Mércores, 11 Decembro de 2024

Tomiño avanza na implantación do Plan Revitaliza para fomentar a compostaxe en todo o concello

A adquisición dun camión con guindastre, a creación dunha páxina web súmanse a outras melloras coma a delimitación de puntos verdes e o préstamo de biotrituradoras á veciñanza

Tomiño continúa levando a cabo a bo ritmo a implantación da compostaxe no concello, dentro do Plan Revitaliza, impulsado dende a Deputación de Pontevedra.

Tal coma estaba previsto, neste primeiro semestre do ano estase completando o reparto dos composteiros individuais (1.858 entregados, de 3.000) e a instalación dos centros comunitarios (14 en funcionamento, de 16). E para seguir cerrando o ciclo dunha correcta xestión de biorresíduos, na que se obterá estruturante (restos de poda triturada) necesario para utilizar nos composteiros, ofrecerase á veciñanza un servizo de préstamo de trituradoras ou a opción de depositar estes restos en puntos verdes, creados en distintas parroquias en zonas delimitadas cunha cerca de madeira.

Para a xestión dos devanditos puntos verdes o Concello decidiu adquirir un camión con guindastre, do que a entrega tivo lugar a semana pasada por parte da empresa adxudicataria: Volvo Group España, SAU, cunha carga útil de 6.509 kg. e un custe de 126.445,00 euros, a cargo da subvención recibida da Deputación de Pontevedra.

Na primeira quincena de maio quedarán instalados os 10 puntos verdes previstos, tendo en conta as necesidades de cada parroquia, e logo da súa instalación e sinalización xa se poderán empregar pola veciñanza. Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, non se descarta instalar máis nun futuro, se hai demanda, ou anular algún punto se non se usa ou se usa de forma incorrecta. A partir da trituración dos restos de poda, obterase o estruturante, que poderá ser recollido neses mesmos puntos, para darlle uso nos composteiros individuais.

Asi mesmo, na segunda quincena deste mes entrará en funcionamento o servizo de préstamo de biotrituradoras que estará regulado pola ordenanza publicada no Boletín Oficial de Pontevedra a este efecto (BOPPO Núm. 80 do xoves, 29 de abril de 2021). “En Tomiño, en vez de comprar unha trituradora para a poda grande, que manexara o persoal municipal, apostamos pola compra de varias trituradoras pequenas que os veciños poidan pedir prestadas para fabricar o seu propio estruturante na casa. Será o persoal encargado de entregar a maquinaria o que indique as instrucións básicas de funcionamento das biotrituradoras”, comenta a concelleira, creándose asemade, unha guía de uso, que acompañará a máquina.

“Este servizo facilitará á veciñanza a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal, que poden supoñer ata un 10% do lixo domiciliario nos municipios máis rurais. Con elas poderase triturar restos leñosos procedentes de podas domiciliarias, ramas de árbores de froiteiras, viñas, árbores ornamentais e restos de xardinería”, comenta a concelleira.

Para poder empregar as biotrituradoras é preciso ser maior de idade, residente en Tomiño e estar dado/a de alta no servizo. Logo da solicitude, indicaráselle dende o concello a data e o lugar de recollida. O préstamo será dunha semana, coma máximo, e as retiradas e devolucións realizaranse, en principio, os mércores de 08:00 a 14:00 horas, salvo que se acorde outro día coa persoa usuaria.

Finalmente, estase a crear unha páxina web (https://revitaliza.tomino.gal/) adicada a compostaxe a nivel municipal, onde a poboación terá acceso a toda esta información e poderá ademais comunicarse cos técnicos/as do departamento de medio ambiente, para resolver dúbidas. “É unha nova ferramenta para que as veciñas e veciños de Tomiño podan ter información completa das accións que se están a desenvolver no marco de Revitaliza, así como acceder a utilidades, tales coma mapas interactivos onde consultar o composteiro comunitario correspondente en función do domicilio, ou o mapa de situación dos puntos verdes. Así mesmo, poderá solicitarse a reserva das biotrituradoras, aprender trucos e recomendacións de compostaxe, etc.