8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoMilu Rodríguez: “A xente preguntábame se era marchadora e eu só levaba...

    Milu Rodríguez: “A xente preguntábame se era marchadora e eu só levaba 15 días aprendendo”

    A atleta Milu Rodríguez vén de proclamarse campioa de España de 20km marcha na categoría Máster-45

    A guardesa Emilia Rodríguez (coñecida por todos como Milu), corredora da Sociedade Atlética do Trega de Tomiño, proclamouse o pasado fin de semana campioa de España de 20km marcha na categoría Máster-45, obtendo tamén o récord galego ao ser a primeira galega da súa categoría en enfrontar esta distancia. Un fito máis no historial da deportista, que tamén ten o récord galego en 3.000 metros en pista e en 20km na categoría Máster-40, na que competía ata fai poucos meses, todo un palmarés para quen apenas leva tres anos competindo. Pero este talento parece ser cousa de familia: As súas fillas, Elisa e Marcela Morgado Rodríguez, compiten tamén nas filas do Atletismo Trega de Tomiño, sendo campioas galegas nas categorías de sub-14 e sub-16 respectivamente.

    De onde nace a túa paixón polo atletismo?              

    O atletismo en si comeza a gustarme desde moi nova grazas ao deporte escolar, xa que nos anos 80 comezaban a organizarse as primeiras olimpíadas escolares. Alí aprendín a correr e pode dicirse que o meu gusto polo deporte vén daquela época, xa que eu sempre era moi boa nos deportes, fose correndo, nadando… Debido ao traballo nunca podía dedicarlle moito tempo a isto e tamén por iso nunca competín, só saía a correr como unha actividade de lecer sen máis. Iso mudou cando deixei de traballar, penso que a frustración de non traballar me empurrou de novo a correr, foi a miña vía de escape.

    Cando comezas a competir?

    No deporte federado levo só tres anos, esta sería a cuarta temporada. A historia comeza porque as miñas fillas empezaron en atletismo no clube Trega de Tomiño. Elas comezaron a gañar nas carreiras populares e engancháronse do deporte da man do seu adestrador, Javi Sierpes. Javi ensináballes marcha alí aos nenos e a min  a modalidade pareceume moi curiosa desde pequena, era algo que adoitaba ver nas olimpíadas pola televisión. Atrevinme a probar e Javi animoume ir a unha carreira popular nos Cantóns na Coruña. A sorpresa foi cando comecei a deixar a todo o mundo atrás e todo o mundo me dicía “ti es marchadora non?” e eu só levaba 15 días aprendendo. Aí foi cando me enganchei (ri).

    Foto de Iván Villar – Milu con Luis Manuel Corchete , onde acadou a marca mínima para ir aos xogos Olímpicos de Tokio

    Cal é a clave do éxito?

    A min dáme un subidón nas competicións cando o habitual é que a xente estea máis presionada nesa situación. Cando escoito o pistoletazo de saída saio como unha escopeta e véñome arriba. Moita xente adestra mellor do que logo compite e a min pásame todo o contrario, se fago unha marca adestrando, cando compito baixo 5 minutos ese tempo tranquilamente. A min os nervios e a adrenalina do momento actívanme. Evidentemente o adestramento é imprescindible, senón sería imposible.

    Como che afecta a pandemia á hora de entrenar?

    Eu vivo ás aforas da Guarda, cara a área das Loucenzas, e collo o carril-bici ata Oia, e adoito moverme nesa zona. Estes últimos 15 días que estaba preparando os 20km fíxoseme moi difícil ter que poñer a máscara. Foi moi duro, custábame moito estar todo o tempo con ela, doíame a cabeza, tiña ganas de vomitar… E menos mal que todo iso me colleu só nestes últimos 15 días antes deste campionato, senón non sería capaz de preparalo.

    Cal é o seguinte paso?

    A aspiración é seguir pasándoo ben, iso é o máis importante. Nós na categoría Máster, tanto homes como mulleres pasámolo moi ben. Non imos de cañas antes da competición pero si despois (ri). Temos moi boa relación. Eu levo só dous anos no campionato de España e a verdade é que te acollen como unha familia, como un clan. Por iso a miña aspiración e seguir estando nese grupo aínda que non se gañe, porque para min o importante é toda a xente que coñeces neste mundo, por iso non me imaxino deixando este deporte nun futuro a menos que teña unha lesión. Aínda que por outra parte, se as miñas fillas deixasen atletismo e se fosen a outro deporte como por exemplo o piragüismo, non descartaría en probar tampouco, eu con tal de coñecer xente e facer deporte xa estou contenta (ri).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.