A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas. Mais convén reflexionar sobre as súas últimas publicacións pois a ninguén se lle escapa que, cos derradeiros traballos saídos da súa pluma, semella que lle quixese dar un importante xiro á súa evolución literaria. Meses antes do seu pasamento apareceu un pequeno libro de relatos, unha verdadeira alfaia que, baixo o título «Algúns contos incompletos», amosaba unha ruptura total coas novelas protagonizadas polo inspector Leo Caldas, tanto en temática como en estilo, moito máis directo e depurado. Agora, e a título póstumo, vén de saír do prelo unha peza teatral, «Síbaris», que, ao meu entender, afonda nesa mesma idea.
«Síbaris» é un texto que Villar deixou rematado e listo para ser estreado por Carlos Blanco e Belén Constenla, cos que xa iniciara xestións para levalo aos escenarios e que estes días, coincidindo coa publicación, está a ser presentado por teatros de toda Galicia. Poderiamos considerala unha comedia negra de enredo ao estilo máis tradicional e burgués, unha comedia de salón clásica. Está protagonizada por un escritor en horas baixas, angustiado polo longo tempo que leva nun bloqueo creativo motivado polo medo a non acadar o nivel da súa primeira e exitosísima novela. Cun punto excéntrico e un importante grao de autocompracencia, o escritor rexouba dun sistema literario que considera caduco e, sobre todo, superficial. Os problemas económicos motivados por esa inactividade afectan á relación coa súa dona, coa que chega a argallar o xeito de solventalos finxindo a súa propia morte.
Villar aproveita para expoñer e reflexionar sobre cuestións como a maneira de enfrontarse á fama, as reticencias e as consecuencias psicolóxicas que esa fama pode provocar, o mundo literario, mesmo as relacións de parella. E faino cunha habilidosa retranca e con diálogos áxiles, enxeñosos e ben desenvolvidos que imprimen un enorme dinamismo á trama. Todo o peso da peza recae nunha parella de actores, o escritor e a súa dona, con intervencións esporádicas do axente literario do primeiro e un médico amigo deste. Completa o elenco a figura case pantasmal dun veciño de escaleira que, tendo un peso importante na trama, non ten diálogo e mantén unha escasa presencia escénica. Ao parecer, o propio Villar reservaba para si ese papel, desexoso de participar nas representacións.
O resultado é unha comedia divertida, un puro entretemento de sabor clásico que deixará un pouso agradable no padal do espectador/lector. Mais, retomando a idea inicial desta recensión e a pesar de que esta peza mantén vínculos evidentes coas novelas negras que lle deron fama, afonda no un claro distanciamento coa súa liña literaria anterior. O abandono da novela (quizais ideado coma unha simple paréntese temporal), en favor do conto breve e do teatro, así como o cambio de estilo que se percibe nestes dous últimos, traballos, así parecen insinualo. Mágoa que xa non poidamos verificar esta hipótese.
Domingo Villar
«Síbaris»
Galaxia
172 páxinas