxente que o equipo de goberno acometeu dende o primeiro día da lexislatura.

En canto ao emprego, conseguiuse un novo obradoiro para a reforma de centros educativos por valor de 531.046,20€.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, indicou de despois destos 100 días de goberno “non podo estar máis orgullosa dos meus compañeiros Alex, Selene e Marcos, que nestes cen días de traballo están a demostrar a súa valía e capacidade de traballo antepoñendo o seu cariño por Salceda ante tódalas dificultades que se nos presenten”.

“Levamos traballado arreo para botar a andar proxectos e iniciativas que pronto verán a luz, pero tamén para seguir a reclamar os dereitos que lle corresponden á nosa veciñanza, como a urxente solución dos problemas de pediatría. Para elo levámonos reunido xa con diversos colectivos e asociacións do noso municipio, pois consideramos que a colaboración coa sociedade é fundamental para que Salceda continúe avanzando”.

Preocupación no Grupo Municipal Socialista da Guarda pola obra no Camiño de Salgueiró

0

Durante estas semanas estase a executar unha obra de cambio de firme de parte do camiño de Salgueiró, en Camposancos, cunha axuda acadada polo anterior goberno socialista, dentro do Plan Marco da Xunta de Galicia. Esta subvención posibilitaría levar a cabo obras de mellora do firme, non estando permitido en ningún caso levar a cabo actuacións como por exemplo a acometida para evacuación de augas pluviais.

Dado que o anterior equipo de goberno era consciente da importancia de actuar nese camiño e conseguir unha solución ás inundacións que se teñen producido en múltiples ocasión nas casas dos veciños, solicitouse esa subvención e tíñase previsto complementala con fondos propios do Concello e solucionar dunha vez por todas dita problemática.

Xa durante o pasado pleno ordinario do 27 de setembro trasladamos ao equipo de goberno a nosa preocupación, que tamén nos transmitiron varios veciños e veciñas da zona, non obtendo por parte do Concelleiro de Vías e Obras unha resposta clara.

Dado que obsérvase, segundo vai transcorrendo a obra, que non se está acometendo ningunha instalación nin tubaxe específico para as augas pluviais, así como que as marcas de niveis e arquetas colocadas non son as axeitadas, e que abofé, complicarán aínda máis o problema nas casas, o PSOE guardés vese na obriga de solicitar ao alcalde da Guarda que paralice dita obra para que poda ser replantexada e se busque a financiación necesaria para solucionar o problema de evacuación de pluviais.

Os socialistas esixen que o alcalde reconsidere as actuacións do seu equipo e realice unha xestión acorde ao seu cargo, co fin de acadar unha solución urxente ao problema dos veciños e veciñas de Salgueiró.

Nigrán renova toldos e estores da escola infantil “A Galiña Azul”

0

O Concello de Nigrán investíu este curso escolar un total de 12.789 € para melloras de todo tipo na escola infantil municipal ‘A Galiña Azul’, situada na rúa do Panasco e á que acuden 72 crianzas de 0 a 3 anos.

En concreto, investíronse 6.648 € na renovación de todos os toldos e estores. Os elementos atopábanse moi deteriorados tras uns 15 anos sen renovarse e resultan imprescindibles para proporcionar escuridade á hora da sesta (os 6 estores interiores son de foscurit precisamente con este fin) e para que, mediante os cinco toldos exteriores, non entre a luz directa e se evite a calor nas aulas.

Adicionalmente, investíronse 4.521 € euros por parte do Concello para o pintado das aulas e 1.150 € para a adquisición dunha nova secadora industrial con bomba de calor A+++ tras estropearse a antiga. Finalmente, o Concello proporcionou ao centro dúas cociñas de xoguete de madeira equipadas con utensilios metálicos por valor de 470 € en total. 

Outubro arranca con tres novos obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Centraranse en como protexerse do phishing como método para mellorar a ciberseguridade, en optimización da canle de YouTube e no funcionamento de ChatGPT e Stable Diffusion.

A programación arrancará o luns, 2 de setembro, co obradoiro “Ciberseguridade, o Phishing”, de 10:30 a 11:30 horas, no que se darán claves para protexernos dun ataque phishing coñecendo os diferentes tipos e as formas de evitalo. O docente Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D con máis de 4 años de experiencia impartindo talleres, encargarase desta formación.

O mércores 4 comeza o taller “Optimiza a túa canle de YouTube” de 11:00 a 12:30 horas. A través desta formación, as persoas que participen aprenderán a promover a canle e aumentar o seu número de reproducións, así como o número de visualizacións e subscritores. Este taller será impartido por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e cun posgraduado en Comunicación e Industrias Creativas.

O xoves 5 continúa o itinerario para o manexo da intelixencia artificial con “ChatGPT e Stable Diffusion, aprende o seu funcionamento – III” de 12:00 a 13:00 horas. Con este terceiro bloque formativo darase a coñecer a interacción con ChatGPT a través de exemplos de conversas, indicadores de texto, así como limitacións e consideracións sobre o seu uso. O taller será impartido polo experto en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire.

Domingo Villar, «Síbaris»

A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas. Mais convén reflexionar sobre as súas últimas publicacións pois a ninguén se lle escapa que, cos derradeiros traballos saídos da súa pluma, semella que lle quixese dar un importante xiro á súa evolución literaria. Meses antes do seu pasamento apareceu un pequeno libro de relatos, unha verdadeira alfaia que, baixo o título «Algúns contos incompletos», amosaba unha ruptura total coas novelas protagonizadas polo inspector Leo Caldas, tanto en temática como en estilo, moito máis directo e depurado. Agora, e a título póstumo, vén de saír do prelo unha peza teatral, «Síbaris», que, ao meu entender, afonda nesa mesma idea.

«Síbaris» é un texto que Villar deixou rematado e listo para ser estreado por Carlos Blanco e Belén Constenla, cos que xa iniciara xestións para levalo aos escenarios e que estes días, coincidindo coa publicación, está a ser presentado por teatros de toda Galicia. Poderiamos considerala unha comedia negra de enredo ao estilo máis tradicional e burgués, unha comedia de salón clásica. Está protagonizada por un escritor en horas baixas, angustiado polo longo tempo que leva nun bloqueo creativo motivado polo medo a non acadar o nivel da súa primeira e exitosísima novela. Cun punto excéntrico e un importante grao de autocompracencia, o escritor rexouba dun sistema literario que considera caduco e, sobre todo, superficial. Os problemas económicos motivados por esa inactividade afectan á relación coa súa dona, coa que chega a argallar o xeito de solventalos finxindo a súa propia morte.

Villar aproveita para expoñer e reflexionar sobre cuestións como a maneira de enfrontarse á fama, as reticencias e as consecuencias psicolóxicas que esa fama pode provocar, o mundo literario, mesmo as relacións de parella. E faino cunha habilidosa retranca e con diálogos áxiles, enxeñosos e ben desenvolvidos que imprimen un enorme dinamismo á trama. Todo o peso da peza recae nunha parella de actores, o escritor e a súa dona, con intervencións esporádicas do axente literario do primeiro e un médico amigo deste. Completa o elenco a figura case pantasmal dun veciño de escaleira que, tendo un peso importante na trama, non ten diálogo e mantén unha escasa presencia escénica. Ao parecer, o propio Villar reservaba para si ese papel, desexoso de participar nas representacións.

O resultado é unha comedia divertida, un puro entretemento de sabor clásico que deixará un pouso agradable no padal do espectador/lector. Mais, retomando a idea inicial desta recensión e a pesar de que esta peza mantén vínculos evidentes coas novelas negras que lle deron fama, afonda no un claro distanciamento coa súa liña literaria anterior. O abandono da novela (quizais ideado coma unha simple paréntese temporal), en favor do conto breve e do teatro, así como o cambio de estilo que se percibe nestes dous últimos, traballos, así parecen insinualo. Mágoa que xa non poidamos verificar esta hipótese.

Domingo Villar

«Síbaris»

172 páxinas

“Depotermal” arranca esta semana cunha saída ás termas de Cuntis

Un total de 72 persoas da provincia maiores de 50 anos inaugurarán este luns nas Termas de Cuntis o programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal”. Son veciños dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Meaño, Meis e Ribadumia que gozarán da modalidade diúrna deste programa, polo que acudirán durante cinco días consecutivos ao establecemento termal para desfrutar das súas instalacións, como os baños de hidromasaxe ou a piscina terapéutica.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

 “Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con pernoita.

O Goberno de Irlanda selecciona o Concello de Tomiño como caso de estudo polo seu modelo de mobilidade

0

O Goberno de Irlanda vén de seleccionar ao Concello de Tomiño como caso de estudo polo seu modelo de mobilidade: quere coñecer os mecanismos de redución do tráfico que se aplicaron na vila do Baixo Miño e levar as recomendacións tomiñesas para, de ser posible, adaptalas e aplicalas no seu país, especialmente en zonas rurais como en zonas urbanas de pequenas dimensións.

Para iso dúas investigadoras do equipo de investigación da Escola de Arquitectura, Construción e Medio Ambiente da Universidade Tecnolóxica de Dublín visitarán a vila o vindeiro 5 de outubro enviadas pola Autoridade de Seguranza Viaria irlandesa (RSA) co fin de intercambiar coñecemento.

Para facer esta visita e analizar o caso de Tomiño directamente no terreo o Goberno irlandés púxose en contacto co Concello a través da investigadora principal, Jordana Corrigan, explicando que a Road Safety Authority (RSA) está a realizar un informe para mellorar a seguranza viaria para as persoas no país inglés.

Explicaba Corrigan que a Estratexia de Seguranza Viaria do Goberno  (2021-2030) pretende estudar diversos casos en países que adoptaron mecanismos para reducir o tráfico retirando automóbiles das zonas urbanas co propósito de comprender enfoques que poderían adoptarse en Irlanda, revisar os procesos para poñer en marcha esas políticas e avaliar resultados cando estean dispoñibles, ademais de incluír recomendacións para a súa consideración.

Tomiño foi considerada caso de estudo “tendo en conta os importantes avances que se están a realizar nese ámbito da seguranza viaria, a acción climática e a mellora da vida urbana”.

A visita a Tomiño incluirá unha recepción institucional por parte da alcaldesa Sandra González, e unha reunión técnica co tenente de alcalde Uxío Benítez, responsable da Concellería de Planificación Estratéxica, Facenda e Acción Urbana, e outras persoas integrantes do goberno local e cargos técnicos, así como unha visita comentada polos diferentes espazos públicos recuperados.

O Concello do Porriño terá que pagar á Comunidade de Montes de Atios os ingresos desde 2018

Novo éxito xudicial da Comunidade de Montes de Atios. O xulgado de instrución nº 3 do Porriño vén de condenar ao Concello do Porriño “a abonar á Comunidade de Montes de Atios todas as cantidades percibidas ao abeiro dos contratos de arrendamento das parcelas litixiosas -as canteiras ubicadas no monte comunal de Atios- e relativas ás rendas devengadas dende o 28 de febreiro de 2018 (data da sentenza de 1ª instancia) e ata o 14 de novembro de 2022 (data da sentenza de firmeza por parte do TSXG)”. Así reza literalmente no decreto asinado o pasado 4 de setembro pola titular do xulgado, a maxistrada Raquel Casas, que resolve a demanda de execución presentada pola comunidade de montes.

Non podemos por agora precisar as cantidades que o concello lle adebeda aos veciños de Atios. Porque só o concello sabe o que facturou, en base a que contratos, e o que efectivamente foi quen de cobrar. O alcalde en primeiro lugar e os funcionarios municipais, polo seu mandato, teñen a obriga de presentar todas esas contas no xulgado. Será aí cando teñamos unha idea do diñeiro que o concello cobrou ilegalmente desde que había xa unha sentenza que declaraba as canteiras como monte comunal. A partir daí, xa que logo, non había posesión de boa fe por parte do concello.

DEBE ABANDONAR E LIMPAR O LUGAR DA PARCELA DA ASTILLADORA

Asemade, o auto insta ao concello a deixar libre e expedita de xeito inmediato a parcela da antiga astilladora, que aínda segue ocupada polos servizos muncipais, incumprindo durante case un ano o mandato xudicial.

Xa é lamentable que unha vez máis a comunidade tivera que recorrer á vía xudicial para esixir o cumprimento dunha sentenza dos tribunais, pero non nos quedou outra opción ante a actitude arrogante e neglixente do actual goberno local. Logo de varios escritos presentados por rexistro, incluída unha denuncia perante Medio Ambiente polo depósito de residuos contaminantes dentro da parcela, o concello nada fixo e a lugar segue como se non houbera polo medio unha sentenza xudicial.

Unha vez ditado o auto de execución, contra o que non cabe recurso, agardamos que o goberno do señor Alejandro Lorenzo non cometa o mesmo erro de desprezar aos comuneiros de Atios, como fixo o ano pasado presentando o recurso contra a sentenza que confirmou a titularidade comunal das canteiras. Ten agora unha ocasión inmellorable para corrixirse e aceptar de bo grao este novo mandato xudicial.

Por outra banda, a comunidade está a piques de concluir a regularización total das ocupacións das canteiras de Atios. En breve informaremos de todo o proceso de negociación levado a cabo con Pocasa para a sinatura dos contratos de arrendamento coas empresas titulares de concesións mineiras.

O domingo 31 de decembro celebrarase a II San Silvestre Solidaria de Tui

0

Tralo éxito do ano pasado, no que participaron máis de 500 persoas, o Concello de Tui e o Club Atletismo Tui traballan xa na organización da segunda edición da San Silvestre Solidaria, que terá lugar o domingo 31 de decembro, a partir das 10.30 h, dende o Paseo da Corredoira de Tui.

A semana pasada o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, reuniuse co coordinador territorial da Asociación Española contra o Cancro, AECC, Telmo Crespo e coa delegada no Baixo Miño, Pilar Barbosa, confirmando que, como na edición pasada, a proba celebrarase a beneficio desta entidade. A AECC realizou en 2022  máis de 500 intervencións no Baixo Miño, e máis de 300 no primeiro semestre do 2023, axudando a pacientes e familiares cos seus servizos gratuítos.

En palabras de Telmo Crespo, estar presentes nesta proba non so implica a posibilidade de seguir investindo en investigación grazas á recadación solidaria dos participantes, se non tamén dar visibilidade ao labor que realizan de forma gratuíta no Baixo Miño e axudarlles na busca de voluntarios.

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes lembrou que o ano pasado a proba foi un    éxito de participación e organización. Amosou  a súa intención de seguir colaborando coa asociación nas seguintes edicións.

As inscricións para a II San Silvestre Solidaria poderán realizarse entre o 1 e o 28 de decembro na páxina web do Club Atletismo Tui. A carreira contará tamén cunha parte lúdica xa que ao remate  do evento haberá chocolate quente e rosca, e ás 12 h tomaranse as uvas na praza da Inmaculada.

Xa está aberto o prazo de matrícula nas escolas deportivas da Deputación

A Deputación de Pontevedra ten xa abertas as prazas de matrícula nas súas escolas deportivas. En total, a institución provincial en colaboración coas Federacións Galegas das distintas disciplinas oferta 63 escolas con ata preto 1.000 prazas para que os nenos de 25 concellos da provincia poidan practicar atletismo, baloncesto, judo, loita, rugby e taekwondo. As escolas deportivas comezarán na semana do 16 de outubro e o formulario para inscribirse atópase en DEPOrte Escolas – Diputación de Pontevedra.

A modalidade que concentra un maior número de escolas é a de judo, con 26 en 10 concellos. En Baiona impartiranse catro escolas que terán lugar no CEIP de Belesar (o martes e xoves de 15:00 a 16:00 horas) e no Pavillón Deportivo (os mércores e venres de 15:50 a 16:40 e de 16:50 a 17:30 horas). En Gondomar terán lugar dúas no pavillón polideportivo, os venres de 16:00 a 17:00 e de 17:00 a 18:00 horas. Pola súa banda en Moraña haberá outras dúas escolas de judo no CEIP Santa Lucía, os xoves de 16:00 a 16:45 e de 17:00 a 17:45 horas. En Oia a escola de judo desenvolverase no CEIP M. M. García os xoves de 15:45 a 17:00 horas; en Porriño terán lugar catro no CEIP Plurilingüe Atios os martes en horario de 16:00 a 16:45 e de 16:45 a 17:30 e os venres de 16:00 a 16:45 e de 17:00 a 17:45 horas; en Ponteareas tamén catro e todas elas no IES Val Do Tea os luns de 18:15 a 19:00 e de 19:00 a 20:00 horas e os mércores de 17:30 a 18:15 e de 18:15 a 19:15 horas; en Pontevedra as tres escolas de judo terán lugar na Cidade Infantil Príncipe Felipe  e  serán os luns e xoves de 16:00 a 16:50, de16:50 a 17:40 e de 17:40 a 18:30 horas;  en Redondela haberá dúas no CEIP Laredo e serán os mércores de 17:00 a 17:00 e de 17:00 a 18:00 horas; Ribadumia acollerá outras dúas escolas deportivas de judo que terán lugar no Ximnasio novo de Barrantes os martes e xoves de 16:15 a 17:00 e de 17:15 a 18:00 horas; e finalmente en Tomiño tamén haberá dúas escolas de judo no Pavillón Polideportivo de Goián os venres de 17: 00 a 17:50 e de 18:00 a 18:50 horas.

A segunda modalidade deportiva que concentra un maior número de escolas é a de loita, con 17 en 10 concellos.  En Cambados haberá unha no CEIP Santomé os martes e xoves de 18:00 a 19:00 horas; na Cañiza terá lugar unha escola no Pavillón de Valeixe, o xoves de 16:00 a 17:00; en Crecente outra no Pavillón municipal o mércores de 16:00 a 17:00; en Bueu desenvolveranse dúas no Pavillón Pablo Herbello todos os luns e mércores de 17:00 a 18:00 horas; na Estrada terá lugar unha no Club A Cambadela, de 18:00 a 19:00 horas; en Ponteareas dúas no Ximnasio Wudang os martes e xoves de 17:00 a 18:00 horas; en Pontevedra dúas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva os sábados de 11:30 a 13:00 e os martes de 20.00 a 21:45 horas; en Redondela desenvolverase unha no Club Independiente os mércores de 17:00 a 18:00 horas; en Vigo terán lugar catro sendo tres delas na AAVV Pardavila (luns ou mércores de 19:00 a 20:00; martes de 16:00 a 17:00 horas; e xoves de 18:00 a 19:00 horas) e outra no Pavillón Municipal de Coia (mércores de 19:00 a 20:00 horas); e finalmente en Vila de Cruces terán lugar dúas no ximnasio municipal os mércores de 15:45 a 16:45 e de 16:45 a 17:45 horas.

De atletismo ofértanse un total de sete escolas deportivas en cinco concellos. Na Guarda terá lugar unha no Pavillón CEIP Manuel Rodríguez, os venres de 16:30 a 18:00 horas; en Pontevedra dúas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva os venres de 17:00 a 18:00 e de 18:00 a 19:00 horas; en Ribadumia outras dúas no Pavillón de Barrantes os luns de 16:30 a 17:30 e de 17:30 a 18:30 horas; no Rosal ofértase unha escola no Pavillón CPIO Suárez Marquier que terá lugar os luns de 16:00 a 17:30 horas e en Tomiño outra no Pavillón da Carballa os venres de 19:00 a 20.30 horas.

Na modalidade de baloncesto serán seis as escolas deportivas da Deputación e desenvolveranse noutros seis concellos. En Catoira terá lugar no Pavillón Municipal os martes de 16:00 a 18:00 horas; en Gondomar no Pavillón Costas de Miranda os martes e xoves de 16:00 a 18:00 horas, en Moraña no Pavillón Municipal de deportes CPI de Santa Lucía os martes e xoves de 16:00 a 21:00 horas; nas Neves no Pavillón do CEIP As Neves o luns de 13:45 a 15.45 horas; en Ribadumia no Pavillón os luns de 16:30 a 18:30 horas e finalmente en Salvaterra, tamén no Pavillón e os luns pero de 17:00 a 19:00 horas.

No que respecta ao taekwondo tamén se ofertan seis escolas deportivas, neste caso en catro concellos. En Barro terán lugar dúas escolas deportivas da Deputación no Pavillón Municipal o luns  de 16:00 a 17:00 e de 17:00 a 18:00 horas; en Campo Lameiro unha no Pavillón Municipal os martes de 18.15 a 19.15 horas; en Cerdedo-Cotobade outra no Pavillón Municipal de Carballedo os martes entre as 16:30 e as 17:30 horas e en Ponte Caldelas dúas no seu Pavillón Municipal os xoves de 19:00 a 20:00 horas e os venres de 16:00 a 17:00 horas.

As escolas deportivas da Deputación de Pontevedra tamén ofertan unha de rubgy que terá lugar no CUVI (Lagoas-Marcosende, Vigo) os mércores de 17:30 a 18:30 horas e os sábados de 11:00 a 12:30 horas.

A Deputación de Pontevedra tamén porá en marcha escolas deportivas de piragüismo na provincia, aínda que, neste caso, comezarán en marzo e o formulario habilitarase o vindeiro ano.

O Rosal abre de novo as portas do seu Espazo Crianza

0

O Concello do Rosal abre un curso máis o seu Espazo Crianza, un lugar de encontro co que acompañar a mulleres embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 anos na crianza de nenos. Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, con este espazo “ofrecemos a nais e pais unha canle de comunicación, de información e de aprendizaxe sobre o desenvolvemento infantil, así como de resolución de inquedanzas para unha crianza sen culpas e sen xuízos nin prexuízos”.

A actividade será de balde e comezará o vindeiro mércores 11 de outubro. As clases continuarán os mércores 25 de outubro, 8 e 22 de novembro e 13 e 27 de decembro e estarán divididas en dous grupos: o de embarazadas, con horario de 10.30 a 11.45 horas, e outro para familias e bebés de 12.00 a 13.15 horas.

En cada sesión abordaranse diferentes temáticas a través de contidos teóricos e dinámicas de grupo e prácticas que se adaptarán ás necesidades das persoas participantes para un encontro enriquecedor e didáctico.

No grupo de ‘Acompañamento na xestación consciente’ afondarase na preparación para un parto feliz, falando dos cambios físicos e psicolóxicos que se producen durante o embarazo, con exercicios para un embarazo activo, o mapeo do ventre e falando do plan de parto. Tamén se referirá ao parto consciente, ensinando posturas facilitadoras e métodos de alivio da dor, e ao posparto en compañía.

Nos encontros para familias e bebés traballarase nunha crianza respectuosa nas que nais e pais aprenden a entender ao neno ou nena e as súas necesidades. Ademais de falar das primeiras horas de vida e das probas de cribado dos primeiros días e dos hábitos hixiénicos, tamén se abordarán cuestións como a alimentación do bebé ou a estimulación para o seu desenvolvemento.

As persoas interesadas en participar deberán facer unha inscrición previa a través do formulario dispoñible na web.

A Cañiza aproba os festivos locais do 2024 e 3 convenios coa Deputación

0

Ás 9.00 horas do xoves celebrouse a sesión plenaria de carácter ordinario na que, na súa parte resolutiva, se fixaron os festivos locais para 2024, establecendo como tales os días 20 de maio (Romaría das Pascuillas) e o 15 de outubro (Santa Teresa).

Ademais, aprobouse un Convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para desenvolver varias actuacións encamiñadas a continuar transformando dixitalmente e modernizando a administración local. Un convenio dirixido aos Concellos con poboación inferior aos 20.000 habitantes, enmarcado nas liñas de fondos europeos de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Tamén se aprobou o Convenio coa Deputación Provincial para levar a cabo no Concello o proxecto “iluminación Exterior Sostible XV. Instalacións de alumeado público eficiente e intelixente”. Un proxecto financiado a través das axudas do IDAE do Ministerio de Reto Demográfico (Programa DUS 5000). O Proxecto contempla actuacións en 109 luminarias das 1993 totais existentes en todo o Concello, substituíndo 93 luminarias por novas de tecnoloxía LED. Actuacións en 7 cadros de mando, os cales van ser reformados para adaptalos á normativa vixente e instalación dun sistema de tele xestión nos cadros de mando que permitirá obter e xestionar información detallada sobre consumos, mantemento e fluxos luminosos. Con esta actuación disminuirase a potencia de 58,12 kW a 30,68 kW.

Sobre este tema, o alcalde apuntou que “levamos traballando nesta actuación que agora comeza a visibilizarse dende finais do ano 2019”. Unha actuación cun investimento de 117.862,03 €, dos que o IDAE subvenciona o 85 %, un total de 100.182,72 €, a Deputación 0 8 %, aportando un total de 9.428,96€ e o Concello o 7 %, un total de  8.250,35 €.

Noutro punto da Orde do Día acordouse  a aprobación dunha 1ª Adenda ao Convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello para a execución do Proxecto de recuperación do entorno da antiga Ponte das Achas.  A cláusula novena deste convenio establece que a vixencia do mesmo se extende ata o 31 de decembro de 2023, sendo prorrogable coa conformidade expresa das dúas partes. Entendendo que na actualidade estas obras non poderán rematarse nesta data, a través da sinatura desta Addenda, prorrógase a entrega  ao uso público no prazo de vixencia ata decembro de 2024.

Unha vez rematadas as obras, todo o tramo reformado de viais, beirarrúas e a propia Ponte de Achas pasará a titularidade municipal, pasando a formar parte do noso Inventario de Bens.

As obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil no trazado antigo que discorre sobre a Ponte, conta cun orzamento de 411.015,58 euros, dos que a Deputación achega o 70 % , 287.710,91 €, e o Concello o 30 % restante, 123.304,67euros, en dúas anualidades.

A Oficina Acelera Pyme de AEMOS ofrece cursos gratuítos en outubro

0

A Oficina Acelera Peme Rural AEMOS retoma o seu calendario de Xornadas especializadas, neste caso, con novas datas no calendario de outubro, con temáticas de actualidade: Sustentabilidade e PowerBI-Business Intelligence.

As Oficinas Acelera peme postas en marcha en toda España por Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, contan cun orzamento global de 23,8 millóns de euros, dos cales Red.es achegará ata o 80% do orzamento subvencionable e as entidades beneficiarias o resto. As actuacións están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation EU, no marco da axenda España Dixital 2026 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025, cuxa cuarta medida do eixo de actuación “Dixitalización básica para as PEMES”, inclúe a creación dunha rede de Oficinas Acelera peme.

AEMOS como entidade beneficiaria por parte de Red.es como parte da creación da Rede de Oficinas Acelera Peme no territorio nacional ten, entre outros, o obxectivo de dar cobertura e asesoramento a empresas situadas en territorios rurais da provincia de Pontevedra, que estean interesadas en dixitalizar o seu negocio.
Empeza o mes poñendo sobre a mesa dous temas clave: Sustentabilidade e Dixitalización. Ambos os conceptos son fundamentais no mundo empresarial actual, e entender a súa importancia é crucial para o éxito das empresas. Está demostrado que a dixitalización é unha ferramenta clave para lograr a sustentabilidade nas empresas. Grazas a ela, poden xestionar os residuos de maneira eficiente, reducir custos e aumentar a súa produtividade.
Pero non todo é tan sinxelo como parece. Da man de Arancha Mañas, presidenta de APROEMA, e Cristina Vazquez de Teimas, o 3 de outubro, autónomos e pemes poderán coñecer os factores normativos e compliance que deben ter en conta ao implementar solucións tecnolóxicas para a xestión de residuos, e expoñeranse casos de éxito, mostrando como algunhas pemes xa lograron implementar solucións tecnolóxicas innovadoras e eficientes para a xestión de residuos, alcanzando resultados sorprendentes. Esta sesión terá lugar a partir das 11.00 h nas instalacións da OAPR AEMOS no Viveiro Pemos, Anel dá Lagoa, 1 (Mos).

O 10 e 24 de outubro acompañaranos Roberto Alonso, Interim Dixital Manager, quen, de maneira práctica e teórica, presentará a xornada O PODER DOS DATOS, INICIACION Ao USO DE POWER BI. O obxectivo é familiarizar ás PEMES coa ferramenta, aprendendo a descargar e comezar a utilizar a aplicación, importar datos, realizar funcións básicas, coñecer as principais aplicacións de Power BI, o seu custo, e todo o seu potencial para unha PEME. Serán dúas sesións presenciais que terán lugar no Viveiro PEMOS (Anel dá Lagoa, 1 – Mos) en horario de 16.30 a 19.30 h.

Todos os talleres e xornadas son totalmente gratuítas, pero require inscrición previa que se pode realizar en liña na web: https://acelerapyme.aemos.es/eventos.

Nigrán ofrece a exposición de pintura ‘Colección Vento’ ata o 25 de outubro

0

O Concello de Nigrán ofrece ata o 25 de outubro, no Auditorio Municipal, a exposición de pintura de Horacio de la Campa Falque ‘Colección Vento’, composta por unha selección de 12 obras en gran formato e 3 máis pequenas. A mostra está aberta de 10:00 a 13:30 e de 18:00 a 20:00 horas.

Biografía

“Son un pintor galego de formación artística autodidacta, cunha traxectoria de máis de 30 anos, compaxinando a pintura coa miña outra paixón a pesca submarina e o mergullo deportivo: e como mergullador profesional a colaboración altruísta en rescates e salvamentos marítimos.

Son natural de Bouzas Vigo. Cando era neno, mergullaba lanzándome á auga desde a roca que había a poucos metros da praia, fronte a Igrexa de Bouzas chamada “o Penedo”, á cal podía acceder porque a auga non me cubría. Mergullaba, pero non sabía nadar. Un bo día díxenme “se sei mergullar teño que seguir movendo brazos e pernas ao chegar á superficie” e así aprendín a nadar, sen axuda de ninguén. A vinculación co mar levoume a estudar na Escola Náutica Pesqueira (Patrón de pesca de altura) e Mergullo profesional, exercendo no seu día, como tal.

Expuxen as miñas obras por toda España con exposicións colectivas en Málaga (hotel D.Pepe), Alacante (hotel D. Sancho), Casino de Ourense, Santiago de Compostela (hotel Aragonei, Pontevedra (hotel Galicia Palas), Parador de Baiona, Parador de Cambados… En Vigo, mais recentemente, con exposicións individuais, na Deputación de Pontevedra, Círculo Mercantíl, Sala Afundación Abanca, Casa das Artes de Vigo, Centro Cultural de Valladares, Centro Cultural “Emilio Crespo” de Navia, e Liceo Marítimo de Bouzas.

O lenzo é para o meu o soporte que recolle a expresión e a cor das miñas obras, para as que maioritariamente utilizo pintura acrílica, pero dependendo da obra, utilizo outros compoñentes para lograr tonalidades que non se conseguen só co acrílico. Recreo as miñas obras en vario estilos, paisaxismo impresionista, impresionismo, abstracto, pintura creativa e arte contemporánea.

Nesta mostra, parte da colección Vento que consta de 95 obras, pódense observar obras de distintas dimensións cunha técnica onde predomina o acrílico, tintes e óleos.

O VII Supercross Cidade de Tui reunirá a máis de 70 pilotos

0

O Motoclub Randufe, en colaboración co Concello de Tui, organizará hoxe sábado, 30 de setembro, nas instalacións Offroad de Rebordáns, o VII Supercross Cidade de Tui. Participarán máis de 70 pilotos de Galicia e Portugal, nas distintas categorías do evento.

A partir das 11.00 horas e até as 14.00 horas, celebraranse os adestramentos oficiais, e ás 16.00 horas comezará a competición nas distintas categorías, para nenos e nenas, con motos de 50 centímetros cúbicos, 65 cc e 85 cc, e para maiores de 18 anos, as categorías serán amateur, élite e Pro.

O formato de supercross consta dunha pista con saltos e curvas, onde os pilotos terán que dar voltas en modo competitivo.

Destacar a presenza de Román Pérez, varias veces Campión de España e instrutor de Jorge Prado, actual campión do Mundo. O piloto local Thiago Rodríguez, competirá na categoría de 65 centímetros cúbicos.

A unidade móbil de doazón de sangue visita Oia o mércores 4 de outubro

0

A unidade móbil de doazón de sangue visitará Oia o mércores 4 de outubro. Permanecerá aparcada diante do Concello de 16.00 a 21.00 horas, a disposición de todas as persoas que queiran achegarse.

Os requisitos xerais para facer unha doazón de sangue son ter máis de 18 anos de idade e pesar máis de 50kg. Cómpre almorzar pola mañá e, despois do xantar, ao mediodía recoméndase agardar 2 horas antes de acudir. Á hora de presentarse é necesario levar a tarxeta de doante, DNI ou documento similar.

Para consultar calquera información relacionada con estes temas, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS)  ten habilitadas varias vías de comunicación: o teléfono 900.100.828, o correo electrónico [email protected] e a web https://ados.sergas.gal.

Acto solidario

A doazón de sangue é un sinxelo acto solidario que non leva máis de 10 minutos e grazas ao cal pódese salvar a vida doutras persoas.

En Galicia, os hospitais atenden unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos. Por iso, cada día son necesarias entre 400 e 500 doazóns de sangue. Para facilitar as doazóns, a Axencia conta con locais nas sete grandes cidades, así como 10 unidades móbiles que percorren toda a comunidade autónoma.

Mondariz e As Neves reciben achegas da Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar este venres novos recursos para os concellos da provincia por importe de 210.000 euros e que beneficiarán en concreto aos municipios de Mondariz e As Neves. Como subliñou hoxe o presidente provincial, Luís López, estas achegas están destinadas á reparación de infraestruturas municipais para “garantir a seguridade viaria e das persoas nestas dotacións públicas, así como tamén a prestación de servizos básicos” nestes concellos.

Da citada cantidade, un total de 120.000 € permitirán ao Concello das Neves realizar obras de reparación en varios tramos de estradas municipais, concretamente situados nas parroquias de Santa Eulalia de Batalláns e Taboexa.

Os restantes preto de 90.000 € correp0den á achega aprobada para Mondariz, que as destinará á reparación das sendas fluviais dos ríos Tea e Aboal; ás obras para levantar muros de contención en diversos tramos de estradas municipais; á reparación de servizos básicos no núcleo rural de As Vendas e á financiación da reparación dun pozo de saneamento no Couto e un muro en Cabada Nova.

Baiona ilumina de azul a fachada do Concello polo Día Marítimo Mundial Baiona

0

A fachada do Concello de Baiona iluminouse este xoves, 28 de setembro, de cor azul con motivo do Día Marítimo Mundial.

Desde as Concellerías do Mar e Economía Azul querenlembrar a importancia de coidar os nosos océanos. Non pode haber crecemento económico sen sustentabilidade social e ambiental. A pesca e o turismo son para Baiona motores imprescindibles por iso esta noite o concello foi iluminado de azul con motivo desta celebración.

Redondela continúa co Programa de Visitas Culturais e de Lecer para as persoas maiores

0

Tralo éxito dos anteriores programas de visitas culturais para as persoas maiores, o Concello de Redondela pon en marcha unha nova edición, esta vez, a Ribadavia e Allariz.

A partir deste luns dia 2 de outubro  ,as persoas maiores de 55 anos, poderán inscribirse nas oficinas de Turismo (de 11:00 a 19:00 h) para a excursión organizada para visitar Ribadavia e Allariz. Esta saída desenvolverase  o venres 27 de outubro e luns 30 de outubro, dando a posibilidade de máis datas para dar cabida a todas as inscricións ( tendo prioridade as personas empadroadas en Redondela) sendo a  data límite para anotarse o mercores 11 de outubro.

O prezo desta  visita será de 19 € e como novidade, o pago poderá realizarse con tarxeta directamente nas oficinas de Turismo sitas na rúa Isidoro Queimaliños.

A concelleira de Persoas Maiores do Concello de Redondela, Pilar Martínez, retoma esta iniciativa tralo éxito das anteriores edicións nas que se chegaron a superar as 600 inscricións. Viaxes como a Ribeira Sacra gozaron do beneplácito das persoas maiores do noso municipio na que, a calidade do xantar e as incríbles panorámicas da contorna, animaron ás persoas participantes a seguir demandando máis saídas, abaladas polo reducido prezo xa que o transporte está financiado polo concello.

Tal e como mantén a rexidora local, Digna Rivas, “a intención é que as persoas maiores poidan socializar e facer actividades ao aire libre a un prezo adsequible para todos e todas, e coñecer lugares de interés cultural, histórico ou patrimonial”.

As Neves, Crecente, Nigrán, Tui, Mondariz-Balneario, Salvaterra, Mondariz e Covelo avanzan na transformación dixital coa Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar os convenios de colaboración con 19 concellos da provincia para avanzar na transformación dixital e modernización dos mesmos grazas a unha achega de 2,52 millóns de euros dos fondos Next Generation. O presidente, Luis López, explicou que na reunión mantida pola deputada de Fondos Europeos, María Ramallo, cos alcaldes dos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, “animámoslles a que se adheriran a esta iniciativa. Froito deste traballo aprobamos estes primeiros convenios, se ben o prazo para sumarse a este innovador proxecto aínda remata hoxe. Polo que alentamos aos concellos a que concorran a este programa de dixitalización”.

En concreto, os primeiros concellos en adherirse son As Neves, Ponte Caldelas, Crecente, A Lama, Campo Lameiro, Nigrán, Mondariz-Balneario, Caldas de Reis, Moraña, Meaño, Cerdedo-Cotobade, Pazos de Borbén, Salvaterra de Miño, Cambados, Fornelos de Montes, Mondariz, Covelo, Barro e Tui. Na súa carta de adhesión tiñan que especificar que liñas quería desenvolver, das cinco que se van poñer en marcha ao abeiro deste proxecto.

Así, 10 concellos solicitaron a plataforma de comunicación e xestión de incidencias e 8 o portal de transparencia, 14 o sistema automático de xestión de órganos colexiados, 9 o cadro de mandos de indicadores de Axenda Urbana e ODS, e 18 a integración coa Carpeta Cidadá do Estado. Ademais, a máis demandada, solicitada polos 19 concellos, foi a provisión de equipamentos informáticos intelixentes. En total, instalaranse 195 de tipo estándar, dotados con capacidades para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis habituais, e 31 avanzados, con maiores capacidades para o desenvolvemento de tarefas técnicas que requiran prestacións superiores.

O IES A Sangriña por Europa

0

O IES A Sangriña está a participar nun programa Erasmus + KA210 denominado Digilinc. Trátase dun proxecto internacional de inclusión social que pretende tamén protexer a nosa lingua i expresións culturais por medio da dixitalización. O programa, que foi aprobado pola Unión Europea de xeito meritorio, reúne a diferentes institucións colaboradoras: o Käthe-Kollwitz – Berufskolleg (Alemaña), o I.I.S. Alberti (Italia), o Falez Mesleki ve Teknil Anadolu Lisesi (Turquía) e o propio IES A Sangriña da Guarda.

O alumnado dos ciclos formativos de Informática, de Administración e Xestión e de Secundaria están a aprender sobre as distintas culturas dos seus correspondentes alemáns, italianos ou turcos. Os acollen durante esta semana nos seus fogares e comparten con eles unha serie de actividades lingüísticas (presentacións, vídeos, xogos de pistas) e visitas culturais a empresas e a espazos da contorna (visitas guiadas polo casco vello da Guarda, sendeirismo polos Muíños do Folón e do Picón, paseo en batiscafo pola ría de Arousa ou a propia visita á catedral de Santiago de Compostela).

Pero as actividades desenvolvidas non terían o mesmo carácter sen a axuda e colaboración dos membros de organizacións locais, como Avelaíña, a residencia Monte Sta. Tecla, a adega Terras Gauda ou o mesmo Concello da Guarda.

As delegacións tiveron o privilexio de explorar a beleza do Baixo Miño a través de visitas guiadas e rutas de sendeirismo, todo grazas ao xeneroso apoio do Concello de A Guarda. Ademais, a experiencia enriqueceuse coa colaboración desinteresada de Terras Gauda, unha adega de recoñecemento internacional, que abriu as portas dos seus viñedos para desfrutar dunha experiencia única de degustación e dunha fascinante radiografía do mundo do viño. O máis especial da semana veu da man de Avelaíña, xa que os agasallos para os visitantes foron deseñados polos talentosos nenos da organización, nenos con necesidades especiais que deixaron unha pegada inesquecible nos visitantes.

Este itinerario en A Guarda representa a segunda mobilidade das catro que inclúe o programa, tras a visita a Antalya no pasado mes de maio, e terá a súa continuación a vindeira primaveira en Alemaña e o próximo outono en Italia, con máis proxectos e actividades. Todo, co gallo de que o respecto e a inclusión sexan fíos condutores no diálogo cultural e na loita por un mundo sen fronteiras.

O Concello de Nigrán limpa o leito do río Muíños para previr danos ante posibles riadas

0

O Concello de Nigrán comezou esta semana os traballos para limpar o leito do río Muíños na tramo en que a competencia é municipal, é dicir, na zona urbana entre a desembocadura de Praia América e as instalacións de Ureca. En total, trátase duns 400 metros de lonxitude que están sendo abordados pola Brigada Forestal Municipal e que agardan que estén concluídos en dúas semanas. “O obxectivo é iniciar a tempada de choivas cos deberes feitos por parte do Concello, tal e como os propios residentes destas zonas facilmente inundables nos pediron; deste xeito minimizamos efectos das posibles crecidas do río”, explica o alcalde, Juan González, en referencia, precisamente, ás graves consecuencias das inundacións do pasado inverno, cando chegaron a afectar ás vivendas situadas no Camiño Salgueiral, contorna da rotonda de Ureca e Rúa Areosa.

Os traballos consisten fundamentalmente en eliminar as canas (especies invasoras con gran presencia neste tramo), retirar árbores caídos e polas rotas e desbrozar todo o perímetro do río co obxectivo final de que o leito estea liberado de calquera obstrucción e permitindo acceder a el.

“Como Concello, actuamos na zona en que temos competencia tal e como os veciños nos pediron, agora agardamos que a Xunta, a través de Augas de Galicia, cumpra co seu cometido no resto do trazado”, engade o rexedor.

Covelo celebra as festas de San Miguel

0

Hoxe venres, o sábado día 30 e o domingo día 1 de outubro a parroquia de Fofe, en Covelo, celebra as súas festas na honra de San Miguel. Os veciños de Fofe convidan a toda a cidadanía a participar e gozar destes dous días de música e xantar popular.

Hoxe tivo lugar a misa solemne con procesión na honra de San Miguel e o sábado ás 12:30 haberá un acto de lembranza aos defuntos da parroquia. A partir das 19 horas do sábado haberá verbena amenizada polo grupo Talismán e polas Retranqueiras de Barcia de Mera. O domingo ás 12:30 terá lugar a misa solemne e procesión a continuación para lembrar a San Miguel e á Señora da Guía. O grupo musical Amigos a colores amenizará a sesión vermú.

Os veciños de Fofe, organizadores das festas, lembran que os tres días haberá servizo de bar e de pulpeiro. Ademais, convidan a participar no seu xantar popular onde se poderá adquirir, previo encargo no número de teléfono 660 682 583, menú completo de churrasco a un prezo de 17 €.

A mocidade tomiñesa pon a proba o seu talento co curso de Música Urbana

0

O Concello de arranca o curso escolar cun novo obradoiro da OMIX de Tomiño dirixido a mozas e mozos a partir dos 14 anos. A través da Concellería de Mocidade, o vindeiro sábado 7 de outubro comeza un curso de música urbana, unha forma de expresión artística a través da que a rapazada poderá abordar temas relevantes para a súa vida cotiá e desenvolver valiosas habilidades.

Este innovador obradoiro estará estruturado en catro sesións. Nas dúas primeiras abordaranse cuestións como a produción musical e a creación de letras, procurando sempre a participación do alumnado e o seu espírito crítico. Mentres, nas dúas seguintes, as persoas participantes gravarán a súa propia canción, que será mesturada para a súa posterior difusión.

O obxectivo deste obradoiro é fomentar a conciencia crítica da mocidade e potenciar as súas competencias creativas, lingüísticas e musicais, así como fomentar o seu desenvolvemento persoal e social. “Comezamos o curso escolar cun novo obradoiro da nosa OMIX que busca proporcionar á mocidade tomiñesa un espazo no que expresarse, aprender e seguir desenvolvendo todas as súas habilidades”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

O curso impartirase os sábados 7, 14, 21 e 28 de outubro de 10.30 a 13.30 horas na Praza Cultura (antigo Mercado de Goián). O prezo da inscrición é de 15 euros. As persoas interesadas poden inscribirse xa a través da web do Concello.

O Concello de Baiona lanza unha campaña para fomentar a corresponsabilidade nas tarefas do fogar

0

O salón de actos do CPI de Cova Terreña en Baiona acolleu o acto de presentación da campaña de sensibilización e fomento da corresponsabilidade no ámbito dos coidados. Baixo ou lema: e ti encárgaste? Comparte ou peso dá responsabilidade;  a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona a través do Centro de Información á Muller lanza unha campaña a favor da corresponsabilidade no fogar que insta os homes a asumir os coidados e os labores do mesmo.

O Consistorio reivindica a importancia de repartir de forma equitativa entre mulleres e homes as tarefas do fogar e de coidados entre  homes e mulleres e erradicar desigualdades de xénero. Esta dirixida  ao conxunto da cidadanía baionesa, ás distintas unidades familiares, apela de forma específica aos homes para incrementar a súa  implicación e dedicación nas tarefas e coidados do fogar.

O alumnado de 4º E.S.O. do C.P.I DE Cova Terreña participou activamente no acto de presentación. Durante a mesma, resaltouse que “A corresponsabilidade é o contrapunto necesario para que poida darse a necesaria conciliación familiar e laboral.  Beneficia a todos os membros da unidade familiar: As mulleres terán máis tempo para elas mesmas, os fillos e fillas terán mais relación cos seus pais, adquirirán responsabilidades e valores igualitarios  e os homes obterán as ganancias de manter unha relación mais directa e equilibrada coas súas ser queridos”.

A campaña municipal consta de cartelería, díptico e postal- recoñecemento da corresponsabilidade familiar, para que as familias poidan coñecer como é o seu fogar en relación coa corresponsabilidade, defínese a corresponsabilidade,     detallando os beneficios para a unidade familiar , así como a plasmación do  decálogo en materia de corresponsabilidade dirixido aos homes elaborado polo  proxecto transnacional ALL TOGETHER que   enumera os beneficios que como home obtense coa corresponsabilidade

Así mesmo, forma parte da campaña un vídeo no que participan mulleres e homes de distintos ámbitos da vila de Baiona para transmitir  o concepto e beneficios da corresponsabilidade para a unidade familiar e a sociedade en xeral, a través de distintas mensaxes. Desde e Concello de Baiona preténdese  con esta actuación chegar ás conciencias dos baioneses e baionesas e que reflexionen sobre o papel que cada membro da unidade familiar ten para avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria .

A campaña estará activa durante un período imporante de tempo e terá presenza nas redes sociais Twitter, Instagram e Facebook. Tamén na páxina web municipal e na canle de Youtube do Concello de Baiona.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, na súa intervención destacou que “Cada día que pasa, máis homes entenden que non se trata de axudar, senón de que cada un faga o seu parte”,  e sinalou, “e con esta campaña queremos lembrar que ser unha familia significa compartir as responsabilidades no que non nos gusta e o que nos gusta, poñendo así a atención na corresponsabilidade á hora de compartir as tarefas máis cotiás e de coidados, tradicionalmente asumidas polo xénero feminino”.

Tanto o Alcalde como a Concelleira de Igualdade queren dar as grazas “a todas as persoas que fixeron posible que este proxecto se fixese realidade, a todas as persoas protagonistas do vídeo, a todos os centros escolares, asociacións e clubs que colaborarán na súa difusión para que a mensaxe chegue ao maior número de familias do municipio”.

No acto de presentación tamén participaron distintos representantes destas asociacións e colectivos que fixeron posible a realización desta campaña.

A Concellería de Igualdade  a través do Centro Municipal á Muller do Concello de Baiona pon en marcha este novo proxecto municipal para seguir fomentando e profundando na igualdade real entre mulleres e homes da localidade.  O programa enmarcar dentro do Plan Corresponsables financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade  e polo Minsterio de Igualdade.

O Pleno de Mos aproba por maioría unha moción de apoio ao Grupo Copo e demais empresas de Monte Faquiña

0

O grupo de goberno local mosense do Partido Popular presentou por urxencia unha moción de apoio ao Grupo Copo e demais empresas do polígono de Monte Faquiña que foi aprobada por maioría e contando cos votos en contra do PSOE e a decisión de non votar a moción por parte do BNG.

Coa aprobación desta moción acórdase o total rexeitamento do abusivo incremento do canon imposto as empresas ubicadas no polígono de Monte Faquiña, parroquia de Tameiga, por parte directiva da Comunidade de Montes de Tameiga.

E apóiase con toda contundencia ás empresas afectadas, aos traballadores, e, en consecuencia, á economía, emprego e progreso do Concello de Mos.

Durante a sesión plenaria ordinaria celebrada onte pola mañá estiveron presentes varios representantes das empresas afectadas polo canon da Comunidade de Montes: Beatriz Ucha, presidenta da Plataforma de Afectados, Juan Lumbreras, tesoureiro, Manolo Ferreira, membro da Plataforma e CEO de Redphone, e Francisco Fernández Blanco, en representación de Blanco Quintas, empresa membro da Plataforma.

Tras a publicación na prensa da lamentable noticia sobre os plans dunha gran empresa mosense como e o Grupo Copo, empresa con unha gran historia en Mos, ubicada en Monte Faquiña, e que deu e da emprego a varias xeracións de veciños de Tameiga e demais parroquias mosenses, a alcaldesa, Nidia Arévalo, e os membros do goberno local, deciden posicionarse rotundamente en apoio aos afectados.

A afectada é unha empresa asentada en Mos, parroquia de Tameiga, dende o ano 1969 e que dá emprego directo a 400 persoas, e moitas máis de forma indirecta, un referente en Mos e en toda a área metropolitana de Vigo.

O seu asentamento en Mos, foi en terreos naquel entón municipais, pagando un canon anual polo uso dos mesmos e renovándose en cada vencemento do prazo polos diferentes gobernos municipais ao longo dos anos.

Os terreos donde está asentada, por sentencia xudicial, pasaron a ser propiedade da Comunidade de Montes en Man Común de Tameiga ao igual que diferentes parcelas do polígono de Monte Faquiña, onde están asentadas empresas como Redphone Galicia, Telenet Central Loxística, Distribucións Alonso Otero, Blanco Quintas,  Autocares García, etc.

Chegada a nova renovación do canon a directiva da Comunidade de Montes en Man Común de Tameiga pretende multiplicar por 15 o canon das súas parcelas, no caso do Grupo Copo terá que pasar de pagar de 40.000 € a 800.000 euros anuais, pasando a ser un canon abusivo que só vai conseguir a deslocalización das empresas afectadas.

O Grupo Popular do Concello de Mos é consciente da importancia do asentamento das empresas nun concello, que xera emprego e riqueza, e dicir, mellora cuantitativamente e cualitativamente a calidade de vida dos veciños, sendo Mos o cuarto concello da provincia a nivel industrial.

De ahí o rexeitamento, a través da aprobación desta moción, da actitude da directiva da Comunidade de Montes de Tameiga polo incremento abusivo do canon imposto ás empresas ubicadas en Monte Faquiña que tanto perxuízo provoca ao concello de Mos e á parroquia Tameiga en particular, porque a decisión tomada pola directiva da Comunidade non é a decisión dos mosenses nin tampouco a decisión dos veciños de Tameiga.

O programa “Cultiva a Mente” do Concello de Tui chega a todas as parroquias

0

Traballar na prevención e promover un envecellemento activo da poboación son parte dos obxectivos do programa “Cultiva a Mente” organizado e financiado polo Concello de Tui, que dende hai cinco anos se realiza en colaboración de AFAGA, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia. Dende o primeiro momento dende o Concello de Tui optouse por descentralizar este servizo dirixido á poboación maior de 55 anos achegando esta actividade á poboación das parroquias, favorecendo ao tempo a socialización entre a veciñanza.

“Cultiva a Mente” iniciará a súa sexta temporada no mes de outubro presentando coma novidade que por vez primeira contará con sesións semanais en todas as parroquias, ao incorporarse Baldráns e Paramos.

Nas sesións, de forma dinámica  traballarase na promoción dun estilo de vida activo e saudable, no uso de estratexias de memoria activa, no desenvolvemento dun axeitado estado emocional xerando estratexias de autocoñecemento e xestión emocional, previndo a soidade non desexada e fomentando unha aprendizaxe continuada. Neste programa trabállase en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Beatriz Rodríguez, psicóloga sanitaria de AFAGA, será a encargada de impartilo.

O curso pasado o programa desenvolveuse en 9 parroquias contando con 134 persoas participantes cunha idade media de 80 anos, e das que o 83% foron mulleres. Entre outras iniciativas realizaron actividades interxeneracionais con alumnado do CEIP nº 1 no proxecto “Xeracións activas #ODS2030”, e co CEIP de Guillarei co proxecto “Unha historia de amizade”.

Nesta nova temporada a actividade comeza a próxima semana os grupos xa formados, e na semana do 9 ao 15 de outubro para os novos. As sesións serán semanais cunha duración de hora media.

Así os martes ás 9.30  h será en Malvas, ás 11.30 h en Ribadelouro, ás 16.00 h en Baldráns e ás 18.00 h en Paramos. Mentres os mércores as sesións serán ás 9.30 h en Pazos de Reis, ás 11.30 h en Areas, e ás 19.00 h en Randufe. Mentres os xoves ás 16.00 h o programa chegará a Caldelas, e ás 18.00 h en Pexegueiro. Por último os venres será ás 9.30 h en Guillarei e ás 11.30 h en Rebordáns.

As persoas interesadas poden inscribirse cubrindo o impreso dispoñible en tui.gal e presentándoo na sede electrónica ou no Departamento de Servizos Sociais.

Abertas as inscricións para o Trail do Trega 2023

0

Comeza a conta atrás para unha nova subida ao Monte Santa Trega da Guarda. Xa están abertas as inscricións para participar na carreira dos famosos castros celtas, sendo esta a terceira e última proba da competición correspondente á Pontevedra Trail League 2023, tralas do Monte Aloia e a dos Muíños do Folón. Por iso, os que aspiren a gañar a “liga” terán que loitar por ocupar os primeiros postos.

Nesta décima edición haberá algunhas novidades, a primeira, as dúas distancias, 12 km con 450 metros de desnivel positivo para o Mini-trail e 19 km con 900 metros de desnivel para o Grand Trail. Ámbolos dous, por primeira vez, sairán á mesma hora, compartindo parte do percorrido.

A segunda novidade é o límite de prazas, 200 para cada unha das probas, xa que o Monte Santa Trega é un ben patrimonial e non pode, nin debe, estar saturado de corredores.

A terceira novidade, unha gran sorpresa para todos e todas, que será comunicada pola organización cando nos acheguemos un pouco ao propio día do evento.

Cabe lembrar que o sábado 18 de novembro terá lugar unha andaina popular para as persoas que o desexen, previa inscrición.

Os deportistas que xa participaron en anteriores edicións coñecen ben as fabulosas vistas que ofrece o monte Santa Trega, o segundo lugar máis visitado de Galicia, só por detrás da Catedral de Santiago. Os que se apunten por primeira vez descubrirán unha experiencia única “ver as augas do Atlántico bañando a vila guardesa”, unha imaxe que sempre se lembra e queda para o recordo.

Por iso ata as 23:59 horas do día 15 de novembro, os que o desexen poderán anotarse para participar no X TRAIL DO TREGA, a través de www.traildotrega.com.

Nigrán comeza o outono cun ciclo de teatro

0

O Concello de Nigrán inaugura o seu clásico ‘Outono de teatro’ este venres 29 de setembro ás 20:30 horas no Auditorio Municipal coa compañía viguesa Atrezo Teatro presentando ‘Pequeatrezos’, un espectáculo composto por tres pezas de microteatro (‘Caperu e Branca desmitificando contos’, ‘O milagre do Nadal’ e ‘A propietaria’). A partir de aí, é como xa ten establecido ano a ano o Concello na súa programación cultural, ofreceranse diferentes funcións de teatro amador todos os sábados do mes de Outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completar o aforo. Unha vez máis, realízase a través dun convenio entre o Concello e a Federación Galega de Teatro Afeccionado.

“Estamos moi contentos con este convenio que estreamos no 2021 porque nos permite ofrecer unha programación estable de teatro de calidade e, ao mesmo tempo, apoiamos ás compañías que, precisamente, máis recursos económicos precisan para subsistir”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen destaca a “boa acollida” que ten entre a veciñanza, enchendo en cada función o Auditorio Municipal.

Así, o ciclo continúa o sábado 7 de Outubro coa compañía de Nigrán Teatro do Ar, que presentará ‘Un vals para Cincinnati’, mención destacada nos Premios Buero Vallejo de Teatro Joven e escrita polo seu director, Pedro Rodríguez. Ana leva pechada na súa habitación desde que se foi Jack hai 1 ano e 27 días. Deixouna pola guerra, e ela viuno marchar apoiada na xanela. Con el ían os seus soños de escapar ao idílico Cincinnati e casar o día de entroido. Farta de agardar, Ana decide suicidarse xusto o día no que Jack volve.

O sábado 14 de Outubro regresa o microteatro con tres pezas. A primeira delas ‘A Capoeira’, de Teatro Escoitade; a segunda de Teatro de Cámara Ditea, ‘Tránsito’; e a derradeira, de Farándula Velutina Teatro, ‘Punta tacón’.

O sábado 21 a compañía viguesa Porta Aberta presenta a comedia ‘Munuwa’. Un profesor de mediana idade, Darío, canso da vida rutinaria que levaba mantendo á súa ex-muller (Lola), aturando os caprichos do seu fillo adolescente e as bulras do seu mellor amigo (Guzmán), toma a decisión de mudar radicalemente de vida e irse ao outro lado do mundo. Para prepararse introduce nos seus hábitos costumes oceánicas munúwas, que comparte cos seus. Esta é unha obra tremendamente representativa do hastío no que viven determinadas persoas. Nunca quixestes dar un xiro radical ás vosas vidas? Pois mirade o que lle sucede a Darío cando quere dar o paso.

O ciclo teatral de Outubro remata o sábado 28 con ‘Nadal na casa dos Lamelo’ a cargo da compañía luguesa Achádego Teatro. Trátase dunha farsa en tres actos que afonda nas relacións humanas e xoga cos típicos conflitos familiares. É unha comedia case dramática. Unha reflexión divertida e profunda sobre a importancia da familia, en calquera das súas formas.

Fegatea

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

30 aniversario da Festa dos Callos do Porriño

O domingo do Recristo, como manda a tradición, a Festa dos Callos do Porriño poñerá o broche de ouro á celebración das festas patronais. A festa gastronómica por excelencia do Porriño chega este ano á súa décimo terceira edición, congregando na vila a milleiros de persoas cada ano.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto co presidente de AHOSPOR, representantes de ACIPOR, a cociñeira Macu Moreno e a que xa se converteu en protagonista destas festas, a porriñesa Juaniña da Cruz, presentaron hoxe esta festa que se celebrará o domingo 1 de outubro. Á presentación acudiron os usuarios e usuarias do centro de día de Navuxil, da unidade asistencial de AFAGA e representantes da comunidade educativa que, xunto cos vecinos que se achegaron á praza, disfrutaron dunha degustación de callos.

“Este certame gastronómico é un dos principais reclamos para quen nos visita nestas datas e tamén parte moi importante da nosa cultura, as Festas do Cristo xa non se poden entender sen unha boa tapa de callos para despedilas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Estou moi contento de presentar esta edición con todos os que hoxe están aquí, estes porriñesas e porriñesses que tanto nos ensinaron e dos que tanto seguimos a aprender. Eles escribiron a historia deste pobo e desexo de todo corazón que a sigamos a escribir xuntos”. O rexedor agradeceu a “implicación da hostalería local, que fai posible que cada ano agotemos as existencias de callos e sempre nos sorprendan con novas propostas”.

E é que haberá receitas para todos os gustos, como indicou o presidente de AHOSPOR, José Manuel Fernández. “Cada un de nós dalle a este prato o seu toque especial e tedes que vir a probalos todos. E para que ninguén quede sen disfrútalos hai tamén a opción vegana, como a de Macu, que penso que foi a primeira persoa en facer callos veganos”.

Pola súa banda, Macu, que conta con miles de seguidores nas súas redes sociais,  nas que comparte receitas de cociña vegana, convidou a todo mundo a achegarse este domingo ao Porriño e disfrutar desta festa.

O humorista Isi será o encargado de dar o pistoletazo de saída á xornada ás 12:30h na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

O custo da ración unifícase a 7 euros por acordo dos organizadores e dos establecementos de hostalería e este prezo inclúe unha ración de callos, pan e cazola.

Establecementos hostaleiros participantes

A Francachela, A Vinoteca, Amaquía, Argentino 2, Bar A Guía, Bolboreta Café, Cafetería CRC, Casa di Mili, Celtiña, Churrasquería Pontenova, Cólleo con pinzas, El alambre del abuelo, El Pincho, El cincuentaicinco, Galibar, Hamburguesería Fran, Hotel Parque, La Bendecida, La Bici, La Cueva, Liceum, Maracaibo, Nómadas, Origen Café, Paso a Nivel, Restaurante Val do Louriña, Scala, The Classic Coffe Beer,  Treinta y Tau, Xantar de Pepa, Zentral.

Máis de 1.000 persoas participan esta semana no programa “En ruta coa Depo”

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana 22 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Cangas, A Estrada, Lalín, A Lama, Mos, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Silleda, Vilaboa e Vigomobilizarán un total de 1.012 persoas (ata 54 por entidade) para coñecer lugares da provincia como a ría de Arousa, as illas de Ons e Cíes, o castro de Santa Tegra na Guarda, ou a Casa da Navegación de Baiona, entre outros.

Este xoves 28, a Asociación Juan XXIII de Pontevedra percorrerá Cambados pasando por diferentes puntos do municipio como o seu conxunto histórico, o Museo Etnográfico y do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiñáns (con degustación) e o Museo do Muíño de Mareas da Seca.

Pola súa banda este venres, 29 de setembro, a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda de Caselas visitarán o mosteiro de Aciveiro en Forcarei e outros espazos de interese do concello de Silleda como o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, o castro de Toiriz e a fervenza do río Toxa. O Centro Cultural de Xinzo en Ponteareas realizará unha ruta en barco pola ría de Arousa para despois ir ata a illa da Toxa e o Museo da salga do Grove.

Para o sábado 30 son sete as rutas establecidas. A Asociación de Mulleres do Municipio de Silleda e a Asociación Veciñal Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns de Vigo teñen previsto visitar o mosteiro de Poio, a illa de Tambo e Combarro. No mesmo día, a Confederación Española de Organizaciones de Mayores (COGAMA) de Vigo desprazaranse ata Lalín para visitar o Centro Castrodeza e o pazo de Liñares e a Casa d0 Patrón. Tamén realizarán actividades durante o sábado a Asociación de Mulleres en Igualdade de Cercio de Lalín e a asociación Cultural O Rubal da Picoña de Salceda de Caselas que  darán un paseo pola ría de Arousa con paradas na illa da Toxa e no Grove. Ademais, a Asociación Igualdade e Mulleres da Estrada e a Asociación de Vecinos Verdecedo de los barrios de Berducido da Lama planean unha saída ás illas Cíes e polo barrio mariñeiro do Berbés en Vigo.

A programación de En Ruta coa Depo desta semana finaliza o domingo 1 de outubro con dez saídas planificadas. A asociación Terceira Idade “Garatuxa” de Vigo visitarán tres pazos, dous de Pontevedra e un da Estrada, xunto coa Ruta das Maceiras de Callobre. Outra entidade que tamén irá de ruta é a Asociación de Veciños de San Roque de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Rurais A Torre da Barreira de Riobó, na Estrada, visitarán o mosteiro de Poio, illa de Tambo e Combarro. Ademais a asociación Centro Cultural Parada do Miñor de Nigrán desprazarase ata Cambados onde poderán visitarán o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo ou a bodega do pazo de Fefiñáns entre outros lugares de interese; a ANPA Celenis do colexio Alfonso VII de Caldas de Reis chegará a Cangas e Bueu para percorrer zonas como Cabo Home ou visitar o Museo Massó; e a Asociación Cultural Con de Nerga de Cangas irá ata Agolada para visitar lugares do concello como os Pendellos ou a Casa-Museo A Solana de Piloño. Tamén no domingo  participarán no programa da Deputación a Sociedade Cultural e Recreativa Peña Deportiva Santa Eulalia de Mos, cunha ruta polo parque natural do río Barosa; e as asociacións de Veciños Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), de Mulleres Rurais San Andrés de Vea (A Estrada) e de Folclore Tradicional Os Ventos de Comesaña (Vigo) pasearán en barco pola ría de Arousa con paradas na illa da Toxa e no Grove.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

As tradicionais danzas da Virxe do Rosario protagonizan as festas en Prado da Canda, Covelo

0

A parroquia de Prado da Canda, en Covelo, celebra esta fin de semana as súas festas na honra da Virxe María do Rosario. Dende mañá venres e ata o domingo día 1 de outubro Prado da Canda agasallará á veciñanza música, bailes tradicionais e distintos actos litúrxicos e lúdicos.

Na noite do venres día 29 de setembro actuará o trío Nostalgia e o sábado día 30 a programación festiva comeza ás 18:30 co rosario e a novena e ás 19 horas a misa solemne acompañada de procesión na que as protagonistas serán as tradicionais danzas na honra da virxe do Rosario. Os Folieiros de Lavadores acompañarán a procesión e pola noite chegarán as os grupos musicais La Conexión e Son da Taberna para por a nota máis festiva da fin de semana. O domingo día un de outubro ás 12:15 horas haberá misa solemne e procesión novamente acompañada polas danzas da Virxe do Rosario e polo grupo Os Folieiros de Lavadores. A organización das festas agradece a colaboración do Concello de Covelo e da Deputación de Pontevedra e informa que o sábado 7 de outubro ás 12:30 horas haberá misa solemne e o sábado 28 de outubro a peregrinación do Rosario irá dende A Lamosa ata a Franqueira.

Comeza o programa “Capacitadas” en Baiona

0

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a concelleira de Igualdade, Sheila González Martíns, achegáronse esta mañá  ata o Multiusos Ángel Bedriñana para dar a benvida ás mulleres baionesas participantes no programa Capacitadas, unha iniciativa destinada a activar o emprego entre as mulleres do municipio proganizada a través do Centro de Información á Muller.

Trátase “dunha acción formativa gratuíta para que as mulleres baionesas se preparen para traballar en Atención ao público, un pérfil bastante solicitado na localidade e na comarca”.

O programa desenvolverase en forma de itinerario formativo cun total de 150 horas, incluíndo obradoiros de sensibilización en igualdade e empoderamento para o emprego con perspectiva de xénero, ata prácticas formativas non laborais en empresas, pasando pola formación teórica práctica que inclúe formación de inglés básico.

O programa vai dirixido a mulleres desempregadas ou en mellora de emprego.

Todas as accións que se porán en marcha dentro do proxecto desenvolveranse a modo de itinerario formativo que comprenderá as seguintes fases:

  • Formación teórica en atención ao público (35 horas)
  • Inglés básico (20 horas)
  • Sesións de apoderamento para ou emprego con perspectiva de xénero (15 horas)
  • Prácticas formativas non laborais en empresas (80 horas)

O programa Capacitadas está subvencionado pola Deputación de Pontevedra no marco das axudas dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero. 

A Guarda acolle este venres a presentación da nova curta do guardés Nani Matos

0

Este venres día 29 de setembro ás 21:30 horas, o guardés Nani Matos presenta en Camposancos a súa nova curta “Antes de que se poña o sol”.

“Nunha reunión familiar, catro irmáns deben tomar unha decisión e non todos están de acordo”. Así é a sinopse da curta da que pouco máis se pode revelar. A curta fala dos conflitos familiares entre os pais e os fillos adultos. Un drama familiar ambientado no mundo rural que nos achega ao difícil que é aceptar o paso do tempo e respectar as decisións dos demais. 

Este venres poderemos vela no lugar de “O Palomar” en Camposancos, unha proxección ao aire libre que será, sen dúbida, especial por ser Camposancos o pobo de nacemento do seu director. Nani actualmente reside en Pontevedra pero mantén unha estreita relación coa Guarda e o Baixo Miño. No acto de presentación desta nova curtametraxe tamén contaremos coa música de Bieitosolo.

“Antes de que se poña o sol” é, como diciamos, unha curtametraxe escrita e dirixida por Nani Matos. Rodouse na parroquia de Rebordáns en Negreira, no mes setembro de 2022 e conta cun elenco formado por Mela Casal, Victoria Teijeiro, Machi Salgado, Teté García, Xosé M. Esperante, e o propio Nani Matos onde participa por primeira vez como actor nunha curta na que tamén a dirixe. Poderemos ver ademais o debut no cinema da moza Sabela Rodríguez, unha prometedora actriz da Guarda que o propio Nani descubriu en Camposancos.

Esta curtametraxe estreouse o 30 de xuño no Teatro Principal de Pontevedra. No pequeno percorrido que leva xa acadou 5 premios e preto de 20 seleccións en festivais como o Festival Internacional de Cortometrajes de Berriozar, en Navarra; o Festival Internacional de Cine Social de Toledo ou mesmo o Festival Primavera do Cine, en Vigo, onde acadou o Premio á Mellor Curtametraxe. No mes de outubro estrease internacionalmente no Festival de Cine de Hendaia, en Francia.

A Facultade de Belas Artes de Pontevedra colaborou coa curtametraxe, onde algúns dos alumnos vencellados á aula de audiovisuais, participaron nos distintos departamentos da curta.

Nani Matos é actor, director e guionista e este traballo supón a súa cuarta curtametraxe. Dirixiu as curtametraxes Dies dei (2009), Flores para Amalia (2013) e Lurna (2016), acadando entre elas máis de 200 seleccións nacionais e internacionais e preto de 50 premios. Lurna é a súa curta máis premiada e estivo seleccionada en máis de 25 países. Nani Matos desenvolve, actualmente, a súa actividade na escritura de varios proxectos.

Volver a Feira de Oportunidades de Redondela o sábado

0

A Asociación de Empresarios de Redondela organiza a tradicional Feira de Oportunidades, trátase dunha feira anual que terá lugar o 30 de setembro na alameda de Castelao. Nesta edición serán máis de 30 os establecementos participantes. Os sectores predominantes serán os de moda, calzados e complementos aínda que tamén haberá vehículos, plantas ou alimentación.

A feira celebrase en horario continuado o sábado 30 en horario de 10:00 a 21:00 horas e o domingo 1 de outubro en horario de 11:00 a20:00 horas.

Dado o importante número de establecementos que desexan participar na feira e as limitacións de espazo da Alameda foi complicado darlle encaixe polo que se o número de solicitudes segue crecendo para a vindeira edición será preciso volver a reprantearse o emprazamento deste evento.

O Concello de Redondela colabora neste evento cun importante despregamento de medios humanos para dotar ao recinto servizos como iluminación, limpeza, coordinación do tráfico e para mellorar e facilitar a accesibilidade a Redondela habilitará zonas de aparcamento especial na zona de Vilavella que potenciarán o paseo por toda a vila ata o recito feiral. A Xunta de Galicia aportará a maior parte do financiamento necesario para a realización deste evento de promoción do comercio local a través da subvención aos Centros Comerciais Abertos de Galicia da que a Asociación de Empresarios de Redondela é beneficiaria.

Luis López enxalza o Castelo de soutomaior como gran símbolo do turismo na provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor este mércores o uso do Castelo de Soutomaior como símbolo cultural, turístico e de coidado do medio ambiente para o conxunto da cidadanía de toda a provincia. “É unha xoia que temos a sorte de desfrutar e o deber de coidar”, puntualizou o dirixente. Fíxoo no acto de conmemoración do Día Mundial do Turismo, que contou cunha visita guiada polos xardíns e o bosque do castelo no que participaron escolares do CEIP Manuel Padín Truiteiro.

Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, o presidente provincial destacou o crecemento das visitas ao castelo e as actividades lúdicas e culturais programadas ao longo de todo o ano deseñadas para toda a cidadanía. Deste xeito, Luis López recordou que ao longo do verán, entre xuño e agosto, visitaron o complexo de Soutomaior 14.997 persoas, un total de 1.750 visitantes máis que no mesmo período do ano anterior.

Pero a acción non remata co fin da época estival. Para o outono están previstos novos programas que xa teñen as súas prazas case esgotadas. As visitas teatralizadas para celebrar o Samaín terán lugar os sábados e domingos de outubro para un público familiar e polas noites do venres e dos sábados para un público adulto. Mentres que o 28 de outubro terá lugar un obradoiro sobre árbores e froitas típicos desta tradición e o 4 de novembro una ruta polo bosque para apañar castañas e degustalas que xa ten todas as súas prazas reservadas.

“No Castelo de Soutomaior temos actividades durante toda a época do ano. Actividades pensadas para a xente que nos visita, pero tamén para a xente da casa. Porque este castelo é patrimonio de todas a todos. E toda a cidadanía ten que poder desfrutar del”, afirmou o presidente da Deputación, Luis López, quen destacou tamén as boas cifras da tempada alta de turismo que se pecharon na provincia cunha ocupación nos hoteis do 86,5 % no mes de agosto ou o crecemento do número de peregrinos que completan algunha das variantes do Camiño de Santiago.

“Investimentos Verdes” é o lema elixido este ano pola Organización Mundial de Turismo para a conmemoración do Día Mundial de Turismo e o mandatario provincial sinalou que “é un lema que se adapta moi ben á nosa provincia”. A sustentabilidade, o respecto polo medio ambiente, a desestacionalización e un crecemento controlado son os obxectivos do goberno de Luis López en materia de turismo para este mandato.

A provincia vai polo bo camiño, pero “aínda non tocamos teito”, asegura o presidente, poñendo como un exemplo do camiño a seguir a celebración de eventos fóra da tempada alta de verán como a final das series mundiais de tríatlon que encheu a cidade e a comarca de Pontevedra de visitantes e situou ás Rías Baixas nun atractivo escaparate para o turismo mundial.

Un proxecto que Luis López resume nunha frase: “Pontevedra é desfrutar”. As praias, o sol, a natureza, a gastronomía, o termalismo, a enoloxía, a paisaxe, a cultura e o ocio que ofrece a provincia e as Rías Baixas son atractivos para “desfrutar todo o ano”, rematou o presidente da Deputación.

O grupo socialista de Tomiño vota en contra da aprobación definitiva da Conta Xeral 2022 “que ten múltiples reparos de Intervención”

0

O Pleno do Concello de Tomiño celebrado o xoves 21 de setembro aprobou, co voto favorable das concelleiras do Grupo Municipal Socialista, a realización dunha auditoría da empresa Aqualia –responsable do servizo municipal de abastecemento de auga–, e da aprobación inicial da ordenanza fiscal das taxas de Abastecemento e Saneamento.

A postura favorable das concelleiras socialistas, Violeta de Santiago e Mirta Misa, ao entender “que son propostas beneficiosas para a veciñanza”.

O Goberno nacionalista presentou, para a súa aprobación, unha nova modificación de crédito “a décima no que vai de ano” puntualizan as concelleiras do PSOE tomiñés.

As socialistas afeáronlle ao Goberno “ese afán por ser os primeiros na contorna en
aprobar o Orzamento Xeral” cando a realidade, engaden, é que “ano tras ano, é un orzamento absolutamente insuficiente mesmo para garantir o gasto corrente das diferentes partidas”, o que na opinión do grupo municipal socialista “é un claro exemplo de mala xestión”.

Outro dos puntos da Orde do Día foi a aprobación definitiva da Conta Xeral 2022. Mirta Misa e Violeta de Santiago votaron en contra ao igual que o fixeron na correspondente Comisión de Contas e na aprobación inicial.

“Non podemos votar a favor dunha Conta Xeral cando se presentan sobre a mesma innumerables reparos de intervención, a maioría deles por incumprimento –de xeito reiterado e sistemático– da Lei de contratos públicos”.

“Licitanse e se adxudican obras e servizos sen ser sometidas a concurso público como establece a propia Lei”, aseguran as concelleiras socialistas. “Cando se cometen ilegalidades como esta, a sabendas que se están a cometer, estase a cometer prevaricación e nós, co noso voto, non imos amparar a comisión dun delito”, conclúen Violeta de Santiago e Mirta Misa.

Finaliza Porremprego con 20 novos profesionais en cociña e atención sociosanitaria

O obradoiro de emprego “Porremprego Cualifica”, impulsado polo Concello do Porriño co apoio da Xunta de Galicia, chegou ao seu fin. A actividade permitiu a formación de 20 persoas desempregadas en dúas especialidades con moita demanda no Porriño e contorna, relacionadas coa cociña e coa atención sociosanitaria a persoas dependentes, que recibiron os seus diplomas.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o Secretario Xeral de Emprego, Alberto Fuentes, acompañados polo alcalde, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, e a directora do obradoiro, Marita Pintos, participaron do acto de clausura. Tamén estiveron presentes o presidente da Entidade Urbanística A Granxa, Indalecio Cuevas, David Sobral, secretario xeral de Fegape, e outros representantes da industria e da hostalería local.

Tal e como explicou a concelleira, este obradoiro abre as portas ao mercado laboral a estas persoas en situación de desemprego, ao tempo que forman a profesionais cualificados que melloran a calidade do servizo que se presta nestas áreas. “Son unha taboa de salvación para moitas persoas desempregadas”, apuntou.

Os alumnos traballadores contan con 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade de inserción laboral na contorna. Ao remate dos obradoiros, obteñen un certificado de profesionalidade.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, incidiu en que O Porriño necesita profesionais cualificados nestes dous sectores, e por iso se apostou por formar nestas dúas especialidades, ambas con moita demanda e convidou aos hostaleiros e empresarios asistentes “a coñecer de primeira man a capacidade e valía destes profesionais para darlles a oportunidade acceder ao mundo laboral no noso pobo”. O rexedor destacou tamén o labor social que desempeñaron dende a especialidade cociña “coa posta en marcha dun comedor social e iniciativas como a comida solidaria de Nadal, que fixeron do Porriño un pobo aínda máis solidario” e concluíu reiterando que “o emprego é liberdade, autonomía e a máis valiosa das políticas sociais, e para iso a formación é clave. Por iso seguiremos apostando por políticas activas de formación e emprego”.

No mesmo sentido se expresou a conselleira, Elena Rivo, incidindo en que “o emprego abre as portas do benestar social” e destacando a aposta do goberno galego pola formación, “queremos que dar traballo en Galicia e contar con profesionais cualificados é esencial”. Ao remate do acto, hostaleiros e empresarios participaron dunha xornada de portas abertas na que coñeceron as instalacións e puideron degustar uns petiscos cociñados polo alumnado da especialidade de cociña.