Xoves, 16 Xaneiro de 2025

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo renova a súa xunta directiva

A nova directiva para o período 2020-2023 xurdiu da asemblea extraordinaria que tivo lugar o pasado sábado 26 de xullo

Respectando as medidas sanitarias impostas pola Xunta de Galicia, a Asemblea Extraordinaria da Banda de Música Xuvenil de Xinzo levou a cabo o cesamento da anterior directiva, que viña traballando desde o ano 2017, e acordouse a renovación da mesma en funcións ante a falta dunha nova candidatura.

As novidades máis destacadas desta renovación son as novas incorporacións e cargos. O número de membros aumenta ata un total de dez, tres máis que na etapa anterior. Francisco Jesús Represas Carrera continúa á cabeza como presidente e Blanca Represas Alonso como vicepresidenta, do mesmo xeito que non cambian as funcións dos membros que formaban parte da directiva ata o momento.

A única excepción a isto é a de Manuel Collazo Francisco, que pasa a ocupar un dos novos cargos, o de vicesecretario, como apoio á secretaria María Represas Alonso. A esta novidade súmase o cargo de vicetesoureiro, que ostentará un dos tres novos membros e músico da banda, Ángel González Lago, acompañando á tesoureira Silvia Fernandes Táboas. As outras incorporacións, Mónica Carrera Táboas e Sonia González Represas, asumirán o cargo de vogais xunto ás veteranas Ana Acebedo Varela e Segunda Carrera Iglesias.

A recentemente renovada directiva prolongará o seu mandato durante os próximos tres anos, nos que xa se planean a posta en práctica dos novos obxectivos establecidos en beneficio da Banda, da Coral Cantares de Xinzo e da Escola de Música. As primeiras reformas a tratar serán as da Escola nunha nova asemblea que ten previsto celebrarse a primeira semana deste próximo mes de setembro.