Luns, 28 Xullo de 2025

Tomiño continúa coas obras de mellora dos seus camiños municipais

0

O Concello de Tomiño continúa realizando obras de mellora no conxunto dos camiños rurais dentro do Plan Municipal de Mellora de Asfaltados. Recentemente leváronse a cabo novas intervencións para o asfaltado das pistas de acceso ao Freixoal e á Silvosa, nas parroquias de Vilameán e Barrantes, así como no camiño de acceso aos viveiros no barrio do Tollo, en Goián.

En total a intervención supón a mellora a través do asfaltado de 978 metros no caso do acceso á Silvosa e o Freixoal e de 370 metros no camiño do barrio do Tollo. Estas obras, cun importe total de 46.320 euros, foron financiadas ao abeiro das axudas do Plan Marco 2020-21 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) para a mellora dos camiños municipais. A convocatoria esixe que as actuacións se desenvolvan en camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso a como mínimo dúas parcelas agrícolas ou unha instalación agrogandeira.

Todas estas obras teñen como finalidade mellorar as condicións de mobilidade, accesibilidade e circulación nas distintas rúas e camiños de Tomiño, co conseguinte incremento da seguridade viaria para peóns e automóbiles. “Nun concello disperso e cunha rede de camiños rurais que supera os 500km, manter unha axeitada conservación en todos eles supón todo un reto, polo que é importante contar con axudas para este fin, especialmente nun caso coma o noso”, comenta o concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto.

O Concello inviste 70.000 euros na mellora de estradas e no equipamento do parque de Pancenteo

0

O Concello continúa coas obras de mellora de estradas e instalacións en distintos puntos do Rosal. Así, durante as últimas semanas, leváronse a cabo varios traballos de renovación do firme e incorporación de novo equipamento cun investimento total de 70.000 euros que foron subvencionados ao abeiro do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. “Seguiremos traballando para conseguir que o municipio se atope nas mellores condicións posibles para o uso e desfrute dos rosaleiros e rosaleiras, porque investir en infraestruturas tamén e investir na calidade de vida da veciñanza”, salienta o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández.

A obra de maior importe foi a de asfaltado para a mellora parcial das estradas de Miranxe e Parada, na que se investiron máis de 40.000 euros. Tamén se procedeu á mellora da estrada Camiño do Fondal, en Marzán, que tivo un custo de case 24.000 euros. Xunto a estas obras leváronse a cabo os traballos de renovación do firme con asfaltado en frío en oito estradas e de acondicionamento con saburra noutras oito nos diferentes barrios.

Por outra parte, ao abeiro da mesma subvención, tamén se procedeu á colocación de novas varandas no parque de Pancenteo fabricados a medida para a zona. En total son 56 metros lineais de varanda lacada de cores galvanizada composta de tubos redondos e coas súas correspondentes chapas de ancoraxe. Esta mellora tivo un custo total de 6.000 euros.

A Xunta reanuda os exames de oposicións en marzo con todas as garantías sanitarias

A Xunta vai reanudar os exames de oposicións o vindeiro mes de marzo con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

As primeiras probas celebraranse o domingo 14 de marzo e terán lugar no recinto da Feira Internacional de Silleda en Pontevedra. Pola mañá realizarase o exame para o proceso selectivo do grupo A2 de Fisioterapia no que están convocados 404 aspirantes; e o do grupo A2 de Terapia Ocupacional/grupo II Terapeuta ocupacional con 417 persoas convocadas. A continuación, na quenda de tarde terán lugar as probas par ao grupo A2 de Enfermería no que están chamados a participar 719 aspirantes.

Probas con garantías sanitarias

As probas realizaranse no recinto feiral de Silleda con capacidade para 13.600 persoas e con todas as garantías sanitarias e total seguridade, unha vez que as autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a súa celebración.

As persoas aspirantes deben  acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns.

Ademais, en cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante. As persoas interesadas poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

Protección Civil, Policía Local e Bombeiros atenderon diversas inundacións

O desbordamento do río Louro en varios puntos ao longo do termo municipal, así como os problemas na rede de pluviais, causados polas fortes choivas caídas entre onte e esta mañá, provocaron varias inundacións.

112 Emerxencias Galicia así como diversos particulares requiriron a intervención de Protección Civil e Policía Local do Porriño así como do Parque de Bombeiros.

Segundo os informes, o río Louro desbordouse na Guía-Atios, na estrada de Pontellas a Torneiros, á altura da nave “Maderas Iglesias” e xunto ao velódromo.

Por outra banda, rexistráronse bolsas de auga en varias rúas dos Parques Industriais das Gándaras e A Granxa.  Tamén houbo inundacións na Casilla, nº 19; en Abelenda-Pontellas onde afectou un baixo comercial onde hai unha perruquería e en Eidos-Atios, 21 onde tamén afectou a unha vivenda.

Por outra banda, tamén foron requiridos pola caída dunha árbore no acceso á autoestrada AP-9 en Torneiros.

Segundo os datos da estación meteorolóxica de Atios da rede de “MeteoGalicia”, entre onte mércores e hoxe xoves recolleronse no Porriño máis de 100 litros de choiva por metro cadrado.

Onte iniciouse a vacinación das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, informaron que ao mediodía de onte comezaron as vacinacións contra a COVID-19 entre o persoal do Servizo de Axuda no Fogar, SAF, do Concello de Mos. En total serán vacinadas un total de 53 traballadoras. No día de onte recibiron a vacina un total de 30 traballadoras e nos vindeiros días vacinaranse as 23 restantes.

O motivo de facelo por tramos, tal e como explica o Concello de Mos, permitirá que no caso de que algunha traballadora experimentase algún tipo de reacción e non puidera acudir ao seu traballo, o servizo non quedara desprovisto de persoal.

O persoal do SAF é un dos colectivosmáis imprescindibles durante esta crise sanitaria para o Concello de Mos. Ademais de non ter interrompido a súa actividade laboral en ningún momento da pandemia, cubriron tamén desde abril de 2020 o SAF Temporal Extraordinario activado pola Xunta de Galicia “e nunca deixaron de prestar servizo nos domicilios das 114 familias ás que atenden, aínda que neles existise algún positivo por COVID-19”, sinala a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro. Para elo as traballadoras contan coa axuda e colaboración do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos e coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, que as acompañan aos domicilios para facilitarlles a colocación de todos os EPIs dos que teñen que ir provistas e á saída para a pertinente desinfección e retirada dos mesmos.

[su_image_carousel source=”media: 30552,30551,30550,30549″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, destacaron “a importancia fundamental deste colectivo de traballadoras que se volven imprescindibles en tempos como os actuáis, xa que moitos dos usuarios do servizo son maiores enfermos que viven sós, e sen elas quedarían desatendidos. Ademais ao ser Mos un Concello eminentemente rural, moitas familias elixen este servizo para garantir a atención aos seus maiores antes que un centro, por exemplo. De ahí a importancia de que se vacinen, para que estean protexidas no seu posto de traballo e na súa vida cotiá e poidan levar a cabo o seu vital labor con seguridade e tranquilidade para elas e para os seus usuarios”, concluíron.

Por último rexedora local e edil de Política Social insistiron no “importante papel que xogan as traballadoras do SAF nos Servizos Sociais Municipais e no gran vínculo e coordinación que manteñen coas Traballadoras Sociais deste departamento, para garantir que maiores e familias usuarios estean perfectamente atendidos cada día”.

A Xunta activa as axudas do II Plan de Rescate dirixidas a autónomos e microempresas, que poderán solicitarse a partires de mañá

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da liña xenérica de axudas -a dirixida a persoas traballadoras autónomas e microempresas-  do 2º Plan de Rescate co que a Xunta quere acompañar aos empresarios nesta nova fase da pandemia. A orde de axudas dirixida especificamente aos establecementos hostaleiros e outros negocios pechados polas medidas sanitarias desde xaneiro -como ximnasios ou parques infantís-, publicarase no DOG o próximo luns.

O segundo Plan de Rescate da Xunta está dotado con 75 millóns de euros, dos que 60 millóns corresponden á convocatoria publicada hoxe, e 15 millóns á liña específica destinada á hostalaría e negocios pechados. Desde novembro, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 160 millóns de euros a apoios directos ao tecido empresarial, posto que o primeiro Plan de Rescate estivo dotado con 86 millóns de euros.

Todas as axudas do segundo Plan de Rescate son complementarias e acumulables ata un máximo de 15.700  euros por negocio, e compatibles cos importes recibidos no primeiro plan. Deste xeito, un negocio que se beneficie de ambos programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un un máximo de 24.200 euros.

As persoas traballadoras autónomas e microempresas poderán solicitar os apoios desde mañá, e durante o prazo dun mes. Para acceder ás axudas deberán acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019.

Autónomos

Para os autónomos establécese unha escala que vai dos 1.200 aos 3.000 euros de axuda directa. As contías serán máis elevadas para os empresarios que teñan máis caídas na facturación. Así, establécese un baremo a partir de 1.200 euros para baixas na facturación de entre o 45% e 60%; 2.000 euros (entre o 60% e o 70%) e de 3.000 euros nos casos máis graves (caída do 70% ou máis).

Microempresas

Para microempresas e persoas traballadoras autónomas con persoal ao seu cargo, os apoios irán dos 4.000 aos 9.000 euros. Tamén neste caso adáptanse as contías en función das perdas: 4.000 euros (de -45% a -60%), 5.000 euros (entre -60% e -70%) e 6.000 euros (-70% ou máis). Estas cantidades incrementaranse de acordo co número de persoas traballadoras ao cargo, percibindo os empresarios 1.000 euros a maiores se contan de 4 a 9 empregados; 2.000 euros máis en negocios entre 10 e 20 empregados; e 3.000 euros con cadros de persoal de 21 a 25 persoas.

Novidades

Como novidade, o Goberno galego, por mor da situación económica da covid-19, permitirá que poidan acceder ás axudas as empresarias e empresarios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas (tributarias ou coa Seguridade Social). Nestes casos, a débeda non poderá superar o 80% da axuda a percibir e as persoas beneficiarias deben comprometerse a saldalas e  comunicalo no prazo de quince días. Os empresarios que estean ao corrente, percibirán a totalidade da axuda nun único pago.

Deste xeito, a Xunta responde ás peticións formuladas polos diferentes sectores afectados. Trátase dunha medida excepcional tendo en conta a situación actual, que facilita o acceso ás axudas públicas a negocios con pequenas débedas coa Administración, sen prexuízo de que teñan que cumprir coas súas obrigas tributarias e coa seguridade social.

O Goberno galego segue a acompañar con axudas directas aos empresarios que enfrontan con maiores dificultades esta fase da pandemia.  Cos apoios preténdese contribuír ao mantemento da súa actividade económica e do emprego. Por este motivo elimináronse requisitos respecto do primeiro plan. Aos autónomos non se lles pedirá acreditar prestación por cese de actividade e, no caso das microempresas non terán que ter ou ter tido ERTE desde o inicio da pandemia.

Dúbidas

A Xunta, ademais, para resolver calquera dúbida sobre este programa de axudas e outros plans da Consellería de Emprego e Igualdade ten activa a aplicación móbil (app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico [email protected] para informar en todo momento das novidades. A App pódese descargar para teléfonos con iOS na ligazón  https://apps.apple.com/es/app/gohu/id1458130660 e para Android en https://play.google.com/store/apps/details?id=com.nedaware.postall. Ambas as dúas ligazóns están dispoñibles na páxina web: www.gohu.es.  

A tramitación dos novos apoios realizarase unha vez máis de xeito áxil, con pouca burocracia, o que permitirá que os primeiros pagos cheguen en cuestión de días, antes incluso de que remate o prazo de solicitude, como ocorreu co primeiro plan.

O luns a Xunta completará a activación do 2º Plan de rescate, coa convocatoria no DOG da nova liña de axudas automáticas ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias (ximnasios, parques infantís, feirantes…), dotada con outros 15 millóns de euros. Ao ser compatible coas de autónomos e microempresas, a contía máxima a percibir polos negocios no segundo plan poderá elevarse ata os 15.700 euros.

O Concello do Rosal traslada a listaxe das persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar para a súa inminente vacinación

0

A Área de Servizos Sociais do Rosal ven de notificar á FEGAMP as listaxes das persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, tanto do servizo que executa o Concello de xeito directo, como do SAF Dependencia a través da empresa adxudicataria do servizo. Deste xeito O Rosal axiliza a vacinación deste grupo poboacional que está a traballar día a día en primeira liña con persoas de alto risco.

As persoas traballadoras de servizos asistenciais no fogar é un dos colectivos que, segundo o previsto no Plan Galego de Vacinación fronte ao SARS- Cov2, recibirán a vacina nos vindeiros días ou semanas, dado que están incluidos no grupo 3B da devandita estratexia.

Redondela non celebrará a feira do día 21 “ao non darse cambios significativos” na evolución da COVID no municipio

0

O Concello de Redondela non celebrará a feira do vindeiro domingo 21 de febreiro, ao non “darse cambios significativos na evolución da COVID-19 no termo municipal”. O responsable de Feiras e Mercados, Vicente Lamas e a alcaldesa, Digna Rivas, lembran que a situación de Redondela “segue a ser a mesma que hai dúas semanas, cando se suspendeu a feira do día 6”.

Alcaldesa e concelleiro lembran que por parte das autoridades sanitarias séguense a facer continuos chamamentos “a evitar aglomeracións de persoas” como unha das formas para diminuír a taxa de contaxios, polo que “non sería responsable permitir a celebración da feira do domingo cando as circunstancias seguen a ser as mesmas que hai dúas semanas”.

Cómpre salientar que Redondela segue no nivel máximo de restrición e con peche perimetral. A alcaldesa Digna Rivas insistiu en que é unha medida “que non nos gustaría ter que adoptar pero a seguridade e a saúde dos nosos veciños e veciñas, está por enriba de calquera outra consideración”.

Rivas subliñou que a intención do Goberno local “é permitir a celebración desta feira en cando as condicións sanitarias o permitan xa que é un elemento importantísimo para a dinamización económica do municipio” e amosou a súa esperanza que “os datos da baixada lenta de número de contaxios permítannos saír deste nivel de restrición máxima e recuperar, pouco a pouco, certa normalidade”.

Volve a baixar o número de casos activos por coronavirus en Galicia rexistrándose 10.908

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 10.908, deles 3.468 son da área da Coruña, 1.020 da de Lugo, 935 da de Ourense, 1.447 da de Pontevedra, 1.621 da área de Vigo, 1.351 da de Santiago e 1.066 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 180 están en UCI, 683 en unidades de hospitalización e 10.045 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 96.641 persoas curadas, rexistrándose 2.147 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.600.810.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 142.923.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O río Miñor rexistra un incremento significativo do seu caudal ao paso pola localidade de Gondomar

0

Nas últimas horas, o río Miñor presentou valores de caudal por riba dos limiares establecidos, polo que, desde o 112 Galicia, foron informados os servizos de emerxencias da zona para que adoptaren as medidas de prevención correspondentes.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Inungal co fin de realizar un seguimento e control sobre os distintos cursos fluviales, que nas vindeiras horas poden experimentar aumentos de caudal e provocar, polo tanto, desbordamentos puntuais.

De feito, o 112 Galicia tivo coñecemento, durante esta noite, de incidencias nos concellos de Gondomar, O Porriño e Oia, que estiveron relacionadas coa suba dos niveis de auga en regatos e ríos coa consecuente inundación de zonas lindeiras. Así, pasada a unha desta madrugada, o persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) interveu para aliviar un anegamento da estrada PO-552, ao paso polo concello de Oia, concretamente en San Xiao.

Ademais, en Mañufe, Gondomar, houbo un desbordamento que provocou a inundación da ponte romana sen causar danos.

Máis recente esta mañá, desde O Porriño, chegaron ao 112 Galicia avisos por anegamentos na estrada que une Pontellas con Torneiros. Segundo explicaron as persoas particulares que comunicaron os feitos ao servizo de emerxencias, o río Louro puido desbordarse e iso está a provocar dificultades na circulación por esta vía. Con todo, están informados os voluntarios de Protección Civil e axentes da Policía Local.

O Concello de Redondela adecenta o espazo dos xardíns da Xunqueira situado na traseira dos xulgados

0

A alcaldesa de Redondela Digna Rivas e o concelleiro de Parques e Xardíns, Alberto Álvarez, visitaron estaos xardíns da Xunqueira na zona situada na traseira do edificio dos xulgados, lugar onde o Concello realiza traballos de recuperación para dotar a Redondela dun novo espazo verde urbano para desfrute da cidadanía.

Como primeiro paso, colocáronse diversos elementos de mobiliario urbano como mesas e papeleiras e renováronse os bancos xa existentes. Rematada xa esta primeira fase, tal e como comprobaron a alcaldesa e o concelleiro, a vindeira semana iniciarase a colocación do céspede para que, unha vez rematada, as veciñas e veciños poidan contar cun novo lugar de esparexemento.

[su_image_carousel source=”media: 30558,30560,30559,30561″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Os traballos, tal e como explica a alcaldesa Digna Rivas, buscan “recuperar espazos infrautilizados no casco urbano de Redondela para poñelos a dispor da cidadanía e que conten con zonas verdes céntricas”.

Nese sentido, Digna Rivas e Alberto Álvarez, lembraron a recente posta en valor dos xardíns de Regojo, unha zona abandonada e degradada, “no que a maiores de ofrecer un novo espazo de lecer, faise unha homenaxe e recordatorio á historia industrial do municipio”.

Ponteareas ultima o lanzamento dunha web escaparate para a promoción do comercio local

A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ponteareas e a Federación de Comercio, Hostalaría e Servizos, Banastra, están a ultimar os detalles para a posta en marcha da plataforma escaparate do comercio local de Ponteareas, ‘Fai Ponte Con Nós’. Esta plataforma forma parte do plan ‘Dixitaliza o teu negocio’, que incluíu os pasados meses plans de formación e asesoramento individualizado para os comercios de Ponteareas e a planificación de estratexias empresariais adaptadas ao novo contexto.

Segundo indicou a Concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “esta plataforma escaparate para o comercio de Ponteareas está pensada para facilitar aos comercios a mellora do seu posicionamento online, e consta de catro grandes bloques. Poderase facer unha busca para atopar os locais que a clientela ten preto, visualizar o establecemento e contactar con el, así como localizalos a través da súa xeolocalización. Ademais, disporá dun bloque de actualidade que irá renovándose en función das novidades e iniciativas que afecten o comercio local de Ponteareas”.

O sitio web contará inicialmente con 58 establecementos divididos en catro categorías: comercio, servizos, alimentación e hostalería. A estes primeiros establecementos, participantes no plan “Dixitaliza o teu negocio”, irán sumándoselle máis nas seguintes fases, ata conseguir que todos os comercios e establecementos da vila que estean interesados en participar neste proxecto poidan aparecer nesta plataforma pensada para toda a veciñanza.

O obxectivo desta iniciativa levada a cabo pola Concellaría de Promoción Económica, segundo explica a concelleira nacionalista Eva Gil, “é desenvolver o potencial que ten todo o tecido empresarial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade”.

“Esforzo, traballo, tradición, ilusión e emprendemento son características comúns de parte da nosa veciñanza que loita cada día por manter vivo o pobo, por manter viva Ponteareas. E con esta plataforma o que se intenta e darlle máis visibilidade ao comercio local ponteareán”, indicou Eva Gil, que anima a todo o comercio de Ponteareas a participar neste proxecto totalmente gratuíto.

O Concello de Nigrán celebra a través de ‘Un Nigrán para todos’ o Día Mundial da Xustiza Social cunha xornada online

0

O Concello de Nigrán, a través do grupo de traballo sobre discapacidad  ‘Un Nigrán para todos’, celebrará o 20 de febreiro, Día Mundial da Xustiza Social, cunhas xornadas online dirixidas a abordar esta cuestión desde todos os seus ángulos. Os interesados en asistir telemáticamente poderán seguila en Youtube no enlace https://youtu.be/Z49231cmp-I (canal de ‘Un Nigrán para todos’).

Neste encontro virtual que arrancará ás 11:00 horas participarán expertos en ámbitos moi diversos para afondar nun tema que comprende desde o mundo da educación, ao deporte, o traballo, a linguaxe, a sanidade… Así, entre os conferenciantes estará o deportista Bernabé Costas, o arquitecto Alfonso Correa, o profesor de Dereito Jacinto Lareo, o experto en dereito enerxético Koldo Martín…

A celebración do Día Mundial da Xustiza Social busca erradicar a pobreza e promover o emprego pleno e o traballo digno, a igualdade entre os sexos e o acceso ao benestar social e a xustiza para todos. As persoas con discapacidade subliñan neste día o seu dereito a ser iguais en oportunidades e en exercer a súa liberdade e capacidade de empoderamento. “Todos debemos contribuír á erradicación da pobreza, a que exista unha igualdade de xénero, a promover oportunidades de emprego e desenvolvemento a toda a poboación e, en definitiva, a xerar unha sociedade de benestar pacífica e que respecte os dereitos de todos os seres humanos”, resume Juan González, alcalde de Nigrán e quen abrirá a xornada do sábado.

Mos proxecta a súa segunda pista de Skate

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Mocidade e Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron de que o Concello atópase inmerso na redacción dun proxecto de mellora da zona de San Rafael (parroquia de Pereiras) na que se ubica a pista multideporte.

O proxecto, cun orzamento que podería superar os 120.000 euros, inclúe a mellora do alumeado público con iluminación LED e a mellora da seguridade vial mediante labores de asfaltado, así como zona verde axardinada, construcción dunha nova pista deportiva e un Half Skate Park.

Deste xeito a parroquia de Pereiras pasaría a albergar a segunda pista de Skate do municipio, xa que Mos conta desde 2015 cun Half Park na zona do Multiusos das Pozas, parroquia de Petelos.

O Half das Pozas contruiuse grazas a unha subvención autonómica da Vicepresidencia da Xunta de Galicia de máis de 35.000 euros que se destinou á acometida de instalacións deportivas na zona das Pozas (parque e pista de Skate xunto ó Multiusos).

Agora, vista a crecente demanda de lugares onde practicar este tipo de deportes cada vez máis populares entre a xente moza, e o aumento da práctica deportiva ao aire libre que ofrece unha maior seguridade de prevención ante a COVID-19; desde a administración local mosense decidiuse apostar polo novo Half en San Rafael e rematar canto antes o proxecto técnico para así optar a axudas supramunicipais que poidan apoiar a súa execución.

Esta nova pista de Skate formaba parte dos proxectos incluídos pola rexedora local mosense e o seu equipo no programa electoral dos pasados comicios electorais. O camiño para converter a promesa en realidade xa está iniciado e a mocidade mosense poderá gozar do segundo Half Park do Municipio durante a presente lexislatura.

Salceda estrea o seu centro terapéutico

O Concello de Salceda de Caselas ven de estrear o seu centro terapéutico, ubicado na antiga escola de Vendanova, e que servirá para acoller as actividades de AFAGA no municipio. 

AFAGA atende a persoas diagnosticadas de alzheimer ou outras demencias, nun programa xestionado a través dos servizos sociais. Neste momento existen prazas dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden dirixirse a este departamento para tramitar a súa solicitude.

O Concello de Salceda realizou a primeira fase da recuperación do edificio dentro do Plan Concellos 2019, cun investimento de 61.058,77 €, e a previsión é a de poder realizar a segunda fase no Plan Concellos deste ano, para poder facer uso tamén da segunda planta do edifico e poder deste xeito ampliar os servizos que ofrecerá AFAGA.

O Concello de Salceda leva anos ofrecendo actividades para as persoas enfermas de alzheimer e outras demencias. Calcúlase que uns 200 veciños e veciñas de Salceda padecen algunha enfermidade neurodexenerativa, polo que este tipo de programas resultan fundamentais na procura do seu máximo benestar, proporcionándolles as ferramentas e o apoio necesarios a través dunha atención individualizada.

Juan Carlos Rodríguez, Presidente de AFAGA quixo poñer en valor o compromiso do Concello de Salceda coas persoas con deterioración cognitiva e as súas familias coidadoras, e  destacou o desenvolvemento de programas de prevención para toda a veciñanza, nun centro que será modelo de referencia en toda Galicia para a creación das unidades terapéuticas no rural.

Gela Ledo, Concelleira de Benestar Social, resaltou a importancia da atención aos colectivos máis vulnerables, como neste caso, con servizos que lle permitan manter unha maior auotonomía persoal.

Loli Castiñeira, Alcaldesa: “trátase dun proxecto que xa iniciamos na lexislatura anterior e que chega nun momento chave. Enmárcase dentro do proceso de recuperación de edificios municipais para destinalos a diferentes usos, neste caso a un colectivo tan importante como é o das nosas persoas maiores, que coa situación de pandemia que temos actualmente precisan máis que nunca esa atención”

O Concello de Nigrán pecha o seu primeiro entroido telemático de 36 grupos de conviventes participantes

0

O Concello de Nigrán pechou este mediodía o seu primeiro entroido telemático cun total de 36 grupos de conviventes participantes nesta iniciativa para poder festexar esta tradicional data na intimidade familiar e, polo tanto, sen risco sanitario. O reconto de votos ás 12:00 horas de hoxe no Facebook ‘Concello De Nigrán’ supuxo a elección como gañadores de ‘A Vacuna contra o Covid, xuntos podemos’, dos pequenos Anxo, Leo e Lois disfrazados de inxección, vacina e virus respectivamente (670 votos); ‘As tres maléficas’ coas nenas trillizas Lucía, Martina e Abril (588 votos) e ‘Thiago pan, letrilla y la pirata Firulais’  (465) subidos a unha embarcación de corsarios. Un representante de cada grupo pode acudir o martes 23 ou mércores 24 de 10:00 a 12:00 ao Concello a recoller  o seu premio: unha tablets e cadansúa cesta gastronómica típica do entroido.

[su_image_carousel source=”media: 30527,30525″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Estamos moi satisfeitos coa participación familiar nesta proposta do Concello e co sentido do humor coa que o tomaron as familias, gústanos especialmente terlle aportado un momento de divertimento aos pequechos da casa e a moitas entidades que aproveitaron o concurso para traballar o carnaval cos seus grupos burbulla”, sinala o alcalde, Juan González, en referencia a asociacións como Afaga, Autismo Vigo ou EVD-Galicia Muller e Discapacidade’.

No certame, dirixido a calquera grupo de conviventes, independentemente da súa idade e de onde residan, consistíu no envío entre o 12 e 16 de febreiro dunha foto disfrazados cun cartel no que figurase escrito o cartel  ‘Entroido telemático 2021-Concello de Nigrán’ que demostrase que o grupo tomou esa imaxe ex-profeso. O resultado é que as crianzas foron as grandes protagonistas, con temáticas moi variadas nas que non faltou un aceno á realidade sanitaria pero non faltaron clásicos como piratas, superheroes, rockeiros, mulleres rurais, trogloditas… ou máis orixinais como un disfraz sostible feito con material reciclado, un grupo de persoas en globos aerostáticos ou unha recreación de Jurasic Park.

“Ante a situación sanitaria decidimos organizar este certame para animar ás familias a que se disfracen cos seus pequenos, xa que non houbo o tradicional desfile escolar nin, por descontado, o concurso de comparsas organizado desde o Concello ou outras actividades”, explica o alcalde, Juan González, quen agarda que no 2022 se poida festexar con normalidade.

Enterro do kiko

Desde o Concello de Nigrán considérase celebrar o tradicional enterro do kiko co Centro Cultural Parada do Miñor en canto a situación sanitaria o permita con total seguridade, independentemente de que sexa durante o verán.  “É unha tradición de moita raigame en Parada que queremos que siga no 2021 aínda que sexa verán, o importante é desfrutalo”, subliña o rexedor. Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de máis dunha década de vida foi adquirindo sona e, desde hai xa catro anos, o kiko é transportado nun carro de bois desde o Concello ata Parada, onde é velado e incinerado nunha divertida cerimonia.

O Grupo Socialista urxe á Xunta “o reforzo das infraestruturas educativas” de Salceda de Caselas

A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamou ao goberno galego “que teña en conta as peticións de investimentos en Salceda de Caselas: infraestruturas educativas e sociais para as crianzas no Concello con un dos índices de natalidade máis elevado de Galicia”. Castro formulou ditas reclamacións na visita que hoxe realizou visitou ao municipio xunto ao portavoz do Grupo Socialista e secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, onde mantiveron unha reunión co Grupo Municipal Socialista local, encabezado pola súa portavoz, Verónica Tourón.

A responsable socialista lamentou o “desleixo” do Goberno galego coa situación do Concello, logo de que no último debate de Orzamentos “rexeitaran tódalas emendas presentadas polo Grupo Socialista” que incluían un proxecto de construción do novo CEIP, a reforma do CEIP Altamira, o comedor escolar e melloras no CRA Raíña Aragonta, así como, o novo proxecto para construír unha escola infantil Galiña Azul, ou a ampliación do IES Pedras Rubias e a implantación do bacharelato.

O Grupo Socialista incluía tamén xunto as anteditas peticións, a mellora das dúas estradas autonómicas que pasan polo municipio (iluminación, enlaces e urbanización no caso da zona de Tabernanova).

Castro explicou que o Grupo Socialista “continuará reclamando” estas actuacións a través do Parlamento durante o que queda de período de sesións, como ven facendo xa no eido educativo ou social, presentando unha serie de iniciativas como a construción da escola infantil Galiña Azul, que o Concello está a reivindicar dende 2018.

A tenente de alcaldesa e portavoz municipal socialista, Verónica Tourón, explica a Gonzalo Caballero a falta de investimentos da Xunta no municipio

Alertou a deputada socialista “da urxencia desta infraestrutura para a vila coa maior natalidade de Galicia, que só conta cunha única escola infantil pública, co que cada ano moitos nenos e nenas quedan sen praza e pasan a engrosar unha lista de espera que agora mesmo conta con 100 pequenos”. Esta situación, dixo, levou ao Pleno da Corporación “a aprobar por unanimidade en outubro unha iniciativa para pedir esta escola infantil”.

Sinalou que a educación “é un dereito que debemos de protexer sempre”, e acusou ao goberno galego de “permitir fendas ou desigualdades na educación por razóns de territorio, con alumnos de primeira e segunda categoría, en función de que vivan nunha das principais cidades ou nos concellos rurais”.

Ademais, Paloma Castro censurou o “cinismo” amosado polo Executivo autonómico, que logo de anunciar “a bombo e prato” unha Lei de Impulso Demográfico para loitar contra o despoboamento, a realidade é que “non actúan en consecuencia”. A realidade –afirmou– é que o Executivo “leva anos privando de servizos esenciais aos concellos rurais de forma progresiva, sinaladamente nos eidos da sanidade ou da educación”, como sucede neste caso en Salceda.

Verónica Tourón, portavoz municipal e tenente de alcaldesa do Concello de Salceda, subliñou que “as necesidades de Salceda son moitas e a Xunta non está a atender as demandas da nosa veciñanza”. Tourón denunciou a falta de investimentos en novas infraestruturas “como saneamento, unha escola infantil ou o centro de día, e nin tan sequera atende a mellorar as existentes que son da súa competencia”.

A portavoz do Grupo Municipal Socialista de Salceda afirmou estar “ante unha administración autonómica que deixa aos concellos do rural aparte da súa xestión”. “Non atende os servizos básicos como o ensino, o transporte, o saneamento, os servizos sociais… facendo que os Concellos asuman as competencias que lle corresponden a ela. En resumo, abandona unha parte da poboación de Galicia”, concluíu Verónica Tourón.

Milu Rodríguez: “A xente preguntábame se era marchadora e eu só levaba 15 días aprendendo”

0

A guardesa Emilia Rodríguez (coñecida por todos como Milu), corredora da Sociedade Atlética do Trega de Tomiño, proclamouse o pasado fin de semana campioa de España de 20km marcha na categoría Máster-45, obtendo tamén o récord galego ao ser a primeira galega da súa categoría en enfrontar esta distancia. Un fito máis no historial da deportista, que tamén ten o récord galego en 3.000 metros en pista e en 20km na categoría Máster-40, na que competía ata fai poucos meses, todo un palmarés para quen apenas leva tres anos competindo. Pero este talento parece ser cousa de familia: As súas fillas, Elisa e Marcela Morgado Rodríguez, compiten tamén nas filas do Atletismo Trega de Tomiño, sendo campioas galegas nas categorías de sub-14 e sub-16 respectivamente.

De onde nace a túa paixón polo atletismo?              

O atletismo en si comeza a gustarme desde moi nova grazas ao deporte escolar, xa que nos anos 80 comezaban a organizarse as primeiras olimpíadas escolares. Alí aprendín a correr e pode dicirse que o meu gusto polo deporte vén daquela época, xa que eu sempre era moi boa nos deportes, fose correndo, nadando… Debido ao traballo nunca podía dedicarlle moito tempo a isto e tamén por iso nunca competín, só saía a correr como unha actividade de lecer sen máis. Iso mudou cando deixei de traballar, penso que a frustración de non traballar me empurrou de novo a correr, foi a miña vía de escape.

Cando comezas a competir?

No deporte federado levo só tres anos, esta sería a cuarta temporada. A historia comeza porque as miñas fillas empezaron en atletismo no clube Trega de Tomiño. Elas comezaron a gañar nas carreiras populares e engancháronse do deporte da man do seu adestrador, Javi Sierpes. Javi ensináballes marcha alí aos nenos e a min  a modalidade pareceume moi curiosa desde pequena, era algo que adoitaba ver nas olimpíadas pola televisión. Atrevinme a probar e Javi animoume ir a unha carreira popular nos Cantóns na Coruña. A sorpresa foi cando comecei a deixar a todo o mundo atrás e todo o mundo me dicía “ti es marchadora non?” e eu só levaba 15 días aprendendo. Aí foi cando me enganchei (ri).

Foto de Iván Villar – Milu con Luis Manuel Corchete , onde acadou a marca mínima para ir aos xogos Olímpicos de Tokio

Cal é a clave do éxito?

A min dáme un subidón nas competicións cando o habitual é que a xente estea máis presionada nesa situación. Cando escoito o pistoletazo de saída saio como unha escopeta e véñome arriba. Moita xente adestra mellor do que logo compite e a min pásame todo o contrario, se fago unha marca adestrando, cando compito baixo 5 minutos ese tempo tranquilamente. A min os nervios e a adrenalina do momento actívanme. Evidentemente o adestramento é imprescindible, senón sería imposible.

Como che afecta a pandemia á hora de entrenar?

Eu vivo ás aforas da Guarda, cara a área das Loucenzas, e collo o carril-bici ata Oia, e adoito moverme nesa zona. Estes últimos 15 días que estaba preparando os 20km fíxoseme moi difícil ter que poñer a máscara. Foi moi duro, custábame moito estar todo o tempo con ela, doíame a cabeza, tiña ganas de vomitar… E menos mal que todo iso me colleu só nestes últimos 15 días antes deste campionato, senón non sería capaz de preparalo.

Cal é o seguinte paso?

A aspiración é seguir pasándoo ben, iso é o máis importante. Nós na categoría Máster, tanto homes como mulleres pasámolo moi ben. Non imos de cañas antes da competición pero si despois (ri). Temos moi boa relación. Eu levo só dous anos no campionato de España e a verdade é que te acollen como unha familia, como un clan. Por iso a miña aspiración e seguir estando nese grupo aínda que non se gañe, porque para min o importante é toda a xente que coñeces neste mundo, por iso non me imaxino deixando este deporte nun futuro a menos que teña unha lesión. Aínda que por outra parte, se as miñas fillas deixasen atletismo e se fosen a outro deporte como por exemplo o piragüismo, non descartaría en probar tampouco, eu con tal de coñecer xente e facer deporte xa estou contenta (ri).

O Concello prepara unha bolsa de axudas directas aos sectores económicos locais por un total de 140.000€

As comisións informativas municipais de Urbanismo, Igualdade e Economía prepararán a orde do día do próximo pleno da corporación local que abordará como asunto máis relevante a creación do fondo de axudas económicas directas para hostaleiros, comercio e autónomos afectados pola crise derivada da pandemia.

Dúas das comisións municipais celebraranse mañá xoves 18 pola tarde e por vía electrónica.  O luns 22 terá lugar o resto.  Entre elas, a comisión de Economía, que informará sobre a operación de crédito extraordinario que creará este fondo de axuda para os sectores económicos do Porriño máis afectados pola crise.  O importe total que se propoñerá será de 140.000 €, dos cales unha parte, 57.000 € corresponde á achega da Deputación, con cargo ao 1% do orzamento da institución provincial, e o resto págao o Concello.

A aprobación deste asunto levase ao pleno municipal a celebrarse o vindeiro día 24. Esa sesión estará presidida por Pedro Pereira como alcalde accidental. Por decreto Eva García cede temporalmente a alcaldía a Pereira Fernández, como consecuencia dunha baixa debido a unha intervención cirúrxica á que será sometida este xoves e a posterior convalecencia.

A Biblioteca do Rosal reabre as súas portas

0

A Biblioteca Pública do Rosal abriu hoxe, mércores 17 de febreiro, de novo as súas portas aos usuarios e usuarias. Tal e como establecen as autoridades sanitarias, esta instalación municipal reducirá o seu aforo ao 30% e continuarán aplicándose todos os protocolos de precaución establecidos.

Entre os protocolos contase co uso dunha única entrada pola porta lateral ou o emprego de máscara en todo momento. Ademais, será obrigatoria a desinfección das mans á entrada das instalacións co xel hidroalcohólico que estará a disposición dos usuarios e usuarias e respectar a distancia mínima de seguridade.

Tamén se retoma o servizo de préstamo de libros con todas as medidas de prevención estipuladas polas autoridades sanitarias. O horario de apertura será o habitual ata o de agora: luns de 15.30 a 20.30 horas e de martes a venres de 16.00 a 20.30 horas.

A Xunta reforza a atención á muller e as accións de prevención de violencia de xénero nas bisbarras de Baixo Miño, o Condado e a Paradanta

A Xunta de Galicia vai reforzar a atención á muller e o desenvolvemento de accións de prevención da violencia de xénero, fomento da conciliación e sensibilización na igualdade ao longo do presente exercicio nas bisbarras de Pontevedra e Caldas.

Estas iniciativas foron abordadas nunha xuntanza telemática celebrada esta mañá entre a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, coas responsables dos 17 centros de información á muller (CIM) da área territorial, na que se abordou o seu funcionamento e a posta a disposición de diferentes recursos por parte do Goberno galego para o presente ano.

Así, a Xunta seguirá sostendo axudas e recursos para a atención a vítimas de violencia de xénero, como as prestacións económicas, asistencia psicolóxica e xurídica, a través dos CIMs, así como a Rede de Casas de Acollida de Galicia entre outros recursos. Neste punto, concretáronse as novas iniciativas para previr e invervir ante a  violencia machista, como consecuencia da covid-19.

Ademais, tamén vanse reforzar os programas de conciliación da vida familiar e laboral e ábrese a posibilidade de establecer vías de colaboración nesta materia cos concellos ao tempo que se manteñen operativos os centros de acollida e se potencia a colaboración coa Rede Galega contra a Trata para atender situacións de especial vulnerabilidade.

O Plan de Reforzo tamén inclúe a ampliación do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, chegando a Xunta a asumir o 100% do seu custo, e a actividade, as 24 horas do día, da atención telefónica a través do número 900 400 273. Tamén permanecerá operativo o asesoramento xurídico en liña e as terapias de apoio piscolóxico, nas modalidades presencial, telemática e telefónica, para todas as mulleres, con especial relevancia para as vítimas de violencia sexual.

A Xunta destinou o pasado ano case 200.000€ ao mantemento de dous centros de información á muller nos concellos da Guarda e Ponteareas e tamén ao desenvolvemento de ata 16 programas de equidade, conciliación e sensibilización e de loita e prevención contra a violencia de xénero.

Axudas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero 2020 CONDADO-A PARADANTA-BAIXO MIÑO

EntidadeCIMConciliacionPrevenciónSensibilizaciónTOTAL
Arbo 8.121€ 6.921€15.042€
A Cañiza 4.052€  4.052€
Covelo   4.205€4.205€
A Guarda45.000€ 7.106€3.590€55.696€
Mondariz   8.000€8.000€
Mondariz-Balneario   5.915€5.915€
As Neves 12.000€ 4.000€16.000€
Oia   7.986€7.986€
Ponteareas38.765€ 8.000€ 46.765€
O Rosal   6.678€6.678€
Tomiño  8.000€ 8.000€
Tui 12.000€8.000€ 20.000€
TOTAL198.339€

O Concello de Mos informa da desestimación do recurso de apelación do procedemento xudicial polos recibos da auga falsos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informa de que foi desestimado o recurso de apelación presentado polo Concello o pasado 23 de novembro, sobre os presuntos delitos de suplantación de identidade e falsedade documental por parte da Comunidade de Montes de Tameiga no caso dos recibos falsos da auga, preparados para enviar por correo aos domicilios mosenses xusto antes das eleccións municipais de 2019.

O Xuzgado de Primeira Instancia e Instrucción Nº1 do Porriño entende, e así o expresa a Xuíz literalmente no auto de data 9 de febreiro de 2021, que “o documento falsificado en cuestión, dadas as súas características, nunca podería inducir a error aos seus destinatarios e que se trata dunha falsificación realizada de forma tan burda non pode considerarse un medio idóneo para obter un fin ou causar un dano, pois calquera pode darse conta da falsedade”.

“A Xuíz en ningún caso nega que sucederan os feitos”, volve a lembrar a rexedora local mosense “e con iso nos quedamos”. “Polo tanto queda claro que os feitos non foron unha invención nin unha montaxe miña para gañar as elección como dicían, senón que as cartas sí que foron unha montaxe da Comunidade de Montes de Tameiga”, sentenciou Arévalo.

Xa que o arquivo non ve indicios de delito pero sí recolle que estes feitos realmente sucederon ao estar demostrados polas cámaras de seguridade e as declaración do persoal de Correos. E para Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, “isto é o importante, que se recoñeza a veracidade dos feitos, agora se non son considerados delitos é outra cousa”.

O asunto foi tan grave que incluso se acusou á alcaldesa e ao goberno mosense de facer falsas acusacións e ter sido elaborada unha montaxe por parte do Partido Popular de Mos.

Desestimado o recurso, a rexedora local mosense quere pechar o lamentable capítulo dos recibos de auga falsos manifestando a súa convicción de “que se tratou dunha trama política contra min”. Trama que incluiu durante todo o ano 2019, nos meses previos aos comicios locais, a convocatoria de Asambleas na Comunidade de Montes de Tameiga e nas Comunidades de Augas, manifestacións, pancartas en vivendas (unha delas colocada nunha das casas das que partiron os recibos falsos), mentiras para xerar alarma social como que a auga de Pereiras estaba contaminada, e o colofón final previo ás eleccións: os recibos falsos.

O Concello de Oia xa solucionou o 95% das incidencias recibidas a través da app Línea Verde

0

O Concello de Oia ten solucionado o 95% das incidencias recibidas a través da aplicación Línea Verde, un servizo que permite á veciñanza comunicar desde o teléfono móbil calquera tipo de incidencia no ámbito municipal. As notificacións máis frecuentes son as relacionadas co estado da iluminación pública, seguidas das que teñen que ver coas beirarrúas.

Desde a posta en marcha da aplicación en Oia, a finais de 2018, foron recibidas un total de 1.335 incidencias, das cales o 95% están xa resoltas. O Concello manifesta a súa satisfacción polos resultados acadados e sinala que estas cifras reflicten dous feitos positivos: un incremento exponencial no uso da aplicación por parte da veciñanza e un alto nivel de axilidade na resposta municipal.

O Consistorio quere agradecer á veciñanza a súa implicación directa á hora de comunicar as incidencias, o cal permite mellorar o servizos que se prestan no municipio dando unha resposta máis rápida e detectando novas necesidades das que non se tiña constancia.

Principais incidencias rexistradas

As incidencias que se comunican en Oia con maior frecuencia teñen que ver especialmente co sistema de alumeado, seguidas das relativas a beirarrúas e calzadas. Outros rexistros habituais refírense á recollida de mobles, avisos por presencia de avespa velutina e servizos de limpeza.

Para poder empregar o servizo de incidencias de Línea Verde no teléfono móbil ou tablet cómpre descargar a app (a través Google Play/APP Store) e, unha vez instalada no dispositivo, seleccionar o municipio de Oia.

Para comunicar unha incidencia desde o propio lugar onde a persoa a atopa, hai que picar o botón “nova incidencia”, seleccionar o tipo de incidencia que se está a producir e, de forma automática, a aplicación detectará as coordenadas do punto. A partir de aí, a persoa usuaria debe subir unha fotografía e escribir algunha observación complementaria.

Unha vez enviada a incidencia, o persoal do Concello recibirá a notificación e comezará os trámites para solucionala. Pola súa banda, a persoa que rexistrou o aviso irá recibindo información puntual sobre os avances no estado da incidencia.

Línea Verde tamén está dispoñible nun botón específico dentro da páxina web do Concello www.concellodeoia.es ou ben no enderezo electrónico www.lineaverdeoia.es.

Ponteareas acolle a campaña ‘Únete ao reto’ que procura o fomento da reciclaxe en 15 concellos

O Concello de Ponteareas será un dos quince concellos galegos que acollan a campaña ‘Únete ao reto’, promovida por Ecoembes e a Xunta de Galicia. Esta campaña, que se levará a cabo durante os meses de febreiro, marzo e abril, procura o fomento da reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks.

O obxectivo do reto é que o municipio mellore a súa achega ao colector amarelo, comparado co mesmo período anterior. A concelleira de Medio Ambiente, a nacionalista Rosa Covelo, explica que “para levar a cabo unha boa separación de residuos é fundamental implicar á cidadanía. Separar correctamente en orixe implica unha maior recuperación do material a reciclar. Por este motivo é imprescindíbel que existan campañas de concienciación que expliquen a importancia da separación de residuos desde o momento en que os estamos xerando”, sinalou.

Os concellos participantes que melloren, cando menos, nun 10 % a súa achega ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) respecto ao mesmo período do ano pasado, conseguirán un premio dotado con 2.000, euros que terán doar a unha causa social local.

Para conseguir que os concellos superen o reto, están programadas unha serie de accións de comunicación coas que se pretende comprometer aos concellos e á cidadanía na mellora das cifras de reciclado de envases de plástico, latas e briks, nos seus respectivos municipios.

É por isto que durante os 3 meses de duración do reto, as entidades promotoras desenvolveran diferentes accións de grande impacto e poder de comunicación, como son a instalación de contedores amarelos xigantes e casetas, ou a planificación de intensas campañas informativas, coa finalidade de animar á cidadanía a participar á vez que se lles ensina como reciclar mellor.

En www.uneteaoreto.com atópase toda a información sobre como separar correctamente os residuos e será onde se publiquen os quilos recollidos cada mes de campaña en cada municipio.

En 2019, recicláronse máis de 1,5 millóns de toneladas de envases de plástico, latas e briks e envases de cartón en todo o territorio estatal. Grazas a esta porcentaxe, obtivéronse numerosos beneficios ambientais, como evitar a emisión de 1,67 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera ou aforrar 6,36 millóns de MWh. Asemade, aforráronse 20,74 millóns de metros cúbicos de auga.

Día a día baixan os casos activos por coronavirus en Galicia, hoxe rexíntranse 11.762

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 11.762, deles 3.676 son da área da Coruña, 1.086 da de Lugo, 1.020 da de Ourense, 1.539 da de Pontevedra, 1.826 da área de Vigo, 1.469 da de Santiago e 1.126 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 187 están en UCI, 737 en unidades de hospitalización e 10.818 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 95.465 persoas curadas, rexistrándose 2.138 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.592.668.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 138.668. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Deputación inicia a petición do Goberno local as obras de mellora da rúa San Xoán de Arcal

0

Persoal da Deputación de Pontevedra desenvolve, nestes días, traballos de mellora na rúa San Xoán de Arcal, traballos solicitados polo Concello de Redondela á administración provincial, ante o estado as numerosas deficiencias que presentaba esta vía, non só para o tráfico rodado, senón para a circulación de peóns.

O informe elaborado pola Concellería de Urbanismo, destaca especialmente os problemas que presentan as beirarrúas, con roturas en diferentes puntos, falta de continuidade e cun itinerario, con escalóns de ata 30 centímetros, que dificultan o tránsito peonil e, especialmente, o das persoas como mobilidade reducida. De feito, no que a mobilidade peonil atinxe, toda a cuneta dos números pares da rúa era aberta polo que non era transitable.

A maiores o informe destaca o mal estado do asfalto e a perigosidade dunha curva que ten excesiva pendente o que obriga aos vehículos a invadir o carril contrario coa inseguridade que esa circunstancia ocasiona.

Os primeiros traballos centranse la elevación das arquetas para recollida de augas para evitar asolagamentos e a limpeza das que están obstruídas. Cómpre salientar que algunhas delas atopábanse cubertas por asfalto dende hai anos e, polo tanto, inservibles para a función que tiñan que desenvolver.

Ao mesmo tempo, desenvólvense os traballos de mellora de beirarrúas de cara a mellora a accesiblidade e a comodidade das e dos viandantes e garantir a súa seguridade e, nesa liñas, estanse a colocar tubaxes nas cuneta para, posteriormente, poder cubrilas e facelas transitables.

A alcaldesa Digna Rivas, adiantou que xa cara ao verán, “acometeranse obras de mais calado” como e a rebaixa da inclinación da antedita curva de cara a facela máis segura así como o asfaltado da rúa para eliminar as fochancas e os numerosos parches producido pola realización de obras de condución.

Rivas, que agradeceu a rápida resposta da Deputación de Pontevedra, lembrou que estas actuacións inclúense nun plan de mellora global da rede viaria do municipio “para que veciñas e veciños poidan desprazarse cos estándares de seguridade e comodidade esixibles”.

A Asociación de Alfombristas de Ponteareas apoia a candidatura do mestre Rogelio Groba ao premio Princesa de Asturias das Artes

A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas vén de amosar o seu apoio á candidatura do mestre ponteareán, Rogelio Groba ao Premio Princesa de Asturias das Artes, un galardón que promove e difunde o patrimonio universal dos valores científicos, culturais e humanísticos. O Premio “sería un extraordinario recoñecemento para unha persoa que, como o mestre Rogelio Groba, manifestou ao longo de toda a súa vida un exhaustivo coñecemento e un profundo amor pola cultura musical, tanto polo seu recoñecemento no plano nacional, como para a difusión da súa riqueza patrimonial no exterior”. 

A proposta de presentación desta candidatura por parte da Xunta, “que nos trasladou a Orquestra de Cámara Galega, e a Fundación Rogelio Groba, supón un gran recoñecemento para este Fillo predilecto de Ponteareas, xa que o mestre Groba representa a máxima expresión da creación musical galega co catálogo de obras máis amplo e recoñecido de Galicia e destacado a nivel mundial”, sinala no seu comunicado a Asociación de Alfombristas que lembra que algunhas das súas composicións “foron interpretadas por orquestras de indubidable prestixio, tales como a London Symphony Orchestra, a Orquestra de Cámara de Stuttgart, a Orquestra Sinfónica de Galicia, o Coro Gätchinger ou London Voices“.

“Eses valores que enxalzamos na figura do mestre Groba e que son tan nosos, forman parte dun patrimonio inmaterial que nos diferencia como fillos de Ponteareas”. Salienta a Asociación que “a música é, do mesmo xeito que as nosas alfombras de flores, unha das credenciais de Ponteareas.  Este premio sería tamén un recoñecemento á gran tradición musical de Ponteareas”.

O comunicado da Asociacion de Alfombristas so Corpus Christi de Ponteareas remata convidando a todos os veciños e veciñas “a apoiar de forma activa (asinando a folla de apoio) esta candidatura do mestre Rogelio Groba ao premio Princesa de Asturias das Artes”. 

Vila Nova de Cerveira suspende toda a actividade cultural, deportiva e recreativa organizada ou apoiada polo Concello ata o 30 de xuño

Fronte á incerteza epidemiológica se pode dar nos próximos meses, o Concello de Vila Nova de Cerveira aprobou por unanimidade, na reunión deste luns, a suspensión de todas actividades culturais, deportivas e recreativas organizadas e/ou apoiadas polo Concello ata o vindeiro 30 de xuño de 2021.

Pasado xa un ano desde o inicio da pandemia da Covid-19, as indicacións da Organización Mundial de Saúde e as recomendacións das autoridades de saúde nacionais aínda van no sentido de evitar aglomeracións poboacionais, promover o distanciamento social e sensibilizar que o regreso á coñecida normalidade deberá ser feito paulatinamente e con moita precaución.

A diminución drástica de contaxios, explica o Concello de Vila Nova de Cerveira “só é posíbel co cumprimento rigoroso das regras sanitarias en vigor e a aplicación de restricións de desprazamentos e contactos”.

Lembra o Concello que ata o presente momento, non é posíbel que os epidemiólogos fagan unha previsión segura na diminución do número de novos casos e de falecementos ocorridos, “manténdose, por iso, a emerxencia de saúde pública e a situación excepcional en que todos vivimos, con repercusións directas e profundas o día a día das persoas e das empresas”.

Neste sentido, o Concello de Vila Nova de Cerveira informa da suspensión todos os eventos no concello até ao día 30 de xuño, sendo só permitida a realización excepcional da celebración online da Queima de Judas, da Conmemoración do 25 de abril e a Conmemoración do Centenario do Edificio dos Paços do Concello, “a través dunha cerimonia restrinxida, en rigoroso cumprimento das recomendacións da Dirección Xeral de Saúde”.

COGAMI reclama prioridade na vacinación do COVID-19 das persoas con discapacidade física e orgánica e persoas coidadoras

Ante a estratexia de vacinación fronte ao COVID-19, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) reclama prioridade para as persoas con discapacidade, uníndose así á campaña que lanza a Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE), entidade da que forma parte.

“É urxente protexer tanto ás persoas con discapacidade física e orgánica como o seu entorno familiar, asistencial e sociosanitario fronte aos efectos perigosos que supón infectarse por SARS-CoV-2”, explica o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen engade que “existe unha alta vulnerabilidade nas persoas con discapacidade por diferentes circunstancias de risco que fan necesarias que sexan o seguinte grupo a inmunizar na estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidade e da Comunidade Autónoma.”

Dende COGAMI considérase que se debe incluír no grupo prioritario de vacinación ás persoas con discapacidade física e orgánica de especial risco, con patoloxías ou condicións que lles afectan ao sistema inmune e presentan risco de enfermidade grave. Neste grupo estarían as persoas transplantadas, con inmunosupresión, enfermidades neurolóxicas, ELA, enfermidades renais, metabólicas, respiratorias, fibrose quística, con cardiopatías, con esclerose múltiple, enfermidades reumatolóxicas, artrite, Crohn, colite ulcerosa e coagulopatías, entre outras. Estes perfís presentan maior risco de contaxio e de desenvolvemento dun COVID-19 grave e con risco alto de mortalidade.

As persoas con maior grao de dependencia, profesionais que as atenden e as persoas con gran dependencia ou con incapacidade absoluta que precisen axuda dunha terceira persoa e non teñen valorado ou recoñecido o grao de dependencia III, deberían tamén de ser prioritarias na campaña de vacinación.

Para COGAMI resulta fundamental que se proceda a unha vacinación conxunta de persoas usuarias, das súas coidadoras profesionais e do servizo de asistencia persoal. Segundo explica Anxo Queiruga “tanto no caso de que se contaxien como se teñen que adoptar medidas preventivas de illamento, impactan directamente no coidado das persoas que requiren do servizo, habendo dificultade para cubrir estas baixas”.

As persoas que proporcionan coidados non profesionais a persoas con discapacidade, sendo estas responsables coidadoras/es e conviventes de nenas e nenos, que dependen do seu coidado e benestar, dende COGAMI estiman que deberían de vacinarse ao mesmo tempo as persoas con discapacidade e tamén as que as atenden porque un contaxio suporía un risco para as persoas que requiren do seu apoio.

Por último, e para evitar infeccións cruzadas no caso de enfermidades crónicas graves, COGAMI considera a vacinación nas unidades de referencia da patoloxía ou en hospitais de día para as persoas que reciben tratamentos nos hospitais sería a mellor opción.

AFAGA imparte en Baiona un programa de estimulación terapéutica para persoas maiores

0

O Concello de Baiona en colaboración con AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia) está a impartir un Programa de Estimulación Terapéutica para persoas con necesidades específicas do que se están beneficiando veciños e veciñas do municipio. Os talleres diríxense a persoas co obxectivo de desenvolver a estimulación cognitiva e funcional, ao mesmo tempo que se proporciona apoio aos familiares coidadores.

O Alcalde do Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca “o compromiso do Concello en proporcionar recursos á nosa poboación e dar continuidade aos programas, sendo unha resposta dos dereitos que a cidadanía demanda”.

Os talleres teñen lugar os luns e venres nas instalacións do Edificio Multiusos Anxo Bedriñana, Rúa Carabela Pinta número 9, en horario de mañá de 10:30 h. a 13:00 h.

Aquelas persoas interesadas en participar no programa poderán inscribirse ata completar aforo chamando ao teléfono 986 385 926 en horario 9 a 14.

Taller ‘Cultiva a túa mente’

O Departamento de Servizos Sociais, do que é responsable a edil Concepción Vara, dá continuidade a este programa iniciado no ano 2019, cunha acollida elevada e que continuou consolidándose no 2020.

Este ano “Cultiva a túa mente”, prolóngase afianzando a continuidade do mesmo. Impártese todos os luns e martes de 17:00 h a 19:00 h no Multiusos Anxo Bedriñana, está dirixido a maiores de 55 anos interesados no desenvolvemento activo e participativo, promovendo hábitos de vida saudables, mantendo un rol que facilita unhas mellores relacións sociais, a prevención da soidade, así como a independencia e a autonomía persoal.

Desde o departamento infórmase de que está aberto o período de inscrición para participar nos talleres ata límite de aforo. As persoas interesadas deberán chamar ao teléfono 986385926 en horario de 9 h a 14 h.

A Biblioteca Pública Municipal de Ponteare abre de novo hoxe mércores no seu horario habitual

A Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas informa que, seguindo as medidas establecidas pola Xunta de Galicia no DOGA do luns 15 de febreiro, hoxe mércores 17 volverá abrir ao público recuperando o horario habitual de 09:00 a 21:00 h.

A cabida máxima establecida é dun 30 % e respectando todas as medidas de seguridade como o uso obrigatorio de máscaras, ventilación nas súas salas, utilización do xel hidroalcólico e a consabida distancia de seguridade.

A Biblioteca de Ponteareas ofrece tres salas de estudo con 30 postos lectura, ademais dun catálogo de mais de 23.000 libros, servizos de microteca, hemeroteca e sala infantil.

Desta maneira o horario de apertura da biblioteca é de luns a venres de 09:00 a 21:00 h de maneira ininterrompida.

Dezaseis mulleres, doce relatorios e sete horas de debate enchen a edición máis potente do foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’

Dezaseis das mulleres máis potentes do periodismo local, nacional e internacional, entre elas xornalistas con premios Pulitzer e premios Ondas, directoras de medios ou xefas de sección, redobran a aposta da cuarta edición do foro “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, patrocinado pola Deputación e o Concello de Pontevedra, que neste 2021 volve ser telemático e chega, se cabe, con máis forza que nunca. As xornadas que naceron hai tres anos en Pontevedra da man das xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela, en resposta á ausencia de mulleres columnistas invitadas nun debate en León, regresarán os días 5 e 6 de marzo como a mellor antesala ás celebracións do 8M con sete horas de debate e un total de doce relatorios “para tomar a palabra nas redes”, con voces tan recoñecidas como Esther Palomera, Almudena Ariza ou Mar Cabra.

Tal e como expresou a presidenta provincial Carmela Silva “este é un acto de resistencia” e “unha das mellores ideas non só na nosa provincia e en Galicia, senón no conxunto do Estado porque foi quen de facer que todo o mundo mirara cara a esta provincia” e destacou que cada edición supera á anterior. Conxurouse para que esta sexa a última celebración en liña e subliñou que “é fundamental manter este tipo de iniciativas que reflexionan con miradas, con voces de mulleres potentísimas no eido da comunicación e amais facelo cada vez dunha forma máis ampla, falando de cuestións que afectan á humanidade e que precisan que haxa voces, escrita, palabras e posicionamentos da metade da poboación”. “Seguimos dando que falar –apuntou-. Porque as mulleres non só opinamos, senón que opinamos moi ben”.

Carmela Silva: “Este é un acto de resistencia e de denuncia e de optimismo, fundamental manter este tipo de iniciativas que reflexionan e falan de cuestións que precisan que haxa voces e posicionamentos da metade da poboación”

Carmela Silva tamén quixo reivindicar o foro como “un acto de denuncia, porque a situación non ten mellorado para as mulleres coa pandemia, todo o contrario, ten empeorado” e citou o caso da brecha salarial, os datos de desemprego feminino e o feito de que “as actividades e o tempo que temos que dedicar á nosa profesión e ao noso fogar ligadas aos coidados provoca un estrés insufrible que padecemos nós maioritariamente”. Engadiu que este ano, por exemplo, esta situación de empeoramento notouse no ámbito da investigación, “onde os papers das mulleres descenderon moitísimo e sen embargo aumentaron os dos homes, porque teñen máis tempo e o dedican a opinar e publicar as súas investigacións, mentres que as mulleres temos que dividirnos como sempre”. Pero concluíu cun mensaxe de optimismo, porque “as mulleres estamos aquí, seguimos opinando, reclamando e denunciando e poñendo unha mirada propia sobre o mundo que nos rodea”.

Pola súa banda o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores dixo que “é imprescindible seguir a visibilizar e denunciar publicamente a situación de discriminación en que se atopan as mulleres, e os e as responsables políticas temos a obriga de facelo, ao igual que os medios”, sobre todo tendo en conta que “no século XXI segue a haber negacionistas do machismo, ao igual que do fascismo ou o franquismo”. “Espero que haxa un seguimento grande de todos os debates, que sexan proveitosos e que signifiquen que no futuro teñamos unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa cos dereitos de todas as persoas, empezando polas mulleres, que teñen toda a razón do mundo en reivindicar esa igualdade”.

Miguel Anxo Fernández Lores: “ No século XXI aínda segue a haber negacionistas sobre o machismo, polo que é imprescindible seguir a visibilizar e denunciar publicamente a situación de discriminación en que se atopan as mulleres”

Relatoras

A xornalista Susana Pedreira, unha das promotoras do Foro, este ano incorpóranse novos temas e, deste xeito por exemplo estarán presentes a divulgación científica, “que ten máis forza que nunca”, así como o humor, o fotoxornalismo, “porque os e as fotoxornalistas durante o confinamento foron os nosos ollos”; a memoria e os podcasts. Pedreira referiuse tamén ao feito de que a celebración destas xornadas en liña está a permitir a creación dunha “biblioteca de contido on line na que as mulleres, a perspectiva de xénero e no noso caso o xornalismo son os protagonistas”. Deste xeito nesta cuarta edición enriquecerá ese fondo con outras sete horas de contido “que a xente vai poder ver en directo desde calquera lugar do mundo e que quedará almacenado na rede nas canles de Youtube tanto da Deputación como do Concello”. Engadiu que ata agora, as tres edicións anteriores superaron as 10.500 visualizacións das conferencias, que se sumaron á repercusión que tivo a cita nos dias de celebración e durante as emisións en directo. “A biblioteca que estamos a crear é como encher 24 veces o Teatro Principal; parécenos interesante seguir agrandando ese contido”.

Pola súa banda, Diana López Varela, que interviño telematicamente trala súa recente maternidade, destacou a presencia entre as relatoras de dúas premios Pulitzer, como son Mar Cabra, xornalista de investigación recoñecida polo seu traballo nos papeis de Panamá, e que vai falar do “tecnoestrés xornalístico”, así como de Susana Vera, primeira fotoxornalista española en acadar o citado galardón.

O foro ten tamén entre as súas participantes a dúas das máis prestixiosas mulleres do xornalismo en España: Almudena Ariza, correspondente con vinte anos de traxectoria, e Esther Palomera, especializada na análise política. Así mesmo, terán voz xornalistas especializadas no mundo musulmán, como Ebbaba Hameida e participarán tres directoras de medios: María Obelleiro (Nós); María Yáñez (Vinte) e Silvia Carregal (As Nosas). Estarán tamén as responsables da sección de Economía dos principais xornais galegos, Mercedes Mora (Voz de Galicia) e Lara Graña (Faro de Vigo). Pola súa banda, Pampa García Molina falará de ciencia, e o mundo do humor estará representado por Henar Álvarez, mentres que a primeira correspondente de xénero do diario El País, Pilar Álvarez, falará das novas responsabilidades con perspectiva de xénero e María Jesús Espinosa de los Monteros do mundo dos podcasts. Do eido local, as xornalistas Belén López e Montse Fajardo abordarán o tema da cultura e a memoria neste ámbito.

O debate poderá seguirse polas canles do Concello e a Deputación de Pontevedra pero tamén está aberta a inscrición para velo por Zoom a través das webs de ambas administracións (ata o 4 de marzo), no caso de querer intervir e facer preguntas ao remate dos relatorios.

O Concello do Porriño achega unha axuda de 60.000 euros ao Porriño Industrial

O concelleiro de Deportes do Concello do Porriño, David Alonso e a presidenta do Porriño Industrial, María Gracia Paniccia, asinaron hoxe o acordo polo que o Concello concede ao club porriñés unha subvención de 60.000 euros. No acto estivo tamén presente Mario López, coordinador de fútbol base.

O importe da achega municipal ao Porriño Industrial destinarase ao mantemento dos equipos base así como a sufragar parte dos gastos do equipo da Liga Nacional Xuvenil, mentres que o equipo da Rexional Preferente segue agardando a que se adopte unha decisión coa competición, condicionada polas restricións anti-Covid.

O Porriño Industrial conta con 15 equipos, dos cales 5 son femininos, e un total de 261 licenzas.

Neste ano 2021, o Concello do Porriño adica un total de 476.000 euros en subvencións aos principais clubs do municipio.

EU Ponteareas pide ao Goberno local que “aclare” a súa intención respecto á xestión da auga

Esquerda Unida quere que o Goberno de Ponteareas explique á veciñanza cal é a intención do executivo con respecto ao futuro da xestión do ciclo da auga no concello. Esquerda Unida lembra unha vez máis o compromiso adquirido por todos os partidos que están na corporación “de iniciar o proceso de remunicipalización da xestión da auga proposto por Esquerda Unida e aprobado por unanimidade na anterior lexislatura”.

Pola contra, explica a formación asemblearia, o sete de agosto do ano pasado o goberno municipal de Ponteareas resolveu contratar á empresa Lagares Oca a redacción da nova licitación do servizo de xestión da auga unha vez que o contrato con Viaqua estaba a piques de rematar o que para EU supón “un incumprimento do antedito acordo plenario”.

Posteriormente, no pleno do 30 de setembro de 2020, o goberno municipal aprobou a continuidade do contrato con Viaqua mentres non se resolvera o futuro da xestión. A partires de aquí –engade EU– “comezaron as evasivas por parte do alcalde tentando confundir á veciñanza dicindo que non estaba claro aínda o futuro da xestión cando xa contratara a redacción dun novo contrato de xestión cunha empresa privada” e aseguraba nun medio de comunicación “que o acordado en pleno non era iniciar o proceso de remunicipalización”.

Compre salientar que a proposta de EU aprobada polo pleno foi a da creación dunha comisión para determinar a forma de xestión máis sostible, pero Esquerda Unida salienta que “este era un trámite necesario para iniciar o proceso de remunicipalización”.

Unha vez pasados os seis meses do prazo que tiña a empresa para a redacción dos documentos do novo contrato, “o alcalde debería explicar á veciñanza de Ponteareas o contido dos mesmos”, conclúe EU.

A Guarda contará cun Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais (PMPDIF)

0

O Concello da Guarda acaba de recibir o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, e nas vindeiras semanas someterase a aprobación provisional, coa posterior exposición pública e audiencia dos interesados ( veciños e comunidades de montes) que poderán consultar e incorporar as alegacións que estimen pertinentes.

O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais elabórase, en cumprimento do establecido na Lei 3/2007, co obxectivo de definir a rede de faixas secundarias de xestión de biomasa, formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas.

O fin principal é o de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas, para iso é necesario ter as franxas definidas e poder requirir a súa limpeza aos propietarios. Os titulares das parcelas incluídas nesta rede de faixas secundarias, localizadas arredor dos núcleos de poboación, vivendas illadas ou edificacións están obrigados a xestionar a biomasa forestal.

A biomasa en ditas franxas deberá estar xestionada antes da finalización do mes de maio de cada ano, é dicir, sen eucaliptos, acacias, piñeiros, silvas, toxos, fentos, etc. favorecendo a descontinuidade vertical e horizontal destas. Dita xestión será de obrigatorio cumprimento polos propietarios destas parcelas e, no suposto de incumprimento, a administración pública competente, de oficio ou a solicitude de persoa interesada, enviará á persoa responsable unha comunicación no que se concederá un prazo de quince días para a execución da mesma, con apercibimento de execución subsidiaria con repercusión dos custos da xestión, e no seu caso, comiso das especies prohibidas, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador.

A elaboración deste plan xorde a partir da adhesión do Concello da Guarda no 2019 ó Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

Dúas mozas e tres mozos de Oia gañan con ‘Jamii’ o primeiro #SocialHack, o Hackaton do terceiro sector organizado pola Deputación

O proxecto de creación dunha plataforma para captar fondos e recursos creando comunidade a través da difusión das súas iniciativas sociais de xeito xeolocalizado foi a proposta coa que o equipo formado por Celso Gómez, de Oia, e Edu Castro, Jarold Lugo, Henar Alonso e Isa Alonso, de A Guarda, se fixo co primeiro premio do #SocialHack, o Hackaton do Terceiro Sector organizado pola Deputación de Pontevedra a través de Smartpeme.

A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto á deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, participou esta tarde na entrega telemática dos galardóns deste reto tecnolóxico, desenvolvido durante esta pasada fin de semana, no que participaron máis de trinta persoas de distintos puntos de Galicia, Madrid, Cataluña e Andalucía. Todos eles e elas concursaron en liña en grupos multidisciplinares, de entre tres e cinco persoas, para desenvolver a solución tecnolóxica máis innovadora cara ás entidades do terceiro sector. Na súa valoración, o xurado tivo en conta o grao de desenvolvemento das propostas, o deseño, a súa dificultade técnica e a presentación final. Todos os equipos que fixeron as súas presentacións subliñaron a importancia de traballar para colectivos e entidades que destinan o seu esforzo a axudar ás persoas que máis o necesitan.

Carmela Silva: “É fascinante que en día e medio tiñades dado respostas reais a necesidades reais tanto para dar ferramentas ao terceiro sector como ás persoas que atenden”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosouse asombrada pola riqueza de ideas presentadas polos oito grupos participantes, e destacou que este Hackaton do terceiro sector demostrou “que o mundo dixital está liderado por persoas e as persoas poden converter á tecnoloxía, aos sistemas binarios e as siglas en algo humano e que poden ser o instrumento para mellorar a vida das persoas, sobre todo das que máis o necesitan”. Subliñou que “hai unha demanda real aí fóra” sobre as cuestións plantexadas nas distintas propostas “e isto que tedes feito vai dar respostas”. Neste senso, destacou que tralo reto tecnolóxico, “saíron grandes plataformas, pero sobre todo máis humanidade, máis seres humanos que son capaces de poñerse a crear en día e medio para xerar este apoio”. “O mundo é mellor –dixo- cando somos capaces de algo tan potente e tan ben elaborado, de dar respostas reais a necesidades reais”. Carmela Silva destacou tamén o ambiente xerado de cooperación e humor na convocatoria, onde os e as participantes foron quen de “rirnos, desfrutar e crear equipos”. Silva anunciou que a Deputación tratará de implementar agora as ideas resultantes destas dúas xornadas, “e falar de como todo o que tedes creado se pode converter en elementos que faciliten a vida ao terceiro sector e ás persoas que necesitan disto. Temos que modernizarnos e ser capaces de ter respostas tecnolóxicas e falaremos a ver como o xestionamos”.

O equipo gañador, que con este primeiro premio obtivo 2.000 euros, conseguiu a máxima puntuación (12,1 puntos) do xurado coa proposta “Jamii”, consistente nunha páxina web que por unha banda permite realizar doazóns, participar en actividades de voluntariado, facerse socia/o de entidades, e tamén solicitar as súas axudas. A través da xeolocalización, a plataforma redirixe automaticamente aos proxectos máis próximos.

O segundo premio (1.000 euros) foi para o equipo formado por Carlos Rodríguez, Jaime Martínez, Alberto Fernández e Jesús Pérez, todos eles de Santiago, pola súa proposta Kune, que acadou 11,5 puntos na valoración do xurado. Consiste nunha plataforma que reforza a transparencia e a rendición de contas, co fin de responder a unha sociedade que demanda máis información e participación na toma de decisións. Nesta web cada usuaria ou usuario conecta coas entidades sociais que están acorde aos seus obxectivos para facer voluntariado ou colaboracións económicas. Para elo, as organizacións están clasificadas segundo os ODS da Axenda 2030 aos que responden e tamén se lles dá un certificado de transparencia.

Finalmente, o terceiro premio (500€) o foi para o equipo formado por Pío Iglesias, Rafa Rodríguez e Jose Sánchez, todos eles de Pontevedra e agrupados baixo a proposta HelpDepu (10,1 puntos). Trátase dunha plataforma web que serve de ponte entre a Deputación e persoas usuarias que buscan satisfacer unha necesidade. Na web hai un directorio de entidades sociais, categorizadas segundo o seu ámbito de actuación, e un formulario de contacto para que a xente envíe as súas consultas. No momento de enviar a mensaxe, a web dirixe a persoa a un listado coas entidades que detecta que lle serán de máis axuda.

Este primeiro “#SocialHack” enmárcase na programación de SmartPeme no marco da súa carteira de servizos para o terceiro sector, lanzada en xullo de 2020 e que ten o obxectivo de prestar formación e asesoramento tecnolóxico ás entidades sociais, fundamentais no desenvolvemento da provincia, para mellorar a súa eficiencia e capacidade de comunicación.

O concello da Guarda propón á rede Ágora o proxecto de humanización da Praza Nova

0

O concello da Guarda forma parte da rede Ágora da Deputación de Pontevedra que ten como finalidade gañar espazos peonís, conseguindo converter estes espazos en focos de atracción das persoas e configurar vilas e cidades amables.

Ante o anuncio da liña de axudas da Deputación para recuperar espazo público para ás persoas naqueles concellos que forman parte da rede Ágora. O concello da Guarda acollerase ao primeiro eixo da subvención, destinado ao financiamento de proxectos, cunha participación da Deputación do 90 %.

Dentro la liña marcada polo PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) que ven servindo de guía nas últimas actuacións de mellora da mobilidade urbana na Guarda, e tendo en conta tamén o plan de Accesibilidade do concello da Guarda. O alcalde, Antonio Lomba, solicitará a través da subvención mencionada financiamento para a redacción do proxecto de humanización da rúa Joaquín Alonso (Praza Nova).

Este proxecto posibilitará a urbanización da Praza Nova en plataforma única, permitirá a renovación de todos os servizos e recuperará para a cidadanía todo o espazo da rúa, eliminando o estacionamento e permitindo o tráfico para residentes, tal e como recomenda o PMUS.

Esta actuación ven a dar continuación a humanización do entorno da Igrexa parroquial que se executará en breve.

Gonzalo Caballero chama a “ser cautos” ante a relaxación das restricións, “e prioritario protexer á saúde e á xente”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, aludiu hoxe á situación de Galicia nesta terceira onda da covid para sinalar que, pese á caída no número de contaxios, a presión hospitalaria e nas camas UCI está aínda en niveis “moi altos”, polo que cómpre “ser cautos” e seguir as indicacións do comité clínico na desescalada das medidas.

“Todos estamos desexando a desescalada, pero é prioritario protexer á xente e a saúde”, subliñou o líder do PSdeG, tralo cal volveu garantir que “seguiremos sendo leais” coas medidas que saian do comité clínico. Iso si, incidiu en que todas a restricións deben ir acompañadas de apoios económicos para os sectores afectados.

Así, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que o peche total da hostalería, a cultura e o deporte en Galicia, xunto co recorte no horario dos comercios e o peche perimetral de cada un dos concellos o pasado 26 de xaneiro, foi “a rectificación” da Xunta tras o fracaso da estratexia “salvar o Nadal”, e criticou que as novas restricións non levaran aparelladas axudas para os negocios afectados.

“A día de hoxe non se publicaron no DOG as axudas prometidas”, recordou o tamén voceiro socialista no Parlamento de Galicia, para recalcar que “no que vai de 2021” o Diario Oficial de Galicia non recolleu “ningunha axuda”. “A Xunta vai tarde e mal”, subliñou, logo de recordar que recibiu fondos do goberno de España para apoiar a caída da actividade económica.

Valoración das eleccións catalás

En paralelo, Gonzalo Caballero amosou a súa satisfacción por que o PSC se convertese na primeira forza política nas eleccións autonómicas catalás, e felicitou a Salvador Illa polo resultado electoral, que supón tamén un aval á xestión do goberno do que formou parte como ministro de Sanidade.

Neste contexto, defendeu a conformación dun goberno de esquerdas en Cataluña no que “se prioricen ás persoas” e a busca da independencia “quede no pasado”. “Que a maioría de esquerdas posibilite que Illa sexa president é a mellor solución”, apuntou.

Ademais, nun contexto dunha abstención “histórica”, cuns dous millóns de votantes menos que nas anteriores autonómicas catalás, o máximo dirixente dos socialistas galegos chamou a “buscar pontes de diálogo e de reencontro entre cataláns dentro do marco da Constitución”.

“Esperamos que poida abrirse unha nova páxina en Cataluña lonxe da situación de tensión previa”, engadiu, consciente de que “cando un partido se salta as normas e as leis perde lexitimidade”. Por iso avogou por “reconducir as posicións políticas” cara unha vía “plenamente democrática” dentro do marco constitucional.

Finalmente, o máximo dirixente do PSdeG manifestou a súa preocupación polo sorpasso de Vox a Ciudadanos e o PP, que cae a “mínimos históricos”. “As posicións extremistas, sexan de ultradereita ou independentistas, non benefician á maioría”, concluíu.

Maica Larriba visita o paso fronteirizo de Tui para supervisar o protocolo de control na fronteira con Portugal

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acudiu esta mañá ao paso fronteirizo de Tui, situado na A-55, para supervisar o labor de control da fronteira que está desenvolver a Policía Nacional debido á situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Na súa visita estivo acompañada pola comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma.

O pasado 29 de xaneiro, o Ministerio de Interior aprobaba, a petición de Portugal, o restablecemento dos controis na fronteira interior terrestre con este país. Desde ese día, a Policía Nacional vixía este paso fronteirizo, o único que permanece aberto as 24 horas do día na nosa provincia.

Para facilitar a labor dos seus axentes, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de instalar unha caseta, así como dous baños portátiles. Larriba destacou que “estas instalacións permiten, xunto á marquesiña instalada polo Concello de Tui, mellorar as condicións de traballo dos efectivos do Corpo de Policía e facilitar as labores de vixilancia e control”. Neste sentido, a subdelegada agradeceu ao xefe da Demarcación de Carreteiras do Estado na provincia e ao alcalde de Tui a súa colaboración e traballo conxunto.

Larriba informou que nos dispositivos de vixilancia levados a cabo neste paso fronteirizo do 31 de xaneiro ao 14 de febreiro, controláronse 93.244 persoas e 55.114 vehículos. En total, durante este período, nos dous pasos fronteirizos que permanecían abertos ata o día de hoxe 97.809 persoas foron identificadas e 58.317 vehículos foron controlados.

Máis horas de tránsito e apertura dun novo paso

Durante a súa visita, Larriba comunicou tamén que desde hoxe o paso de Salvaterra de Miño estará aberto ao tránsito dúas horas máis cada día. Así mesmo, a subdelegada anunciou a apertura do paso fronteirizo de Arbo, que desde está mañá, e segundo a orde do Ministerio de Administración Interna portugués publicada este sábado, permanece activo no mesmo horario que o de Salvaterra. Deste xeito, ambos pasos estarán abertos das 7 h as 10 h da mañá e das 18.00 a 21.00 h, favorecendo así o tránsito de mercadorías e persoas entre ambos países.

O Concello da Guarda reuniu aos seus portavoces para apoiar a permanencia do emprego na fábrica IMERYS

0

O pasado mércores 10 de febreiro o alcalde, Antonio Lomba reuniuse na Casa do Concello cos portavoces dos grupos municipais do PP, GMS, BNG e Converxencia Galega. Nesta reunión trasladouse aos portavoces a contestación remitida por IMERYS (antigas Cachadas) á moción debatida no último Pleno, en relación as transformacións na produción que se están introducindo na fábrica e que preocupan aos traballadores.

Nesta reunión os grupos municipais valoraron o escrito remitido pola empresa e determinaron que o máis axeitado sería que o contido do escrito se plasmara nun documento de acordo, coas matizacións que sexan necesarias, entre o Comité de Empresa e a Dirección.

No escrito dirixido ao concello a empresa asegura que “Actualmente a sección HPC (colada de alta presión) está a funcionar a pleno rendemento e xa ten un volume comprometido nos próximos seis meses, o que permitiu á compañía aumentar a forza de traballo”. Así mesmo a empresa asegura que “ neste contexto de crecemento do volume a compañía está a adaptar de novo o mix de produtos da planta. A decisión de modificar esta mestura de produtos na planta non repercutirá no nivel de emprego, e polo tanto, non repercutirá en ningunha das familias que forman parte da nosa organización”

O que desexa o concello é a permanencia dos postos de traballo e a estabilidade da empresa cunha forte implantación na comarca.