15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizCortados cinco dos icónicos tileiros da praza de Mondariz polo seu deteriorado...

    Cortados cinco dos icónicos tileiros da praza de Mondariz polo seu deteriorado estado de conservación

    Con esta acción, o Goberno municipal segue as recomendacións dun informe técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro que alertaba da necesidade de substituír ou eliminar algunhas das árbores

    Á vista do estado de conservación das árbores da Praza de España, o Goberno municipal de Mondariz tomou a decisión de cortar as cinco máis danadas para evitar riscos en materia de seguridade. Durante a xornada laboral do xoves, varios operarios municipais completaron a tarefa coa axuda de dous vehículos con guindastres. Unha vez derrubados, os pés das árbores amosaban un estado de podremia interna que xustificaba a medida.

    A operación, con todo, provocou reaccións dispares entre a veciñanza que era testemuña directa ou indirecta da mesma a través das redes sociais, xa que os tileiros que rodean a praza son moi queridos.

    “Cortar árbores nunca é unha decisión doada, pero había que ser prudentes. Non se podía esperar a que houbera caídas de ramas ou mesmo pés para actuar, cando xa tiñamos informes técnicos que recomendaban substituír e mesmo eliminar algúns dos tileiros porque a podremia interna estaba demasiado avanzada”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    En 2020, a resposta dunha solicitude expresa do alcalde de Mondariz, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro realizou unha avaliación técnica do estado dos icónicos tileiros da Praza de España, no que se corroboraba a diagnose dun estudo previo emitido no ano 2015: unha perigosa tendencia á podremia nos pés das árbores, derivada das podas feitas durante anos para darlles unha estrutura artificial de candelabro.

    Despois dunha avaliación visual preliminar dos 35 tileiros da praza, no informe técnico recomendouse substituír e eliminar alomenos catro pés, manter a vixilancia sobre outros 25 pés por diferentes niveis de risco, ir substituíndo ou mesmo eliminando os pés máis desequilibrados, sanear aqueles tileiros que presentaran máis ramas secas e defectos estruturais, e separar o empedrado das proximidades das árbores.

    O asunto do estado dos tileiros da Praza de España e a necesidade de actuar para manter a seguridade do lugar foi tratado na última Comisión de Urbanismo celebrada no Concello de Mondariz. Malia que este concello realiza un seguimento periódico do estado de conservación das árbores, como demostran os informes técnicos mencionados, a recente caída dunha árbore no veciño Concello de Mondariz-Balneario, que deixou unha persoa morta e varias máis feridas, alertou da necesidade de tomar medidas inmediatas para previr catástrofes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.