15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoO Servizo de Igualdade do Concello de Tomiño atendeu máis de 160...

    O Servizo de Igualdade do Concello de Tomiño atendeu máis de 160 consultas no 2020

    O pasado ano atendeu a 31 mulleres que presentaban problemáticas directamente relacionadas coa violencia de xénero e a 40 usuarias en situación de vulnerabilidade

    O Servizo de Igualdade do Concello de Tomiño, desenvolvido pola Concellería de Benestar Social, Igualdade e Educación, presentou onte a memoria de actividade correspondente ao ano 2020. O organismo atendeu a 31 usuarias que presentaban problemáticas directamente relacionadas coa violencia de xénero, ademais de prestar asesoramento a 40 usuarias en situación de vulnerabilidade que por distintas cuestións —fundamentalmente conflitos relacionados co Dereito de Familia e con fillos/as menores a cargo— precisaron desta atención como xeito de traballar na súa autonomía e para a defensa dos seus dereitos e dos seus fillos e fillas.

    En total, tendo en conta que cada usuaria require de sucesivos trámites e que en moitas ocasións presentan diversas problemáticas, no ano 2020 rexistráronse máis de 160 consultas. O servizo inclúe asesoramento xurídico de balde e individualizado, elaboración de documentos e solicitude de prestacións a mulleres vítimas, entre outras xestións. Desde que se comezou a ofrecer este servizo en outubro do 2016 xa son 151 as usuarias que acudiron ao mesmo.

    Seguindo coas actuacións levadas a cabo en anos anteriores, dende a Concellería de Igualdade programáronse tamén distintas actividades para traballar a prol da Igualdade e contra a violencia machista. Deste xeito, ademais dos actos relacionados en motivo do 25 de novembro coa campaña Tomiño en Negro e do 8 de marzo, leváronse a cabo actividades como a proxección online do filme Tódalas Mulleres que coñezo, de Xiana de Teixeiro, obradoiros de prevención e detección da violencia de xénero para persoal de Servizos Sociais, Policía e Protección Civil, unha charla online da académica feminista Rosa Cobo Bedía na que participaron máis de 40 persoas e un obradoiro de competencias dixitais para facilitar o acceso ao emprego de mulleres desempregadas, impartido entre os meses de outubro e decembro.

    Tamén se está traballando na posta en marcha doutras iniciativas tales como a elaboración do IV Plan de Igualdade municipal, que será formulado de xeito participativo, mediante consulta a axentes sociais, organizacións e asociación municipais. Tamén se realizará unha avaliación do plan actual e farase difusión entre mozos e mozas da importancia dunha educación afectivo- sexual igualitaria, entre outras iniciativas.

    En palabras da concelleira, Cristina Martínez, “é unha obriga das distintas administracións, e especialmente da Administración Local por ser a máis achegada á cidadanía, facilitar os medios que garantan a igualdade real de dereitos entre mulleres e homes e polo tanto a loitar contra a desigualdade que aínda hoxe sofren as mulleres polo feito de selo, especialmente na súa máxima e máis brutal expresión, que é a violencia machista, e máis en contextos de crise como o actual, nos que non podemos esquecer que son as mulleres as que máis sofren as consecuencias económicas e sociais”.

    O Concello de Tomiño reitérese neste compromiso e recorda que o servizo de atención xurídica está dispoñible para todas as mulleres que o precisen. Anima tamén á cidadanía en xeral a participar naquelas iniciativas que poidan organizarse a prol da igualdade. Aínda que a situación sanitaria obriga a repensar o xeito de organizar moitas das actividades, o Concello continuará traballando neste ámbito co fin de acadar unha sociedade realmente xusta e igualitaria. Lémbrase tamén que o servizo de asesoramento xurídico atende os mércores de mañá e tarde, previa cita no teléfono 986 623 211. No caso de non ser posible o desprazamento, as mulleres que o precisen poden solicitar cita telefónica e serán contactadas pola profesional que as atenderá.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.