A Asociación de Desenvolvemento Rural (GDR) do Condado Paradanta continúa traballando no seu propósito de impulsar accións que axuden á posta en valor dos recursos da comarca, que potencien os negocios do territorio e que promovan sinerxías entre persoas.
Neste marco, unha das funcións do GDR é a de xestión de fondos, a través do Programa LEADER, orientados ao desenvolvemento socioeconómico da contorna e, neste senso, informa da apertura de convocatoria de axudas do fondo Leader 21-22, para a cal permanece aberto o prazo ata o día 3 de xuño.
Dende o GDR lembran que estas subvencións están destinadas, por unha banda , a proxectos produtivos (emprendedores e empresarios cunha actividade económica, xeradores de emprego, que precisan crear, modernizar ou ampliar os seus negocios) e, por outra, a proxectos non produtivos tanto para entidades privadas (comunidades de montes, asociacións de veciños ou culturais, etc) como públicas (concellos).
Todas aquelas persoas interesadas deben poñerse en contacto co GDR dende onde recibirán o asesoramento preciso para todo o trámite. Deste xeito, poden chamar ao número de teléfono 986 66 33 29 ou escribir un correo electrónico ao enderezo [email protected]
QUE É O GDR
É unha asociación sen fins de lucro, con sede na Cañiza , coa finalidade de vertebrar os diferentes sectores socioeconómicos das comarcas Condado Paradanta e constituírse nun foro de debate continuo sobre os problemas do territorio, prestando especial atención á mocidade, ás mulleres, á protección do ambiente, á creación de emprego e ás actividades agrogandeiras e forestais.
Engloba aos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.