A fin de semana non foi doada para a Policía Local de Redondela que, dende a noite do venres instruíu dilixencias por presuntos delitos contra a seguridade viaria, incumprimento de medidas sanitarias relativas á Covid e un presunto delito de atentado contra un axente da autoridade.
Por orde cronolóxica, na xornada do venres, nos controis realizados en colaboración coa Policía Nacional, procedíase a investigar ao condutor dun ciclomotor que, ao darlle o alto os axentes, dábase á fuga en Chapela, sendo posteriormente interceptado. Tamén o venres, nun dos controis que se realizaban en Vilar de Infesta, instruíanse dilixencias contra un condutor que daba positivo na proba de drogas.
O sábado pola noite, un varón era detido por axentes da Policía Local por un presunto delito de atentado contra un axente da autoridade. Os feitos aconteceron cando unha patrulla achegábase á parroquia de Cesantes alertada por un posible episodio de violencia de xénero.
Unha vez no lugar dos feitos, o varón negouse a ser identificado pola Policía Local redondelá e propinaba un puñetazo no estómago a un dos axentes, momento no que se procedía a súa detención e traslado á comisaría da Policía Nacional. Posteriormente comprobaríase que se trataba dunha simple discusión.
A estes incidentes, sumáronse ao longo da fin de semana diversas denuncias polo incumplimento das normas de seguridade sanitaria impostas pola pandemia da COVID-19