A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, vén de urxir á Xunta, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, a dotar aos pacientes con ELA de lectores oculares, brazos articulados e tablets que lles permitan comunicarse. Ortega lamentou que, pese a orde ministerial de incluílos na atención especializada, o goberno galego “segue sen actualizar a súa carteira de servizos case un ano e medio despois da entrada en vigor da orde”.
“Non podemos permitirnos retrasos con este tipo de pacientes, xa que non poden falar nin moverse, polo que para eles é unha necesidade vital urxente”, aseverou a responsable socialista. Ortega incidiu en que os pacientes con ELA, ao non poder falar nin facer ningún movemento, teñen unha imposibilidade absoluta para comunicarse, “o que supón un agravio maior para o doente e a súa contorna”.
Ortega sinalou que o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, no ano 2019, modificou a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde para incluír entre a súa oferta o lector ocular para persoas con esta doenza. Así destacou que “dita tecnoloxía, conectada a un dispositivo, transforma a dirección da mirada en palabras”.
A responsable socialista denunciou que, de non actualizarse a carteira de servizos en xaneiro de 2021, “levaría un ano e medio de demora dende a entrada en vigor de dita orde”. Neste senso, Ortega instou á Xunta a habilitar, “mentres non se resolva, unha partida orzamentaria para a adquisición directa destes dispositivos para pacientes sen recursos e que teñan impedida a súa capacidade de comunicación”.