Sábado, 5 Xullo de 2025

O voluntariado ponteareán realizarou hoxe venres unha nova limpeza no Tea

Voluntarias e voluntarios ponteareáns desenvolveron nesta mañá de venres 31 de xullo unha nova limpeza do río Tea, unha actividade dos “venres polo planeta” que se enmarca no programa de voluntariado ambiental xuvenil iniciado nas pasadas semanas.

O punto de encontro foi a Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira, tendo lugar a actividade dende as 10 horas. Desde a concellería de Voluntariado, que dirixe Miguel Bouzó, se animouse a todas as persoas interesadas a achegarse e participar desta actividade de coidado do noso medio natural.

Unha fin de semana de grandes espectáculos no Baiverán de Baiona

0

Continúan as actividades culturais programadas polo Concello de Baiona e o seu departamento de Cultura dentro o Baiverán 2020.

Esta fin de semana, o Parque da Palma convertirase no escenario dunha variada oferta de espectáculos. Hoxe venres, ás 23:00h, chega a Baiona o aplaudido espectáculo Mitic. A banda Mitic  realiza un espectáculo que non deixa indiferente a ninguén. Scorpions, Bon Jovi, Edith Piaf, The Mamas & The Papas, Europe o Carlos Gardel son só algúns dos artistas que interpretan a través da gaita.

Mañá sábado, tamén ás 23:00h., terá lugar o concerto musical dos 80 onde o público poderá disfrutar dun espectáculo para rememorar aquela época cos temas más coñecidos daqueles anos.

Xa o domingo, pensando nos máis pequenos e familiar, o público poderá disfrutar da maxia do circo da man de Asacocirco Show. Este espectáculo será as 20:30h., tamén no Parque da Palma.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.

Presentación do libro das Festas do Monte 2020

0

Como xa se anunciou en datas pasadas, este ano as Festas do Monte Santa Trega están suspendidas, non se realizarán verbenas, desfiles, romarías nin fogos artificiais, ante as medidas de seguridade hixiene e saúde pública decretadas.

Na mañá deste xoves día 30 de xullo de 2020, o Salón de Plenos do Concello da Guarda acolleu a Presentación do Libro conmemorativo das Festas do Monte 2020, ao que acompaña outra edición cunha selección de cartelería e programacións dende o ano 1946 ata a actualidade, ámbolos dous exemplares libres de publicidade e que terán un custo de 10€ cada un. Os libros poderá mercarse nos puntos habituais de venda e coa compra dos dous exemplares se agasallará cunha rifa para a edición 2020 das Festas, nas que se sorteará un vehículo.

No acto de presentación participou o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes; o representante da Comisión de Festas, Manuel Castro e o representante de Infomaxe, Celso Rodríguez.

Neste acto tamén se aproveitou a ocasión para dar a coñecer o cartaz da vindeira edición, cunha fotografía obra de Arturo Martínez, destacando que as Festas do Monte 2021 celebraranse do 9 ao 16 de agosto.

Neste acto tamén se quixeron dar a coñecer as actividades de animación programadas para este ano 2020, que se levarán a cabo a pesar da cancelación dos platos fortes da festa, para manter con garantías as medidas de seguridade e hixiene pola pandemia do Covid-19.

Entre as actividades programadas destacan os pasarrúas que terán lugar todos os días da vindeira semana a media mañá polas rúas do pobo e nos que participarán diversos grupos de música tradicional do municipio.

No hall da Casa dos Alonsos colocarase unha pantalla onde se proxectarán diversos vídeos e fotografías sobre as Festas do Monte ao longo de toda a semana.

Coma acto conmemorativo e, debido a suspensión desta edición 2020 das Festas do Monte, os balcóns da Praza do Reló lucirán as bandeiras das Bandas Mariñeiras que participan cada ano no Desfile tradicional de bandas mariñeiras. 

Na xornada do Sábado día 8 de agosto a Praza do Reló acollerá a emisión en directo por streaming dun magazine a través das redes sociais, con entrevistas a diferentes convidados, músicos, historiadores, representantes municipais e das bandas mariñeiras, de cara a lembrar o significado das Festas do Monte, a súa tradición, o día do desfile, o día do monte, e en xeral, todo o que acontece nas festas, cunha duración aproximada de dúas horas.

Rematadas as obras de reposición do céspede sintético das Instalacións Deportivas do Casal

O Concello de Salvaterra de Miño notifica que remataron as obras de reposición do céspede do Casal financiadas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 2018/2019. Esta reposición, unida á nova pista de pádel tamén recentemente construída, á pista de petanca, ó ximnasio biosaudable e á pista de fútbol sala fan que a instalación deportiva desenrole un potencial deportivo que sexa referente na comarca.

Este campo dará cobertura as Escolas Deportivas, a S.D.Salvaterra, O S.D.Castelo e diversos equipos de veteranos das nosas parroquias, polo que  ó redor de 250 persoas gozarán semanalmente deste céspede, de última xeración coa evolución do sistema de riego  saíndo do interior do propio tapete. Este sistema de aspersión é moito máis seguro para a práctica deportiva xa que non ten os capuchóns nin os ferros á vista, soamente se ergue o céspede de maneira automática para o regado e volve a baixar o rematar facendo ademais que sexa moito máis áxil e doado

Tomiño despide xullo con cinema ao aire libre e a proxección, hoxe venres, de ‘EL REGRESO DE MARY POPPINS’

0

Tomiño despide o mes de xullo con cinema ao aire libre e a proxección, hoxe venres 31 de xullo ás 22.30h na Praza do Seixo, de EL REGRESO DE MARY POPPINS: unha película de xénero musical, fantasía e comedia, apta para todos os públicos. As entradas poden conseguirse (de balde) a través da web municipal. As entradas para o cine poden reservarse de balde chamando ao Concello (986 62 20 01).

Por outra banda, no mes de agosto chegará PUNKDEMIA, de Peter Punk; un espectáculo que nace durante a corentena vivida nos últimos meses. Unha visión práctica dos novos tempos da man de Peter Punk Pallaso. Novas rutinas, EPIs, equilibrios e moitas risas. Será o sábado 8 de agosto ás 21.00h na Praza do Seixo.

BRASSICA RAPA estará tamén EN CONCERTO en Tomiño (14 de agosto ás 22.30h na Praza do Seixo) Trátase dunha “brass band” de rapazas cun repertorio variado de diferentes estilos que van dende grandes éxitos do pop e bandas sonoras de películas a cancións reivindicativas, formando unha agrupación versátil e dinámica que pretende encher de música rúas e locais. Mesturan a música instrumental coa voz mediante arranxos propios de temas populares.

ACUARIO chegará o venres 21 de agosto ás 21.00h tamén na Praza do Seixo. Un espectáculo de teatro, baseado no libro de poemas de María Canosa co mesmo título. O obxectivo é que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral.

Todo isto faise dun xeito ameno e divertido grazas á presenza dos vistosos monicreques, dos actores que lle imprimen humor e dinamismo á actividade, da música e dunha escenografía sinxela e á vez atractiva. 

Despediremos agosto o venres 28, cun concerto da Agrupación Musical de Goián, que terá lugar na Praza do Seixo, ás 22.30h.

[su_image_carousel source=”media: 18115,18116,18114,18113″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Somos iguais. Contos pola igualdade” con Raquel Queizas en Baiona

0

O xardín do museo da navegación , acollerá hoxe venres 31 de xullo ás 20:00 horas unha sesión de contacontos da mán de Raquel Queizas  baixo o título “Somos Iguais. Contos pola Igualdade”. A actividade está drixida  ao público familiar e recomendable a partir de catro anos. A actividade é organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, e financiada con cargo aos créditos recibidos o Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de xénero.

Nesta obra Queliña quere ser aviadora, gústalle vivir aventuras e contar historias. De pequena estaba farta de escoitar contos de PRINCESAS ROSAS e apoucadas e de PRÍNCIPES AZUIS e insensibles e un día dixo BASTA XA!!!

Puxo o gorro e os anteollos de pilota e foi buscar contos para demostrar que nenas e nenos SOMOS IGUAIS. Si, igual de valentes e igual de sensibles.

Descubriremos historias de nenas e nenos (ou animais) que rompen os estereotipos que abundan nos contos; nenas decididas, nenos sensibles. Identificaremos situacións as que nos temos que enfrontar día a día, na escola, na casa, coas amigas e amigos, … onde a violencia ou a agresividade física e verbal pode ter solución grazas á palabra e gozaremos brincando coa imaxinación que nos une.

Dende a nenez pódese previr todo tipo de violencia mediante novos modelos de feminidade e masculinidade rachando así cos roles e estereotipos asignados.

O Goberno de Redondela presentará á veciñanza de Chapela e Trasmañó o proxecto de reposicións de viais publicado xa no BOE

0

O Concello de Redondela manterá, o sábado 1 de agosto ás 12 horas no multiúsos de Chapela, unha xuntanza coa veciñanza de Chapela e Trasmañó na que se dará conta, polo miúdo, do proxecto de reposición de viais publicado no BOE, que contará cun investimento de 3 millóns de euros e que da resposta ás reclamacións que a veciñanza de ámbalas dúas parroquias –as máis afectadas pola ampliación da AP-9– viñan facendo dende hai anos.

Na reunión, afectadas e afectados recibirán explicacións detalladas do proxecto por parte dunha enxeñeira contratada polo concello e dos propios servizos técnicos municipais que, amais, asesorarán ás persoas interesadas sobre os pasos a seguir á hora de presentar alegacións ao proxecto durante o período de exposición pública do mesmo.

O proxecto foi presentado tamén ás asociacións veciñais das dúas parroquias e á Plataforma de Afectados pola AP-9 pero, asegura o Goberno local “é preciso que todas e todos o coñezan con detalle e poidan presentar, se é o caso, ás alegacións ás que teñen dereito”. A alcaldesa de Redondela lembrou que “este Goberno ten na transparencia da súa xestión, un dos seus principais piares e as veciñas e veciños teñen dereito a coñecer, con detalle, todos aqueles proxectos ou iniciativas que, como neste caso, lles afectan directamente”.

A rexedora local subliñou que a publicación no BOE e a conseguinte reunión coa veciñanza “estaba prevista para hai un par de meses pero, como en todo, a actual pandemia da COVID-19, por motivos obvios, fixo necesario un reaxuste dos prazos”.

Compre salientar que para axilizar os trámites e que esta publicación no BOE puidera ser unha realidade, a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, viaxaron a Madrid no pasado mes de febreiro para manter reunións con responsables do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana poñendo sobre a mesa a necesidade “de dar unha solución urxente a un problema que afectaba aos veciños e veciñas e a propia estruturación territorial de ámbalas dúas parroquias”. Coa publicación no BOE, sinala a rexedora local, “dáse resposta a unha débeda pendente da aplicación da AP-9”.

Digna Rivas lamentou que o anterior Goberno estivera, como en outras moitas cousas, “enganando á veciñanza durante moito tempo” como queda ben demostrado en distintas afirmacións realizadas na prensa no 2017 nas que falaba da inmediatez do inicio dos traballos, cando o certo é que, á chegada do actual Goberno “non había ningún trámite realizado sobre as reposicións da AP-9 pese a que en Madrid gobernaba o seu partido, o que amosa unha clara falta de vontade política para solucionar o problema”.

“Para dar solucións aos problemas aos que se enfrontan as veciñas e veciños, graves problemas como neste caso, só pe preciso ter vontade política de resolvelos e ter claras as prioridades”, afirmou Rivas quen asegurou que no caso do Goberno que preside “non hai máis prioridade que o benestar da cidadanía” e conclúe sinalando que “en un ano de Goberno, con unha situación de pandemia que paralizou todas as xestións, fomos quen de soluciona un problema que o anterior Goberno foi incapaz, en máis de dous anos, de sacar dun estado de parálise”.

Mos potencia o seu Plan contra Incendios

0

Fai xusto un ano que o Concello de Mos aprobaba o seu Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais tras terse adherido ao convenio coa Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp. Precisamente esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, o edil de Urbanismo mosense, Alberto Méndez, e o coordinador do Servizo Municipal de Emerxencias, Rodrigo Iglesias, reuníanse para valorar e facer balance deste Plan que é pioneiro na provincia, sendo actualmente soamente 2 dos 61 concellos pontevedreses, os que dispoñen dun documento marco deste tipo (tan necesario por outra parte).

O pasado mes de xuño empezaron as execucións subsidiarias de Medio Ambiente para a limpeza de fincas dentro do un Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

Neste senso, e para tranquilidade dos denunciantes, procédese a limpeza de fincas con expediente sancionador de Medio Ambiente que non foron limpadas polos seus propietarios no prazo establecido. E comunícase, para coñecemento dos propietarios que, ante calquera dúbida, poden chamar por teléfono á concellería de Medio Ambiente (986 09 70 37) para pedir cita e acudir a aclarar as cuestións que se plantexen a este respecto.

Se ben o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, aproveitou hoxe para apelar á calma dos/as veciños/as denunciantes, xa que desde que formalizan a denuncia ata que se executa a limpeza subsidiariamente é precisa a realización dunha serie de trámites administrativos que levan un tempo. Así mesmo informou de que nestes momentos atópase en marcha o procedemento de contratación dunha empresa a maiores que participe na execución subsidiaria destas limpezas, proceso ao que xa se presentaron 2 orzamentos candidatos.

Ademais a rexedora local mosense e o edil de Medio Ambiente quixeron agradecerlle a Rodrigo Iglesias e a todo o seu equipo do Servizo Municipal de Emerxencias todo o traballo realizado tanto na redacción como na posta en marcha do Plan, xa que “sen a súa total colaboración e entrega non tería sido posible o feito de que unha vez máis, neste caso en materia de prevención de incendios forestais, Mos estea á cabeza dos municipios da provincia de Pontevedra”, declararon.

Detalles do Plan

O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Mos ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga, e a Fegamp, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa.

O Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais é de elaboración, execución e actualización obrigatoria para os Concellos e se integrará dentro do PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) e dos Planes de Distrito; así como no Plan de Emerxencias Municipal, sendo redactado por un titulado universitario forestal.

Este Plan Municipal inclúe aproximadamente 15.000 fincas inventariadas cuxos propietarios deben proceder á súa limpeza.

Deste xeito se debe dar cumprimento por parte dos propietarios e propietarias de todos os predios, montes e soares incluídos no plan de prevención ás obrigas de prevención e defensa contra os incendios forestais, manténdose nas mellores condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e limpeza co fin de previr e evitar o risco de incendios, sendo as distancias de seguridade a respectar de 50 metros dende as edificacións libre de maleza e libre de pino, mimosa, eucalipto, fento, toxo, acacias e resto das especies que regula a normativa e requirindo en caso contrario por parte do Concello o seu cumprimento, podendo contratar no seu caso a xestión co SEAGA (Empresa Publica de Servizos Agrarios Galegos, S.A.) da Xunta de Galicia. En caso de incumprimento se executará de forma subsidiaria con repercusión dos costes ás persoas responsables e coa imposición das sancións correspondentes.

O contido do Plan inclúe a delimitación do ámbito territorial e caracterización do medio físico e biolóxico, descrición e análise dos montes e os paisaxes existentes neste territorio, os seus usos e aproveitamentos actuais, en particular os usos tradicionais, así como as figuras de protección existentes, incluíndo as vías pecuarias; ademais de aspectos xurídico-administrativos e características socioeconómicas. Tamén zonificación por usos e vocación do territorio, obxectivos, compatibilidades e prioridades; planificación das accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos, incorporando as previsións de repoboación, restauración hidrolóxico-forestal, prevención e extinción de incendios, regulación de usos recreativos e ordenación de montes. Así como establecemento do marco no que se poderán subscribir acordos entre a Administración e os propietarios para a xestión dos montes e establecemento das directrices para a súa ordenación e aproveitamento garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e se manteña a capacidade produtiva.

Tal e como explicaron os representantes municipais, Arévalo e Costas, “os obxectivos do Plan Municipal de Prevención de Defensa contra os Incendios Forestais son a descrición da situación actual do Concello (análise de risco, zonas de actuación, prioridades), a catalogación dos medios e recursos de prevención e defensa contra os incendios forestais, o establecemento do procedemento a seguir en caso de emerxencia, a regulación dos usos e o aproveitamento do risco e a programación de traballos preventivos”.

O Concello de Salvaterra de Miño empeza os traballos de mellora e mantemento nos Centros Educativos

O Concelleiro de Obras Ernesto Groba visita os  colexios cos diferentes operarios para dar inicio as obras necesarias e deixar a punto os diferentes Centros Educativos do Municipio, Cra  A Lagoa, CEP Carlos Casares, CEIP Infante Felipe e  CEIP Chan de Leirado.

As melloras a realizar parten das demandas feitas a final de curso polos diferentes centros. Durante o mes de agosto levaranse a cabo o pintado de aulas, corcheiras, colocación de novo moviliario, revisións de electricidade e fontanería, limpeza de patios exteriores e reparación de zonas de xogo.

O Concello explicará á veciñanza de Vilar de Infesta os detalles da reforma do último treito da estrada do Galleiro

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada por concelleiras e concelleiros do equipo de Goberno manterá unha xuntanza coas veciñas e veciños da parroquia de Vilar de Infesta o venres, 31 de xullo, ás 19 horas no Centro Cultural de Vilar.

Na reunión, o Goberno local explicará con detalle as obras que se realizarán para a reforma do último treito da EP-2906 –estrada do Galleiro–, entre Os Valos e Guizán.

Esta reunión era un compromiso do equipo de Goberno para que, a través de infografías e documentación gráficas, as veciñas e os veciños poidan ver in situ como quedará a obra unha executada.

Nigrán conta xa coa sua propia cervexa promocional, ‘Nigrán, equilibrio natural’

0

Non adoita o Concello de Nigrán de facer presentacións sobre todo nestes temas nos que a pandemia segue marcando a rutina diaria. Pero, como sinalou o alcalde de Nigrán, Juan González, “hoxe era de xustiza facela” para presentar a saída ao mercado da cervexa promocional Nigrán, equilibro natural saída da firma miñorana Trisk-ale fundada polos irmáns Andrés e Roberto Toledano e, a modo de acompañamento desta presentación, dar a coñecer un amplo programa de actividades para o mes de agosto “que se farán cumprindo polo miúdo todas as garantías sanitarias”, sinalou o rexedor local.

O bar Praia D’Abra acollía a presentación tanto do programa como dunha cervexa na que, a súa etiqueta, serve tamén de carta de presentación efala ben ás claras da súa identidade e do que as e os amantes da cervexa podemos atopar.

“Nigrán ten equilibrio natural. A hipnótica cor brillante dos solpores ámbar de Monteferro, o son fuxitivo da escuma das ondas rachando embravecidas en Patos ou o fascinante recendo floral ao camiñar por carreiros forestais máxicos. Vivencias ledas e sensacións de agradábel frescor son a esencia desta cervexa, o demais é para descubrir paseniñamente, gozando de cada un dos sorbos que ofrece Nigrán”.

Con este pequeno texto na propia etiqueta deseñada por Olalla Fernández, extraordinaria deseñadora onde as haxa, explica o que podes atopar canto probas esta Nigrán, equilibrio natural, lema do Concello de Nigrán neste verán; unha cervexa rubia, con cor dourado claro, vidrada e brillante, escuma crema densa e consistente e aroma a malta equilibrada con lúpulo de carácter floral e cítrico, o que outorga ese retrogusto; ten corpo e o seu paso por boca resulta sedoso e, por elo, fácil de beber; adicionalmente, os sabores a maltas recordan ao pan e o lúpulo outorga un amargor suave con notas a mandarina.

[su_image_carousel source=”media: 18077,18075,18074,18071″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Queremos promover Nigrán como o que é, un lugar onde podemos presumir de equilibrio natural, e consideramos que un dos xeitos de facelo é a través precisamente da cervexa elaborada polos irmás Toledano, veciños de Patos. Agora Nigrán tamén ten o seu propio sabor”, resume o alcalde, Juan González, quen destaca que esta cervexa terá un protagonismo destacado no ‘Val Miñor Fest’, festival da cervexa artesán que este ano terá lugar do 20 ao 23 de agosto na Alameda de A Ramallosa.

“Estamos moi satisfeitos co resultado final porque consideramos que a elaboración resume o que é Nigrán desde o punto de vista paisaxístico, un municipio onde non hai que elixir entre praia ou montaña para gozar da natureza; e tamén porque contén o carácter dunha localidade hospitalaria onde ninguén se sinte de fora nin queda excluído”, inciden Andrés e Roberto Toledano, que teñen en stock 1.500 botellas mentres elaboran outra remesa.

Cervexas TRISK-ALE, naceu hai 8 anos en Nigrán e, aínda que por necesidades de produción actualmente elaboran en toda Galicia, a base de operacións mantense na localidade, concentrando na comarca o seu maior esforzo ao querer seguir mantendo o concepto de produto de cercanía. Contan con 6 referencias no mercado e dispoñen dun local especializado en Baiona (La Micro), onde serven as súas cervexas directamente aos clientes.

Programación

O Concello presentou coa cervexa ‘Nigrán, equilibrio natural’ a súa programación de agosto. A música tradicional terá unha presencia destacada ao contar coa actuación do gaiteiro Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro, quen esgotou en tempo record a venda de entradas para o solpor do sábado. A maiores, Milladoiro será o protagonista en Chandebrito do festival Chandefolk organizado desde o Concello para o 22 de agosto, neste caso con entrada libre (limitada por aforo). Ademais, a agrupación feminina ‘A Banda da Loba’, comprometida coa música en galego, será a encargada de abrir o mes este sábado ás 22:00 no torreiro de O Ceán.

O exitoso festival Solpor Monteferro terá lugar este ano os días 7 e 8 pero no espazo público Dunas de Gaifar para facilitar o control de aforo, xa que nas tres pasadas edicións no miradoiro o público creceu exponenciamente. “Agardamos volver o ano próximo ao lugar orixinal, pero nestes intres é máis convinte realizalo neste recinto para controlar o aforo mantendo ao mesmo tempo a gratuidade e poder facelo en cadeiras”, sinala o alcalde, Juan González.

Como novidade, neste ano incorpórase con vocación de continuidade o ‘Parrulas Fest’, festival para miúdos que terá lugar do mércores 12 ao sábado 15 no escenario ao aire libre da Foz do Miñor (onda o Nigranjazz). O clown nigranés ‘Peter Punk’ dirixe este evento que comezará cada día ás 20:00 horas con dúas actuacións diferentes entre as que estará Brais das Hortas, o Mago Pau Segalés, Cirkompacto, Pajarito… Os nenos serán grandes protagonistas na oferta cultural de agosto ao programarse seis contacontos pola igualdade en diferentes escenarios ou tres actuacións do Rey Midas.

Igualmente, o Concello continúa co seu programa ‘Música nas parroquias’ ofrecendo a actuación dunha banda de música en sesión vermú en cada festa parroquial, xa que non haberá verbenas e porá fin ao ciclo do cine de verán este luns con ‘La Playa de los ahogados’.

Ao igual que en xullo, mantéñense as actividades de praia e deportivas engadindo o torneo internacional de futevolei o 29 e 30 en Panxón e os beachmarkets dos domingos en Gaifar ou os de artesanía o sábado en Panxón, sumados á tradicional feira ‘Portobello’ o domingo 9 na Alameda de A Ramallosa. O Concello continúa tamén coa realización de roteiros guiados pola rede de sendeiros municipal, cun mínimo de dous semanais (é preciso facer inscrición previa no mail [email protected]).

Finalmente, o Concello colabora en diferentes eventos organizados polas entidades veciñais, como a baixada de carros de bolas a tarde do sábado 15 en Camos.

“En definitiva, un ano máis ofrecemos actividades culturais para todos os gustos e para todo tipo de públicos, este ano condicionados polo Covid-19 tendo en conta o cumprimento de todas as garantías sanitarias”, resume González.

A Policía Local do Porriño pon 100 denuncias, nun operativo de catro horas, por non facer uso da máscara protectora

Un total de 100 denuncias por non facer uso das máscaras de protección formularon onte axentes da Policía Local do Porriño mediante un operativo despregado en todas as entradas e saídas por estrada do termo municipal.

No transcurso do operativo, realizado entre as catro e as oito da tarde, os axentes pararon e revisar vehículos particulares, camións, furgonetas de reparto e ata autobuses de transporte de viaxeiros e de liñas regulares.

A falla máis habitual foi que varias persoas compartían vehículo sen facer uso das máscaras sen ser familiares ou conviventes.

Cada denuncia da lugar a unha sanción económica de 100 euros por persoa que tramitará a autoridade competente.

Durante as semanas anteriores, a Policia Local do Porriño estivo realizando unha labor “pedagóxica” avisando aos cidadáns da obrigatoriedade do uso das máscaras.

A Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure volve a instar á veciñanza a que “sexan conscientes da gravidade da situación e que o uso obrigatorio das máscaras de protección e observar as medidas de distancia, é polo ben de todos”, segundo manifestou a tenente de alcalde. 

Ponteareas adhírese á Rede Ágora para recuperar o espazo público para a veciñanza

O Pleno do Concello de Ponteareas, co voto a favor do goberno (BNG-PSOE) e a abstención de PP e ACIP, acordou adherirse á Rede Ágora, unha iniciativa impulsada pola Deputación e dirixida aos Concellos interesados en recuperar o espazo público para a veciñanza. Ademais acordouse designar ao concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, como representante municipal na rede.

Mera encargouse no Pleno de defender a proposta salientando que “Ágora non é un brindis ao sol, nin unha declaración de principios ou de intencións, xa que a Deputación se compromete a impulsar liñas de subvencións e axudas para os proxectos de recuperación do espazo público e das mobilidades alternativas como as que estamos a poñer en marcha en Ponteareas”. A través da rede a institución provincial tamén porá a disposición dos concellos adheridos persoal técnico especializado, organizará cursos e accións formativas para persoal técnico e Policía Local e impulsará accións de sensibilización no ámbito educativo.

Na súa intervención, o concelleiro nacionalista repasou as accións do goberno en materia de mobilidade e de recuperación de espazos públicos: “no anterior mandato sentamos as bases coa planificación e o deseño dunha estratexia clara que se traduciron nun estudo de mobilidade, a EDUSI e o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS), redactáronse proxectos e executáronse obras para cambiar o modelo de vila coma un tramo do Paseo Matutino ou a praza do Mercado Municipal, San Roque, Praza de Bugallal, Rúa Redondela e o entorno do complexo deportivo Álvaro Pino. Agora faremos actuacións de reordenación de espazos en 14 rúas. E a adhesión a Ágora permitiranos obter recursos para novos proxectos e melloras na mesma liña”.

Os principios da Rede Ágora resúmense na recuperación do espazo público para as persoas e un cambio nas prioridades da mobilidade que agora pasan a estar encabezadas polos desprazamentos a pé, seguidos da bicicleta, os vehículos de mobilidade persoal, o transporte público e, finalmente, o vehículo a motor privado.

Tomiño investe 205.000 euros na mellora do campo de fútbol do Regatiño

0

O Concello de Tomiño levará a cabo obras de mellora no Campo de Fútbol O Regatiño, de Goián, por valor de 205.000 euros.

O investimento foi aprobado no último pleno ordinario, celebrado o 23 de xullo, coma unha das partidas principais do Expediente de modificación de créditos Nº 05/20.

A Concellaría de Deportes, que dirixe Fran Campo, planea a reforma do campo co fin de dotar á poboación dun espazo de xogo con condicións idóneas para a práctica do fútbol e ademais, que posibilite o emprego intensivo da cancha e cun fácil mantemento. O concelleiro estivo en contacto coa directiva do club dende hai tempo co fin de que as obras respondesen ás necesidades do colectivo.

Ocampo do Regatiño, localizado na Avenida Brasil esquina Avenida Pío Troncoso na parroquia de Goián, ten unha superficie de 9.600 m² dotada de céspede artificial, que na actualidade presenta un importante deterioro, coa existencia de amplas zonas nas que a fibra ten unha lonxitude mínima ou se atopa totalmente esmagada.

Esta situación produce un deficiente uso da instalación, xa que se produce un bote irregular da pelota, e afecta a evolución dos xogadores, modificando as condicións de agarre ao terreo do calzado deportivo, o que pode provocarlles lesións musculares e articulares.

Por outra parte, nas gradas existen dúas fileiras de bancos plásticos para uso dos afeccionados, nas que é necesario repoñer ou substituír algúns elementos.

A finalidade dos traballos é mellorar o equipamento deportivo municipal coa instalación dun céspede artificial de nova xeración, acorde coa evolución técnica deste tipo de produtos deportivos, que ofrecen unha maior resistencia ao desgaste e reducen custes de mantemento.

Asemade, colocarase unha capa amortiguadora de caucho, o que reducirá o impacto dos xogadores e xogadoras ao caer ao solo, e fará que a herba artificial teña unha vida útil máis longa.

Por outra banda, procederase á reposición dos bancos ausentes e a substitución dos que se atopan deteriorados, o que repercutirá na comodidade dos afeccionados.

Oia acolle esta fin de semana o evento “A emoción dos viños”

0

O Real Mosteiro de Oia acollerá esta fin de semana a décima edición do evento “A emoción dos viños”, un escenario impresionante no que achegarse á esencia da terra a través dunha ampla variedade de caldos do país.

“A Emoción dos viños” presentará proxectos indispensables para a vida no rural, sementeira para o futuro da viticultura, e proxectos xa consagrados no olimpo vitivinícola mundial. Elaboracións especiais dun grupo de viticultores que representan, coas súas creacións, os mil matices da viticultura.

Defendendo sempre con firmeza un viño producido dende o respecto, cun traballo sostible na viña e cunha clara idea de calidade e identidade por riba de cantidade e mercado, os viticultores reivindican a sinceridade dos viños limpos elaborados con honestidade e respecto ao entorno e ao consumidor. A través deste evento a organización promove a difusión do pracer e a alegría de gozar duns viños que falan de territorios, de persoas e de emocións.

O horario será de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas tanto o sábado 1 de agosto como o domingo día 2. O prezo da entrada é de 15 euros para unha xornada e de 20 euros para as dúas. Os asistentes recibirán unha copa serigrafiada coa que poderán degustar todos os viños e ademais instalarase unha tenda para todas as persoas interesadas en adquirir algunha botella.

O evento desenvolverase na súa maior parte ao aire libre, nos xardíns e no claustro do Mosteiro, coas máis estritas medidas de seguridade e hixiene. Haberá dispoñibles 250 entradas (reservas en [email protected]), que é o 60% do aforo permitido, co obxectivo de facilitar o mantemento das distancias de seguridade. 

Ademais, e tal como di a orde publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 18 de xullo, o uso de máscara será obrigatorio.

‘Ponte na súa pel’ para concienciar sobre igualdade e prevención de violencia de xénero

0

O Concello do Rosal pon en marcha unha nova campaña para concienciar aos rosaleiros e rosaleiras sobre igualdade e violencia de xénero. Trátase do ciclo de charlas formativas ‘Ponte na súa pel’, cinco conferencias impartidas por persoal cualificado en violencia de xénero coas que concienciar, asesorar e informar sobre cuestións de igualdade a comerciantes, clubs deportivos, profesorado, alumnado, asociacións de nais e pais, familias ou asociacións culturais, así como ao público xeral. Esta actividade conta co financiamento do Ministerio de la Presidencia, Relacións con las Cortes e Igualdad a través da Secretaría de Estado de Igualdad para el Fondo de Estado contra la Violencia de Género.

As charlas celebraranse os vindeiros 3, 4, 5 e 6 de agosto a partir das 20.30 horas no xardín posterior do Concello ou no salón de plenos, xa que unha das xornadas celebraranse dúas conferencias de forma simultánea. Todas as conferencias serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo.

Programa

A actividade comezará o vindeiro luns 3 de agosto coa charla dirixida a profesorado e profesionais da educación, na que se abordarán aspectos como a inclusión da igualdade no proxecto educativo dos centros, nas programacións curriculares e na asignación de responsabilidades e espazos. Nela axudarase ao profesorado a seleccionar materiais, libros, recursos e proxectos educativos non sexistas e daranse as chaves para fomentar na aula e fóra dela xogos e xoguetes neutros, cooperativos e compartidos, así como para establecer patios coeducativos. Tamén se falará sobre a identificación e comunicación de situacións de risco, da actuación inmediata, das medidas de urxencia e da comunicación á familia e traslado a profesionais especializados.

O martes 4 de agosto o público serán familias, asociacións de nais e pais e alumnado, cos que se falará de campañas libres de discriminación, do uso de linguaxe non sexista, do fomento do respecto e bo trato ou das redes sociais concienciadas coa igualdade. Tamén se lles darán ferramentas para como actuar en caso de ser conscientes dun caso de violencia de xénero e se lles achegará aos servizo de seguridade e asistencia aos que poder acudir.

O mércores 5 de agosto haberá charla dobre. Por un lado unha dirixida a asociacións culturais e veciñais na que se informará a todas as persoas asistentes de campañas libres de discriminación, do uso de linguaxe non sexista en cartelería e folletos ou do uso de redes sociais concienciadas coa igualdade, entre outros aspectos. Tamén se formará en como actuar se son conscientes dun caso de violencia de xénero nas súas instalacións ou no ámbito veciñal.

Na actividade dirixida a clubs e asociacións deportivas abordaranse aspectos como o respecto e o bo trato a adestradoras e arbitraxe e daranse as ferramentas necesarias para actuar en caso de detectar un caso de violencia nas súas instalacións.

A derradeira charla será o xoves 6 de agosto e estará dirixida ao comercio e á empresa. Coas persoas participantes falarase das campañas de comercio local libres de discriminación, da linguaxe non sexista en cartelería e folletos, de certames e premios igualitarias ou de redes sociais concienciadas coa igualdade. Tamén se formará as persoas de comercio e hostalaría en como actuar ao detectar un caso de violencia nos seus establecementos, dando a coñecer os servizos de seguridade e asistenciais aos que poden acudir.

Os Concellos de Nigrán e Baiona colaboran con Arela no programa ‘Convive.COMigo’

As respectivas concelleiras de Asuntos Sociais de Nigrán  e Baiona, Bibiana Peixoto e Concepción Vara, reuníronse esta mañá con técnicos da Asociación Arela, Eva Piñeiro e Julio Barreiro, de cara a promover entre a súa veciñanza o programa ‘CONVIVE.COMigo’, unha iniciativa na que esta entidade e Xunta de Galicia  buscan conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). 

Desde o Concello de Nigrán e Baiona resaltan o interesante desta intervención con adolescentes nun contexto natural como é o das familias. Ambos Concellos queren comprometerse con esta iniciativa dándolle difusión entre a veciñanza de cara a ter un ‘banco’ de persoas dispostas. A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Os requirimentos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda axeitada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade… Á súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico …

ARELA ofrece unha formación grupal e individual e asesoramento con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa. Desde a Páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o seu teléfono da súa sede central, 986 21 25 37 ou a través do correo electrónico [email protected].

ARELA (www.arela.org) é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.

Digna Rivas consegue o compromiso de Abanca que manterá aberta a oficina de Cesantes

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de amosar a súa satisfacción polo compromiso de Abanca de reabrir as portas da oficina de Cesantes, logo da reunión mantida na Casa do Concello, a petición da propia rexedora local, con Victor Manuel Vázquez Saavedra, director de zona Morrazo-Redondela e Juan Walter Álvarez Álvarez, director territorial de Vigo.

No decurso da reunión a alcaldesa deulles conta da importancia que ten a antedita sucursal de Cesantes tanto para a veciñanza da zona, como para a actividade económica relacionada co mundo da mar, “argumentos que foron perfectamente entendidos polos representantes da entidade financeira” e que foron determinantes á hora de decicir que, “ao longo da primeira quincena de agosto a oficina reabra as súas portas”, apuntou Digna Rivas.

O peche da oficina de Cesantes, que conta cun considerable movemento debido ao seu uso por parte das xentes da mar e da actividade portuaria, viña sendo motivo de malestar e mobilizacións da veciñanza. Digna Rivas agradeceu a “receptividade de Abanca ás peticións formuladas polo Concello que non son outra cousa que as esixidas polas veciñas e veciños”

Ao longo da xuntanza de traballo, a alcaldesa solicitou que por parte de Abanca, se revisase a política de cobro de comisións que estaba a desenvolver a entidade “e que afectan aos sectores máis vulnerables da sociedade”.

Digna Rivas subliñou que a xestión realizada “responde á obriga do Concello, como administración máis próxima á cidadanía, de poñer voz a calquera problema que afecte aos veciños e veciñas” e cuxa resolución, sinalou, “é para nós prioritaria”.

A Deputación abre a inscrición para a primeira das ‘DepoRutas BTT’ do verán que percorrerá Cambados

Enmarcada na programación Vive Deporte, coa que a Deputación de Pontevedra invita á cidadanía a desfrutar este verán dunha ampla oferta de actividades deportivas sostibles, este mércores 29 de xullo a institución provincial xa ten aberto desde esta mañá o prazo de inscrición para a primeira das dúas ‘DepoRutas BTT’ previstas, que percorrerá o concello de Cambados o día 23 de agosto.

As e os interesados en participar nesta primeira ruta en bicicleta poderán inscribirse a través da web www.depo.gal ata completar o límite de 200 prazas ata o 17 de agosto, ás 12 horas. Unha vez completadas as prazas, abrirase unha lista de agarda de ata un máximo de 50 persoas. Ás persoas participantes se lles confirmará a asistencia a través da web www.depo.gal coa publicación da lista definitiva, e vía SMS, co programa ‘Depo Informa’.

No caso das e dos menores de idade, deberán ir acompañados e en caso de familias con varias crianzas será suficiente cunha persoa representante ou titora por familia. A ruta –que inclúe os avituallamentos– estará sinalizada e as persoas participantes deberán seguir o itinerario e ritmo marcados pola organización. Será rigorosamente obrigatorio o uso de casco protector durante todo o percorrido. Despois desta marcha, a segunda das ‘DepoRutas BTT’ programadas pola institución provincial terá lugar o 13 de setembro en Ponteareas, e o prazo de inscrición será do 24 de agosto ao 7 de setembro.

O obxectivo desta iniciativa da Deputación é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. O programa está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos (persoas, grupos ou familias) que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables.

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo renova a súa xunta directiva

Respectando as medidas sanitarias impostas pola Xunta de Galicia, a Asemblea Extraordinaria da Banda de Música Xuvenil de Xinzo levou a cabo o cesamento da anterior directiva, que viña traballando desde o ano 2017, e acordouse a renovación da mesma en funcións ante a falta dunha nova candidatura.

As novidades máis destacadas desta renovación son as novas incorporacións e cargos. O número de membros aumenta ata un total de dez, tres máis que na etapa anterior. Francisco Jesús Represas Carrera continúa á cabeza como presidente e Blanca Represas Alonso como vicepresidenta, do mesmo xeito que non cambian as funcións dos membros que formaban parte da directiva ata o momento.

A única excepción a isto é a de Manuel Collazo Francisco, que pasa a ocupar un dos novos cargos, o de vicesecretario, como apoio á secretaria María Represas Alonso. A esta novidade súmase o cargo de vicetesoureiro, que ostentará un dos tres novos membros e músico da banda, Ángel González Lago, acompañando á tesoureira Silvia Fernandes Táboas. As outras incorporacións, Mónica Carrera Táboas e Sonia González Represas, asumirán o cargo de vogais xunto ás veteranas Ana Acebedo Varela e Segunda Carrera Iglesias.

A recentemente renovada directiva prolongará o seu mandato durante os próximos tres anos, nos que xa se planean a posta en práctica dos novos obxectivos establecidos en beneficio da Banda, da Coral Cantares de Xinzo e da Escola de Música. As primeiras reformas a tratar serán as da Escola nunha nova asemblea que ten previsto celebrarse a primeira semana deste próximo mes de setembro.

A Federación Galega de Motonáutica imparte en Tomiño un novo curso aberto para obter ou renovar a licencia de navegación

0

O vindeiro sábado, 1 de agosto, pola mañá, a Federación Galega de Motonáutica, impartirá coa colaboración da Concellería de Deportes de Tomiño, un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación. Carlos Estévez, vocal da federación, e Marcos Casaleiro, colaborador, mantiveron este mediodía unha reunión co concelleiro de Deportes, Fran Campo, para ultimar os detalles da acción formativa teórico-práctica, que terá lugar na contorna do Espazo Fortaleza, de Goián, e no río Miño, utilizando para as prácticas o pantalán adaptado existente na zona.

Ata o momento hai unhas vinte persoas apuntadas, e mañá (30 de xullo) é o último día para inscribirse, podendo participar tamén persoas con dificultades de mobilidade, xa que se contará cunha embarcación adaptada.

O pasado día 4 de xullo, impartiuse outro curso das mesmas características en Goián, coa participación de 27 persoas.

Para máis información e inscricións, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected]

Comeza a programación de verán de Salvaterra baixo o lema ‘Un agosto diferente pero seguro en Salvaterra’

Como todos os anos a Alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, presenta a programación que ofrece o Concello de Salvaterra aos seus veciños e veciñas para o verán, baixo o lema “Un agosto diferente pero seguro en Salvaterra”.

Un ano diferente pero seguro, onde o compromiso coa cultura non podía faltar, aínda que sexa adaptado a nova situación que estamos a vivir.  Ademais, será unha maneira de lecer diferente que  faga un pouco máis ameno o verán, e aínda que as festas principais terán que esperar ao 2021, este ano non podemos esquecer a Festa do Viño, que marcará un antes e un despois nunha das festas máis antigas do noso concello.

Achegámonos ao mes de agosto e con el comeza a programación do Verán Cultural. Dende o Concello trabállase para ofrecer unha programación variada e con todas as seguridades na nova normalidade, unha programación feita e pensada para gozar en familia. Cinema,  teatro e música terán ou seu espazo, utilizando como espazo central a Praza do Concello, ubicación que permite delimitar e ter un control estricto de aforo.

Ademais, como medidas de seguridade pídese asistir cunha hora de antelación para aplicar as medidas do protocolo, desinfección de mans, ocupar as cadeiras asignadas, acudir con masacrilla e os nenos e nenas sempre estarán acompañados dun adulto.

Nigrán festexa San Fiz, patrón do municipio, con programación infantil e o concerto de ‘A banda loba’ o sábado

0

O Concello de Nigrán abre mañá ás 20:00 horas na Praza do Concello os festexos de San Fiz, patrón do municipio, co Paiaso Popín e a gran estrea de ‘O Estrano caso do dentista da rúa Brasov’, de Troula. As actividades infantís continuarán o venres 31 de xullo no mesmo horario e localización con Rey Midas e Valeria Varitas, que ofrecerán parte da maxia que regalaron por videoconferencia aos nenos de aniversarios durante o confinamento.

Xa no propio día de San Fiz, sábado 1 de agosto, as actuacións trasladaranse ao seu lugar orixinal, o Torreiro do Ceán, onde o Concello ofrecerá o concerto da Banda de Música de Vincios ás 13:00 horas e, como ven sendo tradición, estará acompañado de pulpeira. A programación remata co gran concerto ás 22:00 horas de ‘A Banda de A Loba’ dentro da súa xira ‘Fábrica de Luz’, o seu segundo traballo discográfico adicado a homenaxear á figura da ‘nai’ no sentido amplo do termo.

O quinteto xa estivera en Nigrán presentando o seu primeiro disco ‘Bailando as rúas’ e continúa coa súa aposta musical ecléctica na que ten cabida o folk, pop, rock e os ritmos latinos. As letras son case todas propias, firmadas polas irmás Andrea, Marcela e Lara Porto, tres poetisas precoces cun  currículo inmenso de premios literarios. Ademais, o disco inclúe tamén dous poemas musicados de Rosalía de Castro, ‘Tecín soia’, e de Manuel María, ‘A casa’. Ademáis, varias das letras están inspiradas por outras autoras galegas que para o grupo son referentes, como Xela Arias, Celia Parra, Andrea Nunes ou María Victoria Moreno.

“Trátase do patrón do municipio e este ano será diferente por mor do Covid-19 pero non por elo deixamos de festexalo”, resume o rexedor, Juan González.

[su_image_carousel source=”media: 17993,17998,17997,17994,17995,17996″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Play-Doc deseña un novo modelo de festival no que a seguridade do público será unha das prioridades

0

O Festival Internacional de cinema Play-Doc celebrarase en a cidade de Tui de o 23 ao 27 de setembro, tras verse obrigado a pospoñer o seu décimosexta edición por mor da crise sanitaria. A organización do certame está a traballar, xunto co Concello da cidade, no deseño dunha edición especial e diferente que garanta a seguridade do público, de os invitados e do propio equipo, facéndoo compatible co pleno goce da programación e as actividades que terán lugar este ano.

A organización presentará unha edición adaptada a as circunstancias e aos protocolos de seguridade requiridos en cada momento, para iso, nesta ocasión, o Festival pretende achegarse máis ao público, saír á rúa, e hacerque parte da súa programación tamén se poida gozar en diferentes localizacións da cidade fronteiriza. O Teatro Municipal seguirá sendo o seu punto de encontro principal pero súmanse lugares como a Praza do Pracer, convertida na súa segunda sede, e outros puntos da cidade onde o público poderá participar de encontros, concertos, talleres e actividades dirixidas especialmente a eles. 

Play-Doc quere manter o seu espírito e continuar sendo un festival de dimensións reducidas pero cunha traxectoria e alcance de enorme transcendencia nacional e internacional. Este ano, como novidade, o festival tamén se poderá gozar desde casa, pois parte dos seus contidos estarán dispoñibles online, e para todo o territorio español grazas á colaboración con Filmin, a plataforma de cinema en  streaming por excelencia en España.

Play-Doc consolidouse como referente, logrando manter un modelo de festival singular cunha programación rigorosa e un público masivo e extraordinariamente heteroxéneo. Ao longo destes dezaseis anos, Play-Doc converteuse nun lugar ideal para o encontro de novos creadores e polo que pasaron verdadeiras lendas do cinema como Albert Maysles, Bruce Weber ou Artavazd Pelesjan, así como cineastas de culto, esquecidos, censurados ou descoñecidos como Kidlat Tahimik, Charles Burnett ou Peter Emanuel Goldman, entre moitos outros.

Esta XVI edición de Play-Doc celébrase por primeira vez baixo a marca desenvolvida pola Deputación de Pontevedra, Rias Baixas Film Fest, creada para axuntar e fortalecer os principais festivais audiovisuais da provincia. 

Carmela Silva enxalza en Gondomar, “ás mulleres guerreiras galegas das que herdamos a forza para loitar pola igualdade”

A homenaxe á muller galega e a reivindicación da súa forza foron hoxe os fíos condutores da nova acción do programa contra as violencias machistas ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ que se desenvolveu en Gondomar, a actuación “tribal” da cantante Zeltia, acompañada de Andrea, e na que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, volveu reiterar o firme compromiso da institución provincial na loita a prol da igualdade. “Falamos dun soño que pode cambiar o mundo“, dixo Carmela Silva, que estivo acompañada neste concorrido acto na praza de Paradela polo alcalde, Francisco Ferreira, a deputada de igualdade, amais do persoal do CIM de Gondomar, alumnas e alumnos dos obradoiros de emprego do concello, e representantes do goberno municipal.

Na súa intervención, a presidenta provincial quixo enxalzar o papel das mulleres galegas loitadoras “as nosas bisavoas, avoas e nais, que traballaron arreo, en silencio e sen recoñecemento, pero que fixeron que Galicia sexa hoxe o que é; esas mulleres das que somos herdeiras e polas que temos esa forza para seguir loitando”. Carmela Silva agradeceu que mulleres mozas como a propia protagonista da acción artística Zeltia e a súa compañeira de acción Andrea, “dean o relevo nesta batalla contra a violencia visible e invisible que sofren as mulleres e que levan a súa mensaxe, que é a máis fermosa do mundo, a loita pola igualdade”. Unha loita que, volveu insistir, “ten que ser unha prioridade para todas e para todos”.

[su_image_carousel source=”media: 18018,18021,18019,18020″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Precisamos que os homes nos acompañedes nesta loita –indicou–. Nós seremos felices porque teremos dereitos. Pero vós seredes máis felices porque viviredes ao lado de mulleres felices”. Silva lembrou os arrepiantes datos da violencia machista, que este ano xa deixou 25 mulleres asasinadas, catro nas pasadas semanas, 55 o pasado 2019 e máis de mil desde o 2003, en que comezaron a contabilizarse os datos. “Sempre amais de formas tan crueis. Queimadas, matadas a golpes, tiradas por ocos das escaleiras, escachadas en anacos… Sei que son cousas que son e soan duras, pero é a verdade. É o que padecen as mulleres e hai que contalo. Non é un argumento máis que brutal para que nos poñamos todas e todos en contra desa violencia? Hai que poñerlle freo a estas violencias que padecemos polo simple feito de ser mulleres”.

Pola súa banda, o alcalde Francisco Ferreira agradeceu o apoio da Deputación ao Concello de Gondomar e, máis en concreto, o de Carmela Silva, “alguén que pon en referencia o valor das mulleres”, e amosou a necesidade de “estar todos e todas unidos na causa” da igualdade. Sinalou que na actualidade hai vinte mulleres que son vítimas activas da violencia de xénero neste concello e “que precisan a vixilancia e a axuda de todos nós”. No que vai de ano houbo 12 denuncias por maltrato e hai 5 ordes de afastamento, “polo que o compromiso das administracións nesta loita é fundamental; e temos que implicarnos non só na loita contra a violencia física, senón tamén psicolóxica”. Engadiu que estas situacións agraváronse nesta época de confinamento “e aí é onde temos que estar máis atentos, coa colaboración entre a Policía Local, a Garda Civil e a veciñanza, temos que detectar estes problemas e non dubidar para nada en actuar a fin de poñer a salvagarda os intereses das vítimas”. “Temos que traballar ata que a violencia sexa cero cero”, concluíu.

Na súa actuación na Praza da Paradela, Zeltia, que pediu o compromiso das administracións para visibilizar estes actos “que dan vida ás mulleres”, ofreceu un recital de canto á terra con fondura nas letras e unha voz incomparable con sons tribais de bosque autóctono. Unha acción que reivindicou a figura da muller galega ao longo do tempo, de fortaleza e empoderamento, facendo rexurdir á muller guerreira ao través da música e dos elementos ambientais. Zeltia sempre di que “se a vida é un reto, a muller demostra superación”

A Piscina Municipal do Porriño estará aberta tamén no mes de agosto

Este ano 2020, dadas as extraordinarias circunstancias acontecidas, a Concellería de Deportes que dirixe David Alonso tomou a decisión de manter aberta a Piscina Municipal tamén durante o mes de agosto, agás sábados e domingos. Polo tanto, a Piscina volverá abrir o vindeiro luns 3 de agosto.

O horario de apertura será diferente ao actual. Na quenda matinal será dende as oito ata as doce do mediodía. E pola tarde dende as sete ata as dez da noite.

Os demais requisitos que actualmente están a esixirse, manteránse:

O emprego da máscara será obrigatorio en todo momento, agás na piscina. A solicitude de cita será un requisito imprescindible. Deberá pedirse cun máximo de 48 horas de antelación, ben por teléfono a través de número 986 34 44 20 ou por correo electrónico: [email protected]

O tempo de nado é de unha hora e non poderá haber máis de dúas persoas por cada rúa na piscina grande. No vaso pequeno, o aforo máximo será de 8 persoas. 

Por outra banda, a Concellería de Deportes informou tamén que durante o mes de agosto continuarán as obras de inmpermeabilización do teito da Piscina que viñan realizándose.

Tomiño esixirá á Consellería de Sanidade que repoña o médico do consultorio de Goián

0

O Concello de Tomiño esixirá á Xunta de Galicia que, de xeito inmediato, repoña o servizo médico do consultorio de Goián, suspendido por mor da pandemia do coronavirus, sen que se repuxera despois do levantamento do Estado de Alarma.

Aclaran os nacionalistas que durante a crise do COVID, “a Xunta decidiu pechar o consultorio de Goián e trasladar o seu servizo ao Centro de Saúde, e ata o día de hoxe non foi reposto o servizo, e a única comunicación realizada ao Concello é que están á espera de cubrir a praza do médico de Goián (o anterior xubilouse) en setembro para retomar o servizo, o que está a xerar certas dúbidas entre a veciñanza”.

No referido á localización do servizo, a moción explica que en 2008 o consultorio mudouse, con autorización do Sergas, á casa reitoral, para o cal foi necesario asinar un contrato co Bispado Tui-Vigo; e aclara que a superficie era maior que a do anterior local e melloraba as condicións para a permanencia do servizo.

Asemade, Tomiño esixirá á Xunta de Galicia que garanta a substitución en vacacións do persoal médico e administrativo do Centro de Saúde de Tomiño. O goberno local está convencido -tal coma manifesta a moción do BNG- de que os únicos responsables desta situación son o PP e a Xunta, que fan o mesmo cada verán. Esixirá polo mesmo, que o conselleiro de Sanidade reciba aos alcaldes e alcaldesas da comarca, para xuntos analizar a situación actual, trasladando ao mesmo tempo a moción aprobada en pleno por unanimidade, á Consellería de Sanidade, ao SERGAS e ao Parlamento de Galiza.

Por outra banda, para o BNG a falta de persoal carrexa enormes problemas aos usuarios e usuarias, que ven minguado un servizo tan importante coma a atención primaria, “xa que a actual situación supón o incremento do número de pacientes por médico, sobrecargando o servizo e atrasando a concesión das citas para consulta”.

Aclaran na moción que a situación non é algo illado, senón que se repite nos municipios da comarca, polo que con data 9 de outubro do ano pasado, os rexedores solicitaron cita co conselleiro de Sanidade, que aínda non foi concedida.

O Rosal reformará integramente o seu mercado para convertelo nun espazo vivo e con futuro

0

O Concello do Rosal iniciará este ano a reforma íntegra do seu mercado para convertelo nun espazo vivo e con futuro co que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, presentou este martes á veciñanza o proxecto de renovación da praza de abastos, que na primeira fase terá un custe de máis de 207.000 euros financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e financiamento propio.

“Este novo proxecto, enmarcado no plan de desenvolvemento local, é unha aposta do Concello polo comercio de proximidade e pola concepción do mercado como un punto de dinamización económica e social do núcleo urbano. Queremos que o Mercado se converta nun polo de atracción para novas persoas emprendedoras, para o comercio local e para a propia veciñanza”, explicou a rexedora.

As obras desta primeira fase incluirán a reforma do actual edificio do mercado, construído en 1954. A renovación exterior consistirá na reparación de deficiencias e de elementos deteriorados na cuberta, mentres que no interior farase unha reforma xeral para dar unha nova vida ao mercado, reciclar o seu interior e adaptado ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias.

O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e despacho de pan. Tamén se engadirán novos espazos para venda e promoción de produtos locais.

Esta reforma íntegra do mercado non se limitará a unha mellora arquitectónica do edificio, senón que irá acompañada dun traballo de formación e apoio aos actuais praceiros e praceiras para adaptarse ás novas demandas dos clientes. Buscarase ademais un cambio de concepción do mercado para transformalo en punto de encontro da poboación e de distribución dos produtos de calidade e da zona pero tamén nun lugar no que teñan cabida actividades como degustacións, formación gastronómica e actividades culturais e sociais.

Proceso participativo

Para a reforma da praza de abastos a empresa Rural Consulting elaborou un Plan de usos a través dun proceso participativo no que se realizaron diferentes entrevistas e xuntanzas con praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e persoas usuarias do mercado. Danse así os primeiros pasos para converter a praza nun mercado de excelencia, un selo posto en marcha pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia que busca a modernización dos mercados galegos e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade á veciñanza e o trato personalizado.

Chao Quintana, de Rural Consulting, expuxo á veciñanza un resumo do deseño realizado para a renovación do mercado a partir das necesidades detectadas na actual praza de abastos e das suxestións recollidas nas diferentes entrevistas e xuntanzas. Cada vez son máis as persoas que buscan unha alimentación saudable, natural, próxima, sostible e fácil de consumir e, segundo esta experta, os mercados municipais deben aproveitar estas novas tendencias e convertelas en oportunidades de negocio, ofrecendo calidade e proximidade, dúas das razóns que a clientela valora máis á hora de decidirse por este tipo de establecementos. “A situación central do edificio, a súa arquitectura e a identidade do Rosal como territorio de produción e transformación agroalimentaria fan da praza de abastos unha candidata ideal para converterse nun escaparate dos produtos locais”, sinalou.

Nigrán empregará drons con intelixencia artificial para mellorar o control de aforo en Praia América e Patos

0

O Concello de Nigrán mellorará o control do aforo dos seus principais areais (Praia América e Patos) mediante o emprego de drons equipados co sistema experto DGH Intelligent Watchful Vision desenvolvido pola enxeñería ubicada en Porto do Molle DGH, que cede o software altruístamente. Con este obxectivo, técnicos desta empresa especializada en robótica, automatización e mantemento industrial ofreceron esta mañá ao pé de Praia América un curso de cualificacións aos voluntarios de Protección e Socorristas encargados dos areais do municipio.

“É un sistema desenvolvido por unha empresa con sede en Nigrán e que nos parece moi recomendable empregar nesta situación. O control de aforo seguirá deste xeito datos obxectivos e non a percepción de cada quen, polo que facilitaremos moito a labor dos vixiantes e forzas de seguridade, xa que eles mesmos en tempo real poderán comprobar o grado de afluencia e dar indicacións aos bañistas”, incide o alcalde, Juan González.

Deste xeito, mediante a grabación de imaxes ou vídeo o dispositivo baseado en visión, robótica e intelixencia artificial conta en tempo real o número de persoas concentradas na praia nese intre (previamente queda configurado o máximo seguro permitido con marea baixa, media e alta). “Se por exemplo se observa que hai concentración nunha determinada zona e noutra sucede o contrario permite avisar por megafonía as bañistas”, exemplifica González.

“Cedemos este dispositivo altruístamente porque é a contribución que a nosa empresa pode facer para loitar contra a propagación do Covid-19”, explica Jean-Paul Yagüe, director de Negocio en DGH.

O alcalde de Nigrán, Juan González, incidiu esta mañá en que en liñas xerais a poboación “está a cumplir os requirimentos sanitarios e está moi concienciada” pero, precisamente en aras de que ese nivel de alterta se manteña ,desde a Policía Local se continúa a multar a aquelas persoas que rexeitan poñer a máscara sen ningunha xustificación médica que llo permita. “O distanciamento social e o resto de medidas preventivas é o que nos pode salvar de sufrir rebrotes, permitindo ao mesmo tempo que as actividades vacacionais, de ocio e empresariais se manteñan e non sufran máis aínda esta crise”, incide.

Os Servizos Sociais e o CIM de Redondela estrean as súas novas instalacións

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada por concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno e da Corporación Municipal, visitou na mañá de hoxe as recen estreadas dependencias dos Servizos Sociais e do Centro de Información á Muller (CIM) situadas nos baixos dun imoble da rúa 8 de Marzo. O traslado destes dous servizos que atenden aos sectores máis vulnerables da cidadanía, sinalou a alcaldesa no acto de inauguración das dependencias, “era un dos compromisos deste Goberno coas veciñas e veciños”.

A posta en marcha destas novas dependencias, lembrou Rivas, “estaba prevista para moito antes pero, como en todo, a pandemia da COVID-19 fixo preciso adiar esa posta en marcha”. Agora, sinalou a alcaldesa redondelá, “as persoas usuarias e as traballadoras e traballadores do servizo, dispoñen dun local amplio, totalmente accesible e que garante a privacidade, elemento fundamental nun tema tan sensible como os servizos sociais ou o Centro de Información á Muller”.

As novas instalacións, de 350 metros cadrados, son totalmente accesibles, amplas e modernas, contan cun total de 8 despachos, sala de reunións, catro aseos, –dous deles accesibles–, sala de arquivos ademáis de dependencias auxiliares e zonas comúns.

[su_image_carousel source=”media: 17962,17970,17969,17968,17967,17966,17965,17964,17963″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Ámbolos dous servizos estarán en condicións de ofrecer un servizo de calidade á cidadania e, ao mesmo tempo, unhas condicións axeitadas para as traballadoreas, algo que non se daba nas antigas dependencias da rúa Isidoro Queimaliños onde compartían espazo con outros servizos municipais e que non garantían a privacidade imprescindible para as persoas usuarias.

As dependencias contan, amais, con todos os medios de prevención sanitaria que se poden esixir fronte á pandemia da COVID-19, con espazo nos que se pode manter a distancia interpersoal, pantallas protectoras para as traballadoras do servizo, dispensadores de hidroxel e alfombras desinfectantes nos accesos.

A alcaldesa Digna Rivas subliñou “o importante avance que supuña esta instalación para a prestación duns servizos sociais axeitados” e adiantou a disposición do seu goberno de poñer en marcha “todas as medidas necesarias” que contribúan ao benestar da veciñanza “e a mellora da calidade de vida da cidadanía”.

O ‘Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy’ de Redondela atopa un muíño en Xote, Cesantes

0

A asociación Cultural ‘Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy’, atópase inmerso no proxecto de revisión do patrimonio de Cesantes, materia do seu libro, e a versión actualizada levará un estudo dos muíños existentes na parroquia. O traballo de campo realizado nos últimos meses deparou varias sorpresas e, entre elas, o descubrimento dun muíño sen catalogar na zona de Xote, preto da Nacional 550.

A este elemento patrimonial chegaron os membros do colectivo tras recoller testemuños dos veciños e explorar a zona. Unha vez alí, alcanzouse o elemento que se atopa nun lugar de difícil acceso polo abandono, a pesar de estar a unha vintena de metros da estrada. Tras ser descuberto o enclave, un grupo do Obradoiro Fernando Monroy, acompañado por varios veciños do lugar, foi ata o lugar para realizar unha profunda limpeza da zona e, deste xeito, poder deixar ó descuberto este importante elemento patrimonial.

[su_image_carousel source=”media: 17955,17952,17956,17953″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O seguinte paso, a pasada semana, o colectivo remitiu a información técnica do muíño ó concello de Redondela para solicitar a súa catalogación, xa que non aparecía rexistrado en ningures. Ademais, a asociación entende que debe ser incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal do municipio, que se atopa en elaboración. Así se plasmou no escrito remitido á entidade municipal. A construcción é coñecida como Muíño do Rato, según nos indicaron as testemuñas, e tamén como Muíño do Camiño de Xote. No referente á tipoloxía é dunha forma mixta, propia da zona de Redondela, que mistura o deseño en “canle-cubo”.

A isto é preciso engadir que o muíño atópase nunha zona de bosque de ribeira coñecida como ‘Ameneiral do Pexegueiro’. A uns metros do río Pexegueiro e tamén no antigo trazado do camiño de Santiago. Pola parte superior do elemento vai un camiño que aparece na documentación catastral, pero que está pechado polo manto vexetal da zona. O muíño tamén ten unha levada, canle, que sí aparece na documentación presentada, pero que aínda precisa dunha investigación máis profunda para atopar todo o seu percorrido.

A localización do novo muíño do Rato é a seguinte:

  • Coordenadas GPS Orux maps: 42,29835ºN 8,60675ºW
  • Coordenadas GPS Google maps: 42.2983548, -8.6067458

Mos intensifica a limpeza viaria e de zonas verdes este verán

0

Un total de 43 persoas de diferentes departamentos contribúen a manter un Mos limpo durante a tempada estival ao tempo que se fomenta a prevención de incendios forestais. O Concello que preside Nidia Arévalo está a intensificar os labores de desbroce e limpeza viaria e conta, neste momento, con 43 persoas dedicadas ás labores de desbroce e limpeza viaria e de zonas verdes.

Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro Parques e Xardíns e Servizos para a mellora do entorno rural e urbano, Baldomero Lorenzo achegáronse onte a algunhas das zonas obxecto de limpeza para supervisar os traballos que se están a levar a cabo.

Destes 43 traballadores e traballadoras 8 pertencen á empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza viaria, 4 son traballadores pertencentes ao cadro de persoal da administración –2 conductores de camión dedicados a desbroce e 2 dedicados a limpeza de fontes e marquesinas– e 11 persoas que realizan tarefas de limpeza viaria, recollida de residuos e mantemento de parques e xardíns foron contratadas a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Doutra banda, e con cargo ao Convenio interadministrativo subscrito entre a Consellería de Medio Rural e o Concello de Mos para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais, contratáronse a 12 traballadores nos postos de Oficial 1ª conductor motobomba (7), Xefe de brigada (1) e Peóns (4).

Tamén a través doutra subvención da Xunta de Galicia está a traballar neste ámbito 1 persoa preceptora de RISGA e 2 na brigada contra incendios a través do programa de fomento do emprego no medio rural (Aprol Rural) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en postos de peón forestal.

Por último participan tamén nestes labores de limpeza 5 mulleres contratadas por medio dunha axuda da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia a través dun programa da Secretaría Xeral da Igualdade, que rematan esta semana o seu contrato.

O Concello de Redondela rehabilitará os vestiarios e grada do Campo de Tuimil ao abeiro dunha achega do Plan Concellos

0

O Concello de Redondela investirá preto de 62.000 euros (61.996,07 €) na reforma dos vestiarios do Campo de Tuimir, traballos que se realizarán ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra logo de que a Xunta de Goberno da administración provincial aprobase dito investimento este pasado venres.

As obras, que iniciarán esta semana o proceso de licitación, permitirán a mellora dunhas instalacións que “nestes momentos son absolutamente inadecuadas e que impiden que neste campo se poidan disputar partidos oficiais”, apunta o concelleiro de Deportes, Nacho González.

O anterior goberno fixera obras de mellora do céspede pero “incomprensiblemente, esqueceuse ou non considerou importante a reforma dos vestiarios sen os que, o campo, é prácticamente inutilizable”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Rivas lembra que, nestes momentos, o Club Deportivo Cesantes, que habitualmente adestra e xoga os seus partidos neste campo, está utilizando provisionalmente o campo do Choco ante ao no contar o campo de Tuimir “cuns vestiarios minimamente dignos e adecuados”. Está fora de toda lóxica, engade a rexedora local, “acometer unha reforma de céspede e deixar fora o resto de infraestruturas deportivas do campo sen as que a instalación resulta pouco menos que inutil”.

O certo é que, sen uns vestiarios axeitados, os estamentos deportivos nunca permitirían a disputa dun partido oficial nestas instalacións, polo que urxía darlle unha resposta rápida “non só ao C. D. Cesantes en todas as súas categorías, senón a outros equipos como o Atlétivo Villar, Meirande de veteranos e os Nietos da Coca, tamén de veteranos, que unha vez rematadas as obras poderán utilizar as instalacións en condicións adecuadas”.

Finalmente, o concelleiro de Deportes, Nacho González, amosou a súa satisfacción por poder poñer en marcha “unhas obras imprescindibles que non só servirán aos clubs deportivos de Redondela, senón tamén, fora de tempada, para outras actividades municipais como actividades de conciliación ou campamentos infanties e actividades extraescolares”

Artesanía de Galicia ofrecerá un obradoiro de creación e patrimonio na Catedral de Tui dentro do festival ‘Música no Claustro’

0

A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da XIV edición do Festival Música no Claustro, no que a Fundación ofrecerá un taller divulgativo sobre creación e patrimonio baseado no traballo da artesá Minia Banet.

Banet, do estudio Variopinto e gañadora da beca Eloy Gesto 2019, impartirá os días 2 e 3 de agosto un obradoiro de bordado sobre fotografía tomando coma base a colección de fotografías na que o alemán Otto Wunderlich retratou ao Tui dos anos posteriores á Gripe de 1918. Afondarase con esta proposta no diálogo da creación dende o patrimonio.

A XIV edición do Festival Música no Claustro celebrarase entre os días 1 e 7 de agosto na Catedral de Tui (Pontevedra), e ofrecerá un programa centrado na artesanía, no patrimonio e na música, con sete concertos de música antiga, clásica, contemporánea, populares, modernas ou jazz, que darán vida cada serán ao monumento, nun diálogo interxeracional que parte do compromiso de Música no claustro polas novas xeracións.

Está prevista a actuación do guitarrista portugués Gonçalo Cordeiro, con músicas de ambas beiras do Miño; a baterista Andrea González (Tomiño), integrante do Gara Jazz Quartet; a música de Tcheka (Lisboa), cun recital íntimo dunha escolma do seu amplo repertorio; Faia e Benxamín Otero (Santiago de Compostela), cunha escolma de cantigas tradicionais nas que reivindica o rural, as costumes da cultura popular galega e o papel da muller; e Noelia González (Carballedo) presentará a evolución do acordeón coma instrumento de concerto.

Coma anfitrións do ciclo nacional AIEnRUTA o claustro gótico da catedral contará co concerto de Miryam Latrece Quartet acompañada de Marco Mezquida (piano), Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Michael Oliva (batería). Ademais actuará a clavecinista Inés Moreno, seleccionada en 2018 coma a proposta española máis destacada das novas xeracións de música antiga. Será un concerto con música escrita ao longo de 250 anos, dende o Renacemento ata a segunda metade do século XVIII.

A programación completarase coa posta en valor de pezas do Museo da Catedral de Tui e coa presentación de conversas en formato dixital de persoas destacadas polo compromiso co coñecemento e difusión do patirmonio e historia tudenses.

O trompetista Esteban Batallán clausurará o VIII Festival Groba que encherá Ponteareas de música entre o 15 e o 21 de agosto

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, acompañado da deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, do concelleiro de Cultura Fernando Groba e do director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba, presentaron hoxe no salón de plenos do Concello o cartel do VIII Festival Groba que, entre o 15 e o 21 de agosto e por oitavo ano consecutivo, encherá Ponteareas coa música das estreas absolutas do prolífico Mestre Rogelio Groba e será escenario no que se dean cita os mellores músicos do mundo.

Organizado co apoio da Fundación Groba, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, o Festival Groba ten como obxectivo divulgar a música clásica e facela chegar a cada recuncho e persoa que neses días visite Ponteareas.

Baixo as estrictas normas de seguridade sanitaria e distanciamento social este ano o Festival Groba presenta a novidade de ter como convidado especial encargado do concerto final ao trompetista Esteban Batallán solista da Sinfónica de Chicago que ofrecerá a estrea absoluta do concerto para trompeta e orquestra Concertino Rococó do Mestre Groba.

“É unha fortuna poder ofrecer un ano máis o Festival Groba. Este ano máis ca nunca fixemos un esforzo especial para poder garantír a seguridade e non privar así ao público desta ocasión única no ano”, explica o Alcalde Xosé Represas.

Pola súa banda a deputada provincial Victoria Alonso deu os parabéns ao Festival por cumprir un ano máis sendo unha cita obrigada no calendario cultural e salientou o necesario que é a oferta cultural para a cidadanía, sendo unha boa compañeira de vida, tal e como quedou demostrado nos tempos de corentena.

Totalmente de balde volveremos gozar das grandes figuras da música clásica como a viola coreana Kyoungmin Park, o pianista Federico Colli, o violín de Josef Spacek e Damián Hernández, pianista. Tamén volveremos gozar da voz e da arte da soprano Laura del Rio que estreará dúas obras do mestre Groba e do piano de Elisa D´Auria así como do violinista Pablo Vidal ou do clarinete de Spyros Fakiolas, así o relatou na súa intervención o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba; e Alba Reirís, a cellista ponteareá recuperará os microconcertos do mestre Groba.

A chelista Anastasia Kobekino ofrecerá outra das novidades tocando no convento de Canedo as seis suites de Bach o domingo 18.

A Orquestra de Cámara Galega actuará o sábado na sesión de apertura, o xoves e os concertos de cámara dos solitas serán o luns, o martes e o mércores.

Todo no auditorio municipal e previa reserva no número de teléfono 618 705 639 ou no enderezo electrónico [email protected], así o salientou o concelleiro de Cultura Fernando Groba quen tamén pide a colaboración da cidadanía no cumprimento estricto das normas especialmente nas entradas e saídas do auditorio.

“Seguimos centrados en ter unha programación que permita gozar das e dos mellores músicos para dar visibilidade e respaldo ás e aos nosos músicos, porque en Galicia temos grandes profesionais e moito talento”, engadíu Rogelio Groba.

O Festival Groba adapta, así, a súa programación para que se garantan todas as normas sanitarias sen renunciar ao pracer único de desfrutar da mellor música clásica de balde e sen saír de Ponteareas.

O programa do Festival pode consultarse a través destas dúas ligazóns https://www.festivalgroba.com/ga-artistas https://www.festivalgroba.com/ga-artistas

‘María Solinha’ estréase nas Neves con formato de cinema na rúa

0

As Neves estreará ‘María Solinha’, proxecto galego e en galego, o martes 4 de agosto e o fará baixo o formato de cinema na rúa. A proxección será na Praza de San Agustín a partir das 22:30 h e contará con espazo de photocall.

Coa longametraxe ‘María Solinha’, o director Ignacio Vilar (A esmorga, 2014) leva á gran pantalla a lenda dunha muller icónica, condenada pola Inquisición, cun relato que se move entre o século XVII e o XXI.

Grial Montes e Laura Míguez protagonizan a versión contemporánea da lenda dunha figura visionaria cuxo anhelo de liberdade a converteu en icona feminista. Ademais, o carismático reparto conta co nomeado ao Premio Goya Santi Prego (Mientras dure la
guerra), co gañador do Premio Feroz Antonio Durán ‘Morris’ (Fariña, Dhogs) e coa veterana intérprete Mabel Rivera (Mar adentro, Los fantasmas de Goya).

O prestixioso músico lugués Abraham Cupeiro asina a música do filme, na que incorpora instrumentos milenarios coma o cárnyx ou a caracola.

A Concelleira de Cultura, Rocío Barreiro, remarca que “a proxección se realizará cumprindo con todas as medidas de seguridade e sanitarias”, e convida a asistir e gozar deste proxecto cinematográfico.

O BNG de Ponteareas apoia as mobilizacións da comunidade educativa e demanda á Xunta un novo protocolo para o curso escolar

O BNG, a través da súa portavoz municipal en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, vén de amosar o seu apoio ás mobilizacións iniciadas pola comunidade educativa contra o protocolo establecido pola Xunta para o inicio do novo curso escolar. Fernández denuncia a “falta de diálogo da Consellería de Educación, que reitera a súa actitude actuando tarde e de costas á comunidade”. “Esixímoslle á Xunta un protocolo para o curso 2020/2021 no que primen o diálogo, a seguridade e a calidade educativa e non os criterios económicos”.

O BNG pide incrementar o persoal docente e a redución das ratios de estudantes por aula para garantir o necesario distanciamento físico e as condicións de seguridade nos centros, tanto do alumnado como do propio profesorado, “e o goberno ten que destinar os recursos económicos necesarios para garantir condicións seguridade porque falamos do dereito fundamental á educación”, sinalan.

A portavoz municipal do BNG insistiu en que a Xunta debe asumir a aplicación do protocolo. “As labores de hixienización non poden recaer en exclusiva no alumnado, senón que a limpeza dos centros debe estar en mans de profesionais, aos que o goberno galego debe dotar de medios suficientes”, sinalou Fernández Davila.

Así mesmo, a portavoz nacionalista considera “fundamental que se preste unha especial atención ao alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, proporcionando aqueles apoios precisos para recuperar a conexión destes nenos e nenas que máis sufriron as consecuencias do confinamento”.

Cristina Fernández sinalou que o BNG xa presentou unha iniciativa nestes termos que será debatida no Pleno do vindeiro martes, buscando a unidade da corporación na defensa do ensino público e no apoio ás mobilizacións da comunidade educativa.

A XXI Bienal Internacional de Arte de Cerveira arranca este sábado con 350 obras de 370 artistas de 38 países

A XXI Bienal Internacional de Arte de Cerveira está de regreso e volve a marcar o calendario de eventos do 1 de agosto a 31 decembro de 2020, baixo o tema ‘Diversidade-Investigación. O Complexo Espazo da Comunicación pola Arte’. En total serán presentadas máis de 350 obras de preto de 370 artistas de 38 países que se poderán coñecer, gratuitamente, en directo ou sen saír de casa.

Manténdose estruturado segundo o modelo que o carateriza ao longo dun percorrido iniciado en 1978, con algunhas adaptacións á nova realidade, o evento integra exposición do concurso internacional e artistas convidados, 11 proxectos, intervencións artísticas, conferencias, conversas ou visitas guiadas, entre outras actividades co único compromiso de presentar ao público as máis recentes realizacións artísticas e tendencias estéticas.

Neste ámbito, e reforzando a internacionalización do evento, a Fundación Bienal de Arte de Cerveira vai presentar un formato dobre incluíndo, por primeira vez, unha edición dixital que permitirá ao público a visita virtual á bienal de arte máis antiga do país e da Península Ibérica a partir de calquera parte do mundo. A transmisión da programación complementaria nas redes sociais será outra das apostas, coa intención de posibilitar a participación e a participación das e dos visitantes. Entrevistas en ateliers, intervencións artísticas e visitas guiadas son algúns dos contidos que estarán dispoñíbeis gratuitamente.

“Esta XXI edición ten intrínseco o desafío de sobrepoñerse ás restricións provocadas polo novo coronavírus e, se a vertente presencial non puidera celebrarse, colocaremos a Bienal a percorrer o mundo a través dunha plataforma dixital, permitindo visitas virtuais, contacto con artistas e críticos, envolvendo os públicos e as suas miradas atentas”, afirma o presidente da Fundación Bienal de Arte de Cerveira, Fernando Nogueira.

Característico da Bienal Internacional de Arte de Cerveira, o concurso internacional contou, nesta edición, coa inscrición de 740 obras, de 451 artistas oriundos de 40 países. Serán presentados 92 traballos de 80 artistas e atribuídos Premios Adquisición no valor de 20 mil euros.

A singularidade estética do evento reside tamén na diversidade de narrativas e interpretacións, presentadas en distintos contextos. Para alén da integración de traballos no espazo público da ‘Vila das Artes’, e contribuíndo para a descentralización cultural, o evento volve a expandirse polo Norte de Portugal, con exposicións en: Alfándega da Fe (Casa da Cultura @Mestre José Rodrigues), Viana do Castelo ( Galeria Noroeste – Fundación Caixa Agrícola do Noroeste), Vila Praia de Ancora (Centro Cultural de Vila Praia de #Ancora) e Monção ( Galeria de Arte do Cine Teatro João Verde).

Nas palabras do director artístico do evento, Cabral Pito, “foi este o desafío feito aos artistas, nun dos tempos máis difíciles da nosa existencia colectiva, que irá permitir pola súa multiplicidade de propostas, proporcionar unha reflexión sobre a nosa cultura para unha mellor calidade de vida polo ‘coñecemento’, cos ollos postos nun futuro cada vez máis tecnolóxico”.

Subliñar que, nas últimas décadas, a Bienal Internacional de Arte de Cerveira tense afirmado como un dos acontecementos máis salientables das artes plásticas de Portugal, sendo un evento de referencia para a cultura artística nacional e internacional.

Artesanía de Galicia ofrecerá un taller de creación e patrimonio na Catedral de Tui, dentro do Festival Música no Claustro

A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da XIV edición do Festival Música no Claustro, no que a Fundación ofrecerá un taller divulgativo sobre creación e patrimonio baseado no traballo da artesá Minia Banet.

Banet, do estudio Variopinto e gañadora da beca Eloy Gesto 2019, impartirá os días 2 e 3 de agosto un obradoiro de bordado sobre fotografía tomando coma base a colección de fotografías na que o alemán Otto Wunderlich retratou ao Tui dos anos posteriores á Gripe de 1918. Afondarase con esta proposta no diálogo da creación dende o patrimonio.

A XIV edición do Festival Música no Claustro celebrarase entre os días 1 e 7 de agosto na Catedral de Tui (Pontevedra), e ofrecerá un programa centrado na artesanía, no patrimonio e na música, con sete concertos de música antiga, clásica, contemporánea, populares, modernas ou jazz, que darán vida cada serán ao monumento, nun diálogo interxeracional que parte do compromiso de Música no claustro polas novas xeracións.

Está prevista a actuación do guitarrista portugués Gonçalo Cordeiro, con músicas de ambas beiras do Miño; a baterista Andrea González (Tomiño), integrante do Gara Jazz Quartet; a música de Tcheka (Lisboa), cun recital íntimo dunha escolma do seu amplo repertorio; Faia e Benxamín Otero (Santiago de Compostela), cunha escolma de cantigas tradicionais nas que reivindica o rural, as costumes da cultura popular galega e o papel da muller; e Noelia González (Carballedo) presentará a evolución do acordeón coma instrumento de concerto.

Coma anfitrións do ciclo nacional AIEnRUTA o claustro gótico da catedral contará co concerto de Miryam Latrece Quartet  acompañada de Marco Mezquida (piano), Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Michael Oliva (batería). Ademais actuará a clavecinista Inés Moreno, seleccionada en 2018 coma a proposta española máis destacada das novas xeracións de música antiga. Será un concerto con música escrita ao longo de 250 anos, dende o Renacemento ata a segunda metade do século XVIII.

A programación completarase coa posta en valor de pezas do Museo da Catedral de Tui e coa presentación de conversas en formato dixital de persoas destacadas polo compromiso co coñecemento e difusión do patirmonio e historia tudenses.

O espectáculo Mitic protagoniza unha das semanas más completas do Baiverán baionés

0

Hoxe martes continúan as actividades culturais programadas polo Concello de Baiona e o seu departamento de Cultura dentro o Baiverán 2020. Logo do éxito de público a pasada semana no concerto de Xabier Díaz e As Adufeiras do Salitre, esta que entra será unha das semanas más completas da programación. Concertos, o aplaudido espectáculo Mitic, un músical dos 80 ou un espectáculo de circo protagonizan a semana.

O cine abrirá esta semana no Parque da Palma. Hoxe, ás 23:00h, proxectarase en pantalla xigante o filme “X-Men: Fénix Oscura”.

O mércores, tamén no Parque da Palma ás 23:00h. da noite, terá lugar o concerto do grupo Habitación Vudú, o cuarteto ourensano composto por Isidro Vidal, José Freiría, Justo Freiría y Rubén Seoane.

O xoves volve a música en directo ao Parque da Palma, tamén ás 23:00h, co concerto do grupo Los Motores, o grupo de rock duro galego orixinario de Vigo que triunfou na década dos 90 e que hoxe volve pisar escenarios.

Unha fin de semana de grandes espectáculos

Chegado o venres, o Parque da Palma convertirase no escenario dunha variada oferta de espectáculos. O venres, ás 23:00h, chega a Baiona o aplaudido espectáculo Mitic. A banda Mitic  realiza un espectáculo que non deixa indiferente a ninguén. Scorpions, Bon Jovi, Edith Piaf, The Mamas & The Papas, Europe o Carlos Gardel son só algúns dos artistas que interpretan a través da gaita.

O sábado, tamén ás 23:00 h, terá lugar o concerto musical dos 80 onde o público poderá disfrutar dun espectáculo para rememorar aquela época cos temas más coñecidos daqueles anos.

Xa o domingo, pensando nos máis pequenos e familiar, o público poderá disfrutar da maxia do circo da man de Asacocirco Show. Este espectáculo será as 20:30h., tamén no Parque da Palma.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.