Durante estas semanas estase a executar unha obra de cambio de firme de parte do camiño de Salgueiró, en Camposancos, cunha axuda acadada polo anterior goberno socialista, dentro do Plan Marco da Xunta de Galicia. Esta subvención posibilitaría levar a cabo obras de mellora do firme, non estando permitido en ningún caso levar a cabo actuacións como por exemplo a acometida para evacuación de augas pluviais.
Dado que o anterior equipo de goberno era consciente da importancia de actuar nese camiño e conseguir unha solución ás inundacións que se teñen producido en múltiples ocasión nas casas dos veciños, solicitouse esa subvención e tíñase previsto complementala con fondos propios do Concello e solucionar dunha vez por todas dita problemática.
Xa durante o pasado pleno ordinario do 27 de setembro trasladamos ao equipo de goberno a nosa preocupación, que tamén nos transmitiron varios veciños e veciñas da zona, non obtendo por parte do Concelleiro de Vías e Obras unha resposta clara.
Dado que obsérvase, segundo vai transcorrendo a obra, que non se está acometendo ningunha instalación nin tubaxe específico para as augas pluviais, así como que as marcas de niveis e arquetas colocadas non son as axeitadas, e que abofé, complicarán aínda máis o problema nas casas, o PSOE guardés vese na obriga de solicitar ao alcalde da Guarda que paralice dita obra para que poda ser replantexada e se busque a financiación necesaria para solucionar o problema de evacuación de pluviais.
Os socialistas esixen que o alcalde reconsidere as actuacións do seu equipo e realice unha xestión acorde ao seu cargo, co fin de acadar unha solución urxente ao problema dos veciños e veciñas de Salgueiró.