Mércores, 11 Decembro de 2024

Ampliado o contrato das obras da Praza de Bugallal para retirar as tubarías con amianto

As obras poderán reanudarse nos vindeiros días

O Goberno Municipal de Ponteareas ampliou o contrato das obras de humanización da Praza de Bugallal para incluir a retirada de tubaxes de fibrocemento con amianto que apareceron ao iniciarse os traballos no mes de novembro.

Durante varias semanas o Concello realizou os trámites técnicos e legais para poder executar estas obras imprevistas que non figuraban no proxecto da adxudicación da obra. A humanización da Praza de Bugallal foi adxudicada por 605.000 euros e estes novos traballos supoñen un custo engadido de 8.588 euros.

O proxecto da obra, dacordo coa información técnica dispoñíbel, contemplaba a retirada de tubaxe de fibrocemento da rede de abastecemento nos lugares onde existía constancia da súa existencia. Sen embargo, o iniciarse as obras, localizáronse outras tubaxes de fibrocemento antigas das que non existía constancia.

Á vista desta incidencia, os responsábeis de seguridade e saúde da obra activaron o protocolo especial de retirada de amianto, ao tratarse dun material cuxa retirada é perigosa para a saúde humana.

Esta suspensión da obra dende o mes de novembro conleva a ampliación do seu prazo de execución en 22 días.

A nova Praza de Bugallal triplicará a súa superficie, contará con novos espazos verdes, novo arborado de grande porte que achegará máis sombra, grandes xardineiras, bancos e mobiliario así como nova iluminación. Tamén está prevista a renovación das canalizacións de subministros soterrados de saneamento e soterramento dos cableados actuais.