Luns, 4 Agosto de 2025

Nigrán celebra un pleno infantil coincidindo con Día Mundial do Neno

0

O Concello de Nigrán acolleu onte ao mediodía unha sesión plenaria especial protagonizada polos nenos e nenas de Nigrán a través do Consello de Participación Infantil e Xuvenil municipal. Este foi o acto central da localidade coincidindo co 20 de novembro, Día Mundial do Neno e a Nena, nunha semana na que ademais dous voceiros do Consello acudiron ao Parlamento de Galicia para participar tamén nunha sesión similar e, a maiores, crearon unha campaña para apagar durante media hora as luces dos fogares.

Os vinte nenos e nenas, representando aos diferentes coles e os dous institutos da localidade, centraron as súas preocupacións no cambio climático e a sostibilidade ambiental. O alcalde de Nigrán, Juan González; a edil de Educación, Marina Vidal; e o voceiro da oposición, Carlos Abal, representaron á corporación. Os pequenos concelleiros demandaron do Concello cuestións como continuar cambiando o alumeado por tecnoloxía LED, fomentar o transporte público e o uso da bicicleta, incidir na importancia de reutilizar e reducir ademais de reciclar, instalar máis puntos de recarga para vehículos eléctricos, crear hortos comunitarios ou insistir nas campañas de mercar no comercio local. No turno de rogos demandouse ao rexedor que non se instalase un parque eólico na serra da Groba, en Baiona, cuestión que o propio alcalde asumíu como propia e que, de feito, o goberno local aprobara xa en sesión plenaria, sendo o primeiro do Val Miñor en facelo.

“O Concello de Nigrán ven traballando precisamente nesta liña e seguiremos reforzando estas cuestións, pero tomamos nota de todo porque sen dúbida este tipo de propostas nos axuda a facer un Nigrán máis amigable coas persoas e co medioambiente”, indicou o rexedor.

“Detrás deste pleno hai moitos meses de traballo; estou moi agradecida a estes nenos e nenas porque sempre se amosaron implicados e interesados, como política e educadora, sempre recordarei ese día con moita emoción e cariño”, sinalou a edil de Educación, Marina Vidal, ao concluír.

 Finalmente, despois da sesión, realizaron o acendido dunha árbore de Nadal situada na entrada ao Auditorio Municipal e realizada por eles mesmos con material de refugallo que foron xerando nunha semana nas súas casas: envases, latas, envoltorios… 

Oia felicita á veciña de Burgueira Carmen Álvarez polo seu 102 aniversario

0

Carmen Álvarez Pérez, veciña da parroquia de Burgueira, cumpriu esta semana 102 anos, sendo a segunda muller máis lonxeva de todo o municipio. Para felicitala en nome do Concello de Oia, a alcaldesa, Cristina Correa, e a tenente de Alcalde, Carmen María Estévez, fixéronlle entrega este venres dunha torta e aproveitaron para transmitirlle os seus mellores desexos.  

Carmen Álvarez naceu o 17 de novembro de 1919 en Torroña, trasladándose a vivir a Burgueira cando casou con José, veciño coñecido por ser o carteiro nesta parroquia. Traballou toda a vida no campo e tivo 3 fillos. Actualmente desfruta do cariño da súa gran familia, pois ten 6 netos e 8 bisnetos.

A centenaria homenaxeada celebrou hoxe o seu aniversario na compañía dos seus achegados e seres queridos. Nesta data tan especial, a rexedora e a tenente de alcalde achegáronse a felicitala e transmitirlle os parabéns e agarimos en nome de todo o municipio.

Tui celebra unha actividade do Plan de Compostaxe Municipal dirixida ao alumnado dos centros educativos

0

O próximo xoves, 25 de novembro, de 10 a 14 h terá lugar unha actividade do Plan de Compostaxe Municipal de Tui. Celebrarase no novo Centro de Compostaxe Comunitaria, ao carón do Mercado Municipal de Abastos. O alumnado dos centros educativos da contorna visitarán os Centro de Compostaxe Comunitario para coñecer a súa utilización e resolver as dúbidas que poidan ter sobre a compostaxe.

No mesmo horario, de 10 a 14 h, haberá un posto informativo de compostaxe no que a cidadanía poderá recibir información sobre o Plan de Compostaxe Municipal, e serán  obsequiados con mostras de compost e algún agasallos.

Estas actividades encádranse na XIII Semana Europea da Redución de Residuos que se celebra do 20 ao 28 de novembro. Ao abeiro desta iniciativa, ao longo dunha semana, realízanse accións de sensibilización sobre a xeración, xestión e consumo sostible de recursos a nivel europeo.

O Concello de Tui súmase a esta Semana Europea con esta actividade, que terá lugar o próximo xoves, dirixida ao alumnado como vector de cambio para unha sociedade máis comprometida co medio ambiente.

Ponteareas asina con Unicef o convenio que a ratifica como Cidade Amiga da Infancia

Ponteareas xa é oficialmente Cidade Amiga da Infancia. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e a vicepresidenta de Unicef Galicia, Gloria del Río, asinaron este venres o convenio que ratifica o recoñecemento outorgado á vila o pasado mes de xuño e que recolle os compromisos adquiridos polo Concello de Ponteareas para continuar promovendo e impulsando o cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes. “É un momento moi importante para nós polo que levamos loitando dende 2016 e que facemos realidade grazas en gran parte a todas e todos vós e á colaboración de todos os centros educativos”, salientou a rexedora.

A sinatura do convenio puxo o broche de ouro ao pleno infantil celebrado este venres co gallo do Día Mundial da Infancia que se conmemora este 20 de novembro e que comezou descubrindo a insignia de Cidade Amiga da Infancia, que estará colocada nos xardíns do Concello. “Parabéns por este recoñecemento, que garante que as vosas voces sexan escoitadas”, asegurou a vicepresidenta de Unicef Galicia.

Esta nova sesión presencial do pleno infantil estivo presidida por Cristina Fernández Davila, que estivo acompañada pola representante de Unicef, polo concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó; pola segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote; pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, e por representantes se dez centros educativos de infantil, primaria e secundaria do municipio: CPR Santiago Apóstol, CPR La Inmaculada, CEIP Feliciano Barrera, CEIP Nosa Señora dos Remedios, CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera, CEIP Santiago de Oliveira, IES Val do Tea, IES Pedra da Auga e IES Barral.

Un dos temas principais do pleno foi o acoso escolar, un dos temas que máis preocupación xera nas aulas e sobre o que é fundamental ter a visión da infancia e mocidade para ve afrontalo, atallalo e previlo. Para iso, o Concello ten en marcha unha enquisa en liña que xa contestaron arredor de 400 escolares e que está arroxando os primeiros datos. “Achéganos información moi interesante, pero tamén preocupante. Por exemplo, o 38% das persoas que responderon din que presenciaron algunha vez unha situación de acoso escolar na súa contorna, o 18% que no seu centro escolar existe bullying e o 5% que hai casos na súa aula. Reflicte claramente que o problema existe”, destacou a rexedora, quen recordou que “toda a información que nos dea esta enquisa unirase ás intervencións feitas no pleno para crear de forma conxunta un plan de acción cunha liña de actuación coa que atenuar e acabar coa problemática”.

Durante o pleno, as rapazas e rapaces participantes tamén fixeron achegas sobre as actuacións realizadas en materia de recuperación do espazo público para as persoas en Ponteareas e deron conta da participación de Juan Vázquez, Sabela Montero e Noela González no IX Foro Infantil Unicef-Parlamento de Galicia.

Redondela presenta un programa de Nadal 2021-2022 “para todas as idades”

0

“Un programa para todas as idades, equilibrado nos seus contidos, dirixido ao público familiar e cun claro protagonismo das nenas e nenos que son os que con máis intensidade e ilusión viven estas datas”. Así cualificou a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, o programa de Nadal 2021-2022 que hoxe foi presentado pola propia concelleira e a alcaldesa Digna Rivas.

Música, teatro, baile, festas, exposicións e obradoiros de Nadal forman parte dun programa que se iniciará o 27 de novembro, co acendido do alumeado de Nadal e rematará o día 15 de xaneiro, xa no 2022, coa actuación do Coro Tradicional Pecios de Rande no multiúsos da Xunqueira.

Entre esas dúas datas, actividades case que diarias e nas que se volve a apostar por iniciativas que foron postas en marcha polo Goberno local no momento da súa chegada ao Concello –o a videochamada dos Reis Magos, o videosaúdo personalizado de Papá Noel ou as visitas á Casa de Papá Noel– e que foron acollidas cun éxito que mesmo superou as previsións máis optimistas.

O programa iniciarase oficialmente o día 27 de novembro ás 18:30 horas co acendido do Alumeado de Nadal que non se cinguirá soamente ao acendido propiamente dito, senón que terá actividades paralelas como o espectáculo Lumen: xigantes da luz de Yara teatro, a presenza da Coca Simona e de “moitas sorpresas” e que se desenvolverán na Alameda Castelao e a rúa Alfonso XII.

Un día despois, o 28 de novembro ás 18:30, terá lugar o acendido do Alumeado de Nadal de Chapela, que terá lugar na Alameda de Rosalía de Castro e contará coas mesmas actividades que o de Redondela.

Precisamente a Alameda Castelao será o lugar no que, dende o día 28 de novembro, queden instaladas as atraccións infantís e que permanecerán durante todas as festas de Nadal.

A partir de ahí teatro infantil, festival de outono Airiños do Mar de Teis e teatro para adultos (a única actividade dirixida únicamente ao público adulto de todo o programa), irán ocupando espazos ata chegar as actividades “estrela” do programa.

Así, a partir do 8 de decembro, nenas e nenos poderán ver un videosaúdo personalizado de Papá Noel en nadalenredondela.com. e, dous días despois, a partir do 10 de decembro, cativas e cativos poderán inscribirse en barafundaanimacion.com para recibir, en directo, unha videochamada dos Reis Magos.

Xa o día 17 de decembro, nenas e nenos poderán visitar a Casa de Papá Noel que, como en anos anteriores, quedará instalada na Alameda Castelao. Os horarios de visita, para evitar aglomeracións, serán de 17 h a 19:30 horas dende o 17 de decembro ao 23 de decembro. O día 24 de decembro o horario ampliarase a mañá e tarde, de 11 h a 14 horas e de 16:30 h a 19:30 horas.

Estas tres actividades, tal e como explica a alcaldesa Digna Rivas, “superaron con creces as previsións máis optimistas que tíñamos e supuxeron unha novidade para os nenos e nenas” polo que, engade a rexedora local “supón un incentivo para ir engadindo, ano tras ano, novas actividades que teñan ás e aos máis pequenos como protagonistas”.

Precisamente este ano, o programa estreará outra actividade coa cativada como protagonista: a Festa Infantil de Fin de Ano, que se desenvolverá o 31 de decembro, de 11 h a 13 horas na Alameda Castelao de Redondela, e na Alameda Rosalía de Castro de Chapela.

A alcaldesa quixo agradecer “o enorme esforzo realizado pola Concellería de Cultura e a súa concelleira, Iria Vilaboa”, ao conseguir artellar a un programa “capaz de agradar a público de todas as idades” e que, ao mesmo tempo, “dálle enorme protagonismo aos nenos e nenas que viven estas datas con especial intensidade”.

Non esqueceu Digna Rivas en facer un chamamento á responsabilidade “á hora de non baixar a garda no que as medidas de seguridade sanitaria fai referencia”. A Covid, lembrou a alcaldesa de Redondela, “deixounos a experiencia de un Nadal estraño, case que sen ledicia. Agora podemos volver a retomar as celebracións como teñen que ser e na nosa man está o poder seguir avanzando cara á normalidade”.

O alcalde da Cañiza visita as obras no alumeado na parroquia do Couto e Parada

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, percorreu onte, acompañado dun dos técnicos da empresa adxudicataria, a parroquia do Couto e de Parada para visitar estas obras que xunto coa de Valeixe, xa rematada e a de Achas que se iniciará en breve, completan a reforma integral do alumeado público da Cañiza previsto para este ano 2021. No 2022 acometerase esta reforma en todo o casco urbano e nas parroquias de Oroso e de Petán.

A obra consistiu na substitución de máis de 670 luminarias e o tendido de 7,5 km de cable novo. Tamén se cambiaron 8 soportes que estaban en mal estado e se instalaron 23 novos cadros de mando que agora se adaptan á regulamentación vixente. Ademáis se legalizaron os novos contadores.

Como xa comentou o Luis Piña o pasado mes de abril, cando se iniciaron estas obras na parroquia de Valeixe “esta necesaria e ambiciosa reforma de todo o alumeado público do Concello, está permitindo substituir a deteriorada, desfasada e cara instalación existente por unha moderna e eficiente, cunha calificación enerxética «A» que cumple con todos os requerimentos de iluminación, calidade e confort visual regulamentarios”. “Ademáis estamos conseguindo reducir a factura da luz e polo tanto aumentar o aforro económico considerando que o Concello ten que asumir o pago de máis de 100 contadores eléctricos en todo o término municipal”.

As obras están subvencionadas ao 100% con fondos do Goberno de España, a través do Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético, que aporta o 80% do total cunha axuda de 312.101,56€ e da Xunta de Galicia, a través do Fondo de Compensación Ambiental, que subvenciona o 20% restante cunha aportación de 79.111,15€.

Na parroquia do Couto desenvolvéronse 235 actuacións en puntos existentes, despregouse 2.100 metros de cableado novo, substituironse 4 apoios en mal estado e se colocaron 11 novos cadros de mando.

Pola súa banda na parroquia de Parada, moito máis extensa territorialmente, se cambiaron 435 luminarias, despregouse 5.400 metros de cable eléctrico novo, retiráronse 4 apoios que estaban en mal estado, colocando outros novos e se instalaron 12 novos cadros eléctricos.

Esta renovación integral, sen precedentes no Concello, dota dunha moderna instalación eléctrica á parroquia do Couto e de Parada, co cambio de todas as luminarias a LED de última xeración, aportando aos barrios máis luminosidade e menos contaminación lumínica e un importantísimo aforro nos consumos enerxéticos, cumplindo así cos obxectivos do Pacto Verde da Unión Europea de reducir a contaminación.

O proxecto tamén contempla o cambio do tipo de facturación, xa que se eliminan todos os puntos que ata agora se facturaban en alzado, cun alto consumo enerxético e penalizacións no tipo de facturación, colocando novos contadores. Actuación que se traducirá nun importante aforro nos consumos enerxéticos: cunha previsión de superar máis do 50% de aforro na factura mensual.

Máis de 150 nenos piden ao Concello máis campañas de concienciación e formación sobre reciclaxe e cambio climático

0

Máis campañas de concienciación sobre o cambio climático e obradoiros de formación en temas de reciclaxe, redución de plásticos, outros usos do monte, especies autóctonas, eliminación de plantas invasoras ou hortas ecolóxicas, foron só algunhas das demandas e propostas realizadas polos máis de cen estudantes de 5º de primaria dos coles de Barrantes, Goián, Sobrada, Tebra e Pedro Caselles, no pleno do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia de Tomiño, que tivo lugar onte no auditorio ao aire libre do Espazo Fortaleza (Goián).

O tema tratado na sesión de carácter extraordinario que tiña como fin conmemorar a Semana e o Día Internacional da Infancia, foi “O Medio ambiente: propostas para que Tomiño sexa un concello máis sostible”.

No pleno, no que tamén houbo representantes do IES Antón Alonso Ríos e do CRA Mestre Manuel Garcés, estivo presidida pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e Meli Rodríguez,  en representación de Unicef Vigo. As dúas agradeceron as numerosas propostas dos escolares, asegurando a alcaldesa que tomaría boa nota de moitas moi interesantes e cheas de sentido común, nas que o goberno local poríase a traballar de inmediato.

Meli Rodríguez, pola súa banda, foi a encargada de pechar o acto, salientando o nivel das propostas escoitadas e animando ao alumnado a comezar a traballar dende o individual para enfrontar o tema prioritario da emerxencia climática. “Cada un de nos pode coidar o medio con pequenas accións que son as que conseguirán cambiar o mundo”, afirmou a representante de Unicef Vigo.

Mos presenta a súa campaña e programación con motivo do 25N baixo o lema ‘Hai amores que atrapan’

0

Onte venres 19 de novembro, coincidindo co Día Internacional da Muller Emprendedora, o Concello de Mos presentou no Multiusos das Pozas o programa de a actos conmemorativos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se conmemora o vindeiro 25N da campaña municipal de concienciación contra a violencia machista titulada ‘Hai amores que atrapan’ simbolizada coa imaxe dunha tea de araña cun corazón valeiro no medio.

A presentación realizouse no auditorio do Multiusos ante o o alumnado do grupo de Igualdade do IES de Mos integrado por 120 alumnos/as e 6 profesores/as. O acto tivo como eixo central a charla impartida pola mosense banda de música feminina, Girl’s Gang.

As Girl´s Gang son un grupo feminino e feminista que se fan oír con forza da mellor forma que saben, cantando. Estas mozas, que se moven no mundo da música e das influencers, contaron ao alumnado a súa experiencia neste mundo, no que os estereotipos de xénero ocultan un machismo que supón un grave problema entre as novas xeracións; derivando en ocasións nunha mensaxe que incita a comportamentos violentos e de cousificación da muller.

Acompañando ás Girl’s Gang estiveron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade mosense, Sara Cebreiro, e traballadoras do departamento de Benestar Social e o Centro de Información á Muller, CIM, de Mos.

Máis actividades da programación

Ademais da presentación realizada esta mañá no Multiusos o día 23 de novembro ás 18:00h no Pazo de Mos presentarase o resultado da avaliación do III Plan de Igualdade municipal, no que participaron o persoal técnico dos diferentes departamentos municipais e representantes de asociacións/centros e outras entidades; e recopilación de información para completar a elaboración do IV Plan de Igualdade municipal.

Dos días 23 ao 30 de novembro farase a presentación e entrega do libro “Galegas na ciencia” de Isabel Blanco para o alumnado de 6º de primaria en dous CEIPs de Mos.

O 26 de novembro impartiranse charlas sobre violencia de xénero a cargo das profesionais do CIM, para o alumnado de 5º e 6º de tres CEIPs públicos de Mos.

25N

O propio día 25 de novembro celebrarase o acto institucional ás 12:00h na Praza do Concello con lectura de manifesto e un minuto de silencio. Participarán representantes do movemento asociativo cultural e social de Mos.

Ademais promóvese entre os diferentes centros educativos do Concello de Mos a actividade “O tendal dos soños rotos”, consistente na creación dun tendal con diferentes prendas de roupa que representan cada unha das mulleres asasinadas neste ano.

Tamén na praza do Concello realizarase a instalación dun tendal, no  que distintas persoas, homes  e mulleres pertencentes  aos colectivos sociais, deportivos  e culturais, irán colgando prendas de roupa  morada, por cada unha  das mulleres asasinadas en España en 2021.

E por último xa pola tarde ofrecerase “SOA” mónologo a cargo de Rogelia dos Outerios ás 19:00h no Auditorio do Centro Dotacional en Torroso. Entrada libre ata completar aforo.

Neste espectáculo atopámonos cunha muller que, pechada na casa polo seu marido, atopa na súa nova veciña unha confidente a quen contarlle a súa historia, unha válvula de escape para liberarse da pesada carga que sempre lle acompaña. Así, descubrimos unha cruel realidade que leva agochada xa demasiado tempo, nun contexto que mestura medo, desesperación, tristura e claustrofobia. Porén, e a pesar das circunstancias, o humor está sempre presente e as situacións cómicas serven de catalizador para esta muller que, pouco a pouco, vai conquistando á audiencia. Un marido tolo, un cuñado enfermo, os fillos ausentes, a soidade, o machismo, pero tamén a complicidade, a liberación sexual, a autoestima, o cine, a música e, sobre todo, a esperanza son as pezas que emprega Rogelia dos Outeiros para construír un espectáculo que conduce ao público entre o drama e a comedia.

A unidade móbil de doazón de sangue estará en Ponteareas os días 26 e 27 de novembro

Ponteareas contará con dúas novas xornadas de doazón de sangue. A concellaría de Saúde, que dirixe a alcaldesa Cristina Fernández Davila, informa que a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará na vila os vindeiros días 26 e 27 de novembro e convida a todas as persoas que o desexen a achegarse a deixar a súa pinga de solidariedade.  

Como é habitual, o autobús estará situado na Avenida de Galiza, na parte traseira da Casa do Concello. O venres 26 abrirá de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas, mentres que o sábado 27 funcionará soamente en horario de mañá, de 10.00 a 15.00 horas. Para maior axilidade e poder graduar a afluencia de doantes, recoméndase a todas as persoas interesadas pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg. Recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e lémbrase que para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas. Ademais, é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou documento similar e informar ao médico de que se está a tomar algún medicamento.

Cada día a Axencia despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos hospitais galegos, que precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade. “A nosa colaboración é fundamental para garantir a asistencia a moitas persoas. Investindo tan só 10 minutos podemos axudar a salvar a vida doutras persoas”, salientou Fernández Davila.

O Rosal conmemora o 25N con actividades para continuar ‘Revolucionando mentes’

0

O Rosal continúa co seu compromiso contra a violencia de xénero. Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello  organizará exposicións, charlas e diferentes accións de visibilización coas que concienciar e sensibilizar á veciñanza. Unha morea de actividades de carácter transversal “coas que seguir  Revolucionando mentes e dar esa sacudida que ás veces é necesaria para que as persoas continúen evolucionando e avanzando, para visibilizar a lacra que supón a violencia machista dentro da nosa sociedade e remover conciencias para conseguir erradicala dunha vez por todas”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Nese camiño cara a concienciación, o Concello abrirá o vindeiro luns 22 o primeiro punto morado do municipio na Biblioteca municipal. Trátase dun espazo de lectura e consulta no que se poderá topar material de carácter feminista dirixido tanto a público adulto como a nenos e nenas. Ademais, pintaranse de morado varios bancos que se colocarán en diferentes puntos do Rosal.

O mércores 24 o alumnado de educación primaria do CRA María Zambrano e do CPI Manuel Suárez Marquier comezarán coa preparación da exposición Gafas cons perspectiva de xénero, unha mostra que afondará “como se ve a vida con perspectiva de xénero, ofrecendo unha mirada crítica para descubrir as desigualdades entre homes e mulleres que sigue habendo hoxe en día”, salienta a concelleira de Igualdade, Sara Vicente.

O Concello anima a toda a veciñanza a participar o propio 25 de novembro na concentración veciñal que terá lugar ás 20.00 horas na Praza do Calvario, na que todos os grupos da Corporación municipal lerán un manifesto antes da celebración do pleno.

Xa o martes 30 de novembro a traballadora social e coordinadora do Centro de Información á Muller da Guarda, Yolanda Villaverde, dará unha charla ao alumnado de 3º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier.

Ademais destas actividades, o Concello acollerá durante os vindeiros días a exposición ‘Eu tomo partida contra a violencia de xénero’, que nesta edición contou coa colaboración de integrantes da Asociación Ecos do Folón. E durante estes días tamén se alumeará de cor morada o Concello e a Cámara Agraria e se difundirán nas redes sociais do Concello diferentes mensaxes contra a violencia de xénero.

Por outra banda, o Concello dispón de diferente cartelería para o comercio local ou establecementos de hostalaría que queiran sumarse á campaña En negro contra as violencias. Os comercios e establecementos interesados poderá solicitar e recoller xa o material na Casa do Concello.

O Museo abre as portas dos seus fondos a través de Instagram

O Museo de Pontevedra vén de abrir unha conta en Instagram, @museo_pontevedra, un perfil oficial a través do que achegar ao público todos os seus fondos, actividades, eventos e efemérides, e que se suma a Facebook, a outra rede social na que ten presencia a institución pontevedresa, e na que conta con 13.755 persoas seguidoras.

Calquera persoa poderá ir coñecendo o Museo sen necesidade de visitalo presencialmente usando o teléfono para ver a súa conta de  IG, unha maneira de promoción na que hai tempo que se pretendía poñer en marcha e que se erixe como estupenda ferramenta para difundir a cultura e o coñecemento presente nas coleccións permanentes e tamén temporais.

A intención da dirección do Museo é explicar cada día cun post algunha das pezas, ver como se fan as montaxes, animar a visitar exposicións e tamén recoller efemérides,  ou divulgar sobre arte e a súa terminoloxía, entre outras cuestións, sempre a través de imaxes de boa calidade. Así mesmo, no apartado das Stories, iranse dando a coñecer as actividades, obradoiros e eventos que, de maneira propia ou allea, se vaian organizando e celebrando nos diferentes edificios do Museo. A intención é ter moi en conta as persoas usuarias e visitantes e aumentar a interacción co público. A  presenza do Museo nas redes e no mundo dixital, ademais da creación da conta en IG, mellorará tamén en breve grazas á renovación da actual páxina web, renovando contidos a través dun novo formato máis interactivo e accesible cunha imaxe máis actual.

Os alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán asinan un convenio con Correos

0

Os alcaldes do Val Miñor, Carlos Gómez do Concello de Baiona e Paco Ferreira do Concello de Gondomar, reuníronse co director da Oficina de Correos de Baiona para asinar un convenio para facilitar ás pequenas e medianas empresas as labores de loxística e reparto.

Este convenio asinado entre os alcaldes da comarca e Correos non ten outro obxectivo máis que o de axudar as pequenas e medias empresas da comarca do Val Miñor  conseguindo vantaxes para o envío dos seus produtos aos seus clientes é así poder mellorar a súa situación que viuse e segue véndose prexudicada pola crise sanitaria que estase a vivir.

Carlos Gómez Prado, alcalde do Concello de Baiona, desexa que estas vantaxes acadadas neste convenio sexan un pequeno empuxón para a economía do noso pobo e da nosa comarca.

Cortados cinco dos icónicos tileiros da praza de Mondariz polo seu deteriorado estado de conservación

0

Á vista do estado de conservación das árbores da Praza de España, o Goberno municipal de Mondariz tomou a decisión de cortar as cinco máis danadas para evitar riscos en materia de seguridade. Durante a xornada laboral do xoves, varios operarios municipais completaron a tarefa coa axuda de dous vehículos con guindastres. Unha vez derrubados, os pés das árbores amosaban un estado de podremia interna que xustificaba a medida.

A operación, con todo, provocou reaccións dispares entre a veciñanza que era testemuña directa ou indirecta da mesma a través das redes sociais, xa que os tileiros que rodean a praza son moi queridos.

“Cortar árbores nunca é unha decisión doada, pero había que ser prudentes. Non se podía esperar a que houbera caídas de ramas ou mesmo pés para actuar, cando xa tiñamos informes técnicos que recomendaban substituír e mesmo eliminar algúns dos tileiros porque a podremia interna estaba demasiado avanzada”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

En 2020, a resposta dunha solicitude expresa do alcalde de Mondariz, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro realizou unha avaliación técnica do estado dos icónicos tileiros da Praza de España, no que se corroboraba a diagnose dun estudo previo emitido no ano 2015: unha perigosa tendencia á podremia nos pés das árbores, derivada das podas feitas durante anos para darlles unha estrutura artificial de candelabro.

Despois dunha avaliación visual preliminar dos 35 tileiros da praza, no informe técnico recomendouse substituír e eliminar alomenos catro pés, manter a vixilancia sobre outros 25 pés por diferentes niveis de risco, ir substituíndo ou mesmo eliminando os pés máis desequilibrados, sanear aqueles tileiros que presentaran máis ramas secas e defectos estruturais, e separar o empedrado das proximidades das árbores.

O asunto do estado dos tileiros da Praza de España e a necesidade de actuar para manter a seguridade do lugar foi tratado na última Comisión de Urbanismo celebrada no Concello de Mondariz. Malia que este concello realiza un seguimento periódico do estado de conservación das árbores, como demostran os informes técnicos mencionados, a recente caída dunha árbore no veciño Concello de Mondariz-Balneario, que deixou unha persoa morta e varias máis feridas, alertou da necesidade de tomar medidas inmediatas para previr catástrofes.

Gondomar logra 3 flores de honra por parte do xurado de “Vilas en flor”

0

Gondomar estivo representado polo concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, quen foi o responsable de recoller o galardón que recoñece ao concello 3 flores de honra por a súa acción decidida por mellorar a contorna e protexer os espazos verdes e naturais.

Destaca o xurado na acta “as boas actuacións executadas na entrada do núcleo urbano, o deseño dun gran paseo fluvial incorporando zonas verdes entre as edificacións, e o desenvolvemento de novos espazos lúdicos para a realización de actividades de recreo”.

Pola súa banda o alcalde, Paco Ferreira, mostrouse moi satisfeito ante o recoñecemento porque “pon en valor o traballo que moitas persoas realizan para que Gondomar sexa unha vila máis amable e respectuosa co medio ambiente e, unha localidade, pensada para e polas persoas, un obxectivo no que seguiremos traballando desde o goberno local”.

O acto de entrega dos galardóns celebrouse esta mañá na localidade de Allariz e estivo presidido pola alcaldesa do municipio, Cristina Cid, e a consellerira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que estiveron acompañadas, entre outros polo coordinador do programa Vilas en Flor, Pedro Calaza, membros do xurado e representantes dos 30 municipios participantes na edición deste ano.

O certame, organizado pola Fundación Juan de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste e a Asociación Galega de Empresas de Xardinaría, márcase como obxectivo promover a mellora ambiental social e económica dos concellos participantes, así como dinamizar ou sector do paisaxismo e ornamentación como selo de calidade e reclamo turístico.

A Deputación revalida o seu compromiso con UNICEF no Día Mundial da Infancia

A Deputación de Pontevedra iluminará de azul o seu Pazo Provincial desde as 19.00 deste venres ata as 8.30 da mañá do domingo ao abeiro do Día Mundial da Infancia. A celebración coincide coa conmemoración do 75 aniversario de UNICEF (Fondo das Nacións Unidas para a infancia) e, como cada 20 de novembro, a institución provincial súmase ás accións que se desenvolven para dotar de visibilidade e concienciar á cidadanía sobre a importancia de sumar esforzos para garantir os dereitos e o benestar dos nenos e nenas de todo o mundo. Amais, a Deputación vén de revalidar o seu apoio a UNICEF e ao seu programa de atención e protección aos nenos/as máis vulnerables fronte aos efectos da pandemia en Siria.

Para o ente provincial é fundamental sumarse ás iniciativas e asociacións que están comprometidas coa protección, a educación e a supervivencia dos nenos e nenas en situacións de emerxencia. Como mostra disto, este ano colabora co proxecto de UNICEF, que ten como obxectivos principais asegurar o acceso a servizos básicos de auga, saneamento, hixiene e saúde para reducir a transmisión e mortalidade a causa da Covid19 nas familias máis vulnerables e protexer ao persoal sanitario de Siria. Trátase dun programa moi necesario no actual contexto de crise sanitaria no que se atopa o país do Oriente Próximo, co que UNICEF contribuirá a acadar o seu obxectivo en Siria de chegar a máis de cinco millóns de persoas con medios de prevención do coronavirus e a máis de 120 centros de saúde, que se beneficiarán de equipos de protección e servizos de hixiene.

Este ano o Fondo das Nacións Unidas pola infancia celebra o seu 75 aniversario de traballo a favor dun cambio nas vidas dos nenos máis desfavorecidos do mundo. Desde os seus inicios ao finalizar a Segunda Guerra Mundial, UNICEF continúa a combater na primeira liña das crises humanitarias, conflitos armados e desastres naturais. Na actualidade, esta asociación está presente en 17 comunidades autónomas, e supera os 400.000 socios/as sen contar todos/as donantes e entidades que a apoian en España para facer posible a súa labor en todo o mundo.

Os nenos e nenas constitúen o colectivo máis vulnerable e, por conseguinte, o que máis sofre as crises e os problemas do mundo. Este día mundial volvemos lembrar que todos os nenos e nenas teñen dereito á saúde, a educación e a protección, independentemente do lugar do mundo no que naceran; facemos un chamamento mundial sobre as necesidades das e dos máis cativos e recoñecemos e pomos en valor a labor das persoas que traballan día a día para que a infancia teña un futuro mellor.

A Concellería de Medio Ambiente de Redondela organiza unha demostración práctica sobre o uso das biotrituradoras portátiles

0

O vindeiro sábado 20 de novembro, ás 11 horas, a antiga feira de gando de Redondela, na Avenida Mendiño, acollerá unha charla e demostración práctica sobre o funcionamento das biotrituradoras portátiles para compostaxe recentemente adquiridas polo Concello, maquinaria que será prestada ás veciñas e veciños que así o soliciten.

Nesta actividade, os técnicos explicarán polo miúdo o funcionamento destes aparellos así como as medidas de seguridade que se deben adoptar durante o labor de triturado. A iniciativa, incluída no programa ‘Redondela Composta’, busca mellorar o sistema de compostaxe existente no municipio e incrementar a separación dos residuos sólidos urbanos na orixe.

Coas biotrituradoras, as veciñas e veciños (estean ou non incluídos no programa de compostaxe doméstica) poderán triturar aqueles restos vexetais para despois ser utilizado como estruturante nos composteiros, un material que neste momentos é deficitario no municipio redondelán.

Lorenzana destaca en Baiona o apoio da Administración galega ao emprendemento xuvenil

0

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou onte en Baiona o apoio da Administración galega ao emprendemento xuvenil na gala do XVI Premio Joven Emprendedor y Joven Empresario, que convoca cada ano a asociación Jóvenes Empresarios de Vigo (Aje). Lorenzana sinalou que os emprendedores, como os premiados hoxe, son “un exemplo e inspiración” de un emprendemento que se compromete co desenvolvemento socioeconómico de Galicia e fomenta o talento empresarial entre a mocidade galega.

A titular de Emprego e Igualdade apuntou que o emprendemento está a ser clave na recuperación do tecido empresarial galego durante a covid-19: só o 4% dos futuros emprendedores abandonaron o seu plan emprendedor nos momentos máis duros da pandemia, mentres que o 45% optou por reorientar o seu modelo de negocio e seguir adiante, segundo so datos do informe GEM-Galicia 2019-2020. Así, Lorenzana indicou a necesidade de seguir avanzando en políticas públicas que protexan e impulsen o emprendemento e o emprego xuvenil. “A nosa mocidade é un piar da Galicia dun presente e que pensa no futuro”, engadiu.  

No eido laboral, avanzou que en 2022 porase en marcha o Plan Emprega Xuventude que, dotado con 51,8 millóns de euros, impulsará a cualificación profesional dos máis novos, ao tempo que promoverá a contratación, ofrecendo novas posibilidades de inserción laboral.

No campo do emprendemento, a conselleira afirmou que en 2022 sentaranse as bases para a definición dunha nova Estratexia do emprego autónomo de Galicia coa que se reforzarán as axudas dirixidas ao inicio da actividade por conta propia e as destinadas a apoiar a continuidade e consolidación do emprego autónomo. Neste senso, Lorenzana anunciou que o próximo ano desenvolverase o novo programa Empresa Dixital que cun millón de euros prestará apoio ás pequenas empresas na súa adaptación aos cambios tecnolóxicos e á transformación dixital.

Para rematar, a titular do departamento autonómico agradeceu a AJE-Vigo o seu laboral para visibilizar iniciativas de alto valor engadido e perspectiva de futuro e polo seu traballo diario no impulso do talento emprendedor entre a mocidade galega.

Propostas sobre mobilidade, medioambiente, reciclaxe, cultura e deporte no Pleno da Infancia e a Adolescencia de Redondela

0

O Pleno do Consello Municipal da Infancia e a Adolescencia de Redondela, reunido na mañá de hoxe no Multiúsos da Xunqueira –lugar de celebración habitual dos Plenos da Corporación Municipal– baixo a presidencia da alcaldesa Digna Rivas, puxo enriba da mesa as principais preocupacións dos mozos e mozas que, ao longo da sesión, foron trasladadas ao Goberno para o seu estudo e posta en marcha.

Digna Rivas agradecía, ao comezo do Pleno “o enorme traballo que estades facendo dentro do Consello Municipal da Infancia e a Adolescencia, reuníndovos cada quince días para propoñer e estudar propostas que redundan en beneficio de toda a cidadanía”.

Antes de comezar a debater a Orde do Día, a alcaldesa deulles conta do punto en que se encontraban algunhas das propostas que se realizaron na anterior reunión “e que se están a desenvolver neste momentos como os asfaltados de camiños e os novos parques nos que se están aplicando medidas para a accesibilidade”.

As propostas presentadas polos e polas representantes do CEIP Alexándre Bóbeda (Iris e Hugo); CEIP Porto Cabeiro (Raúl e Mª Teresa); CPR Colexio Vigo (Xiana e Miguel); IES Chapela (Laura); IES Illa de San Simón (Lúa); IES Mendiño (Carla) e IES Pedro Floriani (Guillermo), deixaron ao descuberto unha infancia e mocidade con inquedanzas, mesturadas con preocupación, polo medioambiente, a mobilidade, a cultura e o deporte.

Así, a necesidade de dotar a Redondela dun carril bici do que carece, foi unha das propostas persentadas pola grande maioría dos asistentes ao Pleno do Consello, ao igual que a necesidade de incrementar os puntos de reciclaxe e impartir cursos sobre este tema nos centros escolares. Púxose sobre a mesa, seguindo o exemplo doutros países, a proposta de ‘incentivar’ a reciclaxe a través vales desconto nas compras por certa cantidade de material reciclado ou da instalación de papeleiras específicas para as máscaras de protección e que, con demasiada frecuencia, aparecen tiradas polo chan.

Non faltaron as ideas que levan incluído traballo de voluntariado, nas que mozos e mozas amosáronse dispostos a contribuír na limpeza de praias e espazos verdes que contribúan. A mobilidade é outra das preocupacións da mocidade redondelá, tal e como se puxo de manifesto no Pleno ao expresar a necesidade de incrementar o transporte público coas parroquias para diminuír o uso dos vehículos privados e, polo tanto, as emisións de CO2.

Actividades culturais para a mocidade, obradoiros da máis diversa índole, realización de actividades e eventos ao aire libre e en contacto coa natureza, incrementar as charlas para fomentar a igualdade, cursos de teatro ou cociña, lugares de ocio cuberto onde se poida reunir a mocidade nos días de choiva, pistas deportivas, incrementar a limpeza nos parques, visibiliar as e aos artistas de Redondela nas súas diversas facetas, exposicións, concertos didácticos e a necesidade de introducir innovacións tanto no Festival de Títeres como na Festa do Choco “para seguir mantendo o interese, sobre todo no tocante as actuacións que se levan a este último evento”, foron algunhas das múltiples propostas presentadas ao longo deste pleno.

Olga García Ballesteros, que asegurou “estar orgullosa” da infancia e mocidade redondelá, animou as e aos participantes a seguir traballando. Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas, lembrou que as propostas que realizan nestas reunións de traballo, “son tomadas moi en serio polo Goberno local de cara a convertelas nunha realidade” como se fixo, cómpre salientalo, co parque de calistenia “que foi unha das vosas ideas”, dixo a rexedora local.

Concello de Ponteareas e Avelaíña continúan traballando xuntos no servizo de información e asesoramento en saúde mental

O Concello e a Asociación Avelaíña continúan traballando da man para mellorar a calidade de vida e favorecer a integración social das persoas afectadas. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e a presidenta da asociación, Mª Fernanda Orduna, renovaron o convenio de colaboración entre ambas entidades por un importe de 5.000 euros que permite apoiar o “Servizo de información e asesoramento en saúde mental para previr a exclusión social”, que inclúe un conxunto de actuacións dirixidas a dar resposta ás demandas da poboación en relación á saúde mental dos ponteareáns e ponteareás.

“Asociacións como Avelaíña desempeñan un papel fundamental nos diversos ámbitos da actividade social de Ponteareas, desenvolvendo unha función esencial e imprescindíbel nas políticas de saúde pública, por exemplo”, salientou a rexedora, que quixo agradecer xunto á concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, o labor tan importante que esta entidade vén desenvolvendo na vila. Só no que vai de ano, a Asociación Avelaíña atendeu a 37 persoas e familias de Ponteareas, ás que se lle deu información e asesoramento, apoio psicolóxico e apoio comunitario.

Con este convenio refórzase así un servizo que Avelaíña presta de forma permanente no Condado e A Paradanta e que viu incrementada a súa demanda tras a crise sanitaria. “A pandemia foi especialmente dura coas persoas con problemas de saúde mental, polo que a asociación e todo o equipo de profesionais que ten detrás converteuse nun apoio impresdincíbel para elas e para as súas familias”, recalcou.

O obxectivo deste servizo é informar sobre os diferentes recursos e procedementos vinculados á saúde mental e asesorar ou poñer en contacto co persoal idóneo que poida atender a cada problemática particular, complementando así os servizos sociais dos que dispón o propio Concello de Ponteareas.

Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que dende 1997 traballa para potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Actualmente está integrada por 18 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, persoas coidadoras e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.

Hostaleiros e persoas traballadoras autónomas da Cañiza poderán solicita as axudas para paliar os efectos económicos da pandemia

0

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicou onte o anuncio do Programa de Reactivación  Económica e Social do Concello da Cañiza  e as Bases reguladoras das Liñas de axuda aos sectores máis desfavorecidos  da Cañiza  pola  situación Pandémica.

Estas axudas xa foran anunciadas con anterioridade polo alcalde da Cañiza, Luis Piña, aos propietarios e representantes dos establecementos do municipo no decurso dunha reunión celebrada o pasado 17 de setembro na Casa Consistorial. Piña explicou con detalle a finalidade destas axudas e o procedemento a seguir para a súa tramitación e solicitude.

Ademáis, nesta reunión o Alcalde informou que para poder repartir estas achegas, o Concello tivo que pedir autorización á Xunta de Galicia por corresponderlle á Comunidade Autónoma esta competencia.

A partires de mañá, e durante 10 días naturais, os interesados poderán presentar as solicitudes de axuda conforme aos modelos publicados nestas Bases, sempre e cando cumpran cos requisitos necesarios para poder ser beneficiario das mesmas.

O obxecto da presente convocatoria é paliar e actuar ante as consecuencias derivadas da crise económica provocada polo COVID-19, e impulsar a actividade económica no termo municipal de A Cañiza, outorgando liquidez ás autónomas e hostaleiros do Concello para contribuír a facilitar o cumprimento das súas obrigas empresariais, mantemento da actividade e emprego e atenuar a redución drástica de ingresos asi como tamén compensar o abono das taxas municipais para todos aqueles negocios que tiveron que realizar un peche obrigatorio.

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde son as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA e as persoas traballadoras por conta propia  que teñan o domicilio fiscal en A Cañiza, incluídos os autónomos societarios que teñan unha alta anterior ao 30.3.2020 e que acrediten o peche da actividade ou unha baixada de facturación nos termos establecidos nas presentes bases.

Únicamente se pode presentar unha solicitude por persoa física ou xurídica.

Estas axudas van dirixidas a persoas traballadoras autónomas con ou sen traballadores/as ao seu cargo, microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que se atopen nalgunha destas situacións:

  • Estar afectada polos supostos de peche do establecemento, ou no caso de hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos, excluídas as Vivendas de Uso turístico, polo peche perimetral do concello en que se sitúen, ditados pola autoridade sanitaria ou a autoridade competente delegada da Xunta de Galicia nas ordes e decretos .
  • Que acrediten o peche ou unha baixada de facturación entre o ano 2019 e 2020, nos termos establecidos nas presentes bases.

Neste enlace ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra pódese acceder ao Anuncio das Bases, ampliar información e descargar os formularios de solicitude.

«Os amores non matan» acción formativa de prevención da violencia de xénero da Concellería de Igualdade de Baiona

0

O alumnado de terceiro da ESO do CPI Cova Terreña de Baiona, participou onte no obradoiro Os amores non matan, unha acción formativa de prevención da violencia de xénero onde se revisan os cambios dos vínculos amorosos e a súa transformación en relaciones tóxicas .

Na actividade, organizada pola Concelleria de Igualdade, abordáronse entre outros contidos as relacións amorosas sas: elementos que as sustentan; as relacións amorosas tóxicas: dominación, violencia física, psicolóxica os celos; a violencia de xénero .etc.

O obradoiro inclúe outra sesión na que o alumnado será o protagonista, elaborando unha unidade didáctica audiovisual na que procederá a resumir a formación que recibiron para logo proxectar o resultado noutras aulas.

Este obradoiro impartirase tamén no IES Primeiro de Marzo o vindeiro 25 de novembro. A actividade está subvencionada cos fondos recibidos polo Pacto de Estado.

A Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, subliñou que a xuventude “constitúe un grupo especialmente sensible á violencia de xénero”, polo que considera necesario “que identifiquen e rexeiten conductas sexistas que as veces se toleran ou xustifican”.

Yasmina Moreira fixo fincapé na necesidade de accións desta índole “para dotar a xuventude de ferramentas para que establezan as relacións que realmente queren, e o ámbito educativo é un ámbito privilexiado para achegarnos a este colectivo”.

Tres «Flores de Honra» para a Guarda no certame Vilas en Flor 2021

0

O Concello da Guarda participou este mércores en Allariz no Certame de valoración do programa Vilas en Flor que recoñece o labor na xestión de zonas verdes dos concellos galegos de menos de 40.000 habitantes.

A Guarda participa por terceiro ano consecutivo nesta iniciativa posta en marcha pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) e que avalía a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos. Nesta ocasión, a Concelleira de Medio ambiente, Montserrat Magallanes e o Concelleiro de Vías e Obras, Miguel Ángel Español recolleron o galardón de tres Flores de Honra, unha flor máis que nas anteriores edicións de 2019 e 2020.

Montserrat Magallanes e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, co diploma acreditativo

A valoración baseouse no dossier remitido polo propio concello no que se avalía, entre outros, o patrimonio vexetal e paisaxístico, os espazos verdes urbanos, parques e xardíns, a relación entre espazos naturais e número de habitantes, a xestión da auga ou as actividades, turismo e comunicación nesta materia.

A maiores, o xurado de Vilas en Flor realiza unha visita de inspección na que percorre algunhas das localizacións máis destacados co obxectivo de coñecer de primeira man os avances do municipio en materia medioambiental e paisaxística.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, manifestou que este recoñecemento é froito do gran esforzo realizado polos diferentes servizos municipais e empresas encargadas do mantemento de espazos públicos e xardíns municipais en colaboración coa cidadanía guardesa, nunha aposta decidida pola mellora destes espazos e a súa posta en valor, facendo fincapé tamén na concienciación cidadá para manter A Guarda limpa e embelecer o noso entorno.

O Concello de Oia presenta as súas alegacións contra o parque eólico Albariño I

0

O Concello de Oia presentou este xoves as súas alegacións en contra do proxecto de parque eólico Albariño I, tendo en conta o seu impacto ambiental, patrimonial e sobre a paisaxe; entre outras cuestións. O proxecto do parque eólico Albariño I afecta a tres municipios: Oia, Baiona e Tomiño e prevé, en total, a instalación de 6 aeroxeradores. A Administración oiense contratou un técnico externo para estudar este proxecto a fin de presentar alegacións en contra.

Concretamente, a análise do estudo de impacto ambiental (EsIA) do parque eólico Albariño I permitiu detectar unha serie de eivas e erros que cuestionan a viabilidade da iniciativa. Nesta liña, o proxecto xera afeccións significativas á Serra da Groba, espazo de referencia en Galicia polo seu gran valor natural e paisaxístico.

Os impactos máis graves prodúcense no ámbito hidrolóxico, con numerosas afeccións a cursos fluviais e a calidade das augas, entre as que destaca a localización de tres aeroxeradores e os seus correspondentes viarios e gabias no interior do perímetro de protección de augas mineiro-naturais Aguasana 2.

Tamén se teñen constatado afeccións no ámbito paisaxístico, xa que o proxecto sitúase no interior do espazo catalogado como Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP); e no ámbito da biodiversidade, dadas as afeccións que a construción do parque provocaría na avifauna do entorno e nos hábitats de interese comunitario, entre os que destacan tres charcas temporais, de gran relevancia polos seus altos valores biolóxicos.

Estas afeccións combínanse, ademais, cuns efectos sinérxicos e acumulativos derivados de outros parques eólicos proxectados na Serra da Groba, como son o PE Toroña e o PE Torroña I.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, incidiu en que a alegación pide a “retirada definitiva” do proxecto por ser incompatible con valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos, e tamén polo rexeitamento social que provoca. Así mesmo, lembra que a fragmentación en distintos proxectos sectoriais imposibilita avaliar correctamente, no seu conxunto, a totalidade de infraestruturas eólicas, poñendo un “sesgo de información pública á cidadanía e outras administracións”.

Alegacións accesibles na web

O documento de alegacións presentado polo Concello de Oia consta dun total de 38 páxinas e pode consultarse na propia web municipal, no apartado específico dedicado ao parque eólico Albariño I: https://www.concellodeoia.es/albarino-i/

Así mesmo, o Concello irá informando puntualmente sobre outros proxectos eólicos que teñan afección no municipio.

A cuarta edición da xornada ‘Turistic’ da Deputación ten os seus eixos centrais na sustentabilidade e a dixitalización

“O turismo, non o do futuro senón xa o do presente está centrado na dixitalización e coa mirada posta na sustentabilidade”. Precisamente ambos eixos temáticos aos que se referiu Carmela Silva, a dixitalización e a sustentabilidade, serán os protagonistas da IV edición da xornada “Turistic” que terá lugar o xoves 2 de decembro no Edificio Castelao do Museo Provincial.

“Será a xornada máis potente que fixemos estes anos”, afirmou a presidenta, e contará con persoas especialistas a nivel nacional e internacional que afondarán na “economía circular, na xestión sostible dun negocio, na preservación da contorna natural, na importancia do dato, no sentimento ou reputación do destino, ou na dixitalización da oferta turística”. O evento, en formato presencial e telemático e para o que xa é posible formalizar a inscrición a través de www.depo.gal, servirá tamén para divulgar a Carta de Dereitos Dixitais promovida polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Carmela Silva: “Será a xornada máis potente destes anos porque o novo turismo xa do presente está centrado na dixitalización e coa mirada posta na sustentabilidade”

Esta IV edición de Turistic, que a Deputación promove ao abeiro do programa SmartPeme será presentada por Yolanda Vázquez e contará coa participación “estrela” de Esther Rodríguez, de MyStreetBook, nominada ao “Innovators Under 35 del Massachusetts Institute of Technology” e seleccionada na lista “Business Insider 2019” como “unha das 29 españolas menores de 35 anos chamadas a revolucionar a tecnoloxía, finanzas e política”. Na conferencia, falará sobre “Hiperpersoalización para un territorio intelixente e sostible”. Esther Rodríguez afondará así en como as e os xestores turísticos -públicos e privados- poden atraer a novos perfís de persoas viaxeiras dixitais a través do uso dos datos, a intelixencia artificial e a recomendación de rutas personalizadas.

Amais, a xornada contará con dúas mesas redondas. Na primeira delas, centrada no “Turismo responsable na nova normalidade” e moderada pola xornalista Nani Arenas, participarán a consultora Maite Vence (do Observer® Science Tourism), a empresaria de turismo cultural Beatriz Pérez (CEO de Máis que Románico), o estrela Michelín Javier Olleros (do restaurante Culler de Pau, con Estrela Michelín e Estrela Verde), e a empresaria arousana de turismo activo Marta Iglesias (da empresa Piragüilla Ocio y Aventura). A segunda mesa redonda, centrada en “O protagonista do dato no novo ecosistema turístico”, será moderada pola deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, e contará coa participación de Iván Leanizbarrutia (CEO da empresa internacional NETHODOLOGY), da emprendedora galega Lorena Rosende (CEO de ITERA) e dunha persoas representante da Fundación CTIC que esta a desenvolver interesantes proxectos de intelixencia artificial no turismo no medio rural.

Tamén se divulgará a “Carta de Dereitos Dixitais” elaborada por un grupo de persoas expertas convocadas polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Trátase, tal e como explicou a presidenta, do “marco de referencia para a acción das administracións públicas, das empresas e da sociedade para aproveitar as potencialidades e oportunidades que ofrece o entorno dixital controlando os riscos”. Trala súa divulgación en Turistic, a “Carta de Dereitos Dixitais” estará a disposición das entidades e persoas interesadas na web da Deputación.

Ponteareas introduce melloras no sistema de cita previa para a renovación do DNI

O Concello de Ponteareas acaba de por en marcha melloras no sistema de solicitude de cita previa para a renovación do DNI de cara a facilitar á veciñanza a realización deste trámite. A Concellaría de Bo Goberno, que dirixe Roberto Mera, implementou unha atención personalizada en lugar do anterior sistema de cita telefónica automatizada, que en ocasións provocaba problemas ao non rexistrar o solicitante correctamente todos os datos necesarios.

Con este novo sistema as persoas que queiran solicitar cita previa poderán chamar por teléfono chamando á centraliña do Concello ao 986 64 00 00 e contactar coa Oficina de Atención Cidadá.

Ademais, as persoas interesadas poderán seguir solicitando cita previa tamén de forma telemática, como se viña facendo ata o de agora, a través da web https://citaprevia.ponteareas.gal.

A Policía Local informará con antelación a través da web do Concello e das redes sociais cando se volva abrir o prazo para solicitar cita previa para o vindeiro ano 2022.

A danza e o teatro familiar copan a fin de semana cultural de Gondomar

0

O Auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá este sábado 20 de novembro, a partir das 21.30 h, o espectáculo de danza “Bailar Agora”, premiado con tres María Casares nas categorías de actriz protagonista, dirección e iluminación, e o FETEGA ao mellor espectáculo do ano, entre outros. Sobre as tablas Marta Alonso Tejada que a través da súa montaxe convida o público a coñecer a súa traxectoria como profesional e os sacrificios que o baile pode chegar a esixir.

“Bailar Agora”, protagonizada e dirixida pola propia Marta Alonso, é un espectáculo no que a danza o humor e a proximidade cos espectadores “xeran unha atmosfera particular do cotiá, do natural, do común e do esperanzador que se comparte na escena”.

O domingo 21 de novembro, ás 12.30 h, será a quenda para as familias que poderán gozar e aprender do espectáculo “Cartoons”, protagonizado por Josito Porto e Víctor Mosqueira, que tamén dirixe a obra. Nela dous divertidos clowns que viven rodeados de cartóns descobren a importancia deste material. A través do transcurso das escenas estimulan ao auditorio infantil a descubrir todo o que se pode facer co cartón “converténdose o espectáculo nun vehículo de valores como a colaboración, a solidariedade e a conciencia ecolóxica”.

Máis información: https:taquilla.concellodegondomar.gal.

Arbo aproba un convenio coa Xunta para mellorar o abastecemento municipal

0

O Pleno da Corporación municipal, na súa sesión de data 15 de novembro, aprobou o convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Arbo para a execución da actuación de “rehabilitación do bombeo de captación, impulsión, tratamento e conexión entre os depósito do Couto e Arbo, financiado ao 100% por Augas de Galicia.

O Concello de Arbo dispón dun sistema de abastecemento baseado na captación de auga e a impulsión aos depósitos, pero ditas instalacións son moi antigas, polo que sofren importante perdas e o subministro non está garantido, sobre todo na época estival, polo que a petición do Concello solicitase colaboración a Xunta de Galicia e  recíbese a proposta de  Convenio de Colaboración sobre a base do  proxecto técnico da referida actuación “Rehabilitación do bombeo de captación, impulsión, tratamento e conexión entre os depósitos do Couto e Arbo.

Cun orzamento  de 2.075.208,94 € (IVE 21 % incluído),  este proxecto  pretende  solucionar os problemas no sistema de abastecemento de Arbo, mediante a impermeabilización dos depósitos, instalacións de equipos para o control do caudal e cloro libre, renovación do bombeo principal, nova ETAP e nova conexión entre dos depósitos.

A Xunta de Galicia aposta pola máxima colaboración cos concellos na dotación e mellora do abastecemento de auga potable á poboación, a pesar de ser unha competencia municipal”, apuntou  o alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil – e así o demostrou no ano  2020 cando a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia,  a impermeabilización de varios depósitos de augas municipais  que supuxo un investimento autonómico de máis de 46.000 euros-  remata o rexedor

As actuacións, que serán realizadas por Augas de Galicia,  consisten na contratación da execución, dirección das obras e labores de coordinación de seguridade e saúde na fase de construción, a xestión das mesmas ata completar a súa finalización e formalizar os actos de recepción de conformidade co estipulado na lexislación vixente en materia de contratos, e cos efectos sinalados no convenio, así como será Augas de Galicia os encargados de financiar as actuacións  e controlar a calidade e a seguridade e saúde das obras de referencia durante a súa execución.

Asemesmo, o Pleno facultou ao alcalde, Horacio Gil , para a sinatura do Convenio e  calquera tramite preciso para o desenvolvemento do memo.

Dende o Concello de Arbo, agradecemos a colaboración prestada pola Xunta de Galicia, que unha vez máis escoitará as demandas deste goberno municipal, para favorecer e mellorar os servizos municipais que se ofrecen os arbenses.

Nas vindeiras semanas procederase a sinatura do convenio entre o Concello de Arbo e Augas de Galicia, e comezaranse cos tramites necesarios para a realización das obras.

A Deputación recoñece o talento da mocidade coa V Gala dos Premios á Xuventude

O talento e o esforzo da xente máis nova da provincia volverán a ser recoñecidos este sábado na quinta edición da Gala dos Premios Provinciais á Xuventude que, organizada pola Deputación de Pontevedra, celebrarase no exterior do Pazo Provincial ás 11 da mañá.

A presidenta Carmela Silva recordou que estes premios  “pretenden estimular e recoñecer a traxectoria da mocidade en diversas actividades así como o seu esforzo e compromiso con todas as disciplinas que premiamos”. No evento tamén se entregarán os diplomas ás e aos gañadores da segunda edición do concurso Reacción polo Clima, cuxa finalidade é promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais realizadas pola xente moza “porque delas e deles vai a depender o compromiso para manter un medio ambiente saudable”.

A gala estará conducida por María Soliño e Mónica Salinero, fundadoras da aplicación de turismo Capptus, e contará coa actuación musical da grovense Carolina Rubirosa Dúo, “unha das artistas con maior proxección en Galicia”. Ademais, nela proxectaranse dous vídeos nos que aparecerán a cantante e actriz pontevedresa Cora Velasco e o deseñador Gabriel Nogueras, formado na cidade de Pontevedra e gañador da XVII edición do premios Mercedes-Benz Fashion Talent pola colección “Fat Man” da súa firma Rubearth, como lembrou a presidenta provincial. “Pretendemos que estes vídeos sirvan para fomentar a participación da mocidade nestes premios e para poñer en valor que cando tes un soño e o persegues convértese nunha realidade, como foi o caso de Gabriel e Cora”.

Este ano presentáronse aos Premios Provinciais á Xuventude 64 proxectos dos que 30 obterán galardón. Os nomes das e dos premiados non se coñecerán ata a gala pero Carmela Silva adiantou que entre estas persoas hai 16 mulleres, 14 homes e 3 centros educativos “porque nas nosas bases é obrigatorio que os premios sexan paritarios”. Todas elas e eles recibirán unha escultura realizada polo alumnado da Escola de Cantería, un acto co que a Deputación tamén recoñece “a esa xente moza que se está preparando para ser canteira ou canteiro”.

O certame, dotado con 32.000 euros, conta nesta edición con nove categorías (iniciativa social, iniciativa empresarial, educación en valores, contido dixital, traballos musicais, traballo literario, banda deseñada, fotografía orixinal e deseño e moda) ás que se presentaron persoas entre 16 e 35 anos coa excepción da categoría de educación en valores, na que ao abrirse aos centros educativos participaron nenas/os e mozas/os de entre 12 e 18 anos. Carmela Silva quixo lembrar tamén ás e aos gañadores da segunda edición do concurso Reacción polo Clima, que o sábado recibirán o seu diploma, no que Lara Cores (Pontevedra) alzouse co primeiro premio por “Adiós ríos, adiós fontes”. Neste certame Manuel Albariñas e Yago Rodríguez (Marín e Pontevedra), que xa gañaran o primeiro premio na edición anterior, acadaron o segundo posto con “Puro Aire”, unha peza na que “visibilizaron que somos os seres humanos os que provocamos a contaminación”. O terceiro premio foi a parar ao Colexio Marcote de Vigo co rap “Antropoceno destrucción”. 

Salvaterra de Miño recolle a Q de Calidade do entorno da fortaleza

Este mércores 17 de novembro, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, xunto coa Directora de Turismo de Galicia, fixeron entrega á alcaldesa de Salvaterra de Miño do recoñecemento de Calidade Turística 2020 ao Entorno da Fortaleza de Salvaterra de Miño.

Este recoñecemento é concedido ao entorno da fortaleza pola súa aposta a prol da calidade turística, no cumprimento dos requisitos das normas que o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) establece acadando a marca Q de Calidade Turística.

A marca “Q” de Calidade Turística é un certificado de calidade dirixido ao sector turístico. As empresas ou organismos que obteñen esta Q cumpren unha serie de requisitos específicos en canto a calidade dos seus servicios que as diferencias dos seus competidores e son unha garantía de calidade.

Ponteareas renova o seu convenio con AFAGA para atender ás persoas con demencia neurodexenerativa

O Concello de Ponteareas renovou esta mañá o seu convenio coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheímer e outras demencias de Galicia (AFAGA) para atender ás persoas con demencia neurodexenerativa. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asinou o acordo nunha reunión co presidente da entidade sen ánimo de lucro, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez.

O Concello financiará o programa cunha achega de 6.000 euros que permitirá a AFAGA atender ata un máximo simultáneo de dez persoas usuarias. A rexedora destaca que é o segundo ano consecutivo no que asinamos este convenio “para que as persoas maiores con demencia neurodexenerativa poidan desfrutar da mellor atención para mellorar a súa calidade de vida”.

O convenio inclúe tamén unha serie de obradoiros que teñen como obxectivos específicos manter as capacidades mentais e funcionais o máximo tempo posible, evitar a desconexión e fortalecer as relacións sociais, facilitar un descanso ós coidadores e as súas familias e mellorar o seu estado emocional. Estas actividades desenvolveranse no Centro Asprodico do Concello de Ponteareas na rúa Canedo.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, “quere agradecer a AFAGA o seu traballo pola saúde dos e das nosas maiores”, e lembra que no Concello “sempre camiñaremos da man das asociacións que traballan para mellorar o benestar da veciñanza”.

A Mesa do Camiño reunida esta semana en Tui avaliou a situación actual e as perspectivas no ámbito do Camiño de Santiago

0

A Mesa Local do Camiño reuniuse o pasado martes 16 de novembro na Casa do Concello de Tui, nunha xuntanza presidida polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e na que participaron os representantes dos distintos sectores – aloxamentos, restauración, servizos aos peregrinos, igrexa e movemento asociativo xacobeo – que forman parte da Mesa. Tamén estivo presente un representante de Turismo de Galicia, neste caso Ildefonso de la Campa, director de Administración do Xacobeo. O obxectivo foi avaliar a situación actual e as perspectivas no ámbito do Camiño de Santiago e a peregrinación, un sector estratéxico na localidade.

A reunión comezou coa valoración por parte do rexedor tudense, que comezou aportando que, segundo os datos achegados dende a Oficina Municipal de Turismo, no que vai de ano foron atendidos un total de 43.584 visitantes, deles 13.956 peregrinos (32.1%) e 29.628 (67,9%) turistas. No que atinxe aos peregrinos 7.751 (55%) eran de procedencia nacional namentres que 6.205 (44,5%) eran de orixe internacional o que acredita a importante recuperación no número de peregrinos que realizan o Camiño Portugués logo dos meses de pandemia. Enrique Cabaleiro informou tamén do desenvolvemento dos plans municipais de apoio ao sector, comunicando que as axudas Reactiva II supuxeron unha achega de 238.686,86 euros por parte do Concello dirixidas aos establecementos comerciais, hostaleiros e negocios afectados polo peche perimetral e a conseguinte baixa de facturación.

Comentou tamén outras accións arredor do Camiño, dende o mantemento da súa traza, ao impulso de actividades (como exposicións, edición do material didáctico e divulgativo sobre a peregrinación de León de Rosmithal, o Foro do Camiño Portugués, etc.) así como os proxectos de futuro con incidencia na ruta xacobea ao seu paso por Tui: humanización da fronteira e Avenida de Portugal proxecto do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, creación do centro Cárcere Vello de acollida a visitantes e peregrinos incluído no Plan Nacional Xacobeo 2021-2022 do Ministerio de Industria e Turismo xunto con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia ou a inmediata actuación nas rúa Antero Rubín e Cóengo Valiño cun investimento superior aos 800.00 euros.

Tamén se informou sobre o funcionamento do perfil “Camiño Portugués Tui” principalmente en facebook e tamén en instagram. O grupo de facebook conta con máis de 4.100 membros e unha grande actividade, con máis de 500.000 visualizacións nos últimos meses.

O representante de Turismo de Galicia, Ildefonso de la Campa, informou da próxima presentación do Plan Director do Camiño de Santiago, así como das medidas impulsadas dende a Xunta de Galicia a prol do sector e da reactivación das rutas xacobeas.

De seguido houbo unha quenda de intervencións dos asistentes que incidiron na necesidade de incrementar a promoción da cidade e especialmente na súa preocupación polos problemas de mobilidade en transporte público que afectan á nosa cidade pois é moi dificultoso chegar a Tui tanto dende Santiago como dende Porto o que incide negativamente na competitividade turística da cidade.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, manifestou a súa satisfacción por esta reunión pois permitiu coñecer de primeira man a situación deste sector e continuar o traballo que se impulsa a través da Mesa do Camiño de Santiago en Tui de cooperación entre os diversos sectores implicados.

A nova biblioteca de Nigrán reunirá o venres a Pedro Feijoo cos seus lectores

0

A nova Biblioteca de Nigrán (Estrada pola Vía, 118) acolle este venres 19 de novembro ás 20:00 horas un encontro do escritor Pedro Feijoo cos lectores interesados en falar da súa obra ou de literatura en xeral. O propio novelista vigués, un dos autores galegos que máis éxito de público e crítica colleita, subliña o seu interese en “manter unha conversa tranquila e amigable na que vaian xurdindo temas ou preguntas”. Neste foro, o primeiro dun escritor na nova Biblioteca, estará acompañado polo alcalde, Juan González, e participará a librería de Nigrán ‘Paraísos de Papel’ cun stand con exemplares á venda. “Trátase do primeiro encontro e queríamos que o inaugurase Feijoo, pero iremos organizando máis”, avanza o rexedor, Juan González.

Pedro Feijoo (Vigo, 1975), filólogo de formación, desenvolveu durante anos unha intensa labor no ámbito musical como produtor, compositor e músico en grupos como Los Feliz ou Lamatumbá. Neste mesmo terreo, publicou ‘Viva el Fu remol!’ (2005), crónica sobre o presente e as circunstancias do panorama musical galego. Narrador de lectorado fiel e entusiasta, a súa literatura de intriga e aventuras enfeitiza aos seus seguidores pola capacidade para xerar historias de acción trepidante e personaxes cos que resulta fácil empatizar. Esa é a razón de que títulos como Os fillos do mar (2012) ou A memoria da choiva (2013) ―ambos Premio Arcebispo San Clemente e o primeiro tamén Premio Frey Martín Sarmiento― atópense entre os máis vendidos en Galicia e mesmo fosen traducidos a outros idiomas.

O seu último libro, ‘Un lume azul’ (2019), é unha apaixonante e intensa novela escrita con ese arrebato ao que nos ten afeitos o autor, quen, como é habitual, ten colleitado excelentes críticas e gran acollida por parte do público. Esta novela editada por Xerais é a historia dos corpos sen vida. Unha trama de suspense que nos arrastra ata posuírnos, da que é preferible non saber nada previamente, mesmo evitando que ninguén nos desvele nada sobre ela, e gardar para nós o pracer de descubrir, de golpe, cal é a verdadeira historia que aquí se agocha. Dura, por veces mesmo violenta, pero tamén emotiva e, sobre todo, imprevisible, ” Un lume azul ” é unha apaixonante e intensa novela de Pedro Feijóo, escrita con ese arrebato ao que nos ten afeitos.

Tomiño pide a colaboración cidadá para redactar un plan de emerxencia contra a seca

0

O Concello de Tomiño pedirá a colaboración da cidadanía para a confección do Plan Municipal de Emerxencia e Xestión do Risco de Seca que está levando a cabo co apoio económico de Augas de Galicia, co obxectivo de establecer as accións a desenvolver en caso de que se produzan situacións de falta de auga.

Neste proceso participativo haberán de participar as entidades ou organismos tales como asociacións de veciños, organizacións ambientais, asociación de comerciantes e empresarios, cooperativas agrarias, grandes consumidores de auga do municipio, medios de comunicación locais, etc.

Ademáis das entidades que o Concello propoña, recoméndase tamén a participación de Augas de Galicia como organismo de conca e das empresas privadas implicadas no servizo de xestión e mantenemento da rede. 

Este proceso participativo se realizará de xeito telemático a través de dous obradoiros: un entre os días 18 e 21 de novembro, e outro entre o 23 e o 25 de novembro. Pódese acceder aos obradoiros desde este enlace https://planemerxenciaseca.gal/tomino.

As dúbidas e información adicional pódense remitir ao departamento de medio ambiente a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono do Concello: 986 62 20 01/03.

A Casa da Cultura acolle a presentación do libro «A árbore dos Vagalumes» da redondelá Xulia María Barros

0

A Casa da Cultura de Redondela acollerá, hoxe xoves 18 de novembro, ás 19 horas, a presentación do libro A árbore dos vagalumes de Xulia María Barros, autora natural da parroquia redondelá de Cesantes.

Na presentación, a escritora estará acompañada pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e pola editora Edurne Baines. O acompañamento musical o poñerá a actuación da tamén redondelá Sheila Patricia.

A árbore dos vagalumes, editada por Belagua e con ilustracións de Diego Salgado, é un traballo dirixido ao público infantil e no que a mirada poética e chea de amor dun avo ao seu neto Santi, convidanos a entrar nun mundo máxico, alumeado polo simbolismo dos vagalumes e o coidado dunha árbore marabillosa. Santi descubrira nese mundo a historia da Illa de San Simón, que ve desde a sua casa, e comprendera o valor da memoria e a necesidade de non esquecer de onde vimos.

Ponteareas inaugura o próximo sábado o seu Museo do Corpus a ceo aberto

O Concello de Ponteareas inaugura o próximo sábado o Museo do Corpus a ceo aberto, o primeiro de Galicia, e que grazas á tecnoloxía converterá as rúas da vila do Tea no escenario perfecto para desfrutar da arte floral durante todos os días do ano. O acto de partida terá lugar ás 17.15 horas no Salón de Plenos do Concello e rematará cunha visita guiada polo Museo a ceo aberto nas rúas de Ponteareas. As persoas interesadas en asistir ao acto deben chamar ao 637 72 43 01 ou escribir un correo a [email protected].

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, anima á veciñanza e turistas a desfrutar “do noso patrimonio cultural” escaneando con calquera dispositivo móbil os códigos QR repartidos ao longo do percorrido do Corpus. Desta maneira, destaca a rexedora, a persoa pode vivir e coñecer de primeira man “a nosa cultura e o legado dos nosos antepasados”.

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, explica que dende o Concello optaron por esta iniciativa porque “o Corpus vívese nas rúas e non podiamos crear un museo que metera este arte floral entre catro paredes”. Neste museo poderá desfrutar dos deseños de alfombras, de vídeos, entrevistas, imaxes en 360º da rúa… Un contido atractivo, orixinal e dinámico que dará protagonismo á veciñanza, acollerá contidos de gran valor social, perpetuará esta arte efémera no tempo e, á súa vez, potenciará a revitalización do comercio.

Covelo consigue un 75 % de aforro enerxético cunha axuda xestionada pola Deputación

0

O concello de Covelo veu renovada parte da súa iluminación exterior grazas aos fondos FEDER xestionados pola Deputación de Pontevedra, cos que acadou un aforro enerxético de preto do 75% nos lugares nos que se realizaron as actuacións. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, achegouse ao concello para coñecer de preto as obras, que contaron cun orzamento de 45.350 euros financiados nun 80% polo IDAE, en compañía do   alcalde do municipio, Juan Pablo Castillo, e a tenente de alcalde, Lourdes Enes.

Grazas a estes fondos actuouse en 12 zonas do concello da comarca da Paradanta. Nelas substituíronse 156 puntos de luz nos que se empregaban luminarias de vapor de sodio por outras de tecnoloxía LED, máis respectuosa co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Deste xeito pasouse de empregar luminarias cunha potencia de entre 70 e 250 W a outras cunha potencia instalada de entre 3,5 e 27,7 W.

A institución provincial continúa así a actuar en liña en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 -cuxo sétimo fito é garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna- ao tempo fai unha labor de concienciación social a prol de reducir a pegada de carbono na provincia.

A Deputación xestionou estas axudas europeas para renovación de iluminación exterior diante do IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria de subvencións para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España. Neste marco estanse a rematar nestas datas outros dous lotes de obras de mellora da eficiencia enerxética das iluminacións públicas das Neves, O Rosal, O Porriño, Poio, A Illa de Arousa, Silleda e Moaña.

Nigrán ofrece un roteiro de identificación de cogumelos este sábado

0

O Concello de Nigrán, como cada outono, organiza este sábado 20 de novembro un roteiro micolóxico polo futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas (parroquias de Camos e Chandebrito).

O punto de encontro para a saída será ás 11:00 horas desde a Igrexa de Camos (onda o cemiterio) e terá unha duración aproximada de dúas horas. Os participantes deben levar calzado e roupa axeitados.

A actividade, guiada por un educador ambiental, constará do citado roteiro cunha análise do bosque de ribeira e toda a contorna do futuro parque forestal, busca e identificación de cogumelos, consellos para a súa recollida e información sobre a súa importancia para os ecosistemas. Os asistentes recibirán ademais un calendario de eclosión dos cogumelos comestibles máis habituais.

Sae do prelo o número 7 de Castellum Tyde, a revista de investigación do Instituto de Estudos Tudenses

0

O luns pola mañá o presidente do Instituto de Estudios Tudenses, Xavier Añoveros, entregou ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, un exemplar no novo número de “Castellum Tyde”, a revista que edita o Instituto de Estudios Tudenses co patrocinio do Concello de Tui.

Con este tomo a revista de estudios acada o seu sétimo número, motivo de gran satisfacción para o presidente do Instituto pois testemuña unha continuidade no traballo que ven desenvolvendo esta entidade que agrupa a preto dunha trintena de estudosos e investigadores. Ao tempo agradeceu a sensibilidade do Concello de Tui e do seu alcalde, Enrique Cabaleiro, por manter o patrocinio desta publicación que enriquece o coñecemento da nosa cidade, da súa historia e o seu patrimonio.

Para o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, resulta unha satisfacción comprobar como a cidade de Tui e o seu acervo cultural continúan xerando novos estudos e traballos de investigación que nos permiten coñecer e, consecuentemente, valorar e apreciar a dimensión histórica e patrimonial da nosa cidade. Enrique Cabaleiro agradece o traballo do Instituto de Estudios Tudenses pola calidade deste novo número da revista “Castellum Tyde”.

Pola súa banda, Xavier Añoveros informa que no vindeiro mes de decembro terá lugar un acto público de presentación da revista, no que conta participen os colaboradores neste novo número – tanto os que son membros do Instituto de Estudios Tudenses como aqueles outros que enviaron as súas achegas e estudos-. Entre os traballos publicados neste número sete, dedicado á lembranza do cronista oficial de Tui Manuel Fernández Valdés Costas, salientan o artigo do Club Espeleolóxico Maúxo sobre as Covas da Trapa – Ribadelouro onde dan a coñecer este singular monumento natural, María Gloria de Antonio Rubio, do Instituto de Estudios Galegos “P. Sarmiento” – Csic, realiza una “Revisión da presenza xudía en Tui” ou Jesús Pemán García,  Antonio Morcillo San Juan, Antonio e Juan Picos Martín ofrecen un estudio sobre a traxectoria de Rafael Areses Vidal, “un forestal galego incansable. Publícanse tamén traballos de Ernesto Iglesias, Suso Vila, Xavier Añoveros, e así ata quince traballos.

Relación de artigos no nº 7 de “Castellum Tyde” revista do Instituto de Estudios Tudenses:

  1. Sánchez Bargiela, Rafael: Manuel Fernández-Valdés Costas
  2. Clube Espeleolóxico Maúxo: Patrimonio natural e cultural das Covas da Trapa, Ribadelouro, Tui
  3. Iglesias Almeida, Ernesto: Notas sobre os estilos románicos e góticos tudenses
  4. Hidalgo Cuñarro, José Manuel: Reflexiones sobre las fortalezas medievales de la antigua provincia de Tui. Estado de la cuestión.
  5. Antonio Rubio, Maria Gloria de: Revisión de la presencia judía en Tui
  6. Vila, Suso: Pelames e aloques. A artesanía do coiro en Tui.
  7. González Pérez, Clodio: Unha copia da legenda B. Petri Confessoris (San Telmo) do historiador e haxiografo  crecetense Gregorio de Lobariñas (1608)
  8. Añoveros y Trias de Bés, Xabier: La hidalguia urbana en Galicia
  9. González, Miguel Ángel: El libro de fábrica de la Catedral de Tui de 1718 a 1774. Notas artísticas y curiosas.
  10. Vázquez Ramil, Raquel y Porto Ucha, Anxo Serafín: Pleito del voto de Santiago. Tomiño. 1757. Una aproximación documental al período 1751-1763.
  11. González Lopo, Domingo L.: Devociones y emigración: Ntra. Sra. de la Peña de Francia, un culto mariano alfacinha en tierras tudenses (siglos XVIII-XIX)
  12. Gonzalez Piñeiro, Luis Manuel: Santa María de Luneda. Evolución arquitectónica de una iglesia sanjuanista
  13. Pemán Gatrcía, Jesús, Morcillo San Juan, Antonio e Picos Martín, Juan: Rafael Areses Vidal, un forestal gallego incansable
  14. Bouzón Gallego, Avelino: La devoción al Sagrado Corazón de Jesús y el centenario de la consagración del Seminario de Tui (1921-2021)
  15. Bugarín González, Rosendo: Un pasosoble inédito de Faustino Temes

O Festivaliño chega a Baiona e Sabarís

0

A vindeira fin de semana chega o “Festivaliño” a Baiona. Trátase dun pequeno gran festival, un proxecto de distribución, exhibición e creación de cine infantil para nenos e nenas.

O obxectivo é propiciar unha nova xanela de exhibición de pezas audiovisuais para nenos e nenas, público infantil de 0 a 12 anos, achegando novos contidos audiovisuais dunha maneira lúdica á par que didáctica. Os participantes poderán visitar a caravana do festivaliño e poderán desfrutar doutras actividades .

O sábado realizarase en Sabaris, no Multiusos do Mercado e o domingo na alameda Carabela Pinta en Baiona. Haberá dúas sesións de mañá en horario de: 11:00 a 12:00h  e de 12:00h a 13:00h e dúas de tarde: de 16:30h a 17:30h e de 17:30h a 18:30h. Non é necesaria inscrición, poderase acceder até completar aforo. A actividade que é gratuíta está enmarcada no programa Novembro Lila, organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona e subvencionado pola Deputación de Pontevedra, no marco da Liña dúas do Plan Concellos 2021.

O Concello do Rosal lembra que as biotrituradoras municipais están disposición da veciñanza

0

O Concello do Rosal lembra á veciñanza que as biotrituradoras municipais están a súa disposición para xestionar os seus restos vexetais. As persoas que o desexen poden solicitala na web da concellería de Medio Ambiente de maneira gratuíta indicando a data de recepción e a de devolución, tendo en conta que o tempo máximo de préstamo é dunha semana por cada solicitude. A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza a “aproveitar este servizo en troques das queimas, moito máis nocivas co medio ambiente e menos rendibles”.

O Concello creou este servizo para dar unha saída sostible aos seus restos vexetais. A concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, explica que no Rosal xéranse unhas 230 toneladas deste tipo de restos ao ano. “Non queríamos que rematen co lixo normal ou que sexan queimados” e, por iso, “cedemos as biotriturados para que a veciñanza poda triturar os teus propios restos vexetais de xeito cómodo e de balde”, conclúe.

O equipo da concellería de Medio Ambiente lembra que as biotrituradoras funcionan con restos leñosos procedentes de podas domiciliarias: ramas de árbores froiteiras, viña, árbores ornamentais, restos de xardinería… Pero non son aptas con herba, restos de flores, follas, plantas arrincadas, cepellón, restos de madeiras procedentes de mobles e materiais duros tales como ferros, pedras… Tamén aproveita para lembrar aos veciños e veciñas que conten cun composteiro individual que os restos leñosos triturados son “un estruturante ideal” para empregar no composteiro.