O Concello de Redondela non celebrará a feira do vindeiro domingo 21 de febreiro, ao non “darse cambios significativos na evolución da COVID-19 no termo municipal”. O responsable de Feiras e Mercados, Vicente Lamas e a alcaldesa, Digna Rivas, lembran que a situación de Redondela “segue a ser a mesma que hai dúas semanas, cando se suspendeu a feira do día 6”.
Alcaldesa e concelleiro lembran que por parte das autoridades sanitarias séguense a facer continuos chamamentos “a evitar aglomeracións de persoas” como unha das formas para diminuír a taxa de contaxios, polo que “non sería responsable permitir a celebración da feira do domingo cando as circunstancias seguen a ser as mesmas que hai dúas semanas”.
Cómpre salientar que Redondela segue no nivel máximo de restrición e con peche perimetral. A alcaldesa Digna Rivas insistiu en que é unha medida “que non nos gustaría ter que adoptar pero a seguridade e a saúde dos nosos veciños e veciñas, está por enriba de calquera outra consideración”.
Rivas subliñou que a intención do Goberno local “é permitir a celebración desta feira en cando as condicións sanitarias o permitan xa que é un elemento importantísimo para a dinamización económica do municipio” e amosou a súa esperanza que “os datos da baixada lenta de número de contaxios permítannos saír deste nivel de restrición máxima e recuperar, pouco a pouco, certa normalidade”.