Domingo, 27 Xullo de 2025

O Porriño presenta un proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez e tres novas redes de saneamento en Atios e Pontellas

O goberno municipal do Porriño presenta ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra catro proxectos que “apostan pola humanización das rúas e polo aumento da rede de saneamento nas parroquias”, segundo explicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas.

Das catro propostas, a máis ambiciosa polo seu coste, é o proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez. A actuación será no tramo desa rúa entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián.

As obras consistirán no levantamento do pavimento tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes de pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; pre instalación para telecomunicacións e da rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns.

O proxecto ten un orzamento de 391.322,95 € mais o IVE do 21% correspondente.

“Unha vez rematada a humanización deste tramo, a rúa Manuel Rodríguez terá un uso  totalmente peonil”, segundo avanzou o concelleiro de Infraestruturas.

O Concello tamén presentou para acollerse ás achegas da Liña 1 do Plan Concellos, tres actuacións nas parroquias “coas que seguimos avanzando no aumento da rede de saneamento no rural”, manifestou Pereira Fernández.

Os proxectos son os seguintes:

  • Proxecto de saneamento no barrio da Portela do Souto en Atios, cun orzamento de 111.589,47 € mais IVE.
  • Proxecto de saneamento no Corzón en Pontellas cun orzamento de 46.388,42 € mais IVE.
  • Saneamento de ampliación de rede no barrio da Arrotea – Lameira en Pontellas  cun orzamento de 95564,36 mais IVE.

O Concello de Baiona pon en marcha a redacción dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible

0

O Concello de Baiona iniciou hai uns días o proceso de redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible para o que, nestas semanas, a empresa redactora está a realizar unha primeira análise da situación do concello en termos de mobilidade e calidade dos espazos públicos.

A partires de onte, 26 de xaneiro, e a través da web do Concello de Baiona, calquera persoa residente no termo municipal terá a opción de participar nunha consulta dixital online orientada a coñecer tanto as demandas e propostas, como os hábitos de mobilidade da súa veciñanza en relación ao Plan de Mobilidade Sostible.

O cuestionario online, que será de carácter anónimo, poderá cubrirse ata o luns 15 de febreiro no seguinte enlace: plandemobilidade.com/baiona, ou ben a través da páxina do Concello (baiona.gal) seguindo o enlace do pop-up ao abrir a páxina.

Dita consulta virá a sumarse ás mesas de participación cidadá, na que, os diferentes colectivos e a veciñanza interesada poderán participar ao longo do mes de febreiro en horarios de mañá e de tarde en dependencias municipais, tendo en conta e aplicando as medidas sanitarias oportunas. Asemade poderán enviarse suxestións ao correo [email protected]

O Concelleiro de Urbanismo, Víctor Muñoz, aclara que “as actuacións de mellora e humanización illadas, non teñen sentido sen unha perspectiva más ampla do conxunto. Hai que fuxir das improvisacións e actuar segundo un criterio e un cronograma axeitado. Un Plan de Mobilidade é a ferramenta que nos permitirá detectar as deficiencias e marcar unha estratexia de actuación para mellorar os itinerarios peonis, e que os espazos públicos sexan realmente espazos amables”.

O obxectivo, segundo o Rexidor, Carlos Gómez, é “iniciar os pasos para adaptar o entorno urbano de Baiona ó seculo XXI, para o cal e fundamental desenvolver un Plan Estratéxico en materia de mobilidade e accesibilidade que nos permitirá, por una banda mellorar e ampliar os proxectos de humanización de rúas e prazas, e por outra, ó acceso a fondos Europeos para o seu desenvolvemento”.

A rapazada de Crecente coñece os ‘Tesouros Humanos Vivos’ a través do contacontos da Deputación

0

Técnicas de pesca tradicional en torno á lamprea, características dos traballos artesanais, as variedades dialectais únicas na zona, os contos e lendas e mesmo as particularidades musicais, como as treboadas, que desde tempos inmemoriais se transmitían de xeración en xeración nos territorios transfronteirizos… foron onte protagonistas dos contacontos que a Deputación, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza de Uxío Benítez, levou ao colexio Manuel Sieiro de Crecente grazas ao programa ‘Tesouros Humanos Vivos’.

A actividade foi desenvolvida por ‘Polo Correo do Vento’, a través das historias de Enrique Mauricio e os debuxos de Carlos Taboada, que fixeron gozar desta experiencia de contacontos ilustrados a 40 nenos e nenas de entre 6 e 11 anoscoa compaña da música en directo de Antón Rey.

A rapazada, ademais de escoitar atentamente os relatos, participou activamente elaborando os seus propios debuxos e ilustracións que pasarán a decorar o centro educativo.

O programa de contacontos está enmarcado dentro da iniciativa ‘Tesouros humanos vivos’ un traballo de recuperación da memoria cultural galego-portuguesa no territorio do val do río Miño e busca dar a coñecer entre os máis novos, dun xeito lúdico e divertido, os saberes existentes a ambas beiras do río.

O obxectivo da actividade –que se desenvolveu, como non podía ser doutro xeito, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus– é poñer en valor as biografías homenaxeadas e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.

A iniciativa continuará e hoxe mércores o seu percorrido no Colexio Padres Somascos da Guarda e no CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal. Na vindeira semana a actividade chegará aos colexios de As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui.

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto Smart Minho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.

O Concello de Redondela homenaxeará, durante todo o ano, ás mulleres da illa de San Simón

0

O Concello de Redondela desenvolverá ao longo deste ano 2021, unha serie de actividades que teñen como fin render unha máis que merecida homenaxe ás mulleres da illa de San Simón, que durante a Guerra Civil e a posguerra construíron unha rede solidaria de axuda aos represaliados prisioneiros na illa redondelá.

A previsión é que os actos comecen en abril aínda que supeditada á evolución da pandemia e esténdanse durante o resto do ano con exposicións fotográficas itinerantes, de xeito que cheguen a todas as parroquias, elaboración de curtametraxes con entrevistas ás mulleres ou familiares para posteriormente elaborar unha ampla reportaxe e a inauguración, o 14 de abril, dunha escultura realizada pola escola de cantería da Deputación de Pontevedra e que sexa un recordatorio permanente a ese grupo de mulleres que axudaron ás persoas represaliadas.

A escultura será situada na zona do Alto da Concheira, preto de Rande, lugar coincidente cun dos ‘puntos negros? da represión franquista: máis de vinte persoas apareceron fusiladas neste lugar.

Buscando que os nenos e nenas tamén sexan partícipes desta homenaxe, para as idades escolares, o concello anunciou a celebración de diversas actividades e a compra de exemplares do libro A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto e editado por Xerais.

Tal e como sinalou o técnico de Normalización Lingüística, Xurxo Martínez, o programa darase a coñecer a medida que a evolución da COVID-19 vaia permitindo a realización das actividades.

A alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, salientou a importancia desta homenaxe que é poñer en valor “o heroísmo desas mulleres de Redondela, Cesantes, Cedeira, Reboreda e Ventosela que, pese aos impedimentos dos tempos máis duros da ditadura franquista, foron quen de axudas aos centos de represaliados que agardaban un destino incerto na Illa de San Simón”.

“Recoñecemos nelas a calidade humana, a capacidade de axudar aos que máis o precisan, a forza solidaria que sempre amosaron os redondeláns e redondelás en tempos difíciles”, afirmou Digna Rivas. “É hora de que todas e todos, dende os maiores aos máis cativos e cativas, saiban do seu valor e sirvan de guía e exemplo para vindeiras xeracións”.

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia recollerá doazóns de sangue no Rosal o vindeiro 2 de febreiro

0

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará no Rosal o vindeiro martes 2 de febreiro. O autobús estará situado na Praza do Calvario e permanecerá aberto ao público de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas.

Nunha situación excepcional como a que se está a vivir neste momento de crise sanitaria, o Centro de Transfusión extrema os protocolos de seguridade para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, pídese a todas as persoas que desexen doar sangue que pidan cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes.

En cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.

Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.

A Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos quere agradecer a colaboración da veciñanza do Rosal para continuar co seu labor de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia, que cada día precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade.

Carlos Font, “non é hora dun plan de axudas, é a hora dun plan de rescate. A Xunta está a tempo de rectificar”

“Coa máxima vontade de colaboración e de chegar a acordos, pero tamén coa máxima esixencia na defensa dos sectores do turismo e a hostalería”. Con esta declaración de intencións, o deputado provincial Carlos Font sinalou onte que a Deputación de Pontevedra acudirá hoxe mércores, á reunión de Compostela, coa esixencia dun “auténtico plan de rescate, coa participación proporcional de todas as administracións, e coa aportación dun 1 % de cada orzamento”.

Font subliñou que “os 50 millóns de euros do fondo no que insiste a Xunta de Galicia é absolutamente insuficiente, e máis agora cun novo peche e medidas restritivas tan duras. Non é momento dun plan de axudas, dixo, é a hora dun plan de rescate de sectores que están a ser tan afectados polas decisións da propia Xunta, decisións erráticas que non se toman no momento adecuado, tardías e improvisadas”. O deputado engadiu que “se a Xunta non entende que os 50 millóns se quedarán moi cortos, terá que asumir a responsabilidade do que ocorra con milleiros de establecementos”.

O deputado expresou tamén a preocupación do goberno provincial “ante manifestacións notoriamente falsas que a Xunta verteu onte na reunión co sector cando dixo que “no 2020 o Estado aportou exclusivamente políticas pasivas como os ERTES que son importantes pero nada mais” (sic). Carlos Font lamentou que “se poida mentir con tanto descaro ao sector cando a propia Delegación do Goberno volveu confirmar hoxe que o Estado destinou a Galicia transferencias directas a fondo perdido de 224 millóns de euros, especificamente para compensar a caída de actividade económica dos sectores afectados”. “Polo tanto –dixo Font– teñen recursos e esiximos que os destinen a quen os necesita”.

Font rematou dicindo que “temos esperanza en que na reunión se poida chegar a un acordo. Cremos que a Xunta de Galicia aínda está a tempo de rectificar, porque é de moi difícil explicación que aposte por un plan de axudas de 50 millóns de euros, cando coa aportación proporcional do 1 % do orzamento, participaríamos máis administracións e poderíamos constituír un verdadeiro Plan de Rescate que é o que necesitan os sectores afectados”

A Subdelegación do Goberno impulsa o traballo das FCSE ante as novas medidas para controlar a pandemia

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Larriba subliñou que as novas medidas, que no momento de celebrar o Cecor aínda estaban sen publicar do DOG, non puideron tratarse en profundidade pero si trasladar ao representante da Xunta moitas cuestións para clarificar diversos anuncios recollidos polos medios de comunicación sobre as novas medidas por parte das forzas de seguridade.

Ao encontro asistiron o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González, a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

A subdelegada subliñou que as novas restricións van supoñer un maior esforzo para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, pero como sempre “van cumprir ao máximo nivel para que as novas medidas sexan efectivas dende o primeiro minuto colaborando coa autoridade sanitaria galega”. Con todo, alertou a poboación para que saiban que a Garda Civil e a Policía Nacional van a estar moi vixiantes nos peches perimitrais municipais, o peche da hostalaría, e as limitacións para o comercio non esencial.

Ao mesmo tempo, Larriba facilitou os datos dos operativos policiais comprendidos entre o día 21 ate onte. Neste período realizáronse un total de 688 dispositivos de vixiancia, nos cales controlouse a 8.386 persoas. Foron 295 sancións e controláronse un total de 5.606 vehículos.

No respecta aos controles dos diferentes pasos fronteirizos da provincia, leváronse a cabo 36 dispositivos móbiles, nos que se identificaron a 688 persoas, se controlaron 507 vehículos e se elevaron 15 sancións. Segundo informaron os responsables da Garda Civil, o fluxo de persoas procedentes de Portugal reduciuse nestes días a niveis case anecdóticos debido ao confinamento domiciliario e os peches perimetrais decretados no país veciño.

Para a subdelegada a situación da pandemia en Galicia esixe un compromiso moi importante da veciñanza “porque de nada van servir as restricións e limitacións ou o traballo da Garda Civil e da Policía Nacional se nos mesmos non somos capaces de respectar as normas pola nosa propia seguridade”

Por último, a subdelegada pediu a todos e todas os veciños e veciñas de Pontevedra que non baixen a garda e que sigan todas as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias. “Reducir as cifras de contaxios está nas nosas mans”, concluíu.

Tui renova ás súas instalacións deportivas grazas ao investimento de 210.000 euros con cargo al Plan Concellos

0

Os clubs deportivos e a comunidade escolar de Tui ven cumprida, grazas á Deputación de Pontevedra, unha reclamación que viñan facendo dende hai tempo: a mellora dos Pavillóns Novo e Vello, así como das pistas de tenis municipais do polígono de Areas. Para coñecer de preto as actuacións realizadas, que contaron cun investimento de máis de 210.000 euros, os deputados provinciais Santos Héctor, responsable da área de Cooperación, e Gorka Gómez, da área de Deportes, visitaron as instalacións acompañados polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o coordinador desta área no concello, Diego Fernández, e representantes de varios clubs deportivos locais.

Santos Héctor lembrou que este tipo de actuacións entran “dentro da liña que ven defendendo a Deputación e a nosa presidenta, Carmela Silva, para estar á altura no apoio ao deporte nestes momentos tan complicados”. “Hai que investir en deporte, sobre todo nestes tempos de pandemia da Covid-19, para que cando poidamos regresar á normalidade o deporte volva da mellor maneira”. O deputado provincial destacou a importancia do deporte en Tui, onde “a celebración de competicións deportivas é unha parte moi importante da economía” e onde existen un gran número de clubs e deportistas individuais de elite.

Pola súa banda, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quixo poñer en valor o incremento, dende o 2015, en case un 40% dos fondos da Deputación que chegan ao concello. Con estas subvencións a vila de Tui puido levar adiante a adecuación de equipamentos como o Pavillón Vello, “que dende os anos oitenta non tivera practicamente ningunha obra de mellora”. O rexedor municipal destacou tamén outras actuacións que se teñen levado con anterioridade no concello grazas a achegas provinciais como melloras en case todos os campos de fútbol así como no Centro Municipal de Remo ou as obras no interior do Pavillón da Macoca, en Pazos de Reis. Cabaleiro agradeceu á Deputación o seu respaldo financeiro “sen o cal sería imposible levar isto adiante” e demandou “ao conxunto das administracións o apoio que necesitamos para seguir adecuando os nosos equipamentos deportivos”.

Na súa visita coñeceron as melloras realizadas nos vestiarios e aseos do Pavillón Vello de Tui cunha achega de preto de 60.00 euros. Con eles púxose solución aos problemas de obsolescencia destas estancias, que precisaban dunha renovación completa. Ademais, este pavillón conta agora cun baño adaptado a persoas con diversidade funcional, axustándose así á normativa actual.

No Pavillón Novo, segunda parada desta visita, comprobáronse os resultados da mellora da cancha, que presentaba danos que debían ser reparados tras máis de dez anos empregándose. Ademais, aproveitouse a ocasión para levar a cabo un novo vernizado e pintado das pistas para as diferentes modalidades deportivas que se practican na instalación. Grazas a esta subvención provincial, que supera os 88.000 euros, o pavillón conta agora tamén cunha gran cortina separadora, con elevación automática, que fai que o espazo sexa modulable, optimizando así o uso do espazo para todos os clubs tudenses.

As pistas de tenis municipais do Polígono de Areas tamén estiveron no foco das actuacións levadas a cabo co Plan Concellos grazas a unha partida orzamentaria de máis de 64.000 euros. Con eles realizouse a ampliación da superficie de xogo, que agora conta con tres campos de dobres, a renovación do revestimento deportivo, o pintado dos campos de xogo e a renovación dos cerramentos, entre outras actuacións.

Estas actuacións son un exemplo das melloras das que se ve beneficiada a veciñanza de Tui grazas a partidas provinciais. Dende 2015 a Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 8,3 millóns de euros no concello, dos que cinco millóns pertencen ao Plan Concellos. Para este 2021 o Tui ten á súa disposición, ao abeiro deste plan provincial, máis dun millón de euros. A maiores, o Concello de Tui resultou beneficiario dun gran proxecto a través do Plan DepoRemse para a reurbanización integral do barrio da Torre, en Paramos.

Galicia rexistra un total de 20.481 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 20.481, deles 5.389 son da área da Coruña, 1.798 da de Lugo, 2.866 da de Ourense, 1.940 da de Pontevedra, 3.630 da área de Vigo, 3.242 da de Santiago, e 1.616 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 170 están en UCI, 1.031 en unidades de hospitalización e 19.280 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 67.473 persoas curadas, rexistrándose 1.649 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.345.340. O número de doses de vacina contra a COVID-19 administradas é de 70.390.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Contactos, os propios centros e as xefaturas territoriais. Os datos dos colexios de Galicia póndense descargar e consultar nesta ligazón.

Os concellos de menos de 20.000 habitantes poden solicitar xa á Deputación o cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios municipais

Trala publicación das bases reguladoras no Boletín da Provincia, os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes xa poden solicitar desde este martes 26 de xaneiro a súa adhesión ao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, ao que a Deputación de Pontevedra destina neste ano un orzamento de 2,5 millóns de euros, o maior investimento realizado pola institución ata agora.

Desta cantidade, o plan asigna 1,3 millóns de euros para sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar nos domicilios por parte de persoal especializado e 1,2 millóns de euros para cubrir os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios. Como novidade, este ano os concellos poden solicitar o adianto do 50 % do importe que lles corresponda do plan, “unha medida de axilidade para que lles cheguen recursos de forma inmediata”, como anunciara a presidenta Carmela Silva, ao fin de atender ás persoas máis vulnerables diante do actual contexto da pandemia da Covid-19.

O Servizo de Axuda no fogar (SAF) atende a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente no caso de que carezan de apoio persoal no seu medio inmediato. Así mesmo, ten carácter subsidiario do Servizo de educación e apoio familiar, dando unha resposta preventiva, educativa e socializadora fronte a diversas situacións de familias en risco de exclusión social. Os obxectivos deste servizo son mellorar a calidade de vida das persoas usuarias; posibilitar a súa permanencia no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social e retardar ou evitar a institucionalización, así como reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.

En canto ao persoal dos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación financia ás persoas traballadoras administrativas destes concellos, así como as do servizo de Educación e Apoio Familiar, que integra o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección. Así mesmo, axuda a promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.

Con este Plan de Cofinanciamento, poténciase o desenvolvemento na provincia duns Servizos Sociais profesionalizados e públicos para unha atención de calidade das persoas en situación ou risco de exclusión social, algo fundamental especialmente neste momento de crise pola Covid-19. Amais deste plan, a Deputación xa ten en marcha as Axudas Básicas de Emerxencia para os concellos de menos de 20.000 habitantes, así como as subvencións para que as entidades sociais da provincia poidan desenvolver os seus proxectos de apoio ás persoas máis vulnerables, cun investimento social total de 4 millóns de euros.

Por comarcas

O Condado recibirá 162.029,55 euros, que se repartirán entre Mondariz (56.079,21€), Mondariz-Balneario (22.697,20€), As Neves (30.718,71€), e Salvaterra (52.534,43€).

Co Plan deste ano 2021 a comarca da Paradanta recibirá un total de 166.675,57 euros, que se repartirán entre as vilas de Arbo (44.552,06€), A Cañiza (55.846,21€), Covelo (36.387,71 €) e Crecente (29.889,59€).

O Baixo Miño, 251.204,65 euros, que se repartirán entre A Guarda (59.866,12€), Oia (25.541,24€), O Rosal (27.847,29), Tomiño (59.042€) e Tui (78.908€).

O Val Miñor percibirá 187.500 euros, que se repartirán entre Baiona (51.310€), Gondomar (55.614€) e Nigrán (80.576€).

Deza recibirá 248.583,52 euros, que se repartirán entre Agolada (50.633,27€), Dozón (41.867,19€), Rodeiro (26.884,53€), Silleda (68.354,21€) e Vila de Cruces (60.844,32€).

A Tabeirós-Terra de Montes correspóndenlle 113.634,63 euros, repartidos entre Cerdedo-Cotobade (59.534,78 €) e Forcarei (54.099,85€).

A comarca de Vigo recibe 306.646,05 euros, que se repartirán entre Fornelos de Montes (26.395,61€), Mos (80.864,24€), O Porriño (84.800€), Pazos de Borbén (24.094,05€), Salceda de Caselas (60.068,29€) e Soutomaior (30.423,86€).

O Morrazo ten asignados 132.737 euros, que se distribuirán entre Bueu (51.786€), e Moaña (80.951€).

O Salnés recibe 514.136 euros, que se repartirán entre Cambados (54.670 €), Catoira (21.337 €), O Grove (65.235,29 €), A Illa de Arousa (28.521 €), Meaño (55.042 €), Meis (31.224,86 €), Pontecesures (21.666,50 €), Ribadumia (29.296,63€), Sanxenxo (80.264 €), Valga (43.939 €), e Vilanova de Arousa (82.939,48 €).

E por último, a comarca de Pontevedra recibirá 420.400,97 euros, que se distribúen entre Barro (39.097,77 €), Caldas (50.907 €), Campo Lameiro (27.328 €), Cuntis (41.521,21 €), A Lama (41.345,35 €), Moraña (23.577 €), Poio (92.756,50 €), Ponte Caldelas (52.946 €), Portas (29.806,50 €) e Vilaboa (21.115,64€).

O Concello de Nigrán volve a ofrecer ao sector hostaleiro o servizo gratuíto de entrega a domicilio

0

O Concello de Nigrán realizará desde este venres 29 de xaneiro unha nova campaña para promover os pedidos a domicilio na hostalería do municipio tras as novas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia que supoñen o peche deste sector, permitindo só a comida para levar. A localidade repetirá o modelo que levou a cabo durante o peche de novembro, asumindo novamente as custas do reparto a domicilio  mediante a contratación propia do servizo no termo municipal e ampliándoo aos 7 días da semana (anteriormente era de luns a sábado).

Os negocios interesados en figurar na guía que recompile todos os locais que fan envíos e/ou en contar co servizo de reparto gratuíto do Concello de Nigrán deberán enviar antes deste xoves 28 de xaneiro ás 23:00 horas un correo electrónico a comunicacio[email protected] indicando os seus datos básicos -nome do negocio, especialidade, onde ver a carta e teléfono para pedidos-. A guía distribuirase desde este mesmo venres a través de redes sociais e cartelería.

“Este é un golpe moi duro para os negocios de Nigrán, que por terceira vez en pouco tempo afrontan o peche, por iso temos que ser conscientes da situación e apoialos facendo pedidos a domicilio. Cada un de nós ten a posibilidade de axudalos, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por iso agora”, indica o alcalde Juan González, quen anunciou a semana pasada unha segunda liña de axudas directas ao sector (esta nova convocatoria, na que xa se está a traballar para poder levar as bases ao pleno de Marzo, súmase á actualmente en vigor por importe total de 120.000 € con cargo ao Remanente de Tesourería e cuxo prazo de solicitude remata o 17 de febreiro). A maiores, o propio rexedor confirma que manterá neste ano a bonificación do 75% da taxa por terrazas (máximo permitido por lei) e, adicionalmente, continuará co plan de apoio a artistas locais mediante a súa contratación para dinamizar o comercio de proximidade e animar a programación cultural de Nigrán, especialmente durante o verán ou en festividades.

“Segundo a pandemia evolucione o Concello irá tomando as decisións correspondentes, enfocadas todas a salvar o comercio local”, explica González, quen avanza que o Concello continuará coa súa campaña para promover as compras de proximidade no pequeno comercio “como estilo de vida, non como solución transitoria mentres dure a pandemia”.

Un total de 16 empresas presentan ofertas para executar a nova senda peonil e ciclista na estrada PO-411 en Parderrubias, en Salceda de Caselas

Un total de 16 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-411, en Parderrubias, no concello de Salceda de Caselas, que suporá un investimento da Xunta de máis de 876.000 euros.

Trátase da execución dunha senda de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude na estrada de titularidade autonómica PO-411, cun trazado que coincide en planta e alzado coa vía actual e cun ancho que oscilará entre os 1,80 e os 2,30 metros.

Esta actuación no núcleo de Parderrubias desenvólvese en tres treitos: un na marxe dereita da vía de acceso ao IES Pedras Rubias; outro na marxe esquerda da estrada PO-411, entre os puntos quilométricos 4+260 e 5+985; e o terceiro, tamén pola marxe dereita, entre os puntos 5+970 e 6+250.

Ademais proxéctase un paso de peóns elevado no punto quilométrico 3+715, a ampliación do paso sobre o regato de Landres e a mellora das interseccións e accesos ás vivendas.

Nas obras tamén se prevé o traslado da marquesiña existente no punto quilométrico 5+910, así como a reposición dunha serie de treitos da rede de saneamento.

Esta intervención, que facilitará os desprazamentos dos veciños en condicións máis seguras e sustentables, será cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020.

Os cursos formativos impartidos por COGAMI logran a inserción laboral de máis de cen persoas

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) desenvolve un plan de formación que ten por obxectivo capacitar ao alumnado para que acade canto antes o seu desenvolvemento profesional. Este programa está adaptado tanto ás necesidades e capacidades das persoas con discapacidade, que son as destinatarias desta formación, como tamén contempla as demandas do tecido empresarial da zona, xa que o obxectivo final desta formación é lograr a inserción laboral.

Durante o ano 2020 COGAMI impartiu 29 cursos de formación dirixidos todos eles a persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual. Todos estes cursos estaban programados para impartirse de maneira presencial pero, debido á situación de crise sanitaria vivida, finalmente 15 desenvolvéronse de xeito presencial e os 14 restantes en formato on line.

“O COVID, como ocorreu en todos os servizos, supuxo un cambio para o noso programa formativo”, indica o coordinador da área de Formación, Paco Abuín, quen engade que “tivemos que impartir de maneira telemática a metade dos cursos deste ano, procurándolles equipos informáticos e conexión a Internet a todo o alumnado que o precisara”.

Foron un total de 301 as persoas formadas, sendo 127 mulleres e 174 homes, nuns cursos que foron financiados tanto pola Administración Pública como a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Política Social, o Ministerio de Asuntos Sociais e o Fondo Social Europeo, como tamén pola Fundación ONCE e a Fundación “la Caixa”.

O plan formativo contempla clases teóricas e prácticas en empresas, para que o alumnado tome contacto co mercado laboral e co tecido empresarial. Novamente o COVID-19 incidiu na realización das prácticas, aínda así, o 14% das persoas formadas puido efectuar estas prácticas. E trala finalización da formación, de todas as persoas formadas durante 2020, o 35% logrou a inserción laboral.

Segundo Paco Abuín “A pesar da complexidade deste ano,  o 35% das persoas formadas con nós están traballando, unha porcentaxe que cremos que aumentará porque hai cursos que remataron a finais de decembro. Polo tanto, cremos que estes datos son positivos e agardamos que as insercións incrementen durante o primeiro trimestre deste ano 2021”.

Os cursos impartidos desenvolvéronse tanto en zona urbana como rural, sendo as zonas rurais de interese para COGAMI por careceren de máis servizos que nas cidades. Estes foron os cursos que contemplou o programa formativo de COGAMI en 2020 e os concellos nos que se impartiron:

Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais en Cabana de Bergantiños,  Santiago, A Coruña, Pontevedra e Ferrol; Informática en Vilagarcía, Cee, Santiago, Lugo, Monforte, Lalín e Vilalba; Xestión de almacén en Boiro; Manexo de carretilla elevadora en Fene e Santiago; Manexo de maquinaria de manutención, Transporte de Mercancías por Estrada (CAP), Limpeza de interiores e Operacións de transporte e almacenamento en Lugo; Taller de neuropsicoloxía, Operario/a de fabricación de mascarillas e Técnicas aplicadas á decoración en Bergondo; Atención ao público-Ofimática en Ourense; Actividades administrativas na relación co cliente en Ferrol e A Coruña; Competencias clave e Contabilidade Laboral en Vigo; Recepcionista telefonista en Salvaterra do Miño e Técnicas de venda e informática en Ferrol.

En 2020 COGAMI destinou 6.525 horas á formación de persoas co fin de dotalas de preparación para que acaden unha oportunidade laboral o antes posible.

A partir do día 1 poderase solicitar cita para a renovación do DNI na Casa do Concello

A Concellería de Mobilidade e Tráfico, que dirixe Roberto Mera, informa que o equipo móbil da Policía Nacional renovará os documentos nacionais de identidade en Ponteareas o vindeiro 18 de febreiro.

A cita poderase solicitar a partir do día 1 de febreiro ás 08:00 horas no número de teléfono das oficinas da Policía Local de Ponteareas 986 64 00 50.

Neste ano 2021 tamén se poderá renovar o DNI na Casa do Concello nos meses de abril, xuño, setembro e novembro.

A Policía Local a través do sitio web do Concello e das súas redes sociais informará con quince días de antelación do prazo para solicitar cita previa para os distintos meses, non podendo solicitarse a cita antes de que estea aberto o prazo.

A importancia da emoción musical para educar centrará a segunda xornada da VI Semana da Educación

0

A segunda xornada da VI Semana da Educación de Tomiño versará sobre a conexión que existe entre a música e o cerebro, amosando a gran importancia que a emoción musical ten no ámbito educativo. A conferencia será impartida pola profesora e doutora Almudena González, e poderá ser seguida de balde por streaming o martes 9 de febreiro ás 19:00 horas.

Almudena González é Profesora Superior de Violoncelo e Música de Cámara polo Conservatorio Superior de Tenerife, e ampliou os seus estudos en Barcelona e Ámsterdam. Posteriormente realizou un Máster Degree of Music especialidade de Violoncelo en Bruxelas e un Máster en Xestión Cultural pola Universidade de Alcalá de Henares. É doutora e Premio Extraordinario de Doutoramento 2016 pola Universidade da Lagoa. Actualmente realiza un post doutoramento na Universidade de Madeira sobre música e audiovisual ao mesmo tempo que continúa traballando na súa liña de investigación sobre a conexión e interrelación da música co cerebro.

Analiza os estilos musicais, a interpretación musical e as súas implicacións en campos do coñecemento como a pedagoxía musical con modernas técnicas de análises como investigadora externa da ULL no Laboratorio de Neuroquímica e Neuroimaxe. É autora de artigos de investigación en revistas internacionais con índice de impacto e participa de forma habitual en congresos nacionais e internacionais sobre a música e o cerebro. Ademais, é profesora do Conservatorio Superior de Música de Canarias e leva a cabo actividade no campo da interpretación musical e a divulgación científica.

Conferencia: Educar a través da emoción musical: beneficios desde a perspectiva neurocientífica.

A música é unha arte capaz de provocarnos diferentes emocións e no contexto educativo son importantes as súas implicacións e beneficios. Os estudos de neurociencia analizaron estas cuestións en profundidade e esta conferencia ten como obxectivo esclarecer os alicerces da emoción musical na educación. Para iso, a conferenciante abordará a literatura científica coa música como eixo vertebrador, analizando os diferentes estilos musicais académicos e populares, calidades e aspectos relacionados coa emoción e cognición musical. Profundizará na interrelación dos coñecementos neurocientíficos cos musicais, xa que a unión entre estes dous campos do coñecemento proxecta novos camiños posibles tanto dentro da aula como no ámbito familiar.

Lémbrase tamén que as xornadas contarán con intepretación simultánea en lingua de signos. Poderase acceder á conferencia de Almudena González a través da plataforma Zoom, mediante a seguinte ligazón: https://us02web.zoom.us/j/86473056498.

A vendima solidaria 2020 de Adegas La Val destinarase á Fundación Menela

Adegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, continúa co seu proxecto de crear un viño solidario. A pesar de que na pasada vendima non se puidese celebrar a que sería a súa IV Vendima Solidaria, debido ás restricións impostas polo coronavirus, desde a Adega cren importante seguir coa traxectoria social deste proxecto que naceu hai xa 4 anos.

Esta iniciativa de carácter social ten por obxectivo colaborar cunha asociación a través dun donativo económico. A idea é facer partícipe a un colectivo na creación dun viño solidario, desde a vendima ata que sae á venda o mesmo, e que sexan eles os que deseñen a etiqueta da que será unha edición limitada co seu nome.

Nesta ocasión, a entidade coa que colaborará Adegas La Val será Fundación Menela, entidade titular dunha Rede de Centros e Servizos para o Autismo e a Dependencia que atende ás necesidades de persoas con Trastorno do Espectro Autista e das súas familias desde os primeiros anos de vida ata a idade adulta. En concreto é o alumnado do Colexio Menela quen asume entusiasmado o reto de realizar a etiqueta do próximo La Val Solidario 2020.

A Adega elaborará unha Edición Limitada de 200 botellas deste Albariño e o importe íntegro da súa venda será doado ao “Club Deportivo Menela”.

A colaboración permitirá dotar de equipamento ao Club Deportivo Menela, cuxo proxecto deportivo conta coas seccións de atletismo, natación e xadrez, a través das cales, os mozos e mozas de Menela participan en diferentes competicións federadas. A práctica física e deportiva é unha dimensión crave na calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo pola relevancia que ten en aspectos craves como son o benestar físico, a saúde, a inclusión e a participación en contornas cotiás. Por este motivo, Fundación Menela agradece a confianza das Adegas La Val neste proxecto creativo.

O viño comercializarase a partir do próximo mes de xuño e desde a Adega esperan que xa sobre esas datas os membros Menela poidan acudir ás súas instalacións para recuperar a visita que non puideron facer durante a pasada vendima e recibir o cheque polo valor da súa venda.

Esta é a cuarta Edición da Vendima Solidaria que impulsa Adegas La Val. As edicións anteriores foron en favor das seguintes asociacións: ALENTO (Asociación de Dano Cerebral Adquirido da provincia de Pontevedra), ASPANAEX (Asociación a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da Provincia de Pontevedra), ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia).

Sobre Fundación Menela

Fundación Menela, entidade de iniciativa social clasificada como benéfico – asistencial e de interese galego, é titular dunha Rede de Centros e Servizos para o Autismo e a Dependencia que traballa coa misión de “contribuír á mellora da calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e defender a súa dignidade como cidadáns, dando resposta ás necesidades específicas ao longo de todo o seu ciclo vital”.

Tras a súa constitución en 1989 asume a titularidade, en 1998, do Centro de Educación Especial Menela, referente no campo da atención especializada a nenos e nenas con TEA en Galicia. En 1993 inaugúrase, en Nigrán, o Centro de Día e Residencial Castro Navás para persoas adultas, impulsando o valor do traballo como ferramenta de inclusión social. No Edificio CAMI póñense en marcha, en 2004, o Servizo de Diagnóstico e Servizo de Atención Temperá e Apoio Integral, o Servizo de Apoio Familiar e o Centro de Formación que, desde o ano 1999, realiza actividades formativas ocupacionais e de especialización profesional.

Dentro desta Rede inclúese a empresa Castro Navás S.L., que nace en 1998 coa finalidade de favorecer a inclusión socio laboral de persoas con TEA e, en 2006, a Fundación Tutelar “Camiño do Miño” que desenvolve accións de asesoramento ás familias, orientación, tutela e administración do patrimonio da persoa tutelada.

Sobre Adegas La Val

Adegas La Val nace en 1985, converténdose así nunha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas. Situada na Leira Arantei en Salvaterra de Miño, provincia de Pontevedra, conta cunha adega equipada coas tecnoloxías máis punteiras do sector e ten unha superficie de 6.000 m2. Os seus viñedos en propiedade atópanse enmarcados en tres leiras: Finca Arantei, Finca Porto e Finca Taboexa e en total suman 53 hectáreas. Adegas La Val mantén unha produción anual ao redor de 500.000 botellas, e está presente en máis de 20 países en todo o mundo. Na actualidade produce 8 viños: La Val (Albariño), Finca de Arantei (Albariño), La Val Fermentado en Barrica (Albariño), La Val Crianza Sobre Lías (Albariño), La Val Vendimia (Albariño), Más que 2 (Condado), La Val Treixadura ( Treixadura), La Val Sousón ( Sousón).

Nigrán consignará 12.000 € do orzamento 2021 para erradicar a herba da pampa co asesoramento de Galicia Ambiental

0

O Concello de Nigrán consignará 12.000 € do seu orzamento 2021 para crear un plan estratéxico de erradicación da herba da pampa ou cortaderia selloana, especie invasora fácilmente identificable polos seus plumeiros de sementes. O avance desta planta exótica en toda a comunidade, especialmente no litoral, é tamén moi visible en Nigrán, onde comeza a ameazar espazos naturais protexidos como o ecosistema dunar de Panxón ou o esteiro de A Foz.

“A súa presenza pon en perigo á biodiversidade biolóxica nativa e conleva unha alteración dos ecosistemas naturais, tendo unha capacidade de invasión descomunal. Xa hai algún exemplar en zonas especialmente sensibles, por iso desde o Concello non podemos agardar máis de brazos cruzados, temos que actuar xa para evitar a súa propagación concienciando á vez á veciñanza”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que ten xa ultimado o plan de acción local coa Asociación Galicia Ambiental.

“Iremos de menos a máis, intervindo nos plumeiros máis illados ou os localizados en espazos naturais, e para elo queremos facer partícipe á veciñanza e acadar que interveñan nas súas propiedades”, explica o rexedor. Así, o proxecto inclué no primeiro ano medidas de difusión cidadá e de contención evitando a propagación das sementes, para elo, crearase unha aplicación móbil na que calquera veciño poderá xeolocalizar a herba da pampa e o seu estado para ir directamente a cortar o plumeiro (sempre debe ser embolsado e posteriormente incinerado, xa que cada planta contén ata 1 millón de sementes que transporta o vento moi facilmente). O segundo ano extraeranse por completo as plantas en zonas de baixa presencia para despois ir ás de alta concentración (se fai falla empregarase maquinaria pesada), entre xuño e outubro repetiríase a eliminación dos plumeiros que queden e, finalmente, prepararanse os terreos para plantar especies autóctonas que dificulten o novo asentamento da cortaderia. Finalmente, o terceiro ano continuarase coa reforestación dos lugares ‘liberados’, extraendo novamente de xullo a outubro os plumeiros e finalizando con máis extraccións de plantas se fose o caso.

“Todo este plan debería ir acompañado dunha ordenanza municipal que regule a plantación e/ou conservación de especies invasoras, tanto no eido público como privado, xa que afecta á biodiversidade colectiva”, explican desde Galicia Ambiental, onde sitúan os movementos de terra para a construción da autoestrada do Val Miñor e o parque Porto do Molle como un dos momentos que máis beneficiaron a súa expansión na localidade (os traballos no terreo para construír infraestruturas favorecen moitísimo a súa implantación).

Emerxencia ecolóxica mundial

A cortaderia selloana, orixinaria de Sudamérica, é un problema de emerxencia ecolóxica en case todos os países do mundo. En España existen evidencias de que chegou a través de diferentes portos do Cantábrico en 1940. En Galicia, a construción da Autoestrada do Atlántico (AP9) veu acompañada do uso de numerosas plantas exóticas, entre elas a herba da pampa, que foi plantada de forma abundante no tramo A Coruña-Betanzos. Actualmente afecta xa a unha cuarta parte da comunidade autónoma de Galicia, sendo o litoral e cotas de altitude baixa e media as zonas máis afectadas.

“Queremos erradicala e concienciar á veciñanza de que ese plumeiro que tanto prolifera e que pode parecer ata decorativo é unha auténtica ameaza ao noso paisaxe e a nosa biodiversidade. Por iso o plan que levaremos adiante precisará da implicación de todos”, resume o alcalde.

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase a Tomiño o luns 1 de febreiro

0

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase ao concello de Tomiño o próximo luns 1 de febreiro. Estará situada na rúa Daniel Calzado Poceiro e o horario para as doazóns será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas.

É importante almorzar antes de doar no caso de asistir en horario de mañá e esperar dúas horas despois de xantar no caso de asistir en horario de tarde. É importante non esquecerse de levar a tarxeta de doazón, o DNI ou algún documento similar e informar ao médico no caso de estar tomando algún medicamento.

Desde a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos lembran que nunha situación como a actual, onde é necesario gardar certas prevencións sociais para preservar a saúde de todos, é imprescindible contar con cita previa para repartir a afluencia de doadores, evitando esperas. A cita previa pode solicitarse por teléfono a través do 900 100 828.

O Rosal atenderá exclusivamente ao público no Concello baixo o sistema de cita previa

0

Ante a actual situación sanitaria, con todos os municipios de Galicia en nivel de alerta máximo, o Concello do Rosal pasará desde este mesmo martes 26 de xaneiro a atender ao público soamente con cita previa. Poderá solicitarse chamando ao teléfono 986 62 50 00 ou enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected].

Esta medida afectará a todos os servizos administrativos municipais, agás o rexistro de entrada, que continuará funcionando con todos os protocolos de prevención necesarios para facilitar o acceso á veciñanza e minimizar o risco de contaxio.

Dende o Concello anímase a todos os veciños e veciñas “a que realicen todos os trámites posibles a través da sede electrónica” e que limiten a solicitude de cita previa “para causas necesarias e trámites imprescindibles”.

O Sendeiro dos Muíños de Pereiras será circular

0

O Concello de Mos vén de ampliar e mellorar unha das rutas peonís “máis transitadas e frecuentadas do municipio” como é o Sendeiro dos Muíños da Salgueira, na parroquia de Pereiras. Os traballos amplían o seu percorrido e o transforman nunha ruta circular, pasando dos máis de 2 quilómetros aos 5 quilómetros.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente, natural da parroquia de Pereiras, Leo Costas, quenes apuntaron que “se trata ademáis dunha importante demanda veciñal da parroquia de Pereiras, moi volcada con este sendeiro e estes muíños que forman parte do seu patrimonio cultural, histórico e etnográfico; e que revirte en beneficio de toda a poboación mosense que poderá facer uso e desfrute da senda circular”.

O proxecto da Senda Circular dos Muíños da Salgueira en Pereiras, que xa comezou a ser redactado por técnicos municipais, e cuxa acometida se espera poida ser iniciada durante este ano, inclúe entre outra melloras a ampliación da lonxitude do sendeiro, que pasará de pouco máis de 2 quilómetros a 5, sinalización horizontal e vertical, instalación de paneis informativos, etc.

Desde xeito continúase coa vontade municipal do Concello de Mos de manter e conservar o seu patrimonio natural e cultural e fomentar as prácticas sostibles e ecolóxicas. Potenciar o Mos verde e sostible, así como o turismo local en tempos de pandemia, que a veciñanza mosense coñeza o seu propio municipio e goce de actividades turísticas e deportivas ao aire libre: roteiros de sendeirismo… etc.

“Queremos promocionar o Mos sostible dotado de recursos culturais e naturais que son os seus principais atractivos e elementos diferenciadores” explicaron rexedora local e concelleiro.

O Rosal aprobará un Orzamento no que “prioriza ás persoas máis que nunca”

0

O Concello do Rosal aprobará este xoves 28 en pleno uns orzamentos reestruturado tendo en conta a nova realidade e “tecidos para aplicar políticas que prioricen máis que nunca ás persoas”. “As circunstancias que preceden e engloban os orzamentos para este 2021 obrigounos a reinventarnos para seguir proxectando, camiñando e progresando antepoñendo a saúde pública. As situacións excepcionais requiren de respostas excepcionais e na administración local debemos empregar todas as competencias e mecanismos á nosa disposición para sumar na reactivación social e económica respectando, colaborando e dando cumprimento a todas as medidas de saúde pública”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández.

Estes orzamentos superan os 3,3 millóns de euros e contemplan un importante incremento no gasto corrente e social, ademais da inclusión de investimentos que apostan polo benestar social, a proximidade, a igualdade, a cultura, o deporte, o desenvolvemento local, a transformación en termos de mobilidade sostible, as traídas de augas ou a sostibilidade ambiental facendo un esforzo a prol da elaboración de proxectos de eficiencia nas liñas de actuación nas que camiña a Unión Europea.

Coa análise da execución dos tres exercicios anteriores, e tratando de que os créditos previstos sexan suficientes para recoller o gasto corrente previsto, incrementouse nun 9 % a partida de gastos en bens correntes e servizos, que ronda os 1,5 millóns de euros. Destaca tamén o importante esforzo do Goberno local por mellorar o servizo de atención á dependencia, que incrementará nun 29 % o número de horas e contará cun orzamento total asignado de case 220.000 euros.

Por primeira vez, estes orzamentos apostan pola colaboración coas traídas de augas nun sentido amplo, a través dunha liña de subvencións para o investimento nas traídas de augas veciñais e tamén implementando gasto corrente para a realización de analíticas. Para a rexedora “é un paso importante na posta en valor dun eido de implicación da veciñanza nun elemento tan esencial na vida das persoas como é a auga”.

Por outra banda, consolídase e increméntase o investimento en promoción cultural, que se adapta ás características demográficas do municipio, cunha veciñanza dispersa e envellecida. O Goberno municipal continúa así a súa aposta por levar a cultura aos barrios, “facilitando o seu acceso a todas as persoas e con eventos totalmente adaptados á nova realidade”. Unha programación cultural na que a igualdade xogará un papel importante “máis alá dos meses habituais nos que hai programación desta temática” e na que se fará tamén un esforzo importante na colaboración e visibilización das festas populares do concello.

Incremento tamén do 7,2 % para subvencións municipais correntes que, como todos os anos, se centran na súa maioría en apoiar iniciativas relacionadas con servizos sociais, na que se duplica a dotación, e actividades deportivas e culturais. A distribución dos máis de 321.000€ deste apartado farase a través do Plan Estratéxico de Subvencións, un instrumento pioneiro posto en marcha polo Goberno municipal para realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das distinta axudas ao tecido asociativo, “apoiando na medida do posible o traballo que desenvolven en distintos eidos as asociacións rosaleiras coa implicación da veciñanza, contribuíndo a mellorar a realidade do noso concello”.

EU de Ponteareas propón que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar sexan “grupo prioritario” nas vacinacións contra a COVID-19

Esquerda Unida trasladou a todos os grupos municipais de Ponteareas unha proposta de moción para que o Concello solicite á Xunta de Galicia que as traballadoras de axuda no fogar sexan consideradas grupo prioritario nas vacinacións. Subliña EU que “trátase de persoas altamente expostas a risco de contaxio” ao ter que facer no desenvolvemento do seu traballo visitas domiciliarias.

A maiores, engade a formación asemblearia, “poden ser vehículo transmisor da enfermidade a persoas de idade avanzada e polo tanto de alto risco”.

EU lamenta que, a pesares disto, a Xunta de Galicia “non contemple a estas traballadoras como grupo prioritario á hora de establecer os criterios de vacinacións”, motivo polo que Esquerda Unida está a levar aos concellos galegos “mocións solicitando á Xunta de Galicia que no Plan de vacinación as traballadoras de axuda no fogar sexan o seguinte grupo a vacinar despois das persoas residentes e traballadoras dos centros de maiores e do persoal médico de primeira liña”.

Maica Larriba recorda que os proxectos da AP-9 o seu paso por Redondela están en marcha

0

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, espera que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, dera explicacións aos colectivos do concello de Redondela cos que hoxe mantivo unha videoconferencia, sobre os proxectos que o seu departamento ten paralizados no concello redondelán.

Larriba subliñou que o concello redondelán leva reivindicando a remodelación da Avenida de Mendiño titularidade da Xunta, e que polo momento só atopou boas palabras. “É máis tratase dunha promesa electoral das eleccións municipais do partido que goberna na comunidade autónoma e que perdeu a alcaldía de Redondela”, sinala Larriba.

A subdelegada do Goberno recordou que foi este Goberno quen impulsou que Audasa puxera en marcha o proxecto de reposicións de viais tras as obras de ampliación da ponte de Rande, tal e como contemplaba o acordo entre a concesionaria e a administración central. De feito, Larriba subliñou que este proxecto xa rematou a exposición pública para que o concello e a veciñanza expoñeran as súas consideracións. O valor das obras de reposición de viais na localidade alcanza os 4,2 millóns de euros.

Igualmente acontece co proxecto das pantallas antiruído. Audasa xa ten presentado un proxecto que está en supervisión por parte do Ministerio de transportes e que acada unha inversión de preto de oito millóns de euros e que tamén sairá a exposición pública para que a veciñanza poda presentar alegacións.

Con respecto á liberalización da peaxe de Redondela, a subdelegada do Goberno recorda que dende o trinta de decembro de 2017 cando Mariano Rajoy anunciou esta liberalización tivo que ser o Goberno de Pedro Sánchez quen dera os pasos reais para acadar esta posibilidade.

“Os orzamentos de 2018, feitos polo Goberno do PP, non contemplou ningunha partida para poder acadar a liberalización da peaxe co cal ía ser imposible cumprir esa promesa. Agora, O Goberno de Pedro Sánchez si o fai aportando 63 millóns de euros para este fin”, subliña Maica Larriba.

“É lamentable –recorda a subdelegada– que aquelas que calaron sobre este tema e non dixeron nada mentres gobernaban agora se queiran converter nos defensores. Nestre intre que, por fin, vai ser unha realidade o levantamento da peaxe no menor tempo posible”.

Problemas no alumeado público de Redondela polo paso do ‘Hortensia’

0

A causa do paso do temporal Hortensia, o Concello de Redondela sufriu diversas roturas e avarías na rede de iluminación pública o que deu lugar a deficiencias eléctricas e cortes de luz xeneralizados ao longo das 13 parroquias: moitos saltos diferenciais quedaron avariados e isto fixo que moitas das liñas non funcionen.

Dende o Servizo eléctrico municipal avisan que as diferentes actuacións que levarán a cabo para reparar a iluminación pública ao longo destes días, poden facer que a veciñanza atópese con diferentes situacións: haberá liñas que permanezan apagadas temporalmente para poder levar a cabo a súa reparación ao completo mentres que outras, aínda que se consiga manter levantadas, presenten luminarias avariadas. A prioridade do servizo eléctrico é ofrecer os maiores puntos de luz posibles e compaxinalo co arranxo de liñas enteiras.

O concelleiro de Medio ambiente, Roberto Villar Rodríguez, apunta que “A intención do grupo de traballo do servizo eléctrico é repoñer e arranxar toda-las liñas e as súas luminarias o máis pronto posible; levamos traballando arreo toda a fin de semana neste tema, pero a cantidade de avarías e a súa complexidade, fai que teñamos que adoptar medidas diferentes e algo molestas para arranxalas”.

Estas medidas farán que, durante uns días, “a veciñanza note fallos na iluminación pública do noso concello. Lamentamos os problemas que isto poda causar, e agardamos que esta situación dure o menor tempo posible”, remata Villar.

Galicia blíndase para evitar a expansión incontrolada de contaxios. Restricións máximas en toda a comunidade, peche total da hostalería e peche do comercio non esencial ás 18 horas

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, compareceu este mediodía ante os medios de comunicación para dar conta do endurrecemento das restriccións para Galicia nun intento de frear o incremento descontrolado do número de contaxios –hoxe ás portas dos 20.000 casos activos— e evitar a saturación do sistema sanitario.

Alberto Núñez Feijóo repasou unha por unha as novas medidas comezando pola única que permanece inamobible: o toque de queda, quese manten no máximo que autoriza o Goberno central, ás 22 horas, xa que sinalou o presidente da Xunta “non temos capacidade para reducir o toque de queda ás 20 horas”. 

Nestas novas restricións, as actividades esenciais permitidas –que se darán a coñecer hoxe mesmo nunha edición especial do DOG– son a sanidade, educación, coidado de maiores e menores, traballo e comercio, este último con matices.

No caso da sanidade seguen interrumpidas as visitas aos enfermos agás aqueles e aquelas que o precisen por cuestións de dependencia.

No que á educación atinxe, as universidades non reanudarán as clases ata o día 8 de febreiro e, durante a primeira primeira semana serán online exclusivamente, as clases telemáticas para os universitarios manteránse, como mínimo, ata o 17 de febreiro.

É dicir, ata o 8 de febreiro non haberá clases nas universidades, dende o 8 ao 17 serán telemáticas e a partir do 17 de febreiro e dependendo da situación da pandemia no momento, “tentaremos retomalas presenciais”, sinalou Núñez Feijóo.

No que ao comercio fai referencia, o presidente galego sinalou que “seguirá funcionando, como é habitual, o comercio esencial“, entendéndose como tal os supermercados, farmacias, talleres, etc. En canto ao comercio non esencial, permanecerá aberto ata as 18 horas exclusivamente, unha medida que contribuirá a que “as e os cidadáns recóllanse canto antes nas súas casas”. Os centros comerciais pecharán todos os fines de semana.

Pola súa banda á hostalería volve ao peche total, agás no que fai referencia a servizo a domicilio ou comedores no ámbito laboral.

A práctica deportiva queda restrinxida ao deporte individual e ao aire libre e exclusivamente no propio concello. A consecuencia disto prodúcese o peche de ximnasios e outras instalacións similares para práctica deportiva en interiores.

Unha das principais modificacións no que fai referencia á práctica deportiva, é a obrigatoriedade de máscara sempre, incluso para correr nas rúas independentemente de que se poida ou non garantir a distancia de dous metros. Para correr nas rúas “lamentablemente xa non vale a distancia dos dous metros senón que a máscara pasa a ser obrigatoria en todos os deportes individuais ao aire libre”.

Como excepción manténse a competición vinculada ás competiciones federadas de caracter nacional e internacional pero mantente pechada a competición autonómica.

Os peches, esténdense tamén aos clubs de xubilados ou fogares de terceira idade, é dicir só permanecerán abertas as Residencias da Terceira Idade e os Centros de Día. Ao mesmo tempo queda suspendida a actividade nas bibliotecas, museos ou calquera outro centro cultural ou de espectáculos.

Logo de dar a coñecer estas medidas, o presidente da Xunta de Galicia puntualizou que, ao entender dos expertos, habería que contar con dous instrumentos máis “para o que é precisa a implicación do Goberno central”. A primeira medida, sinalou Núñez Feijóo, é o toque de queda que “debería ser máis flexible e adaptarse á situación epidemiolóxica de cada comunidade autónoma”, afirmou. “É un clamor na maioría das comunidades autónomas do estado independentemente da cor política dos seus gobernos”, afirmou. “No é un capricho, senón unha decisión sanitaria necesaris” engadiu o rexedor autonómico que, a continuación asegurou que “o Goberno está a tempo de rectificar e eu espero que o faga porque no Consello Interterritorial imos seguir formulando esta medida sanitaria que os expertos do comité clínico insisten en que é necesario adoptala”.

A segunda cuestión que precisaría da implicación do Goberno do estado “sería a de acadar un consenso nacional para limitar as ineraccións nos centros laborais e, nese sentido, o presidente dixo que un punto de partida pode ser que “alá onde foi posible tras o confinamento de marzo, aplíquese tamén agora” aínda que entendeu que unha medida que afecta a empresas “a nivel global” debe ser coordinada. 

Núñez Feijóo pediu a colaboración dos e das emprendedoras “para que apliquen o teletraballo” e adiantou que a Xunta aplicará aínda máis este sistema “ao considerar que é unha medida que diminúe a mobilidade e a interacción social e, como consecuencia contribúen a evitar os contaxios”.

O presidente galego asegurou se consciente que as medidas adoptadas “teñen un enorme impacto na esfera de dereitos e liberdades persoais, enorme impacto económico e enorme impacto social” e asegurou que son medidas “que non foi doado adoptalas porque teñen un elevado custe para todos” especialmente para aquelas persoas que teñen que “baixar ás persianas dos seus negocios” para as e os que o custe “é demoledor”.

A esas persoas que terán que pechar os seus negocios durante as próximas tres semanas, Alberto Núñez Feijóo dirixuse especialmente para asegurarlles que “se houbera algún marxe para non tomar esta medida, o faríamos” e lembrou que en canto se poideron levantar as restricións o fixeron. “Agora non temos máis posibilidade que suspender dita actividade durante estas semanas”, sentenciou. 

Petición de autoconfinamento

O presidente da Xunta, ante esa imposibilidade de modificación do toque de queda pediu aos cidadáns “que apliquen de facto esta medida” xa que, o feito de pecher toda actividade non imprescindible ás 18 horas, “significa que podemos cumprir esta medida voluntariamente” e cualificou este ‘autoconfinamento’ como a “medida máis segura e que pode parar esta deriva de contaxios e ocupacións hospitalarias.

Pediu á poboación “un escrupuloso cumprimento das medidas polo noso ben e tamén en solidariedade dos que máis están a pagar as consecuencias sociais e económicas da COVID e solicitou tamén a colaboración específica aos maiores e as persoas que coidan deles “ao seguir sendo o sector máis vulnerable”. Destacou a importancia de que pidan axuda para mercar o indispensable e limitar as saídas a pequenos paseos e que recorran ao antoconfinamento ata que se lles poida subministrar a vacina, “as escasas vacinas que temos”, puntualizou.

Ademáis de pedir o autoconfinamento cando non sexa preciso saír por traballo ou por compras esenciais. “Non damos consellos por dalos –insistiu Aberto Núñez Feijóo– senón que os damos porque son precisos”.

Son medidas “que non lle gustan a ninguén, e menos a min”, asegurou, ao mesmo tempo que amosaba a súa total seguridade que serán cumpridas pola maioría das galegas e galegos por iso pediu “que sexan implacables con aqueles que non cumplan as medidas. Ningún ápice de condescendencia con quen pensa que un pequeno incumprimento non fai dano a ninguén. Están equivocados, fan dano a moitos”, afimou rotundamente o presidente galego “e eses moitos contaxian a moitos máis”.

A situacion debuxada por Núñez Feijóo non é nada optimista e asegurou non ser partidario de “crear falsas expectativas” polo que o esforzo que agora se pide á cidadanía “pode non ser o último”.

Arrancan as obras de mellora da accesibilidade na baixada á praia de Fedorento e na contorna do Estadio Municipal da Guarda

0

Este luns día 25 de xaneiro de 2021 iniciáronse os traballos de mellora da accesibilidade na baixada á praia de Fedorento na Guarda e na contorna do Estadio Municipal da Sangriña. O prazo de execución destas obras é de aproximadamente un mes e estes traballo contan cunha subvención total de 48.361,55 € con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

No caso da baixada á Praia de Fedorento se vai a retirar a beirarrúa existente aproveitando para facer tamén unha nova rede de saneamento de pluviais, mellorando a accesibilidade de peóns segundo marca a normativa vixente realizar en formigón de color vermello.

No frontal do Estadio Municipal da Sangriña se vai a proceder á retirada da beirarrúa existente que se atopa moi deteriorada e realizar unha nova de formigón en color vermello.

O Concello da Guarda subliña que, con estas obras, “dase continuidade ao compromiso de mellora da accesibilidade en diferentes puntos do municipio”.

As estradas de Galicia rexistraron en 2020 o menor número de vítimas mortais en accidentes de tráfico dende que existen rexistros

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe de que as vías interurbanas de Galicia rexistraron en 2020 o menor número de falecidos por accidentes de tráfico desde que existen rexistros oficiais. Apuntou que 70 persoas perderon a vida nas estradas galegas, segundo o balance provisional de siniestralidade viaria da Dirección General de Tráfico: “son 18 menos que no ano 2019, un 8% menos que no ano anterior (88 falecidos) e un 25% inferior á media dos últimos cinco anos”.  Engadiu que dez anos antes a cifra de falecidos chegou a 179 vítimas, e no 2000 perderon a vida 473 persoas nas estradas galegas.

Javier Losada fixo hoxe balance das cifras de siniestralidade viaria en Galicia no ano 2020, un ano que veu marcado pola redución da mobilidade viaria a causa da pandemia da COVID19 e o periodo de confinamento domiciliario, e agardou que os descensos acadados poidan consolidarse neste ano. Lembrou que os maiores descensos se deron no acceso ás cidades mentres que a circulación interprovincial se veu menos afectada.

O delegado do Goberno explicou que o ano 2020 veu tamén reduccións significativas no número total de accidentes rexistrados con vítimas, accidentes mortais e feridos, de carácter leve o grave. Nas vías interurbanas rexistráronse o ano pasado 2.020 accidentes con vítimas, un 26% menos que o ano anterior (2.783 accidentes) dos que 67 foron accidentes con falecidos, un 19% menos que en 2019 (83 accidentes mortais). No que respecta aos feridos, os sinistros na estrada ocasionaron 327 feridos graves (19% menos que en 2019) e 2.589 feridos leves (32,2% menos que o ano anterior).

Por provincias, o maior descenso deuse na provincia da Coruña, cunha diminución da siniestralidade mortal do 36% seguida de Lugo. Pontevedra rexistrou a mesma siniestralidade mortal que o ano anterior mentres que Ourense representa o lado contrario ao sumar unha vítima mortal ás cifras de 2019.

Distribución dos falecidos en vías interurbanas por provincia

ProvinciaFalecidosDif. 2020/2019% 2019
201520162017201820192020
A Coruña364033453925-14-36%
Lugo172716201712-5-29%
Ourense71271589112,5%
Pontevedra32272024242400%
Total921067610488          70-18-20%

Tipoloxía de accidentes e vítimas

Na liña co habitual das estatísticas, o 88,5% dos accidentes mortais de 2020 deuse en vías convencionais e preto da metade destes sinistros foron causados por saídas de vía seguido polas colisións nas súas diversas variantes. 

Compre destacar o importante descenso que se deu o ano pasado nos atropelos mortais. Unha tipoloxía que ocasionou preocupación en anos anteriores polo aumento da incidencia en Galicia e que en 2020 protagonizou 6 accidentes mortais nas estradas galegas frente aos 21 do ano anterior. Un descenso do 70% no que se reflicte a maior concienciación dos peóns que circulan polos arcéns das estradas e as campañas de fomento da visibilidade dos mesmos.

No que respecta á idade das vítimas, sinalar que en 2020 rexistrouse un descenso significativo na franxa de idade superior aos 55 anos. En 2019 houbo 36 vítimas superiores aos 55 anos, das que 24 eran maiores de 65 anos. En 2020 as vítimas destas idades diminuíron ata o 25 falecidos, un 30% menos que no ano anterior.  Pola contra, a maior incidencia produciuse na franxa de idade que vai dende os 35 aos 54 anos, onde se concentran o 35,7% dos falecidos en estrada. Non se rexistraron, ao igual que en 2019, vítimas menores de 14 anos.

A Deputación acomete obras de emerxencia na EP Mos-Puxeiros para reparar un tramo danado por infiltracións de auga

0

A Deputación está a acometer obras de emerxencia para reparar un tramo curvo, situado no Km 3 da estrada provincial EP-26001 Mos-Puxeiros, onde se estaba a producir un afundimento do firme e a afectación do muro de contención. Os traballos, que teñen un custo de 90.750 euros, vanse prolongar durante varias semanas.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, explicou que a Inspección dos Servizos Técnicos de Vías e Obras detectou este afundimento, que se agravou durante as choivas do pasado mes de decembro. En actuacións anteriores xa se tiña comprobado que o terraplén sobre o que se asenta a calzada está formado por materiais inadecuados, ademais de constatar a existencia de infiltracións de augas soterradas. A EP-26001 soporta un importante volume de tráfico pesado e, ademais, constatouse que o muro de contención precisaba unha ampliación da súa base para garantir a estabilidade diante destas condicións. A maiores, hai un regato e unha balsa de auga próximas que poderían comprometer este apoio a medio prazo.

As obras céntranse na actualidade na reconstrución completa do muro de contención, sobredimensionando a base e garantindo a súa solidez. Unha vez rematados estes traballos procederase a sanear o carril contrario, onde se tiñan detectado os afundimentos. A maiores, a Deputación deu conta ao Consorcio do Louro para que revise un colector de abastecemento diante da sospeita de que puidera estar a padecer algunha fuga nesta zona. A estrada Mos-Puxeiros ten un trazado total de 5.665 metros e soporta unha intensidade media diaria duns 3.000 vehículos, do que en torno a un 7% son pesados.

As Neves reclama, da Xunta de Galicia, o 100 % do custo do Servizo de Axuda no Fogar

0

Nunha reunión telemática mantida o pasado mércores 20 polo o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez e a concelleira de Benestar Social, Pilar González Santos, coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, o Concello foi informado do aumento de horas asignadas para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que supón unha subida de 552 horas, e sitúa As Neves en 20.364 horas de SAF, o que representa un incremento do 2,7 % respecto de 2020.

Actualmente o Concello ten de alta 35 persoas usuarias do servizo de SAF de dependencia. O importe por hora que custa o servizo é de 12,98 €, que é aboado co copagamento das persoas usuarias, a aportación da Xunta, e a aportación do Concello, do seguinte xeito: Xunta fai unha aportación máxima de 9,70 €/hora nos casos de copagamento 0 €, e nos de maior aportación polos usuarios e usuarias, a aportación da Xunta diminúe de xeito proporcional á capacidade económica da persoa usuaria. No caso das Neves, do total de persoas usuarias, 11 teñen o servizo gratuíto, e das restantes, a media de aportación é de 2,5 €/hora.

Con isto o Concello ten que aboar a diferenza ata cubrir a totalidade do custo do servizo, que se aproxima aos 300.000 € anuais, “asumindo unhas competencias impropias sen financiamento”, subliña o alcalde. É certo que contribúen a un maior benestar do colectivo social destinatario do servizo, pero “lastran os capítulos de inversión ou os de competencias directas, e prexudican ao conxunto do orzamento municipal”, sinala Xosé Manuel Rodríguez.

Por esta razón, o Concello reclama a asunción das competencias propias por cada administración ou, que se doten con suficiencia económica as delegadas ou atribuídas, neste caso, aos concellos.

O Concello da Guarda espera que o comezo das obras do enlace de Areas sexa o principio da culminación da Autovía Tui-A Guarda

0

En repetidas ocasións manifestouse desde o goberno municipal da Guarda que a obra máis importante para o futuro desenvolvemento da localidade é a Autovía Tui-A Guarda. Así mesmo a necesidade de rebaixar o tempo de viaxe ata a autoestrada A-55 para poder comunicarse máis rápido coa rede de autoestradas é unha reclamación que se ten feito na vila dende todos os ámbitos.

En 2016 defendíase nun escrito, refrendado polas forzas políticas e sectores económicos da localidade, que tense dereito mellorar a comunicación con Vigo, que é a cidade de referencia no eido sanitario, educativo, cultural e laboral, así como facilitar a chegada de turistas e visitantes e mellorar o transporte de mercadorías e bens de equipo, porque disto depende que se asente poboación na comarca e así poida seguir crecendo. Hoxe pódese engadir a este razoamento, que non queren quedar illados da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal.

Dende o ano 2004 o único tramo que se executou do que a Xunta chamou foron os 10,4 km que unen A Guarda con Goián, e contou tan só con dous carrís. Faltan por executar aproximadamente 14,2 km. Dada a complexidade e custo do tramo que acaba de comezar, respecto do resto do vial, dende A Guarda considerase que non debería haber inconvenientes, nin técnicos nin económicos, para que a Xunta afrontara, sen acumular máis atrasos, o remate da autovía.

O concello da Guarda mostra a súa satisfacción polo comezo das obras do Enlace de Areas por entender que este debe ser o principio do fin dunha infraestrutura pola que a Guarda leva esperando dende o ano 2004, a autovía Tui-A Guarda.

Arde por completo o tráiler parado no interior do túnel da Cañiza xunto cos oito coches que transportaba

0

O lume calcinou totalmente ao camión parado dentro do túnel da Cañiza, xunto cos oito coches que este transportaba, segundo confirmaron os medios de extinción ao 112 Galicia, arredor das dez da mañá.

O feito, do que se tivo constancia no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia nas primeiras horas da xornada, provocou o corte dos carrís da autovía A-52 por parte do persoal de mantemento de estradas. 

Xa desde o lugar, as patrullas da Garda Civil de Tráfico controlaron a circulación e habilitaron desvíos por estradas paralelas, ca finalidade de evitar riscos e manter a seguridade dos conductores.

Finalmente, o persoal de mantemento do túnel da Cañiza confirmou ao 112 Galicia de que segue a valorar os danos no punto, xa que o lume tamén afectou a parte do cableado e da estructura interior do paso subterráneo.

Pese a todo, no suceso non houbo que lamentar danos persoais.

Aumenta o número de casos activos por coronavirus en Galicia alcanzando os 19.768

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 19.768, deles 5.225 son da área da Coruña, 1.731 da de Lugo, 2.761 da de Ourense, 1.818 da de Pontevedra, 3.542 da área de Vigo, 3.118 da de Santiago, e 1.573 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 161 están en UCI, 993 en unidades de hospitalización e 18.614 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 66.800 persoas curadas, rexistrándose 1.622 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.334.415.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 66.899.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Deputación súmase ao proxecto impulsado pola Rede Española de Cidades polo Clima da FEMP para calcular a pegada de carbono

A Deputación de Pontevedra vén de adherirse ao proxecto de “Cálculo de pegadas de carbono e proxectos de absorción” que está a impulsar a Rede Española de Cidades polo Clima da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

A presidenta provincial, Carmela Silva, explicou que esta iniciativa, na que xa se estaba a traballar no Pazo provincial, enmárcase na “aposta” da institución “pola sustentabilidade e por dar cumprimento aos retos da Axenda 2030”. “Queremos dar un paso máis” manifestou, e estender a outras áreas da institución o que xa temos avanzado no Pazo provincial co rexistro de consumos no marco do sistema de Xestión Medioambiental. 

Deste xeito, a través desta iniciativa da Rede polo Clima da FEMP, vaise rexistrar a pegada de carbono que xera a Deputación para, posteriormente, impulsar actividades que permitan compensar as emisións. Mediante o proxecto vaise analizar, en primeiro lugar, a pegada de carbono que xera a institución provincial a través do estudo dos datos de consumo específicos das súas instalacións, ben sexa electricidade, gasóleo e outros combustibles, papel e xestión de residuos. Tamén se vai poñer en marcha un plan de redución para minimizar o consumo de electricidade, calefacción ou papel e fomentar o transporte sostible. Finalmente, preténdese absorber a pegada de carbono compensando as emisións mediante iniciativas concretas relacionadas ben con repoboacións forestais ou con actuacións en zonas incendiadas para o restablecemento da masa forestal existente.

As axudas da Xunta ao sector da hostalería en Redondela, no Val Miñor e no Val da Louriña, cífranse en preto de 6,5 millóns de euros

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou que o Goberno galego xa abonou 6,5 millóns de euros das axudas concedidas ao sector da hostalería na área de Vigo. Así, sinalou que no marco do primeiro plan de rescate se completaron os pagamentos de 3.515 solicitudes.

No que atinxe a Comunidade galega, recordou que foron 20.000 as axudas que recibiu o sector da hostalería en os apoios económicos directos da Xunta de Galicia a través das tres liñas do plan de rescate por un importe total de 37 millóns de euros.

Segundo detallou Fernández-Tapias, dos 6,3 millóns abonados na área de territorial, máis de 4 corresponden as 2.163 solicitudes presentadas polo sector da hostalería na cidade de Vigo. No Val Miñor, concedéronse 130.300 euros en Baiona (62 solicitudes), 163.600 euros  en Gondomar (105) e 249.425 euros en Nigrán (142). No Morrazo, atendéronse solicitudes por  importe de 474.875 euros en Cangas (293) e de 246.300 euros en Moaña (147).

No caso do Val da Louriña, en Mos repartíronse 221.800 euros para dar cobertura ás 127 solicitudes presentadas e no Porriño 329.875 euros para 171. Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Fornelos de Montes percibiron 437.525 euros (237 solicitudes), 7.600 euros (4), 141.825 euros (73) e 17.925 euros (9 solicitudes) respectivamente.

Xa por último, a Salceda de Caselas concedéronse 49.175 euros (22 solicitudes) e a Salvaterra do Miño 46.825 euros (22 solicitudes).

En todo caso, a representante autonómica, conscientes dos esforzos que está a afrontar o sector derivados da restricións sanitarias ás que obriga a pandemia, incidiu no compromiso da Xunta de seguir acompañando ao sector con medidas reais e axudas directas que permitan salvar do peche a empresas e autónomos. E pese a que apelou á colaboración entre as distintas administracións, en clara alusión a proposta do propio sector cun plan de rescate complementado con achegas directas das deputacións (30%) e os concellos (20%), indicou que o Goberno autonómico vai seguir traballando, con independencia de quen se sume ao chamamento da hostalería.

Dito isto, a delegada, que insistiu en que a actual situación de crise sanitaria require que todas as administracións traballen xuntas polo obxectivo común de paliar os efectos das restricións na nosa economía, invitou á Deputación de Pontevedra e aos concellos da área a sumarse á proposta. “É necesaria a implicación de todas as administracións, con independencia das cores políticas o de debates estériles sobre competencias”, reflexionou. “Mantemos a man tendida”, engadiu.

Segundo plan de rescate

Fernández-Tapias tamén puxo en valor o anuncio dun segundo plan de rescate para facer fronte ás novas restricións sanitarias dotado como mínimo con 50 millóns de euros e co obxectivo de poder activalo en febreiro. Deste modo, apuntou, a Xunta sumará en 90 días 140 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola crise e as restricións sanitarias.

Sobre esta segunda convocatoria, enfocada a persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros pechados por mor da pandemia, explicou que terá unhas características similares ao posto en marcha a finais de ano.

Trámites máis áxiles e menos requisitos

Tras destacar a capacidade de xestión no abonamento das axudas que respaldou no feito de que antes de rematar o prazo de solicitude xa se efectuaran un 70% dos pagos, sinalou que nesta nova fase da pandemia simplificaranse os trámites e os requisitos para obter as axudas. “O noso obxectivo é que cheguen antes e a un maior número de empresas”, dixo.

Como novidade, salientou, que os autónomos non terán que acreditar prestación por cese de actividade e que non se esixirá as microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar ás axudas. En todo caso, incidiu en que as tres liñas de axudas volverán a ser complementarias e que os perceptores do 1º plan de rescate, de cumprir os requisitos, poderán volver a solicitalas. 

ConcelloTotal de axudas para a hostaleríaImporte de axudas para a hostalería
Vigo2.1634.055.900
Cangas293474.875
Moaña147246.300
Baiona62130.300
Nigrán142249.425
Gondomar105163.600
Mos127221.800
O Porriño171329.875
Redondela237437.525
Pazos de Borbén47.600
Fornelos de Montes917.925
Soutomaior73141.825
Salvaterra do Miño2246.825
Salceda de Caselas2249.175
Total3.5156.572.950

O xurista e activista Octavio Salazar inaugurará a VI Semana da Educación de Tomiño

0

A VI Semana da Educación de Tomiño prepárase xa para a súa VI edición, que se celebrará entre os días 8 e 11 de febreiro. A inauguración das xornadas correrá a cargo do xurista e activista Octavio Salazar, e a súa conferencia poderá ser acompañada de balde por streaming o vindeiro 8 de febreiro ás 19:00 horas.

Octavio Salazar defínese como egabrense, pai dun fillo de 18 anos, republicano, laico e xurista heterodoxo en “proceso de ser feminista”. Conta cunha ampla actividade docente e investigadora:

  • Catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Córdoba
  • Responsable do Grupo de Investigación Democracia, Pluralismo e Cidadanía.
  • Liñas de investigación: igualdade de xénero, diversidade cultural e relixiosa, participación, goberno local, novas masculinidades, dereitos LGTBI.
  • Investigador principal do Proxecto de Investigación “Xerando unha interpretación do dereito en clave de igualdade de xénero”, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (2019-2021).
  • Docente sobre igualdade de xénero en másteres universitarios.
  • Recibiu varios premios de investigación e é autor de diversas monografías relacionadas coa igualdade. Autor e/ou coautor de varias obras literarias e colaborador habitual de medios escritos e dixitais con artigos de divulgación en materia de igualdade: Diario Córdoba, eldiario.es, The Huffington Post, Tribuna Feminista, Blog Mujeres de EL PAÍS, Diario Público, Agenda Pública ou Revista GQ.

Conferencia: Educación, feminismo e masculinidades

No seu relatorio abordarase como a educación debería incorporar a perspectiva feminista, o cal supón ir máis aló da mera coeducación; habería que desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. O obxectivo non sería outro que dar resposta paritaria ao modelo educativo que marca o artigo 27.2 da Constitución Española e vinculalo co reto de como redefinimos as condicións da vida en común.

Lémbrase tamén que as xornadas contarán con intepretación simultánea en lingua de signos. Poderase acceder á conferencia de Octavio Salazar a través da plataforma Zoom, mediante a seguinte ligazón: https://us02web.zoom.us/j/89186441458

Desde a Concellería de Educación convidan a todas as familias a participar destas xornadas, un evento tradicional xa na programación municipal que procura servir de apoio para a educación dos fillos e fillas, contando coa visión de importantes expertos e figuras de relevancia en distintos sectores profesionais.

A autovía A-52 atópase cortada no túnel da Cañiza por mor dun camión que está a arder no seu interior

0

Esta mañá, o 112 Galicia recibiu varias chamadas de conductores, que circulaban pola a autovía A-52, debido a que un camión portacoches estaba comezando a arder a altura do túnel da Cañiza.

A causa dos problemas de visibilidade producidos polo fume no interior do túnel, o persoal de mantemento de estradas confirmou ao 112 Galicia que a totalidade de carrís da A-52 permanecen pechados, en ambos os dous sentidos.

Nestes momentos, os medios de extinción están traballando no punto, onde tamén se sitúan as patrullas da Garda Civil para desviar aos vehículos e evitar riscos.

Do mesmo xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia deron aviso aos Bombeiros de Ponteareas, ao Ges de Ribadavia, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da Autovía.

A Xunta inxecta máis de 500.000 euros á hostalaría do Baixo Miño cun total de 260 axudas

0

A Xunta de Galicia aprobou case 260 axudas para o sector hostaleiro da bisbarra do Baixo Miño ao abeiro do seu Plan de Rescate para Autónomos, Microempresas e Hostalería, aprobado a finais do pasado ano para paliar os efectos socioeconómicos das restricións das medidas sanitarias fronte á covid-19 neste sector e outros afectados pola pandemia. Deste xeito, estase a inxectarlle máis de 500.000€ para superar a actual situación.

O Concello de Tui lidera as achegas compensatorias á hostalería recibidas da Xunta de Galicia, xa que cursáronse ata 190, entre as tres liñas do Plan de Rescate, por un importe total de 333.750€.

Pola súa banda, os Concellos de Tomiño e A Guarda tamén superan a vintena de axudas aprobadas polo executivo autonómico para colaborar co sector ante os prexuízos da pandemia. En calquera caso, as achegas alcanzaron, en maior ou menor medida, a todos os concellos da bisbarra, xa que Oia e O Rosal contan con 13 e 5 compensacións, respectivamente.

A piques de pechar esta primeira convocatoria do Plan de Rescate, a Xunta aprobou máis de 7.600 axudas por importe de case 14 millóns de euros na provincia de Pontevedra e ata 24.000 en toda Galicia. Ata o momento, no ámbito da comunidade, abonáronse máis de 20.000 compensacións por importe de 37 millóns de euros e os pagos quedarán completados nos próximos días.

ConcelloTotal de Axudas para HostaleríaImporte de Axudas para Hostalería
A Guarda2265.725 €
Oia1332.700 €
O Rosal515.200 €
Tomiño3073.400 €
Tui190333.750 €
TOTAL260520.775 €

Seis novos obradoiros online esta semana ao abeiro da SmartPeme da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana seis novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre o emprego de Instagram para a promoción empresarial, as ferramentas de chat e atención ao cliente, o valor de marca, o SEO, a impresión 3D e as redes sociais para establecementos turísticos.

En concreto, este martes 26 están previstos dous obradoiros: a diplomada en Ciencias Empresariais Esther Garcinuño desenvolverá “Como utilizar Instagram para promover a túa empresa II” e Fatima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas impartirá a acción “Ferramentas de chat e atención ao cliente”.

Outros dous obradoiros terán lugar o mércores 27: “O valor que as marcas dan ás empresas”, impartido por Román Pérez, licenciado en Dereito cun mestrado en Propiedade Intelectual; e “Iniciación ao SEO I: conceptos, palabras clave e primeiros pasos”,a cargo de Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual.

Finalmente, o xoves 28, o experto universitario en Robótica Manuel Freire, impartirá “Impresión 3D III: nozzles, tipos e usos”, dando continuidade aos obradoiros impartidos as semanas anteriores, e o venres 29, Mariana Rosa, graduada en Turismo, falará sobre como sacar o máximo rendemento ás redes sociais que xa existían anteriormente para innovar a imaxe dun establecemento turístico en “Redes sociais para establecementos turísticos”.

A Policía Local de Redondela detén ao responsable dunha festa ilegal en Cesantes por presuntas ameazas e atentado contra os axentes

0

A Policía Local de Redondela interveu nesta pasada madrugada para poñer fin a unha festa ilegan el Cesantes, logo de que os axentes foran alertados por particulares sobre a celebración da mesma e a súa difusión nas redes sociais.

Unha vez no lugar dos feitos, o que asegura ser o responsable da mesma negase, reiteradamente, a identificarse chegando mesmo a ameazar aos axentes, polo que estes procederon á súa detención.

Unha vez no interior da vivenda, localizase a un grupo de persoas, todas elas sen máscara de protección e sen respectar as medidas de seguridade, polo que todos e todas son propostos para sanción, tanto por incumprimento do toque de queda como por non respectar as medidas de seguridade sanitaria establecidas.

Entre o grupo, atopábase unha rapaza menor de idade que foi trasladada polos axentes ao concello de Soutomaior para se entregada aos seus pais.

Na intervención, os axentes da Policía Local pediron a axuda da Policía Nacional, que desprazou ata o lugar dos feitos ata tres indicativos de apoio e colaborou en todo momento cos axentes locais.

A Asociación forestal de Galicia pide maior control sobre os danos provocados por motos, quads e todoterreos nos montes

A Asociación Forestal de Galicia faise eco das denuncias de comunidades de montes e propietarios forestais de toda Galicia polos constantes danos ao seu patrimonio natural por motos, quads e todoterreos. O último episodio do problema rexístrase nas comunidades de montes dos concellos de Ponteareas, Salceda de Caselas e O Porriño, que se uniron para denunciar a presenza masiva de motos, quads, todoterreos e outros vehículos nos seus montes, causando cuantiosos estragos no patrimonio natural e forestal.

Os propietarios forestais resaltan que é un problema que xa preocupaba con anterioridade, pero desde a entrada en vigor do estado de alarma, o aumento de vehículos no monte é exponencial. Debido aos peches perimetrais e, singularmente nesta comarca, á prohibición de desprazarse a Portugal, os pilotos atoparon nos montes da Louriña e O Condado un lugar acaído onde practicar a súa afección.

O problema é que moitos circulan coma se se tratase dun circuíto de competición, sen ningún tipo de coidado nin respecto pola contorna. Habida conta das pegadas que deixan no monte, vese ben claro que o que practican non é deporte ao aire libre, senón actividades que en ocasións se achegan ó vandalismo.

Dende a Asociación Forestal de Galicia constátase que non é a primeira vez que comunidades e propietarios forestais socios se atopan con este problemas nas súas propiedades. Todos os días, pero de maneira alarmante nas fins de semana, sen pedir permiso nin autorización, numerosos vehículos alleos á xestión do monte transitan a toda velocidade por pistas forestais, monte a través, instalacións das áreas recreativas, lugares de interese etnográfico e plantacións forestais, producindo danos máis que evidentes.

A Lei 7/2012 de 28 de xuño de Montes de Galicia, no artigo 98, baixo o epígrafe de “pistas forestais” dispón que estas quedan adscritas á xestión forestal e en ningún caso terán consideración de “acceso rodado público”. Ademais, “queda prohibida a circulación motorizada campo a través, por sendeiros, cortalumes ou vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, cinexética nos períodos habilitados, prevención de incendios, ou outros autorizados”.

O artigo 128 fixa as sancións á que se enfrontan os condutores de vehículos que incumpran o establecido no anterior artigo. Cabe lembrar ademais, que os montes comunais son propiedades privadas, non son públicos. O monte en man común é unha entidade de titularidade colectiva recollida no dereito civil galego de xeito incuestionable ao longo da historia.

No caso dos problemas que se rexistran en Ponteareas, Salceda de Caselas e O Porriño, os comuneiros e comuneiras mesmo teñen identificados motos e quads sen matrícula, sen seguro e condutores sen carné. A raíz dalgunhas das denuncias cursadas, os axentes forestais e do Seprona teñen actuado e imposto varias sancións. Aínda así, demándase das autoridades, especialmente da Consellería do Medio Rural, e das forzas e corpos de seguridade unha maior implicación na resolución do problema.

Os propietarios forestais están dispostos a ofrecer toda a información e colaboración que sexa necesaria para resolver este problema, pero faise imprescindible a sensibilización da cidadanía e a axuda dos organismos oficiais encargados de protexer o patrimonio natural de todos.