16.4 C
Pontevedra
Xoves, 9 de Maio de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán festexa San Fiz, patrón do municipio, con programación infantil e o...

    Nigrán festexa San Fiz, patrón do municipio, con programación infantil e o concerto de ‘A banda loba’ o sábado

    Durante o xoves e o venres o Concello programa actividades dirixidas á infancia na Praza do Concello desde as 20:00 horas e o sábado terá lugar no Torreiro do Ceán o concerto da Banda de Música de Vincios ao mediodía e de 'A Banda da Loba' ás 22:00 horas

    O Concello de Nigrán abre mañá ás 20:00 horas na Praza do Concello os festexos de San Fiz, patrón do municipio, co Paiaso Popín e a gran estrea de ‘O Estrano caso do dentista da rúa Brasov’, de Troula. As actividades infantís continuarán o venres 31 de xullo no mesmo horario e localización con Rey Midas e Valeria Varitas, que ofrecerán parte da maxia que regalaron por videoconferencia aos nenos de aniversarios durante o confinamento.

    Xa no propio día de San Fiz, sábado 1 de agosto, as actuacións trasladaranse ao seu lugar orixinal, o Torreiro do Ceán, onde o Concello ofrecerá o concerto da Banda de Música de Vincios ás 13:00 horas e, como ven sendo tradición, estará acompañado de pulpeira. A programación remata co gran concerto ás 22:00 horas de ‘A Banda de A Loba’ dentro da súa xira ‘Fábrica de Luz’, o seu segundo traballo discográfico adicado a homenaxear á figura da ‘nai’ no sentido amplo do termo.

    O quinteto xa estivera en Nigrán presentando o seu primeiro disco ‘Bailando as rúas’ e continúa coa súa aposta musical ecléctica na que ten cabida o folk, pop, rock e os ritmos latinos. As letras son case todas propias, firmadas polas irmás Andrea, Marcela e Lara Porto, tres poetisas precoces cun  currículo inmenso de premios literarios. Ademais, o disco inclúe tamén dous poemas musicados de Rosalía de Castro, ‘Tecín soia’, e de Manuel María, ‘A casa’. Ademáis, varias das letras están inspiradas por outras autoras galegas que para o grupo son referentes, como Xela Arias, Celia Parra, Andrea Nunes ou María Victoria Moreno.

    “Trátase do patrón do municipio e este ano será diferente por mor do Covid-19 pero non por elo deixamos de festexalo”, resume o rexedor, Juan González.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.