8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas acolle a campaña 'Únete ao reto' que procura o fomento da...

    Ponteareas acolle a campaña ‘Únete ao reto’ que procura o fomento da reciclaxe en 15 concellos

    Os concellos que melloren nun 10 % a súa achega ao contedor amarelo lograrán un premio de 2.000 € para destinar a unha causa social

    O Concello de Ponteareas será un dos quince concellos galegos que acollan a campaña ‘Únete ao reto’, promovida por Ecoembes e a Xunta de Galicia. Esta campaña, que se levará a cabo durante os meses de febreiro, marzo e abril, procura o fomento da reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks.

    O obxectivo do reto é que o municipio mellore a súa achega ao colector amarelo, comparado co mesmo período anterior. A concelleira de Medio Ambiente, a nacionalista Rosa Covelo, explica que “para levar a cabo unha boa separación de residuos é fundamental implicar á cidadanía. Separar correctamente en orixe implica unha maior recuperación do material a reciclar. Por este motivo é imprescindíbel que existan campañas de concienciación que expliquen a importancia da separación de residuos desde o momento en que os estamos xerando”, sinalou.

    Os concellos participantes que melloren, cando menos, nun 10 % a súa achega ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) respecto ao mesmo período do ano pasado, conseguirán un premio dotado con 2.000, euros que terán doar a unha causa social local.

    Para conseguir que os concellos superen o reto, están programadas unha serie de accións de comunicación coas que se pretende comprometer aos concellos e á cidadanía na mellora das cifras de reciclado de envases de plástico, latas e briks, nos seus respectivos municipios.

    É por isto que durante os 3 meses de duración do reto, as entidades promotoras desenvolveran diferentes accións de grande impacto e poder de comunicación, como son a instalación de contedores amarelos xigantes e casetas, ou a planificación de intensas campañas informativas, coa finalidade de animar á cidadanía a participar á vez que se lles ensina como reciclar mellor.

    En www.uneteaoreto.com atópase toda a información sobre como separar correctamente os residuos e será onde se publiquen os quilos recollidos cada mes de campaña en cada municipio.

    En 2019, recicláronse máis de 1,5 millóns de toneladas de envases de plástico, latas e briks e envases de cartón en todo o territorio estatal. Grazas a esta porcentaxe, obtivéronse numerosos beneficios ambientais, como evitar a emisión de 1,67 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera ou aforrar 6,36 millóns de MWh. Asemade, aforráronse 20,74 millóns de metros cúbicos de auga.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.