“Un programa para todas as idades, equilibrado nos seus contidos, dirixido ao público familiar e cun claro protagonismo das nenas e nenos que son os que con máis intensidade e ilusión viven estas datas”. Así cualificou a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, o programa de Nadal 2021-2022 que hoxe foi presentado pola propia concelleira e a alcaldesa Digna Rivas.
Música, teatro, baile, festas, exposicións e obradoiros de Nadal forman parte dun programa que se iniciará o 27 de novembro, co acendido do alumeado de Nadal e rematará o día 15 de xaneiro, xa no 2022, coa actuación do Coro Tradicional Pecios de Rande no multiúsos da Xunqueira.
Entre esas dúas datas, actividades case que diarias e nas que se volve a apostar por iniciativas que foron postas en marcha polo Goberno local no momento da súa chegada ao Concello –o a videochamada dos Reis Magos, o videosaúdo personalizado de Papá Noel ou as visitas á Casa de Papá Noel– e que foron acollidas cun éxito que mesmo superou as previsións máis optimistas.
O programa iniciarase oficialmente o día 27 de novembro ás 18:30 horas co acendido do Alumeado de Nadal que non se cinguirá soamente ao acendido propiamente dito, senón que terá actividades paralelas como o espectáculo Lumen: xigantes da luz de Yara teatro, a presenza da Coca Simona e de “moitas sorpresas” e que se desenvolverán na Alameda Castelao e a rúa Alfonso XII.
Un día despois, o 28 de novembro ás 18:30, terá lugar o acendido do Alumeado de Nadal de Chapela, que terá lugar na Alameda de Rosalía de Castro e contará coas mesmas actividades que o de Redondela.
Precisamente a Alameda Castelao será o lugar no que, dende o día 28 de novembro, queden instaladas as atraccións infantís e que permanecerán durante todas as festas de Nadal.
A partir de ahí teatro infantil, festival de outono Airiños do Mar de Teis e teatro para adultos (a única actividade dirixida únicamente ao público adulto de todo o programa), irán ocupando espazos ata chegar as actividades “estrela” do programa.
Así, a partir do 8 de decembro, nenas e nenos poderán ver un videosaúdo personalizado de Papá Noel en nadalenredondela.com. e, dous días despois, a partir do 10 de decembro, cativas e cativos poderán inscribirse en barafundaanimacion.com para recibir, en directo, unha videochamada dos Reis Magos.
Xa o día 17 de decembro, nenas e nenos poderán visitar a Casa de Papá Noel que, como en anos anteriores, quedará instalada na Alameda Castelao. Os horarios de visita, para evitar aglomeracións, serán de 17 h a 19:30 horas dende o 17 de decembro ao 23 de decembro. O día 24 de decembro o horario ampliarase a mañá e tarde, de 11 h a 14 horas e de 16:30 h a 19:30 horas.
Estas tres actividades, tal e como explica a alcaldesa Digna Rivas, “superaron con creces as previsións máis optimistas que tíñamos e supuxeron unha novidade para os nenos e nenas” polo que, engade a rexedora local “supón un incentivo para ir engadindo, ano tras ano, novas actividades que teñan ás e aos máis pequenos como protagonistas”.
Precisamente este ano, o programa estreará outra actividade coa cativada como protagonista: a Festa Infantil de Fin de Ano, que se desenvolverá o 31 de decembro, de 11 h a 13 horas na Alameda Castelao de Redondela, e na Alameda Rosalía de Castro de Chapela.
A alcaldesa quixo agradecer “o enorme esforzo realizado pola Concellería de Cultura e a súa concelleira, Iria Vilaboa”, ao conseguir artellar a un programa “capaz de agradar a público de todas as idades” e que, ao mesmo tempo, “dálle enorme protagonismo aos nenos e nenas que viven estas datas con especial intensidade”.
Non esqueceu Digna Rivas en facer un chamamento á responsabilidade “á hora de non baixar a garda no que as medidas de seguridade sanitaria fai referencia”. A Covid, lembrou a alcaldesa de Redondela, “deixounos a experiencia de un Nadal estraño, case que sen ledicia. Agora podemos volver a retomar as celebracións como teñen que ser e na nosa man está o poder seguir avanzando cara á normalidade”.
Redondela presenta un programa de Nadal 2021-2022 “para todas as idades”
A Concellería de Cultura volve a apostar por actividades como a video chamadados Reis Magos, o video saúdo personalizado de Papá Noel ou a Casa de Papá Noel que, na súa posta en marcha antes da pandemia, foron todo un éxito de participación