10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Asociación forestal de Galicia pide maior control sobre os danos provocados...

    A Asociación forestal de Galicia pide maior control sobre os danos provocados por motos, quads e todoterreos nos montes

    A AFG respalda as denuncias de comunidades de montes veciñais de Ponteareas, Salceda de Caselas e O Porriño, nun novo episodio dun problema que afecta a toda a comunidade

    A Asociación Forestal de Galicia faise eco das denuncias de comunidades de montes e propietarios forestais de toda Galicia polos constantes danos ao seu patrimonio natural por motos, quads e todoterreos. O último episodio do problema rexístrase nas comunidades de montes dos concellos de Ponteareas, Salceda de Caselas e O Porriño, que se uniron para denunciar a presenza masiva de motos, quads, todoterreos e outros vehículos nos seus montes, causando cuantiosos estragos no patrimonio natural e forestal.

    Os propietarios forestais resaltan que é un problema que xa preocupaba con anterioridade, pero desde a entrada en vigor do estado de alarma, o aumento de vehículos no monte é exponencial. Debido aos peches perimetrais e, singularmente nesta comarca, á prohibición de desprazarse a Portugal, os pilotos atoparon nos montes da Louriña e O Condado un lugar acaído onde practicar a súa afección.

    O problema é que moitos circulan coma se se tratase dun circuíto de competición, sen ningún tipo de coidado nin respecto pola contorna. Habida conta das pegadas que deixan no monte, vese ben claro que o que practican non é deporte ao aire libre, senón actividades que en ocasións se achegan ó vandalismo.

    Dende a Asociación Forestal de Galicia constátase que non é a primeira vez que comunidades e propietarios forestais socios se atopan con este problemas nas súas propiedades. Todos os días, pero de maneira alarmante nas fins de semana, sen pedir permiso nin autorización, numerosos vehículos alleos á xestión do monte transitan a toda velocidade por pistas forestais, monte a través, instalacións das áreas recreativas, lugares de interese etnográfico e plantacións forestais, producindo danos máis que evidentes.

    A Lei 7/2012 de 28 de xuño de Montes de Galicia, no artigo 98, baixo o epígrafe de “pistas forestais” dispón que estas quedan adscritas á xestión forestal e en ningún caso terán consideración de “acceso rodado público”. Ademais, “queda prohibida a circulación motorizada campo a través, por sendeiros, cortalumes ou vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, cinexética nos períodos habilitados, prevención de incendios, ou outros autorizados”.

    O artigo 128 fixa as sancións á que se enfrontan os condutores de vehículos que incumpran o establecido no anterior artigo. Cabe lembrar ademais, que os montes comunais son propiedades privadas, non son públicos. O monte en man común é unha entidade de titularidade colectiva recollida no dereito civil galego de xeito incuestionable ao longo da historia.

    No caso dos problemas que se rexistran en Ponteareas, Salceda de Caselas e O Porriño, os comuneiros e comuneiras mesmo teñen identificados motos e quads sen matrícula, sen seguro e condutores sen carné. A raíz dalgunhas das denuncias cursadas, os axentes forestais e do Seprona teñen actuado e imposto varias sancións. Aínda así, demándase das autoridades, especialmente da Consellería do Medio Rural, e das forzas e corpos de seguridade unha maior implicación na resolución do problema.

    Os propietarios forestais están dispostos a ofrecer toda a información e colaboración que sexa necesaria para resolver este problema, pero faise imprescindible a sensibilización da cidadanía e a axuda dos organismos oficiais encargados de protexer o patrimonio natural de todos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.