8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaCaballero lembra a Feijóo que pode "contribuír" á rebaixa das peaxes da...

    Caballero lembra a Feijóo que pode “contribuír” á rebaixa das peaxes da AP-9 porque foi o PP “quen prorrogou a concesión ata o 2048”

    O secretario xeral recorda que outras comunidades bonificaron autopistas estatais e que o PP e o BNG rexeitaron no Congreso “a rebaixa histórica” da AP-9 “retratando a súa inconsistencia e o seu cinismo”

    O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou onte Redondela para manter unha xuntanza coa alcaldesa, Digna Rivas, na que ambos analizaron a supresión da peaxe da AP-9 entre Vigo e a súa vila prevista nos Orzamentos Xerais do Estado e as demais bonificacións.

    De feito, Gonzalo Caballero resaltou que a rebaixa das peaxes da AP-9 que inclúen as contas do goberno de España é “histórica”, polo que lamentou que o PP e o BNG votaran en contra no Congreso dos Deputados destas bonificacións “retratando a súa inconsistencia e o seu cinismo”.

    Máxime, como dixo, logo que de fora o goberno de Aznar, no que tamén estiveron Feijóo, Rajoy e Ana Pastor, o que prorrogou a concesión desta vía. Precisamente por iso, porque “o PP é o partido responsable de condenar aos galegos e ás galegas a pagar pola AP-9 ata 2048”, debera ser o primeiro en recoñecer o compromiso do goberno socialista que eles non tiveron.

    Así pois, recordou a Feijóo que, se quere, el tamén pode “tomar medidas”, consciente de que comunidades como Aragón, A Rioxa, Cataluña ou Andalucía bonificaron peaxes en autopistas estatais. “Se Feijóo quere ter un mínimo de credibilidade, ten que contribuír dende a Xunta a rebaixar as peaxes”, remachou o líder socialista.

    Ademais, instou ao goberno de España e ao resto das administracións implicadas a “manter o control e a presión” sobre Audasa para que a concesión feita por Aznar “non sexa un cheque en branco”. Do mesmo xeito, o máximo responsable do PSdeG urxiu ao ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a desenvolver as negociacións para as bonificacións “coa máxima celeridade posible”.

    Así o dixo Gonzalo Caballero logo de contrastar os “máis de 63 millóns de euros” que inclúen os orzamentos do Estado para bonificar as peaxes da AP-9 cos “cero euros” que destina a Xunta a este fin. Ademais, resaltou, as bonificacións impulsadas polo goberno de Pedro Sánchez “teñen vocación de permanencia” máis alá deste ano 2021.

    Ao fío disto, subliñou que “aínda que parece que ao PP e ao BNG lle saen urticarias” polo feito de que sexa o goberno progresista o que rebaixe a AP-9, o certo é que a primeira reunión que Gonzalo Caballero tivo cun membro do gabinete de Pedro Sánchez foi co ministro Ábalos para abordar a situación desta infraestrutura.

    Demanda histórica

    Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou como “históricas” a eliminación da peaxe da AP-9 entre o seu concello e o de Vigo; unha cuestión longamente demandada e á que agora dá resposta o goberno de Pedro Sánchez.

    Neste punto, Digna Rivas agradeceu o compromiso do executivo progresista e reprobou ao exalcalde Javier Bas, hoxe deputado no Congreso, que votara “en contra dos veciños e das veciñas”.

    Máscaras de tela na Xunta

    Por outra parte, Gonzalo Caballero aludiu á falsa polémica aberta por Feijóo sobre o uso de máscaras FFP2, “unha cortina de fume para eludir as súas responsabilidades polo fracaso da estratexia Salvar o Nadal”.

    “Se esas máscaras son clave para a protección fronte á covid, por que leva meses distribuíndo máscaras de tela con publicidade da Xunta”, inquiriu o líder socialista, antes de esixir a Feijóo que se poña a traballar para “resolver os problemas de Galicia”.

    Tras deixar claro que asumirá, como fixo sempre con todas as normas e restricións, o que o comité clínico determine sobre o tipo de máscaras a empregar, Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo que deixe de xogar á “confusión” para non dar conta de por que non dispuxo axudas logo de pechar a hostalería, a cultura e o deporte e de reducir drasticamente a actividade do comercio.

    “Pedimos seriedade”, esixiu a renglón seguido, consciente de que “a cuestión fundamental” non é a máscara nin o feito de que Feijóo “anda cunha de tela a diario”, porque “en novembro a onda da covid estaba relativamente controlada coas mesmas máscaras”. “O que fallou foi a estratexia Salvar o Nadal, pero Feijóo non quere recoñecer os seus erros nin explicar por que non hai axudas”, concluíu.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.