Un grupo de usuarios do Centro Castro Navás da Fundación Menela (Priegue) iniciou onte en Panxón a súa primeira etapa do proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’, acompañados de persoal especializado e de boa parte do goberno local de Nigrán. O grupo comezou a súa andaina desde o paseo marítimo de Panxón para chegar a Coruxo e, en outras cinco etapas máis (Vigo, Teis, Redondela e Arcade) agardan alcanzar Pontevedra o 27 de maio. O Concello de Nigrán apoia novamente esta segunda edición mediante unha subvención directa de 4.000 €.
“Volvemos a sentirnos peregrinos. Lo hacemos con mucha ilusión, con ganas de implicarnos en una vivencia que cambia la rutina de nuestro día a día (…) y anima al dejar atrás largos meses de restricciones”, sinalou ao inicio Luís Eduardo González, usuario do Centro Castro Navás, quen confesou que botarán de menos a moitos compañeiros de diferentes entidades e centros que si os puideron acompañar no 2019 no Camiño de A Guardia a Nigrán e que este ano, por motivos de seguridade sanitaria, non estarán. “Los esperamos con la mirada puesta en 2022”, sinalou en referencia a esa terceira edición, na que está previsto que alcancen Santiago. Igualmente, alumnos do CEIP Humberto Juanes mandáronlles un vídeo de ánimo e o grupo seguirá recibindo apoios ‘virtuais’ ao seu paso por cada municipio.

“Desde o Concello estamos encantados en colaborar con esta iniciativa á que xa nos sumamos no 2019 porque estamos plenamente concienciados coas necesidades especias das persoas con trastorno do espectro autista. Un Camiño accesible cognitivamente é tamén parte do noso programa ‘Un Nigrán para Todos’ no que participa a Fundación Menela, así que estamos moi orgullosos de que Nigrán, na súa variante do Camiño pola costa, sexa o punto de partida nesta edición”, incidíu o alcalde, Juan González, na presentación.
Ao abeiro do programa desenvolveranse outras accións complementarias que o enriquecen e o enchen de valor. Así, recoñecerase o labor e dedicación dos profesionais fronte a crise sanitaria e, adicionalmente, contribuirase na accesibilidade do Camiño Portugués da Costa mediante a sinalización de espazos con pictogramas (albergue de Pazo de Pías na Ramallosa, entre outros).