A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Mocidade e Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron de que o Concello atópase inmerso na redacción dun proxecto de mellora da zona de San Rafael (parroquia de Pereiras) na que se ubica a pista multideporte.
O proxecto, cun orzamento que podería superar os 120.000 euros, inclúe a mellora do alumeado público con iluminación LED e a mellora da seguridade vial mediante labores de asfaltado, así como zona verde axardinada, construcción dunha nova pista deportiva e un Half Skate Park.
Deste xeito a parroquia de Pereiras pasaría a albergar a segunda pista de Skate do municipio, xa que Mos conta desde 2015 cun Half Park na zona do Multiusos das Pozas, parroquia de Petelos.
O Half das Pozas contruiuse grazas a unha subvención autonómica da Vicepresidencia da Xunta de Galicia de máis de 35.000 euros que se destinou á acometida de instalacións deportivas na zona das Pozas (parque e pista de Skate xunto ó Multiusos).
Agora, vista a crecente demanda de lugares onde practicar este tipo de deportes cada vez máis populares entre a xente moza, e o aumento da práctica deportiva ao aire libre que ofrece unha maior seguridade de prevención ante a COVID-19; desde a administración local mosense decidiuse apostar polo novo Half en San Rafael e rematar canto antes o proxecto técnico para así optar a axudas supramunicipais que poidan apoiar a súa execución.
Esta nova pista de Skate formaba parte dos proxectos incluídos pola rexedora local mosense e o seu equipo no programa electoral dos pasados comicios electorais. O camiño para converter a promesa en realidade xa está iniciado e a mocidade mosense poderá gozar do segundo Half Park do Municipio durante a presente lexislatura.