Un incendio consumiu por completo unha vivenda desocupada no concello pontevedrés de Redondela.
Arredor das nove da noite de onte, o 112 Galicia foi alertado por un particular, dende a Rúa da Plata, sobre unha casa abandonada da que se podía ver saír fume.
Nese momento, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informou aos Bombeiros de Porriño, á Policía Local de Redondela e aos membros de Protección Civil do municipio.
Xa no lugar dos feitos, os Bombeiros volveron contactar co 112 Galicia para solicitar apoio de máis medios de extinción debido a expansión das lapas na edificación. Por isto, foron alertados tamén o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e os Bombeiros de Vigo.
Finalmente, a Policía Local confirmou que a vivenda, de dúas alturas, ardeu na súa totalidade e que chegou a derrubarse a cuberta. Con todo, non houbo que lamentar danos persoais.