12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasSalceda de Caselas completará a humanización de Fernández Sestelo

    Salceda de Caselas completará a humanización de Fernández Sestelo

    O Concello de Salceda de Caselas levará a cabo o proxecto de reurbanización da Rúa Joaquín Fernández Sestelo, no seu tramo entre o entronque coa rúa Compostela e a Praza da Devesa, completando deste xeito o proceso de humanización de toda a rúa, xa que nos últimos anos xa se ten actuado nos tramos entre a Praza do Concello e a Rúa Compostela, así como na zona da Praza da Devesa.

    O proxecto conta cun orzamento de 150.652,93 € que foi xa presentado na solicitude do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, e que se iniciará unha vez o ente provincial comunique a súa aceptación.

    Trátase dunha actuación que afectará a un total de 996,50 m2, co principal obxectivo de ganar espazo para o tráfico peonil garantindo deste xeito a accesibilidade universal nos espazos públicos, e facendo máis atractivo un espazo comercial coma este. A obra ademais incluirá a renovación do sistema de recollida de pluviais, así como da rede de saneamento e abastecemento, e suporá unha solución definitiva aos problemas de organización de tráfico existentes, nunha zona na que a diario se forman atascos por mor de aparcamentos irregulares en dobre fila. O proxecto incluirá unha zona verde de aparcamento que permita estas pequenas paradas de non máis de 10 minutos.

    O equipo de goberno pretende completar deste xeito a humanización da principal rúa de entrada ao municipio, seguindo deste xeito o camiño de recuperación de espazos para o tráfico peonil iniciado no ano 2007, e que xa leva acometido numerosas actuación nas rúas do casco urbano: Praza do Concello, Victoriano Pérez Vidal, Avenida de Galicia, Rafael Tilve, Rúa Coruña, Rúa Compostela, Praza da Devesa, Rúa da Gándara, e a mencionada Joaquín Fernández Sestelo. Ademais trabállase xa nos próximos proxectos, que afectarán ás rúas Rollo e Vigo.

    Miguel González, concelleiro de Mobilidade: “Salceda avanza na senda de traballo recollida no Plan de Mobilidade Sustentable. Estamos ante un proxecto fundamental por ser o de entrada a Salceda, completando deste xeito as actuacións de mellora da mobilidade no acceso á vila”.

    Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda: “Seguimos o libro de ruta iniciado no ano 2007 de recuperación de espazos para as persoas e de transformación da vila. A nosa prioridade son os colectivos máis vulnerables, como o da infancia, a terceira idade ou as persoas con mobilidade reducida, e somos conscientes de que actuacións como a que agora imos executar e que se suman ás xa realizadas, contribúen a mellorar a calidade de vida e a autonomía persoal de todos estes colectivos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.