17.5 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasO Concello de Oia renova a cuberta das Escolas de Loureza e...

    O Concello de Oia renova a cuberta das Escolas de Loureza e acondicionará a contorna do edificio neste mandato

    O Concello de Oia vén de renovar a cuberta das antigas Escolas de Loureza. A actuación supuxo unha inversión de 24.422,29 euros e foi financiada ao 100 % a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra de 2020 (liña 1, investimentos).

    Esta obra, que ten por obxectivo corrixir o mal estado no que se atopaba a cuberta, supón dar continuidade aos traballos de mantemento e conservación realizados o ano pasado nestas instalacións. En 2019, e tamén ao abeiro do Plan Concellos, este equipamento municipal foi obxecto de diversas actuacións de reforma e mellora da accesibilidade por valor de 48.356,42 euros.

    Todos estes traballos permitiron que o edificio das antigas Escolas de Loureza quedase totalmente habilitado para o desenvolvemento de actividades socioculturais como poden ser obradoiros, charlas, accións formativas, etc.

    O Concello de Oia ten previsto seguir investindo na mellora deste equipamento en próximos exercicios. Segundo indica a alcaldesa, Cristina Correa, no presente mandato tamén se abordará o acondicionamento da contorna do edificio das Escolas de Loureza.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.