Venres, 18 Xullo de 2025

As obras de reparación e reforzo da ponte de Mondariz estarán rematadas no primeiro trimestre de 2021

0

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que as obras de reparación e reforzo da seguridade na ponte de Mondariz estarán rematadas no primeiro trimestre do ano 2021 logo dun investimento da Xunta de 1,4 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e os alcaldes de Mondariz e Mondariz-Balneario, Xosé Emilio Barros e José Antonio Lorenzo, supervisou hoxe sobre o terreo o avance destes traballos.

Salientou que esta intervención ten como obxectivo corrixir os deterioros observados polos técnicos no recoñecemento realizado en xullo, no marco do Programa de inspección en pontes e obras de paso que ten activado a Xunta.

Fixo fincapé en que estas actuacións están dirixidas a garantir a conservación da ponte e anticiparse a posibles problemas que poidan xurdir por mor dos deterioros que presentaba a súa estrutura.

Os técnicos observaron na inspección danos nos elementos principais da estrutura metálica da ponte, tanto nas péndolas como nos caixóns metálicos dereito e esquerdo, polo que se está a actuar para reforzar a seguridade e garantir a capacidade de carga.

A responsable de Infraestruturas explicou que as actuacións nesta ponte de 59 metros consisten na rehabilitación dos elementos corroídos, co saneo da superficie metálica e a reposición de elementos por perda de espesor e a protección superficial con pintura.

Indicou que tamén se prevé substituír as chapas, péndolas e caixóns que estean danados e se arranxarán as vigas transversais do taboleiro, realizando unha impermeabilización previa, tras o fresado do pavimento existente e a retirada das xuntas de dilatación.

De forma previa a estes traballos, xa se acometeron tarefas de roza para facilitar o acceso á zona de traballo baixo a ponte. Tamén foi preciso desviar o tráfico polo antigo treito da estrada autonómica PO-254 evitando afeccións maiores aos usuarios.

Ethel Vázquez concretou que xa se realizou tamén o fresado da capa de rodadura da ponte e se procedeu á retirada das xuntas de dilatación. Puntualizou que estes días se está a realizar montaxe do andamio na parte inferior do taboleiro e seguen avanzando os traballos de reforzo da chapa metálica, dos arcos e das vigas do taboleiro.

A conselleira destacou que para a Xunta de Galicia o obxectivo prioritario é a seguridade dos usuarios das estradas, polo que realiza un labor continuo de inspección, control e conservación das infraestruturas da súa titularidade.

Nas próximas semanas comezarán as obras do parque infantil inclusivo e biosaudable de Areas

0

Nas próximas semanas comezarán as obras do parque infantil e biosaudable de Areas, que suporán un investimento de 53.495,08 €, financiados polo Plan Concellos 2018. A empresa Activa Parques e Jardines SL foi a adxudicataria dos traballos que terá un prazo dun mes para a súa execución.

A actuación realizarase nunha parcela de titularidade municipal de 6.654 metros cadrados en Areas que ampliará os usos actuais pero poderá seguir empregándose como recinto das festas parroquiais.

Para a realización destas obras dende o Concello mantiveron múltiples conversas cos representantes de distintos colectivos da parroquia para dar solución así as necesidades plantexadas. O resultado será un lugar de encontro social, para todas as idades, onde se conxugará a practica deportiva 

O obxectivo é lograr un parque que poida ter un uso continuado durante todo o ano. Por unha parte construirase un parque infantil inclusivo e biosaudable baixo a carballeira, destinado a nenos de distintas idades e capacidades así como por adultos.  Recuperaranse algúns dos xogos existentes coma un tobogán, un resorte e un bambán que recibirán un tratamento protector, e se instalarán outros novos coma un bambán inclusivo, unha rede tridimensional de escalada, un teléfono, unhas campás, unha casiña e pasos de pedra. Búscase estimular a imaxinación mediante o uso de xogos sinxelos con formas elementais e abstractas, construíndo espazos abertos á fantasía. Tamén se creará unha nova zona de biosaudables cun Timón ou roda de ombreiro, un elemento para exercitar a cintura, un ciclo-pedal que fai  funcións de bicicleta estática.

Amais será rehabilitado o pavimento da pista polideportiva, substituiranse os taboleiros das canastras por uns novos, renovarase a estrutura metálica de canastras e porterías, e se instalarán dúas columnas de aceiro corten con catro proxectores led que permitirán a práctica deportiva ao longo de toda a xornada.  Outra das actuacións contempladas é a plantación dunha fileira de árbores que proporcionarán sombra no verán, ocultarán as vistas da estrada, e mitigarán o ruído do tráfico.  e suavicen a transición entre esta vía e o parque.

Tamén se colocará novo mobiliario urbano onde destacan bancos de deseño con forma de casiñas, bancos de madeira, unha papeleira ecopunto para a recollida de orgánicos, recollida selectiva e depósito de pillas, unha fonte con deseño inclusivo, e aparcamento de bicicletas 

A concelleira de Parques e Xardíns, Yolanda Rodríguez, sinala nesta actuación apostouse pola inclusión “cunha nova filosofía que até agora non primaba neste tipo de proxectos en Tui, un espazo de todos e para todos”. Engade que o Concello de Tui aposta por “un cambio na concepción destes espazos de esparexemento social, pretendendo converterse en espazos integradores, onde teñan cabida todos os cidadáns sen ningún tipo de distinción”. Avanza que esta filosofía “vai continuar no resto de proxectos de reforma doutros parques que se irán acometendo”. Por último á concelleira Yolanda Rodríguez foi un chamamento á cidadanía a  “facer un uso responsable destas instalacións, isto debe ser un traballo conxunto, da cidadanía e da administración local, para que poidan manterse nas mellores condicións posibles ao longo do tempo”.

A aula de estudo de Tomiño remata o seu acondicionamento e estará aberta ao público

0

A aula de estudo habilitada na Casa da Cultura de Tomiño rematou esta semana o seu acondicionamento e xa está dispoñible para o seu uso. A aula dispón dun total de 40 prazas, as cales contarán na súa totalidade con conexión a internet mediante WiFi ou cable Ethernet. Haberá tamén dispoñibles catro ordenadores e unha impresora para aqueles usuarios que o precisen, e estará dividida en dous espazos, un para o estudo en silencio e outro para a realización de traballos en grupo.

Para poder empregar as instalacións será necesario contar cunha tarxeta específica da aula de estudo, necesaria para establecer un control de acceso, e será entregada a aqueles que a soliciten. Para realizar esta solicitude é necesario completar un formulario no rexistro do Concello.

Os horarios serán das 9:00 ás 21:00 horas, fins de semana incluídos. Os menores de 12 anos deberán acceder acompañados dun adulto, mentres que para os que estean en idades comprendidas entre os 12 e os 18 será necesario contar cunha autorización por parte do pai/nai ou titor/titora.

Co fin de facer da aula un entorno agradable e estimulante para os usuarios, a artista Pilar Alonso levou acabo no recinto unha montaxe formada con material doado pola veciñanza como enciclopedias, libros de estudo ou apuntes, creando unha “nube de coñecemento” de 40 metros cadrados. Un traballo laborioso e de gran valor que tornará o espazo máis acolledor e cálido.

A aula espera servir como espazo de estudo e traballo para todos os veciños e veciñas que a precisen, complementando a función da aula CeMIT, e contará con distanciamento suficiente entre cada un dos postos de estudo, mamparas e xel hidroalcohólico, cumprindo con todas as medidas de seguridade.

Éxito rotundo do concerto en streaming de Sés no Rosal

0

Grande acollida do concerto da artista Sés o pasado venres no Rosal. A situación epidemiolóxica obrigou ao Concello a reinventar esta cita coa cantareira coruñesa, que finalmente se celebrou en vivo no Auditorio Municipal para un aforo reducido de persoas e vía streaming para o resto do público a través das redes sociais municipais e da canle de Youtube da cantante. Unha fórmula que acadou moito éxito: máis de 4.200 persoas xa visualizaron  o concerto, que tivo momentos nos que contou con ata 360 espectadores conectados á vez.

Máis de dúas horas de concerto nas que Sés presentou dun xeito único ‘Liberar as arterias’, o sétimo traballo discográfico da coruñesa, un disco que segue a evolucionar o seu particular son e que presenta unha escolma de doce cancións con letra e música compostas pola propia artista.

Con alternativas como esta o Concello do Rosal quere “seguir apostando pola cultura, por unha cultura aberta pero tamén segura, porque no momento no que estamos a saúde de todos e todas é o primeiro”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

Inicio de acondicionamento da antiga ‘Galiña azul’ nas Neves

0

O Servizo Galego de Saúde vén de comezar as obras de acondicionamento das vellas instalacións da ‘Galiña Azul’, situadas a carón do Centro de Saúde.

O Concello das Neves cedera o ámbito da antiga Escola Infantil ao SERGAS para a ampliación do Centro de Saúde da vila que gañará, así, máis de 50 metros cadrados que estarán adicados ao novo Servizo de Pediatría, tal e coma acordaran hai varios meses, o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e o daquela xerente da Área Sanitaria, hoxe conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que estivo o pasado mes de agosto nas Neves para coñecer as instalacións.

A colaboración entre o Concello das Neves e o Sergas é constante dende hai anos. Na primeira onda da pandemia, a Concellería de Benestar Social, dirixida por Pilar González Casas, levara a cabo a colocación no Centro de Saúde dunha ‘mampara’ que serve para delimitar unha zona específica onde sexa posible atender as nenas e nenos de Pediatría que cheguen ao centro con febre.

O Concello de Arbo contrata a restauración do palco de San Benito

0

As obras teñen  como obxectivo principal a restauración do referido palco, para devolver a este elemento arquitectónico unha cuberta digna, conservando os seus elementos orixinais e reparando os que estean afectados por algunha patoloxía e sexan recuperables, substituíndoos en caso necesario por outros de igual deseño que os orixinais,  e sobre todo eliminando os engadidos ou transformacións sufridas que desvirtúan a súa imaxe, para garantir a súa durabilidade e mantemento.

O importe das obras ascenden a 10.151,30 €.- que serán financiadas coa achega da Deputación de Pontevedra que concedeu ao  Concello de Arbo unha subvención por importe de 4.031,77, así como  pola Diocese de Tui-Vigo  dacordo o convenio asinado o día 28.09.2020 onde esta última se compromete a colaboración no financiamento da actuación no importe de 3.500,00 euros e o concello que achegará  dos propios fondos municipais 2.619,53  euros.

Na actualidade a cuberta presenta un importante deterioro por filtración de auga, tal e como se recolle na memoria técnica o que supón unha situación de perigo para os veciños e veciñas de Arbo – informa o alcalde Horacio Gil – Por esta alcaldía, considéranse  que con esta actuación, recuperase un elemento emblemático situado nun entorno privilexiado da parroquia de Arbo, dando así contestación as demandas dos veciños e veciñas da parroquia e devotos de San Benito –  remata o rexedor.

Nigrán bonificará os recibos de auga e lixo ao sector hostaleiro e crea unha bolsa para a contratación de artistas locais

0

O Concello de Nigrán asumirá o vindeiro pago do recibo trimestral da auga e bonificará a parte proporcional do lixo do sector hostaleiro como medida de apoio ante o seu peche sanitario forzoso. Dentro da súa liña de axudas específicas para a restauración, o Concello mantén o seu servizo gratuíto de envío de comida a domicilio mediante repartidor propio e a bonificación do 75% da taxa de terrazas (ademais de flexibilizar a súa ampliación). A maiores, e para incluír ao outro sector prexudicados directamente por este peche, o Concello creará un plan de apoio a artistas locais mediante a súa contratación para dinamizar o comercio de proximidade durante a campaña da Nadal. Finalmente, o goberno local  rebaixará o imposto de rodaxe aos taxistas do municipio nun 75%, máximo que permite a lei.

“Son unha serie de medidas nas que o Concello ten competencias directas e que están dirixidas ao sector hostaleiro, cultural e ao transporte, os tres grandes prexudicados desta pandemia e deste peche”, indica o alcalde, Juan González, quen incide en que desde o Concello se lanzará desde finais de mes unha campaña específica para incentivar durante o Nadal a compra e o consumo no comercio local, tal e como xa se fixo durante o confinamento promovendo os establecementos de barrio.

Deste xeito, os hostaleiros terán un prazo de 10 días desde que se publique na web municipal e no taboleiro de anuncios para solicitar a través de Rexistro a devolución do importe do último recibo da auga (o Concello asumirá o pago de íntegro de todo o trimestre agás o cánon de servizo correspondente á Xunta) e a bonificación do recibo do lixo correspondente a este mes pechado. Ambas rebaixas só se poderán facer naqueles establecementos que previamente teñan abonado os recibos durante o periodo voluntario de pago (o que fai o Concello é devolver os cartos, por iso deben acompañan a solicitude do certificado de conta bancaria). “Pedimos á Xunta de Galicia que tome exemplo e exima aos hostaleiros do cánon da auga que eles cobran en cada recibo, igual que lles continuamos a pedir que rebaixen a taxa das terrazas da súa competencia na zona portuaria de Panxón, onde lamentablemente aínda non o fixeron”, demanda o alcalde.

Igualmente, e tendo en conta que o sector cultural e de espectáculos é o  gran agraviado nesta pandemia, o Concello creará unha bolsa de contratación específica dirixida aos artistas de Nigrán co obxectivo de dinamizar o comercio local durante a campaña de Nadal. Os interesados (deben estar empadroados en Nigrán e de alta no correspondente apartado específico do IAE) poden solicitar a súa inclusión na devandita bolsa través de Rexistro. “O obxectivo é contratalos desde o Concello para, precisamente, incentivar o consumo local durante o Nadal mediante actuacións de rúa, etc. Non queremos ofrecerlles caridade, se non contratalos por realizar o seu traballo e que a veciñanza no seu conxunto poida gozar do seu talento”, explica González.

Finalmente, o Concello inclúe na súa liña de axudas ao sector do taxi, outro gran prexudicado desde marzo cunha caída de clientes drástica. Así,  verán rebaixado nun 75% o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, o máximo permitido por lei. Coma nos anteriores casos, deberán solicitar a súa devolución nun prazo de 10 días unha vez que se publique na web municipal e tras ter realizado o pago en periodo voluntario.

“Nos vindeiros días iniciaremos a nosa campaña para incentivar a compra nos comercios do municipio nesta época de gran consumo que é o Nadal, con ela queremos beneficiar a todo tipo de establecementos apelando á conciencia da propia cidadanía e ofrecendo vantaxes engadidas”, finaliza o alcalde.

O Concello saca a licitación as obras do ecoparque Campo Novo en Viso dos Eidos

0

O Concello do Rosal aprobou a pasada semana en Xunta de Goberno o inicio da licitación das obras do ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, que suporá a transformación da zona nun espazo de convivencia para a veciñanza e que servirá para poñer en valor o patrimonio etnográfico que hai nesa contorna. As empresas interesadas xa dispoñen de toda a documentación da licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público e terán ata o vindeiro 3 de decembro para presentar ofertas.

Este proxecto, redactado pola arquitecta María Fandiño, contempla a remodelación da zona empregando técnicas naturais e tradicionais e incorporando especies autóctonas relacionadas coa auga dada a importancia que este elemento ten na zona. O período previsto de execución é de tres meses.

Para a creación deste ecoparque contarase cun orzamento total de 93.000 euros financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios do Concello.

A Guarda da coñecer esta semana o Plan de Compostaxe con dúas charlas

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, da a coñecer esta semana o Plan de Compostaxe Municipal á cidadanía guardesa con dúas charlas, que terán lugar o mércores día 18 de novembro ás 17:00 h no local da Entidade Local Menor de Camposancos e o xoves día 19 de novembro ás 10:00 h no Salón de Plenos do Concello da Guarda.

O obxectivo destas charlas informativas, abertas a todo o público, é o de dar a coñecer o Plan de Compostaxe Municipal, que está a por en marcha o Concello da Guarda. Para iso, explicarase que é a compostaxe e como se fai, ademais de resolver dúbidas e cuestións e darlles a aqueles que queiran, a oportunidade para solicitar un composteiro doméstico para poder avanzar nos obxectivos de preparación para a reutilización e reciclado que marca a normativa tanto Europea como Estatal.

Para asegurar o cumprimento das medidas de hixiene e seguridade vixentes é preciso realizar unha inscrición previa para ambas charlas, ben a través do enderezo electrónico [email protected] ou a través do teléfono 986 61 0000.

A Xunta concédelle a Mos o 6º Programa Integrado de Emprego tras prorrogar o actual ata o 20 de decembro

0

Cando aínda se atopa en marcha o V Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos 3.0, para o que se concedeu unha prórroga ata o vindeiro 20 de decembro, desde a administración local mosense vense de recibir a boa nova da concesión da VI Edición do Programa de Emprego por parte da Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Empresarial, Economía e Emprego mosense, Julia Loureiro, informaron esta mañá de que se porá en marcha a sexta edición do Programa Integrado de Emprego “MOS 3.0. 2020/2021”, durante o vindeiro mes coincidindo co remate do V Programa Integrado de Emprego Mos 3.0.

Para elo ponse en marcha a selección dos 100 participantes no Programa que serán persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios de desemprego ou renda de inserción activa de inserción (RAI), persoas desempregadas menores de 30 anos cualificadas, persoas desempregadas menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas desempregadas de longa duración, mulleres desempregadas, persoas desempregadas en risco de exclusión social (incluídas as perceptoras de Risga) e persoas desempregadas con discapacidade.

Ante esta boa nova a rexedora local mosense e a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego expresaron hoxe “a súa satisfacción por lograr unha continuidade nun Proxecto que realmente é efectivo na mellora da empregabilidade dos participantes e na súa inserción. Os programas integrados resultaron ser unha das ferramentas máis útiles dentro das políticas activas de emprego desenvolvidas desde o Concello de Mos para conseguir unha porcentaxe tan alta de insercións. Igualmente, é unha das mellores ferramentas, para traballar man a man coas empresas, cubrindo as súas necesidades de persoal, e tendo en conta as súas necesidades en canto aos perfís dos participantes, ofrecendo aos mesmos unha formación que lles permita adaptar os seus perfís a esas necesidades que as empresas nos indican”. E agredecéronlle “á Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que financia estes programas, que continúe a confiar e a apostar por Mos despois de tantos anos; o que quere dicir que os resultados dos nosos programas son óptimos e satisfactorios”.

Selección de participantes

A selección de participantes neste programa realizaraa a Oficina do Servizo Público de Emprego de Galicia, para cuxo efecto abrirá unha lista, e as persoas interesadas en optar a este plan xa poden efectuar a súa inscrición na súa oficina de emprego, citando o seu interese en participar no Programa Integrado de Emprego Mos 3.0 para os anos 2020-2021, do Concello de Mos (código 930). Tamén se poderán dirixir directamente á concellería de Promoción Empresarial, Economía e Emprego, situada na Axencia de Colocación de Mos (Estrada. de Peinador, 39, 36416, Mos) e manifestar o seu interese en participar no Programa. Poden solicitar cita no teléfono 986487786 ou [email protected] . Pode participar no Programa calquera persoa interesada que pertenza a un dos colectivos citados e poden participar persoas que participaran en Programas Integrados anteriores.

Nos anteriores Programas de Emprego conseguíuse unha porcentaxe superior ao 70% de insercións. As accións que se desenvolven con todalas persoas participantes son información, orientación e asesoramento, formación transversal en novas tecnoloxía e/ou idiomas, coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento de capacidade emprendedora, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes, formación para o emprego, prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia e talleres de mobilidade laboral transnacional no territorio da Unión Europea (redes Eures).

A Deputación reafirma a súa aposta polo turismo destinando 200.000 euros para unha “potente campaña de comunicación e promoción” no 2021

Consciente de que “estamos nun momento moi complicado para o sector turístico” pero tamén “optimista, vendo que parece que vai haber vacinas”, a presidenta da Deputación anunciou esta mañá a aprobación do proceso de contratación do servizo de xestión integral da campaña anual de comunicación e promoción turística do destino Rías Baixas 2021 que terá un investimento de 200.000 €. “Queremos ter todo en marcha –dixo Carmela Silva– adiantarnos e avanzar rápido para estar preparadas e preparados”. Por todo elo, engadiu a presidenta, “prevemos ata tres prórrogas -do contrato – que supoñen a posta en marcha dun proxecto de máis de 780.000 € para a promoción turística nos próximos catro anos”.

A campaña terá en conta “o novo escenario” e a situación do sector turístico. Deste xeito, para o 2021, a acción promocional centrarase en mercados de proximidade e na captación de turistas e visitantes “da Península Ibérica xa que somos moi conscientes –asegurou Silva- de que aínda estamos nunha situación complicada e seguramente as persoas que se acheguen ata a provincia proveñan de Galicia, do resto de España e Portugal”.

Durante o 2021 a campaña de comunicación e promoción turística apostará pola difusión do destino provincia de Pontevedra e os seus recursos turísticos mediante “accións dirixidas á desestacionalización”. Máis polo miúdo, a presidenta detallou que as actividades promocionais estarán “moi centradas na natureza, no patrimonio e na vida saudable, que serán as temáticas máis relevantes porque é o que están solicitando as e os visitantes, son as demandas reais despois de ter vivido unha situación de pandemia”. Deste xeito, para poder divulgar estes fitos, a Deputación apostará o vindeiro ano por empregar medios online e offline, “ao igual que fixemos neste 2020 e que nos permitiu acadar máis de 24 millóns de impactos”. Tamén está previsto que mediante esta contratación se realice un proceso de avaliación da campaña promocional “que permitirá mellorar os resultados no marco do noso obxectivo de eficacia, eficiencia e boas prácticas de actuación”.

Redondela habilita unha nova Oficina de Xestión Tributaria e Recadación en Chapela para achegar á administración á cidadanía

0

Evitar desprazamentos, axilizar os trámites e achegar á administración á cidadanía. Estes son tres dos motivos que levan ao Concello de Redondela a abrir unha oficina de Xestión Tributaria e Recadación en Chapela e que entrará en funcionamento o vindeiro 18 de novembro.

A nova oficina, que quedará situada na Avenida de Redondela nº 19, prestará atención presencial todos os mércores de 9 h a 14 horas aínda que, mentres dure a actual situación orixinada pola pandemia da COVID-19, farase a través do sistema de cita previa que poderase solicitar no teléfono de Atención ao Contribuínte, 986 408 374, ou no enderezo de correo electrónico, [email protected]

Con esta iniciativa, o Goberno que preside Digna Rivas pretende evitar desprazamentos innecesarios aos contribuíntes de Chapela, a parroquia máis poboada do municipio, de forma que nas novas dependencias veciñas e veciños poderán facer todas as xestións relacionadas cos seus tributos –rexistro e presentación de solicitudes e instancias de ámbito tributario, emisión e/ou domiciliación de recibos, fraccionamentos, liquidación de taxas– ou calquera outra xestión que teña relación cos impostos e taxas municipais.

A situación da COVID-19 que se está a vivir nestes días e que levou ao peche perimetral de unha ampla zona da área metropolitana, fai recomendable que a cidadanía, pola súa seguridade, utilice o canal telemático da Oficina Virtual Tributaria, https://redondela.tributoslocales.es, ou a través do teléfono ou correo electrónico anteriormente indicados.

Asemade aconsellase agora máis que nunca e polos mesmos motivos de seguridade sanitaria, a domiciliación de todos os impostos e taxas a través de calquera das canles anteditas.

Parabéns para Lucinda, a persoa de maior idade do Rosal

0

O Concello do Rosal quere felicitar a Lucinda, a persoa de maior idade do municipio. Este luns Lucinda celebraba o seu aniversario rodeada da súa familia e soprando as 106 velas da tarta na súa casa en San Miguel de Tabagón. E é que, sendo a persoa máis lonxeva do municipio e con máis de tres díxitos ás súas costas, Lucinda atópase chea de vitalidade e coa cabeza ben posta.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, achegouse ata o domicilio de Lucinda para agasallala cun ramo de flores de parte do Concello e desexarlle que continúe coa boa saúde coa que conta ata agora. “Para min foi todo un privilexio poder visitala e compartir un anaco de tempo con esta muller tan entrañable”, salientou.

Gondomar destinará o 50 % do gasto de alumeado de Nadal a partidas de Emerxencia Social

0

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, anunciou esta fin de semana a súa intención de destinar o 50 por cento do orzamento previsto para a iluminación do Nadal a emerxencia social “porque somos conscientes de que son moitas as persoas que se viron afectadas dunha forma ou outra por estes tempos convulsos que estamos a vivir coa pandemia”.

Por esta razón incrementar as achegas ás partidas dirixidas a atender ás familias máis vulnerables converteuse nun dos obxectivos prioritarios nestes momentos. Algo que, tal e como explica o rexedor, “non impedirá que Gondomar siga lucindo como outros anos durante as festas de nadal, con luces e actividades pensadas e dirixidas aos nosos veciños”.

Reducirase, con todo, o investimento en iluminación, que se manterá no centro urbano e nas prazas máis emblemáticas do municipio, así como a “árbore vermella” que se converteu nun referente do Nadal no concello. Ademais, este ano tampouco se instalará o Belén en movemento que, tradicionalmente vén realizando un veciño do municipio, nin elementos decorativos como o Tranvía que se recuperou o ano pasado.

Todo iso permite reducir o orzamento en case un 50 por cento, aproximadamente a uns 15.000 euros máis IVE, respecto ao ano pasado e destinar así o resto a axudas de emerxencia social que existan no municipio.

Unha preocupación que, desde o inicio da lexislatura, e máis durante a presente pandemia preocupou ao Goberno local, como proba o incremento nun 500 por cento as partidas de Benestar Social.

Esta mesma semana asinarase o contrato coa empresa Idades S.L que se fará cargo do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF), que recolle un incremento na partida anual do concello de

221.000 euros. Súmase este gasto aos asumidos noutros servizos como o banco de alimentos municipal (que duplicou o seu investimento mensual) ou o pago de comedores escolares, alugueres ou igualdade, que “converte a Gondomar no concello que máis inviste en materia social de toda Galicia”, asegura o seu alcalde.

Lembra Paco Ferreira que “unha vez máis, asumimos competencias impropias ante o abandono en materia de política social por parte da Xunta de Galicia” á que insta a asumir as súas responsabilidades. “Mentres seguiremos os concellos facendo esforzos económicos importantes para garantir a atención das demandas dos nosos veciños, e moito máis, daquelas familias que peor o están pasando”, conclúe o rexedor.

Docentes da Escola de Música de Goián explican esta semana as súas experiencias a colegas europeos

0

O Play2 Grow!, o proxecto Erasmus compartido polos Concellos de Paredes de Coura e Tomiño coa Fondazione Maria Ida Viglino per la Cultura Musicale de Aosta (Italia), organiza nesta semana un intercambio de experiencias didácticas entre docentes de diferentes entidades musicais.

Entre o luns 16 e o venres 20 de novembro, serán analizadas doce iniciativas consideradas boas prácticas para a transmisión de valores e habilidades a través da música. A Escola de Música de Goián presentará os seus campamentos musicais e as súas iniciativas de promoción da inclusión. Seis docentes, encabezados polo director da Banda de Música, Pedro Villarroel explicarán a outros colegas europeos estas experiencias de divulgación da música entre a xente máis nova e diferentes sectores da sociedade.

No encontro formativo, que se desenvolverá a través de Internet debido ás circunstancias da crise sanitaria da COVID19, participan tamén a Escola de Rock de Paredes de Coura; a Fondazione María Ida Viglino per la cultura musicale; Son de Seu, a experiencia de música Folk de Rodrigo Romaní; Sol Music Network, unha rede global de produción e promoción musical; os Estudos Mans da Fundación Paideia; o estudo Bonobó ou A música da reciclaxe, unha iniciativa de Ecoembes.

O proxecto Play to Grow https://play2grow.eu, iniciado a finais de 2019, continuará ata o verán de 2021 desenvolvendo achegas en canto a metodoloxía e formación curricular por medio do Play2 Grow HUB, unha ferramenta de intercambio de coñecementos colaborativos para a aprendizaxe e a interacción en habilidades chave a través da música:. No verán de 2021 celebraranse en Paredes de Coura e Tomiño senllos encontros entre alumnado das escolas participantes.

Pódese consultar o programa completo nesta ligazón

A Subdelegacion do Goberno desprega unha pancarta con motivo do 25N

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, participou hoxe na colocación dunha pancarta con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que permanecerá pendurada no exterior da fachada principal do edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra ata o próximo mércores 25 de novembro.

Larriba lembrou que con este acto simbólico inícianse unha serie de accións, na Subdelegación do Goberno de Pontevedra e no resto de Subdelegacións de Galicia, que teñen como obxectivo contribuír a concienciar sobre unha das “maiores lacras da nosa sociedade, que sofre unha de cada dúas mulleres en España”.

Larriba recordou que a Subdelegación do Goberno organizou este ano unha nova edición do concurso escolar de fotografía e vídeo co gaio do 25N, cuxo prazo de participación pechouse este venres. O próximo xoves 19 de novembro daranse a coñecer os gañadores. “Con este certame buscamos concienciar a xente nova e contribuír a que as futuras xeracións senten as bases dunha sociedade máis libre e igualitaria”, asegurou a subdelegada.

1.095 casos de violencia de xénero na provincia

A subdelegada do Goberno avanzou tamén que na actualidade “na provincia rexístranse 1.095 casos activos de violencia de xénero”, segundo os datos que constan no Sistema de Seguimento Integral Vioxén. Atendendo a distribución das vítimas por grupos de idade, 7 son menores de 18 anos; 272 teñen entre 18 e 30 anos; 486, entre 31 e 45 anos; 288, entre 46 a 64 anos; e 42, 65 anos

O Concello de Oia renova a cuberta das Escolas de Loureza e acondicionará a contorna do edificio neste mandato

O Concello de Oia vén de renovar a cuberta das antigas Escolas de Loureza. A actuación supuxo unha inversión de 24.422,29 euros e foi financiada ao 100 % a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra de 2020 (liña 1, investimentos).

Esta obra, que ten por obxectivo corrixir o mal estado no que se atopaba a cuberta, supón dar continuidade aos traballos de mantemento e conservación realizados o ano pasado nestas instalacións. En 2019, e tamén ao abeiro do Plan Concellos, este equipamento municipal foi obxecto de diversas actuacións de reforma e mellora da accesibilidade por valor de 48.356,42 euros.

Todos estes traballos permitiron que o edificio das antigas Escolas de Loureza quedase totalmente habilitado para o desenvolvemento de actividades socioculturais como poden ser obradoiros, charlas, accións formativas, etc.

O Concello de Oia ten previsto seguir investindo na mellora deste equipamento en próximos exercicios. Segundo indica a alcaldesa, Cristina Correa, no presente mandato tamén se abordará o acondicionamento da contorna do edificio das Escolas de Loureza.

A exposición ‘A Illa da Memoria’ chega a Baiona

0

A Capitanía Marítima de Baiona acolleu a inauguración da exposición ‘A Illa da Memoria’. Esta actividade está enmarcada dentro da programación organizada pola Concellería de Cultura dedicada en exclusiva á memoria histórica do BaiOutono.

A mostra, creada por Antón Caeiro e con carácter itinerante, recolle nunha decena de paneis o pasado da illa de San Simón como campo de concentración durante a Guerra Civil española e na posguerra, de 1936 a 1943.

A exposición poderase visitar en horario de 16:00 a 19:00 h de luns a sábado na Capitanía Marítima de Baiona, sita na Rúa Elduayen, número 20.

Lembrar para non repetir

Na inauguración, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, puxo de manifesto a necesidade de lembrar “as persoas que pagaron mesmo coas súas vidas un período tan desgraciado para todos nós”. Carlos Gómez Prado asegurou que a memoria histórica ten que servir “para que feitos así non se repitan nunca” e nesa liña ve imprescindible “un esforzo de todos e todas por reforzar cada día a democracia e que ningún réxime ditatorial volva encher as nosas vidas de tristeza, morte e escuridade”.

A Deputación aproba un investimento de 8 millóns de euros para continuar transformando a provincia

A Deputación mobilizou hoxe un volume de oito millóns de euros en investimentos nos eidos das infraestruturas, a cultura e a colaboración cos concellos. En palabras da presidenta, Carmela Silva, “un novo impulso para continuar a impulsar a transformación desta provincia que estamos acometendo a un ritmo vertixinoso”. Uns investimentos que Silva anunciou “dende a humildade, pero tamén dicindo que é un orgullo formar parte dunha Administración que funciona e funciona moi ben”.

A presidenta destacou que 7 millóns de euros corresponden a “un paquete importantísimo” para o desenvolvemento do modelo de seguridade viaria nas estradas da provincia e subliñou a satisfacción de poder anunciar importantes actuacións para os 1.700 Km das 377 estradas provinciais só 24 horas despois da celebración do Día Mundial en Memoria das Vítimas de Accidentes de Tráfico, evidenciando o compromiso da Deputación co reto “Cero accidentes”.

Móvese 3

O Plan Móvese 3, para a construción de elementos de seguridade viaria nos dous próximos anos nas estradas provinciais mobiliza 2.658.000 euros. A Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación que fará posible a execución de 478 obras de pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade en 54 concellos, unha actuación que, a maiores de propiciar unha maior seguridade, induce tamén a redución dos índices de emisión de CO2, no marco da Axenda 2030. “Un novo paso adiante tralos éxitos do Móvese 1, que comezou en 2016 e Móvese 2, que puxemos en marcha en 2018”, destacou Silva. A presidenta tamén aludiu á necesidade de apostar por “políticas keynesianas de obra pública que axuda ás empresas e xera emprego” e abundou que o Móvese 3, que se adxudicará por lotes, abrangue a totalidade da provincia.

Carmela Silva recalcou que, por primeira vez, a Deputación fixo un estudo de campo de tódolos pasos de peóns na rede provincial de estradas “comprobándoos un a un”. Froito deste estudo, o Móvese 3 chega coa novidade de que os técnicos provinciais decidirán directamente o 48% das actuacións e non se limitarán a executar as que soliciten os concellos. A presidenta explicou que sumando as obras dos plans Móvese 1 (636) e Móvese 2 (354) chegarase ás 1.740 obras puntuais de seguridade viaria, completando tódalas estradas: “un alcance incrible”, afirmou e un investimento total acumulado de 7,2 millóns de euros nos tres plans.

“40 anos de goberno do Partido Popular, e foi este goberno coaligado de PSdeG-PSOE e BNG o que remata en catro anos un plan de seguridade viaria; iso chámase planificación e ter modelo propio”

A presidenta recalcou que a Deputación seguirá contando cos concellos para elixir as obras do Móvese 3, e, neste eido, apoiouse no dato de que na actualidade son 54 os concellos adheridos ao plan, que botou a andar en 2016 con 43 municipios. Ao respecto dos resultados alcanzados, afirmou: “40 anos de goberno do Partido Popular, e foi este goberno coaligado de PSdeG-PSOE e BNG o que remata en catro anos un plan de seguridade viaria; iso chámase planificación e ter modelo propio; de feito a Dirección Xeral de Tráfico tennos como un referente e outras Administracións xa teñen seguido este modelo”. “Temos proxecto, temos modelo e todo o que facemos ten que ver con iso; nós non gastamos euros por gastar, senón que investimentos en función da Axenda 2030, da seguridade viaria e da accesibilidade universal”.

Mantemento das estradas provinciais

A Xunta de Goberno tamén adxudicou os lotes correspondentes ás zonas Norte e Centro para o mantemento e atención a incidencias na rede provincial de Estradas. Os contratos, cunha duración de dous anos, permitirán o reforzo das brigadas propias que cobren o territorio e acadar un mantemento óptimo, garantindo o tránsito durante os temporais invernais, a redución dos tempos de resposta a incidencias, así como a posta a disposición de novos medios e maquinaria especializada e a mellora da eficacia na xestión de residuos.

O investimento provincial alcanzará os 3,2 millóns de euros, que se reparten entre os 1,5 millóns da zona Norte (Silleda, A Estrada, Cerdedo, Forcarei, Caldas de Reis, Cuntis, Valga, Pontecesures e Catoira), outros 800.000 euros para a zona centro (Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade, Pazos de Borbén, Fornelos, Redondela e Soutomaior) e outros 900.000 euros para a zona Sur, que quedou pendente de adxudicar por trámites administrativos (Salceda de Caselas, Tui, Ponteareas, Salvaterra, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente).

Convenios

Outro dos acordos ten que ver cos convenios para a mellora da seguridade viaria e construción de infraestruturas peonís cos concellos de O Rosal e Meaño, cun valor de 1,1 millóns de euros “con dous proxectos ambiciosísimos”, explicou a presidenta. En concreto, no Rosal vaise adecuar a estrada EP3303, de Tabagón a Goián (polo tanto a comunicación co concello de Tomiño). “Unha estrada que agora está pensada só para vehículos e que vai cambiar radicalmente converténdose nun núcleo de comunicación peonil para a xente de dous municipios”, destacou Silva Rego. No que atinxe a Meaño, a Xunta de Goberno deu o visto bo ao convenio para investir 300.000 euros na mellora da seguridade na EP9306 entre Cobas e Padrenda.

Plan Concellos

A Xunta de Goberno aprobou a maiores un investimento por importe de 340.000 euros ao abeiro do Plan Concellos, para os municipios de Lalín, A Cañiza, Dozón e Cambados. En concreto, para Lalín  aprobouse unha achega de 74.500 euros coa que poderá financiar a adquisición de inmobles para a creación dun equipamento municipal no núcleo de Don Ramiro. En canto ao Concello de A Cañiza, contará cunha subvención de 64.671,23 euros para a rehabilitación dos vestiarios do pavillón da Cañiza e o cambio de cuberta de vestiarios do campo de fútbol de  O Vieiro. Doutra banda, Dozón e Cambados recibirán achegas para a contratación de traballadores no marco da Liña 3 de Emprego. En concreto, Dozón recibirá unha achega de 25.437,96 euros, coa que poderá contratar a seis persoas traballadoras e Cambados poderá contratar a 26 persoas grazas a unha axuda de 174.453,44 euros. Carmela Silva detívose especialmente no aspecto laboral do Plan Concellos e destacou que Dozón e Cambados contarán con peóns/peoas xerais, técnicos de medio ambiente, mantemento, auxiliares administrativos, auxiliares de cultura, traballador/a social, arquitecto/a técnico/a, educador/a familiar e auxiliares-conserxes. “Queda clara a utilidade do Plan Concellos para garantir dereitos e servizos á cidadanía, porque gracias a estes recursos, os concellos poden facer fronte á atención dende tódalas áreas”, subliñou.

Administración electrónica

Outro dos acordos ten que ver coa adxudicación do contrato-ponte para o soporte da Administración electrónica das entidades locais da provincia que están adheridas a este servizo e que ten un orzamento de 234.246 euros, para que poidan continuar prestando este servizo á cidadanía ata a adxudicación do contrato definitivo, que terá un importe duns 500.000 euros.

Escolas de Música

Tamén, e no marco da aposta da Deputación de Pontevedra pola cultura e por promover a educación musical,  aprobáronse  hoxe as subvencións ás escolas de música de Asociacións sen ánimo de lucro da provincia. En total, vanse destinar 80.000 euros a 20 escolas (3 máis que o ano pasado) de entidades de 15 concellos da provincia (4 máis que o ano pasado).

ORAL

Por outra banda, Carmela Silva anunciou cambios no Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) para poñer 4 millóns de euros adicionais ao dispor dos concellos a partir do próximo 1 de xaneiro, de xeito que poidan incorporalos aos seus Orzamentos para 2021. A novidade, que será comunicada por carta esta mesma semana, significa que 15 concellos disporán de entre 100.000 e 600.000 euros “cos que non contaban” e o resto recibirán achegas de entre 15.000 e 75.000 euros, segundo os casos. Silva explicou que o ORAL está sumido nun “proceso de mellora brutal” e, con este paso, acaba cunha das últimas disfuncionalidades herdadas do Goberno provincial anterior no relativo á transferencia dos tributos recadados parcialmente. “O anterior Goberno agardaba a que eses tributos se cobraran ao 100% e metía nunha caixa eses cartos correspondentes aos pagos parciais”, recalcou Silva. Este novo modelo de transferencia anual dos cobros parciais aos concellos será permanente.

O ORAL dará tamén un paso adiante nos anticipos a conta que a Deputación ofrece aos concellos en base á súa recadación tributaria estimada. A presidenta anunciou que o próximo ano os anticipos chegarán ata os 75 millóns de euros, o que supón uns 12 millóns de euros máis sobre os 63 millóns dos anticipos deste ano “e facémolo porque sabemos que os concellos precisan de recursos por anticipado para poder responder con axilidade ás demandas da súa cidadanía”.

Galicia rexistrou hoxe un total de 9.110 casos activos por coronavirus e segue na tendencia á baixa

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.110 deles 1.840 son da área da Coruña, 1.042 da de Lugo, 812 da de Ourense, 1.233 da de Pontevedra, 2.361 da área de Vigo, 1.036 da de Santiago, e 786 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 110 están en UCI, 500 en unidades de hospitalización e 8.500 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 35.628 persoas curadas, rexistrándose 1.069 falecementos. O número de PCR realizadas é de 805.044.

Eva García de la Torre denuncia a “desconsideración” de Nidia Arévalo aos porriñeses e á súa alcaldesa

A alcaldesa do Porriño e presidenta do Consorcio de Augas do Louro, Eva García de la Torre, asegurou estar “sorprendida” polo anuncio da alcaldesa de Mos de que estea a buscar apoios no Consorcio para axudar á hostalaría. Eva Gardía sinalou que “sendo eu a presidenta do Consorcio, ninguén de Mos, púxose en contacto comigo para suxerir medidas para axudar aos hostaleiros o que, por un sinxelo principio de cortesía institucional, debería telo feito antes de acudir á prensa”.

“Sorpréndeme que a alcaldesa de Mos, que nunca asiste ás reunión do comité directivo do Consorcio, pretenda liderar unha iniciativa tal sen sequera facer previamente unha proposta no órgano de deliberación que precisamente reuniuse hai unha semana”, engadiu Eva García de la Torre.

A presidenta do Consorcio lembrou que nesa reunión o concelleiro de Mos que asistiu non manifestou nada ao respecto desa proposta que “sen embargo cónstame que Nidia Arévalo trasladouna en conversas telefónicas aos meus homólogos de Salceda e Tui así como ao xerente do Consorcio”.

A rexedora do Porriño considera que “este novo episodio protagonizado por Nidia Arévalo é a enésima falta de consideración e respecto aos 20.300 porriñeses na persoa da súa alcaldesa”.

Finalmente, Eva García indicou que o vindeiro xoves convocarase unha reunión do comité directivo do Consorcio na poderá discutirse esa medida no caso de ser presentada”.

A Deputación a piques de rematar na Cañiza o acondicionamento da EP 5005 fronte ao cemiterio e o campo de fútbol do Vieiro

0

O concello da Cañiza está a poucos días de poder desfrutar do novo estado da estrada provincial EP5005 A Cañiza-Pousa, na zona do enlace da autovía e na recta de saída da vila en dirección ao municipio de Crecente. A Deputación de Pontevedra está a piques de rematar a actuación de acondicionamento do viario coa reposición do firme e a reordenación de espazos, un proxecto de mellora que contou cun orzamento de preto de 100.000 euros (94.425€), e que estará rematado en apenas unhas semanas.

Trátase dun tramo de 400 metros desta estrada provincial, un treito cun intenso tráfico, tanto de tránsito de paso como local, ao coincidir co campo de fútbol do Vieiro e o cemiterio municipal. Os traballos supuxeron o fresado e reposición do firme entre a saída da A52 e a rotonda do punto quilométrico 1+100, amais da reordenación dos sobreanchos existentes á beira do cemiterio e do campo de fútbol, de xeito que se deixa unha banda de aparcamento en liña e unha zona peonil a fin de mellorar a seguridade das persoas. No caso do sobreancho existente á beira do cemiterio, que se atopa na marxe dereita da estrada, a zona peonil execútase en formigón, e no caso do sobreancho existente á beira do campo de fútbol, que se atopa na marxe esquerda, a zona peonil realízase en aglomerado. Estes últimos traballos xa están rematados.

O proxecto enmárcase no modelo de mobilidade segura e sostible que a Deputación de Pontevedra está a aplicar en toda a rede viaria provincial, un modelo do século XXI, baseado na seguridade viaria e na aposta polas persoas e pola sustentabilidade.

Ponteareas instala a iluminación de Nadal para contribuír á actividade comercial na vila

As rúas do centro urbano e as parroquias de Ponteareas acollen nestes días a instalación da iluminación de Nadal. Un cento de arcos e outros tantos elementos de iluminación empregados na montaxe, adobiarán as rúas de Ponteareas no vindeiro mes de decembro. Todos os motivos son fabricados con estrutura de aluminio e díodos LED.

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, indicou que o obxectivo desta instalación é “potenciar e contribuír á actividade económica en Ponteareas, nunha campaña comercial de Nadal que será a máis atípica dos últimos anos”

Ademais, Eva Gil adiantou que “se a situación sanitaria o permite, as actividades paralelas para a dinamización comercial realizaranse con animacións itinerantes de rúa  a cargo de agrupacións locais, evitando aglomeracións e creando un ambiente agradable durante as semanas previas ao Nadal para animar á poboación a realizar as súas compras na nosa vila”

Dende o goberno local sinalan que “nun ano de grande incerteza con motivo da COVID-19, centramos os nosos esforzos en apoiar a todos os sectores afectados pola crise sanitaria. Deste xeito, ás medida de apoio ao comercio e hostalaría como un dos sectores con máis peso económico da localidade, súmase ao apoio económico a persoas autónomas e empresas, clubs deportivos ou entidades culturais, veciñais e sociais, así como axudas de emerxencia social.”

“Sumamos máis dun millón de euros en diversas axudas durante este ano. A instalación da iluminación de Nadal representa menos do 5% do investimento total, e repercutirá positivamente na dinamización da actividade comercial”, indican dende o goberno.

Inicio das actividades do 25N nos centros de ensino das Neves

0

Comezaron esta semana as actividades do proxecto de intervención socio-educativa para o fomento da igualdade entre o alumnado dos centros educativos das Neves promovido polo Concello.

O alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e das escolas unitarias de Rubiós e Taboexa está a gozar de contacontos e obradoiros nos que se traballa arredor do tema “Na casa tod@s iguais”.

No IES Pazo da Mercé, desenvólvense varias sesións destinadas ao alumnado de 3º da ESO arredor do tema das “novas masculinidades”. Nestas actuacións cóntase co apoio dun grupo de representantes do Comando de Igualdade e Diversidade existente no centro, así como da profesora de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

A través desta iniciativa preténdese que o alumnado, especialmente os rapaces, inicien un proceso de reflexión que sirva de xermolo de cambio persoal cara a posicións e formas de ser e actuar máis igualitarias. O obxectivo é que sexan quen de recoñecer que o patriarcado, como orixe dunha sociedade marcada polas inxustizas e a desigualdade, sitúa aos homes nunha situación de vantaxe polo mero feito de selo, polo que adoptando unha nova masculinidade deben estar dispostos a perder privilexios para gañar en igualdade, dende o convencemento de que co cambio eles tamén gañarán.

Mos solicita ao Consorcio do Louro a bonificación da auga e do saneamento aos hosteleiros dos 4 concellos integrantes

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou onte das novas medidas que se están a estudar e tramitar por parte do Concello de Mos para apoiar á hostelería local:

1º) A pasada semana, unha vez realizado o diagnóstico do número de hosteleiros existentes en Mos, chamóuselles a todos por teléfono para preguntarlles a súa situación.

2º) Tamén durante esta semana o goberno local, xunto co departamento municipal de Tesourería e Recadación, estivo traballando para poder anunciar unha serie de medidas de apoio ao sector que se concretarán nunha reunión cunha representación dos hosteleiros que se celebrará o vindeiro mércores 18.

3º) Lembrar que, desde o inicio da pandemia, o Concello de Mos ten derogada a taxa das terrazas.

4º) Creouse e estase a implementar a plataforma web ‘Queda en Mos. Todo ao teu alcance’.

5º) No Pleno do mes de setembro aprobouse unha moción para instar ao goberno central a que lle permitise ao Concello de Mos modificar o IBI e o imposto de rodaxe para así poder aplicarlles aos contrinuíntes bonificacións e/ou exencións. Xa que a administración local non os pode modificar se non llo autoriza, ao tratarse de 2 impostos que están regulados pola normativa Estatal.

6º) Na mañá de onte remitíuselle unha carta á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, presidenta do Consorcio de Augas do Louro, para pedirlle que se aplique a bonificación do recibo do saneamento e abastecemento de auga aos hosteleiros de Mos, O Porriño, Salceda e Tui (4 municipios integrantes do Consorcio).

7º) O Concello de Mos está traballando para intentar poder bonificar aos hosteleiros o recibo do lixo na parte proporcional correspondente aos 5 meses de afección á hostelería en 2020 que foron: marzo, abril, maio, novembro e decembro; xa que se considera que a obrigación dun peche, aínda que sexa a partir das 23.00 horas, constitúe unha afección.

8º) A partir do vindeiro luns, 16 de novembro, desde o Concello de Mos establecerase contacto de novo con todos os hosteleiros para que saiban que a partir do mércores 18, tras a celebración da xuntanza cos seus representantes na que se concretarán todas as medidas a poñer en marcha, poderán solicitar as axudas pertinentes.

9º) A solicitude de axudas por parte dos hosteleiros centralizarase na Axencia de Colocación de Mos. A petición deberá formalizarse a través dun impreso específico que poderá presentarse telemáticamente, por via dixital. O persoal da Axencia estará a disposición dos hosteleiros que precisen axuda para realizar estes trámites, que incluirán a aportación dunha serie de documentos, ademais de presentar o devandito formulario cumprimentado.

Cinco novos obradoiros online do programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre debuxo con Onshape, WordPress, a xerarquía no deseño e as redes sociais.

En concreto, o martes haberá dúas accións: ‘Crea unha páxina profesional con WordPress I’, a cargo de María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación Corporativa, e ‘Debuxo con Onshape, Assembly III’, impartido polo experto universitario en robótica Manuel Freire. Ao día seguinte, 18 de novembro, Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, levará a cabo o obradoiro ‘Xerarquía no deseño: a orde na información’.

O xoves 19 será a quenda de ‘Crea unha páxina profesional con WordPress II’ que, ao igual que a actividade do martes, tamén será a cargo de María Aller. E, por último, o venres Mariana Rosa, técnica superior en Axencia de viaxes e xestión de eventos e graduada en Turismo, falará sobre ‘Redes sociais para establecementos turísticos’.

A Estación de Areeiro da Deputación catalogará os xardíns da praza de San Domingos de Tui para que o Concello os integre na Ruta da Camelia

0

A Deputación de Pontevedra colaborará co Concello de Tui para que os xardíns da Praza de San Domingos poidan ser incorporados á Ruta da Camelia. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro realizará unha catalogación dos 10 árbores existentes na praza e facilitará así o traballo do Concello, que pretende realizar un proxecto de posta en valor, incrementando o número de exemplares, antes da presentación da solicitude.

Desta forma, Tui pasará a formar parte dun percorrido turístico e botánico-patrimonial que é todo un referente da provincia de Pontevedra. O alcalde destacou que a praza de San Domingos é un lugar histórico, cunha forte carga patrimonial, e polo tanto está destinada a cobrar a máxima relevancia como espazo de encontro e lecer tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes. O Concello acolleu unha idea que naceu na Asociación Tudense de Amigos da Camelia para tirar o máximo partido dunha contorna con árbores centenarias. A intención do Goberno local, unha vez catalogadas, é avanzar coa plantación de novos exemplares ata alcanzar o centenar, número que, unido á consideración de xardín histórico, permitiría a adhesión.

A Ruta da Camelia é un recurso turístico de primeira magnitude que aglutina xardíns repartidos por Galicia e nos que poden contemplarse máis de 8.000 variedades desta árbore e a súa flor, moi especialmente na provincia pontevedresa. Na Ruta hai parques, castelos e pazos que acollen espazos singulares, entre eles varios declarados como Xardín de Excelencia Internacional pola Sociedade Internacional da Camelia.

Nigrán inicia a instalación de novos bancos de pedra en diferentes espazos públicos

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semana a instalación de nove novos bancos de soporte en granito e asentos de madeira ao carón do Cemiterio do Ceán, na Praza da Carrasca, na Ramallosa (no novo espazo axardinado de Manuel Lemos) e, proximamente, fronte a Casa do Concello.

O novo mobiliario fabricado ex-profeso para o consistorio conta con dous deseños diferentes, compartindo ambos unhas dimensións de 2’5 metros de longo e o soporte en pedra co logotipo ‘Nigrán’ grabado na mesma, ademais de dispor de asentos en listóns de madeira.

Tanto no Cemiterio do Ceán como na Praza da Carrasca, os bancos veñen a completar as recententes humanizacións da contorna realizadas desde o Concello e, na Ramallosa, unha das pezas está situada ao carón do novo xardín de Manuel Lemos. Os restantes serán ubicados nos vindeiros días fronte a Casa do Concello.

“Todos serán colocados en espazos urbanos onde habitualmente transitan moitos veciños, favorecendo así os puntos de encontro e creando con elo un Nigrán máis amigables para as persoas”, resume o alcalde, Juan González.

A Xunta entrega ao Club Balonmán Cañiza unha furgoneta valorada en 24.400 euros

0

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, entregou onte ao Clube Balonmán Cañiza unha furgoneta para os desprazamentos do equipo adquirida a través da orde de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos. A entrega do vehículo realizouse instantes antes do partido do equipo pontevedrés contra o Gourmet Ampate Lanzarote, correspondente á sétima xornada da Primeira Nacional Masculina.

Grazas a esta convocatoria, resolta o pasado 10 de setembro de 2020 e publicada no Diario Oficial de Galicia, un total de 29 clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas, ademais de 10 federacións deportivas galegas víronse beneficiadas con axudas para adquirir os seus equipamentos, ata un importe máximo de 602.837,90 euros. Os importes das subvencións son o 80 % do investimento subvencionable mentres que a porcentaxe restante é achegada pola entidade beneficiaria.

No caso do Clube Balonmán A Cañiza, o equipo ademais da furgoneta valorada en 24.400 euros tamén adquiriu ao abeiro desta orde porterías (1.107,59 euros) e un desfibrilador e caixa de primeiros auxilios (865,34 euros).

Manuel Madarnás, docente da Escola da Banda de Música Popular de Tui, terceiro premio no XI concurso de trompeta ‘Valeriano Marchí Esparza”

0

O tudense Manuel Madarnás, músico da Banda de Música Popular de Tui e docente na súa escola de música, vén de acadar o terceiro premio no concurso de trompeta ‘Valeraiano Marchí Esparza’, certame que ten a súa sede en Valencia e que neste atípico 2020, e debido á crise da COVID, realizaouse no formato online.

Madarnás participaba na Categoría A, reservada a trompetistas de 3º e 4º de Grao Superior, e o músico galego foi quen de acadar o terceiro posto.

Manuel Madarnás, de 23 anos, estuda actualmente 4º de Grao Superior no Conservatorio de Música de Vigo e é alumno activo na Orquesta Xoven Sinfónica de Galicia. Ademais, combina os seus estudos ca súa labor como docente na Escola da Banda de Música Popular de Tui, onde tamén leva tocando dende os 10 anos.

A DXT inicia mañá en Galicia unha campaña especial centrada no estado dos pneumáticos e das luces dos vehículos

A Dirección Xeral de Tráfico iniciará mañá unha campaña especial de vixilancia que se centrará en verificar o estado dos pneumáticos e das luces dos vehículos. Trátase dunha campaña específica das estradas de Galicia e que se prolongará ata o vindeiro xoves, día 19.

O ano pasado, o 58 % dos vehículos nos que viaxaban as vítimas mortais de accidentes de tráfico en vías interurbanas en Galicia tiñan máis de dez anos de antigüidade. Este feito motivou que as Xefaturas de Tráfico en Galicia incluísen no calendario anual de campañas unha dedicada exclusivamente á vixilancia das condicións dos vehículos que circulan polas estradas e, en concreto, ao estado de pneumático e luces, como elementos craves na seguridade dos vehículos. Lembran, ademais, que nesta época do ano diminúe notablemente a luminosidade nas vías e é máis frecuente a meteoroloxía adversa, polo que aumenta a necesidade de verificar o correcto estado de ambos os elementos.

Durante esta semana, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e o resto de policías locais que se somen á campaña prestarán especial atención ao adecuado mantemento e posta a piques destes dous elementos, sexa cal for o tipo de vehículo.

Relación entre risco e antigüidade

Segundo un estudo realizado pola Dirección Xeral de Tráfico, o risco de falecer ou resultar ferido grave multiplícase por dous ao comparar os accidentes ocorridos con vehículos de 10 a 15 anos de antigüidade, en relación con vehículos de menos de 5 anos.

Tendo en conta esta relación entre risco e antigüidade do vehículo, o mantemento adecuado de todos os elementos de seguridade convértense nunha actividade imprescindible para combater a sinistralidade.

Estado dos pneumáticos

Os pneumáticos constitúen o único e decisivo contacto coa estrada. Son os encargados de asegurar a adherencia no empuxe, na freada e no esvaramento lateral. Tamén se encargan de que a dirección do percorrido do vehículo sexa a desexada polo usuario e da amortiguación das imperfeccións do pavimento. É recomendable que a profundidade das ranura teña como mínimo 3 milímetros. O límite legal é de 1,6 milímetros

Aproximadamente máis dun millón dos vehículos, un 5 %, circulan con defectos graves nas rodas, principalmente por levar unha profundidade do debuxo por baixo do mínimo legal de 1,6 mm; ter un desgaste irregular debido a unha mala suspensión ou unha aliñación incorrecta e circular cunha presión errónea.

Ademais, os vehículos relacionados cun uso máis profesional como é o caso das furgonetas, presentan maiores índices de defectos nos pneumáticos.

Tamén é necesario comprobar regularmente a presión do pneumático en frío e a roda de reposto, así como revisar posibles fugas de aire polas válvulas. O tapón da mesma constitúe un elemento de estanqueidad, polo que o seu uso é imprescindible.

Iluminación e sinalización

A finalidade das luces dos vehículos non só é a de ver, senón tamén a de ser visto, xa que cada vehículo en circulación é, na práctica, un obstáculo para os demais, polo que a delimitación da súa presenza tamén é significativa.

Para que a condución realícese en condicións de seguridade, aconséllase prestar unha especial atención á utilización, mantemento e regulación dos faros, para conseguir, por unha banda, dispoñer de luz suficiente e, por outro, non cegar a quen circula polas mesmas vías públicas.

Consellos básicos a ter en conta

  • As lámpadas van reducindo a súa intensidade co uso, polo que deben cambiarse cada 40.000 km. ou 2 anos.
  • As lámpadas débense cambiar de dúas en dúas, debido a que o seu uso é simétrico na maioría dos casos.
  • É necesario manter sempre limpas as ópticas: faros e pilotos

O uso obrigatorio da iluminación:

  1. Os vehículos que circulen entre a posta e a saída do sol, ou a calquera hora do día nos túneles, pasos inferiores e tramos de vía afectados pola sinal “túnel”, deben levar acendido a iluminación que corresponda.
  2. Tamén deberán levar aceso durante o resto do día a iluminación:
    • As motocicletas que circulen por calquera vía obxecto desta lei.
    • Todos os vehículos que circulen por un carril reversible ou en sentido contrario ao normalmente utilizado na calzada onde se atope situado, ben sexa un carril que lle estea exclusivamente reservado ou ben aberto excepcionalmente no devandito sentido.
  3. Tamén é obrigatorio utilizar a iluminación que regulamentariamente se estableza cando existan condicións meteorolóxicas ou ambientais que diminúan sensiblemente a visibilidade, como en caso de néboa, choiva intensa, nevada, nubes de fume ou de po ou calquera outra circunstancia análoga.
  4. As bicicletas, ademais, estarán dotadas dos elementos reflectores que, debidamente homologados, determínanse no Regulamento Xeral de Vehículos. Cando sexa obrigatorio o uso de iluminación, os condutores de bicicletas ademais levarán colocada algunha peza reflectora se circulan por vía interurbana”.

Especialmente nesta época do ano, cun outono chuvioso, a DXT recomenda que os vehículos leven as luces acesas, mesmo de día: un coche coa luz acesa é sempre visible a maior distancia, sen depender de se é un vehículo de cor negra, gris ou branco.

Está demostrado que circular de día levando as luces “curtas” acesas reduce de forma drástica o risco de sufrir un accidente, aumenta a visibilidade dos vehículos e ademais, os peóns perciben antes ao vehículo que se lles vén encima.

Desde febreiro de 2011, en cumprimento dunha directiva comunitaria, todos os vehículos que saen de fábrica deban estar equipados con sistemas LCD, lámpadas de baixo consumo e automáticas ao arranque.

Se o vehículo non ten incorporado de serie as luces de condución diúrna, levar acendida a luz de cruzamento durante o día cando circulemos por estrada, permite ser visibles para o resto de usuarios.

Luz de cruzamento acendida

  1. Incrementa o contraste visual entre vehículos e a súa contorna. Coas luces acesas, un vehículo escuro é visible a 170 metros.
  2. Aumenta a distancia de detección, o que permite aos condutores que leven as luces acesas ou os LCD, maiores marxes de seguridade nos adiantamentos.
  3. Mellora a identificación dos vehículos e as estimacións sobre a velocidade. Os vehículos con luces acesas estímanse máis próximos que os que non levan luces.

‘Fame de Experiencias’ continúa colleitando recoñecementos cun novo premio internacional en Grecia

Xa son trece os galardóns que ‘Fame de experiencias’, o audiovisual da campaña de turismo 2019 da Deputación, producido pola produtora Esmerarte, vén de acadar dende a súa estrea en Madrid na Feira de Turismo de Fitur. Neste caso, trátase dun novo recoñecemento internacional, no XI International Amorgos Tourism Film Festival, o Festival Internacional de Cinema de Turismo da illa de Amorgos (Grecia), que tivo lugar esta fin de semana. O audiovisual da Deputación obtivo o Premio de Ouro ao mellor Produto Turístico-Turismo Gastronómico, impoñéndose ao resto das candidaturas.

O Amorgos Tourism Film Festival está integrado na rede mundial do CIFFT, o Comité Internacional dos Festivais de Filmes de Turismo, que escolle cada ano o mellor audiovisual de turismo do mundo. En concreto, o festival grego, que este ano celebra a súa décimo primeira edición, ten por obxectivos poñer en valor a “excelencia” dos vídeos promocionais turísticos que se lanzan en todo o planeta así como premiar a aqueles que serven de inspiración no desenvolvemento turístico dos destinos.

‘Fame de experiencias’, producido pola empresa Esmerarte, trátase dun audiovisual centrado no turismo sostible ligado á terra, á natureza, ao produto autóctono, materias primas e ás produtoras e produtoras da provincia de Pontevedra. O audiovisual visibiliza o traballo das persoas anónimas, moitas delas mulleres, que extraen ou cultivan con grande esforzo diario os produtos de proximidade da provincia de Pontevedra, pero conta tamén coa participación de nomes de referencia da nosa gastronomía coma Pepe Solla, a xefa de sala de Culler de Pau, Amaranta Rodríguez, Yayo Daporta ou Rafa Centeno

Co premio acadado en Amorgos, son xa trece os recoñecementos internacionais para “Fame de Experiencias”, tras os acadados en Fitur, Golden City Gate de Berlín, New York Festivals TV & Film Awards, International Tour Film Fest de Bulgaria, Festival de Turismo de Riga, US International Film & Video de Los Ángeles, SilaFest de Serbia, Terres Festival, no Festival Internacional de Cine Turístico de Turquía, e no TourFilm Festival de Zagreb en Croacia e os dous obtidos no Festival Art&Tur de Víseu en Portugal.

O Grupo Socialista dotar a pacientes efectados de ELA de dispositivos que lles permitan comunicarse, “é unha necesidade vital urxente”

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, vén de urxir á Xunta, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, a dotar aos pacientes con ELA de lectores oculares, brazos articulados e tablets que lles permitan comunicarse. Ortega lamentou que, pese a orde ministerial de incluílos na atención especializada, o goberno galego “segue sen actualizar a súa carteira de servizos case un ano e medio despois da entrada en vigor da orde”.

“Non podemos permitirnos retrasos con este tipo de pacientes, xa que non poden falar nin moverse, polo que para eles é unha necesidade vital urxente”, aseverou a responsable socialista. Ortega incidiu en que os pacientes con ELA, ao non poder falar nin facer ningún movemento, teñen unha imposibilidade absoluta para comunicarse, “o que supón un agravio maior para o doente e a súa contorna”.

Ortega sinalou que o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, no ano 2019, modificou a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde para incluír entre a súa oferta o lector ocular para persoas con esta doenza. Así destacou que “dita tecnoloxía, conectada a un dispositivo, transforma a dirección da mirada en palabras”.

A responsable socialista denunciou que, de non actualizarse a carteira de servizos en xaneiro de 2021, “levaría un ano e medio de demora dende a entrada en vigor de dita orde”. Neste senso, Ortega instou á Xunta a habilitar, “mentres non se resolva, unha partida orzamentaria para a adquisición directa destes dispositivos para pacientes sen recursos e que teñan impedida a súa capacidade de comunicación”.

Galicia baixa ata os 9.298 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.298 deles 1.820 son da área da Coruña, 1.062 da de Lugo, 825 da de Ourense, 1.267 da de Pontevedra, 2.442 da área de Vigo, 1.041 da de Santiago, e 841 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 105 están en UCI, 473 en unidades de hospitalización e 8.720 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 35.003 persoas curadas, rexistrándose 1.062 falecementos. O número de PCR realizadas é de 797.998.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

O CB Nigrán reinvéntase na súa presentación dunha tempada 2020/2021 na que a COVID non pode coa vontade, as ganas e a ilusión

0

Dicía o dramaturgo británico James Matthew Barrie que “No momento en que dubidas se podes voar, deixas para sempre de poder facelo”. As dúbidas son as que, con frecuencia, encárganse de ocultarnos o camiño que temos baixo os nosos pes. O CB Nigrán, voa. Nunca dubidou que podía facelo, nin tan sequera nos momentos máis graves da pandemia e, por iso, nunca deixou de mirar o camiño que tiña diante.

Toca reinventarse. Toca tirar de imaxinación –algo que ao Club non lle falta– e facer unha presentación dos equipos desta nova tempada adaptándose ás novas circunstancias e utilizar as novas tecnoloxías que, por mor da covid, están a dar un salto cualitativo e cuantitativo.

Tiñan claro dende o comezo que esta tempada será diferente. O sabían o mesmo momento da súa planificación. Así que en lugar da habitual presentación no Pavillón municipal de Panxón, a chamada ‘vía telemática’ permitiulles facer unha diferente pero na que, por descontado, os seus xogadores e xogadoras síntense igual de importantes que noutras ocasións.

En todo caso, o CB Nigrán sabe o significado da palabra reinventarse, de feito tivo que facelo para, logo de estar ás portas da desaparición hai tan só seis anos, ser agora un dos clubs de referencia da provincia. Este feito fai que, sen dúbida, os retos sexan cada vez maiores. De momento, tentar superar unha tempada 2019/2020 plagada de éxitos deportivos con tres dos seus equipos clasificados en primeiro lugar nas súas respectivas ligas e xogando finais, a pesar de que en marzo tívose que deixar de competir pola Covid.

Os 10 equipos desta tempada 2020/2021 saltan á cancha ofrecéndonos unha nova versión, a través de tres vídeos, agrupados por categorías, onde cada un do 120 xogador/as preséntanse quitándose a máscara e podendo ver os seus rostros, nun alarde de demostrar a ilusión por poder adestrar cada día.

[su_image_carousel source=”media: 25244,25245,25243,25239,25238,25237,25241,25240,25235,25236″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A igualdade, ao igual que a solidariedade, o traballo en equipo e a deportividade, son valores inherentes ao CB Nigrán e por iso, o Club segue a potenciar as categorías de Minibasket, cos equipos Baby, Benjamin e Alevin, os tres en formato mixto, dentro desa filosofía e política de igualdade. Estas categorías son de especial atención e moita dedicación, debido a que son o futuro asegurado durante anos para o Club.

En categoría Infantil, volve contar con 3 equipos, algo que xa vén sendo habitual o últimas tres tempadas e que dá mostra do bo traballo que vén realizando na base e nas Escolas de baloncesto que o Club ten nos diferentes colexios de Nigrán. Dous infantís masculinos e un infantil feminino, dan fé de este  marabilloso traballo.

Continuando nesta liña, en categoría Cadete, dispoñen de dous equipos, un masculino e outro feminino, ambos ocupando o seu número máximo de licenzas.

Pola parte de arriba, xa nos atopamos co equipo Júnior masculino, que veñen de xogar a pasada tempada a final da súa liga en categoría cadete, dando mostra dos éxitos do traballo tempada tras tempada e da liña deportiva a seguir.

Pechando os equipos desta tempada temos a  categoría Sénior masculina, que nas tres tempadas no Club(esta é a cuarta),quedaron Campións de Liga e xogado a Fase de ascenso todas elas, poñendo ese broche na “parte de arriba” da pirámide do Club.

A Directiva móstrase moi ilusionada ante esta nova tempada, tendo pensando novos proxectos á espera de poder realizalos segundo vaian desenvolvéndose as circunstancias a nivel sanitario.

Polo momento todos os equipos continúan adestrando, algo que desde o Club “ven como moi positivo, porque os nenos e nenas estiveron moitos meses sen poder facer actividade e o feito de poder retomar esa normalidade e a  continuidade nos adestramentos é unha gran achega non só físico, senón psicolóxico para tod@ s, volven convivir cos seus compañer@ s, intercambian vivencias, senten novamente as sensacións de botar un balón, de compartir pista” algo que é fundamental para o seu crecemento e evolución como persoas.

Será unha tempada diferente e atípica, pero o C B. Nigrán quere achegar a maior normalidade posible (non sen aplicar todas as medidas do Protocolo Covid), nesta tempada 2020/2021, non deixando de ter na súa axenda  novas ideas que se queren levar a cabo.

O Goberno de Redondela pon en marcha medidas específicas de axuda ao sector hostaleiro

0

O Concello de Redondela poñerá en marcha medidas de axuda específicas dirixidas ao sector da hostalaría que, nesta nova onda da COVID-19 e a situación de confinamento perimetral, será o grande prexudicado ao ter que pechar as súas portas, alomenos, durante un mes.

A alcaldesa Digna Rivas, acompañada da concelleira de Comercio, María Castro e do concelleiro de Turismo, Daniel Boullosa, mantivo unha reunión na Casa do Concello con representantes do sector coa finalidade tanto de escoitar as súas propostas como dar conta dalgunhas das medidas que o Goberno local porá en marcha, de xeito inmediato, para paliar o impacto desta nova situación “e contribuír á recuperación dun sector que ten unha extraordinaria importancia na dinamización comercial e económica do municipio”, sinala Digna Rivas.

  1. Taxa sobre terrarzas. No vindeiro Pleno da Corporación levarase na orde do día a derogación da Taxa pola instalación de terrazas durante todo o ano 2021.
  2. Recollida de lixo. Procederase á devolución do importe sobre o tempo que os establecementos permanezan pechados. Dado que os recibos xa están emitidos e se descoñece a duración do peche, non se poderá realizar a devolución ata o remate desta situación.
  3. Axudas directas. Creación dunha liña de axudas directas para o conxunto do sector da hostalaría.
  4. Contacto permanente co sector. A alcaldesa Digna Rivas, quen xa mantivo contactos con representantes do sector da hostalaría, subliñou que o Concello contactará vía telefónica, cos profesionais do sector para coñecer a situación puntual de cada un e avaliar as medidas a adoptar.

A alcaldesa redondelá, respecto ás axudas directas a hostalaría que poñerá en marcha o Concello, subliñou que “as nosas hostaleiras e hostaleiros, que están a pasar por unha situación máis que complicada, non poden estar á espera dunhas anunciadas axudas da Xunta que non acaban de chegar”. En todo caso, explica Rivas, “dado que a pandemia ten unha evolución que ninguén é capaz de prever, o Concello estuda medidas que permitan que a hostalaría e o comercio adáptense ao novo panorama que se nos vai presentar e estar previdos para ese futuro incerto”.

Digna Rivas expresou o seu convencemento que “a COVID-19 marcará, sen dúbida, un antes e un despois e as administracións locais debemos anticiparnos a todos os escenarios posibles para, chegado o momento, dar respostas rápidas e eficaces á nosa veciñanza, á noso tecido empresarial e ao noso comercio e hostalaría”.

A Deputación da luz verde ao convenio co Concello do Rosal para iniciar o proxecto de mobilidade sostible Tabagón-Goián

0

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo luns o convenio co concello do Rosal que supón o arranque do esperado proxecto de mobilidade segura e peonil na EP 3303 entre Tabagón e Goián (Tomiño). Trátase dun investimento fundamental para o Baixo Miño, baixo a filosofía de recuperar os espazos para as persoas, e que se traducirá na reconversión integral desta estrada, contribuíndo a fomentar a vida rural e mellorar as súas posibilidades de comunicación dun xeito sostible, potenciando unha alternativa ao vehículo privado que é a bicicleta. O proxecto total realizarase en tres fases e o convenio que se aproba o luns permitirá abordar o primeiro treito, un tramo de preto de 1,7 quilómetros dos 4,5 que ten a estrada. Esta primeira actuación conta cun orzamento de 650.444 euros, dos que a Deputación aportará o 80 % e o Concello o 20 %,

Esta vía conta cunha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinos/as que buscan conectar coa Variante da Costa como de persoas que acoden a Tomiño, pero se caracteriza por un intenso tráfico que imposibilita que ese uso peonil se poida realizar con plenas condicións de seguridade. Agora, con este proxecto, modificarase a sección da estrada co que se poderá acometer a creación dun carril peonil e ciclista.

Amais, instalaranse redutores de velocidade, renovarase a rede de drenaxe e farase a canalización soterrada para a renovación da rede de alumeado público. Na zona da Escola Unitaria executarase unha plataforma de formigón nunha única rasante compartida para vehículos, persoas e bicicletas con prioridade peonil. Tamén, coas obras proxectadas, quérese contribuír á redución de emisións (Gases Efecto Invernadoiro), fomentando o transporte público, ciclista e peonil, disuadindo de vehículos emisores de gases coa redución da velocidade máxima a 30 quilómetros hora.

Nigrán crea un novo espazo axardinado de 50 metros cadrados na Ramallosa

0

O Concello de Nigrán rematou hoxe os traballos para dotar dun espazo axardinado o cruce entre a rúa Manuel Lemos e o Camiño da Cabreira, na Ramallosa. Tras inhabilitarse un carril de saída de vehículos polas obras de mellora da seguridade viaria na PO-552 a cargo da Xunta, o Concello aproveitou ese lugar para crear un punto verde de 50 metros cadrados. As obras correron a cargo de operarios municipais e a plantación foi por parte de Figueragro, empresa local que subministrou as plantas.

[su_image_carousel source=”media: 25200,25199,25198,25197″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O novo xardín, dotado de rego automático, conta con catro grandes cycas revoluta, tres diksonias antásticas, cinco cycates (fento arbóreo), 58 buxos, , 32 agapanthus e 28 fentos ornamentais. Ao seu carón, na beirarrúa de Camiño da Cabreira, o Concello instalou un banco de pedra con asentos de madeira de 2,5 metros de largo.

“O obxectivo era crear un espazo axardinado nesta confluencia totalmente urbana para, precisamente, suavizar esa sensación que produce o asfalto e, ao mesmo tempo, por en valor a zona comercial tamén como punto de encontro da veciñanza”, destaca o alcalde, Juan González.

Gonzalo Caballero chama a BNG e PP a “rectificar a irresponsabilidade” de votar en contra dos Orzamentos Xerais do Estado “máis sociais”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co coordinador dos deputados e deputadas socialistas no Congreso, Guillermo Meijón, trala cal instou a PP e BNG a “rectificar” a “irresponsabilidade” que cometeron ao presentar emendas á totalidade dos orzamentos xerais do Estado.

“España necesita uns orzamentos que protexan á xente e estes son os orzamentos do maior compromiso social”, destacou o líder do PSdeG, toda vez que “fortalecen a sanidade pública e as políticas sociais, suben as pensións, apostan pola igualdade e combaten a pobreza”.

Por iso, Gonzalo Caballero advertiu que o voto de PP e BNG ás emendas á devolución destas contas era “un voto en contra de que suban as pensións a 800.000 galegas e galegos, de que suba o salario de 150.000 traballadores públicos e de que haxa unha rebaixa histórica nas peaxes da AP-9”.

“Teñen que abandonar a política da confrontación e contribuír á saída desta crise”, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, quen contrastou o traballo feito polos 10 deputados e deputadas socialistas de Galicia na elaboración dos orzamentos co intento de “bloqueo” protagonizado polo PP e o BNG.

Neste senso, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que o PP sumouse a Vox á hora de buscar a “ingobernabilidade” de España, unha estratexia “irresponsable” canto máis neste tempo de pandemia; mentres que afeou ao BNG que actúe “sen responsabilidade de país”. “Esquece que o que é bo para os galegos e as galegas é bo para Galicia”, evidenciou.

Pola súa banda, Guillermo Meijón incidiu en que “alguén terá que explicar”, tanto dende o PP como dende Vox e o BNG, “se pretendían navegar esta crise cos orzamentos de Montoro”. “É unha irresponsabilidade e unha deslealdade non co goberno, senón con España e con Galicia”, sentenciou.

Máxime, como dixo o deputado pontevedrés, porque a non aprobación das contas implicaría dificultades para aplicar os fondos europeos. “Por tanto, dobre irresponsabilidade e dobre deslealdade”, recalcou.

“O país necesita combater a pandemia e o obxectivo irrenunciable para os e as socialistas é defender ás persoas”, subliñou Meijón, quen puxo en valor os incrementos nas pensións, nas partidas para dependencia e benestar social, nos fondos para vivenda ou no número de bolsas para estudantes.

Por iso, o coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso lamentou en maior medida que sexan forzas progresistas as que poñan “paus nas rodas”, buscando impedir a aprobación dos orzamentos.

Ademais, Guillermo Meijón chamou ao BNG a “deixarse de lerias de que España nos rouba”, porque as inversións reais en Galicia están por riba do peso de Galicia no PIB e na poboación de España. Os orzamentos incorporan inversións en proxectos importantes para Galicia e ademais as obras no AVE a Galicia están “chegando ao seu fin”. Sinalou que os deputados socialistas do PSdeG traballan polo mellor para os galegos e as galegas.

O alcalde de Ponteareas “lamenta que se manipulen” as súas palabras en relación coa suposta falta de transparencia denunciada por ACiP

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, saíu ao paso das declaracións dos representantes sindicais do Concello que acusaron ao rexedor municipal de “culpar aos traballadores municipais” en relación coa falta de transparencia denunciada por ACIP. Represas lamentou que se “terxiversen” as súas palabras e afirma que “non é certo que o alcalde culpe ao persoal municipal. ACIP acusoume de falta de transparencia por denegar información e eu limiteime a aclarar que as solicitudes da oposición son analizadas polos servizos xurídicos que son os que din se debo ou non autorizalas”.

“Non o decido eu segundo o meu criterio persoal, como dá a entender ACIP” sinalou o alcalde ponteareán que engade que “aclarar iso non é culpar a ninguén e quen saca esa conclusión manipula as miñas palabras. É máis, xa dixen que as normas xurídicas son moitas veces interpretabeis e que os servizos xurídicos nese caso interpretárona dun xeito e un tribunal doutro. Nos confiamos plenamente no noso persoal, pero temos que respectar as decisións xudiciais se din o contrario”.