11.8 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación recoñece o talento da mocidade coa V Gala dos Premios...

    A Deputación recoñece o talento da mocidade coa V Gala dos Premios á Xuventude

    A cita terá lugar este sábado ás 11.00 horas no exterior da Deputación e nela desvelaranse as e os gañadores dos Premios Provinciais e se fará entrega dos diplomas do II Concurso Reacción polo Clima

    O talento e o esforzo da xente máis nova da provincia volverán a ser recoñecidos este sábado na quinta edición da Gala dos Premios Provinciais á Xuventude que, organizada pola Deputación de Pontevedra, celebrarase no exterior do Pazo Provincial ás 11 da mañá.

    A presidenta Carmela Silva recordou que estes premios  “pretenden estimular e recoñecer a traxectoria da mocidade en diversas actividades así como o seu esforzo e compromiso con todas as disciplinas que premiamos”. No evento tamén se entregarán os diplomas ás e aos gañadores da segunda edición do concurso Reacción polo Clima, cuxa finalidade é promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais realizadas pola xente moza “porque delas e deles vai a depender o compromiso para manter un medio ambiente saudable”.

    A gala estará conducida por María Soliño e Mónica Salinero, fundadoras da aplicación de turismo Capptus, e contará coa actuación musical da grovense Carolina Rubirosa Dúo, “unha das artistas con maior proxección en Galicia”. Ademais, nela proxectaranse dous vídeos nos que aparecerán a cantante e actriz pontevedresa Cora Velasco e o deseñador Gabriel Nogueras, formado na cidade de Pontevedra e gañador da XVII edición do premios Mercedes-Benz Fashion Talent pola colección “Fat Man” da súa firma Rubearth, como lembrou a presidenta provincial. “Pretendemos que estes vídeos sirvan para fomentar a participación da mocidade nestes premios e para poñer en valor que cando tes un soño e o persegues convértese nunha realidade, como foi o caso de Gabriel e Cora”.

    Este ano presentáronse aos Premios Provinciais á Xuventude 64 proxectos dos que 30 obterán galardón. Os nomes das e dos premiados non se coñecerán ata a gala pero Carmela Silva adiantou que entre estas persoas hai 16 mulleres, 14 homes e 3 centros educativos “porque nas nosas bases é obrigatorio que os premios sexan paritarios”. Todas elas e eles recibirán unha escultura realizada polo alumnado da Escola de Cantería, un acto co que a Deputación tamén recoñece “a esa xente moza que se está preparando para ser canteira ou canteiro”.

    O certame, dotado con 32.000 euros, conta nesta edición con nove categorías (iniciativa social, iniciativa empresarial, educación en valores, contido dixital, traballos musicais, traballo literario, banda deseñada, fotografía orixinal e deseño e moda) ás que se presentaron persoas entre 16 e 35 anos coa excepción da categoría de educación en valores, na que ao abrirse aos centros educativos participaron nenas/os e mozas/os de entre 12 e 18 anos. Carmela Silva quixo lembrar tamén ás e aos gañadores da segunda edición do concurso Reacción polo Clima, que o sábado recibirán o seu diploma, no que Lara Cores (Pontevedra) alzouse co primeiro premio por “Adiós ríos, adiós fontes”. Neste certame Manuel Albariñas e Yago Rodríguez (Marín e Pontevedra), que xa gañaran o primeiro premio na edición anterior, acadaron o segundo posto con “Puro Aire”, unha peza na que “visibilizaron que somos os seres humanos os que provocamos a contaminación”. O terceiro premio foi a parar ao Colexio Marcote de Vigo co rap “Antropoceno destrucción”. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.