A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que as obras de reparación e reforzo da seguridade na ponte de Mondariz estarán rematadas no primeiro trimestre do ano 2021 logo dun investimento da Xunta de 1,4 millóns de euros.
Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e os alcaldes de Mondariz e Mondariz-Balneario, Xosé Emilio Barros e José Antonio Lorenzo, supervisou hoxe sobre o terreo o avance destes traballos.
Salientou que esta intervención ten como obxectivo corrixir os deterioros observados polos técnicos no recoñecemento realizado en xullo, no marco do Programa de inspección en pontes e obras de paso que ten activado a Xunta.
Fixo fincapé en que estas actuacións están dirixidas a garantir a conservación da ponte e anticiparse a posibles problemas que poidan xurdir por mor dos deterioros que presentaba a súa estrutura.
Os técnicos observaron na inspección danos nos elementos principais da estrutura metálica da ponte, tanto nas péndolas como nos caixóns metálicos dereito e esquerdo, polo que se está a actuar para reforzar a seguridade e garantir a capacidade de carga.
A responsable de Infraestruturas explicou que as actuacións nesta ponte de 59 metros consisten na rehabilitación dos elementos corroídos, co saneo da superficie metálica e a reposición de elementos por perda de espesor e a protección superficial con pintura.
Indicou que tamén se prevé substituír as chapas, péndolas e caixóns que estean danados e se arranxarán as vigas transversais do taboleiro, realizando unha impermeabilización previa, tras o fresado do pavimento existente e a retirada das xuntas de dilatación.
De forma previa a estes traballos, xa se acometeron tarefas de roza para facilitar o acceso á zona de traballo baixo a ponte. Tamén foi preciso desviar o tráfico polo antigo treito da estrada autonómica PO-254 evitando afeccións maiores aos usuarios.
Ethel Vázquez concretou que xa se realizou tamén o fresado da capa de rodadura da ponte e se procedeu á retirada das xuntas de dilatación. Puntualizou que estes días se está a realizar montaxe do andamio na parte inferior do taboleiro e seguen avanzando os traballos de reforzo da chapa metálica, dos arcos e das vigas do taboleiro.
A conselleira destacou que para a Xunta de Galicia o obxectivo prioritario é a seguridade dos usuarios das estradas, polo que realiza un labor continuo de inspección, control e conservación das infraestruturas da súa titularidade.