22.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiArtesanía de Galicia ofrecerá un obradoiro de creación e patrimonio na Catedral...

    Artesanía de Galicia ofrecerá un obradoiro de creación e patrimonio na Catedral de Tui dentro do festival ‘Música no Claustro’

    A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da programación da XIV edición deste festival que se celebrará do 1 ao 7 de agosto

    A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da XIV edición do Festival Música no Claustro, no que a Fundación ofrecerá un taller divulgativo sobre creación e patrimonio baseado no traballo da artesá Minia Banet.

    Banet, do estudio Variopinto e gañadora da beca Eloy Gesto 2019, impartirá os días 2 e 3 de agosto un obradoiro de bordado sobre fotografía tomando coma base a colección de fotografías na que o alemán Otto Wunderlich retratou ao Tui dos anos posteriores á Gripe de 1918. Afondarase con esta proposta no diálogo da creación dende o patrimonio.

    A XIV edición do Festival Música no Claustro celebrarase entre os días 1 e 7 de agosto na Catedral de Tui (Pontevedra), e ofrecerá un programa centrado na artesanía, no patrimonio e na música, con sete concertos de música antiga, clásica, contemporánea, populares, modernas ou jazz, que darán vida cada serán ao monumento, nun diálogo interxeracional que parte do compromiso de Música no claustro polas novas xeracións.

    Está prevista a actuación do guitarrista portugués Gonçalo Cordeiro, con músicas de ambas beiras do Miño; a baterista Andrea González (Tomiño), integrante do Gara Jazz Quartet; a música de Tcheka (Lisboa), cun recital íntimo dunha escolma do seu amplo repertorio; Faia e Benxamín Otero (Santiago de Compostela), cunha escolma de cantigas tradicionais nas que reivindica o rural, as costumes da cultura popular galega e o papel da muller; e Noelia González (Carballedo) presentará a evolución do acordeón coma instrumento de concerto.

    Coma anfitrións do ciclo nacional AIEnRUTA o claustro gótico da catedral contará co concerto de Miryam Latrece Quartet acompañada de Marco Mezquida (piano), Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Michael Oliva (batería). Ademais actuará a clavecinista Inés Moreno, seleccionada en 2018 coma a proposta española máis destacada das novas xeracións de música antiga. Será un concerto con música escrita ao longo de 250 anos, dende o Renacemento ata a segunda metade do século XVIII.

    A programación completarase coa posta en valor de pezas do Museo da Catedral de Tui e coa presentación de conversas en formato dixital de persoas destacadas polo compromiso co coñecemento e difusión do patirmonio e historia tudenses.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.