10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaO Concello de Oia aproba inicialmente un orzamento de 1,7 millóns de...

    O Concello de Oia aproba inicialmente un orzamento de 1,7 millóns de euros

    Aprobada a proposta do novo escudo e a bandeira oficial de Oia, que será remitida á Heráldica

    O pleno municipal de Oia aprobou inicialmente o orzamento para este ano, que ascende a un total de 1,7 millóns de euros. Nun momento de dificultade marcado polas excepcionais circunstancias provocadas pola pandemia da Covid-19, o gasto social consignado nas contas representa cerca do 12% do total das contas municipais.

    Os orzamentos ascenden a un total de 1,7 millóns de euros, o que supón continuar a senda de lixeiros aumentos dos últimos anos (1,69 millóns en 2020 e 1,62 millóns en 2019). Destaca o mantemento da débeda cero, do esforzo en materia social e a conxelación de taxas e impostos municipais.

    A alcaldesa, Cristina Correa, incidiu en que “o gasto social ascenderá a 202.330 euros, o que supón o 11,9% do orzamento total do Concello”. Nese sentido, lembrou que o número de horas destinadas a atención a persoas dependentes se ampliará este ano un 2,1%, pasando das 14.088 do ano pasado a 14.352 en 2021.

    Entre as principais partidas orzamentarias está o capítulo de investimentos reais, que ascende aos 34.200 euros. Desta cantidade destaca a achega municipal ao Plan Marco da Xunta para a Mellora de Camiños Municipais, de 10.000 euros.

    Ademais, a alcaldesa destacou que por segundo ano consecutivo se contempla unha partida para axudas ás traídas de augas veciñais (25.900 euros) e para bolsas de transporte escolar (2.000 euros). Tamén dará continuidade á aposta pola creación de novas rutas de sendeirismo que permitan ampliar a oferta de espazos de lecer cidadá ao aire libre e que, ao mesmo tempo, dinamicen o turismo; cuestións moi demandadas neste contexto de pandemia.

    Axudas á hostalería para paliar os efectos da Covid

    As contas para 2021 inclúen algunhas partidas de nova creación, destinadas a paliar os efectos da covid nos sectores económicos máis prexudicados e a axudar á veciñanza á dotarse de materiais de prevención. Así, consígnanse 10.000 euros para axudas a establecementos hostaleiros afectados pola pandemia e outros 10.000 euros para a compra de máscaras e outros materiais de prevención.

    En alusión ás axudas á hostalería, a alcaldesa sinalou que esta cantidade prevé ampliarse, xa que “é vontade do equipo de gobernosumarse ao fondo de cooperación no que Xunta, deputacións e concellos están a traballar” e que se concretará nos próximos días.

    Por outro lado, e ao igual que en anteriores exercicios, o Concello manterá a colaboración con asociacións con fins sociais radicadas na comarca, así como cos colectivos culturais e deportivos do municipio.

    As axudas para a posta en valor dos curros e para a actividade da Asociación Costa dos Castros tamén teñen continuidade no 2021. No caso desta última, a achega municipal orientarase especialmente á edición de libros.

    Primeiro pleno telemático en Oia

    O pleno ordinario deste xoves, o primeiro celebrado de xeito telemático en Oia, aprobou as contas municipais cos votos a favor do equipo de goberno.  Tras recibir o visto e prace inicial, abrirase o correspondente período de alegacións previo á aprobación definitiva do expediente.

    Por outra banda, na sesión tamén recibiu o visto e prace á proposta da Comisión de Heráldica para o novo escudo e a bandeira de Oia, que empezou a tramitarse no 2019.

    Segundo avanzou a alcaldesa, o novo deseño respecta ao máximo a tradición e historia local, facendo alusións a símbolos como as pólas de figueira como elemento principal, o báculo e velo abacial e as dúas lises. Deste xeito, complétase a alusión ao mosteiro cisterciense sen necesidade de facer uso do seu propio emblema, opción sempre rexeitable pola Comisión.

    Outros asuntos do pleno

    Tamén se levou a pleno a ordenanza que regulará o prezo do libro “O Mosteiro de Oia e a Virxe do Mar”, publicación que o Concello porá a venda pensando nas persoas de fóra do municipio que poidan estar interesadas na historia local.

    Outro asunto aprobado foi o proxecto de mellora no río Broi (Viladesuso), que leva implícita a declaración de utilidade pública e, por tanto, as correspondentes expropiacións de terreos necesarios para acometer a actuación. Esta intervención, de Augas de Galicia, é a segunda fase dos traballos realizados en 2013 para evitar problemas derivados de inundacións.

    Por outra banda, o pleno abordou a adhesión de Oia ao convenio asinado entre Fegamp e Vicepresidencia da Xunta a fin de axilizar os trámites de expedientes sancionadores derivados de actas de denuncia por incumprimentos da normativa autonómica de contención da Covid. Actualmente o Concello de Oia ten constancia duns 8 procedementos sancionadores pendentes que, en virtude do antedito convenio, serán tramitados polo departamento autonómico. A conta xeral do pasado exercicio e a ampliación dun mes no prazo de entrega do borrador do PXOM -atendendo ás circunstancias extraordinarias da covid- foron outros asuntos abordados dentro da orde do día plenaria.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.