A causa do paso do temporal Hortensia, o Concello de Redondela sufriu diversas roturas e avarías na rede de iluminación pública o que deu lugar a deficiencias eléctricas e cortes de luz xeneralizados ao longo das 13 parroquias: moitos saltos diferenciais quedaron avariados e isto fixo que moitas das liñas non funcionen.
Dende o Servizo eléctrico municipal avisan que as diferentes actuacións que levarán a cabo para reparar a iluminación pública ao longo destes días, poden facer que a veciñanza atópese con diferentes situacións: haberá liñas que permanezan apagadas temporalmente para poder levar a cabo a súa reparación ao completo mentres que outras, aínda que se consiga manter levantadas, presenten luminarias avariadas. A prioridade do servizo eléctrico é ofrecer os maiores puntos de luz posibles e compaxinalo co arranxo de liñas enteiras.
O concelleiro de Medio ambiente, Roberto Villar Rodríguez, apunta que “A intención do grupo de traballo do servizo eléctrico é repoñer e arranxar toda-las liñas e as súas luminarias o máis pronto posible; levamos traballando arreo toda a fin de semana neste tema, pero a cantidade de avarías e a súa complexidade, fai que teñamos que adoptar medidas diferentes e algo molestas para arranxalas”.
Estas medidas farán que, durante uns días, “a veciñanza note fallos na iluminación pública do noso concello. Lamentamos os problemas que isto poda causar, e agardamos que esta situación dure o menor tempo posible”, remata Villar.