Persoal da Deputación de Pontevedra desenvolve, nestes días, traballos de mellora na rúa San Xoán de Arcal, traballos solicitados polo Concello de Redondela á administración provincial, ante o estado as numerosas deficiencias que presentaba esta vía, non só para o tráfico rodado, senón para a circulación de peóns.
O informe elaborado pola Concellería de Urbanismo, destaca especialmente os problemas que presentan as beirarrúas, con roturas en diferentes puntos, falta de continuidade e cun itinerario, con escalóns de ata 30 centímetros, que dificultan o tránsito peonil e, especialmente, o das persoas como mobilidade reducida. De feito, no que a mobilidade peonil atinxe, toda a cuneta dos números pares da rúa era aberta polo que non era transitable.
A maiores o informe destaca o mal estado do asfalto e a perigosidade dunha curva que ten excesiva pendente o que obriga aos vehículos a invadir o carril contrario coa inseguridade que esa circunstancia ocasiona.
Os primeiros traballos centranse la elevación das arquetas para recollida de augas para evitar asolagamentos e a limpeza das que están obstruídas. Cómpre salientar que algunhas delas atopábanse cubertas por asfalto dende hai anos e, polo tanto, inservibles para a función que tiñan que desenvolver.
Ao mesmo tempo, desenvólvense os traballos de mellora de beirarrúas de cara a mellora a accesiblidade e a comodidade das e dos viandantes e garantir a súa seguridade e, nesa liñas, estanse a colocar tubaxes nas cuneta para, posteriormente, poder cubrilas e facelas transitables.
A alcaldesa Digna Rivas, adiantou que xa cara ao verán, “acometeranse obras de mais calado” como e a rebaixa da inclinación da antedita curva de cara a facela máis segura así como o asfaltado da rúa para eliminar as fochancas e os numerosos parches producido pola realización de obras de condución.
Rivas, que agradeceu a rápida resposta da Deputación de Pontevedra, lembrou que estas actuacións inclúense nun plan de mellora global da rede viaria do municipio “para que veciñas e veciños poidan desprazarse cos estándares de seguridade e comodidade esixibles”.