21.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal aprobará un Orzamento no que "prioriza ás persoas máis que...

    O Rosal aprobará un Orzamento no que “prioriza ás persoas máis que nunca”

    Para este 2021 increméntase o gasto corrente e social e se inclúen investimentos que apostan polo benestar social, a igualdade, a cultura, o deporte, o desenvovemento local, a mobilidade sostible, as traídas de augas ou a sostibilidade ambiental

    O Concello do Rosal aprobará este xoves 28 en pleno uns orzamentos reestruturado tendo en conta a nova realidade e “tecidos para aplicar políticas que prioricen máis que nunca ás persoas”. “As circunstancias que preceden e engloban os orzamentos para este 2021 obrigounos a reinventarnos para seguir proxectando, camiñando e progresando antepoñendo a saúde pública. As situacións excepcionais requiren de respostas excepcionais e na administración local debemos empregar todas as competencias e mecanismos á nosa disposición para sumar na reactivación social e económica respectando, colaborando e dando cumprimento a todas as medidas de saúde pública”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández.

    Estes orzamentos superan os 3,3 millóns de euros e contemplan un importante incremento no gasto corrente e social, ademais da inclusión de investimentos que apostan polo benestar social, a proximidade, a igualdade, a cultura, o deporte, o desenvolvemento local, a transformación en termos de mobilidade sostible, as traídas de augas ou a sostibilidade ambiental facendo un esforzo a prol da elaboración de proxectos de eficiencia nas liñas de actuación nas que camiña a Unión Europea.

    Coa análise da execución dos tres exercicios anteriores, e tratando de que os créditos previstos sexan suficientes para recoller o gasto corrente previsto, incrementouse nun 9 % a partida de gastos en bens correntes e servizos, que ronda os 1,5 millóns de euros. Destaca tamén o importante esforzo do Goberno local por mellorar o servizo de atención á dependencia, que incrementará nun 29 % o número de horas e contará cun orzamento total asignado de case 220.000 euros.

    Por primeira vez, estes orzamentos apostan pola colaboración coas traídas de augas nun sentido amplo, a través dunha liña de subvencións para o investimento nas traídas de augas veciñais e tamén implementando gasto corrente para a realización de analíticas. Para a rexedora “é un paso importante na posta en valor dun eido de implicación da veciñanza nun elemento tan esencial na vida das persoas como é a auga”.

    Por outra banda, consolídase e increméntase o investimento en promoción cultural, que se adapta ás características demográficas do municipio, cunha veciñanza dispersa e envellecida. O Goberno municipal continúa así a súa aposta por levar a cultura aos barrios, “facilitando o seu acceso a todas as persoas e con eventos totalmente adaptados á nova realidade”. Unha programación cultural na que a igualdade xogará un papel importante “máis alá dos meses habituais nos que hai programación desta temática” e na que se fará tamén un esforzo importante na colaboración e visibilización das festas populares do concello.

    Incremento tamén do 7,2 % para subvencións municipais correntes que, como todos os anos, se centran na súa maioría en apoiar iniciativas relacionadas con servizos sociais, na que se duplica a dotación, e actividades deportivas e culturais. A distribución dos máis de 321.000€ deste apartado farase a través do Plan Estratéxico de Subvencións, un instrumento pioneiro posto en marcha polo Goberno municipal para realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das distinta axudas ao tecido asociativo, “apoiando na medida do posible o traballo que desenvolven en distintos eidos as asociacións rosaleiras coa implicación da veciñanza, contribuíndo a mellorar a realidade do noso concello”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.