Sábado, 20 Setembro de 2025

Redondela organiza unha actividade de kaiak educativo-ambiental pola enseada de San Simón

0

A Concellería de Medio Ambiente de Redondela, dentro da posta en valor dos espazos naturais da rede Natura 2000, pon en marcha saídas en kaiak para coñecer e gozar dun espazo natural único no mundo.

A actividade

A actividade consiste na valoración da contorna natural de forma activa, disfrutando e navegando as súas augas, e mostrando todos os valores que posúen estas e os seus ecosistemas asociados a biodiversidade da enseada. Realizaranse paradas divulgativas na illa de San Simón, na batea, no illote das Corveiras, no monumento ao Capitán Nemo (tentando observar o bosque de zoostera ou sebe que se atopa nas inmediacións), e outras segundo as inquedanzas do público e as posibilidades da xornada.

Desta forma poderanse observar e coñecer de primeira man o valor deste espazo da Rede Natura 2000.

 A actividade estará dirixida por:

  • Un educador ambiental
  • Monitores de kaiak (que se encargarán do control do grupo, de axudalos a manterse unidos ao grupo, de remolcar aos usuarios que se cansen e de dinamizar e animar o servizo).

Normativa e seguranza

A actividade conta cos permisos necesarios para a súa realización, e o seguro de R.C. e póliza de accidentes con especificación de seguro de rescate.

Saída do Potro de Cesantes as 10:00 horas días 15 e 16 de maio.

Prezo da actividade bonificada: 15€

Venta de entradas na Casa do Concello, na oficina de turismo, no horario de 11:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 17:00 horas.

Tomiño avanza na implantación do Plan Revitaliza para fomentar a compostaxe en todo o concello

0

Tomiño continúa levando a cabo a bo ritmo a implantación da compostaxe no concello, dentro do Plan Revitaliza, impulsado dende a Deputación de Pontevedra.

Tal coma estaba previsto, neste primeiro semestre do ano estase completando o reparto dos composteiros individuais (1.858 entregados, de 3.000) e a instalación dos centros comunitarios (14 en funcionamento, de 16). E para seguir cerrando o ciclo dunha correcta xestión de biorresíduos, na que se obterá estruturante (restos de poda triturada) necesario para utilizar nos composteiros, ofrecerase á veciñanza un servizo de préstamo de trituradoras ou a opción de depositar estes restos en puntos verdes, creados en distintas parroquias en zonas delimitadas cunha cerca de madeira.

Para a xestión dos devanditos puntos verdes o Concello decidiu adquirir un camión con guindastre, do que a entrega tivo lugar a semana pasada por parte da empresa adxudicataria: Volvo Group España, SAU, cunha carga útil de 6.509 kg. e un custe de 126.445,00 euros, a cargo da subvención recibida da Deputación de Pontevedra.

Na primeira quincena de maio quedarán instalados os 10 puntos verdes previstos, tendo en conta as necesidades de cada parroquia, e logo da súa instalación e sinalización xa se poderán empregar pola veciñanza. Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, non se descarta instalar máis nun futuro, se hai demanda, ou anular algún punto se non se usa ou se usa de forma incorrecta. A partir da trituración dos restos de poda, obterase o estruturante, que poderá ser recollido neses mesmos puntos, para darlle uso nos composteiros individuais.

Asi mesmo, na segunda quincena deste mes entrará en funcionamento o servizo de préstamo de biotrituradoras que estará regulado pola ordenanza publicada no Boletín Oficial de Pontevedra a este efecto (BOPPO Núm. 80 do xoves, 29 de abril de 2021). “En Tomiño, en vez de comprar unha trituradora para a poda grande, que manexara o persoal municipal, apostamos pola compra de varias trituradoras pequenas que os veciños poidan pedir prestadas para fabricar o seu propio estruturante na casa. Será o persoal encargado de entregar a maquinaria o que indique as instrucións básicas de funcionamento das biotrituradoras”, comenta a concelleira, creándose asemade, unha guía de uso, que acompañará a máquina.

“Este servizo facilitará á veciñanza a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal, que poden supoñer ata un 10% do lixo domiciliario nos municipios máis rurais. Con elas poderase triturar restos leñosos procedentes de podas domiciliarias, ramas de árbores de froiteiras, viñas, árbores ornamentais e restos de xardinería”, comenta a concelleira.

Para poder empregar as biotrituradoras é preciso ser maior de idade, residente en Tomiño e estar dado/a de alta no servizo. Logo da solicitude, indicaráselle dende o concello a data e o lugar de recollida. O préstamo será dunha semana, coma máximo, e as retiradas e devolucións realizaranse, en principio, os mércores de 08:00 a 14:00 horas, salvo que se acorde outro día coa persoa usuaria.

Finalmente, estase a crear unha páxina web (https://revitaliza.tomino.gal/) adicada a compostaxe a nivel municipal, onde a poboación terá acceso a toda esta información e poderá ademais comunicarse cos técnicos/as do departamento de medio ambiente, para resolver dúbidas. “É unha nova ferramenta para que as veciñas e veciños de Tomiño podan ter información completa das accións que se están a desenvolver no marco de Revitaliza, así como acceder a utilidades, tales coma mapas interactivos onde consultar o composteiro comunitario correspondente en función do domicilio, ou o mapa de situación dos puntos verdes. Así mesmo, poderá solicitarse a reserva das biotrituradoras, aprender trucos e recomendacións de compostaxe, etc.

Nigrán abre o prazo de solicitudes para o segundo plan de rescate municipal á hostalaría e o taxi

0

O Concello de Nigrán, tal e como publica onte o Boletín Oficial da Provincia (BOPPO número 88) abre desde mañá e ata o 10 de Xuño o prazo para solicitar as axudas do segundo plan de rescate municipal ao sector hostaleiro e do taxi. O goberno local consignou a este fin 120.000 € do Remanente de Tesourería que se suman aos outros 120.000 € do primeiro plan, aos que se engadirán 60.000 € dun terceiro rescate municipal para outros sectores especialmente afectados pola crise sanitaria.

As bases deste segundo plan de rescate municipal son máis ambiciosas cas primeiras ao incrementar de 70 € a 400 € a axuda a cada taxista empadroado en Nigrán (sendo a axuda por cada vehículo ao seu nome e independentemente da localidade onde teña expedida a licencia, a diferencia da anterior convocatoria).

Por outra banda, no sector hostaleiro auméntanse o número de posibles beneficiarios dentro dun mesmo negocio. “Criterios como o empadroamento, localización do establecemento e domicilios fiscais foron revisados para poder de verdade chegar a gran maioría do sector do taxi e da hostalaría, dando así un paso máis”, resume González.

Así, segundo se contempla, as persoas beneficiarias son os autónomos ou empresas do sector hostaleiro afectados polo peche ou limitacións sanitarias de 2021 cunha axuda de 1.000 €; os desempregados sen prestación que tiveran un contrato neste sector entre o 20/10/2020 e a actualidade novamente con 750 € e, finalmente, os mencionados taxistas empadroados con 400 € por cada vehículo ao seu nome.

A principal novidade na restauración é que se teñen en conta como beneficiarios tamén aos autónomos colaboradores –independentemente da localidade onde desenvolvan o seu traballo, o requerimento é estar empadroado en Nigrán– e aos diferentes socios dun mesmo negocio situado no termo municipal de Nigrán. Como no primeiro plan de rescate, as axudas son compatibles con calquera outra concedida polas distintas administracións e mesmo coas anteriores do Concello.

A Xunta inicia os traballos da senda peonil na PO-404 no concello de Tui

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia comezou a execución das obras dunha senda peonil na estrada PO-404, entre os puntos quilométricos 1+760 e 1+820, no concello de Tui, unha intervención que conta cun investimento de 32.400 euros e cun prazo de execución de 2 meses.

Esta obra permitirá prolongar a senda no perímetro da glorieta da intersección da estrada autonómica co viario de acceso á depuradora de Guillarei, salvando un punto da estrada especialmente estreito. Esta glorieta foi executada pola Xunta no ano 2019, cun investimento de preto de 263.000 euros.

Estase a construír un treito de senda de 60 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 1+760 e 1+820, cun ancho mínimo de 1,5 metros. A intervención, que se executa no dominio público existente, inclúe un muro e sostemento dunha altura media de 1,5 metros.

A Fundación Menela inicia en Panxón a súa primeira etapa do Camiño pola Costa

0

Un grupo de usuarios do Centro Castro Navás  da Fundación Menela (Priegue) iniciou onte en Panxón a súa primeira etapa do proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’, acompañados de persoal especializado e de boa parte do goberno local de Nigrán. O grupo comezou a súa andaina desde o paseo marítimo de Panxón para chegar a Coruxo e, en outras cinco etapas máis (Vigo, Teis, Redondela e Arcade) agardan alcanzar Pontevedra o 27 de maio. O Concello de Nigrán apoia novamente esta segunda edición mediante unha subvención directa de 4.000 €.

“Volvemos a sentirnos peregrinos. Lo hacemos con mucha ilusión, con ganas de implicarnos en una vivencia que cambia la rutina de nuestro día a día (…) y anima al dejar atrás largos meses de restricciones”, sinalou ao inicio  Luís Eduardo González, usuario do Centro Castro Navás, quen confesou  que botarán de menos a moitos compañeiros de diferentes entidades e centros que si os puideron acompañar no 2019 no Camiño de A Guardia a Nigrán e que este ano, por motivos de seguridade sanitaria, non estarán. “Los esperamos con la mirada puesta en 2022”, sinalou en referencia a esa terceira edición, na que está previsto que alcancen Santiago. Igualmente, alumnos do CEIP Humberto Juanes mandáronlles un vídeo de ánimo e o grupo seguirá recibindo apoios ‘virtuais’ ao seu paso por cada municipio.

“Desde o Concello estamos encantados en colaborar con esta iniciativa á que xa nos sumamos no 2019 porque estamos plenamente concienciados coas necesidades especias das persoas con trastorno do espectro autista. Un Camiño accesible cognitivamente é tamén parte do noso programa ‘Un Nigrán para Todos’ no que participa a Fundación Menela, así que estamos moi orgullosos de que Nigrán, na súa variante do Camiño pola costa, sexa o punto de partida nesta edición”, incidíu o alcalde, Juan González, na presentación.

Ao abeiro do programa desenvolveranse outras accións complementarias que o enriquecen e o enchen de valor. Así, recoñecerase o labor e dedicación dos profesionais fronte a crise sanitaria e, adicionalmente, contribuirase na accesibilidade do Camiño Portugués da Costa mediante a sinalización de espazos con pictogramas (albergue de Pazo de Pías na Ramallosa, entre outros).

O GES da Cañiza contará cun camión cedido pola Xunta

0

O pasado 28 de abril o alcalde Luis Piña solicitou oficialmente á Vicepresidencia 1ª da Xunta a equipación necesaria para activar o GES, e o 3 de maio recibiuse no Concello notificación da Xunta para a cesión dun vehículo de emerxencias.

Segundo explicou o alcalde, tras aprobar esta mañá a sinatura do convenio, o novo vehículo, un camión bomba rural pesada, conta con tracción integral 4×4 e está dotado de todo o material necesario para acceder a zonas que presenten dificultades para intervir en incendios urbanos, forestais ou industriais. Por iso, con estas opcións, o seu uso é idóneo para actuar en áreas urbanas e rurais.

Cunha inversión cercana aos 200.000 euros, dispón de cisterna de auga de 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada que permite o lanzamento de auga en baixa a alta presión ou ambas de xeito simultáneo.

O GES da Cañiza creouse este ano no marco da Comisión de Seguimento de GES para reducir os tempos de resposta en situacións de risco e emerxencias no territorio da Paradanta e abarca aos concellos da Cañiza, Crecente, Arbo e Covelo, que ata agora pertencían a zona de Ponteareas. O grupo estará coordinado pola Axencia Galega de Emerxencias.

A Agrupación Musical de Goián dará un concerto na praza do Seixo polo Día das Letras Galegas

0

Co gallo da programación cultural prevista para o Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio a Agrupación Musical de Goián ofrecerá un concerto na Praza do Seixo. A actuación está prevista para as 12:00 horas e terá unha duración aproximada de 60 minutos.

Aínda que as previsións son boas, a realización do evento estará condicionada polas circunstancias climáticas, polo que en caso de choiva a actuación terá que ser cancelada. Para asistir ao concerto non será precisa a inscrición previa.

Redondela reestrutura os Servizos Sociais municipais “para reforzar e axilizar o servizo á cidadanía”

0

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Redondela, que xestiona directamente a alcaldesa Digna Rivas, será obxecto nas vindeiras datas dunha fonda reestruturación que permita “axilizar este servizo esencial e reforzar a súa capacidade de resposta ás necesidades da veciñanza”.

A reorganización deste departamento, non fai máis que reafirmar a aposta do Goberno local polos Servizos Sociais. “Ninguén fai uso deste servizo por gusto, senón que as persoas que o utilizan o fan movidos pola necesidade. É precisamente por iso que ten que ser un servizo áxil e que dea respostas a cada unha das necesidades que formula a veciñanza”, asegura Digna Rivas.

A creación de tres unidades técnicas (dúas en Redondela e unha en Chapela), permitirán a redistribución das usuarias e usuarios non só dos núcleos urbanos senón tamén das parroquias que poderán ser atendidas coa dilixencia que se espera dun servizo destas características. A esta mellora na capacidade de resposta, contribúe tamén a contratación de dúas traballadoras eventuais que reforzarán ao persoal xa existente e a ampliación dos días de atención ao público.

Todas estas medidas permitirán que o Goberno local poida poñer en marcha iniciativas que sempre foron consideradas como prioritarias como o servizo de teleasistencia de libre concorrencia ou a posta en marcha do Plan de Axudas Técnicas.

“Estas e outras medidas –afirma a alcaldesa– tiveron que ser adiadas no seu momento debido á urxencia que se presentaba coa crise sanitaria da COVID-19”. Unha vez que a crise sanitaria tende a estabilizarse “é hora de retomar os nosos proxectos de Goberno e entre os prioritarios no que atinxe ao reforzamento dos servizos básicos á cidadanía, están os Servizos Sociais”.

Galicia rexistra un total de 3.052 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.052, deles 702 son da área da Coruña, 216 da de Lugo, 231 da de Ourense, 484 da de Pontevedra, 888 da área de Vigo, 430 da de Santiago e 101 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 40 están en UCI, 151 en unidades de hospitalización e 2.861 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 118.803 persoas curadas, rexistrándose 2.395 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.141.995.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.479.985.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Amelia Tiganus presenta a escolares da Guarda o Cómic ‘Historia dunha Loita’

0

Os días 12 e 19 de maio, alumnado de 1º de Bacherelato do IES A Sangriña da Guarda participará na presentación do Comic ‘Amelia: historia dunha loita. Esta actividade, organizada polo Centro de Información á Muller(CIM) da Guarda, realizarase en horario de tarde no Centro Cultural de A Guarda, onde Amelia Tiganus, realizará esta presentación a través de videoconferencia.

Click para ampliar

O cómic “Amelia: historia dunha loita” basease nunha historia real que narra o verdadeiro rostro da prostitución desde a óptica de Amelia Tiganus. Este proxecto nace en forma de cómic xa que ler un cómic ofrece un acceso inmellorable a un determinado grupo da poboación máis moza que, co emprego doutros medios máis tradicionais, veríamos comprometido o obxectivo principal de chegarlles directamente e sen recelos, sendo un instrumento ideal para conectar da maneira más eficiente con este público.

Amelia Tiganus estivo hai dous anos na Guarda nun relatorio que se desenvolveu de forma presencial dirixido ao público en xeral e agora, para completar esta acción, decidiuse centralo na poboación máis nova a través da presentación deste cómic.

Amelia Tiganus é una activista feminista , nacida o 11 de marzo de 1984 en Galati, Rumanía. Vive en Euskadi, a súa xanela ao mundo desde a que puido reconstruír a súa vida e renacer despois de ter sido explotada sexualmente durante cinco años no Estado español.

Trátase dunha actividade financiada polo Pacto de Estado con cargo á asignación recibida do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero.

O CIM da Guarda adquiriu tamén exemplares deste Cómic para repartir de forma gratuíta entre as bibliotecas dos centros educativos da Guarda con alumnado de educación secundaria, Bacharelato e FP, así como para o punto lila da Biblioteca Municipal da Guarda.

Ponteareas cuadriplica o número de participantes nos obradoiros SmartPeme

A deputada de Novas Tecnoloxías, Ana María Mejías, visitou as tres oficinas de SmartPeme da Área, situadas en Vigo, O Porriño e Ponteareas, e constatou os datos dun avance que cualificou como “espectacular”. Durante a visita á oficina de SmartPeme en Ponteareas, que contou coa asistencia da alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, revelouse que rexistrou un total de 740 asistentes (un 421 % máis) aos 30 obradoiros que organizou durante 2020 cun crecemento porcentual que é o maior da área.

En canto ao número de asesoramentos individualizados realizou un total de 238, que supoñen 34 máis que o ano anterior. A día de hoxe xa son 177 as empresas que están na súa “carteira”, 23 máis. Os datos acumulados de Ponteareas indican que esta oficina realizou un total de 230 obradoiros formativos nos que xa teñen participado 1.639 persoas e realizou 852 asesoramentos. Un total de 582 empresas utilizaron os seus servizos.

SmartPeme, a rede de impulso empresarial a través do uso das novas tecnoloxías (TIC) creada pola Deputación de Pontevedra, non para de medrar na Área de Vigo. Os datos de 2020, primeiro ano da pandemia, revelan que o servizo creceu en tódolos indicadores e acumulou un avance do 96 % na asistencia aos obradoiros de formación (chegando ás 2.198 persoas), dun 44 % nas consultorías de asesoramento individualizado (con 1.597) e, finalmente, dun 27 % no número de empresas en “carteira”, alcanzando as 911, a meirande parte delas micropemes e persoas autónomas.

Vigo consolídase como a oficina con maior número de asesoramentos e tamén con maior número de empresas das sete existentes na provincia, seguida de O Porriño. Ademais, o 2020 pechouse cun destacado rexistro de asistencia aos obradoiros formativos organizados dende o punto SmartPeme de Ponteareas ao ter alcanzado as 740 persoas, catro veces máis que o ano anterior.

Ana Mejías explica que 2020 foi un ano récord para SmartPeme, que naceu en 2016 como ferramenta para o apoio tecnolóxico ás empresas da provincia que máis o necesitan. “A experiencia acumulada nos anos anteriores e a propia natureza deste servizo permitíronnos adaptarnos á situación derivada da pandemia”.

A deputada engadiu que dunha asistencia media de 8 persoas aos cursos de SmartPeme pasouse a unha media de 20 “gracias, sobre todo, á calidade da formación que se imparte e á desaparición da barreira da presencialidade para acceder a estes contidos”.

Mejías apuntou que as restricións derivadas da COVID19 “chegaron como un reto, pero convertéronse nunha oportunidade porque nos colleu moi preparadas/os”. Ademais destacou que a crise sanitaria provocou que moitas das persoas que anteriormente carecían de tempo para dedicalo á formación no ámbito tecnolóxico aproveitaran para poñerse ao día nun mundo laboral cada vez máis telemático e que chegou para quedarse.

Ana Mejías na visita ao centro SmartPeme do Porriño

A oficina de O Porriño rexistrou durante 2020 unha participación de 560 persoas nos obradoiros formativos organizados, o que supuxo un 47% máis que o ano anterior. En canto aos asesoramentos individualizados a empresas acometéronse 628, o que significa un 55% máis, convertendo á oficina porriñesa na segunda da rede. Cun total de 328 empresas beneficiándose dos servizos de SmartPeme, a de O Porriño é unha das sedes máis estables e cun crecemento máis sostido, pois arrancou en 2016 con 70 empresas. Os datos acumulados indican que se teñen organizado xa 260 obradoiros nos últimos catro anos que contaron coa asistencia de 2.251 persoas e prestáronse 1.973 asesoramentos individualizados a 1.171 empresas.

A oficina de Vigo superou tódolos rexistros anteriores alcanzando en 2020 un total de 898 persoas participando nos obradoiros de formación nas TIC aplicadas ao sector empresarial, o que supuxo un 51% máis. Neste ano realizou 731 asesoramentos a persoas emprendedoras (un 46% máis), converténdose así na máis demandada da provincia. O punto olívico conta xa con 406 empresas adheridas (68 máis), o que supón máis do 26% da “carteira SmartPeme” total da provincia. Dende a súa creación ano 2016 esta oficina impartiu xa preto de 300 obradoiros nos que participaron 3.289 persoas e realizou 2.229 asesoramentos a un total de 1.271 empresas.

A rede SmartPeme, creada en 2016 pola Deputación, conta cunha carteira de servizos que, ademais da formación e asesoramento na utilización das TIC, inclúe atención específica ás empresas dos sectores turístico e comercial e ás entidades sen ánimo de lucro do Terceiro Sector para impulsar solucións creativas no ámbito do benestar social. Ademais dispón do Centro Provincial de Economía Dixital (especializado nas últimas e máis disruptivas tecnoloxías) que opera dende o viveiro empresarial da Deputación en Barro.

Nova sesión de teatro en Ponteareas coa representación de ‘Clausura do amor’ a cargo de Cámara Negra Teatro

A Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas presenta, dentro do convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a obra Clausura do amor, a cargo do grupo Cámara Negra Teatro. A representación será o vindeiro sábado 15 de maio ás 20 horas na sala de usos múltiples do auditorio municipal de Ponteareas.

Clausura do amor, o texto máis representado do francés Pascal Rambert que foi traducido a máis de dez idiomas, chega a Ponteareas na súa versión en galego, interpretada pola actriz Teté García e por Xosé M. Esperante baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio.

“Esta adaptación foi recoñecida cos Premios ao Mellor Espectáculo e á Mellor Actriz na XXXI Edición do Festival de Teatro Galego Celso Parada Fetega 2020 e apostamos por ela, precisamente, por esas cuestións mais tamén, sobre todo, por estar protagonizada pola actriz Teté García, unha persoa que creceu e fixo boa parte da súa formación obrigatoria en Ponteareas” destaca o edil de Cultura, o nacionalista Fernando Groba.

Trátase dunha obra de resistencia física e emocional, onde os dous intérpretes se enfrontan ao final do amor. Deste xeito, o espectador asiste ao acto mesmo de clausurar o amor, de matalo en escena. Un duelo verbal que parte da dor, o medo e a liberación, a través de monólogos intensos e inmensos.

O prezo das localidades é de 4 €. As persoas interesadas poden reservar entradas até as 13 horas do venres 14 de maio no enderezo [email protected]. Ademais, pódense mercar, de xeito anticipado, o sábado en horario de 11 a 14 h e a partir das 18 horas.

O Monte Real Club de Iates renova, un ano máis, a Bandeira Azul

0

O Monte Real Club de Iates vén de renovar, un ano máis, a Bandeira Azul que distingue ao porto do club polo coidado ambiental das infraestruturas, a calidade das augas e a excelencia dos servizos náuticos.

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) incluíu ao Monte Real na lista de 11 portos deportivos de Galicia, 5 deles na provincia de Pontevedra, que obteñen este ano o distintivo de Porto Deportivo Bandeira Azul.

O club consolida así unha distinción que mantén, de forma ininterrompida –agás un ano–, desde 1988, cun programa ambiental específico que recolle actuacións relacionadas coa auga, os residuos, o consumo de enerxía, a seguridade ou a saúde, entre outras accións.

Ademais de no porto deportivo, en Baiona onderán este ano bandeiras azuis en seis praias: Barbeira, Concheira, Os Frades, Ladeira, Ribeira e Santa Marta.

O Concello de Salvaterra cambiará o alumeado no centro urbano para utilizar tecnoloxía LED

Esta semana arrancan as obras de cambio a led no centro urbano de Salvaterra de Miño contemplados nos proxectos Iluminación sostible nos BIC’S e Iluminación exterior sostible I que se enmarcar dentro do convenio de colaboración entre a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Salvaterra de Miño.

Os traballos contan co financiamento do 80 % do FEDER a través da Convocatoria de Axudas a Entidades Locais para proxectos singulares que favorezan o paso a unha economía Baixa en carbono do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, no marcco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

As obras contemplan a sustitución das lámpadas actuáis por outras máis eficientes de tecnoloxía LED, sustitución de luminarias por outras con maior rendemento e lámpadas de menor potencia de tecnoloxía LED, substitución de balastros electromagnéticos por electrónicos, instalación de reloxos astronómicos como sistema de control da iluminación en horarios nocturnos, instalación de sistemas de regulación de fluxo luminoso mediante pre-programación da luminaria para conseguir unha reducción do consumo da enerxía eléctrica da instalación reformada, en polo menos, un 30 % .

Esta actuación ten unha zona de alcance que comprende Rúa Miño, Ponte Internacional, Rúa Rosalía de Castro, Rúa Fonte da Vila, Rúa Galicia, Rúa Curros Enriquez, Rúa Raiña Dona Urraca, Rúa Marqués de Viana, Rúa Castelao e Recinto Amurallado de Salvaterra de Miño e conta cun investivento cofinanciado por fondos FEDER de 106.057,6 €, unha achega da Deputación Provincial de 12.393,20 € e unha achega municipal de 14.121,20 €

Nigrán continúa coa súa aposta polo comercio local lanzando os primeiros vídeos de #eusondecomprarennigran

0

O Concello de Nigrán continúa coa súa campaña de promoción do comercio local ‘Eu son de mercar en Nigrán. E ti de quen ves sendo?’ co lanzamento mañá ás 17:00 horas nas súas redes sociais do primeiro dos vídeos. Así, a estrea estará protagonizada por Amador Domínguez, propietario desde hai 17 anos do xa histórico establecemento Venus, situado no centro do municipio.

Ao longo dos vindeiros meses o Concello irá lanzando sucesivos vídeos de menos de 3 minutos de duración con cadanseu comerciante narrando a súa historia persoal ao tempo que invita a consumir localmente, xuntos representarán ao tecido empresarial do municipio ao ser de diferentes sectores e parroquias. A participación nesta campaña, que consta tamén de vallas, carteis, pegatinas, vinilos e bolsas de papel kraf, manterase ao longo de todo o ano e está aberta a quen desexe participar previa solicitude a [email protected]

“Como xa fixemos no Nadal, queríamos que os comerciantes de Nigrán fosen precisamente os protagonistas das iniciativas do Concello para promover o consumo de proximidade, nada mellor que eles para recordarnos que somos veciños, que o seu trato é cercano, que a riqueza se queda no pobo… etc”, subliña o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa colaboración para poder levar adiante esta nova campaña.

A iniciativa inclúe difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio, vinilos para escaparates, pegatinas, etc. –os non asociados a Ovalmi todavía poden adquirir o seu lote dirixíndose ao Concello, Oficina de Información Cidadá, de luns a venres de 9:00 h a 14:00 h. Todo o deseño é obra, precisamente, da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández e a empresa Ño! Espazo Creativo.

Amador Domínguez

Nesta primeira fase, un un total de vinte comerciantes aparecen na cartelería e agora en oito vídeos para recordar ao consumidor que non é preciso saír de Nigrán para mercar produtos da mellor calidade ou de gran singularidade. Así, se nos carteis participaron desde unha peixaría a un centro de estética, tendas de roupa, establecementos hostaleiros, bazares, un taller de rodas, unha mercería, perruquerías… nos vídeos sairán desde un centro de estética a unha parella de agricultores, un restaurador…

“Esta é a campaña municipal máis ambiciosa ata o momento, as anteriores tiveron moito éxito e queremos seguir apelando á responsabilidade individual para que as nosas rúas sigan con vida e para que superemos xuntos esta crise sanitaria e económica, por iso queremos poñerlle cara aos nosos veciños comerciantes”, insiste o rexedor

O Concello de Nigrán xa ten elaborado e difundido con anterioridade un decálogo que enumera os motivos para mercar no municipio: “Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Porque axudas as persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque aínda que agora o tape a máscara, sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas”.

Volve a ‘Clásica Álvaro Pino’ a Ponteareas

O gran fondo cicloturista que leva o nome do ilustre exciclista ponteareán volve a Ponteareas despois de 5 anos sen celebrarse e xa ten data oficial, o 3 de outubro. A marcha estrea un novo organizador, a asociación deportiva Plan C, en colaboración co Concello de Ponteareas.

A pesar dos anos a Clásica mantén todos os obxectivos e a esencia de anos anteriores: seguir sendo unha das referencias do calendario cicloturista nacional e, ao mesmo tempo, manter viva na memoria de todos a excelente carreira deportiva desenvolvida polo excorredor Álvaro Pino.

Trátase dun percorrido de 110 quilómetros, con saída (9:30 horas) e chegada a Ponteareas. Contará cun tramo inicial neutralizado e o resto a velocidade libre, pero tentando reagrupar aos corredores nos avituallamentos da Cañiza e Covelo tentando así evitar a dispersión.

A marcha pasará por 7 concellos –Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra–, terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, e pasará por 3 altos de montaña.

A presentación oficial da marcha terá lugar o 13 de maio, coincidindo co 35 aniversario da vitoria de Álvaro Pino na Volta a España, e contará coa presenza do ciclista. A organización, que estima unha participación de 400 corredores, quere destacar a importancia dos patrocinios para a celebración deste evento entre os que se atopan o propio Concello de Ponteareas, A deputación provincial, GDR Condado Paradanta ademáis de diversas empresas e comercios locais.

Novidades

Os primeiros pasos xa se están dando este ano, no que se estrea percorrido, “buscando unha maior beleza paisaxística e contribuíndo á promoción de novos enclaves da provincia de Pontevedra”, sinalan os organizadores.

O evento conta cunha páxina web www.clasicaalvaropino.com a través da cal se poderán realizar as inscricións a partir deste venres 14 ás 10 horas. Tamén contan con Facebook, Instagram e Twitter (@ClasicaPino) na que manterán informados a todos os participantes sobre o desenvolvemento da carreira.

Ponteareas acadou 10 dos 35 distintivos de calidade SICTED do Condado e A Paradanta

Na I Gala de Calidade Turística Condado Paradanta repartíronse 24 dos 35 distintivos de calidade do Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destinos (SICTED). Nove deles xa foron asignados o ano pasado e, ao posuíren unha periodicidade bianual, foron renovados de forma automática. Dos 35 selos, Ponteareas acadou dez, sendo seis de nova adquisición: tres para dependencias do propio Concello e sete para empresas que desempeñan o seu labor na vila do Tea. Os seis novos selos foron para o Museo Municipal de Ponteareas, o Punto de Información Turística de Ponteareas situado no edificio da biblioteca municipal, o Centro de Interpretación do río Tea (CITEA), a Confitería Ancla, a axencia de viaxes B The Travel Brand e a Adega Rubén. E mantéñeno, por un ano máis: a Coastine, a Xanela Gastronómica, a Casa da Urcela, a Casa do Cribeiro.

Así mesmo, fíxose entrega dos premios do concurso fotográfico GDR Condado Paradanta 2020. No que respecta ás persoas gañadoras, houbo tamén dúas persoas de Ponteareas que foron galardoadas: Diego Castelo, que gañou o 1º premio da categoría nocturna do xurado e o 2º da mesma categoría que outorgou o público coa fotografía “Camiño de estrelas”, así como o 1º premio da categoría diúrna do xurado con “Mar de nubes”; e Delicio Besada, que se fixo co 2º premio da categoría nocturna do xurado coa súa instantánea “Vía Láctea dende San Nomedio”.

[su_image_carousel source=”media: 36680,36679,36678,36677″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Cristina Fernández Davila, alcaldesa en funcións do Concello de Ponteareas, foi a persoa encargada de entregar os distintivos SICTED ás empresas locais. “É moi importante que se valoren e se visualicen todos aqueles recursos turísticos que posúe o noso municipio para dinamizar un sector, o turístico, que é tan potencial como descoñecido” sinala a rexedora. “Dende o Concello, agradecémoslle ao GDR Condado Paradanta o seu labor e todas estas consideracións e felicitamos ás áreas municipais distinguidas, a todas as empresas que acadaron ou manteñen os ditos emblemas e aos fotógrafos premiados”.

A gala realizouse no Balneario de Mondariz e foi presentada pola actriz e presentadora ponteareá Cristina Maró e amenizada pola cantante –tamén ponteareá– María Reirís. Contou coa presenza do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; do presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta, Juan Pablo Castillo; das alcaldesas e alcaldes que a el pertencen; por todas as persoas que representaban a todas as empresas premiadas; así como das persoas gañadoras do concurso fotográfico que convocou o GDR no ano 2020.

Salceda de Caselas completará a humanización de Fernández Sestelo

O Concello de Salceda de Caselas levará a cabo o proxecto de reurbanización da Rúa Joaquín Fernández Sestelo, no seu tramo entre o entronque coa rúa Compostela e a Praza da Devesa, completando deste xeito o proceso de humanización de toda a rúa, xa que nos últimos anos xa se ten actuado nos tramos entre a Praza do Concello e a Rúa Compostela, así como na zona da Praza da Devesa.

O proxecto conta cun orzamento de 150.652,93 € que foi xa presentado na solicitude do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, e que se iniciará unha vez o ente provincial comunique a súa aceptación.

Trátase dunha actuación que afectará a un total de 996,50 m2, co principal obxectivo de ganar espazo para o tráfico peonil garantindo deste xeito a accesibilidade universal nos espazos públicos, e facendo máis atractivo un espazo comercial coma este. A obra ademais incluirá a renovación do sistema de recollida de pluviais, así como da rede de saneamento e abastecemento, e suporá unha solución definitiva aos problemas de organización de tráfico existentes, nunha zona na que a diario se forman atascos por mor de aparcamentos irregulares en dobre fila. O proxecto incluirá unha zona verde de aparcamento que permita estas pequenas paradas de non máis de 10 minutos.

O equipo de goberno pretende completar deste xeito a humanización da principal rúa de entrada ao municipio, seguindo deste xeito o camiño de recuperación de espazos para o tráfico peonil iniciado no ano 2007, e que xa leva acometido numerosas actuación nas rúas do casco urbano: Praza do Concello, Victoriano Pérez Vidal, Avenida de Galicia, Rafael Tilve, Rúa Coruña, Rúa Compostela, Praza da Devesa, Rúa da Gándara, e a mencionada Joaquín Fernández Sestelo. Ademais trabállase xa nos próximos proxectos, que afectarán ás rúas Rollo e Vigo.

Miguel González, concelleiro de Mobilidade: “Salceda avanza na senda de traballo recollida no Plan de Mobilidade Sustentable. Estamos ante un proxecto fundamental por ser o de entrada a Salceda, completando deste xeito as actuacións de mellora da mobilidade no acceso á vila”.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda: “Seguimos o libro de ruta iniciado no ano 2007 de recuperación de espazos para as persoas e de transformación da vila. A nosa prioridade son os colectivos máis vulnerables, como o da infancia, a terceira idade ou as persoas con mobilidade reducida, e somos conscientes de que actuacións como a que agora imos executar e que se suman ás xa realizadas, contribúen a mellorar a calidade de vida e a autonomía persoal de todos estes colectivos”.

A Feira do Viño do Rosal retomará parte do seu carácter presencial

0

Concello e adegueiros traballan xa man a man para poñer en marcha unha nova edición da Feira do Viño do Rosal adaptada ás novas circunstancias. O obxectivo é recuperar parte do carácter presencial para celebrar a XXIX edición os vindeiros 16, 17 e 18 de xullo cun programa no que se combinarán retransmisións en directo a través de Internet con actividades ao aire libre “que devolverán parte da súa esencia a esta festa de interese turístico”.

Tendo en conta a evolución da situación sanitaria e as restricións que se prevén aínda vixentes durante a celebración desta nova edición da Feira do Viño, a organización traballará para implementar todas as medidas de seguridade necesarias nas actividades presenciais, que contarán, por exemplo, con limitación de aforo. “Un ano máis readaptámonos á realidade que estamos a vivir e apostamos por continuar facendo da nosa feira un evento singular, capaz de adecuarse á situación que estamos a vivir”, sinala a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.

Deste xeito, a feira continuará coa promoción do sector vitivinícola a través dunha experiencia innovadora e participativa con actividades “vinculadas á posta en valor do produto pero tamén á cultura, ao deporte ou a que nos permitan coñecer algo mellor as adegas da nosa vila. A feira converterase nun tributo aos caldos con Denominación de Orixe Rías Baixas subzona O Rosal na que saborear as distintas variedades destes viños, pero tamén nun evento co que a veciñanza poderá coñecer un dos sectores máis importantes da contorna e desfrutar de xornadas de lecer”.

Concello e adegueiros celebraron xa as primeiras reunións para pechar unha nova programación na que as actividades presenciais seguras convivirán con iniciativas ideadas para que miles de persoas poidan continuar desfrutando da Feira do Viño do Rosal a través de canles dixitais e de ferramentas como o vídeo ou o streaming.

Vive Nigrán inicia a súa campaña “vive sostible” en colaboración co Concello

0

A V Edición do Festival Vive Nigrán, impulsa accións de recollida e clasificación de residuos nas praias do Concello de Nigrán dentro da súa iniciativa “vive sostible”.

Desde o seu inicio, a organización de Vive Nigrán, tivo presente a necesidade de actuar con respecto ante a riqueza ambiental da contorna na que se desenvolve o festival. Medidas como fabricar vasos reutilizables, garantir a seguridade na zona dunar ou actividades para os máis pequenos con talleres de reciclaxe así o testemuñan.

Nesta edición e seguindo diversos obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, Concello e organización quixeron incrementar o seu compromiso programando varias actividades que poidan servir para concienciar á sociedade, por unha banda sobre a necesidade de reciclar, a importancia da conservación do mar e as súas especies e por outra banda para converter as nosas praias en espazos libres de plásticos.
VIVE SOSTIBLE exporá diversas accións que se irán desvelando aos poucos e que están vinculadas coa conservación, concienciación e responsabilidade ambiental (compensación de pegada de carbono, etc).

Os interesados que non poidan asistir a estas “xornadas de limpeza” poderán seguir colaborando, xa que o Concello de Nigrán pon ao dispor desta campaña de Vive Nigrán uno das súas peixes tragaplásticos situado na proximidade do Festival, onde se pode ir depositando os plásticos atopados. Con todo este material recolleito pronto desvelaremos unha acción moi especial na cal estamos a traballar.

O obxectivo de todas estas accións é facer ver que o problema dos residuos no mar é moi grave e compete a todos; e que, entre todos, cidadáns, festivais e institucións públicas, é necesario darlle a volta e achegar solucións.

O consumo de plástico na nosa sociedade creceu de forma vertixinosa nos últimos anos. Os datos sobre a cantidade de plástico que acabamos tirando, unha vez utilizado, son arrepiantes e extremadamente rechamantes. Unha realidade que está a converter os nosos fondos mariños en auténticos vertedoiros, especialmente de plástico, debido sobre todo á gran resistencia deste tipo de material, que pode perdurar durante séculos no fondo mariño

Tui celebra as Letras Galegas cunha edición en liña de “Tui Le” e coa XXII Feira do Libro Galego nas propias librarías

0

O Concello de Tui celebrará o Día das Letras Galegas cunha nova edición de “Tui Le” e da Feira do Libro Galego, adaptadas as actuais circunstancias sanitarias.  A autora homenaxeada este 2021, Xela Arias, será a protagonista do programa cunha conferencia de Marga do Val, e coa lectura dos seus poemas. Tamén haberá espectáculos infantís con Pablo Sánchez e Paporrubio e un concerto de MJ Pérez.

A programación comeza o venres cunha edición en liña de “Tui Le” na que colaboran as bibliotecas escolares tudenses e as Bibliotecas Municipais de Tui e de Valença. Este ano o programa que se poderá seguir a través de tui.gal e das redes sociais municipais recolle por unha banda a lectura dos poemas do libro de “Vento, ventiño, venteiro” de Antonio García Teijeiro polo alumnado de Infantil e Primaria dos CEIP’s nº1, nº2, Guillarei, Randufe, Rebordáns, Pazos de Reis e Caldelas, do CRA Mestra Clara Torres, do Colexio Santa María Maristas. O propio escritor, Antonio García Teijeiro, saúda aos e ás escolares dándolles as grazas polo lectura dos ser versos e os agasalla cuns versos da súa autoría de “Poemar o mar” Amais o alumnado do Seminario Menor San Paio e do IES San Paio. Recitan poemas de “Darío a diario” de Xela Arias.

O sábado, 15 de maio, ás 12.30 h na Biblioteca Municipal terá lugar a conferencia “Xela Arias no século XXI” a cargo da escritora Marga do Val, que foi compañeira de xeración e amiga de Xela Arias. Na súa charla abordará a traxectoria e obra poética da autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas deste ano.

O luns, 17 de maio, Día das Letras Galegas, terá lugar a XXII Feira do Libro Galego que este ano debido á pandemia cambiará o seu formato habitual na rúa para realizarse nas propias librarías participantes “Espazo Lector Nobel” e Iris” que abrirán en horario e de mañá e tarde ofrecendo un 10% de descontos nos libros en galego.  

Ao longo da xornada o Paseo da Corredoira, nun espazo habilitado con todas as medidas de seguridade e protocolo anticovid, acollerá distintos espectáculo cun aforo limitado a 80 persoas e para os que será preciso inscrición no lugar antes do comezo do espectáculo.

Ás 12.30 h o narrador Pablo Sánchez presentará “Os contos de Pablísimo” para público familiar. Ás 18.30 h Paporrubio presenta “Varietés do Animalario” un espectáculo de monicreques con música en directo. Por último ás 20.45 h a cantautora galega MJ Pérez,  ofrecerá un concerto con pezas do seu repertorio no que se inclúen adaptacións de obras poéticas en galego.

Amais coma cada ano a Radio Municipal de Tui realizará un programa especial con motivo do Día das Letras Galegas.

A concelleira de Ensino e Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, convida á veciñanza a festexar os día das nosas letras participando nas distintas actividades previstas.

Mos descubre os segredos medioambientais dos contos clásicos na primeira presentación do ciclo ‘Mos coa Lectura’

0

Onte pola tarde comezou o ciclo de presentación de libros de autores mosenses, ‘Mos coa Lectura’, presentando unha obra infantil cunha importante mensaxe de concienciación medioambiental enfocada desde a perspectiva do humor, autoría da veciña da parroquia de Petelos, concretamente do barrio da Porteliña, Miriam Campos Leirós.

E o fixo precisamente na Porteliña, onde se atopa ubicada a Biblioteca Municipal, xa que alí tivo lugar a presentación de ‘Los secretos de los cuentos clásicos (Archivos desclasificados)’ con ilustracións de Paloma Corral.

No acto Miriam C. Leirós estivo acompañada por Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Sara Cebreiro, concelleira de Participación Cidadá e Cultura e Turismo; así como polos edís de Educación e Deportes, Julia Loureiro e José Areal.

Sobre a autora

Miriam é mestra de primaria desde fai mais de 20 anos. Desde 2014 impulsa proxectos de sostenibilidade desde a educación reglada.

Ademais escribe como colaboradora no magazine dixital “El Asombrario” na sección de educación ambiental. E na actualidade exerce como coordinadora nacional do colectivo Teachers For FUTURE Spain que integra a máis de 2000 docentes.

“Un perfil o de Miriam C. Leirós moi vencellado á docencia e á infancia, o que a define como unha escritora con gran potencial para a literatura infantil, como así demostra en ‘Los secretos de los cuentos clásicos’”, declaraba sobre ela a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, ao realizar a presentación da autora.

Novos cursos de alfabetización dixital de balde na Aula CeMIT da Guarda

0

A Aula CeMIT da Guarda reinicia a súa actividade realizando cursos de alfabetización dixital, como a iniciación á informática, á mecanografía, ao procesador de textos e ao correo electrónico; ademais de outras formacións máis específicas, como o curso básico de xestión de redes sociais para negocios, dirixido a persoas emprendedoras ou que queiran iniciar un negocio, impulsando así a dixitalización das empresas locais.

Todas aquelas persoas que estean interesadas poden solicitar máis información e inscribirse na Aula Cemit da Guarda, no primeiro andar do Centro Cultural, chamando ao 986 61 18 50 ou no enderezo de correo electrónico [email protected]

Todos os cursos son de balde e, debido á limitación de aforo pola pandemia e a demanda, poderán realizarse varias quendas.

Sobre a Rede CeMIT

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. O concello da Guarda manten a aula CEMIT en funcionamento grazas a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego.

Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.

Arranca o programa DepoRúARTE con iniciativas para loitar contra o cambio climático

A Deputación de Pontevedra dá o pistoletazo de saída ao programa “DepoRúARTE” con iniciativas para loitar contra o cambio climático en ata cinco centros educativos da provincia. “DepoRúARTE polo clima: pensando no 2030” estenderase ata o 2022 e desenvolverase en cinco institutos de secundaria, no IES de Poio,  Gondomar (IES Terra de Turonio), Marín (IES Illa de Tambo) Silleda (IES Pintor Colmeiro) e Soutomaior (IES de Soutomaior).

A primeira parada terá lugar este mércores, 12 de maio, no IES de Poio, cunha xornada de concienciación ecolóxica na que participará un grupo de 16 alumnas e alumnos de 4º de ESO, e completarase, a finais de mes, cunha acción artística nun dos muros do centro. Nela, afondarse sobre a vida submarina a través de dúas sesións. A primeira delas, este mércores, durará aproximadamente tres horas e consistirá nunha actividade de sensibilización sobre a necesidade dunha transición ecolóxica. A segunda sesión, prevista para o 25 de maio e tamén durante tres horas, consistirá na intervención artística colaborativa nun dos muros das instalacións do centro educativo e partindo da temática elixida polo alumnado (vida submarina).

Ao longo destas sesións, no IES de Poio afondarase sobre a importancia dos océanos e a xestión prudente deste recurso para garantir un futuro sustentable. Así, ampliaranse contidos sobre as precipitacións, a auga potable, o clima, o tempo, as costas, a alimentación ou o osíxeno que respiramos. Tamén falarase, entre outras cuestións, sobre o deterioro das augas costeiras debido á contaminación e á acidificación dos océanos e os seus efectos na biodiversidade.

O programa “DepoRúARTE polo clima: pensando no 2030”, cuxa segunda parada está prevista para este mesmo mes de maio no IES de Soutomaior, desenvolverase ao longo do 2021 y do 2022. Con esta iniciativa a Deputación de Pontevedra pretende impulsar actividades educativas e de lecer que reforcen a conciencia do colectivo xuvenil da provincia, ofrecéndolles un espazo de encontro e de sensibilización sobre o cambio climático e a necesidade de comezar unha transición ecolóxica para garantir unha xestión eficiente do capital natural. Así, a través deste programa, traballaranse temáticas como a vida submarina, os ecosistemas terrestres, a acción polo clima, a produción e consumo responsable e a enerxía non contaminante.

Galicia rexistra un total de 2.977 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.977, deles 690 son da área da Coruña, 226 da de Lugo, 246 da de Ourense, 481 da de Pontevedra, 825 da área de Vigo, 422 da de Santiago e 87 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 43 están en UCI, 147 en unidades de hospitalización e 2.787 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 118.656 persoas curadas, rexistrándose 2.394 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.134.205.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.446.751. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Vila Nova de Cerveira vai investir 300.000 € na primeira fase de recualificación da antiga EN302

O Concello de Vila Nova de Cerveira presentou, o pasado venres, na Freguesia de Covas, o proxecto de recualificación da antiga EN302, que liga Covas a Candemil. Cun investimento total de 2.1M de euros, a esforzo será dividido en tres fases, cos primeiros traballos a avanzar aínda durante este mes de maio, na zona máis urbana de Covas.

Durante a presentación pública, o alcalde cerveirense realzou unha intervención “que potencia a cohesión territorial, con incidencia nos territorios menos próximos dos centros e que precisan de mellores condicións, nomeadamente de vías de comunicación, viaria e dixital (fibra ótica xa aplicada no concello)”. Fernando Nogueira explicou aínda que “neste momento, o camiño rural non está suxeito a calquera financiamento, polo que as obras son feitas, exclusivamente, á custa do orzamento municipal”. E exemplificou: “Esta 1ª fase corresponde a un investimento de 300 mil euros, mais se houbese candidaturas para esta área, ese valor correspondería a unha obra superior a 1M de euros. É máis un esforzo suplementario que o Goberno coloca baixo os gobernos autónomos, e que ten que ser concretado a prol da seguranza e comodidade dos cidadáns”.

Xa o Presidente da Xunta de Freguesía de Covas, André Araújo, di tratarse de “unha obra moi desexada” e que, para servir mellor aos intereses da poboación, “a xunta foi un socio activo e colaborante na elaboración do proxecto agora presentado”.

En trazos xerais, o proxecto de recualificación total da antiga EN302 abrangue 7.7 kms de extensión, pero o investimento estimado de 2.1M de euros obriga ao goberno autónomo a executar os traballos por etapas, polo que a presentación pública incidiu sobre a 1ª fase que vai avanzar no inmediato, entre maio e setembro. Trátase dunha intervención de cerca de 1km, entre a Igrexa Paroquial de Covas e a ponte sobre o río Coura, pero dunha gran importancia pois é onde se concentran os equipamentos e espazos máis frecuentados da Freguesía de Covas.

Cun investimento totalmente municipal de 300 mil euros, esta 1ª fase prevé a creación de paseos e a definición de bordos, a resolución de problemas hidráulicos, o reforzo de sinalización, a creación de máis estacionamento, a reorganización de espazos nomeadamente fronte á sede da Xunta de Freguesía e, por fin, a pavimentación do piso. O principal obxectivo é proporcionar condicións de maior seguridade, mobilidade e accesibilidade que ata agora non existen, nin para peóns nin para condutores.

A 2ª fase, entre a Igrexa Paroquial de Covas e o Lugar do Real, será inscrita no orzamento municipal para 2022, cun investimento de 300 mil euros, e unha intervención moi semellante á primeira por ser en zona igualmente máis urbana. Xa para a 3ª e última fase, entre o Lugar do Real e a Freguesía de Candemil, o alcalde cerveirense referiu estar “na expetativa de que poida obter financiamento con outro encadramento que non exclusivamente municipal”.

Ao final, o alcalde de Vila Nova de Cerveira incentivou á veciñanza de Covsa a “madurar” a presentación do proxecto e, se é oportuno, “dar as súas contribucións de melloría ou procurar esclarecer dúbidas que poidan xurdir”, pois os técnicos municipais están dispoñíbeis para auscultar e axudar a que os traballos causen o menor impacto posíbel nas rotinas diarias das persoas.

Nigrán continúa coa súa aposta polo comercio local lanzando os primeiros vídeos da campaña ‘Eu son de mercar en Nigrán’

0

O Concello de Nigrán continúa coa súa campaña de promoción do comercio local ‘Eu son de mercar en Nigrán. E ti de quen ves sendo?’ co lanzamento hoxe ás 17:00 horas nas súas redes sociais do primeiro dos vídeos. Así, a estrea estará protagonizada por Amador Domínguez, propietario desde hai 17 anos do xa histórico establecemento Venus, situado no centro do municipio. Ao longo dos vindeiros meses o Concello irá lanzando sucesivos vídeos de menos de 3 minutos de duración con cadanseu comerciante narrando a súa historia persoal ao tempo que invita a consumir localmente, xuntos representarán ao tecido empresarial do municipio ao ser de diferentes sectores e parroquias. A participación nesta campaña, que consta tamén de vallas, carteis, pegatinas, vinilos e bolsas de papel kraf, manterase ao longo de todo o ano e está aberta a quen desexe participar previa solicitude a [email protected].

“Como xa fixemos no Nadal, queríamos que os comerciantes de Nigrán fosen precisamente os protagonistas das iniciativas do Concello para promover o consumo de proximidade, nada mellor que eles para recordarnos que somos veciños, que o seu trato é cercano, que a riqueza se queda no pobo… etc”, subliña o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa colaboración para poder levar adiante esta nova campaña que inclúe difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio, vinilos para escaparates, pegatinas, etc (os non asociados a Ovalmi todavía poden adquirir o seu lote dirixíndose ao Concello, Oficina de Información Cidadá, de luns a venres de 9:00 a 14:00). Todo o deseño é obra, precisamente, da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández e a empresa Ño! Espazo Creativo.

Persoal do establecemento Venus

Nesta primeira fase, un  un total de vinte comerciantes aparecen na cartelería e agora en oito vídeos para recordar ao consumidor que non é preciso saír de Nigrán para mercar produtos da mellor calidade ou de gran singularidade. Así, se nos carteis participaron desde unha peixaría a un centro de estética, tendas de roupa, establecementos hostaleiros, bazares, un taller de rodas, unha mercería, perruquerías… nos vídeos sairán desde un centro de estética a unha parella de agricultores, un restaurador…

“Esta é a campaña municipal máis ambiciosa ata o momento, as anteriores tiveron moito éxito e queremos seguir apelando á responsabilidade individual para que as nosas rúas sigan con vida e para que superemos xuntos esta crise sanitaria e económica, por iso queremos poñerlle cara aos nosos veciños comerciantes”, insiste o rexedor   

O Concello de Nigrán xa ten elaborado e difundido con anterioridade un decálogo que enumera os motivos para mercar no municipio: “Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Porque axudas as persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque aínda que agora o tape a máscara, sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas”.

A Guarda na procura de mozos e mozas para por en marcha o seu Consello Climático Xuvenil

0

Concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable é o obxectivo do proxecto ‘People & Planet: un destino común’.

A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas públicas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de oito Estados membros e de Cabo Verde.

No marco da Axenda 2030, a través de ‘People & Planet’ os concellos socios do Fondo Galego teñen a oportunidade de implementar numerosas actividades. No caso do Concello da Guarda é un dos concellos responsables da actividade Consello Climático Xuvenil, mediante o cal se pretende crear dito consello entre a mocidade activa e prreocupada polo medio ambiente da vila.

A implicación directa da mocidade nos problemas ambientais do concello e na súa resolución é chave neste proxecto, polo que en maio de 2021 catro municipios porán en marcha cadanseu consello integrado por mozas e mozos de entre 15 e 34 anos que asesorarán ao goberno local nesta materia. Persoal especializado encargarase de dinamizar as xuntanzas mensuais, propoñendo un tema de debate e recollendo ideas sobre estilos de vida sostibles. Representantes destes concellos participarán despois nun campamento de mocidade europea en Portugal para elaborar unha guía ao respecto.

O primeiro encontro terá lugar previsiblemente na segunda quincena de maio, onde tratarán de reflexionar sobre os estilos de vida individuais e colectivos más sostibles, aunando unha visión local e global e elaborando unha guía na que se concreten propostas.

Froito deste primeiro encontro, crearase un documento sobre o cal traballarase nun encontro posterior cos restantes consellos dos demais concellos galegos e os resultados presentaranse aos medios de comunicación e aos representantes políticos.

O obxectivo tamén será por en marcha as propostas que xurdan do traballo no consello climático, no concello da Guarda.

Salvaterra continúa apostando pola compostaxe ofrecendo á veciñanza composteiros individuais

O Concello de Salvaterra de Miño lembra aos seus veciños e veciñas que se seguen a repartir composteiros  domésticos para vivendas unifamiliares en colaboración coa empresa SOGAMA. Con esta iniciativa, o Concello que preside Marta Valcárcel, manterá a súa extensión das prácticas de autocompostaxe á novas vivendas unifamiliares para propiciar a reciclaxe da materia orgánica en orixe, un proceso con importantes beneficios ambientais e sociais.

Dado que os residuos orgánicos representan aproximadamente o 42 % da composición media dunha bolsa tipo, se estos se reciclan en orixe e se evitan o seu depósito en contenedores verdes convencionais, o Concello entregará menos toneladas de lixo a SOGAMA, reducindo deste xeito os costes.

As veciñas e veciños que se incorporen a esta nova fase, recibirán igualmente manuais didácticos nos que se explica de maneira detallada a técnica a seguir para obter un compost de boa calidade

A Deputación cualifica de “obrigada” a rectificación de Feijóo sobre o consello da nova sociedade de Fondos Europeos: “haberá mulleres”

Cando as mulleres denuncian comportamentos nos que non se conta coa metade da poboación e co seu talento non queda outra que rectificar. Desta forma, a Deputación de Pontevedra analizou nas últimas horas a “obrigada marcha atrás” da Xunta de Galicia, cuxo presidente, Núñez Feijoo, tivo que anunciar que finalmente haberá mulleres no Consello de Administración da nova sociedade creada para impulsar proxectos estratéxicos no marco dos Fondos Europeos Next Generation. A institución provincial, que preside Carmela Silva, dá a benvida á rectificación, aínda que a considera como “un cambio obrigado pola denuncia e cunha xustificación titubeante e absurda do presidente da Xunta cando intentou explicar que a composición do Consello non era definitiva cando todo o mundo sabía que si o era”.

Aínda así, a Deputación de Pontevedra remitiu hoxe máis dun centenar de comunicacións destinadas aos integrantes do Consello de Administración da sociedade creada, ás organizacións empresariais e profesionais e aos medios de comunicación para trasladar a necesidade dun compromiso real coa paridade e coa presenza de mulleres en calquera tipo de actividade que se realice. De feito, a institución provincial, amais de solicitar a complicidade de todos os colectivos para facer esta loita de forma conxunta, pide tamén que non se participe en todos aqueles actos nos que as mulleres non estean presentes.

A Deputación remitiu igualmente un escrito a Valedora do Pobo á quen traslada a denuncia dos feitos, na que lembra a lexislación que se estaría a incumprir se non se dera marcha atrás “da inaceptable representación da sociedade neste Consello”. Esta disfuncionalidade, xerada pola ausencia de mulleres, está contradicindo numerosas disposicións legais entre as que se atopan o Tratado de Ámsterdam, que insta a que a igualdade se integre en todas as políticas e accións da Unión Europea e estados membros, e a propia Constitución Española que nos seus artigos 9.2 e 14 proclama o dereito á igualdade formal e efectiva. Tamén contravén os artigos 1,6, 14, 15, 16 e a disposición adicional primeira da Lei Orgánica 3/2007 de Igualdade que, entre outras cuestións, insta aos poderes públicos a atender ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes nos nomeamentos e designacións.

No que respecta á nosa comunidade, a composición exclusivamente masculina do Consello é contraria aos artigos 1,2 e 5 do Decreto Lexislativo 2/2015 de Igualdade onde se recolle, entre outros aspectos, que a Xunta de Galicia ten que integrar a igualdade nas políticas e accións que impulse e fomentar a participación equilibrada de mulleres e homes na toma de decisións. Finalmente, contravén a filosofía dos mesmos fondos europeos, que teñen á igualdade de xénero como un dos seus grandes eixos, e a da propia Axenda 2030, cuxo ODS número 5 é transversal a todos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Finalmente, a Deputación de Pontevedra dirixiuse tamén ao goberno de España, a quen deu coñecemento do ocorrido, cun escrito especificamente dirixido aos ministros e ministras que teñen responsabilidade na valoración, control e xestión dos fondos europeos.

O psicólogo de Afaga Alzheimer participará no primeiro seminario web ‘Aliados en Alzheimer’

Maximina Rodríguez Fernández, psicóloga de Afaga Alzheimer, participará cunha exposición titulada “Adaptacións na atención ás persoas con enfermidade de Alzheimer na pandemia covid-19”, iniciando o primeiro seminario web dunha serie de formación “Aliados no Alzheimer” organizada pola Confederación Española de Alzheimer (CEAFA) e Nutricia, a división especializada en nutrición do grupo Danone Specialized Nutrition.

“A crise sanitaria provocou unha maior sobrecarga emocional e unha sensación de esgotamento entre os familiares e os coidadores debido a que non puideron acceder ao tempo de respiro proporcionado, por unha banda, pola asistencia do seu parente con alzhéimer a algún dispositivo de atención e , por outro, a ausencia de apoio familiar e social práctico. Este sentimento de soidade e illamento, ligado ao coidado, estivo moi presente entre estas persoas durante a pandemia “, comentou Maximina.

Así, observáronse alteracións psicolóxicas e de comportamento como a axitación, o trastorno do sono e a depresión, entre outras, debido a esta falta de actividade e ao illamento ambiental típico da pandemia, que se produciu con maior intensidade durante o encerro. E, como consecuencia do colapso da saúde dos últimos meses, o diagnóstico precoz de pacientes con deterioro cognitivo leve (MCI) desacelerouse.

Esta primeira sesión formativa, dirixida a pacientes e coidadores, terá lugar este xoves 13 de maio. O rexistro de asistencia pódese facer en www.webinars.nutriciaprofesionales.nutricia.es.

Girl’s Gang, un cuarteto nacido en pandemia

0

Girl’s Gang son as mosenses de San Rafael, parroquia de Pereiras, Antía Caride Otero e Tamara Casal Barbeito, e as viguesas Anabel Abalde Campos e Laura Martínez Puga (Law). Un grupo musical, nacido en 2020 en pleno confinamento pola pandemia da COVID-19, que hoxe fixo a súa presentación oficial no Concello de Mos á alcaldesa, Nidia Arévalo, e á concelleira de Cultura e Turismo e Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro.

Na presentación narraron o inusual do seu nacemento como grupo musical, xa que foi en plena pandemia cando Law lle escribiu a Antía a través dunha rede social para propoñerlle unha colaboración artística da que naceu o que hoxe é Girl’s Gang. Tras meses de chamadas telefónicas e videoconferencias, por fin comezaron a ensaiar xuntas presencialmente en xullo de 2020.

O seu peculiar concepto musical, que aúna voz e baile con elaboradas coreografías, fainas orixinais e singulares, pero o que aínda as fai máis únicas é o seu proxecto 100% feminino, xa que tanto os temas que interpretan, que son de temática totalmente femenina sobre aspectos relacionados coa muller en todas as súas facetas, familiar, sentimental, profesional, reivindicativa…; como o feito de que ademáis elas, as 4 mulleres, encárganse de toda a producción que require o grupo no que cantan e bailan, as empodera no seu rol feminino.

Antía Caride asume no grupo o papel de coreógrafa e responsable de imaxe (estilismos e deseño) xa que domina estas disciplinas a nivel profesional, ao ser profesora de baile e estilista profesional para outros cantantes e proxectos de moda; ademáis de ser tamén cantante noutro dúo musical.

Tamara Casal Barbeito, esteticista profesional que traballa nun centro de estética, así como de cantante nun coro, encárgase do deseño e execución dos maquillaxes do grupo.

Anabel Abalde Campos é, xunto con Antía, a outra coreógrafa do grupo; xa que profesionalmente ten unha escola de danza e traballa tamén como profesora de baile noutros centros.

Por último Law, profesora de canto, modelo e guionista profesional, asume en Girl´s Gang a responsabilidade das armonías vocais. Por suposto as 4 cantan e bailan en todos os seus temas.

“Un verdadeiro exemplo de mulleres, mozas, emprendoras e autosuficientes, nunha industria, como outras, na que soe prevalecer a supremacía masculina, pero na que decidiron abrise paso quizais no peor momento posible pola crise sanitaria que estamos a vivir, algo que non as freou e que demostra, así mesmo, que son unhas valentes e un gran exemplo para a mocidade mosense”, declarou Arévalo.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, selaron esta mañá o compromiso da administración local mosense con Girl’s Gang para futuras colaboracións entre as que se atoparán unha actuación incluída no programa de actividades con motivo de La Vuelta 21 en Mos (o Castro de Herville, na parroquia de Cela, será meta da etapa 20 o 4 de setembro), así como outras iniciativas de cara á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, 25 de novembro, como charlas ou mesas redondas para o alumnado do IES de Mos, un concerto… etc.

Baiona abre o prazo de inscrición para a ‘Escola de Verán 2021’

0

A Concellaría de Igualdade do Concello de Baiona abre o parazo de inscrición para participar na Escola de Verán 2021, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas nacidos entre o ano 2009 e 2017 en cuxas familias ambos os proxenitores atópense en situación laboral activa ou familias monoparental/monomarental en situación laboral activa.

O programa desenvolverase ao longo do mes de xullo de luns a venres de 8:00 h a 15:00 h no CPI Cova Terreña e no CEP de Sabarís. Haberá flexibilidade no horario de entrada (de 8:00 h a 9:15 h) e no horario de saída (de 13:45 h a 15:00 h).

O Campamento de Verán ten como obxectivo facilitar ás familias do municipio un recurso para conciliar a vida laboral, persoal e familiar, establecendo un servizo sociocomunitario que mellore a calidade de vida do territorio, potenciando ademais a optimización de recursos a través da utilización dos centros educativos municipais fóra do horario lectivo.

As persoas interesadas poden solicitar praza desde o luns 10 de maio até o luns 24 de maio, ámbolos dous incluidos. As persoas interesadas en participar na convocatoria deberán presentar a solicitude de inscrición (Anexo I) debidamente cumprimentada e asinada, xunto coa documentación requirida no art. 9 e 12 das bases, no rexistro de entrada do Concello de Baiona de luns a venres en horario de mañá, solicitando cita previa no teléfono 986 356 779, ou a través da sede electrónica do Concello de Baiona.

No caso de solicitudes presentadas pola sede electrónica, estas poderán presentarse en calquera hora ou día durante a vixencia do prazo de solicitudes até o luns 24 de maio ás 14:00 horas.

As bases que rexen esta convocatoria, xunto cos anexos, estarán a disposición das persoas interesadas na páxina web do Concello de Baiona(www.baiona.gal), no taboleiro electrónico e no rexistro xeral de entrada do Concello de Baiona (é necesario solicitar cita previa no 986356779). Tamén poden solicitarse a través do enderezo electrónico [email protected] ou [email protected] ou no CIM, solicitando cita previa no teléfono 986/35 75 54.

Ponteareas presentou o proxecto CON_CIENCIA_TEA

O Centro de Interpretación do río Tea (CITEA) acolleu unha mesa redonda que serviu como presentación do proxecto CON_CIENCIA_TEA, posto en marcha pola Concellería de Medio Ambiente de Ponteareas, que dirixe Rosa Covelo.

O obxectivo principal desta xornada foi dar a coñecer nos distintos ámbitos implicados o proxecto CON_CIENCIA_TEA, unha iniciativa de ciencia cidadá cuxo obxectivo principal é mellorar o coñecemento da Rede Natura 2000 e do hábitat prioritario para a conservación do bosque de ribeira na ZEC Río Tea, así como as especies autóctonas cun grao maior de ameaza, en especial os morcegos forestais, os narcisos endémicos e as especies de libeliñas que teñen no río Tea algunhas das súas escasas poboacións.

Neste encontro presentouse o traballo de investigación do biólogo Hugo Martínez Cordeiro, realizado sobre os mamíferos do río Tea en base ao fototrampeo. Ademais, as e os participantes visitaron os novos paneis interpretativos interactivos da senda fluvial que vai dende o CITEA ata a Praia Fluvial das Pías, que tratan a importancia dos bosque de ribeira e das principais especies de narcisos, morcegos e libeliñas do espazo natural. Estes traballos teñen sido desenvolvidos pola empresa especializada Ecoplanin, Xestión e Información Ambiental.

As accións que se desenvolven en torno a este proxecto, financiado con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, buscan a participación da cidadanía para a divulgación e conservación do medio natural vinculado ao río Tea.

O GDR Condado Paradanta impulsa novas axudas para o desenvolvemento da comarca

A Asociación de Desenvolvemento Rural (GDR) do Condado Paradanta continúa traballando no seu propósito de impulsar accións que axuden á posta en valor dos recursos da comarca, que potencien os negocios do territorio e que promovan sinerxías entre persoas.

Neste marco, unha das funcións do GDR é a de xestión de fondos, a través do Programa LEADER, orientados ao desenvolvemento socioeconómico da contorna e, neste senso, informa da apertura de convocatoria de axudas do fondo Leader 21-22, para a cal permanece aberto o prazo ata o día 3 de xuño.

Dende o GDR lembran que estas subvencións están destinadas, por unha banda , a proxectos produtivos (emprendedores e empresarios cunha actividade económica, xeradores de emprego, que precisan crear, modernizar ou ampliar os seus negocios) e, por outra, a proxectos non produtivos tanto para entidades privadas (comunidades de montes, asociacións de veciños ou culturais, etc) como públicas (concellos).

Todas aquelas persoas interesadas deben poñerse en contacto co GDR dende onde recibirán o asesoramento preciso para todo o trámite. Deste xeito, poden chamar ao número de teléfono 986 66 33 29 ou escribir un correo electrónico ao enderezo [email protected]

QUE É O GDR

É unha asociación sen fins de lucro, con sede na Cañiza , coa finalidade de vertebrar os diferentes sectores socioeconómicos das comarcas Condado Paradanta e constituírse nun foro de debate continuo sobre os problemas do territorio, prestando especial atención á mocidade, ás mulleres, á protección do ambiente, á creación de emprego e ás actividades agrogandeiras e forestais.

Engloba aos concellos de ArboA Cañiza, CoveloCrecenteAs Neves, MondarizMondariz BalnearioPonteareasSalceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

O Pavillón Municipal de Deportes da Cañiza contará cun video marcador grazas ao convenio entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte

0

O alcalde da Cañia, Luis Piña e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa asinaron hoxe un convenio para dotar ao Pavillón Municipal de Deportes dun vídeo marcador cunha pantalla led de 10 m2, e que contará cun orzamento de 20.000 euros.

De acordo coa memoria remitida polo Concello para a elaboración do convenio, esta pantalla para eventos deportivos conta cunhas dimensións de 400x250x8 cm, e conta cun ordenador de control con software específico para uso deportivo e multimedia; un software específico para procesador LED de reproducción multimedia avanzada; software multideporte específicamente diseñado para a utilización da pantalla LED como marcador electrónico deportivo e adaptado ás normativas das federacións deportivas, ademais dunha consola para o manexo do marcador e bocinas de aviso.

Este convenio ven a sumarse a outras actuacións deste tipo desenvolvidas pola Secretaría Xeral para o Deporte dentro da liña de apoio aos clubs federados que compitan en primeira liña.

Cómpre lembrar que o pasado 5 de febreiro, o alcalde Luis Piña reuniuse co xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides, para tratar este tema e o 22 de febreiro achegóuselle dende o Concello unha solicitude formal dando conta da necesidade deste elemento no pavillón da Cañiza dado que, nestas instalacións, dispútanse importantes partidos de balonmán ao terse clasificado o Club Balonmán Cañiza en categorías de alto nivel.

Este convenio asínase co obxectivo común de conseguir un óptimo nivel de funcionamento desta infraestrutura municipal, de forma que o Concello poida prestar servizos de calidade á veciñanza con independencia do seu lugar de residencia.

Concello e Xunta son conscientes de que o incremento e mellora das condicións que esixe a práctica deportiva que reclama unha mellor dotación de infraestruturas municipais, necesidade á que da resposta este convenio.

A Xunta e o Concello de Salvaterra de Miño colaboran para dotar o centro urbano dunha nova rúa que mellorará a mobilidade dos veciños

A Xunta e o Concello de Salvaterra de Miño colaborarán para dotar o centro urbano dunha nova rúa que mellorará as conexións na vila e a mobilidade dos veciños, grazas a un investimento autonómico de 500.000 €.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, asinaron hoxe o convenio para reordenar e completar o viario municipal, que se estrutura a través de rúas que coinciden con treitos de estradas da Xunta.

Vázquez Mourelle apuntou que algúns deses treitos, como os das estradas PO-400 e PO-409, xa foron transferidos anteriormente á entidade local para a súa xestión como vías urbanas. Agora, coa fin de acadar un funcionamento da rede viaria máis acorde ás necesidades do municipio, o Concello e a Xunta acordan completar esas transferencias de vías.

Así o convenio de colaboración asinado hoxe recolle o cambio de titularidade a favor do Concello de, entre outras, a totalidade das vías autonómicas PO-420 (Taboexa-Vilacova), PO-430, que vai a Leirado, a PO-432 (Salvaterra-Río Miño) e PO-433, que vai a Cabreira.

Ademais, e coa finalidade de acadar unha mellor ordenación e mobilidade no centro de Salvaterra de Miño, o acordo recolle a colaboración entre a Xunta e o Concello para proceder á apertura e a urbanización dunha nova rúa, partindo da PO-432, a rúa Galicia.

Explicou que esta vía se abrirá ao tráfico rodado e ao tránsito peonil entre as rúas Curros Enríquez e Castelao e para a súa execución será necesaria a expropiación dalgún terreo, cuxo custo asumirá a Xunta e xestionará o Concello.

A conselleira precisou que as obras inclúen o movemento de terras, a demolición de pequenas estruturas situadas na traza  e a instalación das canalizacións dos servizos de abastecemento, saneamento, iluminación e telecomunicacións. Unha vez realizadas as acometidas, pavimentarase a vía e as beirarrúas, rematando os traballos coa urbanización e humanización da rúa, coa colocación de mobiliario urbano e arborado.

No marco do convenio, a Xunta asume o custo total das actuacións e o Concello levará a cabo as expropiacións dos terreos, encargarase dos documentos técnicos e da contratación e execución das obras.

Ethel Vázquez puxo en valor a colaboración do Goberno galego coas infraestruturas de Salvaterra de Miño, onde recentemente rematou a execución dunha senda de case 1,5 quilómetros entre o centro urbano e Zacoteiras, dando acceso á zona termal da localidade. Esta actuación, que supuxo un investimento autonómico de 682.000 euros, completouse co acondicionamento da rúa Rosalía de Castro. Ademais, a conselleira avanzou que este ano a Xunta investirá 1 millón de euros nos traballos de reforzo de firme das estradas PO-510 e PO-400 ao seu paso polos municipios do Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra, que comezarán a finais do verán.

Tomiño convoca a todos os centros de estudo para montar unha instalación na Praza do Seixo coma homenaxe a Xela Arias

0

Tomiño vai celebrar, un ano máis, o Día das Letras Galegas. Unha conmemoración moi especial que consistirá na montaxe dunha instalación colaborativa artístico-pedagóxica, denominada “ENTRELAZOS DA MEMORIA-Percorrendo emocións con Xela Arias”,  coma homenaxe á escritora distinguida. A intención é convocar dende o Concello para que participen a todos os centros educativos do municipio.

A idea xurdiu da proposta realizada por tres mestras da comarca e a artista galega Irene Silva. O Concello decidiu levala a cabo co obxectivo principal de dinamizar as Letras Galegas en tempos de COVID, dar a coñecer as experiencias emocionais de Xela Arias na infancia e achegalas ás crianzas da zona a través da arte como medio de expresión.

Por este motivo, a idea implica a colaboración dos centros educativos, aportando o seu “gran de area” na obra. O centro educativo máis colaborativo acadará un premio moi especial: un obradoiro artístico impartido por Irene Silva, no que os traballos do alumnado quedarán expostos no Mercado Municipal do 23 ao 30 de maio.

Ademais,co fin de fomentar a creatividade e a participación xuvenil a prol do galego, un ano máis a OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) de Tomiño convocou un concurso de deseño de camisetas e outro de videopoemas.

O nome da persoa gañadora do primeiro (deseño da camiseta) coñeceuse onte, recaendo o premio en Saskia Díaz por segundo ano consecutivo. Veciña da parroquia de Sobrada, ten 28 anos e estudou Relacións Laborais e Recursos Humanos; traballa coma redactora de contidos web e é voluntaria da OMIX. “Considérome unha persoa que cre moito nas enerxías e nos aspectos máis místicos da vida e pensei que era unha boa idea rescatar esa herdanza que temos en Galicia, e que está tamén moi presente na nosa fala, e transformala nun deseño que o reflectira”, explica sobre o seu deseño co lema “Meigallo no falar”. Coma premio recibirá un exemplar da antoloxía poética e unha libreta de Xela Arias, bolsas de tea con frases da terra e difusión do deseño nas redes sociais e nos diferentes medios de comunicación.

Ademais da gañadora, no certame participaron outras 10 mozas: Yolanda, Iria, Uxía, Laura, Aylén, Jennifer, Thalía, Sabela, Clara e Maite. “Cremos que este é o ano que recibimos os deseños máis creativos, elaborados e fermosos; ao xurado non lle resultou nada doada a escolla e estivo a piques de haber empate –explican dende a OMIX- parabéns a todas as participantes, que recibirán unha camiseta co deseño gañador e unha bolsa de tea con frases na nosa lingua”.

O xurado valorou especialmente a creatividade, o atractivo e a inspiración dentro do fomento, normalización e posta en valor do idioma.

Pola súa banda, no concurso de videopoemas a gañadora foi Beatriz Pereira, quen levou como premio a antoloxía poética de Xela Arias xunto cunha das bolsas de tea serigrafiadas. Nada no ano 1997, é veciña de Tebra e está graduada en Comunicación Audiovisual. Está vinculada ao departamento de cámara trala súa experiencia en varias curtametraxes, como o musical “Fermata” (Julio Freijeiro, 2020) e especialmente interesada nos eidos da fotografía, vídeo e documental.  No 2020 realizou “Xela Arias. Poeta nas marxes”, un documental arredor da figura da poeta e tradutora homenaxeada nas Letras Galegas 2021.

Por último, o 17 de maio a Agrupación Musical de Goián dará un concerto na Praza do Seixo e o grupo de voluntariado do Concello compartirá varias actividades online sobre a lingua, cultura e literatura galega para todos os públicos.

Alén diso, na única libraría de Tomiño ofertaranse libros en galego e, como novidade, CDs de música galega cun 40% de desconto

Nigrán pecha este xoves o prazo para participar o 17 de maio na ‘Festa da bicicleta’

0

O Concello de Nigrán pecha este xoves 13 de maio o prazo para inscribirse na ‘Festa da Bicicleta’ que se celebrará como cada ano o 17 de maio cunha marcha circular polo litoral do municipio. Os interesados, empadroados ou non, deben escribir a [email protected] facilitando o nome completo de todos os participantes, teléfono e DNI.

Os asistentes, coa súa propia bicicleta, deberán levar obrigatoriamente casco e máscara durante todo o traxecto e o Concello organizará os grupos en función do que nese intre determinen as autoridades sanitarias. A saída será desde o Pavillón Municipal de Panxón ás 10:30 para chegar ao final da rotonda de Praia América e volver e participarán tamén os vehículos deportivos adaptados do Concello con usuarios e voluntarios. Unha vez rematada a marcha sorterase entre os asistentes unha bicicleta e dez cascos e haberá máis sorpresas.

“A marcha ao aire libre e coa aplicación de todas as medidas anti-covid é completamente segura, por iso apostamos por mantela deste xeito, é unha tradición de cada 17 de maio que queremos preservar”, incide o alcalde, Juan González.

Presentación libro

O Concello de Nigrán pospón a unha data próxima pendente de anunciar a presentación do derradeiro libro de Carlos Méixome ‘Cartas na Memoria. A persecución franquista no Val de Miñor’, que estaba prevista para este venres día 14.

SmartPeme oferta esta semana outros catro obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas accións formativas online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre os stories e o seu posicionamento, os infoprodutos, a configuración dun PC adecuada á actividade profesional e o emprego de Google Analytics para a toma de decisións.

En concreto, mañá, 11 de maio, impartirase o obradoiro “Mellora os teus stories e o seu posicionamento”, a cargo de Guillermo Nass, TSU en deseñado gráfico publicitario do Colexio Universitario Monseñor de Talavera. O mércores 12 será a quenda de “Infoprodutos: que son e como crealos”, impartido pola posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas Fátima Faílde; e, o mércores 13, de “Configuración óptima dun PC segundo a actividade a realizar II”, a cargo do experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D Manuel Freire.Por último, o xoves 14 de maio, a enxeñeira técnica en Informática de Xestión Esther Garcinuño, impartirá o obradoiro  “Google Analytics para a toma de decisións”.