Mércores, 11 Decembro de 2024

Maica Larriba visita o paso fronteirizo de Tui para supervisar o protocolo de control na fronteira con Portugal

A subdelegada do Goberno comunicou que desde hoxe o paso de Salvaterra permanecerá aberto dúas horas máis cada día e o de Arbo permitirá o tránsito no mesmo horario.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acudiu esta mañá ao paso fronteirizo de Tui, situado na A-55, para supervisar o labor de control da fronteira que está desenvolver a Policía Nacional debido á situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Na súa visita estivo acompañada pola comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma.

O pasado 29 de xaneiro, o Ministerio de Interior aprobaba, a petición de Portugal, o restablecemento dos controis na fronteira interior terrestre con este país. Desde ese día, a Policía Nacional vixía este paso fronteirizo, o único que permanece aberto as 24 horas do día na nosa provincia.

Para facilitar a labor dos seus axentes, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de instalar unha caseta, así como dous baños portátiles. Larriba destacou que “estas instalacións permiten, xunto á marquesiña instalada polo Concello de Tui, mellorar as condicións de traballo dos efectivos do Corpo de Policía e facilitar as labores de vixilancia e control”. Neste sentido, a subdelegada agradeceu ao xefe da Demarcación de Carreteiras do Estado na provincia e ao alcalde de Tui a súa colaboración e traballo conxunto.

Larriba informou que nos dispositivos de vixilancia levados a cabo neste paso fronteirizo do 31 de xaneiro ao 14 de febreiro, controláronse 93.244 persoas e 55.114 vehículos. En total, durante este período, nos dous pasos fronteirizos que permanecían abertos ata o día de hoxe 97.809 persoas foron identificadas e 58.317 vehículos foron controlados.

Máis horas de tránsito e apertura dun novo paso

Durante a súa visita, Larriba comunicou tamén que desde hoxe o paso de Salvaterra de Miño estará aberto ao tránsito dúas horas máis cada día. Así mesmo, a subdelegada anunciou a apertura do paso fronteirizo de Arbo, que desde está mañá, e segundo a orde do Ministerio de Administración Interna portugués publicada este sábado, permanece activo no mesmo horario que o de Salvaterra. Deste xeito, ambos pasos estarán abertos das 7 h as 10 h da mañá e das 18.00 a 21.00 h, favorecendo así o tránsito de mercadorías e persoas entre ambos países.