Tras ser capaces de consolidar a estrutura orzamental municipal, o Concello do Rosal leva este xoves 28 a pleno uns presupostos que recollen os importantes cambios nas regras fiscais e que permitirán a Goberno municipal “actuar como polo de dinamización económica e social nun momento especialmente complicado”.
“Nestes intres dende o Concello debemos loitar contra as consecuencias da pandemia impulsando proxectos de proximidade e dando prioridade á veciñanza. Por iso apostamos decididamente por realizar un importante grao de investimentos en proxectos, tanto na súa redacción, triplicando a cantidade prevista no exercicio anterior, como na execución, con proxectos clave na transformación do Rosal”, salienta a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.
Neste sentido, o vindeiro pleno aprobarase a implementación de crédito para continuar con proxectos que arrancaron no exercicio anterior. Deste xeito, establecerase unha partida de 89.000 euros para a primeira fase das obras de mellora da estrada Tabagón-As Eiras-Goián, que van supoñer un cambio na forma de concibir a mobilidade no municipio, xa que suporá unha reconversión integral da estrada que recuperará espazos para as persoas e contribuirá a fomentar a vida rural e mellorar as posibilidades de comunicación de xeito sostible entre os núcleos. Dáse así cumprimento ao convenio coa Deputación de Pontevedra, que financiará o 80% desta fase inicial.
Dentro desa aposta pola proximidade, incorpóranse proxectos de grande importancia, como a reforma integral do Mercado municipal para convertelo nun espazo vivo e con futuro co que fomentar a compra de produto local e dinamizar económica e socialmente o núcleo urbano. O Concello xa está a traballar na segunda fase destas obras, así como no proxecto de transformación da Praza do Calvario.
Por outro lado, contémplanse 11.000€ para a posta en marcha do Plan de Desenvolvemento Local, que se levará a cabo en colaboración coa Universidade de Vigo e que permitirá elaborar unha estratexia de aplicación práctica a medio prazo no municipio. Este plan enmárcase no senso da participación cidadá derivada do Consello de desenvolvemento local do Rosal, formado por profesionais e veciños e veciñas implicados en diferentes eidos de todos os sectores económicos.
Tamén se destinarán 9.000 euros ao proxecto Patrimonio vivo, un traballo centrado na memoria vida de diferentes persoas que xorde “como resposta a un compromiso do convencemento de que os nosos avós e avoas constitúen o patrimonio vivo do noso pobo”. Outros proxectos de proximidade que incorporan a estes orzamentos son o Ecoparque en Viso dos Eidos, a mellora da estrada da Cachada ou a mellora de abastecemento de augas. Ante a actual situación sanitaria o pleno do vindeiro 28 de xaneiro (20.30 h) celebrarase de forma telemática. Calquera persoa interesada poderá consultalo aposteriori no Portal de Transparencia do Concello, onde estará accesible a toda a veciñanza.