Domingo, 27 Xullo de 2025

O Pleno da Deputación ratifica o absoluto apoio “a un verdadeiro plan de rescate da hostalería e turismo” cun fondo de 140 millóns de euros

”Un auténtico Plan de Rescate para o sector da hostalería e do turismo cun fondo de 140 millóns de euros, coa aportación do 1 % de todas as administracións, e xestionado directamente polos concellos”. Con esta declaración, o goberno provincial insistiu no pleno da Deputación no seu apoio ás reivindicación da hostalería e lamentou “profundamente” o voto en contra do Partido Popular que, en palabras do voceiro Carlos Font, “terá que explicar aos sectores afectados porque prefire un plan de axudas de menos de cen millóns de euros en vez dun verdadeiro Plan de rescate de 140 millóns. É inexplicable e lamentable, sentenciou, porque amais é o que reclama boa parte do sector que non se sinte representado por quen está a aceptar a proposta de 75 millóns da Xunta”.

O portavoz do grupo socialista insistiu en que un fondo de 50 millóns de euros que propoñía a Xunta, incrementado despois a 75 “pola presión do mundo local”, “é totalmente insuficiente”, e esixiu ao goberno galego que aporte o 1% do seu orzamento como van facer deputacións e concellos. “É intolerable a coacción da Xunta ao mundo local, denunciou. Teñen as competencias, toman as decisións de peches e restricións, teñen a obriga de rescatar aos afectados e recibiron 224 millóns do estado para destinalos á perda da actividade económica. ¿Onde están eses 224 millóns?”. Carlos Font sinalou que a reclamación do 1% é a máis xusta. “A Xunta ten un orzamento de 11.563 millóns, a Deputación de Pontevedra 164. Ten que ser proporcional”

Na mesma liña, o voceiro do BNG e vicepresidente, César Mosquera amosou a vontade “de facer o esforzo pese a que non temos competencia. Imos facer un esforzo construtivo poñendo todos a mesma porcentaxe para ir xuntos e rematar con esta fea e desagradable batalla, que desatou a Xunta e o PP, e chegar a un acordo. O que están a facer vailles traer consecuencias”. Tamén recordou que “non fomos nós, a administración local, nin as forzas políticas da oposición da Xunta de Galicia os que declaramos esta guerra”. Mosquera engadiu que “tivemos ata que soportar que quen tiña as competencias sacase un decreto e mandase a todo o PP a presentar mocións para que os concellos e as deputacións se ocupen do que a Xunta, que é quen ten as competencias, non fai”. “Vostedes, rematou, veñen aquí de mamporreiros da Xunta, como corresponde. É impresionante, francamente impresentable”.

O voceiro socialista tamén cualificou de “incomprensible” a posición do PP que se nega a que sexan os concellos quen xestionen o Plan de Rescate. “Vostedes insultan aos concellos dicindo que non son capaces de xestionar, e o seu portavoz Jorge Cubela escolle ser o brazo armado de Feijoo en vez de poñerse do lado dos municipios como fan as deputacións de Coruña, Lugo e Pontevedra e tamén a Fegamp. ¿É vostede alcalde e permite que o seu partido diga que os concellos non saben xestionar?” preguntou. “Os concellos son máis áxiles e o fan mellor que a Xunta. Só hai que ver o período medio de pago. A Xunta demora máis de 18 días mentres que concellos como Meis, Campo Lameiro, Oia ou Mondariz tardan 11 días, Cruces 9 días, e a Deputación entre 9 e 11 días”.

O voceiro do PSOE explicou como o decreto de Valencia, “do que tanto fala o a Xunta” deixa moi claro que os fondos teñen carácter de transferencias directas aos municipios, decreto que define ata os importes de cada concello, que sinala que son axudas por concesión directa e fai referencia á normativa que avala a xestión dos concello. Amais, o deputado engadiu que o decreto valenciano explica como o fondo vaise financiar con fondos europeos React UE. “¿Pretende a Xunta poñer a súa parte con fondos europeos e que os entes locais sen recibir nin un euro o fagan con recursos propios?. É escandaloso”.

Font tamén acusou ao PP de mentir ao sector cando falan de 86 millóns de euros de axudas xa entregada. “É falso. Simplemente sumando os números que os propios delegados e delegadas da Xunta están publicando, só chegan a 38 millóns”. “Amais, dixo, digan a verdade ao sector. Non son axudas a hostalería, son para todos os afectados, autónomos/as, microempresas, etc… co cal é aínda menos diñeiro”. O deputado rematou anunciando que “imos denunciar para saber onde están os 224 millóns de euros que recibiron do Estado. Teñen que dicilo dunha vez”.

O Concello de Redondela acusa á Xunta de inacción ante os reiterados incumprimentos de Aucosa para poñer fin aos malos cheiros

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villas anunciaron hoxe a remisión á Xunta de Galicia dun oficio no que se detallan polo miúdo, os reiterados incumprimentos de Aucosa á hora de acometer obras que rematen cos malos cheiros que afectan “gravemente á calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Nese mesmo oficio lémbranlle á Xunta que a empresa “tiña que estar cumprindo a Declaración Ambiental Integrada da Xunta de Galicia” e que a día de hoxe “á está cumprindo reiteradamente”. O Goberno local subliña que á administración ambiental correspóndelle legalmente a vixilancia do efectivo cumprimento da antedita Declaración Ambiental Integrada e, en caso contrario, a imposición de medidas de carácter sancionador e de reposición da legalidade. “A inactividade respecto diso en casos de afectación do medioambiente e da saúde das persoas pode xerar responsabilidades de toda orde para os autores de tal conduta omisiva”, advirte o Concello redondelán.

Digna Rivas e Roberto Villar lembraron que, dende o mesmo momento de toma de posesión, o novo Goberno comezou a traballar para “poñer fin a un problema que nestes momentos afecta gravísimamente á calidade de vida da veciñanza e que, nestas últimas semanas, intensificouse ata ser insoportable”.

“Reunímonos varias veces coa directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e a contestación soi sempre “imos miralo ou hai que colaborar” pero na realidade, sinala a alcaldesa de Redondela, “miramos que non é así e a Xunta de Galicia mira para outro lado cando a empresa incumpre un compromiso, firmado coa propia administración autonómica, de ter rematadas as obras que poñan fin aos malos cheiros o pasado 30 de novembro”

Digna Rivas e Roberto Villa foron rotundos: “a Xunta non está realizando o seu traballo. Tería que controlar periódicamente a actividade da fábrica, comprobar se remataron ou non os traballos comprometidos e, en caso contrario, limitar ou impedir a entrada de materia prima ata que ditas obras para poñer fin aos malos cheiros, estiveran rematadas”.

Roberto Villar e Digna Rivas

Pese aos informes remitidos case que a diario polo Concello á administración ambiental galega “a Xunta segue optando polo silencio por resposta e a veciñanza segue convivindo cuns cheiros que son absolutamente insoportables e que, nestes pasados días, chegaron ata Vigo e ata o mesmo centro urbano de Redondela”.

A alcaldesa de Redondela pregúntase “onde está a Xunta de Galicia á hora de garantir a seguridade sanitaria das veciñas e veciños?”. “A veciñanza está farta e o Concello tamén”, afirmou Digna Rivas, ao mesmo tempo que adiantaba que o Goberno local “adoptará todas as medidas que sexan necesarias para que as xustas peticións das veciñas e veciños, teñan unha resposta axeitada”.

Ponteareas abre o novo aparcadoiro público da rúa Alexandre Bóveda con 32 prazas de estacionamento

O Concello de Ponteareas abríu ao público o novo aparcadoiro ubicado na rúa Alexandre Bóveda, facendo esquina coa rúa Redondela, e cunha superficie de case 1.000 m2 e 32 prazas de estacionamento.

Os traballos de acondicionamento foron realizados polo Concello con recursos propios e consistiron na preparación e compactación do terreo, instalación dun peche perimetral e valado con barreira vexetal, ademais da sinalización informativa correspondente. O firme do aparcadoiro é de zahorra e non permite o pintado das prazas, pero o Concello procedeu á súa sinalización temporal con cal para que os usuarios poidan coñecer a distribución das prazas para aproveitar ao máximo o espazo con comodidade e seguridade.

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, salientou que “esta actuación supón un novo avance para atender a demanda de aparcadoiros en Ponteareas, que se une á recente ampliación do aparcadoiro de Granitos de Galicia e que continuará co novo aparcadoiro de Sarmiento Rivera”. Na actualidade Ponteareas conta con 11 amplos aparcadoiros gratuitos e un privado de pagamento que suman máis de 700 prazas de estacionamento a moi poucos minutos camiñando de calquera lugar da vila. Mera animou á veciñanza a “deixar os coches nos aparcadoiros e desprazarse camiñando nunha vila que reúne condicións óptimas para andar. Temos un centro urbano radial, sen costas, onde é moi doado moverse a pé e onde todo está moi preto e non é preciso levar o coche até a porta do noso destino”.

Os populares da Cañiza denuncian que o goberno local rexeite dar axudas aos colectivos máis afectados pola Covid-19

0

O Partido Popular da Cañiza lamenta que, unha vez máis, o Goberno local desaproveitou a celebración dun pleno municipal para aprobar medidas e propostas urxentes e necesarias para contribuír a paliar os danos e prexuízos ocasionados pola Covid, xa que a sesión ordinaria celebrada onte no Concello da Cañiza “estivo, de novo, baleiro de contido, sen ningunha proposta ou acordo presentado desde o Bipartito, o que reflicte a falta de xestión municipal”, sinala o voceiro do grupo municipal, Miguel Domínguez. Neste liña, di que “parece que ao goberno municipal os únicos plenos que lles interesan son os da aprobación dos orzamentos, que son nos que poden incluír a suba dos seus soldos”.

No pleno non estivo presente o alcalde por atoparse en corentena, polo que asumiu o control do mesmo a primeira tenente de alcalde, María José Rodríguez, “que demostrou non ter ningún coñecemento da situación municipal a pesar de ocupar a primeira tenencia de alcaldía e levar case 10 anos de concelleira”. O Partido Popular volveu a pedir a creación dunha liña de axudas destinadas ao comercio, industria e hostalería local, e que acepten e implanten o modelo valenciano “para que todas as administracións sse sumen a axudar aos sectores económicos afectados pola COVID”. Pero, para sorpresa dos populares, o Goberno rexeitou por cuarta vez estas axudas porque, segundo manifestou a tenente de alcalde, “non as consideran urxentes”.

“Tanto a Xunta coma a Deputación e de igual forma o concello, deben arrimar o ombreiro independentemente da súa cor política, nun momento sen precedentes como o que estamos a vivir”, declarou Domínguez.

Ademais, tamén reiteraron desde o Partido Popular a necesidade de eliminar os impostos municipais derivados das actividades económicas que desempeñan tanto comercios, hostaleiros, as PEMES e autónomos locais afectados polos peches. Miguel Domínguez explicou que  “a parálise do goberno e a súa reiterada negativa a proporcionar estas axudas Covid, obríganos desde o PP municipal a seguir insistindo pleno tras pleno neste asunto”.

Os concelleiros socialistas tampouco responderon ás preguntas que se lle formularon dende o grupo do Partido Popular. Para os populares, isto é un “sinal máis da falta de confianza e de delegación de Piña no seu equipo, que descoñece totalmente a actividade de goberno”, ningún dos concelleiro contestou a ningunha das pregustas que se lle fixeron correspondentes tolas elas coas súas áreas de goberno.

“Piña non confía na súa xente. Os concelleiros que firmaron e xuraron as súas actas e o seu compromiso coa Cañiza, non son quen de asumir as súas responsabilidades e dar contas das preguntas que lles formulamos nun pleno”.

A pesares da imposibilidade da asistencia presencial do rexedor socialista, o goberno municipal,  despois de 10 meses de pandeima sigue sendo o único concello que non foi capaz de poñer en marcha as ferramentas telemáticas necesarios para poder realizar a sesión plenaria de forma “online”, como se está facendo en todas as administracións.

Segundo apunta Miguel Domínguez, “a parálise é tal que en dez meses que levamos de pandemia, aínda non se puxeran ao día con este asunto e prefiren que os concelleiros teñamos que pornos en risco ao vernos na obriga de ter que asistir de forma presencial”.

O alcalde de Tui solicitou á directora de Turismo de Galicia o apoio ao proxecto do Cárcere Vello

0

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, mantivo onte un encontro coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para presentarlle o proxecto de intervención no edificio municipal do “Cárcere Vello” coa finalidade de convertelo nun centro de acollida a visitantes e peregrinos e que contribúa á posta en valor da nosa cidade e dos seus recursos patrimoniais e turísticos.

A iniciativa tudense foi favorablemente acollida pola directora de Turismo de Galicia tras trasladarlle o alcalde a petición dunha posible colaboración no financiamento deste centro que quere configurarse como un recurso turístico e cultural de primeiro nivel que busca prolongar a estadía media do turista na cidade e a dinamización económica de toda a zona histórica, así como contribuír á valoración do conxunto patrimonial tudense tanto para visitantes, turistas e peregrinos como para a propia veciñanza.

O alcalde de Tui estivo acompañado polo concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso. No decurso da reunión de traballo, na que tamén estaba presente o director de Administración do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, analizaron amais  algunhas das necesidades de intervención na traza da ruta xacobea en Tui. Concretamente, na petición municipal de abordar melloras na Fonte do Ouro ou de Freanxo e na Ponte das Febres. No primeiro caso para unha mellora estética do lugar e do seu entorno, en no segundo caso, para unha prolongación da actual pasarela de madeira que incremente a seguridade no paso dos peregrinos. Coincidiron os representantes do Concello de Tui e de Turismo de Galicia en reclamar diante do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a execución do proxecto de humanización da fronteira tudense, entrada do Camiño en Tui / Galicia / España e que presenta un desleixo que cómpre corrixir.

O cárcere vello, situado na rúa Sanz en pleno Camiño de Santiago, data de 1.584 e acolleu as antigas Escolas Taller. O proxecto redactado pola empresa Trivium pretende poñer en valor o magnífico patrimonio e legado histórico de Tui. Os espazos expositivos contarán coa tecnoloxía máis punteira. Os visitantes poderán realizar experiencias audiovisuais inmersivas a través de holografías e paneis interactivos que percorrerán as diversas etapas históricas da cidade e os seus mais egrexios veciños. A exposición permanente contará cunha sala dedicada en exclusiva ao Camiño Portugués a Santiago.

O Centro Cárcere Vello de Tui está previsto sexa tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro da cidade. O complexo disporá dunha zona recreativa con espazos verdes, fonte, bancos, aparcadoiro para bicicletas, e servizos de venda de bebidas. O patio do Cárcere Vello estará aberto para conformar unha nova praza pública para o goce de tudenses e visitantes. O Centro Cárcere Vello será completamente accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva. Contará ademais cun Programa Didáctico, con varios espazos reservados a tal fin, con actividades e visitas dirixidas á comunidade educativa.

A Guarda presenta o seu novo calendario para o 2021

0

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, conxuntamente co seu equipo de goberno, presentaron no día de hoxe, o novo calendario para este ano 2021.

Realizáronse ao longo destes anos no concello calendarios marabillosos, que sempre exaltaron as excelencias deste gran concello e onde se podía apreciar como evolucionamos.

Pero Antonio Lomba quixo chegar máis aló, e propuxo aos seus compañeiros de Goberno que no calendario para o 2021 os protagonistas fosen dous dos sectores que por causa da pandemia pasárono moi mal no ano 2020, e que tantas satisfaccións outorgáronnos en anos anteriores, como son a nosa Cultura e o noso Deporte.

Antonio Lomba, que foi o precursor da iniciativa, tívoo claro dende o primeiro momento, como el di “nestes  tempos tan difíciles creo que é o noso deber e obrigación o lembrar a todos os nosos deportistas, artistas, ao mundo da cultura en xeral debido a que este ano non puideron realizar as súas actividades con normalidade, que sexan eles os protagonistas e podamos dalgunha maneira telos presentes durante todo o 2021”. Por este motivo o calendario da Guarda deste ano conta no seu interior cos representantes do noso deporte e cultura, e queremos pedir desculpas por anticipado, porque somos sabedores de que quedan asociacións sen incluír. Tentamos que estivesen unha gran maioría e de seguro que será necesario a edición doutro calendario para o 2022 que de cabida as asociacións que agora non aparecen.

Novo calendario da Guarda

E desde o Goberno da Guarda non imos a esquecernos de todos os demais sectores (hostalería, comercio, industria..) e por suposto dos nosos maiores que por causa desta pandemia tamén o están pasando realmente mal e queremos que sexan coñecedores de que desde este concello contamos cunha estratexia marcada para o 2021, para axudalos no que nos sexa posible. Como todos vostedes sodes coñecedores, preparamos o orzamento máis comprometido coa cultura, o deporte, o comercio a industria e o máis social da historia da Guarda.

Todas aquelas persoas que desexen contar cun calendario non teñen máis que achegarse ata as dependencias municipais para recoller un exemplar ata esgotar existencias.

Salceda chama ao autoconfinamento

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, ven de facer unha chamada ao autoconfinamento da veciñanza, tras o incremento de casos positivos que se están a producir nos últimos días, e que sitúa ao municipio na alarmante cifra de 104 novos casos nos últimos 14 días. A relaxación de medidas no Nadal, e as numerosas xuntanzas familiares que tiveron lugar fixeron que nas últimas tres semanas se pasase de 12 casos aos 104 que publica hoxe o SERGAS.

Salceda sempre se mantivo con unhas cifras baixas e en mellor situación que os municipios limítrofes, pero a situación está a empeorar drasticamente nos últimos días, dentro da mesma corrente que se está a vivir na área sanitaria de Vigo.

Chegado este momento, a alcaldesa fixo unha nova chamada á responsabilidade da poboación, e pediu que se eviten todo tipo de saídas e desprazamentos que non sexan realmente indispensables: “Ata agora fomos un oasis no medio do deserto, pero agora o mellor que podemos facer cada un e cada unha de nós é quedarnos nas nosas casas, e limitar ás nosas saídas a motivos estritamente laborais, educativos, sanitarios ou de aprovisionamento de alimentos e medicinas”.

Tanto a policía local como as diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado incrementaron as súas labores de vixilancia, sendo habituais os controis de mobilidade e de uso de máscara protectora en diversos puntos do municipio. O propio Concello tamén adoptou medidas como a supresión do mercado semanal dos mércores, que dende esta semana só acolle os postos agroalimentarios, ou a implantación do sistema de cita previa nos diferentes departamentos, a excepción do servizo de rexistro que polo de agora permanece aberto. Tamén se pecharon ao público as instalacións deportivas e a Casa da Cultura Castelao, e nestes días procederase ao precintado dos parques infantís, cando menos ata o 17 de febreiro.

O Concello de Oia aproba inicialmente un orzamento de 1,7 millóns de euros

0

O pleno municipal de Oia aprobou inicialmente o orzamento para este ano, que ascende a un total de 1,7 millóns de euros. Nun momento de dificultade marcado polas excepcionais circunstancias provocadas pola pandemia da Covid-19, o gasto social consignado nas contas representa cerca do 12% do total das contas municipais.

Os orzamentos ascenden a un total de 1,7 millóns de euros, o que supón continuar a senda de lixeiros aumentos dos últimos anos (1,69 millóns en 2020 e 1,62 millóns en 2019). Destaca o mantemento da débeda cero, do esforzo en materia social e a conxelación de taxas e impostos municipais.

A alcaldesa, Cristina Correa, incidiu en que “o gasto social ascenderá a 202.330 euros, o que supón o 11,9% do orzamento total do Concello”. Nese sentido, lembrou que o número de horas destinadas a atención a persoas dependentes se ampliará este ano un 2,1%, pasando das 14.088 do ano pasado a 14.352 en 2021.

Entre as principais partidas orzamentarias está o capítulo de investimentos reais, que ascende aos 34.200 euros. Desta cantidade destaca a achega municipal ao Plan Marco da Xunta para a Mellora de Camiños Municipais, de 10.000 euros.

Ademais, a alcaldesa destacou que por segundo ano consecutivo se contempla unha partida para axudas ás traídas de augas veciñais (25.900 euros) e para bolsas de transporte escolar (2.000 euros). Tamén dará continuidade á aposta pola creación de novas rutas de sendeirismo que permitan ampliar a oferta de espazos de lecer cidadá ao aire libre e que, ao mesmo tempo, dinamicen o turismo; cuestións moi demandadas neste contexto de pandemia.

Axudas á hostalería para paliar os efectos da Covid

As contas para 2021 inclúen algunhas partidas de nova creación, destinadas a paliar os efectos da covid nos sectores económicos máis prexudicados e a axudar á veciñanza á dotarse de materiais de prevención. Así, consígnanse 10.000 euros para axudas a establecementos hostaleiros afectados pola pandemia e outros 10.000 euros para a compra de máscaras e outros materiais de prevención.

En alusión ás axudas á hostalería, a alcaldesa sinalou que esta cantidade prevé ampliarse, xa que “é vontade do equipo de gobernosumarse ao fondo de cooperación no que Xunta, deputacións e concellos están a traballar” e que se concretará nos próximos días.

Por outro lado, e ao igual que en anteriores exercicios, o Concello manterá a colaboración con asociacións con fins sociais radicadas na comarca, así como cos colectivos culturais e deportivos do municipio.

As axudas para a posta en valor dos curros e para a actividade da Asociación Costa dos Castros tamén teñen continuidade no 2021. No caso desta última, a achega municipal orientarase especialmente á edición de libros.

Primeiro pleno telemático en Oia

O pleno ordinario deste xoves, o primeiro celebrado de xeito telemático en Oia, aprobou as contas municipais cos votos a favor do equipo de goberno.  Tras recibir o visto e prace inicial, abrirase o correspondente período de alegacións previo á aprobación definitiva do expediente.

Por outra banda, na sesión tamén recibiu o visto e prace á proposta da Comisión de Heráldica para o novo escudo e a bandeira de Oia, que empezou a tramitarse no 2019.

Segundo avanzou a alcaldesa, o novo deseño respecta ao máximo a tradición e historia local, facendo alusións a símbolos como as pólas de figueira como elemento principal, o báculo e velo abacial e as dúas lises. Deste xeito, complétase a alusión ao mosteiro cisterciense sen necesidade de facer uso do seu propio emblema, opción sempre rexeitable pola Comisión.

Outros asuntos do pleno

Tamén se levou a pleno a ordenanza que regulará o prezo do libro “O Mosteiro de Oia e a Virxe do Mar”, publicación que o Concello porá a venda pensando nas persoas de fóra do municipio que poidan estar interesadas na historia local.

Outro asunto aprobado foi o proxecto de mellora no río Broi (Viladesuso), que leva implícita a declaración de utilidade pública e, por tanto, as correspondentes expropiacións de terreos necesarios para acometer a actuación. Esta intervención, de Augas de Galicia, é a segunda fase dos traballos realizados en 2013 para evitar problemas derivados de inundacións.

Por outra banda, o pleno abordou a adhesión de Oia ao convenio asinado entre Fegamp e Vicepresidencia da Xunta a fin de axilizar os trámites de expedientes sancionadores derivados de actas de denuncia por incumprimentos da normativa autonómica de contención da Covid. Actualmente o Concello de Oia ten constancia duns 8 procedementos sancionadores pendentes que, en virtude do antedito convenio, serán tramitados polo departamento autonómico. A conta xeral do pasado exercicio e a ampliación dun mes no prazo de entrega do borrador do PXOM -atendendo ás circunstancias extraordinarias da covid- foron outros asuntos abordados dentro da orde do día plenaria.

O Concello de Nigrán mantén a súa colaboración coas comunidades de augas veciñais renovando os colectores de Pracíns, en Chandebrito

0

O Concello de Nigrán aposta por preservar as traídas de augas veciñais investindo naquelas que desexan manter de cara ao futuro este servizo básico para as parroquias de Camos e Chandebrito, onde o abastecemento municipal non cubre o 100%. Así, considerando que as novas regulacións sanitarias ou fin de concesións obrigan á maioría das comunidades existentes a emprender obras nas súas instalacións e tramitar documentación, o Concello investíu 55.000 € para contribuír neste propósito. Actualmente estase a traballar na renovación dos colectores de Pracíns e na instalación do clorador en O Castro, ambas en Chandebrito, onde non existe ningún abastecemento municipal. Previamente o Concello colaborou coas traídas de A Rotea e Piñeiros (as dúas en Camos). En todos os casos manifestaron nas súas respectivas asembleas o seu interese en manter o subministro de cara ao futuro e de recibir para elo a axuda do Concello.

En concreto, na comunidade de Pracíns, que dá servizo a 34 fogares, o Concello iniciou esta semana a substitución de 600 metros de tubaxe con conexión directa á súa captación, o que permitirá mellorar o servizo e que non sufran as habituais secas do verán, igualmente, realizóuselles unha memoria para poder proceder a súa regularización sanitaria e da propia concesión. Paralelamente e na mesma parroquia, o Concello está a traballar coa de O Castro para instalar un clorador (previamente renovárase o peche perimetral, instaláranse mosquiteiras e sinalización axeitada).

“As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a máis de 200 fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que é deber do Concello compensalas garantindo a súa continuidade e seguridade sanitaria. “, explica o alcalde, Juan González, quen o ano pasado mantivo un encontro con representantes das 7 comunidades de augas existentes na localidade (3 delas en Chandebrito e 4 en Camos) para precisamente ofrecer esta colaboración. “Iniciamos os traballos de regularización naquelas que demandaron a nosa axuda, pero mantemos esta porta aberta para todas as demais no momento en que se decidan. As comunidades coas que o Concello colabora manteñen a súa independencia total e absoluta e seguen a ser os titulares dos seus recursos, é unha decisión dos comuneiros regularizarse coa nosa axuda ou sen ela”, insiste o rexedor.

Deste xeito, co fin de adaptarse á normativa sanitaria, o Concello investíu preto de 55.000 € en diferentes obras en Lapela, Rotea, o Castro e Pracíns. Segundo o informe das necesidades, nalgúns casos foi preciso renovar os colectores, noutros instalar cloradores, mosquiteiras, sinalización… e mesmo traballo administrativo.

“Todas as traídas comunais son de tempos xa remotos onde non había ningún tipo de regulación, algunhas foron adaptándose aos requirimentos e outras quedaron practicamente igual, pero hai que recoñecer que, grazas a estas entidades, foi posible fixar poboación no rural e mellorar as súas condicións de vida; forman parte do patrimonio galego e consideramos que agora é o momento de que o Concello colabore con elas ao tempo que continuamos ampliando o abastecemento público”, considera o alcalde, quen incide en que paralelamente o Concello cubríu nestes anos o 100% da parroquia de Parada e boa parte de Camos, onde proseguirá cos barrios de O Carballal, A Cruz, e a veciña Tarela.

As comunidades de augas son unha figura moi extendida en toda Galicia, especialmente no rural, onde a dispersión poboacional dificulta o abastecemento público, alí ancestralmente se formaron estas comunidades por iniciativa dos propios veciños. Estímase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias, que abastecen a ao redor de 300.000 fogares. A maioría delas regularizáronse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80, con concesións a 20 anos, polo que as comunidades de augas afrontan agora a segunda renovación da súa concesión.

Excarcerada unha muller despois de que o seu coche volcase contra un poste en Mos

0

Unha muller foi excarcerada, esta mañá, despois de que o seu coche se saíse de vía e quedase envorcado en Mos.

Arredor das 07:00 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que informaba dun vehículo accidentado, na estrada de Petelos cara Peinador, despois de ter unha colisión contra un poste. Ademais, o particular afirmaba que o coche estaba dado a volta e que unha muller permanecía no interior sen posibilidade de saír.

Inmediatamente, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia deuse aviso aos servizos sanitarios de urxencia, aos Bombeiros de Porriño, ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Vigo.

Xa no lugar, os Bombeiros de Porriño confirmaron ao 112 Galicia que a moza xa estaba sendo atendida polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, logo de ter que ser excarcerada xunto cos efectivos do Servizo de Emerxencias de Mos.

Finalmente, dende o 112 tamén se alertou á empresa subministradora do poste danado no punto.

Hoxe rexístranse en Galicia 22.124 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 22.124, deles 5.912 son da área da Coruña, 2.009 da de Lugo, 2.989 da de Ourense, 2.246 da de Pontevedra, 3.799 da área de Vigo, 3.373 da de Santiago, e 1.796 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 210 están en UCI, 1.121 en unidades de hospitalización e 20.793 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 70.459 persoas curadas, rexistrándose 1.718 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.384.089.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 78.810. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Contactos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Maica Larriba salienta o efecto da COVID no descenso dos delitos habituais pero suben as estafas na rede e os malos tratos

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu a Xunta Provincial de Seguridade na que analizáronse os datos provisionais do ano 2020 sobre a delincuencia e as infraccións penais. Larriba subliñou que a pandemia da Covid 19 marcou fixo que descenderan as infraccións habituais como os roubos en domicilios e establecementos comerciais pero tamén supuxo un incremento nas estafas leves pola rede e no que respecta a violencia de xénero e os malos tratos.

Na xunta de seguridade participaron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, e o capitán do subsector de tráfico da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira. Larriba indicou que “no territorio do Corpo Nacional de Policía que, xa saben que vixía as localidades de Vigo, Pontevedra, Redondela, Marín e Vilagarcía as infraccións penais han descendido un -10,35 por cento anual. Pero no caso dos malos tratos incrementáronse nun 8 por cento, os delitos contra a liberdade sexual un 11 por cento e os delitos leves con tarxetas bancarias increméntanse tamén nun 42 por cento”.

Outro dos datos positivos é que a taxa de esclarecemento dos delitos subiu ata o 42,96 por cento “moi por riba da que se rexistra na comunidade autónoma e no resto o país”, subliñou a subdelegada.

Cos datos facilitados na xunta provincial e detallando polas principais localidades as infraccións penais descenden en Pontevedra cidade nun 17,22 por cento. En Vigo, nun 8,97 por cento. En Vilagarcía, nun 15,44 por cento. En Marín, nun 0,81 por cento e en Redondela, nun 5,3 por cento.

Pola contra, no resto da provincia na demarcación da Garda Civil as infraccións penais se incrementan lixeiramente nun 2,85 por cento.

Maica Larriba subliñou que “a explicación deste lixeiro incremento téñena as cifras das estafas na rede. As infraccións de estafas bancarias creceron no ano pasado nun máis 145 por cento. E as estafas con tarxetas bancarias incrementáronse nun 126 por cento. Son cifras moi altas que fan que as estatísticas xerais arroxen ese dato positivo”.

Pola contra, tal e como destaca a subdelegada aquelas infraccións que fan que a cidadanía teña una verdadeira percepción de seguridade, “como son os furtos baixaron un 30 por cento e os delitos graves e menos graves baixaron máis dun quince por cento”.

Nembergantes tamén na demarcación da Garda Civil os delitos de violencia de xénero subiron nun tres por cento.

No que respecta as actas polo consumo de drogas na provincia tamén rexistran un descenso de case o dez por cento.

A xuízo de Maica Larriba o confinamento no mes de marzo e as restricións da mobilidade impostas pola pandemia da Covid supuxeron “o descenso dos típicos delitos de furtos en vivendas, vehículos e establecementos comerciais pero por contra xerou máis violencia de xénero e malos tratos e incrementado de maneira moi considerable as estafas na rede polas maiores compras”.

O AECT Río Miño advirte que o peche de fronteiras con Portugal non debe repetir o erro impedir circular ás persoas traballadoras na raia

O Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza AECT Río Miño advertiu hoxe, logo de que Portugal anunciase o seu peche de fronteiras con España, que non debe repetir o erro de limitar e dificultar o paso pola raia das persoas traballadoras como aconteceu tralo confinamento de marzo. Así o manifestou o vicedirector da entidade e deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación, Uxío Benítez, quen instou a manter abertos todos os pasos nas estradas, principalmente os das Eurocidades, coas medidas de control que sexan necesarias para facilitar a circulación das persoas que viven ou traballan a ambas marxes do río.

Benítez recoñeceu que a decisión adoptada polo goberno portugués pon en alerta aos concellos do territorio transfronteirizo, que dende o 17 de marzo e ata o mes de xuño viron limitado o tránsito a un único paso, Tui-Valença, creando importantes problemáticas para as persoas traballadoras transfronteirizas. Indicou, de feito, que este novo paso supón un chanzo máis na improvisación das medidas adoptadas contra a COVID-19 mais subliñou que “agardamos que aprenderan algo da situación creada na fronteira a outra vez”, lembrando que alcaldes e alcaldesas chegaran a manifestarse en varias ocasións.

Benítez tamén sinalou que a estas alturas da pandemia xa debería estar operativa a tarxeta de ‘cidadanía transfronteiriza’ para cando volvera haber unha situación coma esta. Lembrou que esa proposta do AECT fora proposta ante o último Cumio Ibérico entre España e Portugal e tamén ante o Parlamento Galego, que a aprobou por unanimidade. “Ata o de agora a Xunta non fixo nada, e nestes momentos ese carné transfronteirizo serviría para vixiar máis eficazmente o tránsito de persoas na raia”, destacou Benítez.

O deputado lembrou unha vez máis que a fronteira de Pontevedra e Portugal é a máis dinámica social e economicamente de toda a península, xa que con 70 quilómetros dos 1.200 de toda a ‘raia’ entre España e Portugal, un 5%, asume o paso do 50% dos vehículos.

Baiona axudará á hostalería destinando 100.000 euros do remanente de tesourería a axudas directas mais da exención da taxa de terrazas

0

O Concello de Baiona atópase inmerso no proceso de redacción das bases das axudas directas á hostalería e ao comercio da localidade e na creación dun plan de reactivación económica de ambos os sectores. En todo caso, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, adiantou que o Concello destinará 100.000 euros do remanente de tesourería en axudas directas á hostalería e ao comercio e a exención das taxas de terrazas do ano 2021, que ascendería a 90.000 €.

O alcalde da localidade, Carlos Gómez Prado, revela que estes documentos reflectirán os temas tratados ao longo destes meses nas diferentes reunións cos representantes das distintas asociacións de hostaleiros e comerciantes.

De feito, o Goberno local vén mantendo unha serie de reunións cos representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona ( ACEBA) “para analizar os prexuízos que están a ocasionar á hostalería, ao comercio e en xeral ao negocio de proximidade da vila, as medidas derivadas das restricións con motivo do COVID-19”, explica o rexedor. Así mesmo, engade que “Se trata de centrar todos os esforzos, e que as institucións e as asociacións traballemos conxuntamente para apoiar aos negocios de proximidade de Baiona. Como alcalde quero destacar o gran labor que se está facendo desde esta asociación que se está envorcando xa que está a traballar incansablemente na procura de iniciativas. O meu agradecemento e recoñecemento e o de todo o equipo de goberno por este gran traballo”.

Ademais, Gómez non pecha as portas á creación de novas partidas de axudas para os sectores máis castigados polas duras restricións impostas pola Xunta de Galicia.

“Trátase de acompañar e de apoiar a estes sectores nesta situación complicada, para que a travesía sexa menos difícil, e de adoptar xuntos decisións que permitan dinamizar a economía local, de forma que podamos saír reforzados”, conclúe Gómez Prado.

A Deputación reforza a súa aposta polo deporte incrementando nun 6 % as subvencións aos clubs e axilizando os prazos para os pagos

Estar ao lado dos clubs deportivos da provincia e apoialos diante das enormes dificultades que están a padecer por mor das restricións ás competicións e actividades a causa da pandemia foi o obxectivo das sete xuntanzas telemáticas que o deputado de Deportes, Gorka Gómez, celebrou onte con máis dun cento de clubs de tódalas modalidades. “Trasladamos o noso apoio a tódolos clubs nesta situación tan complicada e adiantámoslles o noso compromiso de axilizar a tramitación de tódalas subvencións para que poidan cobrar en moi pouco tempo dende que presenten as xustificacións”, explicou. “Este ano hai que estar cos clubs máis que nunca”.

A Deputación incrementa este ano nun 6% o montante total destinado ás subvencións deportivas, que pasan de 1.917.500 euros a 2.028.000. En canto aos prazos, o obxectivo é que todas as axudas estean transferidas e ingresadas nas contas dos clubs en poucos días dende que presenten as xustificacións de gastos requiridas nas diferentes convocatorias. Unha aposta polo deporte que supera os 2.555.000 euros se sumamos tamén as subvencións a deportistas individuais e para a organización de actividades e eventos deportivos. Ademais, a Deputación garante a igualdade no acceso ás axudas para o deporte feminino en tódalas modalidades.

Xuntanzas telemáticas co mundo do deporte provincial durante toda a mañá

As xuntanzas do deputado de Deportes celebráronse en bloques de media hora ata pasadas as 14 horas. En total citouse a 136 equipos, os 20 clubs de balonmán e baloncesto, 24 clubs de fútbol e fútbol sala, 11 de ciclismo, 27 de piragüismo e 25 equipos de vela e remo. Finalmente, celebrouse a xuntanza cos 14 clubs de elite e cos 15 clubs doutras modalidades que compiten en ámbito nacional: 2 de atletismo, un de bádminton, un de béisbol, un de bolos, un de orientación, un de rugby, un de voleibol, dous de ximnasia rítmica, dous de natación e un de taekwondo.

“A Deputación non vai deixar sos aos equipos que nesta temporada dependen especialmente das subvencións das administracións, pois algúns, especialmente nas categorías inferiores a nacional, non poden competir”, afirmou Gorka Gómez. “Quixen ter esta xuntanza para expresarlles o noso agradecemento polo enorme esforzo que fixeron dende o comezo da pandemia para sacar adiante a actividade deportiva e cumprir cos protocolos, un esforzo tanto da directivas como dos propios/as deportistas que foron un exemplo de responsabilidade”. “Moitos clubs están a ter problemas de liquidez por mor da perda de ingresos e hoxe lanzamos unha mensaxe de que, no que atinxe ás subvencións da Deputación poden contar con nós, porque non só mantemos as axudas, senón que as incrementamos, e, ademais, imos pagalas antes”.

Dúas grandes liñas de axudas para chegar a tódolos clubs

A Deputación estrutura as subvencións para o deporte en dúas grandes liñas, formadas polas axudas nominativas aos clubs de elite, que compiten nas máximas categorías nacionais, e as subvencións en concorrencia competitiva que se dividen, á súa vez, en tres grandes grupos: os clubs que compiten en categorías nacionais (baloncesto, balonmán, fútbol e fútbol sala e ciclismo); os deportes náuticos, piragüismo, remo e vela nos que a provincia é unha potencia mundial e o apoio aos 600 equipos que non están en competicións regulares, pero participan en eventos deportivos..

O deputado explicou que os clubs de elite xa están en disposición de presentar as xustificacións documentais das axudas e cobrarán “o antes posible” e nun único ingreso, mentres que ata o de agora facíano en dous. A Deputación destina 678.000 euros para esta liña de subvencións, que crece en 35.500 euros (un 5,5% máis) sobre o ano pasado.

As subvencións para clubs de categorías nacional precisan da convocatoria das achegas. Gorka Gómez subliñou que vaise anticipar con respecto á publicación habitual, (en torno a finais de marzo), e os pagos realizaranse coa máxima axilidade unha vez que os equipos presenten xustificación dos gastos. A Deputación reserva este ano 850.000 euros para esta liña, o que supón un incremento de 75.000 euros (un 9,7% máis) sobre o ano pasado. En canto ás achegas para deportes náuticos alcanzan os 500.000 euros. As bases destas modalidades sairán tamén no primeiro trimestre do ano e pagaranse con toda a axilidade administrativa que sexa posible.

O apoio da Deputación ao deporte tamén se materializa nos 325.000 euros (25.000 máis que o ano anterior, un 8,3 % a maiores) das becas DepoDan e DepoPromesas para deportistas de elite. Unha partida que se incrementa, por segundo ano consecutivo, polo ciclo olímpico. Finalmente, cómpre ter en conta que a Deputación reserva tamén este ano, a pesar de tódalas restricións derivadas da pandemia, unha partida de 200.000 euros para a organización e celebración de actividades ou eventos deportivos, co ánimo de manter un calendario estable na provincia.

Arde por completo unha vivenda deshabitada en Redondela

0

Un incendio consumiu por completo unha vivenda desocupada no concello pontevedrés de Redondela.

Arredor das nove da noite de onte, o 112 Galicia foi alertado por un particular, dende a Rúa da Plata, sobre unha casa abandonada da que se podía ver saír fume.

Nese momento, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informou aos Bombeiros de Porriño, á Policía Local de Redondela e aos membros de Protección Civil do municipio.

Xa no lugar dos feitos, os Bombeiros volveron contactar co 112 Galicia para solicitar apoio de máis medios de extinción debido a expansión das lapas na edificación. Por isto, foron alertados tamén o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e os Bombeiros de Vigo.

Finalmente, a Policía Local confirmou que a vivenda, de dúas alturas, ardeu na súa totalidade e que chegou a derrubarse a cuberta. Con todo, non houbo que lamentar danos persoais.

Caballero lembra a Feijóo que pode “contribuír” á rebaixa das peaxes da AP-9 porque foi o PP “quen prorrogou a concesión ata o 2048”

0

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou onte Redondela para manter unha xuntanza coa alcaldesa, Digna Rivas, na que ambos analizaron a supresión da peaxe da AP-9 entre Vigo e a súa vila prevista nos Orzamentos Xerais do Estado e as demais bonificacións.

De feito, Gonzalo Caballero resaltou que a rebaixa das peaxes da AP-9 que inclúen as contas do goberno de España é “histórica”, polo que lamentou que o PP e o BNG votaran en contra no Congreso dos Deputados destas bonificacións “retratando a súa inconsistencia e o seu cinismo”.

Máxime, como dixo, logo que de fora o goberno de Aznar, no que tamén estiveron Feijóo, Rajoy e Ana Pastor, o que prorrogou a concesión desta vía. Precisamente por iso, porque “o PP é o partido responsable de condenar aos galegos e ás galegas a pagar pola AP-9 ata 2048”, debera ser o primeiro en recoñecer o compromiso do goberno socialista que eles non tiveron.

Así pois, recordou a Feijóo que, se quere, el tamén pode “tomar medidas”, consciente de que comunidades como Aragón, A Rioxa, Cataluña ou Andalucía bonificaron peaxes en autopistas estatais. “Se Feijóo quere ter un mínimo de credibilidade, ten que contribuír dende a Xunta a rebaixar as peaxes”, remachou o líder socialista.

Ademais, instou ao goberno de España e ao resto das administracións implicadas a “manter o control e a presión” sobre Audasa para que a concesión feita por Aznar “non sexa un cheque en branco”. Do mesmo xeito, o máximo responsable do PSdeG urxiu ao ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a desenvolver as negociacións para as bonificacións “coa máxima celeridade posible”.

Así o dixo Gonzalo Caballero logo de contrastar os “máis de 63 millóns de euros” que inclúen os orzamentos do Estado para bonificar as peaxes da AP-9 cos “cero euros” que destina a Xunta a este fin. Ademais, resaltou, as bonificacións impulsadas polo goberno de Pedro Sánchez “teñen vocación de permanencia” máis alá deste ano 2021.

Ao fío disto, subliñou que “aínda que parece que ao PP e ao BNG lle saen urticarias” polo feito de que sexa o goberno progresista o que rebaixe a AP-9, o certo é que a primeira reunión que Gonzalo Caballero tivo cun membro do gabinete de Pedro Sánchez foi co ministro Ábalos para abordar a situación desta infraestrutura.

Demanda histórica

Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou como “históricas” a eliminación da peaxe da AP-9 entre o seu concello e o de Vigo; unha cuestión longamente demandada e á que agora dá resposta o goberno de Pedro Sánchez.

Neste punto, Digna Rivas agradeceu o compromiso do executivo progresista e reprobou ao exalcalde Javier Bas, hoxe deputado no Congreso, que votara “en contra dos veciños e das veciñas”.

Máscaras de tela na Xunta

Por outra parte, Gonzalo Caballero aludiu á falsa polémica aberta por Feijóo sobre o uso de máscaras FFP2, “unha cortina de fume para eludir as súas responsabilidades polo fracaso da estratexia Salvar o Nadal”.

“Se esas máscaras son clave para a protección fronte á covid, por que leva meses distribuíndo máscaras de tela con publicidade da Xunta”, inquiriu o líder socialista, antes de esixir a Feijóo que se poña a traballar para “resolver os problemas de Galicia”.

Tras deixar claro que asumirá, como fixo sempre con todas as normas e restricións, o que o comité clínico determine sobre o tipo de máscaras a empregar, Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo que deixe de xogar á “confusión” para non dar conta de por que non dispuxo axudas logo de pechar a hostalería, a cultura e o deporte e de reducir drasticamente a actividade do comercio.

“Pedimos seriedade”, esixiu a renglón seguido, consciente de que “a cuestión fundamental” non é a máscara nin o feito de que Feijóo “anda cunha de tela a diario”, porque “en novembro a onda da covid estaba relativamente controlada coas mesmas máscaras”. “O que fallou foi a estratexia Salvar o Nadal, pero Feijóo non quere recoñecer os seus erros nin explicar por que non hai axudas”, concluíu.

Que pasa agora nos centros educativos?

A Confederación de ANPAS Galegas vén de facer público un escrito –reflexión en voz alta, se cadra– sobre o máis que incierto futuro do curso escolar e sobre todos aqueles problemas que a pandemia puxo sobre a mesa en marzo do 2020 e que, a día se hoxe, seguen sen ter resposta por parte da administración autonómica. Pola importancia do escrito e por tratarse do futuro dos nosos fillas e fillos, nestas páginas o transcribimos literalmente e na súa integridade.

Dende a Confederación ANPAS GALEGAS estamos seriamente preocupadas pola incidencia que a actual situación sanitaria pode ter na vida e na formación das nosas fillas e fillos.

Nós non temos que entrar na opinión sanitaria dun comité clínico que abondo ten con responsabilizarse da situación presente. Pero o que si esiximos é un esforzo serio en transparencia e información, sobre o que está a pasar nos centros escolares e sobre como se están a tomar as decisións que nos afectan.

É indiscutíbel que a seguridade da saúde é o primeiro, pero tamén o é que iso non pode ser escusa para non avanzar na solución dos problemas que saíron á luz dende o 13 de marzo pasado, fundamentalmente en cal se pretende que sexa a atención ao alumnado que non pode asistir ás aulas, sexa por confinamento masivo, por ter que gardaren corentena domiciliaria, por seren poboación de risco ou convivintes con ela, ou por calquera outra causa xustificada.

Porque xa non é que non haxa nada avanzado en formación dixital , é que logo de DEZ MESES longos dende o primeiro confinamento estamos practicamente na mesma situación na que estabamos ao principio; a formación do profesorado é máis ben escasa, a do alumnado practicamente inexistente, ás familias nin sequera se nos informou con corrección dos plans que había nos centros -porque non os hai, maioritariamente- e as sucesivas ordes de realización de horarios espello, de comprobacións de funcionamento, de preparación para unha situación de ausencia nas aulas convertéronse en burocracia e papel mollado.

A consellaría non soubo, nin quixo, preparar o inicio deste curso coa atención que se demandaba, non se fixeron revisións de currículo, nin programas de adaptación dun alumnado que levaba sete meses sen asistir ás aulas, non hai atención específica, nin case de ningún outro tipo, ao alumnado NEAE; non hai atención sistemática do alumnado que está nas súas casas. E observamos como, mentres que o ensino concertado, ese que pagamos con cartos públicos, estase a gabar de ter medios e dotacións abondas, no Ensino Público de todas andamos discutindo cada céntimo de presuposto, e cada hora de atención.

Funciona a área sanitaria, segundo os datos que coñecemos, pero fracasa rotundamente a área de acompañamento emocional, non se está desenvolvendo a formación en liña, e temémonos que no hipotético caso dun confinamento masivo estamos camiñando cara outro curso perdido, tal como foi o anterior por máis que a administración se empeñase en disfrazalo.

Agora pechan as universidades e tamén os conservatorios, as escolas de danza e as escolas de idiomas, veremos aí o primeiro espello do que realmente se traballou, ou a consellaría permitiu traballar, e cal é o real nivel de atención que é posíbel cos medios dos que dispuxeron neses centros.

A pandemia é de certo o máis importante que nos pase, pero cando a superemos, non podemos deixar detrás tamén a toda unha xeración mal atendida e peor tratada por culpa da sistemática incapacidade da consellaría para tomar decisións, e fornecer dos medios, para termos o Ensino Público que merecemos.

Carlos Font: “O novo modelo dos GES da provincia é posible grazas ao esforzo extraordinario da Deputación de Pontevedra”

Na reunión desta mañá da Comisión de Seguimento dos GES da provincia de Pontevedra para presentar o funcionamento do novo modelo dos grupos de emerxencia, o deputado Carlos Font subliñou hoxe “o extraordinario esforzo” da Deputación de Pontevedra que incrementou ata case o millón de euros o seu orzamento para costear esta mellora da prestación aos concellos da provincia.

Font explicou que “estamos a falar dunha aportación importantísima que supón ata o 0,6 % do orzamento provincial mentres que, por poñer un exemplo, a Xunta de Galicia aporta 0,012 do seu presuposto”. “De feito, lembrou, aumentamos nun 55 % a nosa participación para o funcionamento dos novos GES de Redondela /Mos, A Cañiza e A Lama. Son 336.000 euros máis que o pasado ano, e para nós trátase dun esforzo extraordinario”, sinalou.

A Deputación de Pontevedra aporta este ano o 40% do orzamento do convenio para o novo modelo dos Grupos de Emerxencia (GES) na provincia. É un total de 941.333.333 euros, 336.000 euros máis que o ano pasado, un 55 % máis. A aportación total dos concellos é de 176.500 euros, o 7,5 % do orzamento, e a Xunta de Galicia de 1.235.498 euros, o 52,5%.

Así, o esforzo do mundo local sigue a ser imprescindible para a prestación de servizos e garantía de dereitos. Carlos Font rematou sinalando que “con recursos escasos, a Deputación de Pontevedra fai ata cen veces máis esforzo que a administración autonómica”.

A Ordenanza de Terrazas aprobada polo Concello regulará a ocupación dos espazos públicos

O pleno da Corporación Municipal do Porriño aprobou, na sesión de onte, a Ordenanza Reguladora do Uso das Terrazas, cos votos a favor do PSOE, BNG e EU SON. Entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO). A partir desa data, establecerase un prazo de regularización de tres meses.

Na exposición de motivos xustifícase que “O Concello do Porriño precisa dispor dunha Ordenanza Reguladora de ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras cuxa finalidade é establecer os criterios básicos para a instalación de terrazas anexas aos establecementos de hostalería. Dita ordenanza intenta dar resposta ás novas necesidades e costumes da cidadanía, así como a novas demandas por parte do sector da hostalería. É evidente que nos últimos anos proliferou a ocupación do espazo público con terrazas vinculadas a establecementos de hostalería que non só favoreceu aos empresarios que as explotan, senón que tamén fomentan a relación social e potencian a actividade económica en xeral”.

Polo tanto, a Ordenanza regula a ocupación de espazos públicos. Determina que non poderán instalarase terrazas nin en soportais nin en beirarrúas de anchura inferior a 3 metros. Entre as prohibicións que recolle a Ordenanza aprobada, non se permiten altofalantes ou calquera outro aparato difusor de son. Permítense televisores si teñen apagado o son.

Permitirase a instalación de calefactores móbiles ou aparellos análogos sen exceder o espazo autorizado para ocupar coa terraza. A súa instalación estará suxeita a licenza, que poderá solicitarse conxuntamente coa da terraza ou con posterioridade á mesma. Estes aparellos non necesitarán de ningún tipo de instalación fixa.

Sombrillas e toldos

Poderán instalarse sombrillas como elementos auxiliares da terraza: deberán ser pregables e desmontables, sen que se permita a súa suxeición ao pavimento mediante calquera clase de anclaxe. O voo das sombrillas, a altura respecto do chan e a publicidade que luzan, tamén estarán regulados nesta Ordenanza.

Permitirase a instalación de mamparas móbiles e a súa altura non poderá ser inferior a 1 metro nin superior a 1.5 metros, sendo polo menos os 50 cm superiores de material transparente. Estes elementos colocaranse sen realizar anclaxes ao pavimento e situáranse dentro do espazo autorizado a ocupar a terraza.

Tamén permitiranse a instalación de toldos, ou cubertas impermeables ao chan da vía pública sen ningunha fixación ao mesmo e sen posibilidade de pechar os laterais ou frontal do espazo cuberto.

Ademais a Ordenanza determina características do mobiliario, horarios de funcionamento e recollida, condicións de limpeza e recollida e un réxime de sancións por infraccións por ruídos ou por outros motivos.

Como combater a desinformación nas redes sociais, a debate na VI Semana da Educación de Tomiño

0

O mércores 10 de febreiro terá lugar a terceira das conferencias programadas na VI Semana da Educación de Tomiño, unha xornada na que se falará da problemática e dos riscos que está supoñendo a desinformación e a difusión de Fake News a través das redes sociais, acentuada polo auxe destas plataformas, que nos últimos anos se tornaron o medio principal para seguir a actualidade de cada vez máis persoas. A conferencia será impartida pola recoñecida xornalista e investigadora Marta Peirano, e poderá ser seguida de balde por streaming o mércores 10 de febreiro ás 19:00 horas.

O traballo de Peirano céntrase na intersección da tecnoloxía, a cultura e a política. Foi fundadora do periódico ADN, da revista Campobase e dos proxectos Copyfight, Cryptoparty Berlin e Hack Hackers Berlin. O seu blog persoal, La Petite Claudine, foi un dos dez máis lidos en español. Volveu a España en 2015 para traballar en eldiario.es, un diario nacional de perfil político onde foi xefa de Cultura e Tecnoloxía e, nos dous últimos anos, adxunta á dirección.

Escribiu libros sobre autómatas, sistemas de notación para máquinas e formatos de produción colectiva. En 2015 publicou ‘O pequeno libro vermello do activista na rede’, un recurso imprescindible para xornalistas e o primeiro libro prologado por Edward Snowden. En 2019 publicou “El enemigo conoce el sistema”, un ensaio sobre o capitalismo de vixilancia onde conecta a nosa adición ao móbil coa industria de extracción de datos e o seu papel como ferramenta de control e manipulación de masas. “El enemigo conoce el sistema” esgotouse nas primeiras 24 horas e estase a preparar a súa novena edición. En 2019 foi elixido polo New York Times como un dos 10 mellores libros publicados en castelán.

Colabora habitualmente coa Sexta e escribe en numerosos medios, incluíndo El País, eldiario.es e a revista Muy Interesante, onde mantén unha columna desde hai máis dunha década. Conduce unha sección semanal sobre tecnopolítica nas mañás de Radio Nacional de España e aparece frecuentemente como experta en informativos e documentais sobre desinformación, seguridade, cultura dixital e xeopolítica. A súa famosa charla TED, titulada “Por qué me vigilan si no soy nadie”, está a piques de alcanzar o tres millóns de visitas.

Fóra dos medios, Marta Peirano é membro do Consello Asesor da Bienal do Pensamento de Barcelona e do grupo de traballo para a ciberdefensa do Centro Superior de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN), o principal centro docente militar conxunto das Forzas Armadas Españolas.

CONFERENCIA:  Como combater a desinformación con campañas de inoculación efectivas

Nos últimos tempos as redes sociais convertéronse no vehículo de transmisión perfecta da desinformación, un problema que supón un grave risco para a sociedade e que se ve acentuado pola cada vez maior importancia que teñen estas plataformas na vida das persoas, onde cada vez son máis as que empregan estas plataformas como medio principal de informarse. Isto non é só un problema técnico que poida ser resolto con algoritmos e Intelixencia Artificial, senón que supón un problema moito máis profundo. Na conferencia Marta Peirano fará unha análise sobre que ferramentas temos os cidadáns para combater esta realidade.

Lémbrase tamén que as xornadas contarán con intepretación simultánea en lingua de signos. Poderase acceder á conferencia de Marta Peirano a través da plataforma Zoom, mediante a seguinte ligazón: https://us02web.zoom.us/j/84866860645.

Ampliado o contrato das obras da Praza de Bugallal para retirar as tubarías con amianto

O Goberno Municipal de Ponteareas ampliou o contrato das obras de humanización da Praza de Bugallal para incluir a retirada de tubaxes de fibrocemento con amianto que apareceron ao iniciarse os traballos no mes de novembro.

Durante varias semanas o Concello realizou os trámites técnicos e legais para poder executar estas obras imprevistas que non figuraban no proxecto da adxudicación da obra. A humanización da Praza de Bugallal foi adxudicada por 605.000 euros e estes novos traballos supoñen un custo engadido de 8.588 euros.

O proxecto da obra, dacordo coa información técnica dispoñíbel, contemplaba a retirada de tubaxe de fibrocemento da rede de abastecemento nos lugares onde existía constancia da súa existencia. Sen embargo, o iniciarse as obras, localizáronse outras tubaxes de fibrocemento antigas das que non existía constancia.

Á vista desta incidencia, os responsábeis de seguridade e saúde da obra activaron o protocolo especial de retirada de amianto, ao tratarse dun material cuxa retirada é perigosa para a saúde humana.

Esta suspensión da obra dende o mes de novembro conleva a ampliación do seu prazo de execución en 22 días.

A nova Praza de Bugallal triplicará a súa superficie, contará con novos espazos verdes, novo arborado de grande porte que achegará máis sombra, grandes xardineiras, bancos e mobiliario así como nova iluminación. Tamén está prevista a renovación das canalizacións de subministros soterrados de saneamento e soterramento dos cableados actuais.

Modificados o prazos da campaña Activa Tui

0

O Concello de Tui vén de modificar os prazos establecidos inicialmente na campaña Activa Tui ante as novas medidas restritivas que entraron en vigor esta semana e que afectan directamente tanto aos establecementos comerciais coma a hostalería.

O prazo para a adherirse a esta campaña de bonos Activa Tui para os establecementos, que remataba hoxe, se amplía até o 28 de febreiro. O próximo 1 de marzo será cando se faga pública a listaxe cos establecementos participantes.

Se modifica tamén o prazo no que a cidadanía, maior de 16 anos, poderá solicitar un máximo de dous bonos de 10€ para canxear en compras superiores a 25€ nos establecementos participantes.  Aquelas persoas interesadas en obter estes bonos poderán solicitalos entre o 1 de marzo e o 30 de abril en activa.tui.gal.  O emprego do bonos nos establecementos participantes poderá realizarse dende a súa recepción até o 30 de abril.

O Concello de Tui destina a esta iniciativa 50 mil euros. Os bonos intégranse dentro do Plan de Reactivación económica do concello de Tui plantexándose coma unha medida extraordinaria para axudar o tecido empresarial a paliar os efectos económicos negativos derivados da pandemia da Covid-19 nas microempresas e persoas traballadoras autónomas do termo municipal.

Toda a información sobre a campaña Activa Tui pódese ampliar en activa.tui.gal.

O Concello suspende temporalmente o mercado ambulante e anuncia unha nova liña de axudas á hostalería, comercio e autónomos

O Concello do Porriño suspenderá temporalmente o mercado ambulante durante as tres vindeiras semanas, segundo acordou onte a Comisión Municipal de Seguimento da Covid. Tamén durante ese período de tempo pecharanse os parques infantís e os recintos culturais, sociais e deportivos, conforme ás restricións que acordou a Xunta de Galicia e vixentes ata o 17 de febreiro.

A alcaldesa, Eva Garcia explicou que estas medidas locais de acompañamento ás restricións autonómicas “adóptanse para garantir a seguridade de todos limitando ao máximo a interacción e o contacto social”.

Por outra banda, a proposta do goberno municipal e co acordo dos participantes na Comisión Municipal de Seguimento, determinouse a celebración dun pleno municipal extraordinario para aprobar unha modificación orzamentaria para habilitar un fondo de axudas económicas directas, semellante ao que funcionou en 2020 e repartiu achegas por un importe total superior aos 80.000 €.

“A idea é axudar de xeito especial á hostalería, como sector máis damnificado polas restricións, pero tamén ao comercio e aos autónomos”, engadiu a alcaldesa. Eva Garcia manifestou, tamén, que agarda “chegar a un consenso con todos os grupos políticos da corporación a contía desas axudas para que esta proposta saia coma unha iniciativa común de toda a corporación”. 

Moderado aumento, respecto aos datos de onte, do número de casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 21.613, deles 5.855 son da área da Coruña, 1.978 da de Lugo, 2.968 da de Ourense, 2.154 da de Pontevedra, 3.681 da área de Vigo, 3.271 da de Santiago, e 1.706 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 193 están en UCI, 1.086 en unidades de hospitalización e 20.334 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 69.356 persoas curadas, rexistrándose 1.688 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.370.436.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 74.288. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Contactos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O Concello de Arbo pon en marcha novamente o servizo de taxi gratuíto para loitar contra a pandemia

0

Dada a grave  situación sanitaria que se esta a producir no municipio de Arbo por mor da Covid19, o Concello solicita, unha vez máis, a máxima colaboración de toda a veciñanza evitando os desprazamentos innecesarios. Por isto ofrece, aos veciños e veciñas de Arbo que teñan máis de 70 anos ou que se atopen nunha especial situación de vulnerabilidade, a dispoñibilidade dos taxistas de Arbo de maneira GRATUITA, para  realizarlles a compra nos supermercados,nas farmacias,o  comercio local de en xeral, ir o banco, etc. Así como calquer outro servicio necesario, ademáis do desprazamento ata as súa vivendas, sendo os gastos do servizo asumido polo Concello de Arbo con cargo aos seus orzamentos.

Esta foi unha das medidas que xa puxo en marcha o concello de Arbo, no mes de marzo e que dada a situación actual volve a poñer en servicio.

O Concello de Arbo, tamen habilitou un servizo de apoio para que se algún veciño ou veciña ten algunha necesidade de asistencia ou é coñecedor de situacións que a precisen, pódense comunicar ao teléfono 986 66 50 00 de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas. Fóra do horario de oficinas en situación de emerxencia pódese comunicar ao teléfono 606279521 (número do alcalde).

“Dende un primeiro momento dende o comezo da crise sanitaria, o Concello de Arbo, ven prestando axuda ao comercio e empresas, coa entrega de material epi, pantallas protectoras, xel, luvas, mascarallas reutilizables, información, promoción en medios de comunicación…”, informa o alcalde Horacio Gil. Entre todas as medidas adoptadas, o Concello de Arbo, seguiu priorizando as compras no comercio de Arbo e a contratación de obras e servizo ás empresas de Arbo, o que supuxo unha inversión de 500,000 euros na economía local.  Axudas que se seguirán mantendo, así como todas aquelas que permitindo a lei e a normativa poda afrontar o goberno local. O Concello fará todo o posible por axudar a todos os sectores, así como  para dinamizar a actividade económica de Arbo, durante o ano 2021, seguindo o mesmo criterio que se seguiu dende o inicio da pandemia, apunta o alcalde, que ademais solicita a colaboración dos veciños e veciñas de Arbo para que cumpren coas medidas decretadas polas autoridades sanitaria, o goberno de España e a Xunta de Galicia.

Este servizo manterase ata o 17 de febreiro de 2021. Os gatos ocasionados polo servizo de taxis serán asumidos polo Concello de Arbo, con cargo aos seus orzamentos.

“Somos conscientes do esforzo que supón para todos e todas o mantemento de duras medidas que seguen a condicionar de maneira extraordinaria o noso día a día. Este esforzo sigue a ser hoxe máis necesario ca nunca, especialmente, polas persoas máis vulnerables, polos nosos maiores. Eles construíron o Arbo que coñecemos e desfrutamos, superando tempos moi difíciles, adversidades e traballando arreo, con escasos recursos e pasando moitas necesidades”, manifesta o alcalde do concello, Horacio Gil, e así o reflexou no comunicado trasmitido aos  veciños e veciñas de Arbo. “Hoxe, cando deberían estar desfrutando do merecido descanso e de todo o conseguido, están a sufrir o ataque despiadado deste virus. É a nosa responsabilidade protexelos” remata Horacio Gil, que ademais  pide que se leven a cabo as medidas aplicadas polas autoridades sanitarias, a Xunta de Galicia e o Goberno de España.

O Concello celebra que a Deputación teña unha solución fronte ao risco de desprendemento de rochas nun tramo da estrada de Camos a Chandebrito

0

O Concello de Nigrán celebra a solución adoitada pola Deputación de Pontevedra para por fin ao risco de desprendemento de grandes rochas desde a ladeira do monte nun tramo de 50 metros da estrada de Camos a Chandebrito, á altura do barrio de Piñeiros. A situación de perigo orixinárase no 2017 trala perda da masa forestal por mor dos graves incendios, nese intre, e ante o requirimento do Concello, o organismo provincial emprendeu obras de urxencia ao longo de 150 metros e, nesta segunda fase, refórzanse as medidas noutro tramo limitado a 50 metros.

Deste xeito, a empresa especializada Talud Verde está actualmente a traballar para instalar unha rede metálica ancorada a toda a ladeira para que funcione como eficaz barreira de contención ante posibles caídas de pedras de calquera tamaño, protexendo así á propia estrada e tamén ás casas que lindan co outro lado da calzada. Posteriormente, sementaranse especies para que formen un manto vexetal que contribúa a fixar os elementos e, ao mesmo tempo, evitar o impacto visual. Os traballos estarán rematados ao longo da vindeira semana.

“Os veciños de Piñeiros vivían coa preocupación de que algún día puidesen caer as rochas nas estradas ou mesmo nas casas por efecto da erosión constante e, deste xeito, elimínase o problema”, resume o alcalde de Nigrán, Juan González, quen aclara que en xaneiro de 2018 a propia Deputación, coa colaboración da Comunidade de Montes de Camos e o Concello, realizara obras de emerxencia nun tramo de 150 metros ante o desprendemento de lama e rochas sobre esta rúa e as escorrentías nos momentos de abundantes choivas. Nesa primeira fase retranqueárase en 150 metros un metro máis a marxe da estrada afectada, fixérase unha nova canalización de pluviais, construírase un talude cunha inclinación maior e instalárase un muro de contención, ademáis de habilitar novos aliviadoiros.

O Concello de Oia contratará a 8 persoas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

0

O Concello de Oia contratará a un total de 8 persoas ao abeiro do Plan Concellos 2021 (liña de emprego) da Deputación de Pontevedra. Os perfís que se solicitan son de condutor de maquinaria forestal (1 praza), albanel (2 prazas) e peón forestal (5 prazas) e en todos os casos se trata de contratos a xornada completa.

Poderán beneficiarse desta iniciativa as persoas desempregadas inscritas na oficina de Emprego de Baiona, que fará a preselección de candidaturas. Posteriormente, o Concello se encargará da selección definitiva.

No seguinte cadro resúmese o número de prazas para cada posto, o perfil solicitado (xunto co código correspondente no que deberán inscribirse na oficina de emprego as persoas interesadas) e máis a duración de cada contrato:

PRAZASPERFIL/OCUPACIÓNPERÍODO CONTRATO
1Condutor/Operador de maquinaria forestal
(CNO. 83221013)
10 meses
(1 marzo-31 decembro)
2Albaneis-Oficiais de 1ª
(CNO. 71211015)
9 meses
(1 de marzo-30 novembro)
4Peón Forestal
(CNO. 65431028)
9 meses
(1 de marzo-30 novembro)

1
Peón Forestal
(CNO. 65431028)
5 meses
(maio-setembro)

O Concello de Oia lembra que, para poder ser seleccionadas pola oficina de emprego, as persoas demandantes deberán estar inscritas no código correspondente ao perfil ao que queiran optar.

As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra comprómetense coa hostalería achegando o 1 % do seu orzamento e lamentan que a Xunta non o iguale

As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra mostran o seu compromiso co sector hostaleiro mantendo firme a súa proposta de achegar o 1% do orzamento das institucións provinciais a un fondo común de rescate da hostalaría e lamentan que a Xunta non iguale este esforzo para un sector que atravesa unha situación crítica.

Na reunión celebrada esta tarde en Santiago, as tres deputacións manifestaron o seu compromiso de achegar o “1% hostaleiro” con cargo aos Orzamentos 2021 e lamentaron que a Xunta de Galicia, cun orzamento de 11.663 millóns de euros fronte aos 525 das catro deputacións xuntas, non faga o mesmo esforzo económico que as administracións locais e comprometa só o 0,64% (75 millóns de euros), que consideran “insuficiente para un verdadeiro plan de rescate”.

Un engano ao sector

Os representantes da tres deputacións falaron dun “engano ao sector” ao coñecer durante a reunión desta tarde de que a proposta da Xunta que o fondo común de rescate non é exclusivo para o sector da hostalaría e o turismo, senón que os fondos van destinados tamén a outras actividades profesionais, a pesar de que algunhas das deputacións e concellos xa teñen en marcha os seus propios plans de axudas a autónomos e microempresas de que a Xunta falou sempre dun plan exclusivo para a hostalaría, máis aínda, despois do peche total do sector que vén de decretar en toda a comunidade autónoma o Executivo galego esta mesma semana.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou o esforzo das deputacións ao achegar o 1% ao fondo común e lamentou que a Xunta non respondese á mesma altura. “Solicitamos proporcionalidade e consideramos que esa porcentaxe era perfectamente asumible, pero non se conseguiu”, sinalou Regueira,  ao tempo que mostrou a súa contrariedade ao “descubrir na reunión de hoxe que o fondo común non tiña un destino só para o sector hostaleiro, como se falara até hoxe, que precisa un apoio sólido e urxente”. “O 1% da Deputación da Coruña é especificamente para o sector hostaleiro e turístico porque contamos con outras liñas de axuda que imos a seguir mantendo”, apuntou.

Regueira insistiu na necesidade de cooperación institucional “que é o que nos demanda un sector vital para a nosa economía que precisa de maneira inmediata apoio para sobrevivir”. 

“A semana pasada falaban de que era un fondo para hostalaría, hoxe é para todos os sectores. Tamén nisto enganaron á hostalaría”, afirmou o representante da Deputación de Pontevedra, Carlos Font. “Se é un plan para pemes autónomos e hostalaría, como se poden preferir 75 millóns a 140?”, afirmou o deputado pontevedrés, que reclamou á Xunta que explique onde están os 224 millóns de transferencias directas do Goberno de España para facer fronte ás perdidas económicas provocadas pola pandemia.

“A Xunta abandona ao sectores aos sectores aos que obriga a pechar as portas ou restrinxir horarios”, apuntou Font, que pediu que os fondos sexan xestionados polos concellos e que se algún non pode o delegue en Xunta ou deputacións.

A deputada de Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, que asistiu á reunión por videoconferencia, subliñou o importante esforzo que este compromiso económico supón para o organismo provincial lucense, tendo en conta que as competencias son da Xunta de Galicia, e que a súa parte do plan de rescate “sairá dos recursos propios, xa que as administracións locais non recibiron da Administración galega nin un só euro extra para combater a pandemia, mentres que a Xunta si recibiu xa cuantiosos fondos extraordinarios para este fin: no 2020 o Estado transferiulle 224M€ a través dos fondos Covid, e acaba de anunciar o reparto doutros 441M€”.

Neste sentido, lamentou que a Xunta non fose capaz de igualar a aportación das deputacións, o que demostra a súa falta de compromiso, pois mesmo o anuncio da subida dos 50 aos 75 millóns que fixo hoxe a Xunta foi unicamente froito da presión do mundo local e do sector a raíz da proposta das deputacións.

As tres administracións provinciais coincidiron en defender a súa vontade construtiva co ánimo de alcanzar un acordo que permita a chegada dos fondos a un sector que os precisa con urxencia e defenderon o gran esforzo que vén realizando o mundo municipal para atender as consecuencias da pandemia na hostalaría e o turismo con recursos propios, que deberán detraer doutras partidas, mentres a Xunta, que ademais ten as competencias, conta fondos europeos ou do Estado.

Última reunión o venres para aclarar a xestión dos fondos

Xunta, deputacións e Fegamp volverán a sentarse o venres co Clúster d Turismo de Galicia para determinar o modelo de xestión dos fondos e se serán tramitados polos concellos, como propoñen as deputacións, pola Xunta de Galicia, como propón a administración autonómica, ou a través dun modelo mixto.

Un modelo propio para Galicia

Fronte ao “modelo Valencia” que defende a Xunta, a fórmula do 1% hostaleiro proposta polas deputacións reúne cada vez un maior consenso institucional e tamén do propio sector. Así, á proposta véñense sumando publicamente nos últimos días diferentes asociacións de hostalaría e as principais cidades e vilas galegas como A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo ou Lugo, dispostas a achegar tamén o 1% dos seus orzamentos para un plan de rescate coordinado en colaboración coa Xunta de Galicia e as deputacións, que elevaría notablemente o orzamento do fondo ata os 140 millóns de euros cun modelo “xusto e proporcional”, no que cada administración contribuiría en función do seu orzamento e que eliminaría burocracia e simplificaría a tramitación das axudas ao tramitarse a través dunha única solicitude.

Redondela habilita un teléfono de atención ás persoas maiores e dependentes para facilitar o autoconfinamento e evitar contaxios

0

O Goberno local de Redondela vén de anunciar a posta en marcha dun servizo de atención telefónica as persoas maiores e/ou dependentes que vivan soas e permitir o seu autoconfinamento evitándolles desprazamentos innecesarios á hora de realizar as compras de produtos de primeira necesidade como alimentos ou medicamentos.

As persoas que precisen deste servizo, que estará coordinado polo Departamento de Servizos Sociais do Concello, non teñen máis que poñerse en contacto co teléfono 986 40 17 13 en horario de 9 h a 14 horas e de 16 h a 21 horas de luns a domingo, onde se lle darán as indicacións precisas sobre os pasos a seguir.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas –que tamén xestiona as concellerías de Servizos Sociais e Persoas Maiores– lembrou que ante o momento grave que se está a vivir, cun incremento constante de número de contaxios, “temos a obriga de protexer á poboación máis vulnerable e, evitar que teñan que desprazarse para mercar produtos de alimentación ou de farmacia, e un xeito impedir que se contaxien”.

Rivas explicou que o servizo está dirixido, especialmente, ás persoas maiores, dependentes ou afectadas pola COVID que vivan soas. Moitas persoas maiores das parroquias de Redondela que viven sos ou soas e poden afrontar perfectamente o día a día en circunstancias normais. “En situacións como a que estamos a vivir –explica a alcaldesa– nas que é recomendable o autoconfinamento ou que cando menos reduzan os desprazamentos ao mínimo imprescindible, dispoñer deste servizo é imprescindible”.

A protección dos colectivos máis vulnerables, neste caso o das persoas maiores “é unha prioridade para este Goberno e, se a evolución da pandemia así o require, continuaremos poñendo en marcha iniciativas encamiñadas á súa protección”, engadiu.

O Servizo de Teléfono para Persoas Maiores é unha ferramenta máis que o Concello de Redondela habilita para tentar poñer freo a expansión da COVID e, nese sentido, a rexedora local, insiste “na prevención, a responsabilidade individual e o cumprimento estrito das normas sanitarias ditadas pola administracións autonómica e estatal, como mellor arma para evitar os contaxios e iniciar o camiño de volta á normalidade”.

Mos denuncia o “incumprimento” de R na implantación da banda longa no municipio para o que recibiu unha subvención estatal

0

O Concello de Mós vén de notificar, por medio da remisión do pertinente oficio ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que a empresa R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U non completou as actuacións necesarias para a implantación do programa de extensión da banda longa de nova xeración en Mos, pola que recibiu subvención da devandita administración estatal, segundo informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Leo Costas.

Desde a administración local denúnciase que aínda que R solicite unha prórroga, en caso de serlle concedida sería dun ano máis, tempo insuficiente para a acometida xa que as actuacións necesarias nin sequera comenzaron aínda. Por ese motivo, desde o Concello de Mos, púxose en coñecemento esta situación ante a administración supramunicipal competente para que actúe en consecuencia.

A día de hoxe Mos tería que estar xa dotado de internet de alta velocidade grazas ao Programa Extensión da Banda Larga de Nova Xeración da Administración Xeral do Estado, que promovía despregamentos de redes ultrarrápidas de acceso a internet no territorio galego.

Con prazo ata 2020 a empresa R Cable como beneficiaria dunha subvención despregou redes ultrarrápidas en núcleos de toda Galicia (entre eles debería ter estado Mos), que posibilitan servizos de acceso a Internet de de mais de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica.

A última das convocatorias do Estado, publicada en Abril de 2018, contou cunha dotación de 18,5 millóns de euros para Galicia, coa que os operadores puideron continuar incrementando a velocidade de acceso a internet en zonas nas que non había servizo de redes ultrarrápidas, tal era e é, o caso de Mos.

Desde o Concello de Mos laméntase que a operadora teña freado a implantación da banda ancha en Mos “xusto no momento máis necesario, cando a crise sanitaria da COVID-19 obriga e esixe o teletraballo”. Por iso, e a pesar de no ser competencia municipal, está a esixirlle á operadora “unha solución e o desbloqueo desta situación e a informar á administración con competencias neste senso para que actúen”.

Tanto técnicos municipais como representantes do goberno local levan meses traballando neste asunto, mantendo xuntanzas a este respecto, tanto internas como con representantes da operadora implicada.

E é que ademáis moitas das caixas de fibra das que parte o cableado xa se atopan instaladas ao longo e ancho do termo municipal. Unha vez unha caixa de fibra se atopa instalada, é cuestión de semanas a realización da conexión das vivendas do barrio no que se atopa, ao servizo de internet de banda longa.

É por elo que é necesario que a operadora beneficiaria das axudas estatais cumpra cos programas para os que recibiu subvención e realice a instalación necesaria para que o Concello de Mos conte co despregamento de redes ultrarrápidas de acceso a internet nos núcleos de San Pedro de Cela, Santa María de Dornelas, Santa María de Guizán, San Salvador de Louredo, Santa Eulalia de Mos, San Miguel de Pereiras, San Mamede de Petelos, Santa María de Sanguiñeda, San Martín de Tameiga e San Mamede de Torroso.

A data de hoxe as zonas de Mos que dispoñen de fibra óptica en funcionamento son San Antoíño en Louredo, parte da parroquia de Petelos, e tamén algunhas partes das parroquias de Dornelas e Tameiga.

A Deputación mellora as infraestruras de Baiona e dótaa de novos equipamentos municipais cun investimento de máis de 600.000 euros

0

A Deputación de Pontevedra está a transformar Baiona con importantes investimentos en infraestruturas, mobilidade e equipamentos municipais para os que destina un orzamento de máis de 600.000 euros. Entre as actuacións destacan as obras de reposición de firme en todo o trazado da EP-2204 Sabarís-Belesar, cuxa execución inminente anunciaron hoxe o deputado provincial Gregorio Agís e a deputada Iria Lamas, nunha visita á localidade xunto ao concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez.

Área Canina de Monte Boi

Nesta obra de mellora da seguridade viaria, a Deputación inviste un orzamento de máis de 540.000 euros. Trátase dunha actuación transformadora e “moi importante para Baiona”, como destacou o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, que subliñou que esta actuación tiña sido demandada desde o Concello, “co que existe unha colaboración continua”. Afirmou que a obra “suporá unha mellora da seguridade tanto para o tráfico rodado como para os peóns, de acordo cos criterios de mobilidade amable adoptados por esta Deputación dende o ano 2015”. Agís anunciou que a institución provincial seguirá a colaborar “man a man co Concello de Baiona para facer posible obras como esta”.

Paseo do río Baíña

Os traballos de reposición do firme desenvolveranse ao longo dos 6,3 quilómetros desta estrada, na que tamén se instalarán catro redutores de velocidade para o acougado do tráfico e na que se renovará a sinalización horizontal e vertical. A obra está xa en proceso de licitación por parte da Deputación e as empresas teñen de prazo ata o 10 de febreiro para presentar as súas ofertas. Ao longo deste mes de xaneiro, explicou, a Deputación está a licitar actuacións en seis estradas provinciais e esta de Baiona era unha das máis demandadas.

O Grupo Municipal Socialista de Tomiño cualifica como “crítica” a situación que vive a Policía Local

0

As concelleiras socialistas de Tomiño, Violeta de Santiago e Mirta Misa veñen de cualificar como “crítica” a situación que vive a Policía Local que, con tan só dous efectivos “intenta manter o servizo” o que, sinalan, “é prácticamente imposible e está a causar problemas na veciñanza”.

Na sesión plenaria do pasado 12 de xaneiro –cando o servizo aínda contaba con catro efectivos– as concelleiras socialistas preguntaron sobre este asunto ao Goberno nacionalista, sinalando o concelleiro delegado “a inminente comisión de servizo ou contratación de auxiliares”.

O Grupo Municipal Socialista lembra que a comisión de servizo “queda descartada xa que as alcaldías da contorna non se permiten prescindir de persoal” e no que a cubrir a praza vacante fai referencia “por moito que se queiran apurar os prazos agora, o proceso levaríanos ata o ano 2022” e esperan que, polo menos, chegue un auxiliar no mes de febreiro.

Violeta de Santiago, voceira do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño, criticou que o Goberno nacionalista aprobe unha modificación da RPT (Relación de Postos de Traballo) para incorporar senllos postos de técnicos de Xestión e de Medio Ambiente, “cando a Policía Local está nesta precaria situación, sen dúbida froito dunha mala xestión”.

Nun concello de grande extensión e dispersión como Tomiño, as socialistas consideran que  “non se pode consentir unha situación como a actual”, e lembran que estamos a padecer unha crise pandémica sen precedentes “e non contamos cun servizo que vele pola nosa seguridade nin polo cumprimento das restricións actuais”. 

Pero o realmente inaceptable, –enganden as concelleiras do PSOE– “é a falta de transparencia deste Goberno que non comunica aos veciños e veciñas o que está a acontecer e que consinte, sen  ningún pudor, que a maioría da poboación verta sobre a Policía local o seu malestar, enfados e protestas, a sabendas de que é unha inxustiza”.

Estudantes de 21 centros educativos da provincia arrancan cos seus proxectos nunha nova edición do programa DepoEmprende

DepoEmprende, a iniciativa da Deputación de Pontevedra que promove dinámicas de traballo que fomenten o emprendemento no marco do sistema educativo, arranca coa súa quinta edición. Para coñecer de preto os proxectos impulsados polo alumnado que participa nas modalidades de “DepoEmprende na Escola” e “DepoEmprende na ESO” a presidenta, Carmela Silva, e a deputada de Promoción Económica, Raquel Giráldez, reuníronse de xeito telemático con representantes de 22 cooperativas que participan no proxecto.

A presidenta provincial puxo en valor a celebración deste tipo de encontros xa que deles “saen ideas moi boas que para nós serán un exemplo a seguir”. Destacou tamén o compromiso cos valores que adquiriron os rapaces e rapazas que participan na iniciativa que é “o compromiso cunha cidadanía que cre no ben común”.  Carmela Silva aproveitou a ocasión para lembrar que o programa DepoEmprende “pretende crear mentes que sexan capaces de poñer en marcha proxectos colaborativos onde participa o alumnado dirixido polas súas mestras e mestres”. “Ao longo de todos estes anos teñen conquerido proxectos para que os adultos e adultas nos sintamos orgullosos e orgullosas e vos tomemos como exemplo”, lembrou a presidenta do ente provincial ao alumnado.

Neste encontro o alumnado quixo amosar os avances que acadou no primeiro trimestre do curso escolar, no que traballaron na constitución das súas cooperativas elixindo o nome da mesma, un logo, redactando as actas de constitución e estatutos das cooperativas ou formulando os organigramas das mesmas. Neste segundo trimestre o alumnado está a realizar estudos de mercado, elixindo os produtos que fabricarán e analizando a lista de provedores de produtos. Das presentacións realizadas compre destacar o carácter democrático da constitución das cooperativas, nas que tal e como resaltou un dos alumnos “queremos ter todos e todas os mesmos dereitos e deberes”, así como a venda e distribución de produtos reciclados e artesanais poñendo sobre a mesa o compromiso das xeracións futuras co medio ambiente. Ademais, a crise derivada da Covid-19 tamén se atopa moi presente nos proxectos do alumnado que está a idear solucións para facer máis doado o noso día a día cumprindo coas medidas de sanitarias de seguridade.

Ao primeiro encontro acudiron as 12 cooperativas que se formaron este ano no seo de “DepoEmprende na Escola”, programa no que están a participar 330 alumnos e alumnas pertencentes aos centros educativos CEIP Plurilingüe de Carballedo de Cerdedo-Cotobade, CEIP Santo André de Xeve de Pontevedra, CEE Pontevedra, CPI A Xunqueira Nº1 de Pontevedra, CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui, CEIP Serra-Vincios de Gondomar, CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia e CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares de Vigo. No segundo encontro participaron 10 cooperativas pertencentes ao programa “DepoEmprende na ESO”, que este ano conta con 80 alumnos e alumnas dos IES Manuel García Barros da Estrada, A Paralaia de Moaña, IES Luis Seoane de Pontevedra, IES Illa de San Simón de Redondela, IES Illa de Ons de Bueu, IES de Rodeira de Cangas e CPI da Cañiza. Nesta iniciativa tamén participa unha cooperativa do IES Terra de Turonio de Gondomar que non puido asistir ao acto.

O Concello de Ponteareas suspende as feiras e mercados, agás para produtos agroalimentarios

O Concello de Ponteareas decidíu suspender as feiras e mercados dos sábados diante da situación sanitaria da localidade e das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia. A situación de risco extremo conlevou o peche de actividades como a hostalaría, a redución do horario de apertura do comercio e o peche das áreas comerciais en fins de semana. O obxectivo das medidas adoptadas pola Xunta é reducir ao máximo o contacto social, reducíndoo ás actividades laborais e esenciais. Por ese motivo, o Concello decidíu suspender as feiras e mercados durante alomenos as vindeiras tres semanas por tratarse dunha actividade que xera contacto social. Unicamente se permitirá a instalación dos postos de produtos agroalimentarios.

Con esta é a terceira vez en menos de doce meses que o Concello se ve obrigado a suspender feiras e mercados: aconteceu primeiro durante a primeira onda, entre marzo e maio; posteriormente durante o mes de novembro con ocasión da segunda onda; e agora nesta terceira.

O goberno local veu facendo durante a crise sanitaria un importante esforzo de reorganización da feira para mantela con todas as medidas de seguridade asegurando que todos os postos puideran continuar exercendo a súa actividade. Para ese fin, ampliouse considerábelmente o espazo destinado aos mercados xerando maior separación entre os postos e creando máis espazo libre para os/as consumidores/as. Ademais, Protección Civil e a Policía Local viñeron realizando controis continuados para asegurar o cumprimento das normas sanitarias.

O goberno local agradece a comprensión do sector e lembra que só coa responsabilidade de toda a veciñanza se poderán reducir os contaxios e o impacto económico desta crise sanitaria.

O Concello implementará crédito para a dinamización económica do Rosal

0

Tras ser capaces de consolidar a estrutura orzamental municipal, o Concello do Rosal leva este xoves 28 a pleno uns presupostos que recollen os importantes cambios nas regras fiscais e que permitirán a Goberno municipal  “actuar como polo de dinamización económica e social nun momento especialmente complicado”.

“Nestes intres dende o Concello debemos loitar contra as consecuencias da pandemia impulsando proxectos de proximidade e dando prioridade á veciñanza. Por iso apostamos decididamente por realizar un importante grao de investimentos en proxectos, tanto na súa redacción, triplicando a cantidade prevista no exercicio anterior, como na execución, con proxectos clave na transformación do Rosal”, salienta a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

Neste sentido, o vindeiro pleno aprobarase a implementación de crédito para continuar con proxectos que arrancaron no exercicio anterior. Deste xeito, establecerase unha partida de 89.000 euros para a primeira fase das obras de mellora da estrada Tabagón-As Eiras-Goián, que van supoñer un cambio na forma de concibir a mobilidade no municipio, xa que suporá unha reconversión integral da estrada que recuperará espazos para as persoas e contribuirá a fomentar a vida rural e mellorar as posibilidades de comunicación de xeito sostible entre os núcleos. Dáse así cumprimento ao convenio coa Deputación de Pontevedra, que financiará o 80% desta fase inicial.

Dentro desa aposta pola proximidade, incorpóranse proxectos de grande importancia, como a reforma integral do Mercado municipal para convertelo nun espazo vivo e con futuro co que fomentar a compra de produto local e dinamizar económica e socialmente o núcleo urbano. O Concello xa está a traballar na segunda fase destas obras, así como no proxecto de transformación da Praza do Calvario.   

Por outro lado, contémplanse 11.000€ para a posta en marcha do Plan de Desenvolvemento Local, que se levará a cabo en colaboración coa Universidade de Vigo e que permitirá elaborar unha estratexia de aplicación práctica a medio prazo no municipio. Este plan enmárcase no senso da participación cidadá derivada do Consello de desenvolvemento local do Rosal, formado por profesionais e veciños e veciñas implicados en diferentes eidos de todos os sectores económicos.

Tamén se destinarán 9.000 euros ao proxecto Patrimonio vivo, un traballo centrado na memoria vida de diferentes persoas que xorde “como resposta a un compromiso do convencemento de que os nosos avós e avoas constitúen o patrimonio vivo do noso pobo”. Outros proxectos de proximidade que incorporan a estes orzamentos son o Ecoparque en Viso dos Eidos, a mellora da estrada da Cachada ou a mellora de abastecemento de augas. Ante a actual situación sanitaria o pleno do vindeiro 28 de xaneiro (20.30 h) celebrarase de forma telemática. Calquera persoa interesada poderá consultalo aposteriori no Portal de Transparencia do Concello, onde estará accesible a toda a veciñanza.

Suspendido o mercado semanal dos xoves até o 17 de febreiro

0

O Concello de Tui informa que, ante a actual situación epidemiolóxica e o incremento na intensidade das restricións establecidas pola Xunta de Galicia para toda a comunidade autónoma coa finalidade de conter as cifras inéditas que estamos a vivir, durante as próximas tres semanas – até o próximo 17 de febreiro- suspenderase o mercadillo semanal dos xoves como medida para poñer freo á transmisión do coronavirus reducindo ao mínimo imprescindible a interacción social e a mobilidade.

“Dende o Concello de Tui adoptamos esta medida por responsabilidade e solidariedade e sumámonos as palabras do presidente da Xunta no senso de que o obxectivo é “salvar todas as vidas posibles” e saír o antes posible de esta terceira ola, agravada ademais pola penetración de novas cepas como a británica”.

O Servizo de Igualdade do Concello de Tomiño atendeu máis de 160 consultas no 2020

0

O Servizo de Igualdade do Concello de Tomiño, desenvolvido pola Concellería de Benestar Social, Igualdade e Educación, presentou onte a memoria de actividade correspondente ao ano 2020. O organismo atendeu a 31 usuarias que presentaban problemáticas directamente relacionadas coa violencia de xénero, ademais de prestar asesoramento a 40 usuarias en situación de vulnerabilidade que por distintas cuestións —fundamentalmente conflitos relacionados co Dereito de Familia e con fillos/as menores a cargo— precisaron desta atención como xeito de traballar na súa autonomía e para a defensa dos seus dereitos e dos seus fillos e fillas.

En total, tendo en conta que cada usuaria require de sucesivos trámites e que en moitas ocasións presentan diversas problemáticas, no ano 2020 rexistráronse máis de 160 consultas. O servizo inclúe asesoramento xurídico de balde e individualizado, elaboración de documentos e solicitude de prestacións a mulleres vítimas, entre outras xestións. Desde que se comezou a ofrecer este servizo en outubro do 2016 xa son 151 as usuarias que acudiron ao mesmo.

Seguindo coas actuacións levadas a cabo en anos anteriores, dende a Concellería de Igualdade programáronse tamén distintas actividades para traballar a prol da Igualdade e contra a violencia machista. Deste xeito, ademais dos actos relacionados en motivo do 25 de novembro coa campaña Tomiño en Negro e do 8 de marzo, leváronse a cabo actividades como a proxección online do filme Tódalas Mulleres que coñezo, de Xiana de Teixeiro, obradoiros de prevención e detección da violencia de xénero para persoal de Servizos Sociais, Policía e Protección Civil, unha charla online da académica feminista Rosa Cobo Bedía na que participaron máis de 40 persoas e un obradoiro de competencias dixitais para facilitar o acceso ao emprego de mulleres desempregadas, impartido entre os meses de outubro e decembro.

Tamén se está traballando na posta en marcha doutras iniciativas tales como a elaboración do IV Plan de Igualdade municipal, que será formulado de xeito participativo, mediante consulta a axentes sociais, organizacións e asociación municipais. Tamén se realizará unha avaliación do plan actual e farase difusión entre mozos e mozas da importancia dunha educación afectivo- sexual igualitaria, entre outras iniciativas.

En palabras da concelleira, Cristina Martínez, “é unha obriga das distintas administracións, e especialmente da Administración Local por ser a máis achegada á cidadanía, facilitar os medios que garantan a igualdade real de dereitos entre mulleres e homes e polo tanto a loitar contra a desigualdade que aínda hoxe sofren as mulleres polo feito de selo, especialmente na súa máxima e máis brutal expresión, que é a violencia machista, e máis en contextos de crise como o actual, nos que non podemos esquecer que son as mulleres as que máis sofren as consecuencias económicas e sociais”.

O Concello de Tomiño reitérese neste compromiso e recorda que o servizo de atención xurídica está dispoñible para todas as mulleres que o precisen. Anima tamén á cidadanía en xeral a participar naquelas iniciativas que poidan organizarse a prol da igualdade. Aínda que a situación sanitaria obriga a repensar o xeito de organizar moitas das actividades, o Concello continuará traballando neste ámbito co fin de acadar unha sociedade realmente xusta e igualitaria. Lémbrase tamén que o servizo de asesoramento xurídico atende os mércores de mañá e tarde, previa cita no teléfono 986 623 211. No caso de non ser posible o desprazamento, as mulleres que o precisen poden solicitar cita telefónica e serán contactadas pola profesional que as atenderá.

Gondomar instalará unha caldeira de biomasa no seu Centro de Desenvolvemento Local

0

A instalación desta nova caldeira responde á política de aforro enerxético e á aposta polo uso de Enerxías Renovables que desde o Concello de Gondomar, a través da súa Concellería de Medio Ambiente, vén apostando desde o inicio da lexislatura.

Así llo fixo saber hoxe o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias nun encontro telemático mantido esta mañá no que tamén participou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, cuxo concello tamén se beneficiará das axudas autonómicas para a creación mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa.

Cuns fondos totais de 948.342 euros, Gondomar percibirá deles un total 88.58,26 euros para esta nova instalación térmica de biomasa, que dará servizo de calefacción ás intalacións do CDL (Centro de Desenvolvemento local). O proxecto contempla ademais a colocación dun depósito de inercia de 1000 litros que almacena a enerxía que xera a caldeira, así como a instalación dun contador para a medición de Kwh térmicos consumidos, un sistema de telexestión con comunicación de alarmas, entre outras características.

O alcalde, Paco Ferreira, mostrou o súa satisfación ante a posibilidade de optar a este financiamento e seguir fomentando o uso da biomasa forestal , unha enerxía renovable con reducido impacto ambiental que polo seu carácter autóctono favorece o autoabastecimento e a seguridade de subministración a prezos competitivos, á vez que “reduce a contaminación e a nosa pegada ambiental no planeta”.

Continúa o aumento dos casos activos por coronavirus en Galicia, hoxe rexístranse 21.293

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 21.293, deles 5.679 son da área da Coruña, 1.954 da de Lugo, 2.980 da de Ourense, 2.022 da de Pontevedra, 3.680 da área de Vigo, 3.309 da de Santiago, e 1.669 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 178 están en UCI, 1.093 en unidades de hospitalización e 20.022 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 68.237 persoas curadas, rexistrándose 1.659 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.357.642.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 73.201.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Contactos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.