Mércores, 12 Febreiro de 2025

Nigrán bonificará os recibos de auga e lixo ao sector hostaleiro e crea unha bolsa para a contratación de artistas locais

Durante o tempo que permanezan pechados rebaixará a parte proporcional de lixo e todo trimestre da auga, ademais de manter a bonificación do 75% da taxa ás terrazas e realizar o servizo de envío a domicilio gratuíto mediante repartidor propio

O Concello de Nigrán asumirá o vindeiro pago do recibo trimestral da auga e bonificará a parte proporcional do lixo do sector hostaleiro como medida de apoio ante o seu peche sanitario forzoso. Dentro da súa liña de axudas específicas para a restauración, o Concello mantén o seu servizo gratuíto de envío de comida a domicilio mediante repartidor propio e a bonificación do 75% da taxa de terrazas (ademais de flexibilizar a súa ampliación). A maiores, e para incluír ao outro sector prexudicados directamente por este peche, o Concello creará un plan de apoio a artistas locais mediante a súa contratación para dinamizar o comercio de proximidade durante a campaña da Nadal. Finalmente, o goberno local  rebaixará o imposto de rodaxe aos taxistas do municipio nun 75%, máximo que permite a lei.

“Son unha serie de medidas nas que o Concello ten competencias directas e que están dirixidas ao sector hostaleiro, cultural e ao transporte, os tres grandes prexudicados desta pandemia e deste peche”, indica o alcalde, Juan González, quen incide en que desde o Concello se lanzará desde finais de mes unha campaña específica para incentivar durante o Nadal a compra e o consumo no comercio local, tal e como xa se fixo durante o confinamento promovendo os establecementos de barrio.

Deste xeito, os hostaleiros terán un prazo de 10 días desde que se publique na web municipal e no taboleiro de anuncios para solicitar a través de Rexistro a devolución do importe do último recibo da auga (o Concello asumirá o pago de íntegro de todo o trimestre agás o cánon de servizo correspondente á Xunta) e a bonificación do recibo do lixo correspondente a este mes pechado. Ambas rebaixas só se poderán facer naqueles establecementos que previamente teñan abonado os recibos durante o periodo voluntario de pago (o que fai o Concello é devolver os cartos, por iso deben acompañan a solicitude do certificado de conta bancaria). “Pedimos á Xunta de Galicia que tome exemplo e exima aos hostaleiros do cánon da auga que eles cobran en cada recibo, igual que lles continuamos a pedir que rebaixen a taxa das terrazas da súa competencia na zona portuaria de Panxón, onde lamentablemente aínda non o fixeron”, demanda o alcalde.

Igualmente, e tendo en conta que o sector cultural e de espectáculos é o  gran agraviado nesta pandemia, o Concello creará unha bolsa de contratación específica dirixida aos artistas de Nigrán co obxectivo de dinamizar o comercio local durante a campaña de Nadal. Os interesados (deben estar empadroados en Nigrán e de alta no correspondente apartado específico do IAE) poden solicitar a súa inclusión na devandita bolsa través de Rexistro. “O obxectivo é contratalos desde o Concello para, precisamente, incentivar o consumo local durante o Nadal mediante actuacións de rúa, etc. Non queremos ofrecerlles caridade, se non contratalos por realizar o seu traballo e que a veciñanza no seu conxunto poida gozar do seu talento”, explica González.

Finalmente, o Concello inclúe na súa liña de axudas ao sector do taxi, outro gran prexudicado desde marzo cunha caída de clientes drástica. Así,  verán rebaixado nun 75% o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, o máximo permitido por lei. Coma nos anteriores casos, deberán solicitar a súa devolución nun prazo de 10 días unha vez que se publique na web municipal e tras ter realizado o pago en periodo voluntario.

“Nos vindeiros días iniciaremos a nosa campaña para incentivar a compra nos comercios do municipio nesta época de gran consumo que é o Nadal, con ela queremos beneficiar a todo tipo de establecementos apelando á conciencia da propia cidadanía e ofrecendo vantaxes engadidas”, finaliza o alcalde.