O Pleno do Consello Municipal da Infancia e a Adolescencia de Redondela, reunido na mañá de hoxe no Multiúsos da Xunqueira –lugar de celebración habitual dos Plenos da Corporación Municipal– baixo a presidencia da alcaldesa Digna Rivas, puxo enriba da mesa as principais preocupacións dos mozos e mozas que, ao longo da sesión, foron trasladadas ao Goberno para o seu estudo e posta en marcha.
Digna Rivas agradecía, ao comezo do Pleno “o enorme traballo que estades facendo dentro do Consello Municipal da Infancia e a Adolescencia, reuníndovos cada quince días para propoñer e estudar propostas que redundan en beneficio de toda a cidadanía”.
Antes de comezar a debater a Orde do Día, a alcaldesa deulles conta do punto en que se encontraban algunhas das propostas que se realizaron na anterior reunión “e que se están a desenvolver neste momentos como os asfaltados de camiños e os novos parques nos que se están aplicando medidas para a accesibilidade”.
As propostas presentadas polos e polas representantes do CEIP Alexándre Bóbeda (Iris e Hugo); CEIP Porto Cabeiro (Raúl e Mª Teresa); CPR Colexio Vigo (Xiana e Miguel); IES Chapela (Laura); IES Illa de San Simón (Lúa); IES Mendiño (Carla) e IES Pedro Floriani (Guillermo), deixaron ao descuberto unha infancia e mocidade con inquedanzas, mesturadas con preocupación, polo medioambiente, a mobilidade, a cultura e o deporte.
Así, a necesidade de dotar a Redondela dun carril bici do que carece, foi unha das propostas persentadas pola grande maioría dos asistentes ao Pleno do Consello, ao igual que a necesidade de incrementar os puntos de reciclaxe e impartir cursos sobre este tema nos centros escolares. Púxose sobre a mesa, seguindo o exemplo doutros países, a proposta de ‘incentivar’ a reciclaxe a través vales desconto nas compras por certa cantidade de material reciclado ou da instalación de papeleiras específicas para as máscaras de protección e que, con demasiada frecuencia, aparecen tiradas polo chan.
Non faltaron as ideas que levan incluído traballo de voluntariado, nas que mozos e mozas amosáronse dispostos a contribuír na limpeza de praias e espazos verdes que contribúan. A mobilidade é outra das preocupacións da mocidade redondelá, tal e como se puxo de manifesto no Pleno ao expresar a necesidade de incrementar o transporte público coas parroquias para diminuír o uso dos vehículos privados e, polo tanto, as emisións de CO2.
Actividades culturais para a mocidade, obradoiros da máis diversa índole, realización de actividades e eventos ao aire libre e en contacto coa natureza, incrementar as charlas para fomentar a igualdade, cursos de teatro ou cociña, lugares de ocio cuberto onde se poida reunir a mocidade nos días de choiva, pistas deportivas, incrementar a limpeza nos parques, visibiliar as e aos artistas de Redondela nas súas diversas facetas, exposicións, concertos didácticos e a necesidade de introducir innovacións tanto no Festival de Títeres como na Festa do Choco “para seguir mantendo o interese, sobre todo no tocante as actuacións que se levan a este último evento”, foron algunhas das múltiples propostas presentadas ao longo deste pleno.
Olga García Ballesteros, que asegurou “estar orgullosa” da infancia e mocidade redondelá, animou as e aos participantes a seguir traballando. Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas, lembrou que as propostas que realizan nestas reunións de traballo, “son tomadas moi en serio polo Goberno local de cara a convertelas nunha realidade” como se fixo, cómpre salientalo, co parque de calistenia “que foi unha das vosas ideas”, dixo a rexedora local.