14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui renova ás súas instalacións deportivas grazas ao investimento de 210.000 euros...

    Tui renova ás súas instalacións deportivas grazas ao investimento de 210.000 euros con cargo al Plan Concellos

    Santos Héctor: “Hai que investir en instalacións deportivas, sobre todo nestes tempos de pandemia, para que cando regresemos á normalidade o deporte volva da mellor maneira”

    Os clubs deportivos e a comunidade escolar de Tui ven cumprida, grazas á Deputación de Pontevedra, unha reclamación que viñan facendo dende hai tempo: a mellora dos Pavillóns Novo e Vello, así como das pistas de tenis municipais do polígono de Areas. Para coñecer de preto as actuacións realizadas, que contaron cun investimento de máis de 210.000 euros, os deputados provinciais Santos Héctor, responsable da área de Cooperación, e Gorka Gómez, da área de Deportes, visitaron as instalacións acompañados polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o coordinador desta área no concello, Diego Fernández, e representantes de varios clubs deportivos locais.

    Santos Héctor lembrou que este tipo de actuacións entran “dentro da liña que ven defendendo a Deputación e a nosa presidenta, Carmela Silva, para estar á altura no apoio ao deporte nestes momentos tan complicados”. “Hai que investir en deporte, sobre todo nestes tempos de pandemia da Covid-19, para que cando poidamos regresar á normalidade o deporte volva da mellor maneira”. O deputado provincial destacou a importancia do deporte en Tui, onde “a celebración de competicións deportivas é unha parte moi importante da economía” e onde existen un gran número de clubs e deportistas individuais de elite.

    Pola súa banda, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quixo poñer en valor o incremento, dende o 2015, en case un 40% dos fondos da Deputación que chegan ao concello. Con estas subvencións a vila de Tui puido levar adiante a adecuación de equipamentos como o Pavillón Vello, “que dende os anos oitenta non tivera practicamente ningunha obra de mellora”. O rexedor municipal destacou tamén outras actuacións que se teñen levado con anterioridade no concello grazas a achegas provinciais como melloras en case todos os campos de fútbol así como no Centro Municipal de Remo ou as obras no interior do Pavillón da Macoca, en Pazos de Reis. Cabaleiro agradeceu á Deputación o seu respaldo financeiro “sen o cal sería imposible levar isto adiante” e demandou “ao conxunto das administracións o apoio que necesitamos para seguir adecuando os nosos equipamentos deportivos”.

    Na súa visita coñeceron as melloras realizadas nos vestiarios e aseos do Pavillón Vello de Tui cunha achega de preto de 60.00 euros. Con eles púxose solución aos problemas de obsolescencia destas estancias, que precisaban dunha renovación completa. Ademais, este pavillón conta agora cun baño adaptado a persoas con diversidade funcional, axustándose así á normativa actual.

    No Pavillón Novo, segunda parada desta visita, comprobáronse os resultados da mellora da cancha, que presentaba danos que debían ser reparados tras máis de dez anos empregándose. Ademais, aproveitouse a ocasión para levar a cabo un novo vernizado e pintado das pistas para as diferentes modalidades deportivas que se practican na instalación. Grazas a esta subvención provincial, que supera os 88.000 euros, o pavillón conta agora tamén cunha gran cortina separadora, con elevación automática, que fai que o espazo sexa modulable, optimizando así o uso do espazo para todos os clubs tudenses.

    As pistas de tenis municipais do Polígono de Areas tamén estiveron no foco das actuacións levadas a cabo co Plan Concellos grazas a unha partida orzamentaria de máis de 64.000 euros. Con eles realizouse a ampliación da superficie de xogo, que agora conta con tres campos de dobres, a renovación do revestimento deportivo, o pintado dos campos de xogo e a renovación dos cerramentos, entre outras actuacións.

    Estas actuacións son un exemplo das melloras das que se ve beneficiada a veciñanza de Tui grazas a partidas provinciais. Dende 2015 a Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 8,3 millóns de euros no concello, dos que cinco millóns pertencen ao Plan Concellos. Para este 2021 o Tui ten á súa disposición, ao abeiro deste plan provincial, máis dun millón de euros. A maiores, o Concello de Tui resultou beneficiario dun gran proxecto a través do Plan DepoRemse para a reurbanización integral do barrio da Torre, en Paramos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.