Redondela habilita unha nova Oficina de Xestión Tributaria e Recadación en Chapela para achegar á administración á cidadanía

As novas instalacións, na Avenida de Redondela, 19, terán atención presencial os mércores aínda que, mentres dure a actual situación de pandemia, farase a través do sistema de cita previa

Á oficina de Recadación e Xestión Tibutaria de Redondela (na imaxe) engádes esta semana a de Chapela

Evitar desprazamentos, axilizar os trámites e achegar á administración á cidadanía. Estes son tres dos motivos que levan ao Concello de Redondela a abrir unha oficina de Xestión Tributaria e Recadación en Chapela e que entrará en funcionamento o vindeiro 18 de novembro.

A nova oficina, que quedará situada na Avenida de Redondela nº 19, prestará atención presencial todos os mércores de 9 h a 14 horas aínda que, mentres dure a actual situación orixinada pola pandemia da COVID-19, farase a través do sistema de cita previa que poderase solicitar no teléfono de Atención ao Contribuínte, 986 408 374, ou no enderezo de correo electrónico, redondela@canaltributos.com

Con esta iniciativa, o Goberno que preside Digna Rivas pretende evitar desprazamentos innecesarios aos contribuíntes de Chapela, a parroquia máis poboada do municipio, de forma que nas novas dependencias veciñas e veciños poderán facer todas as xestións relacionadas cos seus tributos –rexistro e presentación de solicitudes e instancias de ámbito tributario, emisión e/ou domiciliación de recibos, fraccionamentos, liquidación de taxas– ou calquera outra xestión que teña relación cos impostos e taxas municipais.

A situación da COVID-19 que se está a vivir nestes días e que levou ao peche perimetral de unha ampla zona da área metropolitana, fai recomendable que a cidadanía, pola súa seguridade, utilice o canal telemático da Oficina Virtual Tributaria, https://redondela.tributoslocales.es, ou a través do teléfono ou correo electrónico anteriormente indicados.

Asemade aconsellase agora máis que nunca e polos mesmos motivos de seguridade sanitaria, a domiciliación de todos os impostos e taxas a través de calquera das canles anteditas.