A Deputación de Pontevedra organiza esta semana 22 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Cangas, A Estrada, Lalín, A Lama, Mos, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Silleda, Vilaboa e Vigomobilizarán un total de 1.012 persoas (ata 54 por entidade) para coñecer lugares da provincia como a ría de Arousa, as illas de Ons e Cíes, o castro de Santa Tegra na Guarda, ou a Casa da Navegación de Baiona, entre outros.
Este xoves 28, a Asociación Juan XXIII de Pontevedra percorrerá Cambados pasando por diferentes puntos do municipio como o seu conxunto histórico, o Museo Etnográfico y do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiñáns (con degustación) e o Museo do Muíño de Mareas da Seca.
Pola súa banda este venres, 29 de setembro, a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda de Caselas visitarán o mosteiro de Aciveiro en Forcarei e outros espazos de interese do concello de Silleda como o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, o castro de Toiriz e a fervenza do río Toxa. O Centro Cultural de Xinzo en Ponteareas realizará unha ruta en barco pola ría de Arousa para despois ir ata a illa da Toxa e o Museo da salga do Grove.
Para o sábado 30 son sete as rutas establecidas. A Asociación de Mulleres do Municipio de Silleda e a Asociación Veciñal Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns de Vigo teñen previsto visitar o mosteiro de Poio, a illa de Tambo e Combarro. No mesmo día, a Confederación Española de Organizaciones de Mayores (COGAMA) de Vigo desprazaranse ata Lalín para visitar o Centro Castrodeza e o pazo de Liñares e a Casa d0 Patrón. Tamén realizarán actividades durante o sábado a Asociación de Mulleres en Igualdade de Cercio de Lalín e a asociación Cultural O Rubal da Picoña de Salceda de Caselas que darán un paseo pola ría de Arousa con paradas na illa da Toxa e no Grove. Ademais, a Asociación Igualdade e Mulleres da Estrada e a Asociación de Vecinos Verdecedo de los barrios de Berducido da Lama planean unha saída ás illas Cíes e polo barrio mariñeiro do Berbés en Vigo.
A programación de En Ruta coa Depo desta semana finaliza o domingo 1 de outubro con dez saídas planificadas. A asociación Terceira Idade “Garatuxa” de Vigo visitarán tres pazos, dous de Pontevedra e un da Estrada, xunto coa Ruta das Maceiras de Callobre. Outra entidade que tamén irá de ruta é a Asociación de Veciños de San Roque de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Rurais A Torre da Barreira de Riobó, na Estrada, visitarán o mosteiro de Poio, illa de Tambo e Combarro. Ademais a asociación Centro Cultural Parada do Miñor de Nigrán desprazarase ata Cambados onde poderán visitarán o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo ou a bodega do pazo de Fefiñáns entre outros lugares de interese; a ANPA Celenis do colexio Alfonso VII de Caldas de Reis chegará a Cangas e Bueu para percorrer zonas como Cabo Home ou visitar o Museo Massó; e a Asociación Cultural Con de Nerga de Cangas irá ata Agolada para visitar lugares do concello como os Pendellos ou a Casa-Museo A Solana de Piloño. Tamén no domingo participarán no programa da Deputación a Sociedade Cultural e Recreativa Peña Deportiva Santa Eulalia de Mos, cunha ruta polo parque natural do río Barosa; e as asociacións de Veciños Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), de Mulleres Rurais San Andrés de Vea (A Estrada) e de Folclore Tradicional Os Ventos de Comesaña (Vigo) pasearán en barco pola ría de Arousa con paradas na illa da Toxa e no Grove.
A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.