9.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaO Concello de Oia presenta as súas alegacións contra o parque eólico...

    O Concello de Oia presenta as súas alegacións contra o parque eólico Albariño I

    Pide a retirada definitiva polo seu impacto negativo sobre os valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos das zonas de afección, na Serra da Groba

    O Concello de Oia presentou este xoves as súas alegacións en contra do proxecto de parque eólico Albariño I, tendo en conta o seu impacto ambiental, patrimonial e sobre a paisaxe; entre outras cuestións. O proxecto do parque eólico Albariño I afecta a tres municipios: Oia, Baiona e Tomiño e prevé, en total, a instalación de 6 aeroxeradores. A Administración oiense contratou un técnico externo para estudar este proxecto a fin de presentar alegacións en contra.

    Concretamente, a análise do estudo de impacto ambiental (EsIA) do parque eólico Albariño I permitiu detectar unha serie de eivas e erros que cuestionan a viabilidade da iniciativa. Nesta liña, o proxecto xera afeccións significativas á Serra da Groba, espazo de referencia en Galicia polo seu gran valor natural e paisaxístico.

    Os impactos máis graves prodúcense no ámbito hidrolóxico, con numerosas afeccións a cursos fluviais e a calidade das augas, entre as que destaca a localización de tres aeroxeradores e os seus correspondentes viarios e gabias no interior do perímetro de protección de augas mineiro-naturais Aguasana 2.

    Tamén se teñen constatado afeccións no ámbito paisaxístico, xa que o proxecto sitúase no interior do espazo catalogado como Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP); e no ámbito da biodiversidade, dadas as afeccións que a construción do parque provocaría na avifauna do entorno e nos hábitats de interese comunitario, entre os que destacan tres charcas temporais, de gran relevancia polos seus altos valores biolóxicos.

    Estas afeccións combínanse, ademais, cuns efectos sinérxicos e acumulativos derivados de outros parques eólicos proxectados na Serra da Groba, como son o PE Toroña e o PE Torroña I.

    A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, incidiu en que a alegación pide a “retirada definitiva” do proxecto por ser incompatible con valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos, e tamén polo rexeitamento social que provoca. Así mesmo, lembra que a fragmentación en distintos proxectos sectoriais imposibilita avaliar correctamente, no seu conxunto, a totalidade de infraestruturas eólicas, poñendo un “sesgo de información pública á cidadanía e outras administracións”.

    Alegacións accesibles na web

    O documento de alegacións presentado polo Concello de Oia consta dun total de 38 páxinas e pode consultarse na propia web municipal, no apartado específico dedicado ao parque eólico Albariño I: https://www.concellodeoia.es/albarino-i/

    Así mesmo, o Concello irá informando puntualmente sobre outros proxectos eólicos que teñan afección no municipio.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.