Domingo, 16 Febreiro de 2025

Nigrán empregará drons con intelixencia artificial para mellorar o control de aforo en Praia América e Patos

Os aparatos disporán do sistema experto DGH Intelligent Watchful Vision deseñado pola enxeñería ubicada en Porto do Molle DGH, quen cede gratuítamente este software

O Concello de Nigrán mellorará o control do aforo dos seus principais areais (Praia América e Patos) mediante o emprego de drons equipados co sistema experto DGH Intelligent Watchful Vision desenvolvido pola enxeñería ubicada en Porto do Molle DGH, que cede o software altruístamente. Con este obxectivo, técnicos desta empresa especializada en robótica, automatización e mantemento industrial ofreceron esta mañá ao pé de Praia América un curso de cualificacións aos voluntarios de Protección e Socorristas encargados dos areais do municipio.

“É un sistema desenvolvido por unha empresa con sede en Nigrán e que nos parece moi recomendable empregar nesta situación. O control de aforo seguirá deste xeito datos obxectivos e non a percepción de cada quen, polo que facilitaremos moito a labor dos vixiantes e forzas de seguridade, xa que eles mesmos en tempo real poderán comprobar o grado de afluencia e dar indicacións aos bañistas”, incide o alcalde, Juan González.

Deste xeito, mediante a grabación de imaxes ou vídeo o dispositivo baseado en visión, robótica e intelixencia artificial conta en tempo real o número de persoas concentradas na praia nese intre (previamente queda configurado o máximo seguro permitido con marea baixa, media e alta). “Se por exemplo se observa que hai concentración nunha determinada zona e noutra sucede o contrario permite avisar por megafonía as bañistas”, exemplifica González.

“Cedemos este dispositivo altruístamente porque é a contribución que a nosa empresa pode facer para loitar contra a propagación do Covid-19”, explica Jean-Paul Yagüe, director de Negocio en DGH.

O alcalde de Nigrán, Juan González, incidiu esta mañá en que en liñas xerais a poboación “está a cumplir os requirimentos sanitarios e está moi concienciada” pero, precisamente en aras de que ese nivel de alterta se manteña ,desde a Policía Local se continúa a multar a aquelas persoas que rexeitan poñer a máscara sen ningunha xustificación médica que llo permita. “O distanciamento social e o resto de medidas preventivas é o que nos pode salvar de sufrir rebrotes, permitindo ao mesmo tempo que as actividades vacacionais, de ocio e empresariais se manteñan e non sufran máis aínda esta crise”, incide.